29 abr 2013

«O galego non é dos nacionalistas»

Nunhas declaracións recollidas por La Voz de Galicia do 28/04/2013, o novo presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, afirma que «O galego non é dos nacionalistas, é de todos». Esta é unha declaración profusamente propalada polos españolistas ou galeguistas do lacón con grelos, para lexitimar o seu protagonismo hostil á lingua do propia pobo galego, polos alieníxenas e traidores aos valores e sinais de identidade do noso país, que foron quen até o momento protagonizaron o devir político e cultural da nosa comunidade, á que afogaron e sumiron na situación de postración e declive no noso deambular histórico. No fundo o que pretenden é darse lexitimidade a si mesmos e, ao mesmo tempo, deslexitimar o protagonismo a respecto da lingua que teñen, velis-nolis, os nacionalistas.

A lingua é un sistema de comunicación a dispor dos falantes dunha comunidade, unha serie de signos creada polos utentes dunha determinada colectividade para o seu servizo e a súa función comunicativa. Non é dun grupo ou doutro, senón dos seus falantes, dos que a aman, protexen, falan e lle dan vigor e esplendor. Nos países colonizados, como o noso, a recuperación do idioma é protagonizado por un determinado grupo, denominado normalmente nacionalista, que se caracteriza por un amor profundo, sincero e leal ao idioma propio, que lle outorga a súa razón de ser. É desexábel que a lingua for de todo o pobo, do conxunto dos falantes dunha comunidade que se expresa nesa lingua, mais infelizmente iso non é así. Os nacionalistas non deberían ter máis protagonismo neste eido que os demais membros da comunidade, mais están obrigados a telo ante a situación de abandono, menosprezo e autoodio á que se ve submetido o código lingüístico creado polos seus mesmos antepasados. Se a situación do galego estivese normalizada, xa poderiamos concentrar as nosas enerxías e o noso tempo noutros obxectivos, mais ante a situación de desleixo, abandono e traizón dos poderes públicos e elites dirixentes, non fica outro remedio máis que certos grupos asuman esta tarefa. Se o Goberno galego se preocupase de normalizar o idioma, como fai todo goberno dunha comunidade normal, non estabelecese leis lesivas para el, co propósito de frear a súa recuperación e favorecer o español, teriamos xa avanzado moito e non necesitariamos que os sectores nacionalistas se ocupasen especialmente deste tema, mais, lamentabelmente, isto non é así.

O amor, preocupación, axuda, etc. crean dereitos para os seus implicados. Non pode alegar o mesmo dereito a unha noiva agradecida e sen ciumes, alguén que a ama e se preocupa por ela que quen se dedica a desprotexela, freala no seu desenvolvemento e esplendor, anulala, restarlle medios e posibilidades. A lingua é un código abstracto de comunicación, que de por si non ten dereitos máis si en canto que é asumida polos falantes dunha determinada colectividade, que son quen teñen dereitos, que lle transmiten á propia lingua.

Imos supor que esta lingua se convertese nunha persoa concreta, na noiva que quer ser pretendida e conquistada, que falase e personalizase en si os sentimentos dos seus falantes concretos. Que lle diría aos gobernantes galegos desde o inicio da Autonomía? Máis ou menos sería o seguinte: “Vostedes asumiron como función defenderme e normalizarme mais o fracaso da súa política non pode ser máis evidente. En vez de que recuperase as miñas funcións como sistema de comunicación dos galegos, só se preocuparon de que o español non perdese as súas nesta comunidade. Non se preocuparon de que o meu estatus xurídico estivese á mesma altura que o español, cando debía ter aquí o protagonismo pleno, senón que defenderon sempre a miña inferioridade legal e manterme sempre na minoría de idade. Opuxéronse vostedes a todos os lingüístas máis prestixiosos para afogar e anular os meus dereitos e á mesma lexislación que minimamente me protexía, recorrendo ao cinismo máis vil para apoiar as súas pretensións. Participan do papanatismo máis ridículo pretendendo que unha lingua estranxeira se equipare en dereitos comigo ante o meu noivo, e xa comezades a  ila introducindo progresivamente entre o público, como se exemplifica pola aposta pola palabra «cross-booking» no frontispicio da caseta de libros de Santiago, aínda que sabedes que ninguén coñece o seu significado, só porque vos parece que así sodes máis cultos, ao tempo que tapades a vosa incapacidade para empregar a palabra axeitada en galego para o mesmo uso. Non podo querervos, salvo que rectifiquedes e adoptedes un veraz  propósito de emenda. Pídolles que non ataquen aos que aínda me defenden”.

Que lle diría aos «patufos desleigados» de que falaba Manuel María, que non a asumen como vehículo normal de comunicación? Sería máis ou menos isto: “Eu fun a lingua dos vosos pais, dos vosos antepasados nesta comunidade, da que fun parcialmente afastada en beneficio do español, co consentimento tácito de persoas pouco sensíbeis aos meus dereitos. Fun, e continúo a ser, vítima do autoodio máis descarnado, da indiferenza máis vil, non tiven persoas lúcidas que se solidarizasen coa miña causa e que loitasen por impedir que o pobo galego me denigrase como noiva. No fundo seguen a crer que a outra noiva, a miña competidora, é máis bela e oferece un dote maior que o meu, cando é exactamente ao revés. O voso comportamento éncheme de dor e tristura. Celebrarei o día en que cambiedes de sentir e de opinión sobre min e poidamos celebrar un matrimonio feliz”.

Finalmente, que lle diría aos académicos da RAG? O seu discurso podería ser máis ou menos o seguinte: “A institución que representades asumiu o compromiso de defenderme, mais, salvo actos meritorios dos últimos tempos, non foi así. Participástedes mesmo do autoodio que embargou ao pobo galego e inclusive na vosa vida diaria deixastes de empregarme. Contemporizástedes da política españolizante e pretendéstedes manter un ridículo termo medio entre os que me amaban e os que me odiaban. Arredástesme da miña irmá xémea univitelina, da lingua falada no mundo lusófono, e cerceastedes as miñas posibilidades de desenvolvemento e esplendor. A miña irmá podería axudarme extraordinariamente para que fose unha noiva máis recoñecida, con máis medios e máis prestixiada a nivel internacional, mais só vos preocupastes de que me parecese á miña competidora no noivado dos galegos. Marxinades na vosa institución a todos aqueles que queren que poida contactar coa miña irmá para devir entre as dúas máis fortes e máis útiles para o noso noivo”.

  



16 abr 2013

Interpretacións racionalistas da relixión


A palabra racionalista, vén de razón, e neste sentido debería entenderse que toda persoa debe ser racionalista, pois todos deberiamos utilizar a razón para a argumentación e para a resolución de problemas e conflitos. Porén, por veces, utilízase este termo en sentido pexorativo e como arma de descualificación do adversario. De aí que cumpre especificar que se entendeu e entende por racionalismo.

Na Idade Media, nunha cultura fundamentalmente relixiosa, o termo racionalista aplicábase a unha alternativa oposta ao fideísmo e distinto tamén dun posicionamento moderado, a respecto da relación entre fe e filosofía. Os fideístas afirmaban que o importante e prioritario é crer aínda que non se entendan as razóns polas que se cre, e ten en Tertuliano o seu máis radical defensor coa súa célebre frase: «credo quia absurdum», creo porque é absurdo. Creo o misterio da trindade, da encarnación, ... e creo neles precisamente porque son algo absurdo e incompresíbel. Santo Agostiño de Hipona tamén adheriu ao fideísmo ao postular que primeiro hai que crer e logo entender, pois, en seguimento dun texto mal traducido de Isaías, «se non crerdes non entenderedes». É un posicionamento fanático, inclusive diría que para os cristiáns, xa que suporía renunciar ao instrumento que Deus lle deu ao ser humano para entender a realidade. Antes de crer algo, sexa o que for, o ser humano debe reflectir se iso é críbel.

O racionalismo teolóxico medieval afirmaba que a razón goza de independencia con respecto á fe, mais como por outra parte, os defensores deste posicionamento eran crentes, iso levounos a defender a sorprendente doutrina da dobre verdade, quer dicir, que unha cousa pode ser verdadeira segundo a fe e falsa segundo a razón e ao revés, como defenderon os averroístas latinos e os seguidores de Siger de Bravant. O posicionamento equilibrado ou moderado, pola súa parte, afirmaba que o campo da razón e da fe son distintos mais, como ambos teñen a Deus como autor, non poden contradicirse, e de aí que deban colaborar entre si na procura da verdade revelada. Mais, en resumidas contas, este posicionamento chamado moderado, no fundo é fideísmo, xa que, en definitiva, a fe ten a preeminencia e obriga á razón a que se submeta aos seus ditados, como pode ver calquera que lea a obra de San Tomás de Aquino, para quen a filosofía, ou sexa, a razón é serva da teoloxía, quer dicir, da fe.

No século XVII, o francés Renato Descartes crea o chamado racionalismo filósofico, que ten o seu antagónico no empirismo inglés. O racionalismo afirmaba que a razón é o instrumento válido para chegar á verdade sen temor a equivocarnos, cando discorre por si mesma á marxe dos dados que nos subministran os sentidos, o cal ten como corolario que a matemática é a ciencia máis segura porque nela non hai nada relativo á experiencia que a volva incerta. O coñecemento máis seguro de todos é o da propia existencia, porque se fai a partir da intuición intelectual do eu penso, logo existo. O empirismo afirma, pola contra, que é a experiencia a que traza a orixe, límites e alcanzo do noso coñecemento. Por tanto, todo coñecemento orixínase na experiencia, que é tamén a que lle dá a seguranza e estabelece os seus límites.

A partir da Idade Moderna a teoloxía cristiá adoptou unha nova peculiaridade de  racionalismo teolóxico, que consiste en cualificar de racionalista a todo aquel que disinte da interpretación eclesial oficial da mensaxe evanxélica e en xeral da doutrina  canónica da Igrexa. Así aos autores que disenten da interpretación bíblica predominante e dos dogmas eclesiais son cualificados de racionalistas. A miña tesina de teoloxía versou precisamente sobre “As interpretacións racionalistas de Xesús de Nazaré”, e neste saco, metíanse a autores idealistas alemáns como o idealista da esquerda hegeliana, Bruno Bauer, o protestante liberal Adolf von Harnack, o positivista Ernesto Renan, etc. Por tanto, todo aquel que disentía da ortodoxia oficialista era incluído no saco dos racionalistas, o cal xa procuraba un motivo para os descrédito do discrepante e unha descualificación non só da razón senón do pensamento libre, reflexivo e crítico, e da mesma ciencia, especialmente da historia, que visa fundamentar os dados e separar os fundamentados de aqueloutros que non resisten as probas do método científico, e unha opción a favor do pensamento servo, da ignorancia e da superstición.  

15 abr 2013

Que tipo de República?


Manuel Azaña
 Actualmente a loita pola implantación da III República en España está protagonizada polas formacións políticas á esquerda do PSOE, nomeadamente IU, ERC e BNG,  e en menos medida polas xuventudes socialistas. O PSOE oficialista quer manterse fiel ao chamado pacto constitucional, mentres que o PP abandeira abertamente a causa monárquica. De momento, pois, a defensa do republicanismo é aínda parcial, a nivel de organizacións políticas, aínda que en franco incremento a nivel social polos méritos que están acumulando ao seu favor os membros da Casa Real reinante, e así, aínda que minoritario o seu apoio polas organización políticas, quizais xa sexa maioritario a nivel social.

A identificación da reivindicación da república coa esquerda tamén lle está producindo un fraco favor a súa causa, porque indica que a asunción deste ideal vai atrasarse significativamente no tempo e sería unha república manca. A consecución dunha república para España ten que vir da man da maioría social, e a sociedade por veces dálle o triunfo á dereita e outras á esquerda, e isto é a esencia da democracia: a alternancia no poder. Algúns afirman que se está xestando unha república de dereitas que rouba ao pobo, esquecendo que o roubo non é monopolio da dereita nin da esquerda senón dos ladróns, ubíquense onde sexa. A república en si é unha forma de estado e non unha forma de goberno, e como forma de estado debe estar por acima das clases sociais en loita nun determinado momento histórico, e isto é como se entende o significado de república en todas partes. O contrario sería como castigarnos a ter unha república comunista-socialista ou unha república conservadora-fascista, e iso sería o mesmo limitar a soberanía popular, e confundir a forma de estado coa de goberno. O marco debe ser amplo e no que todos teñamos cabida, no que todos nos sintamos a gusto, e iso implica que ten que valer para as dereitas como para as esquerdas, para os nacionalistas españois e para os nacionalistas periféricos. Se non vale para todos os nacionalistas só fica a alternativa para que os desgustados busquen a solución pola súa parte, no que pode ser unha República Catalana, República Galega ou República Vasca. O que si debe ser unha república defensora dos dereitos humanos, da igualdade de todos ante a lei, da democracia, da laicidade do estado, e totalmente transparente para evitar o inmenso mar de corrupción e cleptomanía a todos os niveis en que se converteu a monarquía borbónica hoxe agonizante.

A solución non está ao meu parecer na abdicación do Rei de España, e a súa substitución polo príncipe Felipe, porque iso sería tanto como seguir defendendo unha institución baseada no privilexio e na desigualdade, que son fonte de corrupción e de discriminación, tónica imperante na España monárquica en toda a historia. Mais que ninguén pretenda que xa con isto se solucionan todos os problemas socioeconómicos, políticos, culturais, etc. do país, aínda que si representa un cambio esencial e significativo nesa dirección a respecto da situación actual. 

7 abr 2013

A soberanía popular foise co vento


A palabra soberanía significa poder último, decisorio, supremo. A Constitución Española di no artigo 1.2, que “a soberanía nacional reside no pobo español, do que emanan todos os poderes do Estado”. Por conseguinte, o suxeito da soberanía é o pobo español e desa  soberanía popular emanan todos os poderes do Estado, ou sexa, o poder legislativo, que reside nas Cortes Xerais; o poder ejecutivo, residenciado no Goberno; e poder judicial, exercido polos Trinunais de Xustiza. Deles, teoricamente o máis importante, é o Poder Lexislativo, que é quen representa ao teórico protagonista da soberanía, quer dicir, ao pobo español. O Rei é o Xefe do Estado, símbolo da súa unidade e permanencia, e embora non é un dos poderes clásicos do Estado, ten un poder moderador e representativo, que emana tamén da soberanía do pobo español, que é quen, na constitución e nas leis, o define e estabelece as súas competencias. A soberanía residenciada no pobo español non pode lexitimamente ser cerceada nin limitada por ningún órgao do Estado nin ser cedida, compartida nin delegada sen a súa previa aprobación e consentimento, e nunca debería facerse sen esta e unicamente para preservar o interese nacional, como pode ser a pertenza a unha comunidade máis ampla en beneficio propio, como é o caso da UE. Proceder doutra maneira, retrotraeríanos á constitucións española pasadas nas que o rei ostentaba a cosoberanía coas Cortes, como por exemplo, na Constitución de 1876. Esta é a situación «de iure», mais outra cousa é a «de facto», que, como veremos, fixo que a soberanía fose esmorecendo até chegar a ser un esperpento de si mesma..

Estabelecido o anterior, sorprende que o Presidente das Cortes, Jesús Posada, pretenda limitar as perguntas que poden formular os parlamentarios, representantes do pobo español, que serán limitadas ás que “afectan directamente al Gobierno y de no tramitar las que se refieren a asuntos que exceden de sus competencias”, pretendendo deste xeito abortar as perguntas incómodas, como as que se refiren á princesa Corina ou similares, por temor a molestar ao Rei. Estabelecido este criterio restritivo, nin sequera se podería preguntar ao goberno sobre a folga dunha empresa ou a unha catástrofe natural, por máis gravosa que poida ser para a economía estatal, porque sempre se podería alegar que non lle afecta «directamente» ao Goberno. Tamén sorprende a noticia publicada estes días na imprensa na que se informa de que o goberno leva dous meses negociando co Rei como debe aparecer na lei de transparencia, o cal significa que un dos poderes do Estado, obrigado a preservar íntegra a soberanía popular, renuncia a defendela e «negocia», dun xeito opaco, con un dos órgaos que están submetidos a esa soberanía, a cambio de nada e despois do mal exemplo que vén dando o Rei e familia ao pobo español. Sorprende tamén que un xefe de goberno autonómico, como Ignacio González, pretenda limitar a liberdade de expresión, prerrequisito da liberdade e da democracia, e, consecuentemente da soberanía, por teren publicado os medios de comunicación fotos de Feijoo co narcotraficante Dorado, porque se a foto transmite algo indigno, a indignidade non está na foto senón no feito a que alude a foto, que os protagonistas poderían ter evitado. Non é a mensaxe a que é delitiva senón as condutas que a mensaxe transmite.

A soberanía económica esvaiuse, xa que a esta altura está residenciada na Alemaña de Merkel, que é quen estabelece o programa de goberno de Rajoy, que lle promete aos cidadáns «soberanos» no seu conxunto, que vai defender un programa e aplica outro totalmente distinto en contra do sentir común do soberano, e inclusive manifesta que non está cumprindo co seu programa, mais si co seu deber, que non parece ser outro que contentar a Merkel, e non responder ante os responsábeis de outorgar maiorías nas eleccións, que é o pobo español. Tamén está comprometida a soberanía económica polo condicionamento que está exercendo o sistema financeiro sobre as políticas gobernamentais, en contra de sectores estafados por ese sistema precisamente, como os das preferentes e subordinadas e os despexados das súas vivendas, que teñen que contribuír cos seus impostos a salvar a banca que se fundiu pola súa miopía, espoliación e incompetencia, e en contra do sentir maioritario da xustiza do «soberano». Se a isto unimos a inxente corrupción a todos os niveis suportada polos cidadáns a mans dos partidos políticos maioritarios, axentes económicos, representantes empresariais, órgaos xurisdicionais, que están a esquilmar a riqueza do país en beneficio propio e en contra dos intereses do pobo soberano, ao que se lle reserva o rol de ser expropiado nos seus bens e riquezas en beneficio dos espoliadores,  ben podemos constatar a que fica reducida a susodita soberanía popular neste eido.

A soberanía económica tamén está condicionada polos mercados, aos que os gobernos se vén obrigados a acudir para corrixir os erros dunha política irresponsábel que os levou a endebedarse por acima da súa capacidade para facer frente aos pagamentos dos xuros e da débeda contraídos, sen cair nunha espiral de endebedamento progresivo ou de políticas traumáticas que inciden negativamente no seu benestar. Esta política irresponsábel converte os países en marionetas do sistema financeiro internacional e dos seus voraces especuladores, e aos cidadáns en «paganos» desa irresponsabilidade.  

Esfuminada a soberanía económica, todas as demais son un arremedo, aínda que subsiste un certo campo de acción. A soberanía política limítase en casos como os aludidos de negociacións co Rei para transaccionar con el como debe figurar na lei de transparencia. Tamén, como sospeita moita xente, pola suposta intervención gobernamental, por medio do ministerio fiscal, para parar a imputación da filla do Rei, en contra do sentir xeral, que considera que é vergoñento que se impute á esposa de Diego Torres e non á infanta Cristina, en idéntica situación procesual, adubada esta oposición coa declaración impertinente do ministerio fiscal ouse alegar que imputala sería unha discriminación, eliminando deste feito a igualdade universal da xustiza, e reservando zonas de privilexio e exclusión. Algúns membros do goberno afirman que a imputación prexudica a marca España, confundindo as causas cos efectos, pois quen prexudica a marca España son as condutas de apropiación do público en beneficio propio e non que se aplique unha xustiza igualitaria para todos, aínda que iso obrigase a que tamén o Rei sentase no banco dos acusados, como pasou en Israel fai pouco tempo co seu Xefe de Estado. O que prexudica a marca España é que se converta nunha madrasta para os seus fillos e non lles permita vivir e traballar na súa terra; facéndoo así, sobrarían campañas propagandísticas a este respecto, porque o pobo español sería quen a publicitaría ante o mundo. A marca España non se promove tapando o lixo coa alfombra, senón limpándoo e eliminando aos aproveitados.

A soberanía cultural e lingüística tamén está seriamente afectada polo «papanatismo» de introducir unha situación de diglosia do idioma español a respecto do inglés, e non digamos xa das linguas das comunidades como Euskadi, Galiza e Catalunya, que simplemente se tenta eliminar, en contra do que estabelece o artigo 3 da CE a respecto das diversas linguas do Estado, que deben ser protexidas para procurar normalizar o seu uso, á par do español. Está moi ben coñecer idiomas, o inglés entre outros, mais a elección destes idiomas foráneos é sempre algo coxuntural. Se hoxe é o inglés, mañá pode ser o chinés, mentres que o idioma propio é o que cohesiona as comunidades e debe sempre ser considerado algo estratéxico, prioritario, fundamental. É cuestión de autoestima, de sensibilidade e de dignidade.