18 mar 2014

A Igrexa hoxe: situación e alternativas (03)


c) Homofobia.

c.1.- Introdución

 
James Alison,sacerdote católico homosexual
No apartado a) Afastamento da ciencia, vimos como a conciliación entre ciencia e cristianismo é practicamente imposíbel por ser mundo antitéticos, e que a relixión cristiá ten un problema serio que pretende afrontar coa única bagaxe dos mitos de procedencia babilónico-xudaica; no apartado b) Misoxinia, vimos tamén que o mundo xudeu-cristián ten unha problema de animadversión  contra máis de media humanidade, baseado no mito do pecado orixinal e da queda da primeira muller, que pretende espantar recorrendo á mistificación verbal que disimule a submisión dun  sexo ao outro, e ao inmovilismo na actuación en espera de tempos mellores. Nesta entrega imos  ver como a Igrexa ten tamén un problema a respeito da orientación sexual das persoas e da   xustificación da relación heterosexual como padrón estandard e único de conduta moralmente  admisíbel, baseada tamén neses mesmos mitos.


 Defender os direitos dos homosexuais non ten nada que ver co tipo de relacións interpersoais que un desexa e considera máis apropriadas e convenientes. Alguén pode preferir as relacións  heterosexuais tanto para si proprio como para a súa propria familia e mostrar unha actitude de tolerancia cara as persoas que se inclinan por outro tipo de relación, e ser respeitoso cos seus direitos como seres humanos independentemente da súa orientación sexual. Tamén neste eido, a historia humana estivo cheia de odio e intolerancia cara ao que é distinto. Asentado isto, debo manifestar tamén que nunca vin moi claro porque á unión homosexual lle había que asignar o nome de matrimonio, rachando co significado da palabra a través dos séculos, que sempre se  utilizou para designar a unión heterosexual. As unións homosexuais podían ser asimilados aos  matrimonios en todos os seus direitos, e non ter o nome de matrimonio. É, por tanto, unha mera  preferencia léxica.

 «Homosexual» é un termo híbrido, composto da palabra grega «homós», que significa igual, o mesmo, e da latina «sexual», sexo. Trátase de amor ao proprio sexo, sexa home-home ou muller-muller. Hai que distinguila da paidofilia e da pederastia. Estes dous termos teñen en común a palabra país-paidós, que significa menino/a, rapaz, rapariga, e filía, que significa amor, amigo, no caso de paidofilia; e erastés, co significado de amante, amigo, enamorado, no caso de paiderastia. A veces estas dúas palabras tómanse como sinónimas; mais hoxe tórnase moi frecuente a especialización de pederastia para designar a relación homosexual entre un macho adulto e un pubescente ou adolescente, ou inclusive un prepubescente, mentres que a paidofilia tende a reservarse para  a mera atracción sexual polos meninos/as que pode non implicar abusos sexuais, que si estarían presentes no caso da pederastia. En Atenas, a relación sexual dun adulto con un mozo púber era denominada pederastia, mentres que se era prepuber, recebía o nome de paidofilia, que podía castigarse coa pena de morte. Aquí referímonos á homosexualidade como  unha relación entre persoas adultas do mesmo sexo, sexan as persoas coetáneas ou non como  a dun adulto con un mozo, con voluntariedade polas dúas partes e sen contrapartida económica.  Isto é conveniente telo en conta porque moitos textos dos Pais da Igrexa que se aducen para  condenar a homosexualidade, en realidade trátase de casos de pederastia, ou alternativamente de prostitución masculina, que son figuras xurídicas distintas, e que, normalmente, son obxecto de  reprobación moral e penalización legal.  

c.2.- A sexualidade e homosexualidade no mundo animal

 O sexo está determinado polos cromosomas sexuais e nos animais que carecen deles (crocodilos, moitas tartarugas, algúns saurios, ...) por factores do entorno como a temperatura. Contrariamente á fame e á sede, a actividade sexual non é necesaria para a conservación do individuo senón soamente da especie. Increméntase por medio da estimulación da área preóptica lateral do hipotálamo e inhíbese pola súa destrución. Mais a actividade sexual está condicionada tamén por outros factores:

a) Un meio hormonal adecuado.  As principais hormonas que regulan a actividade sexual son os andróxenos, nos que se inclúe a testoterona, segregadas polos testículos, e os estróxenos e proxestinas, producidas polos ovarios. A testoterona, xunto con outras hormonas, controla o crecimento dos órgaos xenitais e o desenvolvimento de certas características sexuais secundarias: penuxe, cambio de voz, .... A castración impede este desenvolvimento e xeralmente fai decrescer a actividade sexual se ben o seu efecto é menos notorio nos animais superiores. A carencia de andróxenos da lugar á formación do clítoris, útero e labios vaxinais. As hormonas inflúen na estrutura cerebral e, consecuentemente, no comportamento sexual. A proxesterona, á excepción dalgúns primatas e da femia humana, actúa estacional ou ciclicamente e a conduta sexual ten lugar no período de cio. Con todo, tanto os estróxenos como a proxesterona interveñen tamén na sexualidade masculina, son hormonas tanto masculinas como femininas, que activan o comportamento sexual no home e nas ratas macho. O controlo da conduta sexual polas hormonas mostra un progresivo decaimento dos animais inferiores até o home, sendo tamén máis pronunciado nas femias que nos machos.

b) Estímulos externos: territorio (certos animais soamente copulan no propio territorio), iluminación, etc.

c) No comportamento sexual do ser humano median tamén factores socioculturais e teñen unha importancia destacada os estímulos simbólicos: pensamento e linguaxe.

d) Estruturas corticais.  Estas exercen unha acción máis notoria nos machos que nas femias e nos animais superiores que nos inferiores.  A extirpación de áreas importantes da cortiza vai seguida dunha actividade sexual máis ou menos minguada en proporción á área destruída.

As relixións cristiás opóñense á homosexualidade argumentanto que o comportamento homosexual vai contra a natureza, mais isto oponse ao facto de que en moitas especies de reino animal se acharon comportamentes homosexuais, tanto gays como lesbianos: libeliña, pombos, pato selvaxe, cisnes negros, pinguin, abutres, doniñas, cans, leóns, carneiros, bisontes, macaco xaponés, bonobos, practicamente todos os grandes simios e outras especies de primatas, golfiños, elefantes, hiena, xirafa, lagartixa, ... Isto levou a que algúns autores afirmen que “Non existen especies para as que non se encontraran comportamentos homosexuais, con excepción das especies que nunca teñen sexo, como os erizos mariños e os áfidos. Ademais, unha parte do reino animal é hermafrodita, realmente bisexual. Para eles, a homosexualidade non é un problema”1. É digna de mención especial a conduta homosexual dos bonobos, que practican sexo tanto homosexual como heterosexual, sendo especialmente frecuente o lesbianismo, que representa o 60 por cento da conduta sexual das femias.

c.3.- A homosexualidade noutras confesóns relixiosas

A reacción ante a homoxexualidade é moi dispar entre as diversas confesóns cristiás. As de  maior entidade, como a Igrexa Católica Romana e a Igrexa Ortodoxa, rexéitana totalmente apoiándose na interpretación literal e tradicional dos textos bíblicos, interpretación que eu xulgo que é a que lle deron os seus autores. Tamén, entre as confesóns menores, rexéitana a Igrexa de Xesuscristo dos Santos do ültimos Días, coñecida tamén como Igrexa Mormona, aínda que surxiron no seu seo grupos disidentes; as Testemuñas de Xeová e as asociacións evanxélicas adheridas ao movimento do fundamentalismo cristián, como os baptistas fundamentalistas e Igrexa presbiteriana de EEUU. No ámbito das outras igrexas protestantes, unhas manteñen un vivo debate sobre o tema no seu seo, como os anglicanos e algunhas igrexas metodistas, baptistas, presbiterianas e cuáqueros; e outras igrexas acéptana, como os congregacionalistas e unitarios universalistas. Estes últimos defínense a si mesmos como unha relixión sen credo, baseada na conciencia do individuo e non en nengunha revelación, libro ou institución, que, de por si, é moito máis flexíbel para adaptarse ás novas sensibilidades e á nova exixencia moral. A Igrexa Episcopal, membro da Comuñón Anglicana, acepta a ordenación de homosexuais desde a súa Convención Xeral de 2003, e a diócese do Novo Westminster, da Igrexa Anglicana do Canada acepta os matrimonios homosexuais. Aceptaron a comuñón dos homosexuais a Igrexa de Suecia e a de Holanda, ambas luteranas, a Igrexa de Escocia, de tendencia presbiterana, a Igrexa Unida de Cristo dos EEUU, a Igrexa dos Remontrantes de Holanda, a Igrexa Evanxélica española, e a Igrexa da Comunidade Libre de Singapur. Nas outras dúas grandes relixións monoteístas, xudaísmo e islamismo, as relacións homosexuais son condenadas dun modo severo, inclusive en varios países de crenza islámica coa pena de morte.

O budismo, tamén neste aspecto, é unha relixión máis tolerante, e o mesmo Buda permitiu a ordenación de monxes homosexuais, a excepción dos «pandakas », ou sexa, de persoas con unha sexualidade irrefreábel, aínda que tamén existen mestres e comentadores contrarios e favorábeis á homosexualidade, dependendo un pouco do contexto en que se moven. En xeral non houbo unha lexislación represiva desta práctica antes da etapa colonial a mans dos países occidentais.

c.4.- A homosexualidade en Grecia e Roma

En Grecia o amor homosexual, especialmente entre adulto e mozo era practicado e aprezado, polo menos entre as capas elevadas da populacións. O primeiro tería máis ben un papel activo encanto que o segundo tería un rol pasivo. Na Iliada menciónase o mito de Zeus e Ganimedes, o mozo heroi orixinario de Tróade, rexión onde se encontran as ruinas de Troia, que pasaba o seu exilio xuvenil no monte Ida, en Frixia, pastando un rebaño de ovellas, onde foi secuestrado por Zeus, namorado del pola súa beleza, e conducido ao Olimpo onde o converteu no seu copeiro. Este mito, segundo Platón, tería sido inventado polos cretenses para xustificar as súas tendencias homosexuais. As relacións entre os deuses convértense en modelos de relacións entre os homes e serven de xustificación, neste caso, das relacións homosexuais.

Platón (429-347 a.e.c.) fai belas descricións do amor homosexual no Banquete, por boca de Fedro, Pausanias e do médico Erixímachos, e no Fedro por boca deste, mais é imposíbel deslindar o grao de complicidade de Platón con elas a nivel persoal. O que si está claro é a súa oposición á homosexualidade cando fala como lexislador político. Segundo Platón, o amante adulto debe amar ao máis novo como a un fillo, para que entre os dous se produza o amor da orde e da beleza, que é o característico do amor platónico. Di Sócrates: “Por tanto, terás, segundo me parece, que dar á cidade que estamos a fundar unha lei que prohiba que o amante beixe o amado, estexa con el e lle toque a non ser como a un fillo, con fins honorábeis e previo o seu consentimento, e prescriba que, en xeral, as súas relacións con aquel por quen se afane sexan tales que non dean lugar xamais a crer que chegaron a extremos maiores que os citados. E, se non, haberá de ser estigmatizado por carecer de gosto e verdadeira cultura musical2. Estabelece Platón que cando se lexisla nunca se fai ao gosto de todos, e que toda práctica pode ser boa nalgúns aspectos e má noutros, como acontece coas comidas en común e cos ximnasios entre os milesios, beocios e turiáns, que favoreceron as sedicións. “Ora examínense como se examinen estas cuestións do pracer amoroso, quer en broma, quer en serio, non hai dúbida que a natureza ordenouna mediante a unión da femia co macho, sen outro fin que o da procriación; o crime de macho con macho, ou femia con femia, é un ultraxe á natureza e unha rendición aos desexos do pracer3.

Platón é moi consciente de que implantar unha lei antihomosexual non é unha tarefa fácil porque topa coa oposición da opinión pública e cos costumes estabelecidos, o cal indica a implantación de que gozaban as relacións homosexuais e a súa aceptación social. “Mais a respeito do amor que se ten polos rapaces machos e femias, por mulleres que xogan un rol de nomes e homes que xogan un rol de mulleres, amores que son a fonte de infinidade de males para os particulares e para os estados, como é posíbel de protexerse e que remedio se podería encontrar a cada un destes males para escapar de tal perigo? Non é nada fácil, Clinias. Noutros pontos moi numerosos, toda a Creta e Lacedemonia nos serviron dun apoio realmente eficaz para estabelecer leis contrarias aos hábitos ordinarios; mais a respeito do amor, digámolo entre nós, son totalmente contrarias aos nosos pontos de vista. Se, con efeito, alguén, seguindo o instinto da natureza, restabelecese a lei que estivo en vigor antes do tempo de Laios, e proclamar que non está permitido usar de homes e mociños na relación sexual, como se fosen mulleres, e imitar nisto aos animais, dos cales se citaría o exemplo para mostrar que non hai na natureza un macho que toque para este fin a un macho, non diría nada que non for plausíbel, se ben non estaría de acordo cos vosos dous Estados4. Segundo Platón, Creta e Lacedemonia costumaban practicar as relacións homosexuais e non lle serven de referencia para a instauración dunha sociedade exclusivamente heterosexual. Neste texto está moi desafortunado en aducir as relacións sexuais heterosexuais entre os animais como guía para o comportamento heterosexual humano, pois, como vimos, nas diversas especies animais é habitual o comportamento homosexual. Ante a cuestión que lle suscita o seu interlocutor Mexilo de como unir vontades para lograr un consenso no tema que nos ocupa, o ateniense, ou sexa, Platón, manifesta que ten un meio para logralo: “Precisamente este era exactamente o meu sentir cando dixen que coñecía un meio para estabelecer esta lei de restricións das relacións sexuais procriativas á súa función natural pola abstención de relacións sexuais co noso proprio sexo, e non matando o propósito estabelecido na raza humana, lanzando entre rochas e pedras unha semente que en tales sitios non pode enraizar nen fructificar, prohibíndolles, igualmente, todo abuso do sexo feminino contrario ao fin da procriación”5

Aristóteles (384 - 322 a.e.c.) descrebe na súa Politica o amor homosexual entre o corintio Filolao, lexislador de Tebas, e o vencedor olímpico Diocles, por quen a súa mai Alcione sentia unha paixón incestuosa. Para escapar desta, ambos se retiraron a Tebas, onde finaron os seus días6, mais non fai, ao respeito, nengunha valoración persoal da homosexualidade. O fin dos insurreitos contra as monarquías son similares ás producidas contra outras formas de gobernos, e moitos deles orixínanse por cuestións relacionadas coas relacións sexuais, incluidas as homosexuais. “Por exemplo, o ataque contra os pisistratas tivo lugar porque eles ultraxaron publicamente a irmá de Harmodio e insultaron a este mesmo. El atacou o tirano a causa da súa irmá, e Aristoxeiton uniuselle por Harmodio. Tramouse tamén unha conspiración contra Periandro, o tirano de Ambracia, porque, bebendo con un mozo favorito, el perguntoulle se a esta altura xa concebera un menino. Filipo foi tamén atacado por Pausanias porque el permitiulle que fose insultado por Atalo e os seus amigos, e Amintas o pequeno, por Derdas, porque el vanagloriouse de ter desfrutado da súa mocidade. Evágoras de Chipre, foi matado polo eunuco para vingar un insulto, porque a súa muller foi arrebatada polo fillo de Evagoras. Moitas das conspiracións foron orixinadas por ataques vergoñosos protagonizadas polos soberanos sobre as persoas dos seus súbditos. Tal foi o ataque de Crateas sobre Arquelao; el sempre odiou a súa unión con el, e así, cando Arquelao, téndolle prometido unha das súas dúas fillas en matrimonio, non lle deu nengunha das dúas, senón que quebrantou a súa palabra e casou a maior co rei de Elimeia, cando el estaba en dificuldades na guerra contra Sirras e Arrabeu, e a menor co seu proprio fillo Amintas, na ideia que Amintas estaría menos disposto a pelexar co seu fillo por Cleopatra - Crateas fixo deste desrespeito un pretexto para atacar Arquelao, aínda que unha unha razón menor tería bastado, porque a causa real da súa desavenza era o desgusto que el sentiu polas súas relacións sexuais co rei. Helanócrates de Larisa conspirou con el porque  porque cando Arquelao, que era o seu amante, non cumpriu a promesa de restauralo no seu país, el pensou que a relación sexual entre eles se orixinou non por afecto, senón pola inmoralidade do poder. Pito, tamén, e Heráclides de Enos mataron a Clotis para vingar o seu pai, e Adamas rebelouse contra Clotis en vinganza polo deliberado ultraxe que el cometeu mutilándoo cando era un menino7. Como vemos, tampouco neste texto se fai nengunha valoración moral dos factos senón que Aristóteles se limita a constatar factos, aínda que si se deduce deles que as relacións sexuais e a falta de moderación dos gobernantes están na orixe de moitos conflitos para os ostentadores do poder.

Outro motivo de conspiración é o desprezo do perigo, que induce os xenerais que mandan os exércitos a atacar os monarcas. “Como por exemplo, Ciro atacou Astiaxes, desprezando o efeminamento da súa vida, e crendo que o seu poder estaba exausto. Así, tamén, Seutes o tracio conspirou contra Amadoco, de quen era xeneral”8. Para Aristóteles, a constitución de Esparta regulou moi ben a posición dos homes mais deixou sen regular a das mulleres, co resultado de que provocou que estas vivan disolutamente e de modo luxurioso. “A consecuencia necesaria é que, so un réxime semellante, o diñeiro debe gozar de grande honor, sobre todo cando os homes se deixan levar polo dominio das mulleres, disposición habitual das razas enérxicas e guerreiras. Fago unha salvidade, non obstante, cos celtas e algúns outros pobos que, dise, honran abertamente o amor viril”9. Parece, neste texto que aproba esta lexislación dos celtas e outro pobos, en aras a non permitir que os homes estexan dominados polas mulleres. Atribúe a disolución dos costumes a que mandan elas, que parece unha explicación superficial, pois parece debido ao carácter militar e guerreiro de Esparta, en que os homes pasan longas temporadas afastados das mulleres e non poden satisfacer normalmente as relacións sexuais. Hai outro texto de Aristóteles onde louva as sabias medidas introducidas polos cretenses para segurar a moderación da mesa, e a separación das mulleres para que non se sobrecarguen de fillos, “con motivo do cal instituiu as relacións de unión co sexo masculinos, a respeito do cal haberá outra ocasión en que poidamos considerar se é mau ou se é bo10. Por conseguinte, a nivel político, a medida é cualificada como sabia, aínda que se reserva para outra ocasión falar da súa licitude moral, que non chegou a abordar.

En Roma os mozos eran obxecto de desexo sexual dos machos adultos, que mantiñan relacións principalmente cos escravos e cos mozos que adoptaban sexualmente un rol pasivo. Os quince primeiros imperadores, excepto Claudio, tiveron amantes homosexuais, sendo especialmente notorios os casos de Nerón que castrou un mozo e casou con el, após desfacerse da súa muller, e de Adriano e o por el divinizado Antinoo. Existía unha lexislación anti homosexualidade, denominada Lei Scantinia (149 a.e.c.), surxida na primeira República mais non se aplicaba nen na república tardía nen no Imperio e socialmente non se castigaba a actividade homosexual, aínda que si se desprezaba aos que desempeñaban un rol pasivo. No período imperial tardío incluíronse na lei Xulia, que data do 17 a.e.c., contra o adulterio e o estupro, os delitos referidos á homosexualidade: "a lei Xulia para a represión dos adulterios, a cal castiga coa morte pola espada non só aos que violan os matrimonios dos outros, senón tamén os que ousan cometer cos homes actos nefandos11.

c.5.- A homosexualidade na Biblia veterotestamentaria e en Filón

Na Biblia sempre foi condenada a homosexualidade como unha das maiores perversións sexuais. No Xénesis faise unha narración imaxinaria dunha suposta viaxe de dous anxos de aparencia humana que ao pasar por Sodoma son convidados a pernoctar na casa de Lot. Cando acababan de deitarse, homes sodomitas preséntanse na casa de Lot e pergúntanlle “Onde están os homes que chegaron á túa casa esta noite? Sácaos, para que abusemos deles12. Lot oferécelles en contrapartida que abusen das súas fillas, que eles non aceptan, o que, en castigo, provocou a destrución da cidade. Este conto ensinanos que a homosexualidade era practicada pola sociedade sodomita dun modo frecuente, que autor bíblico condena, ao tempo que expón, sen censura moral, o  proceder insensato de Lot coas mulleres ao entregalas como moeda de cambio. Un facto igualmente reprobábel cítase en Xuíces. Un levita tomou por muller unha concubina de Belén mais esta abandonouno e marchou para a casa do seu pai. El marchou para buscala e foi moi ben recebido polo pai da concubina, que o convidou a pasar varias días na súa casa. De retorno coa muller pasaron por Gueba, cidade na que recebiron hospitalidade dun ancián, mais mentres estaban refocilándose viñeron os habitantes da cidade e pediron que sacase ao levita da casa para abusar del. O ancián, en contrapartida, ofereceulle a súa filla virxe e a concubina do levita para que fixeran con elas o que lle parecese. Após abusar da concubina toda a noite deixárona morta. Ao chegar á súa casa o levita troceouna en doce partes13. Ao igual que no texto anterior, neste non se fala tampouco das relacións homosexuais voluntarias senón dunha tentativa de abusos de violación exercidas sobre un varón por parte doutros. O facto de entregar nada menos que a filla propria para librar do abuso a un descoñecido indica o grao de desvalorización en que caira a muller na sociedade hebrea. O ancián considera un crime que abusen do seu convidado, mais non que fagan o que queiran coa filla propria e coa muller do convidado. O levita incorre tamén en grave transgresión por entregar a súa propria amante como moeda de cambio da violencia que se lle pretencía inflixir, sen eximir en absoluto de culpa a brutalidade dos habitantes de Gueba de Benxamín. Isto ratifica o que dixemos na entrega anterior de que os textos bíblicos rezuman misoxinia por todas partes.

No Levítico condénanse as relacións homosexuais, tamén denominadas sodomíticas . “Non terás comercio sexual de coito feminino con macho, porque é unha abominación14, se ben non xustifica o porqué. O castigo que se lle debe aplicar é a pena de morte. “Quen se deite con macho en sexo feminino, ambos fan algo abominábel e debe dárselle morte: que o seu sangue caia sobre eles15. No caso dos eunucos, eliminouselle a súa virilidade e algúns entenden que esta prohibición non lles afecta.

Actualmente hai unha viva polémica en Israel porque moitos aducen algúns textos bíblicos do libro de Sanuel como proba de que o fillo de Saul, Xonatán e o proprio rei David, tan venerado polos israelitas, serían homosexuais. Xonatán tiña un afecto moi especial por David e este temía que chegase a coñecimento do seu pai e decidise matalo: “«Sabe moi ben teu pai que me queres...»16. Xonatán promete informar a Devid se o seu pai trama algo contra el “Xonatán xurou unha vez máis a David polo grande amor que lle tiña, pois amábao como a súa propria vida17. Saul decide dar morte a David polo amor que o seu fillo sentía polo fillo de Xesé, ou sexa, por David, que máis tarde sería rei de Israel, e decide dar morte a este. “Encendeuse a cólera de Saul contra Xonatán e díxolle: «Fillo dunha perdida! Acaso prefires ao fillo de Xesé para vergoña túa e vergoña da nudez da túa mai? Pois mentres viva sobre a terra o fillo de Xesé, non estarás a salvo nen ti nen a túa realeza; así que manda buscalo e traimo, porque é reo de morte». Respondeu Xonatán ao seu pai Saul e díxolle: «Porque ha morrer? Que fixo?»18. Xonatán ao ver que o seu pai quería matar a David, decide informar a este e dille que se vaia en paz.

Unha vez morto Saul e o seu fillo Xonatán na batalla de Guilboa contra os filisteus, David cantou unha elexía, unha oración fúnebre, por ambos, e na dirixida a Xonatán dixo: “Como cairon os herois en meio do combate! Xonatán! Pola túa morte estou ferido, por ti cheio de angustia, Xonatán, meu irmán, en extremo querido, máis delicioso para min o teu amor que o amor das mulleres19. Todo isto indica que a relación entre ambos non era unha relación de simple amizade senón dun profundo amor homosexual, ou, mellor neste caso, bisexual, porque David tivo até oito mulleres e dous fillos: Salomón e Natán.

Filón de Alexandría (20/13 a.C.-40/45 d. C.), filósofo neoplatónico de estirpe xudía, e crente devoto e practicante da súa relixión, consideraba que a Biblia, a lei de Moisés, era superior á filosofía grega. Propuxo harmonizalas recorrendo á pretendida dependencia da filosofía grega a respeito de Moisés e á interpretación alegórico das Sagradas Escrituras. Condena as relacións homosexuais con efebos, con mociños, tan presente na Grecia clásica e en Roma, e, a esta altura en proceso de expansión. “Aliás, outro mal, máis grave que o que mencionamos xa, fíxose camiño e ficou libre nas cidades, as relacións sexuais con mociños, que antes eran considerados como unha grande infamia inclusive o falar delas, mais cuxo pecado é motivo de xactancia non só para os que o practican, senón inclusive para os que o sofren, e que, sendo acostumados a aguentar a aflición de ser tratados como mulleres, debilitan a ambos almas e corpos, non aguentando ao seu respeito que unha simple faisca de carácter masculino se encenda e inflame, senón que teñen o cabelo das súas cabezas manifestamente cortados e adornados, e teñen as súas faces untadas con vermellón e pintadas, e cousas desta índole, e teñen os seus ollos marcados con lapis por abaixo, e teñen o seu cute untado con fragantes perfumes ..., e sendo ben dados para todo o que favorece a beleza ou elegancia, non se envergoñan en dedicar as súas cavilacións e esforzos á tarefa de cambiar o seu carácter masculino polo efeminado20. Non dubida este filósofo en afirmar que todos os que acatan a lei, entre os cales está el mesmo, deben considerar que son merecedores da morte tanto os que se efeminan e como os que buscan acalmar con eles os seus impulsos sexuais, demostrando así o grao de fanatismo e intransixencia cando se converten as prácticas sexuais en cuestións relixiosas reguladas pola mesma divindade. “É natural, para os que obedecen a lei considerar tales persoas merecedoras da morte, dado que a lei manda que o home-muller que adultera a moeda preciosa da súa natureza debe morrer sen redención, non lle permitindo viver un único día, ou inclusive unha simple hora, pois é unha desgraza para si mesmo, a súa familia, o seu país e para toda a humanidade21.

O mesmo castigo debe sufrir quen fai uso deses servizos por perseguir un pracer contrario á natureza e que por tanto non depende del, desperdiciar o seme limitando a natalidade, converterse en mestre da falta de virilidade e efeminamento, e provocar a esterilidade de mulleres fértiles por non ter con elas relacións sexuais, ao tempo que perde o tempo con persoas que non lle procurarán descendencia. A respeito das relacións homosexuais con mozos, Filón de Alexandría exprésase asi: “Os homes que se dedican a ter relacións cos mozos serán submetidos ao mesmo castigo, xa que persegue este pracer que é contrario á natureza, e porque, no que depende del, deixaría as cidades despovoadas, e desertas e vacías de habitantes, desperdiciando o seu poder de propagar a especie, e ademais, convértese en guía e mestre de todos os máis grandes males, a falta de virilidade e o apetite sexual efeminado, despindo os mozos da flor da súa beleza, e desperdicia o seu comezo da vida en efeminación, que deberían exercitar máis ben o vigor e actos de coraxe; finalmente, porque, parecido a un mal labrador, permite que fértiles e produtivos campos fiquen sen cultivo, provocando que deban continuar estériles, e traballan día e noite cultivando eses campo dos que el nunca espera fruto algún22.

As causas do efeminamento residen, segundo este autor, na promoción social das persoas homosexuais, e, especialmente, o seu cometido de oficiantes no templo. “Eu penso que a causa disto é que entre moitos pobos existen actualmente recompensas que se dan para a intemperancia e o efeminamento. En todos os acontecimentos poden verse homes-mulleres que continuamente andan pavoneándose nas prazas do mercado ao meiodía, e dirixindo as procesións nas festas; e, sendo homes impíos, recibiron por sorteo, o cargo do templo, e presiden os ritos sagrados e de iniciación, e os referidos aos sagrados misterios de Ceres”23.  Moitos destes efeminados, segundo Filón, decidiron converterse en eunucos, en alusión aos sacerdotes de Cibeles, os galos, e aos de Artemisa de Éfeso e Astarté fenicia: “Algunhas destas persoas levaron incluso a súa admiración por estes delicados praceres tan lonxe que desexaron cambiar totalmente a súa condición pola de muller, e castráronse a si mesmos e vestíronse a si mesmos con roupas de púrpura, parecido aos que, sendo a causa de grandes bencións para os seus países de orixe, se pasean protexidos por guardas de corpo, rebaixando a todos os que eoncontran24.

c.6.- A homosexualidade San Paulo e nos apócrifos

O falcón Paulo de Tarso (5/10 - 58/67), será quen vai marcar a pauta no seo do cristianismo. Na carta que lle dirixe aos romanos ataca a impiedade e inxustiza dos homes que non recoñecen a Deus que se manifesta a través da criación. “Por iso Deus entregounos a paixóns infames; pois as súas mulleres invertiron as relacións naturais por outras contra a natureza; igualmente os homes, abandonando o uso natural da muller, abrasáronse en desexos uns dos outros, cometendo a infamia de home con home, recebindo en si mesmos o pago do seu extravío”25.O castigo que lles espera é a condenación eterna. “Non sabedes acaso que os inxustos non herdarán o reino de Deus? Non vos enganedes! Nen os impuros, nen os idólatras, nen os adúlteros, nen os efeminados, nen os homosexuais26. O «natural» en Paulo é unhas veces o máis común en canto a orientación sexual, como neste texto; outras o que está máis próximo en crenzas, como o xudaísmo é máis natural para o cristianismo que o paganismo27; outras veces o que se costuma socialmente, como ir rapado no home e levar caleleira na muller28; o fillo lexítimo a respeito do ilexítimo29; o castigo para os que se portan mal30. San Pedro, concebe que os animais irracionais están destinados por natureza a ser cazados e matados31. Por tanto, inclúense dentro do termo natureza conceitos moi dispares e non teñen os apóstolos citados unha noción clara e coherente do que é a natureza para constituila en referente ético. Paulo argumenta neste texto en base ao naturalismo ético, ou sexa, o que é conforme á natureza, que sería o que está ben, e o que está contra a natureza, que sería o que é pecaminoso, mais en van porque da natureza non se poden extrair preceitos morais, pois iso obrigaría a que a cohabitación coa muller do veciño sería moral se ambos obedecen ao desexo «natural» de ter relacións sexuais. Natural é, neste sentido, tanto o que está se aproba moralmente como o que se desaproba. Alén diso, suporía que a orientación sexual homosexual non é algo natural, o cal todo indica que é falso. Algúns din que non hai que ter en conta a natureza pulsional senón a natureza racional, mais a racionalización depende do suxeito que razoa, e este faino segundo o adaxio latino: «unusquisque movetur a concupiscentia propia», e o que fai a razón é racionalizar as súas inclinacións, tendencias, vantaxes competitivas, éxitos e fracaso da vivencia en sociedade, .... A moralidade é algo que o ser humano, en canto inserido nunha comunidade concreta, acrecenta á natureza, de por si cega e indiferente ás aspiracións morais, que si nos oferece os meios de subsistencia mais tamén nos aplasta nos cataclismos. Cando no iusnaturalismo, ou mellor etho-naturalismo, se inclúen crenzas, costumes, relacións de dominación social, como no caso do apóstolo Paulo e Pedro, o resultado non pode ser máis que un posicionamento moi conservador, que foi a política seguida tanto a respeito da muller como da escravatura por Paulo32 e por Pedro33, chegando ambos a recomendar a submisión máis servil aos amos. A argumentación iusnaturalista é común na argumentación relixiosa, inclusive na Igrexa de hoxe, en temas morais e ten como característica incorrer na falacia naturalista, xa denunciada por Hume no século XVIII, que consiste en utilizar razoamentos lóxicos inválidos, por estar viviados de sofismas, pretendendo facelos pasar por válidos. Neste caso, consiste en concluír un «debe ser» a partir dun «é», ou sexa, a partir de enunciados fácticos inférese o que debe ser, o que debemos facer, ou sexa, enunciados valorativos, confundindo o nível descriptivo co nível prescriptivo. O home e a muller están feitos para complementarse en orde á procriación, logo debemos actuar deste modo e só deste modo. Se representamos este razoamento na lóxica proposicional, tería esta forma: p → q, ou, precisando máis, p → (q ∧ r), ambas manifestamente inválidas como sabe calquera iniciado en lóxica.

Segundo Paulo, a Lei non foi instituída para o xusto senón para os grandes delincuentes: “para prevaricadores e rebeldes, para os impíos e pecadores, para os irrelixiosos e profanadores, para os parricidas e matricidas, para os asasinos, adúlteros, homosexuais (arseno-koitais = os que teñen coito con homes), traficantes de seres humanos, mentirosos, perxuros e para todo o que se opón a sá doutrina”34. Ao igual que os de Sodoma e Gomorra, serán castigados os que cometan actos contra a natureza, segundo a carta do apóstolo Xudas: “Como Sodoma e Gomorra e as cidades viciñas, que, de igual modo que elas, fornicaran, índose tras os vicios contra a natureza, foron postas para escarmento, sufrindo a pena do fogo perdurábel”35.

Na Historia da Infancia de Xesús, segundo San Tomás, éscrito a metade do século II, lese que “un fariseo, que estaba co menino, tomou unha rama de oliveira e destruíu a fonte que fixera Xesús. E cando Xesús o viu,  enoxouse e dixo: Sodomita impío e ignorante, que che fixeran estas fontes, que son obra miña?36. Non é de crer que este facto for real, mais indica, en todo caso, que na comunidade israelita a esta altura estaba fortemente condenada a práctica da homosexualidade.

c.7.- A homosexualidade na tradición cristiá

Na Didaché, ou Doutrina dos Doce Apóstolos, escrita entre cara ao fin do s. I. condénanse toda unha serie de condutas de carácter sesual: "Non debes matar, cometer adulterio, corrupción dos meninos (paidophthoréseis), fornización, non debes roubar, practicar maxia, matar un menino por aborto ou un que xa naceu37. Neste texto alúdese á pederastia e non á relación homosexual entre adultos, e aínda que país-paidós tamén admite o significado de rapaz, mociño, e algúns autores traducen este texto por corrupción de xovéns, non deixa de ser un caso de pederastia. Na Carta de Bernabé, escrita no primeiro terzo do século II, reprodúcense parte destas prohibicións: “Non  fornicarás, non cometerás adulterio, non corromperás os meninos (paidophthoréseis)”38. Fornicación nestes dous textos traduce o verbo grego «porneuo», ligada co substantivo «porneia», que significa prostitución. Por tanto, a tradución máis expresiva para o leitor sería: “non vaias de putas”.

Xustino, (ca. 100/114 - 162/168), palestino, cara a metade do século II, condena a pederastia, ou sexa, o abuso dos meninos por parte dos maiores, e máis concretamente a exposición de “rebaños de meninos polo único fin de usar torpemente deles, e toda unha multidume, o mesmo de mulleres que de andróxinos e pervertidos, está preparada por cada provincia para semellante abominación39. Non se pode aducir, por tanto, tampouco o testemuño deste apoloxista como proba da condena da homosexualidade, como pretenden algúns autores. No Diálogo con Trifón, declara que ninguén cumpriu exactamente a lei de Moisés, e inclusive os que están so a lei levan consigo unha maldición e moito máis “todas as nacións entregadas á idolatría, corrupción dos meninos (paidophthoroúnta) e demais males que practican40. De novo, trátase novamente da condena de actos de pederastia ou prostitución de menores e non da homosexualidade.  

O sirio Taciano (ca. 120 - ca. 180), cara ao ano 170, escrebe unha diatriba contra a cultura grega e en exaltación da bárbara, da que, segundo el, recebiría o seu legado a grega, no seu Discurso contra os gregos, no que combate a súa concepción da divindade e declara que dos deuses gregos “os que están contemplando as lutas corpo a corpo e un favorece a un e outro a outro, e o que casa e corrompe os xovens (paidophthorón), e adultera e ri, e irrítase, e fuxe, e é ferido, como non ha ser considerado como mortal?41. Este autor alude ao mito de Zeus e Ganimedes, no que Zeus se namora do mozo deste nome, por tanto, a pederastia entre os deuses, sería tamén unha practica usual e un exemplo para xustificar a pederastia entre os humanos, como xa vimos cando falamos do mito de Zeus e Ganimedes, que el condena, como os autores previamente citados. Neste caso, cumpre decidirse polo significado de mociño para país. Nesta obra, Taciano tamén condena claramente a pederastia, denominada con este nome42.

Arredor do ano 177, o filósofo ateniense Aténágoras, (s. II), escrebe a Legación en prol dos cristiáns, na que combate a prostitución, pederastia, adulterio e homosexualidade. “Porque os que estabelecen o mercado de prostitución e constrúen para os mozos burdeis para todo pracer vergoñento; os que non perdoan nen aos varóns (ársenes), cometendo varóns con varóns actos torpes; ... insultando os adúlteros e pederastas aos eunucos e monógamos43. A palabra ársen ten o significado de home, macho, e, por tanto, trátase claramente das relacións homosexuais entre adultos, mais nun contexto no que o autor visa a prostitución e, por tanto, podería non  aludir á unión voluntaria e sen contrapartida económica por servizos sexuais entre persoas adultas.

Clemente de Alexandría (ca. 150 - ca. 215), condena a pederastia, fornicación, adulterio, etc. Referíndose á prohibición de Moisés de comer lebre, escrebe: O sabio Moisés “so esta figura alegórica prohíbenos a violencia dos desexos, o trato con mulleres preñadas, a corrupción dos meninos (paidophzorías), o adulterio, a impudicia”44. Ao utilizar a palabra paidophzorías tanto pode referirse á corrupción dos rapaces como dos meninos. Pon como exemplo de castigo xusto a condena dos habitantes de Sodoma por ter cometido actos de luxuria, como adulterios e pederastia (perí tá paidiká ekmanós eptoeménoi - puerorum autem insano amore ardentes)"45, identificando pederastia e homosexualidade. O sexo practicado polos varóns sodomitas sobre os seus hóspedes era actos que poden ser cualificados como de pederastia só impropriamente, por non realizarse sobre meninos ou mozos; son máis ben de violación masculina, merecedores de reprensión moral e de penalización xurídica.

Algúns autores citan o seguinte texto de Clemente de Alexandría, na súa Exhortación aos gregos, ou Protrético,  como argumento contra a homosexualidade "Bención ao rei dos escitas, quen quer que fose Anacharsis, que feriu con unha seta un dos sus súbditos que imitou entre os escitas o misterio da mai dos deuses como se practicou en Cizico, batendo o tambor e facendo resoar un címbalo, e tendo imaxes da deusa colgados do seu pescozo ao modo dun sacerdote de Cibeles (menagyrtes), este rei volteouno con unha seta (Herodoto 4, 76), no solo porque o home, tendo sido privado da súa propria virilidade na Grecia, estaba agora transmitindo a súa doenza efeminada aos seus compañeiros escitas46. Mais, como podemos ver, aquí do que se trata é de condenar a práctica do eunuquismo e non ten nada que ver coa homosexualidade.

De acordo co mito grego, a femia natural de Eleusis “Baubo tendo recebido a Demeter hospitalariamente, deulle unha golada refrescante, e recusándoa, por non ter nengunha inclinación a beber (porque estaba moi triste), e Baubo téndose enoxado, considerándose desprezada, descobriu a súa vergoña e exhibiu a súa nudez á deusa. Demeter foi deleitada coa visión, e toma, aínda que con dificuldade, a golada -satisfeita do espectáculo. Estes son os misterios secretos dos atenienes, estes os relatorios de Orfeu47.  Aquí móstranos un espectáculo no que a deusa goza coa visión da nudez feminina, que podería indicar unha tendencia lesbiana na deusa, e que para Clemente merece reproche moral.

Hercules, o fillo de Zeus “nunha noite desflorou as cinco fillas de Testio, e este foi inmediatamente o corruptor e o noivo de tantas virxes. Non é, pois, sen razón, que o poeta lle chama un canalla cruel e patife inicuo. Sería tedioso contar os seus adulterios de todas clases, e corrupción de mozos. Porque os vosos deuses non se absteñen dos mozos, un tendo amado a Hilas, outro a Xacinto, outro a Pélope, outro a Crisipo, e outro a Ganimedes. Que deuses tales sexan adorados polas voas esposas, e que aos que os vosos maridos imploren sexan como estes -así comedidos; emulándoos nas mesmas prácticas, eles poden ser semellantes aos deuses. Que os vosos mozos sexan inducidos a adorar a deuses tales, que eles poidan crescer para ser homes con imaxes abominábeis de fornicación sobre eles, recebidas dos deuses”48. Os pobos reperesentan os seus deuses ao modo humano, e se as elites da sociedade, que son quen impoñen os seus valores morais, practican a pederastia, os deuses serán tamén concebidos como pederastas, que á súa vez, xustifican as prácticas pederastas no ámbito social. O heroi e belo Hilas era o compañeiro favorito ou, segundo Ovidio, fillo de Heracles, chamado en Roma, Hércules; o heroi e belo mozo Xacinto era o amado de Apolo; Pélope, rei de Pisa, no Peloponeso, fillo de Tántalo e Dione proxenitor, con Hipodamía, de Atreu e Tieste, era o amante de Poseidón; Crisipo, fillo bastardo de Pélope, heroi divino de Elis, no Peloponeso, foi amado polo heroi e tutor seu e rei de Tebas, Laios; finalmente, Ganimedes, foi amado de Zeus.

De acordo con estas observacións, a conversa sobre accións de maldade é denominado apropriadamente charla vergoñenta, como a faladuría sobre o adulterio, a pederastia, ou semellantes49. É vergoñenta a charla sobre estas accións, segundo Clemente, porque elas son en si vergoñentas, mais outra vez, trátase de actos de pederastia e non de homosexualidade.

O cartaxinés Tertuliano (ca. 160 - ca. 220), non sai dos esquemas do naturalismo ético posicionados por San Paulo. “A lei de Deus, pedes ti! Ti tes a lei común, exposta á face do mundo e gravada sobre as tábuas da natureza, ás cales o Apóstolo ten o costume de apelar, como, por exemplo, con ocasión do veu das mulleres: «A natureza volo ensina», di el, ou ben cando escrebe aos romanos: «Os xentíos cumpren por natureza o que a lei manda». El proponlle a lei natural e a natureza legal. Hai máis. Cando na súa primeira Epístola, declara que «os homes e as mulleres cambiaron o uso que é segundo a natureza noutro que é contra natureza, recebindo por eles mesmos a pena que era debida ao seu desvarío»; el sustén tamén o uso da natureza. Nós coñecemos primeiro a Deus polas luces da natureza; nós chamámoslle o Deus dos Deuses; considerámolo moi bo; invocámolo como xuíz. Ti perguntas se a natureza nos debe guiar sobre as obras de Deus, porque é de temer que non sexamos arrastrados por ela, tendo en conta que o rival de Deus corrompeu, co home mesmo, a totalidade das criaturas submetidas ao home para usos invariábeis; de aí vén que o Apóstolo di: «que elas sucombiron a pesar delas á vaidade», pervertidos por costumes vans primeiro, após vergoñentos, inxustos e impíos. Así a condición de criaturas foi degradada nos praceres dos espectáculos por aqueles que comprenden ben, en virtude das súas luces naturais, que todas as cousas que entran nun espectáculo, son as obras de Deus, mais que carecen de ciencia para recoñecer que foron desnaturalizadas polo demo50. Algúns apontamentos sobre este texto. Interpreta a Paulo, creo que correctamente, ao afirmar que este entende, creo que incorrectamente, que o cobrimento da cabeza con un veu, é algo natural, santificando así os roles de dominación socialmente estabelecidos. Afirma tamén que os xentíos cumpren a lei por natureza, o cal non deixa de ser unha afirmación sen sentido, pois indicaría que para os xentíos é xenético o que para os israelitas vén estipulado na lei mosaica. Unha lei nunca se cumpre por natureza, pois toda lei é unha coerción sobre a natureza, e, por iso, ten que estar apoiada pola forza coactiva dos poderes públicos. Nada do que é xenético necesita da coacción por realizarse por tendencia, como, por exemplo, as pulsións sexuais. Hai leis naturais ou leis da natureza, como a gravitación universal, mais non hai natureza legal no sentido en que a natureza teña en si unha lei social, unha lei que regule de por si as relacións humanas, pois estas son froito do acordo entre os humanos e da imposición dos que ostentan o poder. Supoño que cando afirma Tertuliano que coñecemos a Deus polas luces da natureza entende as luces da razón, que é a fonte de coñecimento de que estamos dotados xeneticamente. Mais se o coñecésemos por natureza, ninguén dubidaría da súa existencia, e hai moitos pobos que non teñen nengunha noción dun deus superior tal como Tertuliano o entendía. O mesmo Occam, franciscano conservador, afirmaba que Deus non se pode coñecer pola razón, e igualmente moitos pensadores actuais. Pergunta se a natureza nos debe guiar na actuación moral, e, como é a todas luces evidente que a natureza non guía, recorre, para xustificalo, á corrupción demoníaca, en vez de recoñecer que a natureza non é guía de actuación moral nin antimoral, senón a apreciación, valoración que o ser humano fai dos factos naturais e as súas aspiracións morais, que é o que o ser humano incrementa sobre a natureza.

No libro De pudicicia, chámalle ás relación homosexuais,  monstruosidades. “Tocante ás alianzas clandestinas, quer dicer, as que non se contraíron en presenza da Igrexa, son consideradas por nós, case como o adulterio e a fornicación verdadeira. Embora fosen recobertas polo matrimonio, non escapan á infamia. A respeito doutros impulsos das paixóns, que atentan contra o corpo, o sexo e as leis da natureza, nós proscrebémolas non só da vista senón tamén do seo da Igrexa, porque non son pecados senón monstruosidades51.

Cipriano de Cartago (ca. 200 - 258), bispo de Cartago, de procedencia berbere. Na Carta I dirixida a Donato arremete contra a práctica da autoemasculación. “Os homes son emasculados e todo o orgullo e o vigor do seu sexo é efeminado para a desgraza do seu corpo enervado, e está máis contento entón quen tivo transformado máis completamente o home por muller. El cresce en louvor en virtude do seu crime; e canto máis se degrada, tanto máis se cre ser. A persoa é considerada -oh vergoña! É considerada con pracer. E que non pode suxerir tal criatura? El excita os sentidos, adula os afectos, saca a conciencia máis vigorosa dun peito virtuoso; nen se ha esperar aí autoridade a causa da abominación sedutora, para que o mal poida arrastarse sobre a xente con un aceso menos perceptíbel. A inmodesta figura de Venus, Marte adúltero; e ese Xúpiter non máis supremo en dominio que en vicio, excitado co amor terreno en meio dos seus proprio trovóns, quer encanecendo na pluma dun poeta, quer chovendo a cántaros saraivada dourada, quer irrompendo coa axuda de raparigas para violar a pureza dos mozos. E agora perguntade, pode alguén ollar estas cousas con mente sá ou modesta? Os homes imitan os deuses que adoran, e os crimes de seres tan miserábeis convértense na súa relixión52. Non se trata dun texto sobre homosexualidade, tal como a definimos, senón sobre eunuquismo, que el condena.

"Oh, se colocados nesta suave torre de vixilancia, podes ollar nos lugares secretos - se podes abrir as portas cerradas dos dormitorios e anular os seus duros intervalos na percepción da vista - verías que inclusive o ver é un crime; observarías cousas feitas por persoas impúdicas que un ollo casto non pode ver; verías que o pobo embrutecido con a loucura do vicio negar o que eles fixeron, e inclusive agora se aprestan a facer - homes con desexos desenfreados precipitándose sobre homes, facendo cousas que non proporcionan gratificación incluso a aqueles que as fan53. O contexto non nos permite deslindar claramente os referentes aludidos no texto, inmediata continuación do anterior. Podería referirse a prácticas de prostitución masculinas con protagonistas eunucos, seguindo o argumentario do texto anterior, ou con protagonistas homosexuais. Podería referirse tamén non á prácticas de prostitución senón a lugares de reunión onde se practica sexo masculino. No primeiro caso, habería que focalo como un tema de prostitución e no outro como unha práctica homosexual. Neste segundo caso, tería menos sentido afirmar, como fai Cipriano, que quen practican estas relacións homosexuais non senten pracer, pois, en caso contrario, é de supor que non o farían; si se podería explicar mellor no caso de que se trate de seres castrados, ou de persoas que obran así por móveis distintos dos sexuais, como poden ser os económicos.

Arnobio de Sicca (   - 330), natural de Sicca, na actual Tunisia, recria o amor homosexual de Acdestis, fillo de Zeus por Atis, o seu compañeiro e amante, e amante tamén da mai dos deuses, Cibeles. “A mai dos deuses amaba a este (Atis) en grande maneira, que era belísimo de rosto. Amaba tamén a Acdestis, que era, de adulto, o seu compañeiro amoroso (de Atis), e ligado por complacencias perversas polo meio que puidera, conducíao polos bosques e colmábao de moitos regalos das feras, que o mociño Atis primeiramente dicía ser fruto do seu traballo, gloriándose da súa obra; despois pola influencia do viño confesa que era amado de Acdestis e honrado por el con dons rústicos; por este motivo, para os manchados con viño é nefasto penetrar no proprio santuario54. Ese amor homosexual entre Atis e Acdestis tivo como desenlace a autoemasculación e morte de Atis como consecuencia do ataque de ciumes de Acdestis, por terse decidido Atis pola esposa e marxinalo a el. Na súa obra Adversus Nationes escrebe: “Acdestis, rebentando de ira, por terse afastado de si o mociño e derivado cara ao seu desexo da muller, inspirou furor e loucura en todos os hóspedes; os frixios, cheos de pavor, conclaman: adora!, adora!; as fillas da concubina dos galos cortáronse os peitos, e Atis agarrou a frauta que levaba o instigador da loucura, e xa cheo de furor, e axitándose, finalmente deitouse e so un piñeiro castrou os xenitais dicindo: «Ten isto para ti Acdestis, porque concitaches tantos movimentos de crises furiais». Co regato de sangue perdeu a vida, mais as partes que foron cortadas recolleunas e lavounas a Grande Mai dos deuses, e botounas na terra, como estaban, cubertas antes cos vestidos e o envoltorio do defunto. Do fluxo de sangue nace unha flor violeta e foi rodeada por esta unha árbore, de onde naceu e se orixinou o velar e coroar os piñeiros sagrados”55.

Xoán Crisóstomo (347-407), natural de Antioquía, e patriarca de Constantinopla, posiciónase abertamente contra o homosexualidade apelando ao ultraxe á natureza. Escrebía no ano 390, por tanto, perto de cincuenta anos despois de ter prohibido o imperador as prácticas homosexuais: “Eles (os pagáns) son aditos ao amor dos mozos, e un dos seus homes sabios fixo unha lei pola que a pederastia, así como a unción para a luta libre non deben ser permitidas aos escravos, como se fose unha cousa honorábel; e eles teñen casas con esta finalidade, nas que é abertamente practicada. E se todo o que se fai entre eles for relatado, veríase que ultraxan abertamente a natureza, e non existe aí ninguén que os limite. Por iso os seus dramas están repletos de adulterios, luxuria, e corrupción de toda clase. Nas súas asembleias nocturnas, as mulleres son admitidas ao espectáculo. Alí  viuse a abominación dunha virxe sentada no teatro durante a noite, no meio dunha multidume de mozos deleitándose loucamente. O verdairo festival era a escuridade, e as máis abominábeis accións practicadas por eles. A este respeito el di, porque nós mesmos tamén fomos algunha vez loucos, desobedientes, enganados, servindo a desexos varios e praceres. Un home amou á súa madrasta, unha muller o seu fillastro, e en consecuencia enforcouse. Porque a súa paixón polos mozos, a quen eles chaman o seus Paedica, non é proprio para ser descrita”56.

No ano 391 escrebe Homilias aos romanos, e nelas comenta in extenso o texto de Rom. 1, 26-27, no que Paulo condena as relacións homosexuais por ser contrarias á natureza, argumentación que Xoán Crisóstomo fai súa tamén. “Aquí no mundo, el coloca o pracer consoante coa natureza, que eles terían desfrutado con máis sentido de seguranza e máis grande amizade feliz, e así terían sido afastados muito das accións vergoñosas. Mais eles non quixeron, dado que están tranquilos fóra do ámbito do perdón, e insultaron á mesma natureza. E aínda unha cousa máis vergoñosa que esta é cando as mulleres cobizan estas relacións, que deben ter máis sentido de pudor que os homes57. Utiliza, como vemos, distinta vara de medir para homes e mulleres a respeito das relacións homosexuais.

Nesta mesma homilia, razoa en base ao naturalismo ético, á legalidade e ao emotivismo moral, pretendendo sementar no auditorio unha repulsa contra estas accións, piores que a propria prostitución. “E varios outros libros dos filósofos pode un velos cheios desta doenza. Mais nós non por iso dicemos que a acción se fixo legal, senón que os que aceitan esta lei son desprecíbeis e obxecto de moitas bágoas. Porque son tratados como mulleres que fan de prostitutas. Ou máis ben o seu estado é máis deplorábel. Porque no caso dunha das relacións, inclusive se é ilegal, é con todo acorde coa natureza; mais isto é contrario á lei e á natureza. Porque inclusive se non houbese inferno e non fosen ameazados de castigo, isto é pior que calquera castigo58.  

Santo Agostiño (354-430), natural da provincia romana de Numidia, hoxe Souk Ahras, na Alxeria, pasou por unha etapa de militancia maniquea, relixión que constitúe unha síntese das relixións dualistas iraniano-babilónicas: zoroastrismo, mazdeísmo, mandeísmo, mais que recolle tamén elementos do budismo e cristianismo, aos que pretende superar, para converterse na relixión universal, depositaria da verdade íntegra. Os maniqueus estaban en contra da procriación porque atrapa as almas na materia e atrasa a libertación final das partículas do ben aprisionadas  na materia, mais son máis condescendentes co amor homosexual. Aos 16 anos trasládase a estudar a Cartago, nun momento en que se espertaron as súas vivencias sexuais. “Cheguei a Cartago, onde un caldeirón de amores impuros bulían ao meu arredor por todas partes. Aínda non amaba mais amaba amar e con secreta indixencia odiábame a min mesmo por menos necesitado. Buscaba que amar, amando amar, e odiaba a seguranza e a vía sen perigos, ... Amar e ser amado era doce para min, máis se desfrutar do corpo do amante. Manchaba, pois, a vea da amizade coas sordicias da concupiscencia e obnubilaba o seu candor co tártaro da libídinaxe, e, sendo torpe e deshonesto suspiraba, con abundante vaidade, por ser elegante e cortés. Caín no amor no que desexaba ser collido, ... porque fun amado e cheguei suavemente ao vínculo de desfrutar, e era atrapado alegre con ligaduras laboriosas, para que fose ferido polas varas férreas ardentes dos ciumes, e suspeitas, e temores, e iras, e contendas”59

A esta altura, 374-375, reanudou a amizade con un compañeiro da infancia, neste caso íntima. “Naqueles anos en que por primeira vez comezara a ensinar no municipio en que nascín, adquirira un amigo moi querido por compartir camaradería de estudos, coetáneo meu e que florecía comigo na flor da adolescencia. Comezara a comprender comigo de menino, xuntos foramos á escola e xuntos xogaramos. Se ben aínda non era amigo como agora; ... Mais era para min aquela amizade demasiado doce, cocida co fervor de estudos semellantes. E eu afastárao da verdadeira fe que el sustiña aínda non ben irmanada e adolescente, inclinándoo ás fábulas supersticiosas e perniciosas polas que me choraba a miña mai. Erraba xa comigo animicamente aquel home, e non puidera a miña alma viver sen el. ... eis que ti (Deus) arrebatachelo desta vida , cando apenas gozara un ano da súa amizade, máis suave para min que todas as suavidades daquela vida miña. ... poucos días despois, estando eu ausente, repetíronselle as febres e morreu. Con que dor se entenebrou o meu corazón! e todo o que observaba era morte. Era para min a patria un suplicio e a casa paterna unha maravillosa infelicidade, e todo o que comunicara con el convertérase sen el nun tormento cruel. Os meus ollos desexábano ver por todas partes e non aparecía; e odiara todas as cousas, que non o tivesen, nen puideran xa dicerme: «Eis xa vén», como cando viña após estar ausente. Eu estaba feito para min un grande embrollo e interrogaba a miña alma, porque estaba tan triste e porque me conturbaba tanto, e ninguén sabía responderme. E se eu dicía «Espera en Deus», ela non obedecía, porque era máis verdadeiro e mellor o home querido que perdera, que os fantasmas en que lle se lle mandaba esperar. Somente o choro me era doce e sucedera ao meu amigo nas delicias do meu ánimo60. Alén desta amizade de carácter homosexual, tamén tivo unha experiencia heterosexual por convivencia con unha muller coa que tivo un fillo, chamado Adeodato, que sería baptizado xuntamente con el no ano 387. Por influencia de Santo Ambrosio, abandonou o maniqueísmo e converteuse ao cristianismo, e de par, adheriu á concepción homofóbica deste, e por tanto, converteuse nun adversario dos homosexuais.      

A súa argumentación fundaméntase, ao igual que a de Paulo, Tertuliano e Xoán Crisóstomo, no naturalismo ético, como se amostra no seguinte texto, escrito arredor do ano 400: “E así os pecados graves, que son contra a natureza, en todas partes e sempre se han detestar e castigar, como foron os dos sodomitas. Que se todos os fixesen, serán considerados da mesma condición de reo do crime pola lei divina, que non fixo aos homes para que se usen dese modo. Viólase certamente a mesma sociedade, que debemos ter con Deus, dado que a mesma natureza, da que el é o autor, se mancha coa perversidade da libidinaxe61. A argumentación en si fócase contra a sodomía, que é unha figura moi distinta á homosexualidade, porque os sodomitas exerceron violencia nas persoas para conseguir os seus propósitos libidinosos, e, por tanto, atentaron contra a liberdade sexual dos seus hóspedes, mentres que a homosexualidade é unha relación voluntaria e consentida entre dúas persoas do mesmo sexo. Con todo, a argumentación tamén afecta indirectamente a estas relación homosexuais, porque, para estes autores, son actos contra natura.

En referencia á mai dos deuses, que sería a propria terra, retruca Agostiño que “Na verdadeira teoloxía a terra é obra de Deus, non a mai. Porén de calquer modo que se interpreten os seus asuntos sagrados, e os refiran á natureza das cousas, que os varóns consintan ser mulleres, non é de acordo coa natureza, senón contra a natureza. Esta doenza, este crime, esta deshonra ten manifestación entre aquelas cousas sagradas, que nos costumes viciosos dos homes apenas se confesa mediante os tormentos62. Isto indica que no seu tempo, as relacións homosexuais estaban penalizadas e que se obtiña a confesón dos implicados so a tortura.

As Constitucións Apostólicas, escritas arredor do ano 400, estabelecen que  "Os cristiáns aborrecen todas as unións ilegais, e o que se practica por algúns contrario á natureza, como malvado e impío63.

c.8.- A homosexualidade na lexislación imperial

Surprende non observar entre os escritores cristiáns dos primeiros séculos unha condena clara e tallante da actividade homosexual en si, salvo nos casos de Paulo e Tertuliano. Si se condena explicita e persistentemente a pederastia máis non as relacións homosexuais de persoas adultas que optan voluntariamente por esta clase de relacións. Porén, a partir do século IV, a situación vai mudar ao compás da actividade lexislativa imperial que vai condicionar o posicionamento dos cristiáns a respeito da homosexualidade. Co imperador Diocleciano producíronse, a inicios do século IV, as últimas persecucións contra os cristiáns, e meio século máis tarde foron substituídas por luitas cainitas entre as faccións cristiás dos arianos e os agora oficialistas ou católicos, e a seguir pola persecución dos cristiáns contra os pagáns, prevaléndose do brazo armado amigo, Teodosio, entre outros.

O 4/12/342, os imperadores Constancio e Constante dirixiron ao pobo un decreto, máis tarde incluído no Código de Teodosio,  no que prescrebían a pena de morte para un home que asuma o rol feminino de noiva, en vez de casar ao igual que os outros. “Cando o varón casou ao modo de muller, a muller oferecéndose ao varón, que desexa? Onde o sexo perdeu o seu lugar, onde o crime é o que non convén saber, onde venus se mudou noutra forma, onde o amor se busca e non se ve, mandamos que se diten leis, se constitúan tribunais con espadas vingadoras, para que sexan submetidos os infames a penas exquisitas, que son ou serán reos”64. Algúns autores (Dalla, Cantarella e Treggiari), entenden que o matrimonio de que fala este decreto polde ser unha metáfora para os homes que utilizan no sexo un rol feminino e non un matrimonio homosexual. A partir desta lexislación imperial a reacción dos teólogos cristiáns contra a homosexualidade foi, como xa vimos, máis enérxica.

No ano 364, Valentiniano I e Valente emiten un decreto polo que se obriga aos mercadores a entregar parte das súas ganancias para axudar os cristiáns, pobres e necesitados. A Igrexa convértese na entidade privilexiada que vai viver a conta dos cidadáns, tamén dos que non comungan co seu ideario. No 365 concédenlle o beneficio penitenciario de non ser condenados á area e de non servir en templos pagáns. Desactívanse as políticas de Xulían contra os cristiáns e os privilexios increméntanse nos anos seguintes. No ano 372 decretan a persecución contra os maniqueus e grupos similares, prohíbenlle reunirse, os seus mestres son castigados, os seus seguidores segregados e as súas hospedería confiscadas, ao tempo que impoñen o credo de Nicea após o Concilio de Ilirio favorábel aos homoousianos. No 378 Valente, Graciano e Valentiniano II decretan que os altares e outros lugares de adoración das relixións non católicas sexan confiscados, aínda que tivesen o permiso correspondente do xuíz local, e no 379, Graciano, Valente e Teodosio I decretan a prohibición de todas as herexías. No 380, no Cunctos Populos,  impoñen a relixión do credo de Nicea como a única e obrigatoria en todo o Imperio, e só os seus crentes se chamarán «cristiáns católicos», e todas as demais confesóns non poden denominarse igrexas. No 381 prohíbese testar aos conversos ao paganismo, que os maniqueus  poidan receber ou transmitir bens por herdanza, que os arianos poidan construír igrexas, que os  bispos cristiáns permanezan nas súas Igrexas se non adhiren ao credo dos bispos de Constantinopla e Alexandria, que os pagáns poidan rezar ou realizar sacrificios so pena de confiscarlle as propriedades, ...  Neste clima de inmensa represión contra todos os que non sexan homoousianos, o imperador Máximo xustifica, nunha carta ao papa Siricio, no ano 385, o seu decreto de execución contra o noso Prisciliano, en contra do parecer do propio Papa, en aras da fe católica.

Os homosexuais terán que sofrer tamén as consecuencias deste clima de intransixencia e fanatismo. Os imperadores Teodosio I, Valentiniano II e Arcadio, emitiron, no ano 390, un decreto dirixido o Orientio, vicario da urbe de Roma  no que condenaban a ser queimado vivo a quen practicase o sexo homosexual no rol pasivo, facendo o rol dunha muller. “1. Non podemos tolerar que a cidade de Roma, mai de todas as virtudes, sexa manchada por máis tempo pola contaminación no varón da deshonra efeminada, e que aquela enerxía agreste que provén dos vellos fundadores, sexa fracturada sen resistencia pola plebe, enchendo de inxuria os tempos dos fundadores e dos príncipes, Oriente caro amado e favorecido por nós. 2. Se ha louvar a túa experiencia, e purgarán polas chamas vindicativas todos os que usan do corpo viril, constituído dun modo feminilforme, pola submisión ao sexo alleo, que nada se diferencia dos femininos, e serán arrestados, como demanda a enormidade do crime, e levados todos fóra - é vergoñoso dicelo- dos lupanares masculinos, en presenza do póbo, para que todos entendan que a hospedaría da alma viril debe ser sacrosanta para que ninguén sen grande suplicio aspire ao sexo alleo se tivese perdido o proprio65

Xustiniano (527-565) publicou dúas leis directamente contra os homosexuais, a 77 e a 141. Na primeira destas Novellae leges (Novas leis ou Novelas) afírmase que “visto que certos homes, dominados por incitacións diabólicas practican entre eles mesmos as luxurias máis vergoñentas, e actos contrarios á natureza, nós ordenámoslle que tomen en serio  o temor de Deus e o xuízo futuro, e que se absteñan de similares luxurias diabólicas e ilegais, de modo que non sexan visitados pola xusta cólera de Deus por culpa deses actos impíos, coa consecuencia de que cidades se extinguen con todos os seus habitantes. Porque nós pensamos consoante ás Sagradas Escrituras que a causa de condutas impías semellantes cidades teñen de facto perecido, xuntamente con todos os seus homes”66. Como vemos, Xustiniano estaba preocupado polo mantimento da taxa demográfica da populación, vital para unha sociedade guerreira que necesita carne de canón para poder manterse. De aí a súa exaxeración de que hai cidades inteiras que perecen pola práctica da homosexualidade, afirmación que non é críbel. Recorre ás Sagradas Escrituras para lexitimar as súas políticas de represión das prácticas homosexuais e recoñece implicitamente que as súas afirmacións apocalípticas son extraídas non da súa experiencia senón de afirmacións bíblicas.

Segue unha sección na que condena varias blasfemias que xuran polos «cabelos de Deus» ou pola «cabeza de Deus»... “Porque a causa de tales crimes (non fica claro se se trata das blasfemias ou tamén das prácticas homosexuais), hai fames, terremotos, e pestes; por conseguinte nós amonestamos os homes a que se absteñan dos actos ilegais antes citados, para que non perdan as súa almas. Mais se, após esta admonición nosa se acha alguén que persiste en tales ofensas, en primeiro lugar tórnanse indignos da misericordia de Deus, e ademais serán submetidos ao castigo imposto na lei”. Como vemos, trátase dunha xustiza inmanente e vindicativa, vingativa, que se caracteriza pola sanción expiatoria e na que se liga, neste caso, os fenómenos meteorolóxicos adversos coa comisión de ofensas contra Deus, ou sexa, como fruto do pecado, que exixe reparación. Aos infractores ameázaos con penas no inferno e ademais cos castigos legais en vigor. 

 E continúa: “2: Polo cal ordenamos que os prefectos máis ilustres da capital arresten aos que persisten nos actos impíos e ilegais antes citados (isto ten de ser referido aos actos blasfemos e homosexuais) despois de ter sido admoestado por nós, e inflinxirlles os castigos extremos, de modo que a cidade o o estado non cheguen a ofenderse por tales accións perversas, e se, após esta advertencia nosa, se tiver encontrado quen teña disimulado o seu crime, eles do mesmo modo serán condenado polo Señor Deus. E se o prefecto máis ilustre encontra alguén que teña cometido tal ofensa, e omitir castigalo de acordo coas leis promulgadas, en primeiro lugar será responsábel ante o xuízo de Deus, e ademais incorretá na nosa indignación”. Como podemos ver, os imperadores cristiáns extremaron as condenas contra as prácticas homosexuais, prácticas condenadas polos libros sagrados e condenadas, ou polo menos consentidas, polos polos líderes relixiosos. Os castigos fixados pola lei imperial van de par coas penas que Deus lle infrinxa e acompañados da condena dos prefectos en caso de que non procedan contra eles. Alén diso, quen cometa as accións abominábeis das relacións homosexuais é ameazado de novo con penas espirituais.  

Na Nova Lei 141, estatúe: “Aínda que nos estamos sempre necesitados da benevolencia e bondade de Deus, agora é este especialmente o caso neste tempo, cando de varias maneiras o temos provocado a ira a causa de multidume dos nosos pecados. E aínda que el nos ten amoestado, e nos ten mostrado claramente o que merecemos polas nosas ofensas, agora el actuou con misericordia cara a nós, e, esperando a nosa penitencia, reservou a ira para outros tempos -porque «non se alegra coa morte do malvado, senón de que o malvado volva do seu camiño e viva». Por conseguinte, non é correcto que nós todos desprecemos a bondade abundante de Deus, a paciencia, a benevolencia e, endurecendo os nosos corazóns e dándolle as costas á penitencia, amontoemos sobre nós mesmos ira no día da ira. Máis ben, nós debemos absternos de todos os baixos asuntos e actos - e especialmente se aplica isto aos que foron caír na abominábel e impía conduta merecidamente odiada por Deus. Falamos do estupro dos homes que algúns homes sacrílega e impiamente ousan intentar, perpetrando actos viles con outros homes”67. Esta lei máis que dun imperador parece ser obra dun prelado católico. Aclara a seguir que a conduta homosexual é tan baixa que non se encontra inclusive nos animais inferiores, alén de ser unha conduta pecaminosa, merecedora dos maiores castigos .

c.9.- A homosexualidade en Tomás de Aquino e na Igrexa actual

Tomás de Aquino inclúe a homosexualidade entre os pecados de luxuria, que son aqueles en que se usa “o pracer venéreo en contra da recta razón68. A homosexualidade non peca só contra a recta razón, senón “que se opón tamén á mesma orde natural do acto venéreo apropriado á especie humana69. É un pecado contra a natureza, porque “se realiza o coito co sexo non debido, quer de home con home, quer de muller con muller, como di o Apóstolo en Rom. 1, 26-27, e que se chama vicio sodomítico”70. Dado que “nos vicios contra a natureza, o home obra contra o que a mesma natureza estabeleceu sobre o uso do pracer venéreo, séquese que un pecado en tal materia é gravísimo71, é o pecado máis grave de todos, seguido do rapto, incesto, adulterio, estupro e fornicación. Se nos pecados de luxuria, os que atentan contra a natureza son máis graves que os outros, entre os pecados contra a natureza, o máis grave é a bestialidade, sexo con outra especie; seguido da sodomía, sexo co mesmo sexo; sexo oral e anal, sexo heterosexual mais non do modo debido, e, en cuarto lugar a inmundicia, ou omisión do coito con outra persoa72.

Para expoñer a doutrina da Igrexa na actualidade vou cinxirme aos documentos da Congregación para a Doutrina da Fe, sobre cuestións sexuais, por considerar que pretenden reflectir o posicionamento oficial da Igrexa. Este órgao colexiado do Vaticano, composto por 25 prelados, que ten como función custodiar a correcta doutrina católica na Igrexa, foi coñecido historicamente como «Sagrada Congregación para Doutrina da Fe», «Sagrada Congregación da Romana e Universal Inquisición» ou «Sagrada Congregación do Santo Oficio», e foi presidida desde 1981 até 2005 polo cardenal Joseph Ratzinger, despois papa Bento XVI. Como podemos observar, na Igrexa, os órgaos máis represivos, torturadores e homicidas, receben o nome de «sagrados». No ano 1975 emite unha declaración sobre cuestións sexuais na que comeza aclarando que “Non pode haber, por conseguinte, verdadeira promoción da dignidade do home se non se respeita a orde esencial da súa natureza”73, que constitúe xa unha tomada de posición clara de que van focar as cuestións de ética sexual na liña paulina, creo que moi desacertadamente. Falar de «orde esencial da natureza» remítenos a unha filosofía escolástica que pretendía escudriñar as esencias ou quiddidades das cousas, hoxe totalmente desacreditada. Fai unha distinción, a seguir, entre a homosexualidade adquirida e os homosexuais que son “irremediabelmente tais” por unha “especie de instinto inato”, que pensan algúns que é natural e xustificativa das relacións homosexuais. Se é irremediábel, indica que os suxeitos a sofren involuntariamente, que non depende da súa conduta nen do seu arbitrio solucionala, e isto implica que é algo xenético, que pertence á súa natureza, obra de Deus, ou en todo caso, algo semellante a unha doenza, e que nunca pode ser obxecto de reprensión moral, que exixe intencionalidade, e por tanto, voluntariedade dos actos. A Congregación mesmo o recoñece implicitamente cando afirma que a súa culpabilidade moral debe ser xulgada con prudencia, frase que peca de timorata, pois non se trata de ter prudencia para acusar senón ter a valentía de eximir de culpa. Mais a seguir, para non oporse ás condenas explícitas contidas na Sagrada Escritura, intenta facer exercicios de malabarismo con resultado de submisión á homofobia da sociedade xudeu-cristiá. A conclusión a que chega é que  “non se pode empregar nengún método pastoral que recoñeza unha xustificación moral a estes actos por consideralos conforme á condición destas persoas. Segundo a orde moral obxectiva, as relacións homosexuais son actos privados da súa ordenación necesaria e esencial74. Fixémonos que non nega que estes actos sexan conformes á condición destas persoas, senón que, aínda que o sexan, non pode empregarse un método pastoral que o recoñeza a súa xustificación moral. Cita a continuación unha pretendida orde moral obxectiva, que non precisa en que consiste. Susténtase na Biblia? Na natureza cósmica ou humana? Mais, como supoño que saben moi ben os ilustres prelados, unha orde moral «obxectiva» somente ten valor prescritivo se coincide coa moral subxectiva, ou sexa, co que nos di a nosa conciencia, que é a que en todo momento debe prevalecer. Falar de «ordenación necesaria» cara a un sexo que contraría a propria condición natural da persoa, que sentido ten? Alén de que falar de ordenación esencial remítenos de novo á un mundo de esencias, nebuloso e sen sentido definido, no que eu me perdo. Mais do que se trata é de buscar xustificacións para non contradicer o que di a Biblia e seguir mantendo a vixencia da «verdade revelada». De aí que afirmen que “Na Sagrada Escritura están condenados como graves depravacións e inclusive presentados como a triste consecuencia dunha repulsa de Deus. Este xuízo da Escritura non permite concluír que todos os que padecen esta anomalía por esta causa incorran en culpa persoal; mais testifica que que os actos homosexuais son pola súa intrínseca natureza desordenados e que non poden receber aprobación en nengún caso”75. Por tanto, non todos incorren en culpa persoal, o cal indica que moitos si incorren en culpa persoal por actos que son conformes á súa condición e á súa natureza, mais deixan na imprecisión o tema de cantos. Eis un bo exemplo de argumentación confusa e incoherente. Por unha parte sentan como principio que hai que respeitar a orde esencial da natureza; pola outra recoñecen que a homosexualidade non adquirida é irremediábel e quizais fruto dunha especie de instinto inato, e, por tanto, deberían concluír que é acorde coa natureza, mais hai que intentar manter un certo compromiso para deixar as cousas como están. 

Falar de actos desordenados pola súa intrínseca natureza só ten sentido se o referimos a unha noción de orde existente na nosa mente, independentemente de que esa orde exista ou non na realidade. As relixións monoteístas parten dunha noción de Deus omnipotente, omnisciente e bondadoso, que decide criar o mundo liberrimamente, con total liberdade e sen causa exterior algunha que o impulse a facelo. Como resultado desa decisión divina e do deseño perfeito dese arquitecto ou deseñador intelixente todopoderoso non podía resultar máis que un mundo sumamente perfeito e ben ordenado, porque Deus sabe, pode e quere facer sempre o mellor. Mais isto entra en conflito co que vemos na realidade, na que, á par dunha orde maravillosa, a desorde predomina, como podemos observar no caso da doenza, que ataca por igual a bos e maus, a seres «imprescindíbeis» e «sobrantes», a persoas na flor da idade e vellos achacosos. Noutras palabras, enfrentámonos ao problema do mal físico, que nunha concepción teísta non ten solución algunha e que só se despacha recorrendo ao misterio. Non se observa que a natureza estexa moi ordenada. Os animais tamén practican as relacións homosexuais, logo tamén están intrínseca e obxectivamente desordenados, e a quen lle botamos a culpa? Discriminamos aos animais, sancionámolos ou teriamos que achacar a desorde ao mesmo autor da natureza? Un tsunami que mata trescentas mil persoas, é orde ou desorde? Unha seca que deixa sen posibilidade de subsistencia a populacións inteiras e a multidume de animais infrahumanos é ode ou desorde? Ese tren de cicloxéneses que padecemos na Galiza, acompañado de chuvias intensas e persistentes, é orde ou desorde? Por veces tense recorrido como solución destas anomalías ao pecado, mais isto non parece serio, por máis que sexa inxustificábel nunha concepción dun deus bondadoso, omnisciente e omnipotente. Alén diso, como xa explicamos na primeira entrega, a desorde é a mai da orde, e a física cuántica ensínanos que Deus xoga aos dados, en contra do que afirmaba Einstein, e, por tanto, a escala micrsocópica, a posición dun átomo é algo arbitrario,  calquera cousa pode acontecer no Universo a esta escala, como nos acaba de lembrar o premion Nobel de Física 2012, Serge Haroche. “Un fenómeno cuántico prodúcese de maneira arbitraria, e non se pode predicer cando ocorrerá, senón que como muito pódese estimar a probabilidade de que ocorra76.

O 23/07/1992 a Congregación para a Doutrina da Fe publicou un novo documento titulado “Algunhas consideracións acerca da resposta á propostas lexislativas sobre a non discriminación das persoas homosexuais, que vén reforzar a homofobia eclesiástica. Este documento defende sen pudor a discriminación das persoas homosexuais como tais a efeitos legais e sociais, especialmente nos ámbitos docentes, instrutores de atletismo e militar, e pretende alertar as autoridades eclesiásticas para que non cooperen na lexislación en prol da súa non discriminación legal. Distingue entre “condición ou tendencia homosexual e actos homosexuales». Estos últimos son «intrínsecamente desordenados» e, «en nengún caso poden receber aprobación»”77. A inclinación constitúe unha tendencia cara a un comportamento intrinsecamente mau desde o ponto de vista moral e por isto “a inclinación mesma debe ser considerada como obxectivamente desordenada78. Como a inclinación é má e é xenética, parece que non se libra da condena o mesmo criador da natureza. Ou sexa, que os actos son intrinsecamente desordenados e a inclinación é obxectivamente desordenada, e con dicer dúas palabras xa solucionamos un problema. Continúa o documento con outra serie de afirmacións surprendentes: “Como sucede en cualquer outra desorde moral, a actividade homosexual impede a propria realización e felicidade, porque é contraria á sabedoría criadora de Deus79. Co cal os ilustres prelados se erixen en xuíces do que constitúe a felicidade felicidade proprias das persoas implicadas por máis que estas consideren que a convivencia en común os fai máis felices. Creo que debemos recoñecer que non hai como ter o Espírito Santo de parte dun, como se patentiza tamén no seguinte texto: “Aínda que a práctica da homosexualidade ameace seriamente a vida e o benestar dun grande número de persoas80. Como a práctica homosexual sempre se practicou e inclusice aquí en España xa levamos uns cuantos anos coa lei do matrimonio homosexual, non sei que esperan os preocupados pola memoria histórica para actuar e os afectados para presentar as correspondentes demandas xudiciais por ameazas contra a súa vida e benestar. 

Unha persoa que amostre comportamentos homosexuais pode ser discriminada nos seus direitos sociais básicos, como traballo casa, etc porque “eses direitos non son absolutos. Poden ser limitados lexítimamente a causa dun comportamento externo objetivamente desordenado. Isto, a veces, non só es lícito, senón tamén obrigatorio; non só se impón a causa dun comportamento culpábel, senón tamén no caso de persoas doentes física ou mentalmente81. Opóñense abertamente á non discriminación en razón de sexo e a que se fale dun direito á homosexualidade, porque “O paso do recoñecimento da homosexualidade como factor segundo o cal é ilegal discriminar pode levar fácilmente, se non de modo automático, á protección lexislativa e á promoción da homosexualidade82.

O 3/06/2003 a Congregación para a Doutrina da Fe, emite un novo documento titulado Consideracións acerca dos proxectos de recoñecimento legal das unións entre persoas homosexuais, con obxecto de instruír as autoridades eclesiásticas como actuar ante a vaga de proxectos lexislativos tendentes a recoñecer os matrimonios homosexuais. Este documento pretende entorpecer as lexislacións estatais a este respeito tanto antes como despois de seren aprobadas e opoñerse ao recoñecimento do direito de adopción de fillos por parte das parellas homosexuais. Comeza alterando o sentido que historicamente se lle deu á criación do home como imaxe e semellanza de Deus, Xe. 1, 27,  por parte da Igrexa. Como vimos ao tratar da misoxinia, a Igrexa sempre interpretou que fora o home e non a muller quen foi criado a imaxe de Deus, baseándose precisamente neste texto, máis agora muda e di que tamén a muller foi criada a imaxe de Deus. Benvida esta rectificación tardía mais considero que debería facerse asumindo que a Biblia é un libro histórico e, por tanto, fruto dunha época determinada, cos seus valores e deficiencias. Así evitariamos que se muden ad líbitum das comisións vaticanas e sen criterio xeral o sentido dos textos. Lembramos que o texto bíblico di na versión hebrea: “Creou, pois, Deus ao home a imaxe súa, a imaxe de Deus criouno a el, macho e femia os criou”.

Insiste no contido dos documentos anteriores e reitera que “a inclinación homosexual é «obxectivamente desordenada»,(9) e as prácticas homosexuais «son pecados gravemente contrarios a la castidad».(10)”. Isto debe implicar afirmar o carácter inmoral deste tipo de unións. Polo cal “Hai que absterse de calquer tipo de cooperación formal á promulgación ou aplicación de leis tan gravemente inxustas, e así mesmo, en canto sexa posíbel, da cooperación material no plano aplicativo83. Fundamentan a inmoralidade no ethonatualismo: “Toda lei proposta polos homes ten razón de lei en canto é conforme coa lei moral natural, recoñecida pola recta razón, e respeita os direitos inalienábeis de cada persona84. Apelan a un criterio triplo: a) Que sexa conforme coa lei moral natural; b) Que esta lei sexa recoñecida pola recta razón; e c) Que respeite os direitos inalienábeis de cada persoa. Neste texto, con todo, non poñen o acento sobre a lei moral natural senón na recta razón, o cal podería indicar un cambio na fundamentación. Xa vimos que a natureza é indiferente ás normas morais e non pode ser fonte das mesmas. Introducir o criterio da recta razón sen precisar en que consiste non ten sentido e só aboca ao subxectivismo. A Igrexa sempre declarou e declara que actúa de acordo coa recta razón, a deles, inclusive cando queimaba persoas por defender a pluralidade de mundos; e, finalmente, resulta chocante que se invoque que ten que cumprir os direitos humanos inalienábeis cando se pretende precisamente restrinxilos. Pois é un direito humano inalienábel que se respeite o que cada un é, sempre que non se perturbe a convivencia social. Considera, creo que sen fundamento serio, polo menos non o aducen, que “a ausencia da bipolaridade sexual cria obstáculos ao desenvolvimento normal das crianzas eventualmente integrados nestas unións85. Volve insistir na pertinencia da discriminación destas persoas pretextando que esta somente é inaceptábel se se opón á xustiza. “Polo contrario, hai suficientes razóns para afirmar que tais unións son nocivas para o recto desenvolvimento da sociedade humana, sobre todo se aumentase a súa incidencia efectiva no tecido social”86. Dun modo semellante ás Congregación exprésa o Catecismo Católico nos párrafos 2357-2359.

c.10.- Conclusión

A modo de conclusión, considero que habería que deixar claras algunhas cousas: a) Afirmar que a homosexualidade vai contra a natureza e é, por tanto, merecedora de castigo, implicaría suster que a homosexualidade é algo sempre e totalmente adquirido e inclusive adquirido voluntariamente, afirmacións que non están demostradas nin moito menos.  Todo indica que, en moitos casos opera tamén a xenética, como o corrobora o modo de operar da natureza, moi ben expresado no adaxio latino, «natura non facit saltus», na natureza non hai discontinuidades, e, por tanto, as fronteiras entre mundos, especies, sexos  e individuos son sempre tenues en moitos casos, o que infirma a universalidade de toda definición. O mundo animal é moi distinto do vexetal, mais hai animais con características de vexetais e vexetais con características de animais; os anfibios son moi destintos dos peixes, mais hai tamén casos de anfibios e peixes á vez; os indivíduos somos distintos e o nível de proxesterona e tetosterona, que condiciona as eleicións sexuais, tamén varía. . ... Os estudos empíricos a respeito da influencia dos xenes, hormonas, impronta e meio ambiente estas condutas están nunha fase aguda de desenvolvimento e os resultados non son definitivos nin concordantes, se ben parecen implicar, polo menos unha pluralidade de factores intervenientes, entre os cales actúa tamén a xenética e as hormonas, e, por iso, evito entrar de momento por este terreno. En todo caso, a frecuencia das prácticas homosexuais nos animais infrahumanos constitúen un forte apoio á súa condición xenética. Mais quero subliñar que, no seo dun mundo relixioso, sexa xudeu, islámico ou cristián, pagán ou naturalista, a animadversión contra a homosexualidade colide con outras teses dos seus propios sistemas. As relixións estabelecen que o mundo foi criado por Deus, mundo que se identifica coa natureza, e, por conseguinte, os individuos homosexuais serían produto desa criación divina, caso de ser xenética a orientación sexual. Se non é xenética senón adquirida por influencia ambiental, o criador depositou, en todo caso, na natureza as predisposicións para esa orientación, e, por tanto, sería improcedente castigar os desviantes. Esta argumentación tamén é extensiva aos que defenden a autonomía da natureza frente a toda divindade e no caso de que se manteña que é totalmente adquirida. Tamén é adquirido un catarro, unha hernia, etc. e a ninguén se lle pasa pola cabeza castigar a quen a sofre. Para castigar a alguén tería que demostrarse, en todo caso, a intencionalidade da conduta e que esta visa prexudicar a  alguén. Moitos, supoño que a grande maioría, preferimos un mundo heterosexual, mais esta preferencia é de natureza estética, predileción pola descendencia, orientación sexual, etc. e non de cariz moral.

b) Os intercambios sexuais homosexuais a veces realízanse entre persoas que deciden voluntariamente practicar este tipo de sexualidade, e para estes casos, valen as reflexións acima estabelecidas. Se se realiza prostituíndo a outro, valería o razoamento referido á prostitución tamén entre sexos distintos.

c) A obxección referida ao desperdicio do semen, pode volverse en contra de quen a aduce, porque se se aproveitase todo o semen, o mundo xa tería sido saturado fai moito tempo, e as familias veríanse sobrecargadas de fillos aos que non poderían alimentar nen educar. A este respeito dáse unha disparidade radical entre o xudaísmo e o cristianismo, pois mentres o primeiro considera a propagación da especie como un dos maiores bens, o cristianismo opta pola castidade como a suma perfeición.

d) A argumentación a respeito da eventual falta de atención ás mulleres produtivas, perdendo o tempo coas estériles, pódese dicir que somente vale para unha concepción da sexualidade na que se liga esta exclusivamente á reprodución e non ao amor entre persoas. Por outra parte, a fecundación fica segurada nos casos en que a muller é fértil. É cruel marxinar as persoas polo mero facto de non ser fértiles.

e) Persoalmente non sinto nengunha simpatía polas prácticas homosexuais, igual que eles polas miñas, mais creo que debemos ser totalmente tolerantes con elas, e permitir e defender que as persoas se realicen como xulguen conveniente, sempre que non se perturbe a convivencia social, que até o momento non hai nengún indicio de que non sexa así. 

f) O que está pasando no Vaticano co lobby gay creo que debería facer reflexionar tanto ás autoridades eclesiásticas como aos proprios afectados. Non se pode defender teoricamente a castidade obrigatoria para todos os clérigos e pretender que non haxa conculcacións destas normas, con notorio escándalo público, porque a sexualidade é algo natural en todos os animais sexuados. Non procede comezar con diatribas contra os protagonistas, que adoptan prácticas sexuais "comprensíbeis", aínda que convén subliñar a incoherencia entre teoría e praxe e unha certa covardía en non atreverse a contribuír que os problemas afloren e se solucionen.


1.  In Wikipedia, «1,500 Animal Species Practice Homosexuality». News-medical.net (2006-10-23.
2.  PLATÓN, A república, Libo. III, cap. XII, 403 b-c.
3.  PLATÓN, As leis, Libo. I, 636 c.
4.  PLATÓN, As leis, Lib. VIII, 836 a-c.
5.  PLATÓN, As leis, Lib. VIII, 838 e - 939 a.
6.  ARISTÓTELES, Política, Lib. II, cap. 9, 1274 a 1274 b.
7.  ARISTÓTELES, Política, Lib. V, cap. 8, 1311 a - 1311 b.
8.  ARISTÓTELES, Política, Lib. V, cap. 8, 1312 a.
9.  ARISTÓTELES, Política, Lib. II cap. 6, 1269 b.
10.  ARISTÓTELES, Política, Lib. II, cap. 7, 1272 a.
11.  Instituta, lib. IV, tit. XVIII, 4.
12.  Xe. 19, 5.
13.  Xu. 19, 1-30.
14.  Lev. 18, 22.
15.  Lev. 20, 13.
16.  I Sam. 20, 3.
17.  I Sam. 20, 17.
18.  I Sam. 1, 20, 30-32.
19.  II Sam., 1, 25-26.
20.  FILÓN DE ALEXANDRÍA, As leis especiais, III, VII, 37.
21.  FILÓN DE ALEXANDRÍA, As leis especiais, III, VII, 38
22.  FILÓN DE ALEXANDRÍA, As leis especiais, III, VII, 39.
23.  FILÓN DE ALEXANDRÍA, As leis especiais, III, VII, 40.
24.  FILÓN DE ALEXANDRÍA, As leis especiais, III, VII, 41..
25.  Rom. 1, 26-27.
26.  I Cor. 6, 9-10.
27.  Rom. 11, 24.
28.  I Cor. 11, 14-15.
29.  Gal. 4, 23. Cf. Gal. 4, 29.
30.  Ef. 2, 3.
31.  II Ped. 2, 12.
32.  I Tim. 6, 1-2; Tit. 2, 9-10.
33.  I Pet. 2, 18.
34.  I Tim. 1, 9-10.
35.  Xud. 7.
36.  Historia da infancia de Xesús, segundo San Tomás, 4, 16-17.
37.   Didache II, 2.
38.  Carta de Bernabé, XIX, 4.
39.  XUSTINO, Primeira Apoloxía, 27. 1.
40.    XUSTINO, Diálogo con Trifón,, 95, 1.
41.  TACIANO, Discurso contra os gregos, 8.
42. TACIANO, Discurso contra os gregos, 10.1; 19, 1; 28, 1..
43.  ATENÁGORAS, Legación en prol dos cristiáns, 34
44.  CLEMENTE DE ALEXANDRÍA, O Pedagogo, Lib. II, cap. X, 88, 3.
45.  CLEMENTE DE ALEXANDRÍA, O Pedagogo, Lib. III, cap. VIII, 44, 1.
46.  CLEMENTE DE ALEXANDRÍA, Protreptico, Chap. II.
47.  CLEMENTE DE ALEXANDRÍA, Protreptico, Chap. II.
48.  CLEMENTE DE ALEXANDRÍA, Protreptico, Chap. II.
49.  CLEMENTE DE ALEXANDRÍA, O Pedagogo, Lib. VI, cap. LII, 3.
50.  TERTULIANO, Da coroa do soldado, VI
51.  TERTULIANO, Da pudicicia, IV.
52.  CIPRIANO DE CARTAGO, Carta 1, 8.
53.  CIPRIANO DE CARTAGO, Carta 1, 9.
54.  ARNOBIO DE SICA, Adversus nationes, Lib. V, 6, 8.
55.  ARNOBIO DE CICCA, Adversus nationes, Lib. V, 7, 2-3.
56.  XOAN CRISÓSTOMO, Homilia a Tito, 5.
57.  XOAN CRISÓSTOMO, Homilias aos romanos,  4.
58.  XOAN CRISÓSTOMO, Homilias aos romanos,  4.
59.  SANTO AGOSTIÑO, Confesións, lib. III, cap. I, 1.
60.  SANTO AGOSTIÑO, Confesións, lib. III, cap. IV, 7-9.
61.  SANTO AGOSTIÑO, Confesións, lib. III, cap. VIII, 15. Cf. A cidade de Deus, XVI, 30.
62.  SANTO AGOSTIÑO, A cidade de Deus, lib. VI, 8.
63.  Constitucións Apostólicas, Lib. VI, 6, sec. III, 11.
64.  Imperatoris Theodosii Codex, IX, 7, 3. Cf. Cod. Xustin IX. IX. 31
65.  Imperatoris Theodosii Codex, IX, 7, 6.
66.  Novelae leges, 77.
67.  Novelae leges, 141.
68.  SAN TOMÁS DE AQUINO, II-II, q. 154, art. 1 c.
69. SAN TOMÁS DE AQUINO, II-II, q. 154, art. 11 c.
70.  SAN TOMÁS DE AQUINO, II-II, q. 154, art. 11 c.
71.  SAN TOMÁS DE AQUINO, II-II, q. 154, art. 12 c.
72.  SAN TOMÁS DE AQUINO, II-II, q. 154, art. 12 ad 4.
73.  Congregación para a Doutrina da Fe, Declaración acerca de certas cuestións de ética sexual, 29/12/1975, 3.
74.  Congregación para a Doutrina da Fe, Declaración acerca de certas cuestións de ética sexual, 29/12/1975, 8.
75.  Congregación para a Doutrina da Fe, Declaración acerca de certas cuestións de ética sexual, 29/12/1975, 8.
76.  Entrevista en El Mundo, de 15/03/2014.
77.  Congregación para a Doutrina da Fe, Algunhas consideracións acerca da resposta á propostas lexislativas sobre a non discriminación das persoas homosexuais, 23/07/1992, 1.
78.  Congregación para a Doutrina da Fe, Algunhas consideracións acerca da resposta á propostas lexislativas sobre a non discriminación das persoas homosexuais, 23/07/1992, 2. Cf. Nºs 7 e 10.
79.  Congregación para a Doutrina da Fe, Algunhas consideracións acerca da resposta á propostas lexislativas sobre a non discriminación das persoas homosexuais, 23/07/1992, 3.
80.  Congregación para a Doutrina da Fe, Algunhas consideracións acerca da resposta á propostas lexislativas sobre a non discriminación das persoas homosexuais, 23/07/1992, 5.
81.  Congregación para a Doutrina da Fe, Algunhas consideracións acerca da resposta á propostas lexislativas sobre a non discriminación das persoas homosexuais, 23/07/1992, 12. Cf. Nº. 15.
82.  Congregación para a Doutrina da Fe, Algunhas consideracións acerca da resposta á propostas lexislativas sobre a non discriminación das persoas homosexuais, 23/07/1992, 13.
83.  Congregación para a Doutrina da Fe, Consideracións acerca dos proxectos de recoñecimento legal das unións entre persoas homosexuais, 3/06/2003, 5.
84.  Congregación para a Doutrina da Fe, Consideracións acerca dos proxectos de recoñecimento legal das unións entre persoas homosexuais, 3/06/2003, 6.
85.  Congregación para a Doutrina da Fe, Consideracións acerca dos proxectos de recoñecimento legal das unións entre persoas homosexuais, 3/06/2003, 7.
86.  Congregación para a Doutrina da Fe, Consideracións acerca dos proxectos de recoñecimento legal das unións entre persoas homosexuais, 3/06/2003, 8.