13 abr 2014

A Igrexa hoxe: situación e alternativas (04)



01.- Hipercriticismo e hipotolerancia á crítica

A verdade faravos libres1

Fernando de Valdés e Salas
Pretendemos demostrar neste apartado que as diversas confesións relixiosas, especialmente as do libro - xudaísmo, cristianismo, islamismo-, son hipercríticas e belixerantes coas demais faccións da mesma confesión, coas demais relixións e cos valores da sociedade contemporánea que non coinciden cos seus, e hipotolerantes á crítica exercida polos demais, utilizando así unha dobre vara de medir.

Dicía un grande teólogo, Yves Congar (19004-1995), na súa obra Verdadeiras e Falsa Reformas da Igrexa, obxecto por certo, de duras críticas por parte das hierarquías católicas, e que complicou a súa situación por dar apoio aos máis desfavorecidos, obrigándoo a retirarse da docencia, que o grave é pecar, non recoñecer o pecado. O silencio cómplice da Igrexa coa corrupción intraeclesial e a desmemoria histórica, ten como finalidade ocultar o que pasou, non sexa que a confesón se converta, din, en motivo de escándalo. Calquera entidade humana ten que ser capaz de afrontar o seu pasado, recoñecelo para non volver a repetilo, e facer propósito de emenda cara ao futuro. É moi frecuente que os aderentes as diversas relixións, vexan confabulacións, maquinacións e propósitos obscuros en toda persoa que pretenda indagar no seu pasado ou presente e costuman sentirse molestos e inclusive moitas veces violentos se se lles critica a súa relixión. Algúns alegan que a relixión está ligada a fondos sentimentos, afectos e apegos que cumpre respeitar. Creo que quen así fala, no fundo está a reclamar para si proprio un estatus de opacidade, unha especie de apartheid anticrítica, á longa tremendamente negativo para calquera  persoa ou institución. Os sentimentos son moi lexítimos, mais tamén deben ser modulados para que deixen cabida á libre manifestación das ideas. Eu que fun profesor moitos anos e que estaba moi identificado coa miña profisión, costumaba criticar acerbamente a situación da educación no noso país, que era a que coñecía ben. Ora ben, que cualificación merecería eu se me opuxer a que se criticase o noso labor so pretexto de sentimentos persoais? Estaría, evidentemente, negando os direito á liberdade de pensamento e expresión, perturbando o controlo social do ensino, e irrogando un grave dano á longa ao mesmo ensino, porque impediría que se recoñecesen e se remediasen as deficiencias, que sempre hai en toda obra humana. Alén diso, esta pretensión a un estatus de opacidade, so capa de sentimentos, sería críbel se os que a aducen actuasen así cos demais, se eles respeitasen os sentimentos dos demais e os seus direitos a disentir. Creo que esa non foi a tónica histórica, principalmente, nas relixións do libro,  que fomentan o pensamento e discurso únicos.

Se alguén considera que un discurso como este é moi crítico, creo que tería toda a razón, mais non se trata de se un é máis ou menos crítico, senón se as ideas que un transmite están ben fundamentadas ou non, se se axustan ou non á realidade. Eu desde logo, agradecería que alguén fixer unha replica a algunha das manifestacións que facemos aquí, e en xeral neste blogue, e se son acertadas, e respeitosas, como pretenden ser estas, non dubidaría en agradecerllo, porque tamén me axudaría a mellorar. Ora ben, debemos ter presente que o futuro non se constrúe sobre a falsificación da historia nen sobre a desmemoria histórica. Polo menos hai que coñecer a historia para non caír nos seus erros, e cada pau debe apandar coa súa vela. Quen fai dano a unha institución calquera, a Igrexa incluída, é a actitude acrítica, o silencio cómplice frente a unha situación inxusta e non a crítica, por moi forte que sexa, sempre que sexa seria, veraz e respeitosa coas persoas. Calar frente á inxustiza é improprio de seres humanos libres e maduros, e a hipotolerancia ante a crítica, impropria de calquera institución dos nosos días. Teñamos en conta, ademais, que se as persoas non falan libre e verazmente, sen intentar contentar a organismos públicos ou privados, falsearíase a ciencia histórica e irrogaríase un grave dano á humanidade. Espero, por tanto, que os meus traballos sirvan, polo menos, como obxecto de reflexión e de verificación dos dados acarretados con obxecto de verificar a súa pertinencia e a fidelidade aos factos, porque a verdade contribuirá á mellora non só da Igrexa, senón de toda a humanidade. Consideramos que a nosa obrigación é manter a nosa fidelidade aos textos e non procurar ou restar apoios para fundamentar ou infirmar as crenzas de nengunha persoa ou institución.

O Islamismo, con motivo da publicación da obra Os versos satánicos, polo escritor  indio Salman Rushdie en 1988, decidiu a emisión dunha fetua, por parte do aiatolá Iomeini, líder espiritual do Irán, incitando a populación islamista a dar morte a calquera persoa relacionada coa publicación da obra, que obrigou a que o citado autor tivese e teña que viver vixilado as 24 horas do día pola policia británica desde entón até os nosos días. Igualmente esta confesón desatou as protestas en diversos países musulmáns, que se saldaron con varias mortes, pola publicación, en 2005, de 12 caricaturas de Maomé, en Dinamarca, polo xornal de direitas Jyllands-Posten, que ilustraban un artigo sobre autocensura e liberdade de expresión, que chamaban a atención sobre o facto de que nengún artista quixer ilustrar os libros infantís dun escritor desta nacionalidade referente a Maomé se non se lle garantía o seu anonimato para preservarse das represalias dos islamistas radicais, porque no Islame está prohibido representar a Maomé, por consideralo idolatría. Varios países musulmáns e a mesma Igrexa Católica, esta supoño por aquilo de «cando as barbas do viciño vexas pelar pon as túas a remollar», entenderon que as citadas caricaturas constituían unha provocación. Esta ameaza contra persoas e meios de comunicación alentou a reacción de varios xornais alemáns, franceses e noruegueses que, en sinal de solidariedade co danés, tamén publicaron as caricaturas. O diario danés Politiken, pola súa parte, informou tamén sobre a negativa de varios ilustradores a colaborar nunha edición sobre a vida de Maomé, da que é autor o escritor infantil,  Kare Bluitgen.

En marzo de 2006 doce intelectuais, tanto europeus como, principalmente de países musulmáns, publicaron un manifesto no que declaran que após  ter superado os totalitarismos fascista, nazi e estalinista, topámonos con unha nova ameaza totalitaria: o islamismo. A alternativa que se lle presenta aos países do mundo occidental é ou ceder a esta ameaza e sacrificar os direitos de liberdade de pensamento, culto e expresión en que se fundamentan as sociedades occidentais, como fruto dunha longa e ardua batalla contra a censura e autocensura estatal e eclesial, ou facer frente a imposición da nova censura por parte dos movimentos integristas. O manifesto perseguía contrarrestar unha corrente de opinión dos países occidentais que, frente a ameazas reais de bombas e represalias comerciais por parte dos países islamistas radicais, optou moitas veces por "temperar gaitas", cando non considerar a publicación como unha ofensa gratuíta aos musulmáns, como declarou Zapatero, ou unha provocación, como manifestaron Chirac e Putin.O problema destas manifestacións políticas consiste en que, de facto, suprimen a liberdade de expresión, porque as ofensas e provocacións sempre encerran un compoñente subxectivo, e parecería que con estas decisións se procura dotar dunha coraza ante a crítica ás confesóns relixiosas. Un estudo histórico sobre calquera líder relixioso, que non comungue coa liña oficial da confesión afectada, podería ser cualificado de ofensa ou provocación, como pasou historicamente. Eu penso que toda crítica relixiosa, política, social, económica, etc. debe ser respeitosa e veraz, e non fomentar a animosidade, polo menos intencionada e gratuitamente, mais sempre que non exclúa poder dicer o que un pensa. Toda crítica que cumpra estas condicións é construtiva e liberadora, porque a verdade, como dicía Xoán o apóstolo, libertaranos, mentres que calar ante a manipulación, a opacidade, a falsidade, escravizaranos. Un dos problemas relevantes no Estado español é a falta de crítica para coas elites dirixentes, que se traduciu nunha corrupción xeneralizada a todos os niveis; e tamén coa mesma Igrexa que a abocou á situación actual de declive, corrupción, opacidade e inmovilismo na que se encontra..

Esta crítica debe estenderse, ao meu ver, a todas as entidades e asociacións, tanto e principalmente as públicas como tamén privadas, pois estas tamén están relacionadas co interese xeral. O sistema financeiro está en mans privadas, mais non nos recatamos de criticar os emolumentos excesivos dos seus dirixentes, entre outras cousas, porque se van mal temos que resgatalos con diñeiro público. Unha entidade que receba diñeiro dos contribuíntes, e aínda máis se desfruta de privilexios socioleconómicos, debe ser submetida a controlo, vixilancia e crítica tanto dos particulares como dos poderes públicos. A Igrexa recebe un tratamento privilexiado do Estado a custa do peto dos contribuíntes, e non debe ser exceptuada da crítica social, tanto referido ao seu estatus asignado como ao rol que desempeña na sociedade. De nada vale dicer, por limitarnos só ao que recebe por IRPF, que esa axuda lla conceden os católicos, porque o que se lle dá sai non só dos católicos que marcan a cruz na declaración, senón de todos os contribuíntes, sexan católicos, ateos, musulmáns, ... A percentaxe de católicos que marcan a cruz determina o montante que se lle tranfire á Igrexa por parte do Estado, e incrementa a cota parte do que todos os cidadáns teñen que acarretar para sanidade, educación, etc. 

Ora ben, cal é o proceder das igrexas, a respeito da crítica aos demais, incluídas as outras relixións? Vou cinxirme á algúns trazos da relixión cristiá, nomeadamente a católica, deixando para outra ocasión falar das demais. O fundador do cristianismo, Xesús de Nazaré, e Xoán o Baptista, non aforraron descualificacións arreo, a respeito das cales se pode disentir da súa respeitabilidade, contra as elites relixiosas xudías, como cando o segundo, “Vendo vir moitos fariseus e saduceus ao bautismo, díxolles: Raza de víboras, quen vos ensinou a fuxir da ira iminente?”2. E Xesús proclamaba: “Porque eu dígovos que se a vosa xustiza non é maior que a dos escribas e fariseus, non entraredes no reino dos ceus”3. “¡Ai de vós, escribas e fariseus hipócritas, que purificades por fóra a copa e o prato, mentres por dentro están cheios de rapina e intemperanza! Fariseu cego, purifica primeiro por dentro a copa, para que tamén por fóra fique pura”4.Ai de vós, escribas e fariseus hipócritas, que fechades aos homes o Reino dos Ceus! Vós certamente non entrades; e aos que están entrando non lles deixades entrar. Ai de vós, escribas e fariseus hipócritas, que recorredes mar e terra para facer un prosélito, e, cando chega a selo, facédelo fillo de condenación o dobre que vós! Ai de vós, guías cegos, que decides: «Se un xura polo Santuario iso non é nada; mais se xura polo ouro do Santuario, fica obrigado”» Insensatos e cegos! Que é máis importante, o ouro ou o Santuario que fai sagrado o ouro?5. “Ai de vós, escribas e fariseus hipócritas, que pagades o diezmo da menta, do endro e do comiño, e descuidades o máis importante da Lei: a xustiza, a misericordia e a fe!. Isto é o que había que practicar aínda que sen descuidar aquilo”6. “¡Ai de vós, escribas e fariseus hipócritas, pois sodes semellantes a sepulcros branqueados, que por fóra parecen bonitos, mais por dentro están cheios de ósos de mortos e de toda imundicia! Así tamén vós, por fóra aparecedes xustos ante os homes, mais por dentro estades cheios de hipocresía e de iniquidade. ¡Ai de vós, escribas y fariseus hipócritas, porque edificades os sepulcros dos profetas e adornades os monumentos dos xustos, e decides: «Se nós tivésemos vivido no tempo dos nosos pais, non teriamos parte con eles no sangue dos profetas! Co cal testemuñades contra vós mesmos que sodes fillos dos que mataron aos profetas!"7, “raza de víboras8, “xeración má e adúltera”9, “Serpentes, raza de víboras, como escaparedes ao xuízo da xehena10. Aos escribas acúsaos de ostentación, hipocrisia e de esquilmar as viuvas. “Guardádevos dos escribas que gostan de pasear con vestidos rechamantes, ser saudados nas prazas, ocupar os primeiros postos nos banquetes; e que devoran a facenda das viuvas so pretexto de longas oracións. Estes terán unha sentenza máis rigorosa11. Tampouco aforrou cualificativos contra o poder político, neste caso contra o gobernante aliado de Roma, Herodes: “Naquel mesmo momento acercáronselle algúns sacerdotes e dixéronlle: «sai de aquí, porque Herodes quere matarte». E el díxolles: «Ide dicer a ese raposo: Eu expulso demos e levo a cabo curacións hoxe e mañá, e ao terceiro día son consumado. Mais convén que hoxe e mañá e pasado siga adiante, porque non cabe que un profeta pereza fóra de Xerusalén»”12. Recomendaba, tamén, aos seus discípulos liberarse da levadura deste gobernante13. Eis manifestacións que eu considero moi duras e que, independentemente da verdade en canto ao fondo, parecen ser fonte de provocación ou polo menos de animadversión pola súa forma. Alén diso, teñamos en conta que moitas veces parecen gratuitas ou, polo menos, non se declaran os motivos polos que lanza estas graves acusacións. Un pode sacar a impresión de que son proclamas contra todo aquel que é escriba ou fariseu, e xeneralizacións contra todas as persoas de calquera asociación poden pecar de exaxeradas e inxustas. Declaracións públicas deste cariz non xustifican a súa morte, pois ningunha morte se xustifica por nengunha causa salvo en caso de propria defensa, mais si que explican, que non xustifican, a animosidade que levou a que se desexase sacalo de en meio e preferir a Barrabás antes que a el. Se alguén fixer declaracións tan graves como estas nos días de hoxe, contra os que ostentan o poder, non podería verse incausado en querelas por inxurias e calumnias? Se a isto acrecentamos que Xesús pretendía afastar os seus discípulos da influencia e doutrina das elites relixiosas14, explica que se orixinase un ambiente moi enrarecido na súa contra. Tamén temos que ter en conta que toda unha serie de persoas que foron vítimas dos castigos da Inquisición, como Giordano Bruno, foron queimados vivos por motivos moito máis fúteis, como afirmar que existía unha pluralidade de mundos.

Xesús, se acreditamos no evanxelista Xoán, predicou unha relixión do amor (Xo. 13, 35), mais ao mesmo tempo, seacreditamos en Mateo, emitiu proclamas que parece que sementaron a discordia a nivel social. "«Non pensedes que viñen trair paz á terra. Non viñen trair paz, senón espada. Sí, viñen enfrentar ao home co seu pai, á filla coa súa mai, á nora coa sú sogra; e inimigos de cada cal serán os que conviven con él. Quen ama a seu pai ou a súa mai máis que a min, non é digno de min; quen ama ao seu fillo ou a súa filla máis que a min, non é digno de min"15. Pedía, ademais, unha adhesión exclusiva, total, incompatíbel con calquera outra: "Quen non está comigo, está contra min, e quen non recolle comigo, desparrama"16. Esta adhesión á súa persoa tamén se presenta como incompatíbel co amor á propria familia, á que ordena aborrecer. "Se alguén vén a min, e non aborrece a seu pai e mai, á súa muller e fillos, aos seus irmáns e irmás, e até a súa propria vida, non pode ser meu discípulo"17. Estas son unhas manifestacións que un desexaría que non fosen emitidas por nengún líder relixioso. Cando estudaba teoloxía en Salamanca impartíranos unhas charlas o que máis tarde sería bispo de San Sebastián, Xosé María Setién, unha mente lúcida e reflexiva. Consulteille sobre este tema, e díxome que estas manifestacións era mellor deixalas. Hai realmente unha mai que poida tomar isto en serio? Cales son as razóns que impulsan a dicer que hai que aborrecer aos pais, esposos e fillos? Cales son os valores que subxacen nisto?

As críticas desapiadadas e, creo que isentas da caridade cristiá, a outras relixións foron constantes desde o mesmo nacimemento do cristianismo. Cando San Paulo manifesta a respeito dos xudeus que "estes son os que deron morte ao Señor e aos profetas e os que nos perseguiron a nós; non agradan a Deus e son inimigos de todos os homes"18, atribuíndo así a todo un pobo, tamén aos que o aclamaron, a incitación, por parte dunha turba manipulada polos hierarcas xudeus, a que fose condenado a morte por Pilatos, porque o xudeus non podían facelo19, non deixa de ser unha evidente e inxusta exaxeración, e non un exemplo de cortesía. E cando a Igrexa reza o día de Venres Santo: "Recemos polo perfidos xudeus: para que Deus retire o veu dos seus corazóns; e recoñezan a Xesuscristo, Noso Señor. Deus omnipotente e sempiterno que non exclúes da túa misericordia a perfidia xudaica", non é precisamente un tratamento de irmandade.

O antisemitismo foi unha corrente sempre presente no seu do cristianimo desde os primeiro tempos, como se reflite nos escritos dos Pais da Igrexa e Escritores Eclesiásticos. Entre todos eles, destaca o bispo de Constantinopla, Doutor da Igrexa e un dos seus máis elocuentes predicadores cristiáns dos primeiros séculos, San Xoán Crisóstomo (347-407), do que saíron textos como estes: "Como poden os cristiáns atreverse a «suster a máis mínima conversación con xudeus», «os máis miserábeis de todos os homes», «homes que son» « ... concupiscentes, rapaces, avaros, bandidos pérfidos». Acaso non son eles «asasinos, destrutores», homes; «posuídos polo demo» a quen a má vida e a embriaguez entregaron aos costumes dos porcos e á cabra concupiscente? Eles só coñecen unha cousa: satisfacer a súa cobiza, emborracharse matar e estropiar...", e continúa o célebre teólogo: "A sinagoga? Non só é un teatro e unha casa de prostitución, senón «unha cova de bandidos», unha « reparación de bestas selvaxes», un lugar de «vergoña e ridículo, o domicilio do demo, como tamén o son as almas dos xudeus» ... En verdade os xudeus adoran o demo; os seus ritos son «criminais e imundos»; a súa relixión é « unha doenza»". "Deus aborrece os xudeus e sempre aborreceu os xudeus... Eu tamén aborezo os xudeus".Este si que é un exemplo de crítica inxusta e destrutiva contra todo un pobo.

Agostiño de Hipona sumouse a esta maré antisemita. "O xudaísmo, desde Cristo, é unha corrupción, efectivamente, «Xudas é a imaxe do pobo xudeu»; o seu entendimento das Escrituras é carnal; eles levan a culpa da morte do Salvador, porque a través dos seus pais eles mataron o Cristo. Os xudeus prendérono, os xudeus insultárono, os xudeus atárono, coroarono de espiñas, deshonrárono escupíndolle, azotárono, amontoaron abusos sobre El, colgárono dun madeiro, atravesárono cunha lanza". Só citamos estes textos, entre inúmeros, dos autores máis notorios representativos do sentir de diversos Pais da Igrexa. Imos refletir agora as decisións dalgún órgao colexial. No I Concilio de Nicea, 325, o imperador Constantino dirixiuse aos bispos con estas palabras: "Nós non desexamos ter nada en común con este pobo tan aborrecíbel, dado que o Redentor marcou outro sendeiro para nós". O Concilio de Viena de 1311, decreta que: :“Nengún xudeu debería ser admitido nun estabelecimento público de baño, nun mesón, ou nunha casa de hospedaxe para viaxeiros”. En breve, o xudeu debe ser evitado “como alguén ferido de praga, con un alento infeccioso, como un perigoso sedutor de quen a fala alberga o veneno do escepticismo e a incredulidade". O terceiro e cuarto Concilio de Orleáns ditou normas que prohibían aos xudeus aparecer nas rúas durante os festivais cristiáns, por constituír unha ofensa para eles.

O Sínodo de la Iglesia Evangélica Luterana do Norte do Elba quere mudar esta situación, pois "Recoñecemos que nos equivocamos. Durante séculos circularon etre nós os cristiáns, e nas nosas igrexas, conceitos falsos e denigrantes sobre os xudeus e a fe xudía".

Os denominados Pais da Igrexa e Escritores Eclesiásticos tiveron sempre unha actitude de defensa frente ao exterior, practicamente todos eles foron apoloxetas, e unha obsesión pola condena do discrepante, quer exteior, como a relixión pagá, quer interior, como as diversas faccións que foron surxindo no seo da Igrexa. É excepcional encontrar algún autor que non teña algún libro titulado «Contra ...» Confrontándoa con unha relixión como o hinduísmo, que non ten dogmas nen emite condenas por cuestións doutrinais e onde cada un pensa o que cre conveniente, o cristianismo é a relixión dos dogmas, das condenas, da exclusión do discrepante, inclusive dos que se confesaban cristiáns. Sería prolixo enumerar os grupos e persoas condenados pola Igrexa, e só vou citar as luitas cainitas entre as dúas principais faccións da Igrexa dos primeiros séculos: os que logo recebirían o título de católicos e os arianos, con un Santo Atanasio atizando o odio intercristián. Un pode consultar unha mínima parte destas condenas eclesiásticas en DENZINGER, HENRIQUE, Maxisterio da Igrexa, e, a respeito da condena de libros, o Índice de libros prohibidos, tanto xeral como da Inquisición española. No ano 1054 produciuse o chamado Cisma de Oriente, pola obsesión do Papa de Roma a impor a súa disciplina a toda a Igrexa cristiá, incluído o Patriarcado de Constantinopla, cando somente tiña recoñecida, até ese momento, unha primacía honorífica, dun primus inter pares, e non unha primacia doutrinal, disciplinaria e real.

As tensións cos musulmáns e os reproches mutuos foron tamén constantes, como vemos aínda nos días de hoxe. A nivel dogmático, os islamistas consideran que o Korán é unha relixión máis evoluída que o cristianismo, e, por tanto, a nova crenza na que as demais deben confluír. Moitos destes islamistas, crentes ou non, ven o catolicismo como a secta cristiá máis sanguinaria. Consideran que o islamismo conviviu sempre pacificamente con xudeus e cristiáns, mentres que os catolicos masacraron pobos, como os cátaros, hugonotes, maias, incas, ... Desde logo, calquera libro de historia nos ensina que na España medieval a convivencia entre as tres relixións foi un exemplo, mais iso rachouse no século XII, coa Inquisición, cos seus tormentos, fogueiras e confesóns feitas baixo tortura. Os cristiáns, pola súa parte, acusan os musulmáns de colocar bombas, de fomentar o terrorismo por meio dos seus grupos Salafistas, Al Qaeda, Kataib Muhajireen, Al Islam, Irmáns Musulmáns, Muiahadines, Ghuraba al-Sham, e a chamada Guerra Santa, co que concordo pois non pode haber algunha guerra digna deste nome. Todo o máis, haberá guerras defensivas lexítimas, mais tampouco nunca santas. Podemos observar que os musulmáns acusan a Igrexa de factos pasados, mentres que os cristiáns os acusan de factos actuais. Creo que isto indica que a relixión cristián foi moi sanguinaria mais que na actualidade, como fruto dunha longa luita contra a represión eclesial, está nun estadio máis acorde cos direitos humanos que o islamismo, embora aínda non satisfactorio.

Nos nosos días, podemos observar que a Igrexa se amostra contra todo e contra todos. Contra o laicismo, materialismo, socialismo, republicanismo, filosofía e cultura actuais, aborto, divorcio, anticonceptivos, antihomosexualidade, e só a favor do que concorda cos seus dogmas, interpretados antihistoricamente. En poítica de comunicación social, a Igrexa española aparece claramente ancorada cos sectores situados na direita ou extrema direita, seguindo unha liña editorial que a afasta das maiorías sociais. Creo que á longa vai ser moi negativo para ela.

02.- Proscrición da leitura e traducións vernáculas da Biblia

A Igrexa exerceu historicamente unha especie de secuestro da Biblia, no sentido da súa apropriación e retención ilexítima, en beneficio proprio para impoñer a toda a sociedade unha interpretación única e ao mesmo tempo exercer un monopolio na direción espiritual das conciencias, baseado na ignorancia da mensaxe bíblica polos fieis. Con esta finalidade, a partir do século 11, prohibiu reiterada e persistentemente que os cristiáns lesen a Biblia, a traducisen e a puxesen a disposición dos demais, incluído o Antigo Testamento, libro base da relixión xudía, irrogándose tamén o monopolio da súa interpretación fidedigna. Polo que eu coñezo, foi un caso único na historia que unha relixión se atrevese a coartar a liberdade de leitura do seu libro sagrado aos mesmos fieis aos que, teoricamente, ía dirixido por Deus. A prohibición da leitura pode realizarse directa ou indirectamente. No primeiro caso emítese unha norma en que se contemple esa proscrición, e no segundo tomanse a medidas precisas para que os fieis non teñan acceso a traducións que eles poidan entender, permitindo, por exemplo, só as edicións en latín e prohibindo que se fagan nas linguas vernáculas..

No ano 1080, o papa Gregorio VII (1073 - 1085), exhortou o Duque de Bohemia a que non permitise a publicación das Escrituras na lingua do país20.

No século XII a Igrexa creou a «Santa Inquisición» para a represión do discrepante, ao tempo que alenta o enfrentamento cos musulmáns promovendo e alentando a Guerra das Cruzadas. O 12/07/1199, Inocencio III (1198-1216) diríxelle a Epístola «Cum ex iniuncto» aos cristiáns de Metz, Franza, na que lle di ter sido informado polo bispo de Metz, “que tanto na diócese como na cidade de Metz unha cantidade non pequena de laicos e mulleres, movidos por certo desexo das Escrituras, fíxo traducir para si os Evanxellos, as Epístolas de Paulo, o Psalterio, os libros Morais, Xob e moitos outros libros, a unha tradución feita con boa vontade, mais prudentemente?, pretendendo que os laicos e mulleres presuman eructar tales cousas entre si e predicarse mutuamente; quen tamén desprezan a relación con aqueles, que non se mesturan con eles e semellantes e consideran alleos os que non prestan ouvidos e sentimentos aos (seus) iguais, aos que cando algún dos sacerdotes da parroquia quixeron corrixilos sobre estas cousas, eles resistíronselle, pretendendo aducir razóns das Escrituras, o que  por estes non deberon nunca ser prohibidas. Algúns deles molestan a simplicidade dos seus sacerdotes; e cando se propón por eles a palabra de salvación, murmuran ocultamente que dominan mellor os seus libros e poden falar máis prudentemente. Embora o desexo de entender as Escrituras divinas e segundo elas incitar ao estudo non se debe reprender, senón máis ben encomendar, porén niso aparecen que con pretexto de argüir, celebran os seus conventículos, usurpan para si o oficio da predicación, eluden a simplicidade dos sacerdotes e desprezan a convivencia de aqueles que non adhiren a tales cousas.... Mais os sacramentos de fe non se deben expoñer a todos indistintamente, dado que non poden ser entendidos por todos indistintamente, senón só a aqueles que poden concebelos fielmente. ... Tanta é a profundidade da Escritura divina, que non somente os simples e iletrados, senón inclusive os prudentes e doutos non se bastan plenamente para investigar a intelixencia da mesma. ... Polo cal di o Apóstolo: «Non saber máis que o que convén saber, senón saber con sobriedade» (Rom 12, 3). Como existen moitos membros do corpo, porén non todos os membros teñen o mesmo acto, así hai moitas ordes na Igrexa, mais non todas teñen o mesmo oficio, porque segundo o Apóstolo «uns deulles aos apóstolos, outros aos profetas, outros non obstante aos doutores, etc. (Ef. 4, 11). Como a orde dos doutores é case a principlal na Igrexa, non debe calquer usurpar para si indiferentemente o oficio da predicación21. Este texto transloce que, a esta altura, polo menos na diócese de Metz estaba prohibido ler as Escrituras, que era mal visto polos que querían lelas. O fundamento da prohibición, apoiados polo Papa, é a pretensión dos clérigos de ter un couto reservado para si no que non se metan intrusos, especialmente aqueles que os poden deixar en ridículo. Denota tamén a súa ignorancia, por verse acurralados ante os seus contraditores e receian perder o oficio da predicación. O crego debe ser o profisional do culto e os demais non deben imiscuírse no seu terreno, consistindo a solución que propón o papa Inocencio III, a ignorancia  e consecuentemente que non convén traducir a Biblia porque iso pode desacreditalos e, por conseguinte, o mellor é que estexa en latín, para que os fieis non a entendan. Isto tamén explica porque a Igrexa oficiou a Misa en latín e de costas ao pobo até 1965. Non vin texto semellante no que un Papa nada menos, neste caso, promotor de cruzadas, se atreva a aconsellar saber pouco, neste caso so o pretexto de que as Escrituras son difíceis de comprender, e, por tanto, para aforrarlle traballo á xente, prohíbeselle lelas. Chegamos á situación paradoxal de que uns libros inspirados por Deus, é de supor que non só para os hierarcas, senón para toda a xente, esta non pode lelos e debe reducir o seu rol a escoitar o seu sentido tamizadas pola mediación clerical.  

No Sínodo de Toulouse, celebrado en novembro de 1229, sendo papa Gregorio IX , nun momento agudo de persecución contra os cátaros, obrigouse aos arcebispos, bispos e sacerdotes a que buscasen herexes e os levasen a castigo. Debían levar como distintivo unha cruz no lado direito e outra no esquerdo e non podían acceder a servizos litúrxicos até receber o certificado de pureza do Papa ou o seu legado. Os homes, a partir dos doce anos, e as mulleres, a partir dos catorce, debían negar toda relación coa herexía e demostrar a súa inocencia. Neste Concilio constituiuse o tribunal eclesiástico chamado da Inquisición, para procurar, atormentar herexes e destruír as súas propriedades. No  Canon 14, estatúese: “Prohibimos tamén que se lle permita aos laicos ter os libros do Vello e Novo Testamento, salvo que alguén por motivos de devoción desexe ter o Psalterio ou o Breviario para oficios divinos ou as horas da ben-aventurada Virxe; mais prohibimos o máis estritamente ter algunha tradución destes libros22. Ou sexa, que se lle permite, en casos excepcionais, ter algún libro de devoción, mais só en latín, lingua reservada a moi poucos e nada de Sagradas Escrituras.

O Concilio de Tarragona, de 1234, estatuíu no seu segundo Cánon que: “Ninguén pode ter os libros do Vello e Novo Testamento na lingua romance, e se alguén os posúe ten que voltalos ao local episcopal dentro de oito días após a publicación deste decreto, de tal modo que poden ser queimados, sexa un clérigo ou un laico, para que non sexa suspeitoso até que estexa libre de toda suspeita” . A Igrexa estabeleceu, como vemos, métodos expeditivos para evitar que se lese o seu libro «sagrado», e manter, desta maneira, os fieis na ignorancia da súa relixión, salvo a mensaxe convenientemente filtrada pola hierarquía.

No século XIV a Igrexa pasa por unha crise de corrupción xeneralizada, que se traducía, a partir deste século, nunha obscena simonía para facer frente ao financiamento eclesial, entre outras cousas, para a construción da Basílica de San Pedro. No seu seo surxe o movimento dos Reformados ou Protestantes, que vai dar lugar a unha nova escisión entre os cristiáns, con Lutero ao frente, no século XVI, ao que responde o catolicismo coa Contrarreforma, que se vai concretar no Concilio de Trento (1545-1563), un dos máis negativos para o Catolicismo.   

O terceiro Sínodo de Oxford de 1408, prohibiu as traducións inglesas e non inglesas non autorizadas da Biblia e decretou que a posesión de traducións inglesas debe ser aprobada polas autoridades diocesanas. “É perigoso, como declara San Xerome, trasladar o texto das Santas Escrituras dun idioma a outro, dado que non é fácil na tradución preservar exactamente o sentido en todas as cousas. Por conseginte, mandamos e ordenamos que de aquí en diante ninguén traduza o texto das Santas Escrituras ao inglés ou a outro idioma calquer como libro, opúsculo, ou folleto, desta clase ultimamente feito no tempo de Xoán Wiclef ou desde entón, ou que de hoxe en diante poida ser feito, sexa parcial ou total, pública ou privadamente, so pena de excomuñón, até que tales traducións teñan sido aprobadas e autorizadas polo Concilio Provincial. Aquel que obre doutra maneira será castigado como un instigador de herexía e erro”.  Non se deixa resquicio ningún para que o interesado poida ler os libros da Biblia, a excepción dos que aprobe a Igrexa. Como toda tradución dalgún modo desfigura o pensamento orixinal, a solución que oferece a Igrexa é non traducir e, por tanto, ignorar ou ler un libro que for convenientemente expurgado. Aplicado ao ensino, equivalería impedirlle ao alumnado ler libros en francés ou inglés porque poden non comprender ben os conceitos. 

No Concilio Ecuménico de Constanza do ano 1415, o filósofo e teólogo escolástico inglés John Wycliffe foi condenado postumamente polo arcebispo de Carterbury, Arundel, como “ese desgrazado canalla pestilente de condenábel herexía que inventou unha nova tradución das escrituras na súa fala mai”. Por decreto do Concilio, após máis de 40 anos da súa morte foi exhumado e queimado publicamente e as súas cinzas tiradas ao río Swif. Como vemos, un caso claro de ensañamento coas persoas.

Martirio de Tyndale
No 1436 invéntase a Imprensa e a Igrexa apréstase a tomar medidas para controlar este meio de difusión. Aproximadamente no ano 1454, imprimiuse a Biblia por primeira vez na imprensa, permitindo unha rápida difusión de libros, que fixo que as versións protestantes da Biblia proliferasen. No 1486, o arcebispo de Maguncia prohibe que se impriman copias da Biblia sen autorización da Igrexa, o célebre «Imprimatur» ou «Nihil obstat». No Reino Unido, William Tyndale (1495-1536) foi o primeiro en traducir o Novo Testamento do grego ao inglés, no ano 1525, mais as súas traducións foron confiscadas e queimadas. Publica unha nova edición revisada en 1535 que lle custou o arresto e encarceramento durante un ano e finalmente ser estrangulado e queimado na estaca, en Bruxelas, ao ano seguinte. A súa tradución do Antigo Testamento ficou incompleta, sendo terminada polo seu axudante Miles Coverdale (1488-1569) que a publicou neste mesmo ano en Alemaña. En 1543, o Parlamento inglés prohibe toda tradución da Biblia salvo a de Coverdale, que pronto sería tamén condenada, ao igual que a de Wycliffe, e decretou que era un crime ler ou explicar en público as Escrituras.

O Concilio de Trento (1545-1563) impón como única versión auténtica a Vulgata de San Xerome23, o cal significa que, como esta versión está en latín, todas as traducións en linguas vernáculas son desposuídas de valor, como interpretou Pío VII, e, para contrarrestar a doutrina do libre exame de Lutero, decretou en 1546 que ninguén ouse interpetar a Sagrada Escritura, en materias de fe e costumes “conforme ao sentir propio, contra o sentido que sustivo e sustén a santa mai Igrexa, a quen atañe xulgar do verdadeiro sentido e interpretación das Santas Escrituras, ou tamén contra o unánime sentir dos Pais24. Por tanto, os únicos que poden saber realmente o que di a Biblia son os hierarcas de turno.

España contribuíu en grande medida á represión contra a publicación de biblas prohibidas, valéndose da Inquisición española ou Tribunal do Santo Oficio, aprobada por Sixto IV, pola bula Exigit sincerae dovotionis, de 1/11/1478, a petición reiterada dos Reis Católicos ao Pontífice, con obxecto de dotarse dun instrumento de poder que lle permitise perseguir aos desviantes políticos, so pretexto do «perigo» xudaizante25, ou sexa, dos xudeus conversos ao cristianismo que continuaban practicando os seus ritos xudaicos, podendo, a estes efeitos, nomear os inquisidores, como se outorga na citada bula: “Que tres bispos ou superiores a eles ou outros varóns probos presbíteros seculares ou relixiosos de ordes mendicantes ou non mendicantes, de 40 anos cumpridos, de boa conciencia e laudábel vida, mestres ou bachareis en Teoloxía ou doutores en Direito Canónico ou tras rigoroso exame licenciados temerosos de Deus, que vós crerdes en cada ocasión elexer en cada cidade ou diócese dos citados reinos, ou polo menos dous deles, ostenten tocante aos reos dos citados crimes, ou seus encobridores e fautores a máis completa xurisdición, autoridade e dominio de que gozan por direito e costume os ordinarios do lugar e os inquisidores da maldade herética”26. Serviu tamén como un instrumento fiscal ao servizo do Estado que lle daba vía libre para confiscar os bens dos supostos herexes, como se deduce das cédulas emitidas polos reis aos inquisidores, das que presentamos a seguinte: “Pedro de Badía, o meu receptor de bens receptor dos bens confiscados polo delito e crime da herexía e apostasía na cidade e bispado de Barcelona, eu fun informado como poñedes pouca dilixencia no voso oficio e o o servides por substituto, o cal é en dano do meu fisco e por ende eu mándovos que de aquí en diante entendades por vos no oficio e poñades boa dilixencia nas cousas que nel ocorreren porque se o facedes doutra maneira, mandarei prover acerca diso como ao meu servizo cumpra. Feito en Sevilla a oito días do mes de maio do ano de mil quiñentos. Eu o rei (rúbrica) Por mandado do rei Juan Ruyz de Calcena (rúbrica)”27.

A Inquisición foi abolida definitivamente en 1834, mais a súa influencia continuou vixente nalgúns ámbitos, como a promulgación do Índice de Libros Prohibidos, que publicou a súa última edición en 1848. O século XVI caracterizouse por unha forte represión intelectual, que ten como elos principais as seguintes medidas: En 1515, León X (1513-1521), instaura a censura previa en toda a cristiandade, en seguimennto do Concilio de Letrán que impuxo a prohibición de imprimir libros sen autorización do bispo. No 1523, Carlos V (1500-1558) prohibe a difusión das obras de Lutero en todos os seus dominios, prohibición que foi ratificada por Clemente VII (1592-1605) para toda o orbe católico, ao tempo que proliferan os Índices de libros prohibidos, primeiro na Inglaterra de Enrique VIII (1509-1547), no ano 1529, en 1542 na Sorbona de París, e en 1546, por encargo de Carlos V, na Universidade de Lovaina, Índice que é adoptado como proprio pola Inquisición española en 1551, con un apéndice aos libros publicados en castellano. O responsábel desta edición, así como da de 1559, foi o Presidente do Consello de Castela e inquisidor xeral de 1547-1566, o asturiano Fernando de Valdés e Salas (1483-1568). En 1554 acrecentouse a listaxe de libros prohibidos coa inclusión de 56 edicións de biblias e novos testamentos, editados maioritariamente en París e Lyon, so pretexto de que podían inducir á herexía. A Inquisición española ordenou ao seu brazo executor, os tribunais da Inqusición, que recolleran todos os exemplares da Biblia impresos sen a preceptiva licenza, confiscando 450 volumes en Sevilla, 218 en Zaragoza e cantidades importantes tamén en Valencia e Salamanca. O monarca integrista, Felipe II (1556-1598), tamén contribuíu a esta vaga represiva coa promulgación por parte da súa irmá, a rexente Xoana, coa aprobación do rei, da Pragmática de 1558, pola que se instaura un sistema de censura de libros, ao tempo que se prohibe a importación de libros escritos en castellano, so pena de morte e confiscación de bens aos que incumpran a norma. O Índice de libros prohibidos da Inquisición española, de 1559, incluía uns 700 libros, e non se cinxe, como a de 1551, a reproducir listaxes anteriores. Vai ser aplicada en todo o ámbito do Monarquía hispana en vez do Índice de Trento. Os libros que se incluíron no Índice, segundo se especifica no Preámbulo, son os seguintes: os condenados polos papas ou os concilios anteriores a 1515; os escritos por herexes, xudeus ou musulmáns cando teñan por obxecto atacar o cristianismo; as traducións da Biblia en lingua vernáncula; as disputas e controversias de carácter relixiosos entre católicos e herexes, así como as refutacións de Maomé en lingua vulgar, porque poden dar unha ideia das crenzas dos infieis; os libros de ciencias ocultas ou de astroloxía preditiva; os libros que utilizan a Biblia con fins profanos ou os poemas que a interpretan dunha forma irrespeitosa, etc. Precisaba que a prohibición de determinados libros se debía a que “non era bo lelos na lingua vulgar”.

So o papado de Paulo IV (1555-1559), a Inquisición romana estabeleceu o 15/02/1559, o Índice de Libros Prohibidos, co título longo, "ÍNDICE DE AUTORES E LIBROS QUE POR OFICIO do S. Rom. e universal inquisición se ordenan sexan evitados por todos e cada un na universal república cristiá, so as censuras indicadas contra os leitores, ou posuidores de libros prohibidos na bula, que se leu na cena do Señor (Xoves Santo), e so outras penas contidas no decreto do mesmo sacro oficio”28. Este Índice sería promulgado, a petición do Concilio de Trento, polo Papa Pío IV en 1564. Séguelle unha introdución co título: Teor da prohibición do decreto da universal inquisición, na que se afirma: “A todos os fieis cristiáns calquera qu sexan o seu estatus, graos, ordes, condición ou dignidade, e ondequer que se encontren, so censuras, e penas indicadas na Bula Cena do Señor, e nos Decretos do Sacrosanto Concilio Lateranense, e tamén so a pena de suspeita de herexía, de privación de todos os graos, oficios, beneficios para sempre de inhabilitación, perpetua infamia, so outras penas inflinxidas polo noso arbitrio, con rigor ordenamos e mandamos, que ninguén no futuro ouse: escreber, publicar, imprimir ou facer imprimir, vender, comprar, por empréstimo, regalo ou dar por calquera outro pretexto, tomar, publicamente, ou reter ocultamente consigo, ou como se queira doutro modo guardar, ou facer ser guardado libro, ou escrito algún deles, que neste Índice do Sacro Oficio son anotados, ... Quen tiver descuidado obedecer, ou do mesmo modo tiver libros, e escritos calesquer, após a noticia do decreto, tida polo modo que sexa, en canto puider, sexan imputados fielmente aos Ordinarios do lugar, ou aos inquisidores da maldade herética, ou aos seus Vicarios, sexa de oficio S. Rom. e universal inquisición, e de non tiver presentado realmente, ou con toda aplicación e dilixencia non procurase que sexa presentado, incurrirá nas citadas censuras de excomuñón  latae sententiae, e outras penas ipso facto(polo facto mesmo)”29. A excomuñón latae sententiae afecta aos delitos máis graves e prodúcese automaticamente cando se produce o facto delitivo, mentres que na ferendae sententiae ten que incoarse un procedimento para a condenar á pena de excomuñón.

O Indice de Libros Prohibidos, de 1564, criado para censurar todas as publicacións que se publicasen no mundo cristián, non foi suprimido até o ano 1966, cando Paulo VI comprendeu que tiña un efeito contrario ao que se pretendía, pois dáballe unha grande publicidade ás obras condenadas e incentivaba a súa venda. Algúns dos autores que viron a totalidade da súa obra incluída no Índice foron: Erasmo de Rotterdam (1500), François Rabelais, Giordano Bruno, René Descartes (1633) Thomas Hobbes (1649-1703), David Hume (1761-1872), Denis Diderot, Honoré de Balzac Émile Zola (1894-1898), Anatole France (1922), Henri Bergson (en 1914), Maurice Maeterlinck, André Gide (1952), Jean-Paul Sartre (1959) .

Este Índice de Libros Prohibidos ou Índice de Trento vai acompañados das seguintes regras aclaratorias:
Regra I: Todos os libros que foron condenados antes de 1515 polos papas ou concilios ecuménicos, e non están neste índice, continúan condenados na modalidade orixinal.
Regra II: Os libros de todos os herexes -eses qie a`çps 1515 enventaron ou incitaron á herexía ou que foron ou aínda son cabezas e líderes dos herexes, como Lutero, Zwinglio, Calvino, Hubmaier, Schwenckfeld, e similares - sexa cal for o seu nome, título ou argumentación - están prohibidos sen excepción. Polo que di respeito a outros herexes, somente están condenados sen excepción aqueles libros que teñen relación ex professo coa relixión. Os outros serán permitidos após que os teólgos católicos os teñan examinado e aprobado por orde dos bispos e inquisidores. Do mesmo modo, os libros católicos escritos por aqueles que subsecuentemente cairon na herexía ou por aqueles que após a queda retornaron ao seio da Igrexa poden ser permitidos apos a aprobación por unha faculdade teolóxica ou a Inquisición.
Regra III: A tradución das obras antigas, incluíndo as dos Pais da Igrexa, feitas por autores condenados, sexan permitidas se non conteñen nada contra a sa doutrina. Porén a tradución de libros do Antigo Testamento poden ser permitidas a xuízo dos bispos para uso de homes instruídos e piadosos. Estas traducións son para esclarecer a Vulgata de tal modo que a Sagrada Escritura poida ser entendida, mais non serán consideradas textos sagrados. Traducións do Novo Testamento feita por autores da primeira sección deste Índice non serán usadas de nengún modo, dada que pouca utilidade e moito perigo asiste a tales estudosos.       
Regra IV: Dado que a experiencia ensina que, se a leitura da Santa Biblia é permitida xeralmente sen discriminación, resultará máis dano que vantaxe a causa da intrepidez dos homes, o xuízo dos bispos e inquisidores está para servir como guía a este respeito. Os bispos e inquisidores poden, de acordo co sacerdote local e confesor, permitir que traducións da Biblia sexan lidas por aqueles de quen eles comprenden que tales leituras non conducen ao detrimento senón ao incremento da fe e piedade. O permiso darase por escrito. Calquera que lea ou teña na súa posesión tales traducións sen permiso non pode ser absolto dos seus pecados até que non teña entregado estas Biblias.
Regra VI: Libros en lingua vernácula relacionados coas controversias entre católicos e herexes do noso tempo non serán xeralmente permitidas, senón que serán tratadas do mesmo modo que as traducións da Biblia

A Constitución Dogmática, Unixénitus, emitida polo papa Clemente XI (1700-1721) condenou como erros en 1713 as seguintes proposicións de Pascasio Quesnel:
79. É útil e necesario sempre, en todo lugar e para toda clase de persoas, estudar e coñecer o espírito, a piedade, e os misterios das Sagradas Escrituras.
80. A leitura da Sagrada Escritura é para todos.
81. A sagrada obscuridade da Palabra de Deus non é razón para que os laicos se dispensen de lela.
82. O Día do Señor debe ser santificado polos cristiáns coa leitura de obras pías e sobre todo das Sagradas Escrituras. É pernicioso para un cristián renunciar a esta leitura.
83. É unha ilusión persuadirse a si mesmo que o coñecimento dos misterios da relixión non deben ser comunicados ás mulleres pola leitura das Sagradas Escrituras. Non pola simplicidade das mulleres senón porque do vaidoso coñecimento dos homes surxiu o abuso das Escrituras e naceron as herexías.
84. Arrebatar das mans dos cristiáns o Novo Testamento, ou mantelo fechado contra eles sacándolle os meios de entendelo, é para cerrar para eles a boca de Cristro.
85. Prohibirlle aos cristiáns ler a Sagrada Escritura, especialmente o Evanxello, é para prohibir o uso da luz aos fillos da luz, e para causarlle sofrir unha especie de excomuñón30. Podemos comprobar que este texto é unha xustificación das limitacións e impedimentos impostos pola Igrexa a que se lese a Biblia, por parte dos destinatarios, que son todos os fieis cristiáns, e así mesmo xustifica a misoxinia ao basear a prohibición da leitrura ás mulleres na súa simplicidade. Confirma e xustifica o abuso eclesial de retirarlle aos cristiáns o Novo Testamento, que se continuou facendo até mediados do século XX. 

En plena eclosión do iluminismo, o O papa Pío VI (1775-1799) promulgou a Constitución Autorem Fidei no 1794, no período álxido da revolución Francesa, na que ratifica a condena contra Pascasio Quesnel: “67. A doutrina de que «só a verdadeira imposibilidade» excusa da leitura das Sagradas Escrituras, acrecentando, ademais, que se produce a obscuridade que surxe do descuido deste preceito a respeito das verdades primarias da relixión, é falsa, temeraria, perturbadora da tranquilidade das almas, condenada noutro lugar do Quesnel31.

Pío VII (1800-1823), na Carta Magno e acerbo, ao arcebispo de Mohilev, o 7(09/1816, declara: “De grande e amarga dor consumímonos, cando soubemos o pernicioso designio, non fai moito tomado, de divulgar correntemente en calquera lingua vernácula os libros sacratísimos da Biblia, con interpretacións novas e publicadas á marxe das salubérrimas regras da Igrexa, e esas asturamente torcida en sentidos depravados”32. O papa amostra un ton apocalíptico para tentar non perder o controlo da Biblia e, por tanto, das conciencias. Se “os sagrados Libros se permiten correntemente e en lingua vulgar e sen discernimento, diso ha resultar máis dano que utilidade. Ora ben, a Igrexa Romana que admite só a edición Vulgata, por prescrición ben notoria do Concilio Tridentino, rexeita as versións das outras linguas e só permite aquelas que se publican con anotacións oportunamente tomadas dos escritos dos Pais e doutores católicos, a fin de que tan grande tesouro non estexa aberto ás corruptelas das novidades e para que a Igrexa, difundida por todo o orbe, sexa «dun só labio e das mesmas palabras» (Xe. 11. 1)33. Alude a un suposto dano, mais sen precisar cal é, ao tempo que impón o que sempre foi a obsesión da Igrexa, o pensamento e discurso únicos, que se pretende impor non só aos católicos senón a toda a sociedade. “En verdade, como na linguaxe vernácula advertimos frecuentísimas vicisitudes,  variedades e cambios, non hai dúbida que coa imoderada licenza das versións se destruiría aquela imutabilidade que se refire cos testemuños divinos, e a mesma fe vacilaría, sobre todo cando algunha vez se coñece a verdade dun dogma por razón dunha só sílaba”34. Este argumento que aduce o Papa implicaría que tampouco os diferentes clerigos, moitas veces  ignorantes, tampouco poderían predicar porque distorsionarían esa unidade. En última instancia, somente podería pregar o papa e en latín e os demais nen sequer deberían pensar senón executar mecanicamente o que dixer o Papa. “Ora ben, se nos doemos que homes moi conspicuos pola súa piedade e sabedoría fallaron non raras veces na interpretación das Escrituras, que non é de temer se estas son entregadas para ser libremente lidas, traducidas a calquera lingua vulgar, en mans do vulgo ignorante, que as máis das veces non xulga con discernimento algúnm senón levado de certa temeridade?”35. Se homes moi formados fallaron varias veces na interpretación da Biblia, quen nos garante que non fallen os hierarcas nomeados a dedo polo Papa para interpretar as Escrituras, que moitas  veces as interpretan contra o criterio de moi insignes profesores que imparten a docencia desta materia?

O papa León XII (1823-1829) promulgou o 5/05/1824, oito meses despois de ser nomeado papa,  a encíclica Ubi Primun, dirixida, como grande parte delas, a todos os patriarcas, primados, arcebispos e bispos, na que condena as sociedades bíblicas, surxidas, en 1804, coa fundación da Sociedade Bíblica Británica e Estranxeira (SBBE) en Londres, e a esta altura en rápida expansión, que se propoñían como obxectivo a divulgación e coñecimento da Biblia. Esta encíclica vai ser o preludio de documentos apocalípticos e integristas como as encíclicas de Gregorio XVI, Mirari vos e Quanta cura, e o Syllabus Errorum de Pío IX.
17. Tedes observado unha sociedade, comunmente chamada sociedade bíblica, espallandose ousadamente en todo o mundo. Rexeitando a tradición dos Santos Pais e infrinxindo o ben coñecido decreto do Concilio de Trento, traballa con todos os meios para ter traducida toda a Biblia, ou mellor mal traducida, ás linguas ordinacias de cada nación. Hai boas razóns para temer que (como aconteceu nalgún dos seus comentarios e noutros aspectos pola interpetación distorsionada do evanxello de Cristo) producirá un evanxello dos homes, ou o que é pior, un evanxello do demo!
18. Para previr este dano, os nosos predecesores publicaron moitas constitucións. Máis recentemente Pío VII escrebeu dúas cartas, unha a Ignacio, arcebispo de Gniezno, a outra a Estanislao, arcebispo de Mohileu, citando cuidadosamente e sabiamente moitas pasaxes dos sagrados escritos e da tradición para mostrar como é pernicioso para a fe e costumes este desprecíbel emprendimento.
19. En virtude do noso deber apostólico, nós tamén exhortamos para procurar por todos os meios guardar a túa manada destes terríbeis lugares de pastaxe. Fai todo o posíbel para ver que os crentes observen estritamente as regras da nosa Congregación do Índice. Convénceos que autorizar as Sagradas Biblia na linguaxe ordinara, dun xeito xeral e sen distinción, causará por culpa da precipitación humana máis mal que ben36. Creo que está moi claro o que expresa o Papa. Destaquemos o costume eclesial de tratar os seres humanos como rabaño ou manada de animais.

O 24/05/1829, o papa Pío VIII promulgou a encíclica Traditi Humilitati, dirixida a patriarcas, primados, arcebispos e bispos, na que delinea o programa para o seu papado, e nel ocupa un lugar importante a prohibición de publicar biblias sen autorización. “Nós debemos ser desconfiados deses que publican a Biblia con novas interpretacións contrarias ás leis da Igrexa. Eles distorsionan habilmente o sentido coas súa propria interpretación. Imprimen a Biblia na lingua vernácula e, absorbendo un gasto incríbel, oferécenas gratis inclusive aos non educados. Ademais, as Biblias están raramente sen perversas insercións breves para segurar que o leitor asimile o veneno letal en vez da auga redentora da salvación. Fai tempo a Sede Apostólica admoestou sobre este serio perigo para a fe e mostrou a lista destes perigosos conceitos. As regras do Índice foron publicadas polo Concilio de Trento; o decreto requiriu que a tradución da Biblia ás linguas vernáculas non serían permitidas sen a aprobación da Sede Apostólica e ademais exixiu que fosen publicadas cos comentarios dos Pais. O Sagrado Sínodo de Trento decretou para reprimir os personaxes impudentes, que ninguén, confiando na súa propria prudencia en materias de fe e de conduta que se relaciona coa doutrina cristiá, poida retorcer a Sagradas Escrituras á súa propria opinión, ou a unha opinión contraria á da Igrexa ou os papas. Aínda que tales maquinacións contra a fe católica foron atacadas moito despois por estas proscricións canónicas, os nosos predecesores recentes fixeron un esforzo especial para censurar estes estendidos perigos. Con estas armas vós tedes tamén que combater as batallas do Señor que poñen en perigo as ensinanzas sagradas, para que este virus mortal non se estenda á vosa manada37.  Alén de impedir un direito humano fundamental como é o de poder e ler o que un considera conveniente, sen interferencias alleas, o Papa non se arreda de formular cualificativos de groso calibre contra os discrepantes. Insiste na incapacidade allea para interpretar a Biblia, oferecendo como saída a adhesión á interpretación dos vaticanistas.

O papa, Gregorio XVI (1831-1846), publica o 8/05/1844, a encíclica Inter paecipuas, na que condena as sociedades bíblicas. Nela comeza comeza informando das intrigas ou maquinacións que sempre ven os papas por todas partes:
“1. Entre as íntrigas especiais coas que os non-católicos maquinan contra os aderentes da verdade católica para desviar as súas mentes da fe, son prominentes as sociedades bíblicas. Foron estabelecidas por primeira vez en Inglaterra e divulgáronse e estendéronse tanto que agora nós vemolas como un exército en marcha, conspirando para publicar en grande número de copias os libros da Escritura divina. Estas son traducidas a todas clases de linguas vernáculas sen discriminación entre cristiáns e infieis. Por conseguinte, as sociedades bíblicas convidan a todos a lelas sen guía. Así é exactamente como Xerome se lamentaba no seu día: eles fixeron a arte de incomprensión das escrituras «común a vellas linguareiras, vellos loucos e sofistas locuaces», e para todos os que poden ler, sen interesar o seu estatus. En verdade, o que é inclusive máis absurdo, e case sen precedentes, non exclúen a xente vulgar dos infieis de compartir esta clase de coñecimento38. Como vemos, non se trata só de que a Biblia estivese prohibido lela, senón que houbo unha teimuda campaña organizada desde a  Igrexa para que non se lese. Defende tamén o Papa nesta Encíclica a defensa da hierarquía lingüítica, e dos direitos dos seres humanos en función da clase social e a formación, destacadno especialmente a animadversión papal coa xente chamada «vulgar». 

4. Ademais, a respeito da tradución da Biblia á lingua vernácula, inclusive moitas centurias antes os bispos en varios lugares a veces exerceron a maior vixilancia cando deviñeron coñecedores de que tales traducións estaban sendo lidas en reunións secretas ou eran distribuídas a herexes. Inocencio III emitiu admoestacións a respeito das reunións de laicos e mulleres, so o pretexto de piedade, para a leitura da Escritura na diócese de Metz. Había tamén unha prohibición especial de traducións da Escritura tanto na Galia un pouco máis tarde como en España antes de 1500"39. A seguir, trai a colación o Papa a acentuación da campaña cando os luteranos e calvinistas comezaron a difundir a Biblia nas linguas vernáculas e a prohibición só Pío IV, no Concilio de Trento “no que nas normas escritas polos pais escollidos polo Concilio de Trento, aprobadas por Pío IV, e colocadas no Índice de libros prohibidos, lemos o decreto declarando que as linguas vernáculas están prohibidas salvo as de aqueles dos que se xulgou que a leitura contribuiría «ao incremento da fe e piedade40. Estas normas foron limitadas e suplementadas por Bento XIV: “Para o futuro, a únicas traducións vernáculas que poden ser lidas son aquelas que «foron aprobadas pola Sede Apostólica» ou polo menos foron publicadas con anotacións tomadas dos Santos Pais da Igrexa, ou dos autores instruídos e católicos”41. O papa volve condenar de novo as sociedads bíblicas: “Nós condenamos de novo condenamos todas as sociedades bíblicas acima mencionadas que os nosos predecesores desaprobaron. Alén diso, confirmamos e renovamos pola nosa autoridade apostólica as proposicións rexistadas e publicadas antigamente a respeito da publicación, difusión, leitura e posesión de traducións vernáculas das Sagradas Escrituras”42. “En particular, vixilade cuidadosamente sobre aqueles aos que se lle asignou facer leituras públicas da Santa Escritura, de tal modo que actúen dilixentemente no seu oficio dentro da comprensión da audiencia; baixo nengún pretexto sexa cal for ousarán explicar e interpretar os divinos escritos contrariamente á tradición dos Pais ou a interpretación da Igrexa Católica43

O papa Pío IX (1846-1878), quizais un dos máis anti todo da historia, na encíclica Qui pluribus,  declara: “Este é o obxectivo das astutas sociedades bíblicas, que renovan a vella habilidade dos herexes e incesantemente impoñen a  xente de todas clases, inclusive os non formados, ofertas da Biblia. Publican estas en grande número e con grande custo, en tradución vernáculas, o que infrinxe as santas regras da Igrexa. Os comentarios que se inclúen conteñen frecuentemente explicación perversas; así, tendo rexeitado a tradición divina, a doutrina dos Pais e a autoridade da Igrexa Católica, eles todos interpretan as palabras do Señor consoante ao seu xuízo privado, pervertendo o seu sentido. Como resultado, caen en grandes erros. Gregorio XVI, de feliz memoria, o noso último predecesor, seguiu a guía dos seus proprios predecesores ao rexeitar estas sociedades nas súa letras apostólicas. É a nosa vontade condenalas igualmente44.

Na Alocución Quibus quantisque, de 20/04/1849, nun momento de perda do poder temporal da Igrexa, o papa Pío IX ataca as doutrinas perversas que sementan os inimigos da Igrexa: “E para chegar máis facilmente aos fins que se propoñen, para excitar máis sedicións e desencadear máis tempestades, marchando sobre o paso dos herexes, e anunciando o desprezo máis absoluto pola autoridade soberana da Igrexa, non temen invocar, interpretar, pervertir e desviar do seu sentido verdadeiro as palabras, testemuños e declaracións das santas Escrituras, para aplicalas ao seu sentido privado e criminal, e, en exercicio da súa impiedade, non retroceden ante o abuso sacrílego do moi santo nome de Xesus-Cristo”45. En decembro deste mesmo ano, 1949, volve a emprendela contra as sociedades bíblicas. “Os astutos inimigos da Igrexa e sociedade humana, intentan seducir as xentes de diversas maneiras. Un dos seus principais métodos é abuso das novas técnicas de produción de libros. Están totalmente absorvidos na incesante e diaria publicación e proliferación de panfletos impíos, xornais e folletos que están cheios de mentiras, calumnias e sedución. Ademais, so a protección das Sociedades Bíblicas que foron desde fai moito tempo condenadas por esta Santa Sede, distribúen ao fiel so pretexto de relixión, a santa biblia en traducións vernáculas. Desde esa altura estes infrinxen as normas da Igrexa, son consecuentemente subvertidas e moi ousadamente retorcidas para consentir un sentido vil”46.

No Sílabo,  de 8/12/1864, comprendio de oito encabezados sobre erros actuais, que afecta a todas as ordes; no IV encabezado, condena o “Socialismo, comunismo, sociedades secretas, sociedades bíblicas, sociedades clérico-liberais”. Estas pestilentes doutrinas foron moitas veces condenadas e coas máis graves palabras na carta Encíclica Qui pluribus, de 9/12/1846; na alocución Quis quantisque, de 20/04/1849; na carta Encíclica Nostis et Nobiscum; de 8/12/1849; na alocución Singulari quadam, de 9/12/1854; na carta Encíclica Quanto conficiamur moerore, de 10/08/1863"47.

O papa León XIII (1878-1903), na súa encíclica Providentissimus Deus, de 18/XI/1893, sobre o estudo das Sagradas Excrituras, manifesta que a Igrexa Católica Romana é a única guía verdadeira para a Escritura, excluíndo, por tanto, como guías falsas, a ortodoxas e as diversas confesións protestantes. A Igrexa, con este Papa, segue prohibindo non directamente a leitura mais si indirectamente mediante a prohibición de a tradución da Biblia feita tanto por non-catolicos como por católicos, neste caso se non están aprobadas pola Santa Sede ou publicada so a ollada atenta dos bispos. Insiste especialmente en aducir testemuños, tirados con pinzas e pouco convicentes, para reivindicar o monopolio da hierarquía eclesiástica, e nomeadamente do Papa, da interpretación correcta do sentido das Escrituras e na protección dos dogmas eclesiásticos. “Por conseguinte debe recoñecerse que os escritos sagrados están envoltos nunha  certa obscuridade relixiosa, e que ninguén pode entrar no seu interior sen unha guía; Deus dispoñendo así, como os Santos Pais comunmente ensinan, en aras de que os homes poidan investigalo con máis ardor e seriedade, e o que é atinxido de dificuldade afundarse máis profundamente na mente e no corazón, e, sobre todo, que poidan entender que Deus entregou as Sagradas Escrituras á Igrexa, e que na leitura e uso desta Palabra, deben seguir a Igrexa como a súa guía e mestre. Santo Ireneu fai moito estabeleceu que onde están os carismas de Deus, alí se aprende a verdade, e que a Santa Escritura era interpretada con seguranza por aqueles que tiveron a sucesión apostólica. O seu ensino, e o doutros Santos Pais, foi asumido polo Concilio do Vaticano, que, renovando o decreto de Trento declara que a súa mente é esta -que en materia de fe e costumes, que pertencen á construción da doutrina cristiá, se ha considerar o verdadeiro sentido das Santas Escritura aquel que foi mantido e é mantido pola nosa Santa Mai a Igrexa, da que a misión é xulgar do verdadeiro sentido e interpretación das Escrituras; e que non está permitido a ninguén interpretar as Santas Escrituras contra tal sentido ou tamén contra o unánime acordo dos Pais... Por este motivo séguese que toda interpretación é insensata e falsa que fai que os escritores sagrados discorden un con outro, ou que é oposta á doutrina da Igrexa48. Comeza proclamando a obscuridade da Escritura, para así reclamar que se necesita unha guía para entendela. Claro que alguén podería alegar se Deus non puido inspirar ao autor para que dixese as cousas máis claramente e non dun xeito retorcido. Xustifica esa obscuridade en que desta maneira se procure investigar a Deus con máis ardor. Claro que se estivensen máis claras alegaríase que Deus quixo aforrar traballo á xente, para que todos, tamén os máis rudos, puidesen entendela facilmente. Outra razón desa obscuridade é, segundo o Papa, para que todos entendan que as Escrituras foron entregadas á Igrexa, que é o realmente importante para esta para así manter o monopolio e exclusividade na súa interpretación, e, consecuentemente o controlo das conciencias. Claro que isto, tería algo de verosimilitude referido ao Novo Testamento, mais é absurdo afirmar que Deus lle entregou a interpretación do libro sagrado dos xudeus á Igrexa. Alén diso, unha cousa é afirmar que lle foi entregada á Igrexa, e outra moi distinta é que lle sexa entregada á hierarquía e aínda menos que lle fose entregada ao Bispo de Roma, como pretende León XIII. Sinala dúas condicións para que unha interpretación sexa correcta: que concorde coa Santa Mai a Igrexa, entendida como concordancia co sentir do bispo de Roma, e que concorde co sentido dos pais, entendidos todos dun xeito monolítico. Intenta o Papa xustificar nesta Encíclica, con argumentos torticeiros, que ese monopolio non impede a investigación da ciencia bíblica, senón que a preserva de todo erro e contribúe grandemente ao seu verdadeiro progreso.

A autoridade dos Pais da Igrexa é suma cando interpretan un texto dun modo unánime, como pertencente ás materias de fe e costumes. A autoridade doutros intérpretes católicos é menor. “Mais o que é indecoroso é que, ignoradas ou desprezadas as obras excelentes que deixaron os católicos en abundancia, se prefiran as obras dos non-católicos -e buscar neles, en detrimento da sá doutrina e frecuentemente para perigo da fe, explicación de pasaxes en que os católicos desde fai tempo empregaron o seu talento e o seu esforzo. Porque aínda que os estudos dos non-católicos, usados con prudencia, poden algunha vez ser de uso para o estudoso católico, el debe, porén, ter presente no espírito -como tamén os Pais ensinaron en numerosas pasaxes - que o sentido da Santa Escritura pode encontrarse en nengunha parte incorrupto fóra da Igrexa, e non pode esperarse encontralo en escritores que, carecendo de verdadeira fe, somente roen a casca da Sagrada Escritura e nunca alcanzan a súa medula49. Ou sexa, que o que propón o Papa é que somente os católicos poden comprender ben as escrituras e, entre estes, somente os que ocupan o solio do Papa de Roma. O seguinte paso, será condenar as biblias non católicas, que realizará este Pontífice na Constitución Apostólica Officiorum ac Munerum, de 25/01/1897. No capítulo II fala da edición do texto orixinal das Santas Escritura e das tradución en lingua non vernácula. “5. Edicións do texto orixinal e de traducións católicas antigas da Santa Escritura, así como as das Igrexas Orientais, se foron publicadas por non-católicos, aínda que fosen editadas  dunha maneira fiel e completa, están permitidas somentes aos comprometidos cos estudos teolóxicos e bíblicos, sob condición de que os dogmas da fe católica non sexan impugnados nos prolegómenos ou anotacións50. Quer dicer, que a condición para que se aprobe a edición dos libros citados por non-católicos, é que non ataquen os dogmas católicos, e disto séguese que o criterior que deben utilizar as versións dos católicos é acomodalas aos dogmas, coa manipulación que iso implica. “6. Da mesma maneira, e so as mesmas condicións, outras traducións da Santa Biblia, sexa en latín ou en algunha outra lingua morta, publicadas por non-católicos, están permitidas”51.

O capítulo III trata das traducións vernáculas da Santa Escritura. “7. Como se mostrou claramente pola experiencia que, se a Santa Biblia na tradución vernácula é xeralmente permitida sen nengunha distinción, se causa deste modo máis dano que utilidade, debido á temeridade humana, todas as versións na lingua vernácula, inclusive por católicos, están totalmente prohibidas, a menos que sexan aprobadas pola Santa Sede, ou publicadas, so o cuidado vixilante dos bispos, con anotacións tomadas dos Pais da Igrexa e escritores católicos instruídos52. “8. Todas as traducións da Santa Biblia, nalgunha lingua vernácula, feita por non-católicos están prohibidas, e especialmente as publicadas polas sociedades bíblicas, que foron  máis dunha vez condenadas polo Pontífice Romano, porque nelas as leis sabias da Igrexa referentes á publicación dos libros sagrados é inteiramente ignorada. Non obstante, estas traducións están permitidas aos estudantes da ciencia teolóxica ou bíblica, so as condicións estabelecidas na cima (nº. 5"53.

O Código de Direito Canónigo, promulgado o 27/05/1917, sendo papa Bento XV (1914-1922) e vixente desde o 19/05/1918 até  27/11/1983, no seu Título XXIII, que trata sobre a censura previa e prohibición de libros, estatúe que “A Igrexa ten direito a regular que os católicos non publiquen nengún libro a menos que sexan antes submetidos á aprobación da Igrexa, e para prohibir por unha boa razón ler certos libros, sen importar por quen foron publicados54. No capítulo I deste título trata da censura dos libros e decreta que “§ 1. A non ser que preceda a censura eclesiástica, que non se publiquuen tamén polos laicos:1. Os libros da Santa Escritura, ou anotacións e comentarios da mesma; 2. Libros que tratan da Sagrada Escritura, teoloxía, historia da Igrexa, Direito Canónico, teoloxía natural, ética, e outras ciencias relacionadas coa relixión e costumes. Alén diso, libros de plegarias, panfletos e libros de devoción, de instrución relixiosa, moral, ascética, ou mística, e calquer escrito en xeral no que exista algo que teña unha especial relación coa relixión ou costumes; 3. Imaxes sagradas reproducidas de calquer maneira, con ou sen preces. § 2. O permiso para publicar libros e imaxes de que se fala no 1. Deste Canon poder ser dada quer polo proprio ordinario do autor, ou polo Ordinario do lugar onde son publicados, ou polo Ordinario do lugar onde son imprimidos; se, no entanto, un dos Ordinarios que ten un direito a dar a aprobación recusa, o autor non pode pedilo a outro a menos que o informe da recusación da licenza do primeiro. § 3. O relixioso ten que, ademais, obter permiso do seu superior maior55. “As traducións das Santas Escritura en linguas vernáculas non poden ser publicadas a menos que sexan antes aprobadas pola Santa Sede, ou sexan publicadas, so a supervisión do bispo, con anotacións principalmente tomadas dos santos Pais da Igrexa e escritores católicos instruídos56.

A respeito da prohibición dos libros, o Código determina, entre outras cousas, que “A prohibición de libros ten este efeito que os libros prohibidos non poden ser publicados sen permiso, lidos, retidos, vendidos nen traducidos a outra lingua, nen dados a coñecer a outros de nengún modo57. Esta foi a práctica que sempre seguiu a Igrexa, e, por tanto, a prohibición de publicar ou traducir un libro, implicaba tamén a prohibición de lelo ou permitir que outros o fixesen. Creo que caen na indignidade os que declaran que a Igrexa nunca prohibiu a leitura das Sagradas Escrituras con carácter xeral. A historia non debe ser deformada para non deteriorar a imaxe dunha Institución, e se esta se equivocou debe asumir a súa responsabilidade, pedindo perdón e facendo propósito de emenda.

Para lograr o cumprimento destas normas, estabelece o Código a obrigatoriedade de denunciar esta situación por parte de todos os fieis católicos, especialmente das hierarquías, garantíndolle o anonimato para a súa protección persoal. “§ 1. É obrigación de todos os fieis, principalmente dos clérigos e dos constituídos en dignidade eclesiástica e dos que sobresaen en doutrina, levar  aos Ordinarios do lugar ou a Sede Apostólica, os libros que xulgaren perniciosos; Isto atañe principalmente aos Legados da Santa Sede, Ordinarios dos lugares, e Reitores de universidades católicas.
§ 2. Convén que na denuncia dos libros malignos se indique non só a inscrición do libro, senón que tamén, en canto for posíbel, se indiquen as causas polas que se xulgue que o libro debe ser prohibido.
§ 3. Aos que se refire a denuncia, que sexa sagrado preservar secreto o nome dos denunciantes.
§ 4. Os Ordinarios dos lugares por si ou, onde estexa a obra, por sacerdotes idóneos vixilen os libros, que se publiquen no proprio territorio ou expoñan os comerciantes.
§ 5. Os libros que exixan un exame máis subtil ou se requira para a consecución dun efeito salutífero sentenza da autoridade suprema, que os Ordinarios den traslado ao xuízo da Santa Sede”58.

Segundo o Código de Direito Canónico, “Polo mesmo direito está prohibidos:
1. As edicións de textos orixinais, ou de tradución católicas antigas, das Sagradas Escrituras, tamén da Igrexa Oriental, publicadas por non-católicos; do mesmo modo, calquera tradución en calquera lingua feita ou publicada por eles;
2. Libros de calquera escritores defendendo a herexía ou cisma, ou tendentes dalgún modo a subverter os fundamentos da relixión;
3. Os libros que intencionadamente combaten a relixión ou os bos costumes.
4. Libros de calquera non-católico que traten abertamente de relixión a menos que se estexa certo que non conteñen neles nada contra a fe católica;
5. Libros das Santas Escrituras ou de temas relixiosos que foron publicados sen o permiso requirido nos cánones 1385 e 1391; libros e folletos que dan conta de novas aparicións, revelacións, visións, profecías, milagres, ou introducen novas devocións inclusive aínda co pretexto de que son privadas, se estes libros, etc. foron publicados contra as regras dos Cánones;
6. Libros que atacan ou ridiculizan algún dos dogmas católicos, libros que defenden erros condenados pola Santa Sede, ou que desacreditan o culto divino, ou tenden a everter a disciplina eclexiástica, ou que intencionadamente insultan a hierarquía eclesiástica, ou o estatus clerical ou relixioso con infamias. ...
8. Libros que consideran lícito o duelo ou suicidio ou divorcio, que tratan das sociedades masónicas ou outras co mesmo xénero, e pretenden que son úteis e non perniciosas para a Igrexa59.

En 1930, sendo papa Pío XI (1922-1939) e secretario de Estado Merry del Val (1865-1930), publícase un novo Índice de Libros Prohibidos, que a respeito da publicación de libros, declara: “O que moitos, non chegan a apreciar, e que, aliás os non católicos consideran un grave abuso - como eles comunican a Curia Romana, é a acción da Igrexa no impedimento da impresión e circulación de Escritos Sagrados en lingua vernácula. Fundamentalmente, non obstante, esta acusación está baseada na calumnia. Durante as primeiras doce centurias os cristiáns foron altamente familiares co texto das Sagradas Escrituras, como é evidente polas homilias dos Pais e os sermóns dos predicadores medievais, nen interviñeron as autoridades eclesiásticas para impedir isto. Foi somente como consecuencia dos abusos dos herexes, introducidos parricularmente polos valdenses, os albixenses, os seguidores de Wyclef, e os protestantes, falando en liñas xerais (quen con mutilacións sacrílegas das Escrituras e interpretacións arbitrarias buscaban en van xustificarse aos ollos da xente; retorcendo o texto da Biblia para amparar doutrinas erróneas condenadas por toda a historia da Igrexa) que os Pontífices e os Concilios foron obrigados en máis dunha ocasión a controlar e algunha vez impedir o uso da Biblia en lingua vernácula.... Os que queren poñer a Escritura indiscriminadamente en mans da xente son os crentes sempre en interpretación privada -unha falacia absurda en si mesma e cheia de consecuencias desastrosas. Estes campións falsos da libro inspirado manteñen que é a Biblia a única fonte de revelación divina e cobren con abuso e sarcasmo vulgar a Igrexa Católica e Romana60. É pouco atinado que se dea este tipo de xustificacións para prohibir a leitura aos destinatarios do libro sagrado. É evidente, que a mellor maneira de combater a herexía é o coñecimento profundo da Biblia e non manter aos fieis na ignorancia.

O actual Código de Direito Canónigo, data do 25/01/1983, sendo papa Xoán Paulo II. A respeito dos libros sagrados institúe que:
§ 1. Os libros das sagradas Escritura non poden ser publicados a non ser que sexan aprobados pola Sede Apostólica ou pola Conferencia de Bisbos; igualmente para que as súas versións poidan ser editadas nas linguas vernáculas, requírese que sexan aprobadas pola mesma autoridade e ao mesmo tempo sexan aclaradas coas suficientes explicacións.
§2. As versións das sagradas Escritura aclaradas con suficientes explicacións, en traballo común tamén cos irmáns separados, poden os fieis cristiáns preparar e publicar coa licenza da Conferencia de Bispos”61. Esta nova redación supón un adianto notorio, se ben creo que aínda insuficiente, pois creo que os tradutores e investigadores deben operar libremente, con responsabilidade persoal e sen licenza nen censura ou autocensura de nengunha clase, e tendo sempre a verdade como norte de actuación. A Igrexa debe confiar máis nas persoas e na súa capacidade de interpretar a Biblia por si mesmos e de discernir o verdadeiro do falso, e atender as súas críticas fundadas e non dotarse dun corsé fechado anticrítica e nunha luta sen sentido frente a toda a sociedade. 

Termino con algunha anécdota da miña nenez. Sendo menino, comentábanse na casa casos de cregos que controlaban as copias da Biblia, perguntaban aos fieis se tiñan copias na casa, e se lle dicían que si, pedíanllas e marchábanlle con elas. O noso profesor de Sagradas Escrituras, Luis Arnaldich, comentábanos que impartira unha conferncia en Bélxica e que lle perguntaban se a Biblia continuaba prohibida en España. El respondeulles que non, porque sería vergoñento que soubesen que estaba na situación que estaba. Aludía, ao parecer, á prohibición da Inquisición española, pois as do Direito Canónico afectaban tanto a Bélxica como a España. Cando fixen a miña tesina en Teoloxía, tiven que pedir permiso ao Arcebispo para ler a Vie de Jesus, de Ernest Renan, porque só se podía ler por causas fundadas e co apoio do director da tesina, que foi Maximiliano García Cordero. Concedéuseme coa condición de que fose utilizada exclusivamente co fin de investigar e que non lla deixase ler a ninguén. Cando comecei a miña etapa docente, impartín aulas nun centro relixioso e non me permitiron que adquirise para o Departamento a obra do xesuíta Yves Calvez, El pensamiento de Karl Marx, pretextando que nun centro da Igrexa non se podán ler estas obras.

Tanto a Inquisición como as reiteradas prohibicións da leitura da Biblia, constitúen dúas páxinas negras na historia de Igrexa, que debe superar con propósito de emenda de non repetir os erros do pasado, aínda que non se olla disposición de facelo así, de momento, nesta institución.



1.  Xo. 8, 32.
2.  Mt. 3, 7. Cf. Mt. 16, 11.
3.  Mt. 5, 20.
4. Mt. 23, 25-26.
5.  Mt. 23, 13- 17.
6.  Mt. 23, 23; Lc. 11, 39-42;
7.  Mt. 23, 27-32; 23, 13-15; 23, 23;
8. Mt. 12, 34.
9. Mt. 12, 39.
10.  Mt. 23, 34.
11.  Mc. 12, 38-40. Lc. 11, 43-44; Lc. 20, 46-47.
12. Lc. 13, 31-33; 
13.  Mc. 8, 15.
14.  Mt. 16, 6. 11-12; 21, 41-45; Mc. 8, 15; Lc. 12, 1; 
15.  Mt. 10, 34-37.
16.  Lc. 11, 23.
17.  Lc. 14, 26.
18.  I Tes. 2, 15.
19.  Xo. 18, 31.
20.  GREGORIO VII, "Epist.", VII, XI.
21.  INOCENCIO III, Cum ex iniuncto, in PL 214, 696, Regestorum, Lib. II, Ep. 141.  Cf. DENZINGER, Enchiridion Simbolorum, Herder, Barcelona, 1960, 770-771.
22.  Regulacións do Sínodo de Toulouse a respeito da Inquisición, 1229.
23.  Denzinger, 785.
24.  Denzinger, 786.
25.  DE AZCONA, TARSICIO, Isabel la Católica,, Sarpe, Madrid, 1986, tomo II, pp. 7-57.
26.  MARTÍNEZ DÍEZ, GONZALO, Bulario de la Inquisición Española (hasta la muerte de Fernando el Católico), Madrid: Complutense, 1998, p. 77.
27.  Cédula real del rey Fernando el Católico. 1500 AHN, sec. Inquisición, lib. 242, fol. 197 v  “(Cruz) El Rey.
28.  Index Librorum Prohibitorum, 1559.
29.  Index Librorum Prohibitorum, 1559.
30.  Denzinger, 1429-1435.
31.  Denzinger, 1567.
32.  Denzinger, 1602.
33.  Denzinger, 1603.
34.  Zenzinger, 1604.
35.  Denzinger, 1604.
36.  LEÓN XII, Ubi Primum,  Papal Encyclicals Online www.papalencyclicals.net/Leo12/l12ubipr.htm?. Cf. Denzinger, 1607-1608.
37.  PÍO VIII, Traditi humilitati,  Papal Encyclicals Online www.papalencyclicals.net/Pius08/p8tradit.htm?, nº. 5
38.  GREGORIO XVI, Inter Praecipuas, Papal Encyclicals Onlinewww.papalencyclicals.net/all.htm, 1.
39.  GREGORIO XVI, Inter Praecipuas, Papal Encyclicals Onlinewww.papalencyclicals.net/all.htm, 4.
40.  GREGORIO XVI, Inter Praecipuas, Papal Encyclicals Onlinewww.papalencyclicals.net/all.htm, 4.
41.  GREGORIO XVI, Inter Praecipuas, Papal Encyclicals Onlinewww.papalencyclicals.net/all.htm, 4.
42.  GREGORIO XVI, Inter Praecipuas, Papal Encyclicals Onlinewww.papalencyclicals.net/all.htm, 11.
43.  GREGORIO XVI, Inter Praecipuas, Papal Encyclicals Onlinewww.papalencyclicals.net/all.htm, 12.
44.  PÍO IX, Qui pluribus, Papal Encyclicals Onlinewww.papalencyclicals.net/all.htm,14.
45.  PÍO IX, Alocución Quibus Quantisque,, www.virgo-maria.org/.../1849-04-20_SS_PIUS_IX,,
46.    PÍO IX, Nostis e Nobiscum, Papal Encyclicals Onlinewww.papalencyclicals.net/all.htm, 14.
47.  Denzinger, 1718.
48.  LEON XIII, Providentissimus Deus, Papal Encyclicals Onlinewww.papalencyclicals.net/all.htm, 14, 31-33 e 35.
49.  LEON XIII, Providentissimus Deus, Papal Encyclicals Onlinewww.papalencyclicals.net/all.htm, 15, 40-41.
50.  LEO XIII, Prohibición e censura de libros, Constitución Apostólica Officiorum ac Munerum, www.users.qwest.net/~slrorer/Censorship.htm, 5.  
51.  LEO XIII, Prohibición e censura de libros, Constitución Apostólica Officiorum ac Munerum, www.users.qwest.net/~slrorer/Censorship.htm, 6.
52.  LEO XIII, Prohibición e censura de libros, Constitución Apostólica Officiorum ac Munerum, www.users.qwest.net/~slrorer/Censorship.htm, 7.
53.  LEO XIII, Prohibición e censura de libros, Constitución Apostólica Officiorum ac Munerum, www.users.qwest.net/~slrorer/Censorship.htm, 8.
54.  Codex Iuris Canonici, www.intratext.com/X/LAT0813.HTM, 1384.
55.  Codex Iuris Canonici, www.intratext.com/X/LAT0813.HTM, 1385.
56.  Codex Iuris Canonici, www.intratext.com/X/LAT0813.HTM, 1391.
57.  Codex Iuris Canonici, www.intratext.com/X/LAT0813.HTM, 1398.
58.  Codex Iuris Canonici, www.intratext.com/X/LAT0813.HTM, 1397.
59.  Codex Iuris Canonici, www.intratext.com/X/LAT0813.HTM, 1399.
60.  Indice de libros prohibidos, Vatican Polyglot Press, 1930), pp. ix-xi
61.  Codex iuris canonici, 198