29 jul 2013

Marketing real na curva da Grandeira?

Accidente de A Grandeira
Os políticos dun país deben dirixir, ansiar e empatizar co pobo ao que din representar. Deben procurar resolverlle os seus problemas, na medida do posíbel e axudalo nas súas dificuldades.

A raíz do accidente do tren Alvia na curva da Grandeira, Angrois, Ames, a reacción da sociedade civil foi a todas luces exemplar. Persoas innominadas, esas luceciñas do pobo galego, concretadas nos viciños de Angrois, axudaron altruísta e desinteresadamente ás vítimas da enorme catástrofe, a persoas que non coñecían e das que non esperaban nada a cambio en conceito de contraprestación, nin sequera o recoñecimento por parte das vítimas ou familiares. Esta entrega desinteresada é o que lle dá grandeza á súa entrega. Para eles, toda honra e recoñecimento.

Os políticos e autoridades relixiosas, a diferenza do ocorrido co Prestixe, en que algúns se foron de cazada e outros estiveron ao seu, tamén se volcaron. Por aquí estiveron os Reis, Os Príncipes de Asturias, Felipe e a súa esposa Letizia; o Presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, o Presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijoo; a ministra de Fomento, Ana Pastor; o ministro do Interior, Xorxe Fernández Díaz; o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, ... Todos eles teñen en común un problema de desgaste galopante e de credibilidade ante a opinión pública.

En situación normais, a xente do común, esas luceciñas innominadas, sabe aprezar e recoñecer esa presenza das autoridades, mais cando se ven enganadas reiteradamente, expoliadas e avasaladas por aqueles que debían protexelas e estar ao seu servizo, mais que na práctica están para servirse e aproveitarse deles, xa non confían na sinceridade das probas do seu apoio e considéranas como unha operación de marketing, un lavado de cara, para continuar usando e abusando impunemente dos seus privilexios, e así poder adormecer de novo a unha cidadanía que parecía despertar e que obsequiaba con pitadas en todas partes aos seus representantes.

Na mesma semana en que o Rei afirmou que os parados lle sacaban o sono, esa cidadanía constata que foi cazar elefantes a Botsuana, acopañado da súa amante Corina. Como me dícía unha desas luceciñas,, quen lle sacaba o sono era a Corina. A conclusión da xente é que enganou á cidadanía, instrumentalizando e burlándose dos seus sentimentos de desamparo pola situación de paro propia ou dos seus achegados. En vez de sufrir co seu pobo nunha situación de crise aguda e prolongada, o que fai é marcharse de incógnito de cazada e de amoríos, co dispendio de diñeiro que esa actividade representa directa ou indirectamente, para o erario público, ou sexa, para o peto de aqueles, entre outros, dos que di que lle sacan o sono.

Alén diso, vai cazar neste caso elefantes, noutros casos son osos borrachos para servir ao seu desfrute, sendo presidente de honra da asociación WWF-Adena, filial de WWF (World Wildlife Fund for Nature), unha asociación ecoloxista que vela pola conservación da natureza: crear e defender espazos protexidas e manter o meio ambiente e a diversidade biolóxica mundial, e en especial, pola recuperación das especies ameazadas. Estivo –foi expulsado da citada asociación- desta maneira enganando á asociación e á sociedade en xeral, finxindo defender unha práctica ecolóxica que el mesmo conculcaba.

É unha persoa que di solemnemente para consumo da cidadanía, que a xustiza é igual para todos, salvo para el, que pode delinquir, incluído matar, impunemente, por non estar submetido a responsabilidade, e a súa familia, como o demostrou dun xeito ben patente, pola súa oposición á imputación da súa filla Cristina, a pesar de estar nunha situación polo menos tan comprometida como a muller de Diego Torres, que si está imputada.

Nas súas comparecencias públicas os monarcas manteñen o paripé, a simulación, dun matrimonio unido, mais a cidadanía constata que iso é só unha pose de cara á galería, para poder conservar as súas prebendas e os seus privilexios. Isto non é, unha vez máis, outra cousa que un engano á sociedade.

O Rei preséntase tamén como defensor da familia e, con esta finalidade, diríxese aos españois, no día máis cargado de simbolismo familiar, como é o 24 de decembro, para inculcar mensaxes de moralina para consumo de incautos e inxenuos. En realidade, a cidadanía pensa que actuou como unha especie de play boy, aproveitándose do cargo, para destruír familias, entre elas, a propia.

Funcionou, ademais, protexido pola censura e recorrendo ás querelas por ofensas ao Xefe do Estado contra aquel que se movese. Alén de todo o anterior, o seu patrimonio calcúlase nuns dous mil millóns de euros, que tería amasado baixo forma de comisión por contratos para o Estado, ou sexa, que, alén de pagarlle un soldo elevado, apropiábase de comisións, opacas e alegais, en beneficio propio, aspecto que el nunca desmentiu.

Ao Príncipe achácanselle infidelidades semellantes ás do seu pai, e no que máis sobresae nos últimos tempos é na súa obsesión en subirse ao machito, por herdanza, para perpetuar as súas prebendas e privilexios, e como ve que lle pitan alí onde vai, a cidadanía entende que, para congraciarse recorre ás operacións de lavado de cara, non dubidando en explotar os sentimentos de dor alleos en beneficio propio.
Penso que á Monarquía lle fixo un dano moi importante o sistema de opacidade e irresponsabilidade no que se moveu, coa anuencia do PP e PSOE, e agora ten un problema enorme, mais en vez de procurar ser aceptado por campañas de imaxe, como a visita a Marrocos ou a Santiago, o que debería facer é declarar o seu patrimonio para demostrar que as contas da Zarzuela son claras e limpas.

O Presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, é vítima dos escraches e pitado reiteradamente, e a súa popularidade e credibilidade está en mínimos, ao igual que a do seu Goberno. Mente por sistema á cidadanía e a súa política prexudica notoriamente a populación en xeral e principalmente aos máis débiles, en beneficio das elites extractivas. Mais tamén ten un problema de corrupción xeneralizada no seu partido, que non é capaz de resolver. Como me dicía unha desas luceciñas, instalaron a mafia no centro do poder, porque o país está sendo gobernado por un sistema extractivo en beneficio das elites gobernantes. Segundo a cidadanía, tanto el como a Monarquía viron na desgraza allea unha ocasión de outro para redimirse, mais o delito tería que ser moito menos grave para logralo.

Xa cinxíndonos ao accidente da Grandeira, o que el e os seus ministros, e tamén os anteriores, teñen que explicar é como existe unha curva cerrada a tres quilómetros dunha cidade nunha liña de velocidade de AVE mais sen seguranza de AVE. Eu que son leigo na materia, pergúntome, como se pode deixar ao erro dunha persoa a seguranza de 300, nun momento de desenvolvimento espectacular das tecnoloxías electrónicas?. Se todo se depende de que a máquina non freou a tempo, por que non se ten incroporado un sistema que reduza automaticamente, por defecto, a velocidade ao chegar ao punto indicado?

Eu pergúntome tamén, canto dano lle vai producir ao Estado español e a iso que chaman a marca España, neglixencias deste tipo, que van repercutir, nas contratas que van adxudicar países como Brasil, EEUU, Rusia, Kazaxistán, etc., que serían unha bención neste momento de crise?. Como pretenden os mandatarios españois, entre eles Feijoo, que isto non teña repercusións económicas e que a competencia non saque a relucir este erro de silabario para denunciar a falta de seguranza do AVE español, cando o farían eles mesmos se estivesen no seu lugar? Isto non se soluciona ao estilo Margallo, incrementando a propaganda, que foi a solución ofertada por este ministro para o caso Bárcenas, senón co traballo serie, rigoroso, solvente e responsábel. Tampouco se soluciona con meteduras de para como a do Rei con Chávez, por que non calas?, nin a do Ministerio de Exteriores co avión de Evo Morales, con Maduro, etc. que deterioran a imaxe do País en Latino-América. Moito menos se soluciona con tentativas de implantar gobernos populares, como pretendía José María Aznar, aínda que non precisou se trasladaría tamén o modelo Bárcenas como sinal de progreso ao continente americano como modelo de xestión eficaz e solvente. Pretendía exportar a democracia, un señor que non confía nela, nin a sente, nin practica.

Tamén sofre un proceso de desgaste notorio Núñez Faijoo, co caso Barcenas, as súas relacións co narcotraficante Dorado, fracaso do concurso eólico, perda do sistema fincenceiro galego, deterioro xeral da economía galega, etc. A súa reacción sobre o accidente contrasta coa do pobo de Angrois, pois mentres este reaccionou sen exixencia ningunha de contraprestacións, dun xeito altruísta puro, sen cobrar nada a cambio, Feijoo, que cobra do erario público por realizar o que fixo si quere contraprestacións:  “Non poderemos borrar o que pasou. Eu pido non esquecer tampouco o que fixemos".

A cidadanía, polo menos as persoas coas que puiden contactar, pensa que ese interese puntual en facerse a foto, é produto dese desgaste dos políticos implicados, da súa falsa conciencia e do interese en cifrar a súa recuperación á propaganda. Así, o que debería ser un xesto de agradecimento convértese nun xesto de indignación ante o que consideran un novo intento de servirse del en vez de servilo, de aproveitarse torticeiramente e instrumentalizar, unha vez máis, os seus sentimentos máis íntimos e dolorosos.  

24 jul 2013

Independencia da Galiza


Mapa de Galicia
Os pobos existen na medida en que son distintos e teñen a vitalidade necesaria, o vigor e a autoestima suficientes para reafirmar o seu ser, os seus sinais de identidade, os seus valores, cultura, ... Hai pobo adormecidos, anodinos, pobos sen historia, e hai pobos encarnadores dun espírito humano superior, forxado en contacto coa terra, o chan e as xentes, pobos despertos e reafirmadores, pobos con alma grande, pobos con historia. Estes pobos resístense a desaparecer e, en circunstancias históricas favorábeis, serán capaces de mostrarse como tales e contribuír dun xeito criativo ao acervo socioeconómico, político e cultural da humanidade. Son pobos que oferecen resistencia a seren asimilados e uniformizados polo virus da globalización, da trivialidade, que, nos nosos días, non está a arruinar economicamente e ninguneando animicamente para converternos en presas fáciles da dominación do poder económico e cultural imperante.

Todo pobo é unha persoa moral, conceito que remonta xa ao vello Platón e que nos lembra Rousseau no capítulo VII do libro I do Contrato Social, que ten como requisito a liberdade, porque todo ser humano, e toda persoa moral, están constituídos para tomar decisións como seres libres, conscientes e responsábeis, alén de que ningún home ten, por natureza, autoridade sobre os seus semellantes. Unha persoa non pode alienar os seus direitos fundamentais, entre os cales se encontra a liberdade pois, como di Rousseau, o facto “de renunciar á súa liberdade equivale a renunciar á súa condición de home, aos direitos da humanidade e inclusive aos seus deberes” , e moito menos pode renunciar aos direitos que lle corresponden ás xeracións futuras. Isto suporía renunciar á moralidade e, consecuentemente á responsabilidade. Cando un pobo que perdeu a súa liberdade e a recobra obra ben porque demostra que é digno dela.

Para lograr calquera obxectivo, especialmente se se trata dun obxectivo atractivo, relevante, vital, como é o asumir nas propias mans o destino do pobo ao que un pertence, a independencia do propio país, cumpre perguntarnos se se trate dun obxectivo legal e lexítimo moralmente, previamente a decidir sobre o poder, saber e querer ser libres.

A legalidade dos direitos dos pobos

O recoñecimento e respeito dos direitos dos pobos teñen un percorrido moito máis curto que os direitos individuais e aínda nos nosos días o seu cumprimento deixa moito que desexar. Existen enormes resistencias por parte dos Estados, especialmente por parte dos Estados coloniais ou dos Estados plurinacionais, a limitar a súa ambición dominadora e expansionista sobre pobos que veñen controlando desde tempos remotos, e que agora converten esa lonxevidade en argumento para seguir negándolle eses direitos. Os mesmos Estados que se senten escandalizados ante a escravatura dos individuos non teñen o menor reparo en practicar a escravatura dos pobos, pretendendo esquecer que, como dicía o inmenso Castelao, non hai individuos libres en pobos escravos, en pobos que carecen de liberdade. Nesta mesma liña, o Comité de Direitos Humanos da ONU considera que o direito de autodeterminación é un requisito necesario para a plena efectividade dos direitos humanos individuais. Aqui ímonos limitar a citar os fitos máis significativos na historia do recoñecemento dos direitos colectivos.

O 26/06/1945, após a II Guerra Mundial, asinouse en San francisco a Carta das Nacións Unidas, unha vez finalizada a Conferencia das Nación Unidas sobre Organización Internacional, e no seu artigo 1, apartado 2: afirma que entre os propósitos das Nacións Unidas está o de “Fomentar entre as nacións relacións de amizade baseadas no respeito ao principio da igualdade de direitos e ao da libre determinación dos pobos”.

O 16 de decembro de 1966, asinouse en Nova Iorque o Pacto Internacional de Direitos Civís e Políticos no que os Estados partes conveñen:
“Art. 1.- 1. Todos os pobos teñen o direito de libre determinación. En virtude deste direito estabelecen libremente a súa condición política e provén así mesmo ao seu desenvolvemento económico, social e cultural.
2. Para o logro dos seus fins, todos os pobos poden dispor libremente das súas riquezas e recursos naturais, sen prexuízo das obrigacións que derivan da cooperación económica internacional baseada no principio de beneficio recíproco, así como do dereito internacional. En ningún caso podería privarse a un pobo dos seus propios medios de subsistencia.
3. Os Estados Partes no presente Pacto, inclusive os que teñen a responsabilidade de administrar territorios non autónomos e territorios de fideicomiso, promoverán o exercicio do direito de libre determinación e respectarán este direito de conformidade coas disposicións da Carta das Nacións Unidas”.

A respeito do sentido do direito de autodeterminación a Asemblea Xeral das Nación Unidas adoptou o 24/10/1970 a Resolución 2625 na que institúe que “O estabelecimento dun Estado soberano e independente, a libre asociación ou integración con un Estado independente ou a adquisición de calquera outra condición política libremente decidida por un pobo constitúen formas do exercicio do direito de libre determinación dese pobo.
Todo Estado ten o deber de absterse de recorrer a calquera medida de forza que prive aos pobos antes aludidos na formulación do presente principio do seu direito á libre determinación e á liberdade e á independencia”.

Este direito de autodeterminación pronto comezou a ser escatimado polos Estados consolidados, especialmente os coloniais europeus, pretextando riscos de desestabilización e subordinando á estabilidade os direitos dos pobos, conculcando a súa inviolabilidade. Tamén se alegou que este direito só valía para para os países colonizados e non para os pobos integrados como minorías no seo dun Estado, mais isto, alén de ser unha distinción artificial, produciría un agravio comparativo importante, pois unha comunidade como a flamenca en Bélxica si podería independizarse lexítimamente por non ser minoría senón maioría no seo do Estado belga, mentres que os que fosen minnoría, como os galegos, teriamos que supeditar a nosa vontade á do Estado. Podería obxectarse a isto que unha minoría non é un grupo numericamente superior senón un grupo dominante, mais isto podería valer para países como Ruanda, no que os hutus son unha maioría dominados pola minoría tutsi, mais non para Bélxica, con un goberno democrático baseada no principio: «un home, un voto», pois nestes Estados sempre unha maioría numérica debería ser unha expresión dunha maioría social. Tamén por presión dos citados Estados se incluíu como condición que os pobos deberían ter o seu asentamento afastados da metrópole, mais a improcedencia deste principio levou a que non se tiver en conta en casos como o de Kosovo. Outro modo de oporse á aplicación deste principio consistiu na mistificación da palabra pobo, que algúns, especialmente os occidentais, identificaron co conxunto dos habitantes dun Estado, definición á que se acollen algúns Estados para reprimir, inclusive pola vía violenta, as aspiracións de libertación dos pobos. As minorías nacionais e os pobos indíxenas, pola súa parte, na súa loita polo recoñecemento dos seus direitos colectivos, autodefiníronse como pobos.

O que si é certo é que hai, por veces, unha certa imprecisión a respeito da definición da palabra pobo, e para terminar con ela a Asemblea Xeral da "Conferencia de Nacións sen Estado da Europa Occidental" (C.O.N.S.E.O) propuxo a seguinte definición:
“Art. 1.- Todo grupo de colectividade humana que teña por referencia común a unha cultura e a unha tradición histórica propia, desenvolvidas no nome sobre un territorio xeograficamente determinado constitúe un pobo”. Como podemos observar, esta definición coincide co que socioloxicamente se entende por etnia, ou sexa, un grupo que se ve como distinto dos demais e é percibido polos demais como distinto por razóns culturais. Cando este pobo adquire conciencia de si e quer protagonizar o seu futuro, adquire o estatus de nación.

Entres os direitos dos pobos explicita:
“Art. 2.- Todo pobo ten o dereito de se identificar como tal. Ningunha outra instancia pode substituílo para definilo.
Art. 3.- Todo pobo ten o dereito de se agrupar en nación. A existencia dunha nación é a consecuencia da vontade conxunta dos membros dun pobo a auto-organizárense e maniféstase pola vontade dos seus membros de auto-organizarse politicamente.
Art. 5.- Todo pobo ten o dereito de existir libremente calquera que sexa a súa dimensión demográfica.
Art. 6.- Todo pobo ten o dereito de se autodeterminar de forma independente e soberana.
Art. 7.- Todo pobo ten o dereito de se autogobernar seguindo as opcións democráticas dos seus membros.
Art. 8.1.- Todo pobo ten o dereito ao libre exercicio da súa soberanía sobre a integridade do seu territorio.
Art. 8.2.- Todo pobo que, en razón de circunstancias independentes da súa vontade, se encontrase forzado a abandonar o seu territorio histórico ten o dereito de retornar, establecerse nel e nel exercer a súa soberanía con respecto doutros pobos presentes neste territorio.
 Art. 8.3.- Todo pobo itinerante que desenvolvese a súa conciencia nacional segundo este modo de existencia ten o dereito á garantía da súa libre circulación.
Art. 9.- Todo pobo ten o dereito de expresar e de desenvolver a súa cultura, o seu idioma e as súas regras de organización e de se dotar, para realizar isto, das súas propias estruturas políticas, de ensino, de comunicación e de administración pública, sobre a súa área de soberanía.
Art. 10.- Todo pobo ten o dereito de dispor dos recursos naturais do seu territorio e, no seu caso, das augas territoriais que pertencen a el, de facelos valer para o seu desenvolvemento, o seu progreso e o benestar dos seus membros, no respecto das disposicións dos artigos 17 e 18 da presente Declaración”.

O CONSEO está limitado a unha serie de partidos da Europa occidental, no que participa por parte galega o BNG, mais co incremento da conciencia dos pobos, a loita fíxose máis global, o que deu lugar á criación, no seo do Foro Social Mundial, dunha Rede Mundial polos Direitos Colectivos do Pobos, do que o direito de autodeterminación se converteu en eixo central na loita pola consecución dun mundo máis xusto. Algúns dos pobos implicados na loita polo recoñecemento dos seus direitos colectivos, e principalmente do direito de autodeterminación, son: baluchi, kurdo, corso, córnico, catalán, vasco, gallego, escocés, sardo, aimara, maia, quechua, tamil, amazig, palestino, saharauí. A autodeterminación pode ser interna ou externa. A primeira consiste no direito dun pobo a dotarse dun goberno e institucións propias, mentres que a externa consiste na relación que un pobo quer estabelecer con relación aos demais.

A respeito da declaración unilateral de independencia recollemos o sentir do Tribunal Supremo do Canada que, a unha consulta formulada polo Primeiro Ministro canadiano afirmou que, embora o direito de secesión unilateral non estea recoñecido pola Constitución do Canadá e que, no ámbito do Direito internacional, a autodeterminación se realiza pola vía da autodeterminación interna, ou sexa, mediante a autoorganización política do propio goberno no marco do Estado no que están integrados, porén a secesión non está prohibida, e se unha maioría de quebequeses se posicionar a favor da mesma, o sistema constitucional canadiano non podería ficar impasíbel ante unha tal declaración de vontade. Creo que é toda unha declaración de pureza democrática e de respeito á libre decisión dos pobos.

Os direitos dos pobos podemos estruturalos do seguinte xeito:

I Identitarios
a)    Autoidentificación
b)    Existencia libre
c)    Convivencia pacífica dentro do territorio

II Cívico-políticos
a)    Agruparse en nación
b)    Autodeterminación
c)    Autogoberno
d)    Autoorganización política
e)    Libre exercicio da soberanía sobre o territorio
f)    Unirse e estabelecer pactos con outros pobos

III Culturais
a)    Reafirmación da propia cultura
b)    Legalización plena da súa lingua e utilización en todos os ámbitos

IV Socio-económicos
a)    Dispor dos propios recursos
b)    Conservar as súas formas de organizaicón social
c)    Beneficiarse dos recursos e adiantos científico-técnicos
   

Lexitimidade moral

Consideramos que a legalidade internacional sobre o direito de autodeterminación, principalmente se a expurgamos das mistificacións introducidas por parte dos Estados interesados en manter o statu quo de dominación, non só se compadece coa moralidade, senón que é expresión dunha moralidade superior, dunha moralidade centrada nos direitos dos pobos a existiren como tales e a non seren aniquilados pola ambición imperialista dos Estados. Ao igual que a nivel individual, os direitos se consideran prioritarios, inviolábeis, inalienábeis e universais, isto mesmo cumpre afirmalo dos direitos dos pobos. Estes direitos non deben ser supeditados a consideracións lexítimas, mais secundarias como a estabilidade, que tamén é un ben, mais supeditado a un ben superior como son os direitos colectivos. Cumpre procurar solucionar os problemas da estabilidade, mais o prezo nunca debe ser a renuncia dos pobos aos seus direitos lexítimos a vivir en paz e igualdade con todos os demais pobos, salvaguardar os seus sinais de identidade e colaborar, con todos os demais pobos, na criación dunha humanidade máis xusta e solidaria.

As igrexas nunca se distinguiron no recoñecimento e respeito aos direitos humanos nin individuais nin colectivos, do cal é claro expoñente a condena por Pío IX, no Sillabus da liberdade de culto, a liberdade de pensamento e a liberdade para profesar a relixión que cada un tiver por verdadeira. Nos nosos días maniféstase pola oposición aos métodos anticonceptivos, divorcio, aborto, igualdade da muller, direitos dos homosexuais, etc. Non é surprendente que tamén se opoña ao direito de autodeterminación, como imos ver e que defendan a ilexitimidade moral de direitos consagrados polos organismos internacionais, o cal implicaría que as leis referidas ao direito de autodeterminación serían inmorais..

A lexitimidade moral da vía independentista foi negada pola Conferencia Episcopal Española nunha Instrución Pastoral do 23/11/2006, titulada Orientaciones morales ante la situación actual de España, na que nanifestan que pretenden axudar as persoas a orientarse sobre a valoración dos nacionalismos, se ben en realidade para poder combatelos e negarlle os seus direitos, especialmente os referidos á independencia, nunha liña coincidente coa ideoloxía máis tradicional e negativista do nacionalismo español. Consideran que para realizar a citada valoración hai que partir da historia de España no seu conxunto, xa que “Ningunha das rexións actualmente existentes, máis ou menos diferentes, tiver sido posíbel tal como é agora, sen esa suposta unidade espiritual e cultural de todos os pobos de España”. Como podemos ver neste texto, en liña coa política oficial do PP, negan que existan pobos, alén do español, na superestrutura denominada España, que teñan a categoría de nacións. Son unicamente rexións, e unha rexión defínese pola relación de pertenza a outra entidade que é a nación. Toda rexión é parte doutra entidade mentres que a nación é unha entidade substantiva dotada de personalidade de seu, que cando adquire conciencia política de si pode reclamar a formación dun Estado propio e independente, exercitando o direito de autodeterminación.

Parten os bispos españois da «sagrada unidade da nación española», e, asentada esa premisa intanxíbel e incuestionábel, ese corsé sacrosanto, dan liberdade aos políticos, e en definitiva aos cidadáns, para xestionala de varias maneiras, se ben, segundo o párrafo 72, deberán aterse aos seguintes principios: a) respeitar a verdade dos factos e da historia; b) considerar os bens da unidade e da convivencia de séculos e guiarse pola solidariedade e respeito polo ben dos demais; e c) “respeitando a vontade de todos os cidadáns afectados de tal modo que as minorías non teñan que sufrir imposicións ou recortes dos seus direitos, nin as diferenzas poidan dexenerar nunca no descoñecimento dos direitos de ninguén nin no menosprezo dos moitos bens comúns que a todos nos enriquecen”. Sentan neste apartado un apriori fáctico-histórico, sen cuestionar a súa lexitimidade, nin perguntarse se foi ou non froito da imposición por medio da violencia e da negación dos direitos do outro. Apelan aos bens da unidade, que efectivamente se pode considerar un ben sempre que sexa froito do pacto, do acordo, da vontade libremente expresada e non do submetimento violento, e sempre supeditado ao ben da convivencia pacífica e ao exercicio dos direitos dos pobos, en especial ao de autodeterminación. Principios abstractos como este servirían para lexitimar o réxime franquista. Recoñecen, a seguir, incoherentemente, que as minorías, conceito que non definen e que parecen utilizar para negarlle a certos grupos a categoría de pobos e así poder negarlle máis facilmente os seus direitos, non deben sufrir imposicións nin recortes dos seus direitos, e, por conseguinte, estes teñen algúns direitos, que, porén, non precisan, que, de seguida, matizan nun utópico desideratum de que as diferenzas non deben dexenerar no descoñecimento dos direitos de ninguén nin no menosprezo dos moitos bens comúns compartidos. Ese piadoso desexo de que ninguén perda é irrealizábel, pois a política democrática é a arte de encamiñar a convivencia social de acordo co criterio das maiorías, e non existe posiblidade de que uns non perdan e outros gañen. Cando se optou polo ingreso na UE, algúns sectores saíron perdendo e outros gañando, e así pasa con todo. O principio democrático afirma que as decisións maioritarias dun pobo son as que deben prevalecer. Se un pobo decide maioritariamente «a» iso é o que debe implantarse, mais sempre respeitando os direitos fundamentais dos outros, e permitindo que os perdedores poidan facer prevalecer as súas teses noutro momento. Non se pode destruír un pobo nin impedir que un sector minoritario nun momento «a» poida converterse en maioritario no momento «b». Dado que os nacionalismos periféricos non poden converterse en maioritarios, polo menos na estrutura do Estado español, se non son estritamente respeitados os seus direitos, non se poderá impedir que pretendan efectivizar as súas aspiracións, afastándose do Estado no que están integrados. Con leis como a Lei Wert, a de unidad de mercado, a reforma local, ... que pretenden limitar direitos e competencias, é moi difícil que os nacionalistas se presten a autoinmolarse e facer o harakiri en nome do ben supremo da nacióon española.

Recoñecen no apartado 73, a lexitimidade das opcións nacionalistas, inclusive para modificar a unidade política de España, sempre que se faga polas vías pacíficas e democráticas, e aínda que non cita a palabra independencia, poderia entenderse que está aí recoñecida implicitamente, mais, a seguir exixe que teñan que ser xustificadas con referencia ao ben común de toda a populación directa ou indirectamente afectada. Non precisan no documento en que consiste a citada xustificación. Hai que insinuar, alegar, probar, ... que todos sairán gañando. Por outra parte, a manifestación de que debe xustificarse con referencia ao ben común de todos os afectados directa ou indirectamente non deixa de ser ben imprecisa e obstaculizadora. Os afectados directamente enténdese que son os habitantes do pobo en cuestión, e os afectados indirectamente os do Estado? Mais os franceses poderían tamén alegar que eles están afectados indirectamente, e os alemáns, rusos, chinos, etc. Por outra parte, a alusión ao ben común, tese idealista de filiación tomista, non deixa de ser tamén problemática. Neste momento, o Goberno español está a defender o ben común cos seus recortes e deixando a moitos no paro e miseria? Se non é así, a Igrexa porque non protestou ou o fixo só coa boca pequena? Cando a Igrexa inmatricula terrenos está a defender o ben común? A seguir volve a citar de novo o apriori factico-histórico para limitar e encorsetar o direito a decidir, esquecendo que os pobos como axentes históricos deben poder variar tamén o contido da súa decisión se as circunstancias o aconsellan. As decisións dos pobos non son eternas e inmutábeis como o ser supremo cristián. Terminan este apartado con outras dúas consideracións que son a igualdade de direitos para todos no Estado, tese repetida até a saciedade polas hostes do PP, e a apelación, tamén propia do PP, de que deben pronunciarse todos os españois para calquera cambio. A respeito do primeiro aspecto xa dicía Aristóteles que a xustiza non consiste en tratar a todos igual senón tratar como iguais aos que son iguais e como distintos aos que son distintos. Se a Igrexa quere direitos iguais para todos, tería unha boa ocasión de poñelo en práctica pagando impostos como os cidadáns normais, non vivindo a expensas do Estado, etc. Os direitos fundaméntanse na diferenza, e por conseguinte, os que son distintos deben ser respeitados na súa especificidade. Unha muller ten direito a unha protección especial frente á violencia de xénero, pola súa diferenza que a fai máis vulnerábel ao ataque por parte do home; ten direito a amamantar os fillos, que o home non ten porque a súa natureza é distinta, ten direito a pasar con menor marca en salto, porque é distinta anatomicameente, etc. Como afirma o TC, do que se trata é de procurar chegar a unha igualdade real como meta e, con esta finalidade, pódense estabelecer medidas favorezan a uns grupos sobre outros. Tocante ao segundo punto, de que deben pronunciarse todos os afectados, tamén se observa unha total coincidencia entre as teses da Conferencia Episcopal e o PP. Evidentemente, isto invalida totalmente o direito de autodeterminación, que os tratados internacionais refiren aos pobos afectados e non aos pobos dominadores, para que estes impidan exercer o seu direito aos demais. Se aplicásemos este principio, ningún pobo se podería independizar pola vía democrática. Asentar este principio implicaría que os saharauis, escoceses, quebequeses, ... non se poderían autodeterminar se non participan nesa consulta os marroquinos, ingleses, canadianos, ... Bótase en falta nas Orientacións unha apelación á lexislación internacional, onde se recoñecen os direitos dos pobos, que parece non recoñecerse e que inclusive parecen cualificar de inmoral..

No apartado 74 exhortan aos católicos a non deixarse levar por impulsos egoístas nin por reivindicacións ideolóxicas, mais eu pergúntome, se a Conferencia Episcopal procede nestas orientacións dun xeito neutral e aséptico ou, segundo opinan moitos, como emisario de parte e para pagar privilexios recibidos, e, alén diso, se non é puro ideoloxismo o que está a pregar e difundir entre os crentes. Termina este apartado con unhas palabras de Xoán Paulo II aos bispos italianos, nos que se fustiga o separatismo, invalidando asertos anteriores, que parecían máis aperturistas. “É preciso superar decididamente as tendencias corporativas e os perigos de separatismo con unha actitude honrada de amor ao ben da propia nación e con comportamentos de solidaridade renovada”. Como podemos observar, o separatismo é presentado como algo perigoso, descoñécese a realidade nacional das entidades que se separan e unicamente se recoñece o ben da nación dominante que se fai pasar como a nación propia dos dominados. Termina este apartado con un consello piadoso a evitar a manipulación da verdade histórica, entendida como a verdade imposta polos vencedores consolidados, e a opinión pública en favor de pretensións particularistas ou reivindicacións ideolóxicas. Temos, na consideración dos bispos españois, por unha parte os factos e verdades en si e por outra as pretensións puramente ideolóxicas, sen fundamento e manipuladoras dos nacionalistas periféricos.

No apartado 75 expresan unha serie de desexos piadosos e no 76 convidan a rezar pola “solidariedade entre os pobos de España, por camiños dun diálogo honesto e xeneroso, salvagardando os bens comúns e recoñecendo os direitos propios dos diferentes pobos integrados na unidade histórica e cultural que chamamos España”, sen precisar cales son eses bens comúns, silenciando os bens privativos e apelando a recoñecer uns direitos, sen explicitalos e dentro dun marco conceptual no que fican ninguneados.

O 3/10/2012, a CCXXV Comisión Permanente da Conferencia Episcopal Española emitiu unha declaración titulada “Ante a Crise, solidariedade”, na que se adianta a condenar a proposta de consulta á cidadanía do nacionalismo catalán. O título non deixa de ser un pouco sarcástico, se se ten en conta que a Igrexa se negou a compartillar o sacrificio da crise económica, pagando os impostos do IVA, IBI, ... Nela lembran as Orientacións de 2006, facendo unha chamada á responsabilidade a respeito do ben común de toda España. “Ningún dos pobos ou rexións que forman parte do Estado español podería entenderse , tal e como é hoxe, se non tiver formado parte da longa historia de unidade cultural e política de esa antiga nación que é España”. Que unha convivencia prolongada cria certos vínculos, reaccións, odios, filias, dependencias, etc. ninguén o podería negar, mais iso non ten nada que ver con que haxa que negar o direito dos pobos á autodeterminación, tal como se estabelece hoxe nos tratados internacionais. Que España influiu nas colonias americanas, para ben e para mal, provocando o xenocidio das popuolacións autóctonas, non se pode negar, mais iso non debe ser óbice para que estes pobos emprendesen unha vida de seu e independentes, senón que precismaente esa historia é a que moitas veces a lexitima. Continúan: “Propostas políticas encamiñadas á desintegración unilateral desta unidade cáusannos unha grande inquietude”. Teoricamente non se oporían a unha secesión pactada, mais se temos en conta que sentaron como premisas que todo o pobo español debe participar, deixan sen efectividade práctica esa teórica posibilidade. Cando aluden a esa vella nación que é España parecen descoñecer que a Nación española data do século XIX, a raíz das Cortes de Cádiz, quizais confundindo o surximento dos Estados Modernos, obra do século XVI, co surximento das nacións, que se opera no momento da Revolución Francesa, no caso de Franza. Despois virían todas as demais.

A esta declaración responden o día 5/10/2011, a Conferencia Episcopal Tarraconense, integrada polos bispos cataláns, ante as eleicións ao Parlamento de Catalunia, con unha nota titulada “Al servei del nostre poble”.. Nela recordan entre outros aspectos, a necesidade de respeitar os principios éticos fundamentais, o valor da democracia, o diálogo e a vontade de acordo, como formas de resolución de conflitos; a defensa dos direitos das persoas e dos pobos, e o respeito ás minorías, como a base irrenunciábel de calquera construción política; o rexeitamento de toda actitude encamiñada a atizar a división social ou a violencia; a promoción da paz e a fraternidade entre os homes e os pobos. Manifestan que “Nun réxime democrático, cada cidadán debe poder manifestar as propias convicións e facer camiño cos outros”. Por tanto, pronúncianse a favor do direito dos cidadáns a ser consultados, aínda que non precisan explicitamente cal sería o ámbito desa consulta. Continúan “Hoxe manifestáronse novos retos e aspiracións, que afectan a forma política concreta como o pobo de Catalunya se ha articular e como se quer relacionar cos outros pobos irmáns de España no contexto actual. Como pastores da Igrexa, non nos corresponde a nós optar por unha determinada proposta a estes novos retos, mais defendemos a lexitimidade moral de todas as opcións políticas que se baseen no respeito da dignidade inalienábel das persoas e dos pobos e que buscan con paciencia a paz e a xustiza”. Como podemos observar, os bispos cataláns móvense nunha linguaxe en certo modo críptico, mais si aparecen neles os elementos básicos dos direitos dos pobos, incluído o direito de secesión como unha opción lexítima moralmente. 

Unha vez dilucidada a lexitimidade moral trataremos sobre o poder, saber e querer políticos desa alternativa no pobo galego.

Podermos ser libres

O poder refírese á posibilidade ou capacidade de alcanzar o obxectivo proposto, e esta posibilidade, no caso que nos ocupa, enténdese fundamentalmente como a capacidade económica e política e non á posibilidade técnica, lóxica, física ou moral, que, polo menos, son moito menos relevantes. No caso de tomada de decisións na que interveñan diversos actores sociais interrelacionados e interoperativos, á acción dun correspóndelle a resposta do outro, e, cando os intereses son incompatíbeis, ao impulso dun correspóndelle a complicidade, axuda, colaboración ou o freo e oposición do outro.

A vía política cara á independencia pode operativizarse pola vía pacífica ou pola vía violenta, polo recurso á loita armada, alternativa elixida por parte do nacionalismo vasco. A valoración desta vía violenta pode realizarse desde un punto de vista moral ou desde un punto de vista da efectividade práctica. A primeira depende das circunstancias concretas en que se moven os diversos pobos, da situación de submisión, das posibilidades de facer valer os propios direitos polas vías pacíficas, etc. O recurso á vía armada foi exitoso moitas veces, como no caso das colonias dos imperios español, portugués, inglés, ... Tratábase de colonias moi distantes da metrópole, facto que incrementaba notoriamente o custo económico da represión, as dificuldades loxísticas, o descoñecimento do terreno, falta de sintonía coa populación, ... Tamén tivo éxito no que di respeito ás repúblicas da ex-Iugoslavia, constituída por varias repúblicas xeograficamente próximas e dun poder similar entre elas. Serbia non tiña poder bastante para enfrentarse militarmente ás demais para obrigalas a convivir á forza na superestrutura estatal iugoslava e foron escindíndose progresivamente. No caso dos nacionalismos periféricos do Estado español esta vía é moito máis intransitábel, porque o nacionalismo español é dunha entidade moi superior a todos e cada un dos nacionalismos periféricos, e a súa forza militar inigualábel.

A vía pacífica foi ensaiada con éxito nas repúblicas bálticas: Estonia, Letonia e Lituania; na antiga Checo-Eslovaquia, e fixo notorios progresos en Bélxica, e, embora non foi exitoso o resultado, si foi exitoso o proceso en Canada e parece que o vai ser en Escocia, proceso consensuado entre o nacionalismo canadiano e quebequés e entre o nacionalismo inglés e escocés. Asistimos nestes dous últimos casos a un proceso cualitativamente distinto e superior. Pobos dispares e con intereses antagónicos, recoñecen o direito dos pobos á súa libre autodeterminación, e aceptan que a vontade popular é a que, en definitiva, debe contar, e, unha vez expresada pacificamente debe ser respeitada. A barbarie cede o paso á civilización, a bestialidade a unha moral superior.

Se ollamos retrospectivamente, non podemos afirmar que o mundo estea pior porque moitos pobos conformasen o seu futuro como estados independentes. Ninguén añora a mega-extensión de países como a da antiga URSS e agora Rusia, nin o matrimonio forzado a que tiñan submetido aos pobos dominados. Os países pequenos poden ser e de facto o son, máis democráticos que os países grandes. Dicía Montesquieu que o Goberno republicano é aquel no que o pobo inteiro ou parte del ten o poder soberano. No primeiro caso estariamos ante unha democracia e no segundo ante unha aristocracia. No Libro VIII, cap. XVI, afirma: “Pertence á natureza da República non posuír máis que un pequeno territorio, pois sen esta condición non pode subsistir. Nunha República extensa hai grandes fortunas e, por conseguinte, pouca moderación nos espíritos. ... Nunha República extensa, o ben común sacrifícase ante mil consideracións, subordínanse a excepcións, depende de accidentes. Nunha República pequena, o ben público pálpase, coñécese mellor, está máis cerca de cada cidadán, os abusos están menos estendidos e, por tanto menos protexidos”. Un Estado monárquico, en que goberna un só consoante a leis, debe ser de mediana extensión, e un imperio moi extenso supón unha autoridade despótica. A súa definición de Estado monárquico non se aplica ás monarquías actuais nas que o monarca reina mais non goberna, mais si é certo que estas monarquías están menos de acordo co principio democrático que as repúblicas, que implica eleición de todos os cargos públicos e non privilexios de familia ou casta. Rousseau precisa que se discutiu moito sobre a forma de goberno sen ter en conta que cada unha delas é mellor en certos casos e a pior noutros. Como principio xeral estabelece que “Se nos diferntes estados, o número de maxistrados debe estar en razón inversa do de cidadáns, séguese que, en xeral, o Goberno Democrático convén aos pequenos estados; a aristocracia aos medianos, e a monarquía aos grandes” .

Un Goberno democrático supón, segundo este autor, moitas cousas difíciles de cumprir: Un Estado moi pequeno en que poida reunirse o pobo e onde cada un poida coñecer aos demais; grande sinxeleza de costumes e, finalmente, pouco ou ningún luxo. É un goberno que precisa de moita vixilancia e valor para sosterse, mais con todo é o máis perfeito. Se existise un pobo de deuses, gobernaríase democraticamente. O pobo galego é grande de máis para cumprir os requisitos democráticos que pedía o autor xenebrino, mais acércase a ese ideal. 

A vía pacífica no Estado español ten como barreira o freo do Goberno central e do PP, o sector máis xacobinista do PSOE, alén dos grupos económicos de presión e do estamento militar, que sempre preferiron unha España roxa a unha España rota, en caracterización de José Calvo Sotelo. Non existe cultura democrática do pacto e do acordo, do respeito polos direitos colectivos, que para estes sectores non existen, pois alegan que os territorios non teñen direitos senón só os pobos, obviando que non se demandan direitos para os territorios senón para os pobos que conviven en determinados territorios, lexitimamente e desde tempo inmemorial. En caso contrario, tamén habería que afirmar que o pobo español non ten direito a convivir no seu territorio de asentamento, por non ter direitos os territorios.

Cumpre responder a outra obxección moi frecuentemente aludida polos centralistas e cosmopolitas de turno, de que temos que ir a estruturas máis amplas, que a unión fai a forza, que é tempo de unirse e non de dividirnos. Afirmaba o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, na clausura das xornadas do Círculo de Economía de Sitges, que “para estar con forza en Europa, hai que ser grande e que os pequenos países non contan para nada. En definitiva, que o tamaño dun país importa e que España, a  pesar dos gravísimos problemas que arrastra, segue a ser un dos estados europeus de maior dimensión”. Non cabe dúvida que o tamaño tamén importa, mais España con tanto tamaño como ten, non deixa de ter un peso ben limitado e anodino en Europa, non deixa de ser un país intervido de facto, no sistema financeiro tamén de iure, que acomoda a súa lexislación ao ditado do grande patrón alemán. En segundo lugar, o presidente do Goberno español comete unha falacia no seu razoamento, tan frecuentes!, que consiste en descentrar o tema, pois non se trata de saber se España conta máis se se lle unen toda unha serie de países, senón se eses países unidos a España contan máis e poden defender mellor os seus intereses co statu quo actual ou como pobos libres e independentes. Podería alguén alegar que coa unión gañamos todos, mais isto é totalmente insustentábel se temos en conta que moitas veces os intereses son contraditorios e o centralismo dos partidos maioritarios do Estado, especialmente do PP, que inclusive quixo impedir que as CCAA formasen parte da Delegación estatal para defender asuntos nos que teñen competencias.

A viabilidade económica, ou sexa, a posibilidade de vivir unha vida independente e con un padrón de benestar dunha calidade mellor que o actual e que nos permita tamén sermos nós propios e manternos como pobo distinto, vén determinada pola produción da suficiente cantidade de bens e servizos para manter a superestrutura do Estado propio que impuse o crecemento e o benestar. Hai que manter os órgaos do poder lexislativo, executivo, xudicial, órgaos consultivos, como o Consello da Cultura, o Consello de Estado, a Academia da Lingua; órgaos de vixilancia e controlo, como o Consello de Contas; órgaos de defensa colectiva, quer exclusivos quer compartidos, ... Por tanto, un pobo que pretenda ser independente ten que ser capaz de criar un excedente económico para retribuír as elites dirixentes, aínda que debería ser capaz de controlar que non se convertan en elites extractivas e incompetentes, como sucede hoxe no Estado español, que zugan o sangue e a vida da sociedade civil, alén de non ser capaces de realizar o seu rol de dirección con solvencia e rigor.

Para decidir se a Galiza é viábel, pódese recorrer ás situacións de facto, ou sexa, á análise comparada do que pasa nos demais países dun tamaño e riqueza semellantes, pois como reza o adaxio latino, «contra facta non valent argumenta», ou realizar un estudo teórico ad hoc, máis complexo e problemático, que deixo para persoas ou grupos que teñan o tempo e preparación suficiente para realizalos.

A Galiza é un país relativamente pequeno en extensión, que, con 29.574 qm2, ocuparía o posto 143, nunha listaxe de 247 países do mundo. Estaría nunha situación semellante á de Bélxica: 30.528 qm2; Lesoto, 30.255 qm2; Armenia, 29.743 qm2; Illas Salomón, 28.896 qm2; Albania, 28,748; e Guinea Ecuatorial, 28.051 qm2; moi superior a Haití, Israel, El Salvador, ... Na Unión Europea superaría a Eslovenia, Chipre, Luxemburgo e Malta. A respeito das outras nacionalidades históricas do Estado español, é un pouco inferior a Catalunya, 31.895 qm2, e moi superior a Euskadi, 7 234 qm2.

En populación, Galiza ocuparía o posto 141 de 243 países do mundo. Estaría ao mesmo nivel que Albania, 2.783.000; sería un pouco inferior á de Uruguay, 3.297.000; Armenia, 3.032.000; Lituania, 2.956.000; e Mongolia, 2.859.000; e superior a Xamaica, 2.715.000; Gabón, 2.204.000; Eslovenia, 2.062.000; Letonia, 2.011.000; Estonia; 1.283.000. A respeito das nacionalidades históricas, tería unha populación moi inferior á de Catalunya, 7.540.000, e bastante superior á de Euskal Herria, 2.193.100.

Tocante ao PIB per capita, Galiza ocuparía, tomando como referencia o FMI, o lugar 48 dun total de 180 países, por diante de Hungría, Chile, Arxentina, Letonia, Croacia, ... A respeito das nacionalidades históricas, é inferior ás outras dúas como se pode ver no cadro que se acompaña. Nel pódese observar que moitos países pequenos da UE teñen un PIB per capita moi superior aos grandes. Luxemburgo ocupa o segundo lugar mundial despois de Catar, a pesar de ser un dos paíse máis pequenos e menos poboados do mundo.

Unha Galiza independente dentro da UE, institución que esta suscita a cada paso máis interrogantes, podería defender moito mellor os seus intereses que unha Galiza diluída no Estado español. Tería, de persistir o esquema actual, un comisario na Comisión Europea, e uns 12 parlamentarios no Parlamento Europeo, que entón si que serían parlamentarios da Galiza e non parlamentarios españois, quizais naturais de Galiza, e poderían facer moita máis forza nos asuntos que nos incumben, como a pesca, sector naval, ... O noso idioma pasaría a ser idioma oficial e de traballo da UE, como acontece con todos os demais, e non estariamos submetidos a un proceso de colonización, como o que hoxe está a protagonizar o Goberno do PP coa Lei Wert, e poderiamos defender moito mellor a nosa criatividade e a nosa cultura. En caso de pactar coa UE a integración Galiza sairía compensada nas vantaxes que cedese á UE e non se castigaría para primar os cítricos doutras comunidades. Non asistiriamos tampouco ao espectáculo bochornoso de que o Chefe de Goberno do noso país se negase a reformar o Estatuto de Autonomía para poder facelo á baixa en momentos máis oportunos, e non asistiriamos ao espectáculo de que primase máis o español que o idioma propio na propia Galiza.

Do anterior, podemos concluír que Galiza é viábel como país independente, pois toda unha serie de países nunhas condicións iguais, e inclusive máis desfavorábeis, o son, mais non temos demostrado que se conservase o noso standard de vida ou que mellorase con unha vida independente. Para demostrar isto, temos que analizar cal é o custo económico e as vantaxes que se derivan da nosa convivencia con outros pobos no Estado español. Unha vía para avaliar esta integración é a análise das balanzas fiscais entre comunidades, ou sexa, por unha parte, as cargas que teñen que soportar so forma de tributos e, pola outra, os investimentos que o Estado realiza en cada unha delas, que se presenta no cadro 2. O estudo data de 2005 mais, se ben se anunciou que se vai publicar o seguinte, de momento é o único que se fixo. Nel podemos observar que Madrid é a comunidade con un maior défice fiscal, seguida de Catalunya e xa a moita distancia Valencia e Baleares. Isto explica que o presidente catalán, Artur Mas, lle retrucase ao ministro de Facenda, Cristobal Montoro, que non é España quen financia a Catalunya senón que é Catalunya quen financia a España, porque paga moito máis do que recibe. Observamos tamén que Euskal Herría, a pesar do concerto económico, ten unha balanza fiscal negativa. Galiza, pola súa parte, sería a segunda comunidade máis favorecida, en saldo absoluto, despois de Andalucía, e por habitante sería a terceira, após Extremadura e Asturias. Parecería, pois, que nós estamos sendo favorecidos significativamente pola nosa incorporación ao Estado español.

Mais, hai outra serie de factores que as balanzas fiscais non refliten e que matizan esa vantaxe económica. En primeiro lugar, a balanza comercial, ou sexa, os intercambios que se realizan entre as diversas comunidades, que favorecen aos países exportadores de produtos porque se topan con un mercado onde situar os seus produtos sen custo derivado de aranceis, taxas, etc. Esta variábel favorece na UE moito a Alemaña, en comparación con outros países, e, por iso, sería totalmente inxusto, a respeito da UE, só ter en conta a contribución alemana ao orzamento e en axudas aos países en dificuldades.

A balanza comercial de Catalunya, segundo dados de 2011, mantén un saldo favorábel co resto do Estado por importe de 22.000 millóns de euros, pois Catalunya exportou ao resto do Estado bens por importe de 49.389 millones de euros, que representan o 47 por cento das súas exportación, mentres que comprou por valor de 26.705 millones. No intrcambio comercial con outros países, Catalunya é deficitaria, de tal xeito que se non fose polo comercio co resto do Estado, a súa balanza comercial entraría en números vermellos. Se alén dos bens, se inclúen tamén os servizos, Catalunya sairía aínda máis favorecida polo seu intercambio co resto do Estado. Galicia, ao igual que Andalucía ou Extremadura, compran moito máis do que venden, favorecendo nisto ás outras comunidades. Se Galicia se proclamar independente, dalgún xeito podería manobrar moito mellor para equilibrar a súa balanza comercial, e obrigar as comunidades vendedoras a contraprestacións. 

Hai que ter en conta tamén a disparidade entre o domicilio fiscal e o domicilio social ou actividade das empresas. O problema consiste en que grande parte das empresas galegas están deslocalizadas fiscalmente, ou sexa, que traballan e venden na nosa terra mais pagan parte dos seus tributos fóra, principalmente en Madrid, que se ve favorecida neste aspecto, ao igual que na balanza comercial.

Outro factor negativo importante da nosa inclusión no mercado español consiste no facto de non poder facer valer as nosas vantaxes económicas comparativas, como é o caso das enerxías renovabeis. Galicia dispón dunhas condicións moi favorábeis no tocante ás enerxías renovábeis, como a eólica e hidroeléctrica, sendo exportadora neta de enerxía,  debido precisametne a estas enerxías renovábeis, mais, non obstante, non se beneficia nin de tarifas diferenciais nin de retornos industriais. Galicia soportou e soporta grande peso da industrialización de España por ser obrigada a poñer o prezo do quilovatio en Madrid ao mesmo prezo que na empresa situada no mesmo lugar de produción desa enerxía..

Outra vantaxe importante sería a defensa dos nosos sectores produtivos estratéxicos, sen estar mediatizados por condicionamentos externos como os que levaron á destrución do sector naval e á prohibición de construír barcos en Navantia, Fene. Finalmente, a nosa lingua, cultura e identidade colectiva podería recibir un impulso decisivo de cara á súa normalización, de tal xeito que nos permitise vivir nun país dotado de autoestima colectiva e proxectado cara a un futuro mellor.

Sabermos ser libres

 O pobo galego non foi, até o momento, un pobo lúcido politicamente, e non o digo porque coincida ou non cos meus desexos, senón polos resultados alcanzados. Tivemos uns gobernantes que se aproveitaron do país en vez de servilo, uns gobernantes que en vez de inocullarlle o sentimento de autoestima foron abandeirados do autoodio de sermos galegos, como nolo revela o seu desprezo pola lingua e, en xeral, polo facto diferencial galego. Os políticos vencedores nas urnas, moitas veces non crían no país ao que debían gobernar e actuaron como cómplices do Goberno do Estado para rebaixar o noso autogoberno; políticos que utilizaron a corrupción para gañar eleicións, como parece evidencialo a suposta trama corrupta Gürtel. Foron políticos que non promoveron a autoidentificación, da que tanto gostaba de falar Fraga Iribarne, que, ao mesmo tempo, negaba o facto diferencial galego, auténtico sarcasmo para un pobo con lingua e cultura propias. Non falemos xa do direito de autodeterminación, do ámbito propio de decisión, pois, ao parecer, teñen que ser outros os que decidan por nós.

Non sabemos o que daría de si un goberno nacionalista, que aquí nunca existiu, porque na etapa do tripartito, con González Laxe de presidente, e do bipartito, con Touriño, o peso do goberno recaeu sobre todo nun PSOE xacobinista, que tiña medo a ser desbordado e dedicáronse a facer a guerra, entre outros eidos, no concurso eólico, do que os mesmos consellerios socialistas sementaron dúbidas sobe a súalegalidade. Porén, os nacionalistas deron moitas veces probas de insuficiencias na xestión e de ser contaxiados pola concepción da política como poder en vez de servizo aos demais.

Os nacionalistas non foron capaces de oferecer á sociedade galega formacións políticas atractivas e solventes, que cobrisen todo espectro político. Pulularon grupiños independentistas: AMI, Primeira Liña, NÓS Unidade Popular, Frente Popular Galega, sen enraizamento na realidade social, con moi pouco peso eleitoral e con adhesión a conceición marxista leninista, en franca decadencia. As formacións que se intitulaban federalistas, como o BNG, con unha organización pouco acaída, abandonada por aqueles mesmos nos que se inspiraron, foron liderados por un partido hexemónico, a UPG, tamén de tendencia marxista-leninista, alén de exclusivista e con má imaxe de imprensa. As escisións de Compromiso por Galicia e Anova tampouco foron capaces de cristalizar nunha unidade de acción, preferindo Anova revitalizar o esquedismo españolista na Galiza en vez de fortalecer as forzas propias deste país. Todas as múltiplas siglas nacionalistas concordan en estar escoradas claramente á esquerda e só se diferencian no modelo de Estado , máis light en Compromiso, pasando a seguir por Anova, BNG e grupos independentistas.

Non hai no noso país ningunha organización nacionalista de carácter centrista, por considerar que todo o que non é esquerda é españolismo, o cal implicaría recoñecer que Galiza é distinta de todos os países do mundo, supoño que será por herdanza xenética, e que o problema galego non ten solución nin, por tanto, futuro, porque a solución pasaría por un movemento social amplo que for capaz de constituírse en vanguarda do proceso de libertación nacional, e este movemento nunca poderá ser liderado só por partidos de esquerdistas. Certo que existe un partido de centro como Terra Galega, mais este, se ben é un partido autóctono, non  é propiamente nacionalista, e non se ve con vocación para coliderar un proceso de ruptura co Estado español.

A respeito dalgunhas iniciativas como Galiza pola Soberanía, na que se xuntan unhas 200 persoas para pular por un Estado propio, parecen iniciativas sen base real, porque para criar algo novo o que se necesitan son votos e non proxectos que unicamente cristalicen nos papeis.

Querermos ser libres

 Para querer é preciso que un pobo proxecte un ideal futuro que supere o presente. Necesítase que se vexa a situación presente como unha alternativa insatisfactoria, que debería ser superada- Necesítase, por tanto, coñecer ben as carencias da situación actual e proxectar mentalmente unha nova situación na que esas carencias desaparezan e se poida construír unha nova sociedade máis libre, democrática e con maiores cotas de benestar colectivo. Até o momento presente, este obxectivo non se logrou e a sociedade galega séntese cómoda con partidos alieníxenas e sen programa de seu para o país.

O querer está relacionado co poder, pois ese novo ideal debe verse como viábel nos ámbitos político, económico e defensivo. Nestes momentos, parece que podemos concluír que o pobo galego non o ten claro e que cumpriría incidir neste aspecto. O querer, a vontade popular, é un elemento nacionalitario moi importante, quizais o máis relevante de todos, ao servizo do facto diferencial, embora ancora neste. Os pobos deben poder ser o que proxecten ser, deben poder decidir libre e democraticamente como orientar o seu futuro, aínda que este discrepe das vivencias e historia pasada, embora o máis lóxico, coherente e sensato, sería incardinar o futuro na tradición e nas raíces históricas.

O querer non pode ser un desexo van, senón que implica que cada quen debe dar o mellor de si para contribuír á realización do ideal. Ao convivir nun Estado composto, o querer tamén se ve influenciado pola propaganda do adversario, que pretenderá deslexitimar o proxecto e perpetuar a situación de marxinalidade e dependencia.


   1 ROUSSEAU, Du Contract Social, Lib. I, Cap. 4.
   2 ROUSSEAU, Du Contract Social, Lib. III, Cap. 3
.

 






22 jul 2013

Os gobernos lexitímanse nas urnas!


O 19/07/2013, o Chefe do Goberno español, Mariano Rajoy, manifestou, en Palma de Mallorca ante os ministros de Asuntos exteriores da UE, que os gobernos, en Europa, lexitímanse nas urnas. Mais, que sentido ten pronunciar esta obviedade diante dun auditorio e uns espectadores que xa están cansos de sabelo? O único sentido que lle encontro é que esta solemne proposición vaia destinada a consumo interno dos españois e que sexa unha especie de advertencia de que a el só o removen do seu posto as urnas cando chegue o momento. A política de resistencia levada ao seu paroxismo.

Nun Goberno xa con un deficiente sentido democrático, esta manifestación, de ser correcto o comentario exposto, vén corroborar esta carencia, que se une ás últimas noticias de que o actual presidente do Tribunal Constitucional, Pérez de los Cobos, é un membro do PP, facto que contribúe enormemente á súa deslexitimación, se aínda pode caer máis baixo. Como se vai crer que as interpretacións da Constitución, emanadas de membros tan parciais e escorados a posicionamentos excluentes, van ser imparciais e ponderadas? Como pode un españolista até a medula ser imparcial cando ten que xulgar da constitucionalidade de calquera proposta dos nacionalistas periféricos? Isto ratifica o que afirmamos nun artigo anterior sobre a División de Poderes e a baixa calidade democrática do Estado español.

 Creo que ninguén tenta restar lexitimación a un  Goberno saído das urnas, e moi especialmente nun momento tan difícil e convulso, con grande instabilidade política, social e económica, como o actual. O problema é que, como moi ben sabe o Sr. Rajoy, a lexitimidade de orixe, na que el se reafirma, presupón que se cumpran, no acceso ao poder, as regras de xogo. Ninguén cuestionaba que o ciclista Lance Edward Armstrong tiver gañado sete Tours de Franza, mais cando se demostrou que gañou con trampas, os organizadores, por moito que el protestase e pretextase da súa inocencia, desposuírono do seu trono por tramposo. Neste caso, non se pon en cuesitón que quen vence no Tours debe ostentar a gloria, premios e honores que lle corresponden, sempre que se cumpran as regras fixadas de antemán e non se actúe con vantaxe sobre os demais. No caso de Rajoy todo indica que o PP gañou o Goberno central e moitos autonómicos con supostas más artes, facendo trampas ao financiarse, supostamente, dun xeito irregular, quebrantando a lei que el mesmo contribuiu a implantar. Por tanto, suposto este financiamento ilegal, non existiría lexitimidade de orixe que el proclama agora aos catro ventos.

Mais, a lexitimidade de orixe non basta, senón que un Gobernante ten que ter lexitimidade de exercicio, ou sexa, facer as cousas aceptabelmente ben con respeito aos padróns usuais e cumprir o que se prometeu aos cidadáns no programa e campañas eleitorais. Isto é o que non se fixo, e a cidadanía séntese estafada, feito máis grave cando se lle dixo que o gobernante non debe mentir, que debe dicir sempre a verdade para suscitar confianza, etc.

A economía vai mal, en contra do prometido, subíronse os impostos, o programa eleitoral foi acurralado, e todo indica que o único programa que ten que cumprir o Rajoy e o PP é facer o que lle di a Comandante en Chefe, Frau Merkel. O que se perguntan os cidadáns é a que reduciu a democracia este partido co seu Presidente á cabeza. Que sentido ten que veña agora a proclamar que a el ninguén o saca de aí porque está lexitimado para continuar até o final? Sálvase que non existen organizadores externos que depoñan a un rapidamente para recuperar o prestixio das institucións.

Todo este negro panorama vén complicarse coa crise do partido máis importante e o que máis poder acumulou na historia de España, sumido, segundo parecen apuntar todos os indicios, nunha situación de corrupción xeneralizada, cobrando supersoldos, defraudando ao fisco, mentres se espremía ao máximo aos cidadáns, en nome da inevitabilidade económica e dunha pronta recuperación que non se albisca por ningures. A triste sensación que se dá é que vivimos nun dos Estados máis bananeiros e corruptos, onde non hai ningunha institución que se salve e onde todos colaboran na función extractiva do suor dos cidadáns.

9 jul 2013

A lei Wert de Educación


A educación ten unha importancia fundamental en toda sociedade, dado que é o instrumento que se utiliza para modelar o pensamento e as pautas de actuación das futuras xeracións, de acordo co modelo de sociedade que pretendamos construír. De aí que todo Estado tende a monopolizar o seu control, a súa programación e as pautas que han inspirala. Isto non implica que sempre a súa ensinanza teña que correr a conta do Estado, mais si que se imparta de acordo co modelo de sociedade que as elites dirixentes ou partido/s que sustenten ao goberno tivesen fixado no seu programa político ou eleitoral. 

 No Estado español, as leis de educación innovaron máis e dun xeito máis superficial e inflacionario que nos países do noso entorno, perdendo moito máis o seu enraizamento na tradición e na realidade social. No meu caso, os avatares da fortuna leváronme a estudar na Universidade Católica de Lovaina, e puiden constatar como alí, ao igual que na Sorbona de París, estaban vixentes na década dos sesenta do século XX, un programa no que aínda estaba vixente o bacharelato como primeiro ciclo das carreiras universitarias e moi distinto, por tanto, aos bacharelatos que se estudan nos centros de ensino non universitario. Non é, con todo, o momento de facer unha análise rigorosa destas afirmacións, porque non é o cerne das nosas preocupacións neste momento.

Desde a restauración da monarquía na persoa de Xoán Carlos I, xa se sucederon sete leis de educación, nun período de 35 anos, o cal xa indica que foi un proceso insuficientemente meditado, sen suficiente base real e consenso político, e mais impulsado por políticas de curto alcanzo que por necesidades reais do sistema. LOECE (Lei Orgánica do Estatuto de Centros Escolares), 1980, goberno da UCD, impulsada polo ministro Otero Novás, que intentou democratizar os centros docentes e estabeleceu o ideario de centros, combatida pola esquerda política foi recurrida polo PSOE ante o T.C.; LODE (Lei Orgánica do Direito á Educación), 1985, goberno PSOE, estendeu a educación básica, entendida como servizo público, a todos os cidadáns e introduciu o modelo de centros concertados; LOGSE (Lei de Ordenación Xeral do Sistema Educativo) , 1990, Goberno PSOE, ministro de educación José María Maravall, cón que concibiu a educación como un direito básico e ampliou a obrigatoriedade do ensino obrigatorio até os 16 anos; LOPEG (Lei Orgánica de Participación e Avaliación do Sistema Educativo), 1995, goberno PSOE, sendo ministro Javier Solana, unha lei de xestión e goberno dos centros, reformou case totalmente a LODE; LOCE (Lei Orgánica da Calidade da Educación), 2003, goberno do PP, impulsada pola ministra de Aznar, Pilar del Castillo, que teoricamente pretendía garantir a calidade dos sistema educativo nos centros docentes; LOE (Lei Orgánica de Educación), 2006, goberno do PSOE, ministra María Jesús San Segundo, que introduciu a materia de Educación para a Cidadanía; LOMCE (.Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa), en tramitación en 2013, co goberno do PP, ministro de Educación José Ignacio Wert;

Cando se impulsou a famosa lei de educación LOECE, de Otero Novás, da UCD, antecesor, xunto coa extrema direita, do que é hoxe o PP, estabeleceuse un sistema de funcionamento dos centros totalmente ineficaz. Os pais e alumnos que antes tiñan participación no Consello Consultivo, foron integrados agora no chamado Consello Escolar para ocuparse, xunto cos profesores, direccións, persoal de administración e un membro do concello, da xestión dos centros de ensino. Afirmaba este ministro que non coñecía ningunha lei máis participativa que a súa e iso, en vez de facelo reflexionar sobre as razóns que terían os demais para non aventurarse por esa vía, servía, polo contrario, para alimentar o seu narcisismo primario de iluminado e novo profeta do ensino. Profesores, pais, alumnos, persoal de administración e do Concello, debatendo sobre a xestión dos centros e do réxime disciplinario da alumnado, no que para resolver un expediente disciplinario tiñan que reunirse unhas trinta persoas.

Porén, a lei que máis dano lle fixo ao ensino foi a do PSOE, a LOGSE, iniciada polo ministro José María Maravall, e culminada por Javier Solana, inspirada en leis similares que xa fracasaran no Reino Unido e nos EEUU de América. O pai do ministro Maravall obsequiábao coa cualificación de mellor ministro de Educación que tivo España, e que eu costumaba parafrasear como o pior ministro que tivo o Estado español en toda a súa historia, e mira que os tivo maus!. Esa lei foi aprobada en setembro de 1990 co apoio parlamentar tanto do PSOE como dos demais grupos do Congreso, salvo os 89 votos do PP e tres abstencións, entre elas unha do PP.

Cando se puxo en vigor a LOGSE, eu impartía docencia no I.B. Pontepedriña, de Santiago de Compostela, e cando lin as directrices de actuación que a inspiraban, remitidos aos centros, fiquei abraiado. Seguindo a ideoloxía, de raíces rousonianas, de Pestalozzi, Piaget, etc., partía de que  o home é naturalmente bon, neste caso o alumno, e que é a sociedade quen o perverte, e que se fracasa non é pola súa culpa, senón do profesorado, pais, ... A culpa recaía sobre o profesorado e a corrección disciplinaria do alumno deviña practicamente inviábel. O alumno podía pasar de curso sen ollar, sequer polo forro, varias materias. A Xunta de Avaliación podía decidir que promocionasen de curso con varias materias suspensas, se se consideraba que alcanzaran os obxectivos, e, no noso centro, algúns promocionaron con seis materias suspensas. Dábase. ademais, situacións paradoxais de agravio comparativo, porque unha Xunta de Avaliación podía promocionar até con seis materias mentres que a do lado só permitía que pasasen se tiñan catro ou mesmos suspensas.

Esta lei tiña un calendario moi dilatado de aplicación, mais os centros que o desexasen podían, a petición do Consello Escolar do Centro, pedir á Consellería que lle permitise adiantar a súa entrada en vigor. No I.B. Pontepedriña submeteuse a votación a súa a posibilidade do adianto, se a memoria non me falla, a finais do curso 1991-1992 e, pola miña intervención no Consello Escolar, onde logrei que os alumnos votasen cos que nos posicionabamos en contra, a proposta de adianto foi rexeitada, con grande disgusto do Director do Centro e dalgún dos profesores do chamado sector progresista, un dos cales baseaba o seu argumentario sobre a bondade da lei no amplo apoio parlamentario que obtivera. No curso seguinte, volveu submeterse a votación outra vez a proposta de adianto, e eu xa sabía que se ía aprobar pola campaña en prol dos seus partidarios, mais, como Secretario do Centro e do Consello Escolar, con voz mais sen voto, intervín, outra vez, dun xeito esta vez testemuñal e por responsabilidade, para manifestar, de novo, o meu posicionamento en contra por considerar que baixaría notoriamente o rendimento académico e incrementaría nos centros o nivel de conflitividade, como efectivamente, non tardou en producirse, mais a decisión foi, como se prevía, solicitar á Consellería de Educación da Xunta de Galicia, o adiantamento da súa aplicación, pronunciamento favorábel que a Consellería deu por benvida porque o promovía e desexaba. Esta lei, nefasta para o ensino, veu acompañada dunha campaña nos meios de comunicación na que se desincentivaba a realización de deberes, na casa por parte dos alumnos.

As expectativas dos seus partidarios para que a lei funcionase cifrábanse nas cuantiosas sumas de diñeiro que se ían detrair para educación nos Orzamentos Xerais do Estado, como se os cartos actuasen taumaturxicamente, esquecendo que todo incremento nos orzamentos debe corresponderse con obxectivos claros e ben definidos a alcanzar. O diñeiro si se gastou mais os resultados esperados non se produciron. O efeito taumatúrxico do diñeiro púxose de novo na medida adoptada por Zapatero posta en práctica pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia, de subministrarlle un ordenador a cada alumno, convertendo a informática no fetiche dos nosos días. En certos momentos, é conveniente dispoñer dunha computadora, mais sempre como complemento e nunca como ferramenta de traballo ordinaria para todos e en todas as aulas. O fracaso deste proxecto tampouco se fixo esperar.

Outra das eivas do sistema era a excesiva proliferación de optativas, porque dicir optativa significa carga de traballo para os profesores, e a carga de traballo desata a loita larvada por parte dos departamentos implicados, e esta loita ten como consecuencia o incremento das cualificaciónss e a baixada do nivel de exixencia para contentar aos solicitantes. Por parte do alumnado desataouse a táctica de procurar elevar as propias cualificacións e baixar o rendimento.

Outro dos vicios da citada lei foi producir un incremento escandaloso do absentismo escolar. Eu canseime de poñer faltas e os directivos intimábannos a que o fixésemos, mais, ano tras ano, non serviu de nada. É certo que se lle podía retirar a escolaridade aos alumnos a partir dun determinado número de faltas, mais aos afectados non lles preocupaba porque xa suspendían  igual os exames parciais que se realizaban durante o curso e, ao final deste, tiñas, de todos modos, que admitilo a examinarse na proba final de curso.

Na aplicación da LOGSE contribuiu tamén moi activamente o PP, aplicándoa, sumisa e acriticamente, nas CCAA (Comunidades Autónomas) onde eles gobernaban. As razóns alegadas polo PP para oporse á reforma eran a  negativa do Goberno e o qrupo que o apoia a unha lei específica de financiamento da reforma, que non se recoñecía a gratuidade absoluta das etapas de de escolaridade non obrigatoria (preescolar, bacharelato e formación profisional) e a reducción do bacharelato a dous anos frente aos tres que defendía o PP. En Galicia, asumiron acriticamente a súa filosofía e aplicárona sen a máis mínima reflexión. A falta de disciplina e o absentismo nos centros incrementáronse exponencialmente e a baixada do rendimento fíxose ben patente. Os que intentabamos manter un certo nivel de rendimento académico fomos obxecto de presións insistentes para que aprobásemos a alumnos/as que non estudaban practicamente nada. Estas presións foron exercidas desde as Inspeccións de Ensino, Direccións dos centros e compañeiros profesores das Xuntas de Avaliación. Os aprobados "políticos" proliferaron.

Agora, ao igual que sucede na crise económica, estes mesmos que contribuíron ao desprestixio do sistema a ao seu profundo deterioro, son os mesmos que se nos presentan como novos Mesías redentores, porque parece que agora o profeta de turno recibiu a Iluminación verdadeira.

Eu considero que o estado da educación debe submeterse a unha profunda reforma, unha vez analizadas as súas principais carencias, mais unha cousa é que haxa que reformala e outra moi distinta é que a reforma propugnada polo ministro Wert sexa o antídoto adecuado para mellorala. Cométese unha falacia na argumentación cando se razoa do seguinte xeito:

Algo que funciona mal debe ser reformado
A lexislación educativa vixente funciona mal
-----------------------------------------------------------------------
Logo esta lexislación debe ser reformada pola Lei Wert.

Como dicía Aristóteles, unha cousa é o ideal teórico sobre o mellor modelo de Estado e outra moi distinta o que funciona mellor na práctica. Para que unha lei educativa funcione debe:

a) Contar con un amplo apoio social, porque toda lei debe ter vocación de estabilidade e de permanencia no tempo, e isto é imposíbel se se fai á marxe e contra os demais. A LOMCE suscitou máis rexeitamento que ningunha lei anterior por parte de todos os sectores implicados, incluídos os partidos políticos, que unha vez cheguen a gobernar aproveitarán a ocasión para devolverlle a xogada ao PP reformándoa no sentido oposto, tamén probabelmente sen o consenso desexábel.

b) Debe basearse nunha análise rigorosa e seria das deficiencias da educación e non obedecer a puros apriorismos ideolóxicos, como a lei Wert, que non se observa que estea avalizada por estudos que merezan tal nome.

c) Debe responder á realidade nacional plural do Estado español e non pretender ninguneala. Non debe ser un instrumento de enfrentamento e separación senón de promoción da convivencia pacífica da diversidade.

d) Debe pretender solucionar os problemas que ten o ensino e non crear outros novos que agudicen as tensións sociais.

e) Debe garantir unha equitativa igualdade de oportunidades e non unicamente formal senón real e efectiva. Non basta con que se diga que todos poden competir senón que deben poder facelo desde unha xusta igualdade real nas condicións de competitividade.

A lei Wert non cumpre ningún destes requisitos. É unha lei que:

1º) Non conta con mais apoio social que a do partido que apoia ao goberno e aínda con salvidades.

2º) É unha lei ideolóxica, se ben con isto non dicimos nada pois toda lei é ideolóxica máis ou menos. Esta lei reflite a ideoloxía do máis puro e rancio nacionalismo español e da alianza estreita da espada e da cruz, nun Estado que se declara constitucionalmente como aconfesional. Favorécese descaradamente a opción de relixión, pois ao contar para a nota media, propiciará que o alumnado elixa esta "maría" pois a súa nota non se dá por saber senón, moitas veces, por crer, ser catequista, etc. É unha lei que pretende contentar aos sectores máis reaccionarios da Igrexa, que separan ao alumnado por sexos, seguindo a misoxinia da Biblia e cristiáns dos primeiros séculos.

É unha lei que pretende españolizar a todos os pobos que conforman o Estado español, borrando as diferenzas que nos constitúen como galegos, vascos ou cataláns. Este ministro é un auténtico ariete dun goberno realmente separador dos diversos pobos que conviven , velis-nolis, nun mesmo Estado, ao que toda diferenza lle produce urticaria. É lamentábel que non se acepte ao outro como outro senón que se quer que abandone a súa alteridade, para que sexa aceptado. Se vivisen nunha nación única como os EEUU de América, coas diferenzas que hai dun Estado para outro, sería cualificado da ultra extrema direita. O que hai que facer é converternos a todos nun rabaño de ovellas, todos igualiños porque só así -din- gozamos dos mesmos direitos. Eles saben que isto é improcedente e que e que o que é distinto ten que ser respeitado na súa diferenza, que é o fundamento de direitos. Que un coxo ten direito a utilizar un ascensor nun centro de ensino, que se lle denega a un que non o é. Quen ten unha lingua propia, ten direito a falala, mentres que quen non a ten non ten o mesmo direito. Os galegos deben poder falar en Galicia o galego, mais non os madrileños em Madrid. Quen está doente ten direito a ser atendido por un médico, mais non quen está san.

d) É unha lei uniformizadora, baseada no falso principio de que todos os españois temos os mesmos direitos, principio falso, pois como dicía xa Aristóteles, a xustiza non consiste en tratar a todos por igual senón en tratar como iguais aos que son iguais e como distintos aos que son distintos. Cando un Xefe de Departamento ten que programar anualmente a materia para o curso debe ter en conta a extracción social do alumnado ao que debe impartila, pois os obxectivos deben acomodarse ás características dos discentes. Non é igual impartir aulas en nocturno que en diurno, nos bairros da periferia das cidades que no seu centro, a un grupo de ciganos que de paios, en Andalucía que na Galiza. Se os obxectivos son distintos, os exames deben ser distintos, polo menos na medida en que isto é compatíbel co estabelecimento de controis externos ao ensino.

e) É unha lei españolista, por varias razóns: 1ª) Está concibida para impoñer o español e asfixiar a lingua das Nacionalidades Históricas: Catalunya, Euskadi e Galiza. 2ª) Diminúe a percentaxe reservada ás CCAA para fixar contidos específicos no curriculo das materias; 3ª) Aínda no reservado a estas, fica sen vigor, toda vez que a proba se fai a nivel estatal polo Ministerio de Educación, sen participación das CCAA. O facto de fixar o exame condiciona a materia a impartir, como todos os profesores saben por experiencia.

f) É unha lei que destrúe o principio de igualdade de oportunidades no acceso á Universidade. A partir de agora poderán estudar todos os ricos, posiblemente incluso favorecidos por bolsas públicas, e só os fillos das clases modestas que sexan dun bo nivel académico.

Para saber exactamente cales son os obxectivos da lei Wert non hai que remitirse ao que din os políticos que a apoian, pois a política, como dicía Maquiavelo, é a arte da simulación, do parecer ser e non do ser, senón que hai que ollar as consecuencias da filosofía do partido que apoia as políticas do Goberno de turno. Á súa vez, a política do partido, está inspirada, no caso do PP, pola FAES (Fundación para el Analisis y Estudios Sociales), fundación pagada por todos os españois, queiras que non, dirixida por José María Aznar, defensora dunha ideoloxía pseudocientífica, da direita máis centralista, reaccionaria, intransixente, uniformizadora, españolista e nacionalcatolista. É un partido do «nós contra todos», pois non ten vocación de pacto e de acordo senón de imposición da súa verdade única e plena.

Para coñecer os seus obxectivos para a lei de educación hai que remitirse tamén ás políticas que vén aplicando noutros ámbitos, pois as políticicas costuman constituír un todo coherente. A pouca disposición para o pacto maniféstase claramente na lexislación por medio de decretos-leis, á marxe da participación parlamentaria. O nacionalcatolicismo, reflítese ben claramente en leis como a do aborto, que, de aprobarse, se convertiría na lei máis retrógrada de toda Europa, e na concesión á Igrexa de numerosos privilexios: capacidade de inmatriculación de propiedades,  exención de impostos, apoio ás escolas católicas, ... As reformas de Gallardón na xustiza creo que son moi elocuentes da política deste Goberno: ante a incremento nos custos da xustiza, decidiu desincentivar o recurso á Xustiza para dirimir os conflitos, mediante a imposición de  elevadas taxas que o fagan desaconsellábel salvo para os poderosos.

En educación preténdese algo parecido: reducir o custo da educación, suprimindo profesores, subvencións para comedores, libros de texto, etc. e desincentivar que os estudantes sigan estudos universitarios: poñendo trabas de acceso, como as sucesivas reválidas, suprimindo bolsas, incrementando as taxas, etc. Non é críbel que as pretensións sexan a evitación do fracaso escolar ou a calidade da educación, pois a primeira non se favorece con tantas reválidas e a segunda cos despedimentos masivos de profesorado. Se así for, deberían ser denunciados todos os responsábeis dos ministerios de educación e comunidades autónomas por ter dilapidado tanto diñeiro dos orzamentos do Estado dun xeito tan improdutivo e irresponsábel.