25 dic 2013

DISCURSO REAL


Chámoo real porque foi certo que o pronunciou o 24/12/13, como nolo recordaron todos os meios de comunicación, mais non porque sexa verdadeiro, auténtico, ou algo parecido.

O Rei pronuncia o seu habitual discurso no dia do Pai Natal, por ser día intimidade familiar, que el quer aproveitar para sacar partido político desta data en beneficio propio, para que a súa presenza se asocie a un simbolismo con grande aceptación social, mais outra vez máis, sen éxito, porque é imposíbel que entren na intimidade das persoas dirixentes que mostraron ante a sociedade prácticas contrarias aos valores que esa sociedade defendeu sempre, e que unicamente explotou de rabia cando foron dadas a coñecer polos meios de comunicación, antes xordos e mudos ao que pasaba. Como vai converterse en persoa querida e íntima para un pobo aquel dirixente que afirma solemnemente que todos os españois son iguais ante a lei e despois loita como gato panza arriba para manter os seus privilexios propios e os da súa familia? Como van as familias intimar con alguén que aproveita o seu cargo para  levar unha vida que algúns cualifican de semental ibérico, rachando fidelidades conxugais de familias propia e allea? Como van os cidadáns intimar con alguén que non é capaz de enfrentar ante os cidadáns con transparencia os problemas que afectan á propia Institución e que encomenda ao paso do tempo a súa solución?

Comeza o monarca enviando un saúdo que di “especialmente afectuoso” aos que non teñen traballo ou vivenda, aos mozos que non teñen futuro, mais isto é pouco críbel despois de afirmar en 2012 que o paro lle sacaba o sono e, na mesma semana, marcha a cazar elefantes a Bostwuana, acompañado da Corina, que si parece que é quen realmente llo sacaba. Por outra parte, pensa o Rei que a crise que nos afecta non ten nada que ver coa corrupción omnipresente nos dirixentes políticos, financeiros, xurídicos, económicos deste país a todos os níveis? Cre o Monarca que é o destino quen depara estas crises aos países afectados sen que teña nada que ver o expolio das arcas públicas e privadas polos seus dirixentes? Que pasou en Caja Madrid con esa exposición aloucada ao ladrillo e esa apropiación dos seus recursos polos políticos e «amigos» e xestores que a controlaban? Quen se fai responsábel da condonación de débedas aos partidos políticos PP e PSOE, que agora temos que pagar todos, co sacrificio de postos de traballo e servizos sociais? Quen carga coa respònsabilidade desa programación de investimentos en infraestruturas totalmente desnecesarios sen rendabilidade social ningunha aínda que si eleitoral e persoal para o político que as impulsou e quizais dos que as favoreceron e toleraron? Ese patrimonio de dous mil millóns de euros que se lle calcula ao Chefe do Estado, de onde os sacou? non teñen nada que ver coa crise que padecemos? Se ese diñeiro estivese nas mans dos seus propietarios lexítimos ou nas arcas públicas, cantos postos de traballo non se evitaría destruír? Como se quere que a cidadanía esqueza sen repoñer este diñeiro?

O que antecede vale tamén, mutatis mutandis, para a súa lembranza dos criadores, agora imposibilitados de facelo  neste país, dos emprendedores, etc. Todos os grupos sociais están sufrindo as consecuencias desa crise que ten pais e consecuencias letais nos que a padecen, paternidade que o Monarca non recoñece. O descrédito ao que chegaron as institucións é tal que se necesita unha dose masiva de intoxicación e manipulación para que a xente esqueza e para que a xente crea que os que nos meteron nesta crise e están inmersos en tanta corrupción se van mudar agora en puros e lúcidos. España vive nun océano de mentira e falsidade, que todo o corrompre. Os mesmos que destrúen e lles negan documentos á Xustiza afirman que sempre colaboraron e colaborarán con ela. Os que practicaron e practican unha política de hermetismo e ocultismo ante os cidadáns son os que erixen en campións de transparencia. Os mesmos que contribuiron á crise son os que afirman que están preparados para sacarnos dela. Os mesmos que falan de igualdade ante a lei son os que defenden os seus privilexios. Os mesmos que falan de Estado de Direito quebrantan a lei a cada paso, ou pode entenderse outro modo esas contabilidades B, eses ERES, esa práctica e encubrimento da corrupción?

Louva o Rei a familia española, el que non contribuiu precisamente a ter unha familia exemplar, e que as familias son o suporte dos que padecen a crise, mais xa o Rajoy se encarga de debilitar tamén esa protección baixándolles as súas percepcións. Non queremos nin necesitamos grazas de ningún rei, mais un país si que necesita políticos capaces e honrados que o gobernen.Non queremos que ninguén viva a base de louvar virtudes alleas, mais si do exercicio responsábel do seu cometido.  

Cando fala das vítimas do terrorismo parece cinxirse, como de cote, aos membros de ETA, mais tamén hai unha violencia de Estado, que ten connotacións terroristas, como foron os GAL, paramilitares, leis mordaza, meios de comunicación de masas que enfrentan individuos e pobos,  etc. A lei de Orde Pública do réxime franquista, do que Vd. é herdeiro, que finalidade tiña?  Que finalidade ten a lei mordaza coa que nos vai obsequiar o PP? A súa maxestade, parécelle que non é terrorista chegar a multar a alguén con 600.000 euros se se manifesta diante de certas institución políticas que son incapaces de conquistar o recoñecimento dos cidadáns polo rigor do seu traballo e pola solución dos problemas dos representados e que se ven obrigadas a ser respetadas polo temor da multas ou cárcere?

É certo que a sociedade reclama un cambio en todas as ordes, mais non confía en que sexan os causantes dos males que delata, os indicados para remedialos, e de sentar as bases dunha exixencia democrática os que a están a conculcar a diario. É cuestión de credibilidade. Mais tanto el como os fautores dos seus discursos debían ser máis precavidos e darse conta que esa oferta de exixencia democrática non é máis que outro novo engano, que se acrecenta ao enunciado solemne de que a xustiza é igual para todos, pronto desmentida polos factos. Como vai el aceptar as exixencias democráticas imprescindíbeis cando estas requiren que o seu posto adquira lexitimidade democrática nas urnas, tanto de orixe como de exercicio, das que carece totalmente? A única lexitimidade que ten é a franquista e a de figurar no paquete constitucional, presentado aos cidadáns como « ou o tomas ou o deixas en conxunto». A día de hoxe sería moi problemático afirmar que teña lexitimidade de exercicio, especialmente após difundirse que prevaléndose do seu cargo amasou unha fortuna moi importante. Esta lexitimidade exixe, pois, que aclare á cidadanía cal é o seu patrimonio e, de ser o que se di, que devolva á sociedade o amasado ilicitamente, en contra do « Estado de Direito», e submeterse ao ditado da cidadanía.

Manifesta ser consciente de hai voces que quieren unha actualización dos acordos de convivencia, se ben non precisa cantas voces nin en que consistiría esa actualización. Parece que se deu conta agora, cando a sociedade clama por unha reforma da CE, e nin sequer se atreve a propoñer unha reforma constitucional serie, e máis ben parece ser partidario dunha reformiña para que todo siga igual, e así gañar tempo para reforzar a súa debilitada e denostada figura. En todo caso, xa fixa os límites: realismo, termo con connotacións eminentemente subxectivas, en función do seu emisor. É realismo manter a realeza e falta de realismo optar pola república? É realismo que os pobos estexan submetidos a leis que negan a súa personalidade e impiden o exercicio dos seus direitos colectivos? É realista que a nosa propia lingua siga a estar marxinada a respeito da lingua do Imperio na nosa propia comunidade? O segundo límite sería o esforzo, mais a  petición de esforzo, parece un sarcasmo dirixido a tantos millóns de parados que non poden gañar a vida e para os que o esforzo só pode significar contención para non explotar de noxo e de rabia.

O terceiro sería o correcto funcionamento do Estado de Direito, “para que a exemplaridade presida as institucións, para que se cumpran e fagan cumprir a Constitución e as leis, e para que as diferenzas e as controversias se resolvan consoante ás  regras de xogo democráticas aprobadas por todos”.  Se un se toma estas palabras en serio habería que concluír que no Estado español nunca houbo Estado de Direito, porque aquí a exemplaridade nunca predidiu as institucións, incluída a institución da que el é titular, pois todas se aproveitaron delas en beneficio propio, quer persoal, quer de partido, quer de ambos. É exemplar que o Fiscal Xeral do Estado sexa elixido polo goberno e actúe como unha figura partidaria máis para favorecer as políticas gobernamentais e tapar os casos de corrupción, impedindo a autentica separación de poderes, alicerce imprescindíbel dunha verdadeira democracia? É exemplar que os órgaos xudiciais, Poder Xeral do Estado e Tribunal Constitucional perdesen a súa credibilidade por telos convertido en órgaos políticos dos partidos maioritarios? É exemplar que utilizasen as televisións e outros meios de comunicación como altifalantes para conservar e incrementar o seu poder partidario? As televisións públicas TV1, TV2, TVG, son televisións gobernamentais, que manipulan a información a man salva en beneficio propio. É exemplar que subvencionen copiosoamente os meios privados para convertelos en dóciles pesebristas para que maquillen a información segundo conveniencias dos gobernantes de turno? Por outra parte, esta exixencia de exemplaridade podía tela presente cando a súa familia se enriquecía a conta do herario público, cando el incrementaba o seu propio patrimonio ou cando a corrupción embargaba a toda a sociedade. A expresión «Estado de Direito» converteuse nunha arma arroxadiza contra os que non comparten a dexeneración democratica experimentada durante os gobernos de PP e PSOE. A doutrina Parot formaba parte até fai ben pouco do «Estado de direito» e non era máis que un desaguisado xurídico, ao igual que o vai ser a lei Wert, ideada para españolizar a todos os pobos do Estado, velis nolis, ou a lei de réxime local, ideada para reforzar a presenza das deputacións na xestión da cousa pública e así reforzar o centralismo españolista.

A petición de que se resolvan as controversias segundo as normas democráticas aprobadas por todos, aparece como unha mostra máis de españolismo, pois é evidente que os pobos, diferentes do español, son totalmente silenciados na CE e os seus direitos ignorados. Cando o todo pode impoñerse e negar os direitos das partes, non existe democracia nin liberdade, pois, como dicía Castelao, non hai individuos libres en pobos escravos, en pobos que carecen de liberdade. Por outra parte, a laminación do Estatuto catalán ao seu paso polo Tribunal Constitucional, é unha norma aprobada por todos? A participación na guerra do Irak foi unha norma aprobada por todos? Os recortes en sanidade, educación e pensións son normas aprobadas por todos? A doutrina Parot é unha normai aprobada por todos? A lei Wert é unha lei aprobada por todos? A reforma da lei do aborto é unha lei aprobada por todos? O partido que goberna ten sequera a maioría dos votos do eleitorado? Supoñamos que Iberia se constituír nunha federación, como pedía Castelao, aceptarían os portugueses que se dixese que é aprobada por todos unha norma á que eles non deron o seu consentimento senón que se mostraron totalmente en contra? Se estivesen recoñecidos os direitos dos pobos ao formar parte dunha federación, como están os direitos individuais, entón si que se podía dicer que están aprobadas por todos, porque, polo menos en orixe, se deu a conformidade a que se funcionase desa maneira, e o lexislador tería direito a lexislar porque se supón que representaría a todos, mais este non é o caso. Cando se aprobou a CE negáronse os direitos dos pobos ao estabelecer que a soberanía reside no pobo español, que é evidentemente ben distinto do pobo catalán, ou do vasco ou do galego, por moito que todos convivamos no Estado español. Isto deu lugar a unha especie de apastheid étnico, no que a voz dos pobos non existe. Isto explica que tanto vascos como galegos non votasen maioritariamente a CE e agora quizais o lamente o pobo catalán, e explica tamén a falta de identificación dos grande partes dos habitantes destas comunidades co sentir españolista, identificación que non se pode impoñer con ningunha lei. Castelao mesmo defendía unha federación para o Estado español e para toda Iberia, mais con unha lei do divorcio, á que poder acollerse se o matrimonio non funciona, mais en España, os divorcios estiveron mal vistos polas elites gobernantes até fai ben pouco.

Tocante á petición de xenerosidade, por que non lla pediu ás forzas políticas e sociais estatais cando se estaban a laminar as competencias dos estatutos de autonomía, convertidos en sombras difusas do que foron na súa orixe, nada xenerosa por certo? Cando os Tribunais estaban a facer unha interpretación restritiva da propia CE, fallando que nas nacións do Estado, falar a lingua propia nunca pode ser considerado un deber e tiña que ficar reducida a un direito? Cando o PP recorreu o Estatuto catalán por pura conveniencia de partido e cando se opuxo a que se renovase porque así tiña máis fácil que se lle dese un bo pau a Catalunya? Agora xa lle deron o pau, mais, por irresponsabilidade política,  teñen un grave problema

Segundo o rei Borbón, sempre soubemos saír xuntos das maus momentos, e construír xuntos os bos, mais eu observo que mesmo neste momento as entidades financeiras saen dos maus e constrúen os bos a expensas da cidadanía e non xunto con ela, sendo así que foron elas, principalmente, quen nos meteron nos maus. Por que non hai un pouco de rigor no que se di para ser digno de credibilidade? Por que se nos pretende calar con produtos adormecedores desta índole? 

Para terminar, apropiase de logros dunha sociedade traballadora e pacífica que deu o mellor de si e suportou estoicamente a adversidade porque pensaba que estaba ben gobernada, que había decencia institucional, mais cando viu que todo isto era un espellismo e que todo estaba podrido, protesta pacificamente mais tamén airadamente, e o Goberno responde coa lei se Seguranza Social que vén dificultar a protesta e obrigar á conformidade de bon ou mal grau.

Canto á recomendación do seu fillo, pouca credibilidade ten un pai para facela, e moito menos el na situación actual. É o seu fillo quen debe gañarse o posto democraticamente. Finalmente, lamentar que sexa el só e por propio interese e non acepte que sexa a sociedade quen decida se val a pena que siga a estimular a convivencia e desempeñar as competencias que lle concede a CE.

10 dic 2013

DIÁLOGOS TEMPESTIVOS (02a)

A Igrexa e os políticos


Portavoz da Conferencia Episcopal
Aos interlocutores Nerea e Manolo, que presentamos en Diálogos Tempestivos (02), uniuselle un mociño de nome Xorxe, de profisión estudante universitario nesta milenaria e pétrea cidade de Compostela, testemuña muda de séculos escuros, moreno, ben parecido e afábel.

Nerea.- Que tal che vai nesta cidade e na súa universidade.

Xorxe.- Na cidade moi ben, é cómoda e alegre, aínda que recoñezo que non abandonou o tufo clerical que padece desde fai séculos. Como di un compañeiro meu, son bandas córvidas parasitarias, usufrutuarios dun rendedoiro purgatorio e dispensadores de copiosas grazas a todos os poderosos e corruptos, incluídos os gobernantes opresores e ditatoriais.

Nerea.- E aínda por acima, están isentos de pagar os impostos de IBI e  IVA, co agravante de que todos estes impostos que eles se negan a pagar teñen que ser repercutidos na cidadanía, que ten que apandar con todo o que eles non pagan. Este facto, xunta coa isención de impostos aos ricos, grandes empresas e grandes fortunas, cria unha situación semellante á que existiu nos prolegómenos da Revolución Francesa, cando a Igrexa e os Nobres se negaron a pagar impostos, recaíndo todo o peso fiscal sobre o Terceiro Estado, burguesía, pequeno comercio e industria e camponeses, que criou o caldo de cultivo necesario e suficiente para que se levantasen contra os poderes estabelecidos. Agora os nobres son marxinais mais os favorecidos son as grandes fortunas e os que obteñen grandes ingresos. Se a isto sumamos o océano de corrupción en que vivimos, a situación pode devir insuportábel.   

Manolo.- Hai que ter en conta que o Tribunal Constitucional lle deu a razón a Igrexa e ditaminou que é inconstitucional que o paguen, a un recurso que presentou o PP.

Xorxe.- Eu entendo que hai unha connivencia entre o PP, os poderes empresariais e a Igrexa, da que non se libra tampouco a xustiza, que foron quen apoiaron o franquismo xunto cos militares. O PP actuou de protector do seu brazo direito, que é a Igrexa, e presentou un recuros para que os seus aliados non pagasen como os cidadáns da rúa.

Manolo.- O PP non existía en tempos de Franco e non puido apoiar os militares.

Nerea.- O PP non existía nese momento mais vén ser o herdeiro seu, que comparte moitas das súas políticas, e moitos dos que militan nel son puramente franquistas e da ultradireita. Os franquistas constribuiron como os que máis a deseñar o novo modelo político implantado na etapa denominada de transición, e que eu chamaría de acomodación ao novo cenario que se abría. Os partidarios do réxime ditatorial e persoal de Franco, como Fraga, Suárez, que foi Secretario Xeral do Movimento con Franco, etc. disfarzáronse de mestres de democracia e participaron no deseño dunha constitución que debería ser antitética da que eles defenderon sempre. Outra farsa máis que nos venderon.

Xorxe.- Volvendo á Igrexa. Se o Tribunal Constitucional fallou que é inconstitucional algo que non figura na Constitución, foi porque os gobernos que tivemos aprobaron que non pagase IBI polos seus edificios, pois iso non figura como tal na Constitución.

Nerea.- O Concordato asinado polo Estado español e a Santa Sede en 1979 exclúe do pagamento do IBI non só os edificios destinados ao culto senón os edificios anexos destinados a “actividade pastoral”, as residencias do clero a todos os niveis, os destinados a oficinas, curia diocesana, universidades eclesiásticas e casas e conventos dos relixiosos e institutos de vida consagrada. En moitos destes edificios tamén desenvolven unha actividade económica mercantil, como no Seminario Maior de Santiago e no convento de San Francisco, que se dedican tamén a hospedería, competindo cos sectores que si pagan impostos por IBI e IVA,

Xorxe.- Mais non é só iso, senón que a Igrexa fica isenta de pagar contribucións dos bens dos que se apropiou polas inmatriculación que lle permitiu o goberno de Aznar; recibiu do Estado en 2012, enténdase de tados e cada un de nós, 5.700 millóns de euros, e agora logrou tamén que os cidadáns arreglen a catedral como decidiu o goberno de PP, vía Consorcio. Este é un verdadeiro saco sen fondo.

Nerea.- O goberno do PP está gobernando contra todos e non deixa de ser noticia na imprensa a diario polos seus escándalos reiterados.

Manolo.- O PSOE tamén o fixo mal, porque non fixo nada por solucionalo e continuou subvencionando copiosamente á Igrexa. Agora fai demagoxia e promete derrogar o Concordato, mais tampouco oferece garantía ningunha de que o vaia facer cando goberne. Outra medida máis electoralista.

Nerea.- Aquí non se trata de ser aditos de ninguén, senón do que nos amostra a nosa razón que debe ser. Cinxíndonos ao que nos toca suportar nestes momentos, están inmersos na corrupción até os narices e non dan solucionado ningún dos frentes que teñen abertos. Redixen unha lei de transparencia na que non se garante a información ao cidadán, e fai uns días o Director do Banco de España negábase a facer públicas as multas aos banqueiros que cometan excesos. É unha lei de transparencia redixida polos opacos, como nos toca viver no caso Bacenas, que ocultaron e falsearon todo o que puideron.

Manolo.- Con todo, agora xa prohibiron as doazóns de empresas aos partidos políticos, que era unha fonte de corrupción.

Nerea.- En non creo que sexa unha solución, pois non se prohiben as doazóns ás fundacións ou asociacións e basta con que lle insinúen que hai que pasar por este rodeo aos corruptores e asuntos acabado. Inclusive aínda que se prohiban as doazóns a partidos, basta con contabilidade b, ou que fagan o ingreso en nome dun particular e non dunha empresa. Veredes como aos corruptores non lles pasa nada porque o van negar, o PP está negando a mesma evidencia e, se son imputados, xa buscarán as voltas para librarse. A xustiza é igual para todos, que significa para todas as elites do país.
   
Xorxe.- Os banqueiros foron os que afundiron o sistema financeiro e todos saíros indemnes. Non verás que ningún deles que entre no cárcere por irresponsábel. Tampouco entrará a infanta a pesar dos indicios claros de corrupción, pois o fiscal, dependente do Goberno, está furibundamente en contra, ao igual que a avogacía do Estado e o PP.

Nerea.- Para Catalunya non teñen solución ningunha. Eles que tanto atacaron a Zapatero por improvisar, agora o Presidente sai con que el verá como actuar con Catalunya despois dos movimentos que faga Mas. Non se arrepentiu nunca de presentar un recurso de insconstitucionalidade contra o Estatuto catalàn que foi a orixe de todo o follón que se montou, se de follón podemos falar. Agora sai con que non autorizará que Catalunya faga un referendo porque a Constitución o impede, mais el sabe moi ben que se tiver vontade política podía cambiala en oito días como fixo coa reforma para garantir o pagamento prioritario da débeda dos mercados, ou pode delegar a competencia para facelo.  Son desculpas de mal pagador.

Xorxe.- Coparon as institucións, repartíronse os cargos entre eles e o PSOE; controlan o Ministerio Fiscal que perdeu toda imparcialidade, o Tribunal Constitucional, o Consello Xeral do Poder Xudicial, e afogan o país. Agora sai o Montoro con ese lío na Axencia Tributaria que fixo que perdese tamén a súa imparcialidade. Na Axencia Tributaria debe haber técnicos que se distingan pola competentencia no desenvolvemento do seu labor e non polo carné político.

Manolo.- Se estaba controlada polos socialistas, eles poderán facer o mesmo.

Nerea.- Nunca se falou de que os socialistas a controlasen e supoño que habería socialistas, populares, de Esquerda Unida. Todo fai suspeitar que o que pretenden a tapar a corrupción e axudar aos seus amigos.

Manolo.- Xorxe, en que vas traballar cando acabes a carreira?

Xorxe.- Ese é o problema. Teño un bo expediente mais non teño garántía ningunha que poida encontrar un traballo, como millóns de mozos e mozas coma min, porque os gobernantes que tivemos, comezando pola cúspide do Estado e o seu brazo económico, as elites financeiras, empresariais, etc. botaron o país na ruína. Parece que non me queda máis opción que emigrar, ou, en palabras da ministra Bañez, que pacticar a movilidade exterior. Todos eles mentiron, enganaron, cobraron comisións en claro fraude de lei, e por acima son os que se presentan agora como os salvadores da patria e os que teñen as receitas precisas para saír da crise, sendo así que xa gobernaron en comunidades como Valencia, Murcia, Murcia, Galicia, etc. e non o fixeron mellor que os socialistas. Aeroportos sen tráfico aéreo, autoestradas sen vehículos, obras faraónicas en Valencia e Galicia, que obrigan a romper a cabeza para ver que se fai con elas, etc.


Manolo.- Por hoxe xa solunionamos o país. Outro día continuamos.

9 dic 2013

EUNUCOS POLO REINO DOS CEUS E DOS PODEROSOS (06)

10.- Os esenios e Xesús de Nazaré

 

a) Os esenios

Home sen órgaos sexuais

Para contextualizar as afirmacións de Xesús de Nazaré sobre o eunuquismo, cumpre facer unha descrición somera da secta dos esenios, á que pertenceu Xoán o Baptista e quizais o mesmo Xesús; en todo caso, parece que foi influído significativamente por ela. Polo que respecta ao noso tema, debemos observar que neste grupo van defender e practicar unha abtinencia sexual en aras dun fin superior, que será tamén unha ideia diretriz no pensamento de Xesús e da igrexa. Foi fundada, ou polo menos recibiu un grande impulso, por unha personaxen da que a identidade se disfarza nos escritos de Qunran co nome de Mestre de Xustiza, que viviu no século II a. C., que se opuxo ao Sumo Sacerdote Xonatan, irmán e sucesor de Xudas Macabeu (s.II), como lider da banda de soldados que se rebelaron contra o rei seleucida Antíoco IV Epifanes (175-164) o ano 167 a.C. Se acreditamos no que afirma o escritor latino, Plinio o Vello (23-79), na súa Historia Natural, escrita no período 77-79, a súa antigüidade tería que ser moito maior, gozaban de grande predicamento social e terían o seu asentamento principal ás orelas do Mar Morto: “En Occidente, mais distantes da orela (do Mar Morto), onde non hai nada que temer das súas exhalacións, están os esenios, nación solitaria, singular por acima de todas as outras, sen muller, sen luxuria, sen diñeiro, vivindo na sociedade das palmeiras. Reprodúcense día a día, a causa da afluencia de novos anfitrións; e non falta a multidume dos que, fatigados da vida, son levados pola vaga da fortuna a adoptar esta clase de vida. Así durante miles de séculos, cousa incríbel, nunha nación onde non nace ninguén, tan fecunda é para ela o arrepentimento que teñen os outros da súa vida pasada”1. O filósofo xudeu, Filón de Alexandría (15/10 a. C.- 45/50 d.C.), en Todo home Probo é Libre, cifra o seu número en catro mil, frente a uns seis mil dos fariseos. “Tampouco é estéril en altas cualidades morais a Siria Palestina. Nela habita unha non pequena parte da numerosísima nación dos xudeus, entre os cales se mencionan algúns chamados esenios, dos que o número ascende a máis de catro mil”2.

Embora o seu asentomanto principal estaba en Qumrán, tamén se instalaron en bairros das cidades hebreas, constituíndo agrupacións autárquicas, solidarias, fraternas, igualitarias, ascéticas e piedosas, integradas por homes maduros, -as mulleres e os infantes non eran admitidos. Entrábase na comunidade despois de pasar unha serie de probas rigorosas, que incluían un ano de instrución e dous anos máis para probar o seu carácter antes da súa integración definitiva, que só se produciría após comprometerse por xuramento a observar unha serie de votos entre os que se achan venerar a divindade e observar a xustiza cos homes, detestar os inxustos e axudar aos xustos, gardar secreto das doutrinas da comunidade se acceder a un posto de mando, ... A nivel persoal eran moi honestos e dignos de admiración pola súa práctica da xustiza. Eran considerados como bos preditores do futuro en base ao estudo, purificacións, e ditos dos profetas. Constituiron comunas de carácter comunista, nas que non existía a propiedade privada, senón que todo era común. Como afirma o historiador xudeu, da escola dos fariseus, Flavio Xosefo (37/38-101) nas Antigüidades Xudaicas (ca. 94): “Os bens son comúns a todos e o rico non goza máis das súas propiedades que o que non posúe nada. E son máis de catro mil homes a vivir así”3. Este trazo é ratificado tamén por Filón de Alexandría na Apoloxía en prol dos Xudeus: “Testemuño desa liberdade é a súa vida. Ninguén entre eles, con efeito, se permite absolutamente posuír bens propios: nin casa nin escravo nin terra nin rabaño nin cousa algunha de cantas produce e proporciona a riqueza, senón que colocan todas as cousas conxuntamente para uso colectivo e gozan en común dos beneficios de todos eles”4. Cando viaxan non levan nada consigo, pois a comunidade pon ao seu servizo todo o que necesitan, facto que lembra exhortacións de Xesús de Nazaré: “Cando chegan irmáns dunha localidade a outra, a comunidade pon todos os seus bens á súa disposición, como se lle pertencesen; conviven entre persoas que nunca viron como entre íntimos amigos. Tamén, nas súas viaxes non carretan nada con eles, a non ser armas por culpa dos bandidos. En cada cidade hai delegado un comisario encarregado especialmente destes hospedes da comunidade: provelle vestimentas e víveres. ... Entre eles non se compra nin vende nada, cada un dá aos outros das súas provisións o necesario e recibe en contrapartida aquilo do que ten necesidade; mais, inclusive sen reciprocidade, élle permitido recibir o necesario para vivir de parte de calquera dos seus irmáns”5.

Como afirma Flavio Xosefo, nas Antigüidades Xudaicas, vivían entregados principalmente ao traballo da terra e para percibir as rendas e os produtos da terra “elixen a man alzada homes xustos, e escollen sacerdotes para a preparación da comida e bebida”6. Porén, segundo matiza Filón de Alexandría, as súas ocupacións son diversas, pois alén dos que traballan no campo, “outros son cuidadores de rabaños, tendo ao cargo toda sorte de gandos; e algúns cuidan de colmeas de abellas. Outros traballan en distintos oficios manuais con obxecto de evitar os inconvenientes que forzosamente ocasionan as inevitábeis necesidades e non renuncian a ningunha cousa irreprochábel que contribúa á subsistencia”7

Eran, escribe Flavio Xosefo, irmandades igualitarias nas que desprezaban a riqueza, outro trazo común con Xesús de Nazaré, e “practicaban entre eles un marabilloso espírito de comunidade. Ninguén entre eles sobrepasa aos demais pola fortuna; porque a súa lei prescribe aos que adhiren á súa secta deixar os seus bens á corporación, de maneira que non se encontra en ningún sitio entre eles nin a angustia da pobreza nin a vanidade da riqueza, senón a posta en común dos bens que cada un da a todos, como se fosen irmáns”8.
 
Segundo Flavio Xosefo , trataríase dunha escola filosófica, ao lado da dos fariseos e saduceus. “Hai, con efecto, entre os xudeus, tres escolas filosóficas: a primeira ten como sectarios aos fariseos, a segunda os saduceus, a terceira, que pasa por exercitarse na santidade, tomou o nome de esenios, xudeus de nacimento, máis ligados entre si polo afecto que os outros. Repudian os praceres como un pecado e teñen como virtude a temperanza e a resistencia ás paixóns. Desprezan o matrimonio para eles, mais adoptan os meniños doutros, nunha idade na que o espírito aínda tenro se penetra facilmente das ensinanzas, trátanos como os seus propios proxenitores e incúlcanlle os seus propios costumes. Non é que eles condenen en principio o matrimonio e a procreación, mais temen da desvengoña das mulleres e están persuadidos que ningunha delas garda a fidelidade a un só home”9. No desprezo do matrimonio, que describe Filón de Alexandría, pode detectarse unha tendencia misoxina que foi tradicional no xudaísmo e que marcará a historia do cristianismo: “Rexeitan o matrimonio porque con toda clareza ven nel o único ou principal obstáculo para manter os vínculos da vida en comunidade, e á vez porque practican con particular celo a continencia. Ningún deles, con efeito, toma esposa, entendendo que a muller é unha criatura egoísta, celosa por demais e capaz de tender as súas redes aos costumes do home e seducilo coas súas incesantes fascinacións”10. Este desprezo do matrimonio non era común, segundo matiza Flavio Xosefo, a todos os grupos de esenios senón que “Existe aínda outra clase de esenios, que se parecen aos outros polo réxime, costumes, leis, mais que se afastan deles pola cuestión do matrimonio. Pensan que renunciar ao matrimonio é realmente suprimir a parte da vida máis importante, a saber, a propagación da especie; cousa tanto máis grave que o xénero humano desaparecería en pouco tempo se todos adoptasen esta opinión. Toman ás súas mulleres como ensaio, e despois que tres épocas sucesivas mostraron a súa aptitude para concibir, despósanas definitivamente. Despois de estar embarazadas, non teñen relacións sexuais con elas, mostrando así que se casan non por pracer senón para procrear meniños”11.
 
A nivel relixioso, crían que a alma era inmortal, non oferecían sacrificios de animais no Templo senón que practicaban outra clase de purificacións, e deixaban todo nas mans de Deus, como aconsellaba tamén Xesús. “Os esenios teñen como crenza deixar todo nas mans de Deus; consideran que a alma é inmortal e pensan que cumpre loitar sen descanso para alcanzar os froitos da xustiza. Envían oferendas ao Templo, mais non fan sacrificios porque practican outra clase de purificacións. Por esta razóns abstéñense do recinto sagrado para facer sacrificios á parte”12, que lembra a recomendación á oración en privado do Galileu. As súas crenzas son narradas por Flavio Xosefo nas Antigüidades Xudaicas do seguinte modo: “Os esenios teñen como costume deixar todo nas mans de Deus; consideran o home como inmortal e estiman  que hai que loitar sen descanso para alcanzar os froitos da xustiza. Envían oferendas ao Templo, mais non fan sacrificios porque practican outra clase de purificacións”13. Antes de saír o sol elévanlle preces tradicionais como se lle suplicasen de aparecer. A respeito da inmortalidade da alma e do seu destino após a morte seguen as doutrinas platónicas: “Con efeito, é unha crenza ben asentada neles que o corpo é corruptíbel e a materia que o compón inconsistente, mais que a alma é inmortal e imperecedoira, que habitaba o éter máis subtil, que atraída ao corpo como nunha prisión, únese a el por unha especie de encanto natural, que esta alma unha vez desprendida dos lazos da carne, desembarazada por así dicer dunha longa escravatura, toma o seu vó gozoso cara ás alturas. De acordo cos fillos dos gregos, pretenden que somente ás almas puras é reservado unha estadía alén do Oceano, un lugar que non importunan nin as chuvias, nin as nuves, nin o calor excesivo, senón que o doce cefir, soprando do Océano, vén refrescar sempre; as almas impuras, polo contrario, reléganas nun abismo tenebroso e axitado polas tempestades, superabundando de eternos sufrimentos”14.
 
Os esenios aprendían a controlar as súas paixóns, desexos e impulsos sexuais; non casaban por amor ao reino dos ceus e, aínda que non se certificaron entre eles casos de evisceración, crearon a mística que preparou o terreno para que no cristianismo se dese ese paso, facto que estivo reservado ao seu fundador, Xesús. Na primitiva igrexa cristiá, a emasculación físiolóxica foi substituída pola emasculación mental, pola renuncia voluntaria ao pracer sexual e á procreación, só moi parcialmente exitosa, como estamos a observar nos nosos días polos inumeros casos de corrupción a este respeito.
 

b) Xesús de Nazaré

 Xesus de Nazaré (4/5 a. C.-27/28 d.C.) insírese neste marco conceptual do Trito-Isaías, e parece admitir a castración, inclusive cando se practica voluntariamente, se se fai por amor do reino de Deus: “Porque hai eunucos que naceron así do ventre da súa mai, e hai eunucos que foron feitos polos homes, e hai eunucos que se castraron a si mesmos por amor do reino dos ceus”15. Para entender o alcance deste texto temos que inserilo no seu contexto, tanto remoto como próximo. O primeiro está constituído polas seguintes concepcións:

a) A biblia hebrea, que Xesús coñecía ben e que consideraba inspirada por Deus.Os israelitas non dubidaron en emerdarlle a plana ao criador, e, por iso consideraban o sangue proveniente da regra ou do parto como algo impuro do que cumpre purificarse e como un pecado, e a muller, que está máis exposto ao fluído sanguíneo, como máis impura que o varón, e se dá a luz unha menina é máis impura que se dá a luz un menino, como se pode constatar no seguinte texto: “Iavé falou a Moisés e díxo: Fala aos israelitas e dilles: Cando unha muller dea a luz e teña un fillo varón, ficará impura durante sete días, será impura como no tempo das súas regras. Ao oitavo día será circuncidado o menino na carne do seu prepucio, mais ela permanecerá aínda 33 días purificándose do seu sangue. Non tocará ningunha cousa santa nin irá ao santuario até cumprirse os días da súa purificación. Mais se dá a luz unha menina, durante 15 días será impura, como no tempo das súas regras, e permanecerá 66 días máis purificándose do seu sangue. Ao cumprirse os días da súa purificación, sexa por menino ou menina, presentará ao sacerdote á entrada da Tenda do Encontro, un cordeiro dun ano como holocausto, e un pombiño ou unha rola como sacrificio polo pecado. O sacerdote oferecerao ante Iavé, facendo expiación por ela, e ficará purificada do fluxo do seu sangue. Esta é a lei referida a unha muller que dá a luz un menino ou unha menina”16. Para os israelitas, alén do fluido seminal17, tamén era motivo de impureza ter contraído a lepra18, o pecado, tocar a un morto19, .... A este ritual da purificación tamén se submeteu María20, o cal non deixa de ser incoherente se nacer dunha mai virxe e sen derramamento de sangue, como afirman varios evanxellos apócrifos21, e continuou practicándoa a Igrexa até os nosos días, dedicando un día do ano, 2 de febreiro, para celebrar solemnemente a festa da Purificación de María. Para o cristianismo, a carne é fonte de pecado e por iso debe ser purificada, segundo nos narra a Epístola aos hebreus22.
 
b) A relixión dualista persa fundada por Zoroastro, o mazdeísmo, que tivo unha grande influencia no xudaísmo, e, por conseguinte, tamén no cristianismo. Defendía un dualismo ético e metafísico, que contrapón dous espíritos orixinais e autoexistentes, un deus supremo bondadoso, Ahura Mazda ou Ormuz, á súa antítese no espírito do mal, Angra Mainyiu ou Ahriman, converténdose os demais deuses en divindades secundarias; que a alma é inmortal e será xulgada após a morte. Os xustos conseguirán a luz eterna; os condenados irán aos infernos, e os que compensaron as más accións coas boas, ao purgatorio. Os xudeus, antes do exilio, non tiñan noción da retribución individual após a morte dos defuntos. Todos, bos e maus, ían ao Sheol, conceito similar ao Hades grego, a rexión das sombras e da morte, a tomba colectiva de toda a humanidade falecida; Os últimos días serán anunciados pola vinda dun mesías e liberador, Saoshiant, que renovará o mundo despois da resurrección; na demonoloxía, taumaturxia, etc.

c) O platonismo co seu desprezo do corpo e da materia e o anseio de aniquilación e de morte para retornar ao mundo das Ideias que constitúe o seu fogar natural, e o seu desprezo da muller que ten a súa orixe en almas de homes con comportamento deshonesto, e condenados a reencarnarse en mulleres23, coas mesmas faculdades que os homes mais dunha natureza inferior: “os dotes naturais están diseminados indistintamente nuns e outros seres, de maneira que a muller ten acceso pola súa natureza a todos os labores e o home tamén a todos; unicamente que  muller é en todo máis débil que o varón”24. Porén, Platón non sofre de misopedismo, de odio á procriación dos fillos, contrariamente aos epicúreus que renuncian a telos por comodidade e para evitar perturbacións, aos esenios que dubidan da fidelidade das mulleres, e varias sectas cristiás que desprezan a carne e a materia, senón que, polo contrario, considera como unha obrigación do home fomentar a procriación en aras de perpetuar a especie e de procurar fillos para o Estado: “O xénero humano é contemporáneo dos séculos; o home acompaña e acompañará o tempo no seu percurso; engana a morte deixando despois del fillos que os deixan á súa vez e converten a especie en imortal, unha e idéntica a ela mesma, pola sucesión perpetua das xeracións. É pois un crime para todo home privarse voluntariamente desta vantaxe, e é consentir en privarse o recusar tomar unha muller e ter fillos”25.

d) O culto a Cibeles-Atis, que xa expuxemos en capítulos anteriores.

e) Os esenios

Creo que é totalmente desencamiñado interpretar a mensaxe de Xesús en clave descontextualizada, pois Xesús era fillo do seu tempo e da súa sociedade e non podemos  pedirlle unha sensibilidade moral como a dos nosos días. Se non se interpreta no seu contexto resulta un Xesús totalmente incomprensíbel.

O contexto próximo está constituído pola pergunta que lle fixeron os apóstolos acerca de se é lícito repudiar á muller. Xesús oponse en base ao que dí o Xénesis26 de que o matrimonio é unha unión na que dous fican reducidos a un e, en consecuencia, esta unidade non se pode disolver. Trátase dunha fusión por absorción e anulación da personalidade dunha das parte, a muller, que se pode utilizar ad libitum, a seu bel-pracer, a modo de cleanness, do que se pode prescindir, unilateralmente, cando non agrada, dándolle o libelo de repudio27, salvo que fose violada28. A muller foi criada para axuda do varón29, era un instrumento ao seu servizo, ao mesmo nivel que a casa e a viña30, condenada, como froito do pecado orixinal a estar submetida ao marido31, mentres que sería “escaravatura, ignomínia e vergoña a muller que domina ao marido”32. A muller repudiada era discriminada socialmente, independentemente da causa do repudio; non podía ser desposada por un sacerdote, ao igual que sucedía coas prostitutas33. Esta concepción está lonxe do matrimonio como ideal común compartido desde a igualdade e a diferenza, preservando a personalidade e identidade psico-física de cada unha das partes. Xesús, aínda que comparte a concepción xudaica sobre a muller, introduce un matiz que é a imposibilidade non só unulateral senón tamén bilateral do repudio, salvo en caso de adulterio34, e, por tanto, o efeito cleanness; do cese da convivencia mútua voluntaria e da forzada por unha convivencia insuportábel non fala porque non entraba na órbita das súas preocupacións. Se Moisés -diconcedeu licenza para o repudio e o divorcio foi a título provisorio motivado pola dureza do voso corazón. Aos apóstolos parécelles duro non poder repudiar e casar con outra e, por iso, coméntanlle que nese caso é mellor para o home non casar. Xesús non o nega e inclusive parece asentir a esta formulación, e, por iso, convida a converterse en eunucos polo reino dos ceus.

Algúns autores queren interpretar este texto dicindo que non se trata dunha castración real senón figurada, ou sexa, que se trataría dunha vida de castidade, mais non hai nada que xustifique esta interpretación, senón que debe ser encuadrado dentro dun contexto no que todo o que se fixese en aras da gloria de Deus ficaba santificado, o cal non surprende nun pobo que denigraba a sexualidade, considerándoa como unha mácula da natureza humana. Esta interpretación era compartida por Xesus e considerba que a mutilación estaba xustificada se podía desviar do fin a alcanzar que era o reino dos ceus ou, como el chama, a vida, como o atestigua no que afirma a respeito do escándalo: “Se a túa man te escandaliza, córtaa; éche mellor entrar na vida manco que ter dúas mans e ir á xeena, ao fogo inestinguígel, onde o verme deles non morre e o fogo non se apaga. E se o teu pé te escandaliza, ampútao; éche mellor entrar coxo na vida eterna, que ter dous pés e ir á xeena do fogo inestinguígel, onde o verme deles non morre e o fogo non se apaga. E se o teu ollo te escandaliza, sácao; é mellor para ti entrar con un ollo na vida, que ter dous ollos e ser enviado a xeena do fogo, onde o verme deles non morre e o fogo non se extingue”35. É unha pena que Xesús non explicase que entende por escándalo, para que puideramos analizar mellor o valor das súas afirmacións, mais, en todo caso, o que se desprende do texto é que a finalidade principal do home é obter a vida eterna, e, para conseguilo, todos os meios son bos; por tanto o fin xustifica o meio da castración, que en si, evidentemente, é mau. A sensibilidade moral de hoxe non é favorábel á mutilación en ningunha das súas formas e opta por outros castigos, como pode ser a privación de liberdade, internamento en centros de saúde, confiscación de bens, etc. No texto de Mt. 19,12, Xesús enumera os tipos de eunucos e non emite un apoio explícito a ningún deles, mais tampouco ningunha condena, e inclusive polo contexto parece que sería favorábel á emasculación polo reino dos ceus como opción voluntaria. Así o parece dar a entender o seu convite á reflexión: “quen poida entender que entenda”. Neste caso, todo indica qure non emite un pronunciamento explícito a favor para evitar a polémica coas autoridades e cos seus concidadáns, tendo en conta que o eunuquismo estaba castigado polas leis romanas, ás que estaba suxeita o pobo hebreo, como nación submetida. Un pronunciamento explícito podía acarretarlle conflitos de carácter penal, que el procuraba evitar. Esta é a única intrpretación que fai intelixíbel o pronunciamento de Xesús, pois en caso contrario, indicaría que el xoga ao cripticismo cos seus interlocutores dun xeito totalmente inxustificado, inmotivado e irresponsábel, pois o normal sería que explicitase claramente aos seus discípulos o que quer dicer. Eu que non creo que Xesús sexa fillo de Deus nun sentido distinto ao que calquera mortal pode dar a esta expresión, si creo que el era un home sincero, ben intencionado, altruísta, e que non pretendía cometer unha especie de fraude cos seus discípulos ocultando sen razón suficiente o seu pensamento, e a única razón suficiente consiste en que el non podía ser máis explícito se non quería enfrentarse ás acusacións contra el por parte dos seus numerosos adversarios que podían aproveitar a ocasión para acusalo de que se opoñía á lexislación imperial, como aconteceu coa pergunta que se lle fixo, para tentalo, de se se lle debe pagar tributo ao Cesar, situación na que tamén tentou evitar a colisión con Roma. 

Os xudeus discordaban sobre a duración dos castigos na xeena, no qu o cristianismo denomina o inferno, embora se inclinasen máis ben polo castigo temporal. En tempos de Xesús, existían dúas escolas contrapostas a respeito da duración do castigo na xeena, que cumpre non identificar co sheol, que é a mansión de todos os defuntos, lideradas polos rabinos Hillel (70 a. C. 10 d. C), liberal, autor da célebre frase, «non fagas ao teu próximo o que non desexas que che fagan a ti», e Shammai (50 a. C.-30 d.C), rigorista. O primeiro defendía que a duración das penas era provisoria, de doce meses, embora admita que certa clase de pecadores e xentíos pasen toda a vida no inferno, especialmente os que rexeitan completamente a Deus. Como afirma Rabbi Akiba: “A duración dos castigos dos pecados na Xeena é por doce meses”36. A escola de Shammai defendía o castigo eterno: un tercio da xente vai á vida eterna; outro terzo, ao tormento eterno, e o outro vai á xeena, mais retornan. Xesús de Nazaré adheriu á escola de Shmmai neste tema, e defendeu a duración eterna das penas, submetidas ao fogo eterno e corroídas polos vermes, o que suscita o problema de como é posíbel que un corpo perdure despois dun primeiro momento de cremación e como pode ser cremado e ao mesmo tempo corroído por vermes, sen supoñer unha especial intervención divina para poder continuar a castigar os pecadores, pensamento alleo a toda sensibilidade moral. 

Por conseguinte, hai tres tipos de eunucos:
I) Os que foron vítimas dalgunha anomalía xenética ou dalgún trauma puerperal. Algunhas destas anomalías son: a atrofia testicular; aplasia testicular, quer dicir, a ausencia dun ou dous testículos; a criptorquidia, ou sexa, a falta de descenso dos testículos ao escroto ou bolsa onde se aloxan; ectopia testicular, se o testículo de localiza fóra do seu traxecto; a monorquía, falta dun testículo; a anorquía, ou carencia de testículos; torsión testicular, que impede a rega sanguínea normal; hipospadias, ou sexa, o deselvolvemento anormal do pene que ten como consecuencia unha localización anormal do meato urinario; hipoplasia testicular, ou desenvolvemento feble dos testículos; hipogonadismo, carencia de pene, micropene, axenesia gonadal, na que non se detecta ningún órgao sexual, ... Algunhas destas malformacións foron detectadas e analizadas en épocas relativamente recentes, mais non é menos certo que os seus síntomas xa se coñecían e os efectos psicopatolóxicos para os seus portadores debía ser moi relevantes.

Algúns autores consideran que a primeira alternativa da ensinanza de Xesús se refire á homosexualidade, que tería, por tanto, unha orixe xenética, mais sería un sen sentido que Deus quixer que se condenase a alguén, como fai Paulo e a igrexa cristiá coa homosexualidade, por aquilo que é natural, aquilo co que un nace, pois a natureza foi criada, segundo o cristianismo, por Deus e sería o propio Deus quen castiga a súa propia obra. Por outra parte, os dous casos seguintes, especialmente o segundo, todo indica que se refiren á castración en sentido literal, e habería, en todo caso, que acarretar xustificacións de por que nun caso ten un sentido e a seguir outro distinto. O que si é certo é que no Imperio Romano, a partir do século II se aplica a palabra eunuco tamén a non castrados, como son os que se absteñen voluntariamente do matrimonio, mais iso non implica que se refira ao homosexuais, mais isto obedece a unha reinterpretación en clave espiritualista do que se viña practicando en clave literal. As leis romanas prohibían a castración e para non colidir coa lexislación, interpretaron os textos referidos a ela en sentido espiritual. Isto é, como veremos, o que acontece na Igrexa primitiva mais por parte dalgúns dos seus seguidores en canto que outros continuaron a defender o sentido literal e a práctica emasculatoria real por entender que iso foi o que defendeu Xesús. O texto que citan os defensores da referencia de Xesús á homosexualidade é un do Dixesto de Xustiniano: “O nome de eunuco un termo xeral; baixo el inclúense: 1) Os que son eunucos por natureza (nacen eunucos), 2) Os  que son feitos eunucos (por castración ou esmagamento, e 3) algunha outra clase de eunucos (os que se absteñen voluntariamente do matrimono)”37. Non hai ningunha evidencia que indique que os eunucos naturais son os homosexuais, e tapouco podemos afirmar que son os da terceira clase, porque a homosexualidade non é unha opción voluntaria senón unha situación na que un está.

II) Os que foron emasculados por outros homes. Neste caso, atendendo á causa da castración, pode ser:
a) como froito dunha rifa entre persoas, na que accidental ou intencionadamente un resulta castrado.
b) como resultado do castigo.
c) por catividade de guerra.
d) por doazón,
e) ao servizo sexual de personaxes poderosas, como é o caso, entre outros, do eunuco e escravo persa Bagoas (s. IV a.C), castrado moi novo, que mantivo relacións sexuais con Darío III e Alexandre Magno. O travestí romano Esporo foi castrado por orde de Nerón, para convertelo na súa esposa.
f) Como escravos.
 
Finalmente, doutros non se coñece nin a causa da emasculación nin a función e só temos
constancia de que tiñan a condición de eunucos.

III) Os que se castraron a si mesmos voluntariamente, como practicaban os sacerdotes de Cibeles, Rea, Artemisa, e moitos entenderon inclusive no seo da Igrexa - entre eles Tertuliano-, e entenden que defendeu Xesus.

1 PLINIO O VELLO, Historia natural, lib. V, XVII
2 FILÓN DE ALEXANDRÍA, Todo home probo é libre, 75. XII, 50-52.
3 FLAVIO XOSEFO, Antigüidades xudaicas, Libro XVIII, cap. I: 19¡.
4 FILÓN DE ALEXANDRÍA, Hipotéticas (Apoloxía en prol dos xudeus), 11.4
5 FLAVIO XOSEFO, Guerras dos xudeus, Lib. II, cap. VIII, 124.
6 FLAVIO XOSEFO, Antigüidades xudaicas, Libro XVIII, cap. I: 22
7 FILÓN DE ALEXANDRÍA, Hipotéticas (Apoloxía en prol dos xudeus), 11.8-9
8 FLAVIO XOSEFO, Guerras dos xudeus, Lib. II, cap. VIII, 122.
9 FLAVIO XOSEFO, Guerras dos xudeus, Lib. II, cap. VIII, 119.
10 FILÓN DE ALEXANDRÍA, Hipotéticas (Apoloxía en prol dos xudeus), 11.14
11 FLAVIO XOSEFO, Guerras dos xudeus, Lib. II, cap. VIII, 160.
12 FLAVIO XOSEFO, Antigüidades xudaicas, Libro XVIII, cap. I: 18.
13 FLAVIO XOSEFO, Antigüidades xudaicas, Lib. XVIII, 18.21.
14 FLAVIO XOSEFO, As guerras dos xudeus, libr. II, cap. VIII, 11. [154]
15 Mt. 19, 11-12.
16 Lev. 12, 1-7. Cf. Sam. 11, 4.
17 Lev. Cap. 15.
18 Lev. Caps. 13, 14.
19 Núm. 19,13. Cf. Eclo. 34, 25.
20 Lc. 2, 22.
21 Evangelio del Pseudo Mateo, cap. XIII, 3. Cf. Protoevanxello de Santiago, cap. XIX, 3. Libro sobre la infancia del Salvador, caps. 69
e 75.
22 He. 9, 13.
23 Timeu, 42 b. Cf. Timeu, 90 e;
24 A república, Lib. VI, 455 d-e.
25 As leis, Lib. IV, 721 c.
26 Xen. 2, 24.
27 Dt. 24, 1.
28 Dt. 22, 29.
29 Xen. 2, 18 e 22.
30 Dt. 20, 5-7.
31 Xen. 3, 16.
32 Eclo. 25, 29-30.
33 Lev. 21, 7 e 14.
34 Mt. 5, 32. Cf. Mc. 10, 11-12; Lc. 16, 18.
35 Mc. 9, 43-48. Cf. Mt. 18, 8-9.
36 Shabbat, 33b
37 The Digest of Justinian, Vol. IV, University of Pennsylvania Press, Philadelphia, 1985, p. 944.

8 dic 2013

DIÁLOGOS TEMPESTIVOS (02)

Xulio Anguita

Julio Anguita
Isto de sentar nun café e escoitar o que di a xente é ilustrativo e enriquecedor. O día 8/12/13 fun testemuña dun diálogo entre unha parella composta por unha muller alta e espigada, loira e de espírito vivo, entrada na cuarentena, de nome Nerea, e o seu compañeiro, Manolo, de idade semellante, non sei se home, amigo ou familiar, que, chegado un momento comezaron a falar sobre un programa de televisión no que se concedíu unha entrevista a Xulio Anguita, ex-alcalde de Córdoba e ex-coordinador xeral de Esquerda Unida, pasando despois a outros temas.

Nerea.- No programa de onte Xulio Anguita dixo que os políticos non teñen vida, privada, senón só vida íntima. A ti que che parece?

Manolo.- Creo que ten razón, pois a vida íntima de cada un debe ser totalmente reservada. Pase que certos aspectos da vida privada dun político cheguen a coñecerse, porque poden incidir na súa deontoloxía como político, mais a vida íntima debe permanecer involábel para todos, tamén para os políticos.

Nerea.- Verás. Eun non o vexo tan claro, porque seguindo a túa argumentación tamén debía ficar de coñecimento público a súa vida máis íntima.

Manolo.- Creo que iso sería excederse pois os políticos tamén son seres que teñen que ter protexida a súa vida máis reservada, como é a súa vida persoal.

Nerea.- El distinguía a vida de alcova e consideraba que aí non se debe meter ninguén e a súa restante vida que si ten que estar aberta aos demais. Considero que ninguén debe ter acceso á súa maneira de facer o amor, pois isto si que é íntimo, exclusivo e persoal e ten que ser sagrado, mais antes de entrar na alcova xa hai uns preparativos, e éntrase na alcova non ao azar e con calquera e, moitas veces, por motivos alleos ao mero acto de facer o amor.

Manolo.- A min os motivos que teñan para facer o amor paréceme indiferente, e creo que debe ser un acto reservado e alleo á curiosidade pública, senón sería exixirlle un sacrificio moi grande aos políticos. A min bástame con que gobernen ben, que é o que se lle pede.

Nerea.- É evidente que o bo goberno é a misión que teñen encomendada, mais o que hai que ver é se a vida amorosa das persoas pode ter influencia na súa función política. Agora descubriuse que o presidente Kennedy facía o amor, entre outras moitas mulleres, con unha espía dos países do Leste de Europa, facto que está moi relacionado coa seguranza nacional, e que tiña preocupados fondamente aos servizos de intelixencia do país. Se os estadounidenses coñecesen este aspecto da vida íntima do seu presidente, podería serlles indiferente? A seguranza dun país, é o aspecto máis importante a nivel político, xunto coa liberdade das persoas, e non pode ficar condicionado polos amores dos seus dirixentes.

Manolo.- Ollado así, creo que tes razón e que é conveniente que se coñeza quen entra na alcova, mais só se iso pode condicionar a seguranza do país.

Nerea.- Non sei se podemos quedar contentos con coñecer só este aspecto, pois hai outros que tamén teñen a súa importancia. Supoñamos un político que defende o matrimonio monogámico e a fidelidade conxugal, mais que se considera con licenza para aproveitarse do ser cargo e do seu estatus para cohabitar con manadas de mulleres. Cres que sería isto acertado?

Manolo.- Creo que non quedaría moi ben visto, porque podía ser acusado de incoherencia e cinismo, que sería un mal exemplo para os demais. Neste caso tamén habería que limitar esa vida íntima.

Nerea.- É moi difícil excluír de antemán algún aspecto que non poida ter relación coa súa función pública, e, por conseguinte, a vida dos políticos, incluída a íntima, salvo o acto material de facer o amor, debe ser de coñecimento público. Ao rei Xoán Carlos coñécenselle varios fillos de cando el pregaba moralina para os demais sobre a familia o 24 de decembro, e iso é interesante sabelo.

Manolo.- Visto así creo que tes razón, e que todo o referente á pre-alcova deben ser de coñecimento público, e neste aspecto creo que non poden gozar da mesma reserva que os cidadáns privados.

Nerea.- No caso dos cidadáns privados creo que tamén hai que ter presente que moitas veces a súa vida privada interesa, non evidentemente para morbosear sobre ela, senón porque os actos das persoas teñen consecuencias que interesan aos demais. Imaxinemos o caso dun prestatario que solicita axuda quer a unha institución de crédito quer a un particular. Acaso non pode ser importante para o prestamista coñecer se leva unha vida reservada ou se malgata o diñeiro en clubes de alterne? A vida privada e íntima está moi ben, mais tamén é importante facer frente ás propias responsabilidades frente aos demais. Se a vida dun non afecta aos demais, hai que conceder toda a reserva que se queira e demandes as persoas, mais se os demais están afectados, pode haber intereses contrapostos que condicionan a actuación das persoas.

Manolo.- Concedo que un Banco dificilmente lle emprestaría a unha persoa que malgasta a súa fortuna en alternes ou que, como consecuencia do cambio de parella, ten que facer frente a varias pensións de ex-compañeiras.

Nerea- Onte o Xulio Anguita, falou tamén do tema catalán e creo que non estivo acertado.

Manolo.- Eu considero, con todo, que focou bastante ben o problema, e que deixou claro que no proceso que puxo en marcha Mas, hai moito de vitimismo e de desenfoque do problema. El puxo o acento en que o problema de Catalunya é a política de Mas, coincidente coa de Rajoy, e non a independencia.

Nerea.- Isto é mesturar as cousas. A política de Rajoy pode estar desacertada, e xulgo que efectivamente así é, mais iso non é óbice para que el defenda ante terceiros países os direitos de España.

Manolo.- Evidentemente que non, mais non está demostrado que España roube a Catalunya, como di Mas.

Nerea.- Bon, somente hai unhas balanzas fiscais publicadas, creo lembrar que no ano 2005, e nelas reflítese que Catalunya acarreta ao Estado moito máis do que recibe. Se temos en conta isto, parece que os cataláns teñen razóns para non estar contentos, aínda que o problema é complexo e eu creo que hai que ter en conta outros factores que son tamén moi importantes. Mais o que é certo é que, como dixo onte Anguita, a Constitución non se cumpre, e non se cumpriu practicamente nunca, e non só no aspecto social, que parece o único que lle interesa a Anguita, senón tampouco no referido aos direitos dos pobos.

Manolo.- E que direitos dos pobos non se cumpriron, dos que están recoñecidos na Constitución?

Nerea.- Mira, xa desde antes da aprobación do texto constitucional os militares interferiron na redacción da Constitución impoñendo o artigo 2, sobre a unidade de España, que descoñece a soberanía orixinaria dos pobos, e unha vez aprobada, os partidos maioritarios, PP, antes UCD e PSOE maquinaron como invalidar o que estaba no texto constitucional, como o demosta a famosa LOAPA e a continua revisión do texto constitucional polo Tribunal Constitucional, normalmente en clave centralista.  

Manolo.- Descoñecía eu que os militares presionaron nese sentido, podes aclarar mellor o que pasou?

Nerea.- Como narra o ponente constitucional Jordi Solé Tura, o Goberno da UCD tivo que pactar o texto do artigo 2, cos “sectores consultados”, e alusión ao exército, e, por tanto a redacción da Constitución non foi sequer obra exclusiva dos políticos, como representantes lexítimos do pobo español, senón tamén dos poderes fácticos. Na redacción orixinaria non se falaba da indisolúbel unidade de la Nación española, patria común e indivisíbel, senón que simplemente se dicía que a Constitución se fundamenta na unidade de España e a solidariedade entre os seus pobos.

Manolo.- E os políticos aceptaron esa intromisión do exército? Era tan problemático o momento como para ceder ante os sectores ultra? Por outra parte, parece logo que esa intromisión infirma o carácter democrático da Constitución, e reforza as razóns dos que reclaman a súa reforma.

Nerea.- Os militares nese momento tiñan moita forza e o ruído de sabres era constante. Creo que agora habería que proceder á súa reforma en profundidade e non só no aspecto territorial, recoñecendo os direitos dos pobos a decidir o seu futuro, senón en aspectos como a forma de Estado.

Manolo.- Houbo protestas por parte dos nacionalistas ao recorte de direitos dos pobos de que falas?

Nerea.- Evidentemente. Lembro a famosa Declaración de Barcelona, onde se queixaban das modificaicóns legais constantes en clave centralista, a insistencia en que as súas competencias tamén se viron afectadas pola entrada de España na UE e a petición de recoñecimento dun Estado plurinacional, plurilingüístico e pluricultual, e actuouse en sentido contrario. Mais o que terminou por exasperar os ánimos dos cataláns foi a modificación do Estatuto aprobado en referendo polo pobo catalán por parte dunha minoría maioritaria do Tribunal Constitucional funcionando inconstitucionalmente porque os partidos PP e PSOE non foron capaces de proceder á súa renovación cando tocaba.

Manolo.- Tamén supoño que influiría moito no sentimento catalanista a promulgación de certas leis como a lei Wert.

Nerea.- Non só a lei Wert senón tamén a lei do Ministerio de Asuntos Exteriores, limitando e condicionando as intervencións das CCAA no exterior, e agora a lei de Administracións locais que reforza unha entidade centralista como as Deputacións e limita a autonomái municipal.A lei Wert é unha lei, que xa anticipou a política de Feijoo en Galicia e que ten como propósito impoñer o español nas comunidades con lingua propia, e frear o uso destas no seu propio territorio. Mais non é só a lei Wert senón o desprezo constante das linguas propias por parte do Goberno de Madrid. Fíxate o que pasa en Economía, que condicionan a presentación de instancias para bolsas a que os documentos vaian en español ou inglés, e ante a protesta dos afectados, a única solución que oferece o Ministerio é que se esnafren pola vía xudicial. Todo isto é o que políticos, inclusive lúcidos noutros aspectos, como Anguita, non son capaces de ver.

Na próxima entrega contaremos como continuou a conversa.

6 dic 2013

DIÁLOGOS TEMPESTIVOS (01)

Rajoy

Despois de dar un longo paseo, arredor das 19 horas do día 5/12/13, senteime nunha cafetaría de Santiago, perto de dous homes dunha sesentena de anos, que moi ben poderían ser profesores xubilados. Falaban de política, e como había pouca xente no local, entendíaselle ben o que dicían. Non sacaron a relucir os nomes, e, por iso, vou referirme a eles como A, máis ben moreno e con pelo canoso, que máis ben levaba a voz dominante, reservando o B para o seu compañeiro barbudo e moi espontáneo. Vou tentar transcribir con toda fidelidade os seus pensamentos.

B.- Unha amiga presentou a súa candidatura para traballar nunha guardería e, unha vez revisado o seu currículo, no referente ás condicións salariais, dixéronlle que o salario serían 50 euros por 20 horas semanais. O horario podería variar e por veces ser de mañá e outras de tarde.

A.- Como! Ouvín ben?

B.- Si, si, 50 euros e 20 horas de traballo; co cal resulta que a hora de traballa sai a 2,50 euros. Ao mes viría a cobrar aproximadamente uns 200 euros, que non chegan para nada.

A.- O Goberno xa procuraba precisamente iso coa súa reforma laboral; que os traballadores ficasen totalmente desprotexidos ante uns insensatos empresarios aos que só lle preocupa o puro beneficio, e non están en absoluto interesados, nin nunca o estiveron, polo emprego e moito menos por oferecer unha condicións dignas de traballo aos empregados que contratan. A crise estana a suportar exclusivamente os traballadores e coa política que está a implantar Rajoy, os mini-jobs de Alemania convértense no noso país en semi-mini-jobs.

B.- Aprovéitanse de que a coxuntura política é má para sacar tallada da situación de debilidade dos obreiros.

A.- O que pasa é que aquí parece que a situación sempre foi má para os máis desfavorecidos porque desde o inicio da mesma transicións comezáronse a tomar moitas medidas, seriadas no tempo, destinadas a desprotexer aos traballadores. Inclusive a veces se ten aducido que protección social é sinónimo do pasado e de franquismo, e, en certo modo, teñen razón, porque durante o franquismo, aínda que non había liberdade sindical, os traballadores estaban moito máis protexidos legalmente que con este sistema pseudo-democrático.

B.- Porque dis pseudo-democrático? Liberdades hai, se ben restrinxidas nalgúns aspectos.

A.- Os gobernantes españois entenden que a democracia consiste en votar cada catro anos, e así os chamados representantes, realmente represéntan moi mal aos representados, porque fan exactamente o contrario do que prometeron no seu programa eleitoral que apresentan como unha especie de contrato coa cidadanía. É evidente que as votacións son importantes, mais a democracia non se pode limitar a iso. Non hai democracia se non hai divisións de poderes e no Estado español non a hai. O Ministerio Fiscal non é mais que un apéndice do goberno de turno, e á Axencia Tributaria pásalle o mesmo. Hai que ver os esforzos que está facendo o Goberno, con todos os órgaos ao ser servizo, para que a infanta Cristina se vaia de rosiñas, considerando como parvos a todos os españois. Somente así se explica a desimputación da infanta e a resistencia por parte do Fiscal e da Avogacía do Estado para que non se impute de novo. O Tribunal Constitucional é un tribunal político, que cambia de doutrina de acordo cos ventos que sopran da Moncloa. O PP levou o país a unha situación política que desconectou os representantes populares da base eleitoral.

B.- Creo que o PSOE non o fixo moito mellor. Tamén eles contribuíron a deteriorar nivel democrático do país.

A.- Creo que efectivamente así foi, aínda que non chegaron aos extremos do Partido Popular, que o primeiro que fixo ao chegar á Moncloa foi cambiar a lei da RTVE para poder nomear o Director Xeral por maioría absoluta, e non unha maioría máis cualificada como figuraba na lei anterior promovida polo goberno de Zapatero. Como eles xa sabían que as súas políticas colidirían co sentir dos cidadáns, que a eles non lle interesa para nada, quixeron ter vía libre para vomitarlle as súas «verdades» á cidadanía máis irreflexiva e máis ignorante, que eles denominan co epíteto de «maioría silenciosa», á que, na realidade, no fundo desprezan.

B.- Quizais teña que ver con isto a nova lei que nos anuncian de «Seguranza cidadá», que algúns meios xa cualificaron de «lei mordaza», e considero que non lles falta razón.

A.- Esa lei é ooutro dos pilares que lle faltaba. Unha vez conseguido o obxectivo de teledirixir a información  de acordo coas súas conveniencias, o seguinte paso é amordazar a todos aqueles que protestan, que é a maioría máis crítica e disconforme co sistema.

B.- Agora van penalizar  o simple feito de participar nunha manifestación na que se queime unha bandeira de España, pode ser motivo de forte sanción.

A.- Esta lei prevé sanción moi duras para os que ultraxen a España, tal como eles a entenden, ou sexa, unha, grande e libre, como os franquistas e falanxistas de pro. Esas sancións van de 30.000 euros, para as faltas graves, a 600.000 euros para as moi graves, como reunirse ante os Parlamentos ou altos tribunais. Ou sexa, que estas institucións moitas veces afastadas do sentir popular, como non foron capaces de obter o respeito da cidadanía polo seu bo facer e proceder, teñen que ser reforzadas agora a golpe de porrazos contra os disidentes. Esta lei non vén máis que a resucitar a Lei de Orde Pública do xeneral Franco.

B.- Con ese lei van castigarse os sentimentos, porque o sentimento cara a España que non debería ser motivo de sanción, pois é algo propio e peculiar, que un debe poder manifestar libremente. É unha lei que tamén foi criticada polo Consello de Europa por impoñer restricións impropias dunha sociedade democrática. Os sentimentos están relacionados coa nosa representación racional da realidade, e isto xa é algo que sobrepasa a nosa vontade e os nosos desexos.

A.- Mais estes ao Consello de Europa e a calquera institución xenuinamente democrática, non lle van facer caso ningún. Eles son no fundo e na superficie franquistas, que queren arrogarse o título de demócratas. Isto no caso das liberdades individuais, porque se falamos das colectivas, o caso é moito pior. En Canadá e Escocia os pobos poden decidir, mais aquí, aínda os que se consideran demócratas, como é o caso de Alfonso Guerra, iso considérase un delito e merecedor do cárcere. Acaba de manifestar que os nacionalistas manifestaron cando se elaborou a Constitución que se conformaban co que estabelecía o artigo 2, que era o seu teito de aspiración. Esquece este político que o PNV non aprobou a Constitución porque sempre dixo que nela non se recollían as súas teses. Mais é evidente que a súa hipotética conformidade, en caso de existir, non podía por menos que referirse a ese momento concreto e que non pretendía hipotecar o futuro dos habitantes do seu territorio encadeándoos a unha norma invariábel e inamovíbel que, no fundo, anula os seus direitos como pobo.

B.- Tamén son persoas corruptas, como se pode ver no caso Barcenas, Pokemon, Matas, Camps, etc.

A.- Este é outro dos motivos da lei mordaza. Están cambiando os implicados na investigación e axuizamento dos casos de corrupción, para que os Xulgados lles sexan propicios, e a seguir, promulgan esta lei para reprimir as protestas da cidadanía ante esta lei. Vivimos inmersos nun océano de corrupción que, a modo dun tsunami, nos pode facer levar a todos, e, desde logo estamos a sufrir os seus efeitos, pois ese facto contribuiu ao afundimento do país.

B.- A súa práctica politica ten bastante de mafiosa. Mais temos que ter presente que afectou non só ao PP senón tamén ao PSOE.

A.- É evidente que os dous partidos maioritarios están inmersos na corrupción. O PSOE de feito foi condenado polo caso Filesa, e mira agora o que está a pasar cos famosos ERE de Andalucía. Mais eu acho entre os dous partidos unha diferenza cualitativa, pois no caso de PP é unha corrupción institucionalizada, é unha corrupción política sistémica. O propio partido montou un sistema, persistente no tempo, de corrupción política, que lles permitía finarciarse como partido e recompensarse persoalmente a si mesmos con complementos salariais en B. Ao tempo que facían isto, acusaban a cidadanía, que está a sufrir insolentemente os efeitos da crise, de vivir por acima das súas posibilidades.

B.- O que eu non souben nunca moi ben de onde sacaban o diñeiro.

A.- Pois moi simple. Obrigaban as empresas a pasar por taquilla, se querían verse favorecidos con contratos públicos. Mais este diñeiro non saía das empresas senón que estas cargaban ese excedente indirectamente sobre os cidadáns, porque a realización do servizo vai á custa do contribuínte en definitiva.

B.- Pois agora están denunciados e xa hai quen di que non lle vai pasar nada, que non tardarán en que se arquive o caso.

A.- O terceiro pilar que montaron para saír indemnes desta foi a enxeñería política de cambio de xuíces, inspectores de facenda, reparto entre os dous grandes partidos dos nomeamentos do Tribunal Constitucional e do Consello Xeral do Poder Xudicial. Os que non seguen as indicacións de acima son afastados e postergados.

B.- Eles vense odiados polas súas impopulares medidas, arbitrarias e pouco meditadas. Entre estas medidas está o recurso do PP contra o Estatut Catalán, que apesar de non ser diferente do valenciano, foi declarado inconstitucional por uns maxistrados que se mantiñan inconstitucionalmente no seu posto.

A.- En realidade, eles teñen como transfundo do seu pensamento a ideoloxía separadora da FAES, pura ideoloxismo barato, que quere continuar a historia de España de sempre, na que se asocian patrioteirismo, centralismo e venalidade. Hai que ver que un Señor como Aznar, gaña nada menos que uns quiñentos mil euros ao ano, só por practicar unha especie de tráfico de influencias. Ao mesmo tempo, nós temos que pagarlle uns 80.000 euros, coche, etc. etc. Porque no caso del é posíbel compatibilizar un salario astronómico co soldo oficial, mentres que un traballador que gañe 700 euros ao mes non pode facelo.

B.- Eu tampouco entendín nunca porque non reforman a Constitución, que agora xa non responde ás aspiracións da cidadanía. Foi elaborada xa fai 35 anos e as circunstancias que existían cando se elaborou o texto son moi distintas das actuais: distintos cidadáns en grande parte, problemas, situación económica, encadramento internacional de España, retroceso nos direitos dos pobos, e moitos máis.

A.- O Sr. Rajoy alega que para reformala se necesita consenso, polo menos tan amplo como o de 1978. Evidente, que se el se nega xa non hai consenso; ou tamén se pretende que o consenso é que todos concorden coa reforma que el propón. Mais para a reforma de 2011, non puxo tantos inconvenientes, pois había que agradar a Merkel e contentar os Bancos, que son quen contan. Os intereses populares son secundarios. A Constitución de 1978 é un cadáver político, mais os políticos españois son moi proclives ao culto aos mortos, á thanatolatría e, como clase endogámica, ao autohomenaxe. Hai que ver a cantidade de rúas dedicadas a políticos, que se en algo sobresaíron foi como elite extractiva ao servizo dos seus intereses persoais e de grupo. 

B.- Teños que irme. Xa falaremos outro día da reforma da Constitución. A ver que aspectos conviría cambiar a respeito do texto actual. Que situación máis esperpéntica!

A.- A próxima semana, a ver se nos vemos de novo. Camareiro, cóbrame, por favor?.