26 dic 2012

Discurso do Rei no Pai Natal 2012

Mensaxe navideña do rey de España
Unha vez máis o Rei acudiu á súa cita habitual o día do Pai Natal 2012, para pronunciar o seu discurso ao país e, unha vez máis, obtivo a aprobación dos partidos PP e PSOE e a crítica, máis o menos velada, das demais formacións políticas.  

A práctica de difundir o seu discurso anual nesa data escolleuna para chegar aos españois no día da cea máis íntima da familia, pretendendo con iso asociar os valores positivos dese día -vivencias íntimas, familiaridade, ilusión, regalos, etc.- coa súa presenza ante os medios e converterse en algo íntimo e familiar para a cidadanía. Somos moitos os que vimos criticando esta eleccción porque consideramos que non se debería politizar tamén a intimidade dese encontro familiar anual, e moito máis, nun ano tan sacudido pola protesta contra os políticos pola súa nefasta condución da crise actual. Se mal o fixo Zapatero tardando en recoñecer a crise e en tomar medidas para paliar o defice descomunal do que tiña que ser coñecedor, tivo un competidor destacado, no seu sucesor, que se esmera en superalo día tras día deixando na miseria e na marxinación, sen os recursos mínimos de subsistencia, a millóns de españois, mentres que os que teñen maiores ingresos e a Igrexa Católica practicamente non se ven afectados ou só lles afecta marxinalmente. Como se ve, a caridade ben entendida comeza por un mesmo, como reza a Igrexa. A Coroa, pola súa parte, contribuiu ao descrédito da clase política pola súa conduta pouco edificante e relacionada con prácticas corruptas e desidia no exercicio das súas funcións.  

O seus discursos foron sempre vacíos de contido e limitáronse a expresar vaguidades, lugares comúns e especialmente moralina para consumo de persoas normalmente pouco reflexivas e críticas. Son discursos vacíos, e non poden ser doutro xeito porque o Rei non é o responsábel da política do país, e, por iso, non pode descender a medidas concretas. Son elaborados por persoas da confianza da equipa gobernante nese momento que aproveita a ocasión para difundir, por boca do Rei, as súas políticas de turno. Non esquezamos que o Rei é irresponsábel políticamente, e que son os políticos de turno os que asumen as consecuencias dos seus actos, e tamén, segundo interpretación dos xuíces, civilmente, como se comprobou pola desistencia da demanda contra o Monarca por parte de dous dos seus presuntos fillos non recoñecidos para reclamar a súa paternidade e, por tanto, para seren tratados en pé de igualdade cos outros meio irmáns recoñecidos. De todos é sabido que o Rei funciona moi ben como semental ibérico amparándose no cargo, mais parece que non tan ben á hora de asumir as consecuencias dos seus actos, e as leis non poden obrigalo. Está por acima da lei a este respecto. Tamén defenden moitos penalistas que é irresponsábel penalmente, o cal xa é o colmo do desatino, que cometa un crime e que non poida ser incausado. Como se ve, todos somos iguais ante a lei menos os que son distintos, como el e a súa proxenie, como a infanta Cristina, á que non se lle chama a declarar porque “a priori” xa o xuíz afirma que non ten responsabilidades nunha situación paralela á da muller do socio do seu xenro, Diego Torres.  


Son discursos que apelan abundantemente á moralina para consumo dos demais, mais debería ter presente que para dar leccións de moralina un debe ter autoridade moral e un obrar irreprochábel, dos que na actualidade carece o Monarca de España, pola súa relación coa corrupción do seu xenro e inclusive parece que propia, pola cazada de elefantes, compañía de corruptos (Diego Prado e Colón de Carbajal, Gerardo Díaz Ferrán, Arturo Fernández, Mario Conde, Emilio Novela, etc. etc., enriquecemento indebido, polas súas meteduras de pata diplomáticas, etc.  

O discurso do Rei xirou en torno a tres eixos: a crise económica, a fortaleza da nación española e a importancia da política. A respeito da crise económica, considera que o primeiro estímulo que nos sacará dela é a confianza, mais isto pouco lle dí ao home da rúa que está sufrindo por perder o seu traballo e que pode considerar como un insulto que lle digan que ten que manter a confianza tanto en si mesmo, a modo de autonarcotizante, como nos políticos incompetentes e moitas veces corruptos polos que veu sendo gobernado. Os reiterados gritos dos indignados gritando “non nos representan”, nada lle dia ao Rei nin merece a máis mínima atención no seu discurso, entre outras cousas porque era a diana desa indignación moitas veces. Tampouco lle di nada ao Monarca o sufrimento dos estafados polas preferentes. O Monarca está ao seu, a outra cousa, fóra da realidade, que afronta con optimismo, faltaría máis!, e atrévese a pedir aos demais que fagan o mesmo, inclusive aos que están na misería!. O louvor de que foi obxecto o seu discurso por parte do PP e do PSOE é significativo por canto tamén nos indica que estes partidos están cada paso máis arredados da xente do común e son os responsábeis de soster unha institución anacrónica que de por si xa se viñese seguramente abaixo. É moi difícil crer que eles non estivesen ao corrente de todas as irregularidades da Casa Real, e non só non fixeron nada senón que non son quen de tomar medidas para que se corrixa o seu rumbo, entre outras cousas adoptando medidas de transparencia no seu funcionamento.        

A corrupción a mans cheas a todos os níveis, Casa Real, Poder Xudicial, gobernantes políticos de turno, directivos de grandes corporacións, como caixas e bancos, etc. non figura na axenda do Rei e non lle merecen a máis mínima alusión. Esta corrupción, de par coa demostrada incompetencia a todos os niveis, foi a causante da crise e non os millóns de cidadáns que a sofren, e agora eses mesmos que a provocaron son os que din que nos van sacar dela, e a receita consiste en retirarnos do noso peto o diñeiro debidamente gañado para pagar o burato que eles mesmos crearon. E para quen non estea de acordo, pau e tente teso.  

Canto á fortaleza de España non dixo nada salvo que España debe participar na solución dos problemas da UE e que Hispanoaméria é parte nosa e nós dela. Isto representa posibilidades mais non é signo da fortaleza actual de España, que non se ve por ningures, senón que neste momento é un país desprestixiado en todo o mundo. 

 
No terceiro eixo do seu discurso, a política, aproveitou de novo para meterse cos cataláns e indirectamente con vascos e galegos, para dicirlle que hai que respectar as leis, ou sexa, que se submetan á sacrosanta, pétrea e ríxida Constitución Española e ás súas regresivas interpretacións por parte dos gobernos de PP e PSOE. A laminación do Estatuto catalán e a LOMCE (Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa) de Wert pola que pretende españolizar Catalunya e as outras nacións do Estado, as interpretacións españolistas da Constitución por parte de xuíces nomeados por PP e PSOE, etc. nada representaron nunca nin representan para o Rei. Hai que respeitar -din- o estado de dereito, e por tal enténdese tamén as leis feitas para afogar os dereitos colectivos dos pobos. A Constitución, españolizadamente interpretada,  converteuse nunha arma arreboladiza para negar os dereitos dos demais, e este é o único argumento que aducen para oporse á celebración dun referendo de autodeterminación para que o pobo catalán se pronuncie sobre o seu futuro. Eles ben saben que se houber vontade política, a Constitución non pode ser un marco inflexíbel e ríxido, como o demostraron coa súa carreira para reformala para satisfacer á Sra. Merkel, incumprindo os condicionantes de consenso que viñan defendendo até ese momento,

Para finalizar, cumpre ter presente que moitos cidadáns concordamos en que a monarquía é unha institución:


a) Desigualitaria. Como xa dixemos, todos somos iguais ante a lei, menos os que son distintos. É unha burla á intelixencia que se afirme, por exemplo que as netas do Rei son iguais ás de de calquera outro, inclusive dalquén que teña poder económico ou político, a pesar do escándalo que produciu a doutrina Botín. Os postos deben ocuparse por elección, mérito ou capacidade, mais nada disto ocorre no cumio do Estado senón que aquí impera a pura animalidade. Por nacer de tal persoa xa estás destinado para tal posto. A ineptitude demostrada polos monarcas españois no decurso da historia debería servir de lección para corrixir esta anomalía. 

b) Ilexítima. Non ten lexitimidade de orixe, porque nunca foi submetida a referendo dos cidadáns. Metéronnos a Monarquía franquista nun paquete, e o tomas ou o deixas. É moi difícil afirmar que teña lexitimidade de exercicio, que se conquista co acerto nas políticas e dedicación á cousa pública. Un Monarca tan impopular, como o actual Rei de España, e un Príncipe sucesor que é pitado alí onde vai, non poden arrogarse esa lexitimidade de exercicio. Que se submetan a unha votación da cidadanía e unicamente, se a gañan, terían superado a proba. 

c) Anacrónica. Porque temos que estar expostos na cúspide do Estado a estar gobernados por persoas incompetentes, como sucedeu tan a miúdo, ou desinteresados da cousa pública, tamén tan frecuente entre os reis anteriores, etc., podendo elixir a cidadáns capaces, que poden ser expulsados se non responden ás expectativas dacidadanía?   

d) Opaca. O Rei é quen distribúe o diñeiro que sai dos nosos impostos sen dar conta como o fai, aínda que agora introduciu certos cambios cosméticos narcotizantes. Nin sequera sabemos canto nos custa manter esta caduca institución, porque non serve de nada que nos indiquen a asignación para a Casa Real nos orzamentos do Estado, porque á parte están as partidas indirectas, como seguranza, viaxes, persoal laboral da Zarzuela, etc. etc. Non vale de nada tampouco que nos digan que así o estabelece a Constitución, porque todas as normas deben estar ao servizo dos cidadáns e deben ser reformadas cando non cumpren a finalidade que deben cumprir. Está a lei para o home e non o home para a lei, está a lei para os pobos e non os pobos para a lei. Se for unha institución transparente seguramente nos aclararía de onde amasou os 1800 e pico de millóns de euros que se di que ten e, se non for verdade, cal é o seu patrimonio real, como teñen que declarar todos os demais políticos, e igualmente, o que pagou anualmente ao fisco.



e) Non representativa. É un principio básico da democracia que toda persoa que ocupa un cargo político debe responder ante os cidadáns que o elixiron, menos o Rei que non pode ser elixido e tampouco está disposto a responder dos seus actos. Franco era caudillo de España pola graza de Deus e dicía responder ante Deus e ante a historia, ou sexa, ante ninguén. O Rei non pode afirmar semellante dislate, porque non colaría, e mantense nunha especie de limbo, no que non ten que responder ante ninguén.   

 f) Cara. Como dixemos antes, non sabemos realmente o que nos custa, mais é un facto que, alén do que nos custa el polo seu traballo, temos que pagar o Príncipe, que actualmente funciona como unha especie de Xefe de Estado bis, Princesa, infantes, consortes, fillos do príncipe, fillos das infantas, ... Un caso significativo era o que pasaba coa infanta Cristina cando traballaba en Washington e cobraba arredor de 200.000 euros, mais o Estado español, quer dicir, nós, tiñamos que pagar 400 e pico mil pola súa seguranza.




20 dic 2012

Vida de Xesús de Bento XVI (03)

Funcións da relixión

 

Asignáronselle á relixións diversos cometidos. Algúns afirman que induce a obrar correctamente, a obrar moralmente, xa que do contrario o ser humano entregaríase ao vicio e ao crime. Se Deus non existe, todo está permitido, faille dicir Fedro Dostoievsky a un dos irmáns Karamazov, pretendendo sintetizar nesta frase a relación entre o absoluto fomo fundante e os valores morais. Se Deus non existe, o home podería facer o que quixer poir non estar ligado por algo universalmente válido e obxectivo. Desaparecería a fundamentación obxectiva da ética e do dereito. Se Deus non existe, a unha persoa non lle pasaría nada por obrar incorrectamente e a única constrición sería a da lei, a do castigo por parte do poder de turno. Todo sería moralmente lícito. Tamén Sartre e Camus, ambos ateos, afirmaron que se Deus non existe todo está permitido, mais esta proposición non ten nestes autores o mesmo sentido que en Dostoievsky, senón que indica que se Deus non existe non hai valores prefixados de antemán e é o ser humano quen ten que crealos, non arbitrariamente senón como lle indique a súa conciencia..


A afirmación de que o único fundamento da moral é a relixión e en concreto a idea de Deus non está demostrada nin é demostrábel, está contradicida pola experiencia e é, por tanto, inaceptábel. As diversas relixións adoran a un Deus moi dispar, do que deberían seguir, en consecuencia, normas de actuación distintas, como vemos que sucede na práctica á día de hoxe. Alén diso, hai relixións ateas, como o budismo, ou relixións que, aínda que mencionan o "mandado do ceu", que ninguén debe violar, concibido como a lei natural ou a orde moral intrínseca á realidade, que os homes deben gardar na súa vida, como o confucianismo, é unha relixión centrada no home e non en Deus, que non ten un rol significativo no seu sistema. A súa relixión, imbuída de animismo e culto aos antepasados, é fundamentalmente unha doutrina ética. A meta da vida é vivir unha boa vida moral.

Os crentes dalgunha das tres grandes relixións monoteístas, xudaísmo, cristianismo e islamismo, ao igual que os platónicos, afirman que a moral ten un fundamento obxectivo e universalmente válido. Segundo este posicionamento, se é Deus quen inspira os libros sagrados, o que Deus afirma é o que hai que todo individuo ten que crer en todo tempo e lugar, pois o ser humano nunca pode cambiar ou contradicir a mensaxe divina. Platón defendía unha fundamentación absolutista da ética, fundamentada na idea imutábel e eterna, da idea de Ben, Xustiza, etc. Que servirán de padróns para a actuación práctica do ser humano. Como a idea de ben sempre é a mesma, o ben non pode cambiar en ningún tempo e lugar porque é un reflexo da idea de ben.

Se fundamos a ética na relixión, iso indicaría que a ética non tería ningún sentido para o home ateo, o cal é absurdo. Por outra parte, se a relixión lle confire un sentido máis profundo á ética sería de esperar que houbese diferenzas no comportamento e na sensibilidade cara á natureza e os dereitos humanos entre as persoas relixiosas e as ateas, mais non se observa nada significativo a este respeito. A guerra do Irak foi patrocinada por persoas que se declaran crentes e inclusive actuaban como se tivesen fío directo con Deus. Os ministros máis integristas do Goberno español son moitas veces os máis belicosos. A relixión é moi pouco sensíbel para cos dereitos humanos, principalmente os das mulleres, medio ambiente, etc.

Hai autores, como o profesor Julio E. Lalanne, que pretenden fundamentar a ética nunha realidade absoluta, entendendo por tal “unha realidade primaria, radical, fundamentante, ilimitada, infinita, omnipotente, independiente e incondicionada”. Como concrecións desta realidade cita o Logos en Heráclito, unha razón inmanente univeral; o Ser uno, estático, eterno de Parménides; a idea de Ben de Platón; o Acto Puro de Aristóteles, o Logos inmanente ao mundo do estoicos; un Deus persoal, providente e creador do mundo para o cristianismo; un Deus non providente e inmanente para o Deísmo, etc. O que sorprende é que se meta no mesmo caixón conceptos tan dispares. Que ten que ver o Logos de Heráclito co Deus cristián? O Logos de Heráclito é a Lei universal que preside todos os acontecementos, unha Lei da natureza, que se identifica co destino cósmico, que evidentemente non é omnipotente, pois non pode obrar máis que seguindo as súas pautas fixas e imutábeis de actuación. Ao igual que o Logos estoico, non ten liberdade para obrar doutro modo a como o fai. O ser de Parménides é unha pura abstracción mental, incompatíbel co cambio e co movemento das cousas, que non pode fundar ningunha ética. A Idea de Ben de Platón é distinta do deus platónico, ao que el chamaba demiurgo, obreiro ordenador do mundo. As ideas son padróns, modelos ou arquetipos das realidades concretas deste mundo; modelos extramentais de acordo cos cales o demiurgo ordena o mundo. O Acto Puro de Aristóteles non ten relación ningunha co mundo, ao que nin sequera coñece, e a súa ética non é aboluta senón relativa, pois para coñecer que é o ben hai que recorrer ao ditame dun varón prudente. O deus dos Deístas non é inmanente, isto sería propio do panteísmo, senón transcendente; non se identifica co mundo senón que é superior ao mundo e se distingue del. A partir da concepción dun deus persoal e providente non poden desprenderse o mesmo código moral que dun posicionamento fatalista, como é o heraclitiano, estoico, o espinosiano, etc. Baruch Espinosa foi acusado de ateo pola sinagoga xudía. O absolutismo moral non é capaz de explicar a evolución da ética a través da historia. Se nos guiásemos por unha norma eterna e obxectiva para estabelecer o que está ben e o que está mal, as diversas sociedades deberían coincidir tanto sincrónica como diacronicamente na súa concepción dos valores morais, algo totalmente irrealizábel.

Malinowski dinos que a relixión confire ao home valor para afrontar o mundo e a inevitabilidade da morte, mais non hai evidencias de que existan diferenzas significativas entre os crentes e os ateos. Con todo, é certo que no caso de certos místicos suprímese o salto, o vacío entre o ante e o post-mortem, e inclusive se sai ao encontro da morte. Así, Santa Teresa de Xesús afirmaba:
                                         “Vivo de que he de morir
                                         Porque muriendo el vivir
                                        Me asegura mi esperanza,
                                        No te tardes que te espero
                                        Que muero porque no muero”1.

San Xoán da Cruz, exprésase de modo similar:
                                       “Sácame daquesta muerte,
                                       Mi Dios y dame la vida;
                                       No me tengas impedida
                                       en este lazo tan fuerte
                                       mira que peno por verte,
                                       y mi mal es tan entero
                                       Que muero porque no muero”2.

Mais os fenómenos místicos deben ter un tratamento específico no que aquí non podemos
entrar.

Nos nosos días as fundamentacións relixiosas da ética redúcense a círculos reducidos, xeralmente de carácter relixioso. Hoxe o que predomina é a fundamentación cívica da ética. A conciencia social cidadá, non guiada por paixóns e intereses egoístas é a que determina o que está ben e, por tanto, debe facerse, e o que está mal, e por conseguinte, debe evitarse. Esta conciencia evolúe no decurso do tempo, e iso implica a evolución da sensibilidade moral. Esta conciencia social colectiva é a que se introxecta na mente do individuo e o impulsa a obrar correctamente á marxe de todo premio ou sancións divinas. Non evita comportamentos incorectos, mais estes tamén se dan nos que adhiren a crenzas relixiosas. Unha ética cívil, cívica ou cidadá é unha ética laica, racional e humana que procura a convivencia entre os seres humanos nunha sociedade plural, mediante a aceptación duns mínimos éticos que posibiliten o desenvolvemento dos proxectos, tanto dos individuos como dos grupos, mediante o diálogo, a solidariedade, a responsabilidade, a solidariedade, o respecto e o recoñecemento tanto da igualdade como da diferenza entre os seres humanos individuais e os grupos que conforman a sociedade.

Alén de consolo individual e colectivo, imaxinario ou non, e de indución de condutas éticamente correctas, real ou non, a relixión ten tamén unha función social. Serve para conservar e reproducir a orde social. Toda sociedade necesita preservarse como grupo e o recurso á divindade é un dos medios utilizados para este fin, e de aí que toda sociedade teña o seu deus da guerra, Iavé no caso de Israel; Marte en Roma; Ares en Grecia, etc. Toda relixión terá tamén o seu deus ou santo protector do grupo, como é Santiago apóstolo, no caso de España; Iavé no caso de Israel. A relixión tamén se utiliza para reproducir a orde social, fomentando a preservación da orde estabelecida e o poder constituído. A relixión consagra e, consecuentemente, reforza o poder de turno, e moito máis cando se trata dunha sociedade non democrática que ten que lexitimalo en base a pretendidos designios e apoios divinos, pola «graza de Deus». De aí a pretensión dos gobernantes de procurar pronunciamentos favorábeis das divindades, por medio de oráculos, ou axuda mediante o recurso a plegarias, etc. A relixión serve tamén para consolidar a estratificación social mediante a pretensión de certos estamentos de gozar dunha especial confianza e amor por parte da divindade, en tanto que outros son excluídos e marxinados. Os reis dirán, como veremos, que son os protexidos, os amados, fillos, ... do deus respectivo. Como reza un proverbio de tempo de Ashurbanipal, “O home é a sombra dun deus, o escravo á a sombra dun home; mais o rei é como a (auténtica) imaxe dun deus”3.

                                                        Maxia e relixión

A relixión considerouse nun principio como un fenómeno independente e distinto da maxia. Para Tylor, a maxia sería como unha psudociencia á que substituirá a ciencia, surxida da crenza de que a asociación no pensamento debe implicar asociacións semellantes na realidade. Frazer sostén que a maxia precede e está relacionada coa relixión. Pola maxia intenta o home controlar o que o rodea e cando non ten éxito cre que debe dirixirse a un ser superior. Durkheim diferencia a maxia da felixión no facto de que a maxia carece de igrexa, de oficialidade, de recoñecemento social. Porén a descripción da maxia entre os trobriandeses que nos oferece Malinowski non casa con este punto de vista. “A maxia e a relixión surxen de necesidades emotivas: son a maneira que ten o home de enfrentarse coas situacións que escapan ao seu control. A maxia complementa a técnica, como cando se invoca para facer que a canoa naveque máis de presa, ou aborde problemas para os que non existe técnica adecuada, como cando a utiliza o home novo para procurarse a simpatía dunha rapariga. Nestes casos a maxia oriéntase cara a fins específicos. Polo contrario, a relixión proporciona, no acto relixioso, os seus propios fins; dá confianza ao home no seu enfrentamento co universo incontrolábel”4. Malinowski define así a maxia: “é un poder que a propia tradición traspasa ao home, sobre as súas propias creacións, sobre as cousas que unha vez foron orixinadas polo home ou sobre respostas da naturza ás súas actividades”5. A maxia é, para os indíxenas das Trobriands, algo autóctono, non se inventou nunca, foi traída polo home do subsolo. A súa acción non subplanta a técnica mais a súa omisión pode traer problemas.

Non se pode distinguir a relixión da maxia en base a que a primeira pretende conseguir, pola oración, o ben xeral e a maxia beneficios particulares, xa que tamén na relixión se suplican beneficios desta índole. Tamén se ten afirmado que a eficacia da maxia dependería das substancias utilizadas, independentemente da existencia dalgún ser sobrenatural, porque moitas fórmulas recitan nomes de antepasados e algúns diríxense a eles de maneira explícita. A distinción entre maxia e relixión presenta, por conseguinte, problemas difíciles. “O punto que nos interesa destacar -di Herskovits- é que a maxia, que durante moitos anos se considerou como se non tivese relación coa relixión, é realmente unha parte integral dela. Nen sequera poderiamos distinguila claramente do culto aos deuses a base dos criterios empregados a miúdo que a maxia é compulsiva mentres que o culto aos deuses é propiciatorio; ou que a maxia se práctica con fórmulas, en tanto que os deuses son movidos por plegarias; ou que a maxia se emprega sempre con referencia a un problema específico, mentres que se roga aos deuse polo benestar moral”6. Lucy Mair tamén se fai eco da dificultade da distinción entre maxia e relixión a nivel conceptual aínda que non a nivel práctico. “Canto á diferenza existente entre a relixión e a maxia, a xente normal ten a idea xeral de que sabe en que consiste e esta idea xeral é correcta”7.

Na Galiza está moi estendida a práctica da maxia e da bruxaría. A palabra meiga, proveniente da latina magicus, emprégase na nosa terra co sentido de “persoa dotadas de poderes fóra do común e que pode pactar co demo”. A palabra bruxa e meiga son equivalentes en motos aspectos, mais por veces diferéncianse en que a bruxa actúa sempre con maldade e as meigas tamén son por veces beneficiosas en canto que poden actuar de vidente e curandeiras mediante rescritos, ensalmos e conxuros. Na noite de San Xoán as bruxas andan soltas e unha maneira de librarse delas é a cachela de San Xoán. Como di Vicente Risco, “En moitos lados acenden este lume con leña e ramallosa canto mais verde mellor, de modo que dea moito fume, pois este é bo para escorrentar as bruxas e os espíritos ruíns e para purificar á xente”8. “As virtudes do lume de San Xoán son purificatorias e apotropaicas (preveñen ou conxuran a má sorte): é bo contra maleficio, mal de ollo, envexa, meigallo, mordeduras de cans da rabía, cobras e bestas pezoñentas, contra varias enfernidades, principalmente as da pel, e aínda ten propiedades benéficas e casamenteiras”9.






1. SANTA TERESA DE JESÚS, Obras completas, BAC, 212, Madrid, 1962, p. 481.
2. SAN JUAN DE LA CRUZ, Obras completas, BAC, 15, Madrid 1960, p. 1100.
3. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 426.
4. MAIR, LUCY PHILIP, Introducción a la antropología social, Alianza Editorial, Madrid, 1975, p. 217.
5. MALINOWSKI, BRONISLAW, Los argonautas del Pacífico occidental, Ediciones Península, Barcelona, 1973, p. 391.
6. HERSKOVITS, MELVILLE JEAN, El hombre y sus obras, Fondo de Cultura Económica, México, 1974, p. 381.
7. MAIR, LUCY PHILIP, Introducción a la antropología social, Alianza Editorial, Madrid, 1975, p. 221.
8. RISCO, VICENTE, Obras Completas, Tomo 3, p. 642.
9. RISCO, VICENTE, Obras Completas, Tomo 3, p. 643.