25 nov 2013

EUNUCOS POLO REINO DOS CEUS E DOS PODEROSOS (04)


08.-Os eunucos en Israel


En Israel, os castrados eran considerados e eles autoconsiderábanse como unha árbore seca1, e, por tanto, como cidadáns de segunda categoría, aos que, de seren estranxeiros, lles estaba vedada a admisión na asemblea de Iavé: “Non será admitido na asemblea de Iavé aquel a quen lle foron machucados ou amputados os órganos xenitais2. Neste texto promúlgase unha medida discriminatoria, unha medida de exclusión social, contra os que teñan os órgaos xenitais esmagados ou mutilados, que consiste en que non serán admitidos aos actos cultuais, sen precisar se esa amputación se produciu voluntaria ou involuntariamente, se foi producida polo propio afectado ou foi vítima doutro. Non se penaliza coa expulsión da comunidade de Israel, como pretende algún comentarista bíblico, senón da asemblea ou congregación de persoas para realizar os actos de culto. En Israel nunca estivo formalmente prohibida a castración, nunca existiu un preceito que a proscribise, ou todo o máis só no caso de autoemasculación, senón que estaba tacitamente aceptada como o corrobora a abundancia de eunucos na corte dos reis e nas casas das persoas poderosas, se ben estaba primada a procriación por tratarse dunha sociedade guerreira que necesitaba todos os brazos para defenderse ante perigos exteriores constantemente á espreita, e para atacar aos demais pobos en situacións favorábeis. Isto explica que para a muller israelí fose unha deshonra non ter fillos, porque socialmente non estaba ben visto, e isto traduciuse no preceito bíblico de “Procriade e multiplicádevos3.

 O sacrificio dos castrados non era agradábel a Iavé, porque os animais que se lle oferecesen non deben ter defecto algún por ter Iavé a primacía sobre todos os demais. “Non ofeceredes a Iavé un animal que teña os testículos machacados, afundidos, cortados ou arrincados; ... Nin da man dun estranxeiro recibiredes tales vítimas para oferecelas como alimento ao voso Deus, pois están corrompidas e manchadas e non vos serían aceptadas4. A gravidade deste preceito radica en que marxina a nivel relixioso inclusive a aqueles que foron vítimas inxustas da mutilación xenital por parte dos poderosos. No Deuteronomio prevense castigos crueis, irracionais e unilaterais para a muller que colla a un home polos xenitais cando se ensilva nunha pelexa co seu marido, sen precisar se houbo dano nin a causa da rifa: “Se mentres reñen dous homes, un co outro, a muller dun, intervindo para librar o seu marido das mans do que o golpea, o coller polas partes pudendas, cortaralle as mans sen piedade5. Estes castigos reproducen agravándoos os castigos previstos no Código da Assura, I.8. Por conseguinte, nos libros de Pentateuco eran discriminados pola súa condición de castrados, independentemente de cal fose a causa da castración. Igualmente, o transvestismo6, como a homosexualidade7, -a transexualidade non se contempla- son reos de pecado, abominación e afectados por paixóns vergoñentas,  nos textos bíblicos.

No Levítico condénanse as relacións homosexuais. “Non terás comercio sexual de coito feminino con macho, porque é unha abominación8. “Quen se deite con macho en sexo feminino, ambos fan algo abominábel e debe dárselle morte: que o seu sangue caia sobre eles9. No caso dos eunucos, eliminouselle a súa virilidade e algúns entenden que esta prohibición non lles afecta.

Cando os israelies estiveron en Exipto -do século XVII ao XIII a.C., Asiria e Babilonia sufriron unha situación de escravatura e de emasculación. O fillo de Xacob, Xosé, vendido ao eunuco Putifar, ministro do Faraón e chefe da guarda (Xe. 39:1), chegou a ocupar o cargo de mordomo da casa do Faraón10. En Exipto, existía o costume de que os oficiais da Corte do Faraón, en concreto, o copeiro e o reposteiro, fosen desvirilizados, e de aí que se traducise a palabra hebrea correspondente a eunuco por oficial11. Cando Xosé estaba o servizo do Faraón, os dous citados cargos, chefe de copeiros e de panadeiros, eran eunucos, que, por cometer transgresión contra o rei foron prendidos e custodiados polo chefe da guarda, Putifar, que, á súa vez lle transmitiu esta encomenda a Xosé12. Inclusive se suspeita que o propio Xosé tería sido emasculado, o cal explicaría o seu rexeitamento ás pretensións sexuais da muller de Putifar.

O filósofo xudeu helenístico Filón de Alexandría (20/13 a. C.- 40/45 d. C.) recorre á interpretación alegórica da Biblia, propugnada por el, para explicar a castración de Putifar e a actitude do seu Mordomo, Xosé, aínda que este recurso ten o problema de suscitar tantas interpretacións distintas como intérpretes. Abre, por outra parte, a porta para xustificar a castración en base a evitar o vicio e os impulsos da paixón, tendencia tamén moi presente dentro do pensamento cristián, nunha argumentación na que, como vemos, o fin xustificaría os meios. Aparece no texto que inserimos a seguir, o desprezo do sexo e a opción pola renuncia sexual, propia do xudaísmo e que se infiltrará máis tarde tamén no pensamento cristián. En vez de recoñecer a natureza humana como é, cos seus sentimentos e paixóns como un ingrediente natural, forxan unha natureza ideal da que mutilan, como indesexábeis, os compoñentes que a eles lle parecen menos decorosos, de acordo coa súa orientación misosexual. Afirma a respeito de Putifar e Xosé o seguinte: “Unha destas mulleres é Pentefo, a muller do chefe de cociña do Faraón (Xenesis 39,1.) . Debemos considerar como un home que era un eunuco podía ser presentado como tendo unha muller.  Tocante a isto existirá aquí un problema que oferecerá un razoábel fundamento de  perplexidade para os que non toman as expresión da lei nun sentido alegórico. Para a mente é realmente un eunuco e realmente o chefe dos cociñeiros, gozando non somente dos praceres simples, senón tamén dos que son superfluos, e por iso é chamado un eunuco e carente de de toda sabedoría, sendo o eunuco e escravo non doutro amo senón do dispensador das boas cousas, do Faraón. Noutro sentido, por tanto, podería  parecer unha cousa moi desexábel ser eunuco, se a nosa alma, pudese por estes meios escapar do vicio e evitar todo coñecimento da paixón. Por este motivo, Xosé, que se di que era o carácter de continencia, dille ao Pracer, que se aproxima a el con, «deitate comigo (Xenesis 39,7.) , e sendo un home compórtate como un home, e goza das cousas pracenteiras que a vida pode oferecer». El, Eu digo, recusouna dicindo, «Pecarei contra Deus, que ama a virtude se deveño devoto do pracer, porque é unha má acción» (Xenesis 39,7.)13.  Neste texto, Filón acepta a emasculación se isto conduce a unha vida máis virtuosa, e, por tanto, como o fin é bo, pódese recorrer a un medio espúreo. Isto abre a vía á permisividade da castración en aras de fins espirituais en Israel, que será defendido insistentemente tamén polo cristianismo no decurso da historia. En Sobre o cambio dos nomes, explica, no contexto da súa interpretación alegórica da Biblia, arbitraria e pouco fundada, que Putifar era eunuco “porque escasas eran as cousas nobres de que dispoñía, téndolle sido mutilados os órgaos fecundantes da súa alma, polo que era incapaz xa de sementar e enxendrar cousa algunha das que visan a disciplina”14

En Sobre Xosé, ou a vida do home de estado, estabelece un confronto entre o eunuco e a multidume, que se parecen en que “a multidume embora aparentemente practica a virtude, é tamén infecunda en sabedoría. Cada vez, con efeito, que unha multidume de persoas mesturadas e heteroxéneas se concentra nun mesmo sitio, di o conveniente, mais pensa e fai o contrario, prefirindo o espúreo ao lexítimo porque se goberna polas aparencias e non pon en práctica o verdadeiramente nobre. E así, por paradoxal que pareza, con este eunuco cohabita tamén unha esposa. É que a multidume tende a facer súa a paixón, igual que o home fai súa a unha muller; e a paixón é o resorte de todas as súas manifestacións e accións, pois el convértea na súa conselleira en todas as cousas, confesábeis e inconfesábeis, pequenas e grandes, sen a menor inclinación a escoitar os consellos que proporciona a razón15.


Segundo o historiador xudeu e fariseo, Flavio Xosefo (37/38-101), a lexislación que Moisés lle deu aos hebreus despois do exilio tocante aos eunucos foi a seguinte: “Os que se fagan eunucos serán detestados, deberedes eludir toda conversación con aqueles que se tivesen privado da masculinidade e do fruto da xeración que Deus deu aos homes para multiplicar a súa especie. Cumpre banilos, como asasinos de meninos, xa que de antemán perderon o que os procuraría. Porque é evidente que as súas almas volvéronse efeminadas e eles transfundiron a efeminación aos seus corpos. Do mesmo xeito trataredes aos que son de natureza monstruosa cando os ollades; tampouco é lexítimo castrar nin aos homes nin a ningún outro animal16. Este texto, dunha severidade extrema, non aparece na Biblia e descoñecemos en que se fundamenta este autor para facer esa afirmación. Nel fálase só dos que se autoemasculan mais non dos que son emasculados por outros.

O líder e profeta Samuel, ao que os hebreus lle pediron que lles dese un rei para aglutinar o pobo e enfrentarse con éxito aos pobos viciños, profetízalles os males que se derivarán de ter un monarca, e, entre outros, que “Decimará as vosas colleitas e os vosos viños para os seus eunucos e servidores17.

David (1040-970 a.C.)
Os reis de Israel e Xudá tiñan eunucos ás súas ordes. David (c. 1040-970 a. C.) tiña entre os altos cargos aos eunucos, conxuntamente cos demais notábeis do reino, para explicarlles os seus planos para a construción do templo18; O rei de Israel, Acab, ou Ajab, ( 874-853), por suxestión de Xosafá, rei de Xudá, bota man dun eunuco para que lle traese ao profeta Miqueas19, con obxecto de coñecer a súa profecía sobre o resultado da guerra cos sirios, que os demais profetas predixeron como favorábel e para que lle ratifique ou infirme a predición dos outros profetas de que vencería aos sirios, “Acab respondeu que tiña un (profeta), mais que o odiaba porque non tiña predito máis que desgrazas e que lle profetizara que morrería, vencido polo rei dos sirios: por esta razón mantíñao agora no cárcere, chamábase Miqueas, fillo de Iembleo. Xosafá insiste para que o fagan vir; Acab envía un eunuco para buscar a Miqueas. Polo camiño, o eunuco revélalle a este último que todos os demais profetas predixeran a vitoria do rei. Mais este respondeu que el non tiña o direito de facerlle mentir a Deus e que diría o que Deus mesmo lle revelaría a respeito do rei. Cando chegou xunto a Acab e despois que este último lle suplicou de dicir a verdade, el declarou que Deus lle mostrara os israelitas en fuxida, perseguidos polos sirios e dispersados nas montañas como os rabaños abandonados sen pastor20. Este texto indica que o eunuco exercía un labor de recadeiro, conserxe, diriamos tamén. Acab desposou a princesa fenicia Iezabel, filla do rei Et-baal, de Sidón, que tiña tamén varios eunucos ao seu servizo21.

O rei do reino do norte,  Israel, Iorám (852-841)? Iehú (842-814)?, en tempos de Eliseo (ca. 850-800 a.C) deulle un eunuco a unha muller sunamita22, o cal parece indicar que os reis tiñan un certo stock e se permitían o luxo de regalalos. Cando Iehú entrou en Xezrael como xeneral rebelde do rei Iorám, despois de matar a Iorám e ao rei de Xudá Ocozías, Iezabel, mai de Iorám e esposa de Acab, “pintou os ollos e adornou a súa cabeza e ollou pola xanela. Cando Iehú entrou pola porta, ela dixo: «Hai paz, ti Zimri, asasino do seu señor?» El levantou a súa cabeza cara a xanela e perguntou: « Quen es ti?». Dous ou tres eunucos ollaron cara a el. El dixo: «Tirádea abaixo». Eles tirárona abaixo. E o seu sangue salpicou os muros e os cabalos pisárona23. Zimri foi un xeneral que asasinou ao rei Elah e ocupou o trono durante sete días. Como podemos ver, a mai do rei tiña varios eunucos ao seu servizo.

O rei de Asiria, Senaquerib, (704-681 a. C.), atacou e venceu o rei de Xudá, Hezequías (729-686 a.C.), en resposta ao levantamento por parte deste, saqueou moitas cidades de Xudá, sitiou Xerusalén e encerrou ao seu rei Hezequías como un paxaro engaliolado, embora non chegou a tomala. Neste contexto, Isaías predille ao rei de Xudá Hezequías que os seus fillos serán levados cativos e emasculados no palacio do rei de Babilonia24. A Biblia cita como eunucos en Asiria a Rab-saris, o xefe dos eunucos, que foi un dos que, xunto con Tartan e Rabsaces, conminou a Hezequías a renderse ante Senaquerib25. O rei de Babilonia, Nabucodonor II (605-562) ordenoulle ao xefe dos eunucos, Aspenaz, que recrutase mozos  selectos hebreos dos estamentos real e nobiliario, de bo parecer, de talento, intelixencia e boa preparación, para servir na Corte de Babilonia, entre os que se achaba o propio Daniel, que, moi probabelmente tamén foi evirado26, ao igual que Ananías, Misael, Azarías27, Mordecai, Nehemías e Ahikar. Un dos seus xenerais, Holofernes, cando sitiou a cidade de Betulia, seguindo as ordes de Nabucodonosor de castigar os pobos do oeste que non axudaran o seu reino, convidou a un banquete a Xudith, por mediación do seu eunuco Bagoas, e esta aproveitou a ocasión para decapitalo, salvando así o asedio da cidade28.

Xudith e Holofernes
O rei de Xudá, Iosías (639 - 608 a. C), aplicou unha dura reforma relixiosa fundamentalista e tribal no seu reino, que, entre outras cousas, implicaba eliminar “os cabalos que os reis de Xudá dedicaron ao sol, na entrada do templo, ao lado do cuarto do eunuco Natanmelec, que estaba no atrio. Queimou os carros do sol”29. Por conseguinte, ao servizo do templo había eunucos alí instalados dun xeito estábel. Durante o reinado de Xoaquím (608-598), fillo e sucesor de Iosías, o profeta Xeremías profetizou que: “Os grandes de Xudá, os grandes de Xerusalén, os eunucos, os sacerdotes e todo o pobo desta terra que pasaron por entre as partes do becerro, entregareinos en mans dos seus inimigos30 Xoaquím (598-597) ou Xeconías, fillo e sucesor do seu homónimo, foi derrotado aos poucos meses de reinado por Nabucodonosor, que o deportou a Babilonia coa raíña mai31, os seus eunucos e escravos32, e  miles de notábeis, entre os que estaba o profeta Ezqeuiel. O rei de Xudá, Sedecias (ca. 597-587 a. C.), nomeado para o cargo por Nabucodonosor, en substitución do deportado Xoaquín, tiña escravos estranxeiros eunucos na súa corte33. Despois dunha proclama apocalíptica de Xeremías no que afirmaba “Isto é o que di Iavé: todos os que se queden nesta cidade morrerán pola espada, de fame e de peste; quen fuxa aos caldeos, vivirá e a súa alma sera próspera e vivente. Isto di Iavé: esta cidade será entregada en mans do exército do rei de Babilonia, que a tomará34, os principais úrxenlle ao rei que sexa eliminado  por debilitar a moral combativa dos guerreiros e de todos os cidadáns. Sedecías deulle vía libre para actuar contra el e eles deciden metelo na cisterna de Melquías. Ouviu Abdemelec, etíope, eunuco da casa real, que meteran a Xeremías na cisterna, e intercedeu ante o rei para que o libertaran, e o rei dille que tome trinta homes e que o saquen da cisterna35. Á morte de Sedecías, Nabucodonosor nomea gobernador de Xerusalén a Godolías:Tomaron, pois, Ioanán, fillo de Carea, e todos os chefes de tropas que o acompañaban a todo o resto do pobo que Ismael, fillo de Natanías, levara de Misfa despois de matar a Godolías, fillo de Axicam; homes e mulleres, meniños e eunucos que trouxeran de Gabaón, e volvéronse, ... para desde alí dirixirse a Exipto36.

No 586, Nabuzardán, chefe da guarda de Nabucodonosor, destrúe Xerusalén e de novo deporta a varios notábeis, entre os cales figuran o sumo sacerdote Sareas e o seu adxunto Sofonías, e a un eunuco que tiña ás súas ordes as tropas37. Na loita polo poder en Xudá, após a derrota ante os babilonios, un grupo capitaneado por un exaltado nacionalista, Ismael, fillo de Natanías, fillo de Elisamá, deu morte a Godolías e a varios varóns de Siquén que peregrinaban ao templo de Xerusalén. Enfrentáronse a outro grupo liderado por Ioxanán, que concitou o apoio dos desertores de Ismaël. “Ismaël entón refuxiouse con oito dos seus homes xunto ao rei dos amamnitas. Ioxanán toma aos que salvara das mans de Ismaël, así como os eunucos, mulleres e meniños, e chegou a un lugar chamado Mandra38. Ismael refuxiose en Transxordania mentres que o grupo perseguidor tivo que fuxir a Exipto para evitar ser perseguidos polos babilonios e culpados da participación no asasinato do gobernador Godolías. 

No Trito-Isaías (Terceiro Isaías), escrito despois da catividade de Babilonia (587-539 a.C.), a mensaxe cambia pois agora os estranxeiros e os eunucos tamén estarán na asemblea de Iavé se cumpren os deberes relixiosos e litúrxicos e terán un posto de privilexio na nova sociedade teocrática, pois Iavé concederalles un nome eterno que lles dará máis gloria que os fillos e fillas que puidesen ter. A eles dilles Iavé: “Que non diga o eunuco: Eu son unha árbore seca. ... Eu dareilles na miña casa, dentro dos meus muros, poder e nome mellor que fillos e fillas. Dareilles un nome eterno que non se borrará39. Neste autor, aparece unha tendencia máis universalista e menos estreitamente tribal e discriminatoria, en canto que os eunucos xa poden ser integrados na comunidade. Por outra parte, manifesta un claro cambio de tendencia ao preferir o recoñecimento e o premio divinos á filiación humana, que fica desvalorizada. Esta nova mensaxe reitérase no libro da Sabedoría: “Ditoso tamén o eunuco que non obrou con maldade nin concibiu maus pensamentos contra o Señor, porque lle será outorgado un especial galardón pola súa fidelidade e un moi desexábel posto no templo do Señor40.

No tempo de Xesús de Nazaré, o idumeo Herodes o Grande (73 a. C. – Jerusalén, 4 a. C.), fillo do idumeo Antipater e da princesa nabatea de Petra, Cipros, e por tanto ádvena en Israel, desfíxose da rama gobernante dos asmoneos, representada por Hicarno II, incluída a súa esposa Marianna, filla do fillo de Aristóbulo II, Alexandre, e da filla de Hicarno II, Alexandra, o pai e irmán dela e a súa sogra. A guerra desatada entre os irmáns Hircano II e Aristóbulo II vai ser aproveitada polo pai de Herodes, Antipater, para gañar cotas de poder e criar as condicións favorábeis para o ascenso de Herodes axudado polos romanos. Este tiña ao seu servizo uns quiñentos serventes, a maioría deles escravos, e os outros libertos e eunucos. Como di o historiador xudeu Flavio Xosefo (37/38-101): “O rei posuía eunucos que el amaba desmesuradamente pola súa grande beleza. A un confiáralle as funcións de copeiro, outro tiña como cometido servir a súa comida. Outro de deitalo e de ocuparse dos asuntos máis importantes41.

Ao regreso de Herodes de Antioquía, onde mantivo conversas moi satisfactorias para el co imperador Augusto (63 aC.- 14 d.C.), vencedor da batalla de Aecio frente a Marco Antonio e Cleopatra, a quen apoiaba Herodes, topouse con unha situación familiar difícil. Herodes amaba a súa esposa, que mostraba unha actitude fría e distante con el. En certo momento solicítalle ter relacións sexuais e ela repróchalle ter matado ao seu pai e ao seu irmán. Salomé irmá do rei que era desprezada por Marianna aproveita a ocasión para acusala ante o rei, predisposto xa negativamente pola displicencia da súa esposa, e, con esta finalidade envíalle ao seu copeiro, coa orde de dicirlle ao rei que fora solicitado por Marianna para que lle axudase a preparar unha poción destinada ao rei. “Cando Herodes ouviu o que el dixo, estando nunha má disposición perante ela, a súa indignación tornouse máis violenta, e para coñecer a verdade sobre esta poción ordenou torturar o eunuco de Marianna, que era o máis leal para ela, como bon coñecedor que non era posíbel que ningunha cousa grande ou pequena puider ser dada sen el. E cando o home estaba na extrema agonía, non puido dicir nada concernente ao asunto polo que estaba a ser torturado, se ben agora recoñeceu, que o odio de Marianna contra el fora ocasionado por algo que Sohemo lle dixo. Cando el dixo isto, Herodes gritou en voz alta, e dixo que Sohemo, que sempre foi o máis fiel a el, e ao seu goberno, non o atraizoaría, a menos que el tivese un máis íntimo trato que o ordinario con Marianna. Así el deu a orden que Sohemo debía ser apreendido e matado inmediatamente, mais el concedeulle á súa esposa ser submetida a xuízo; e procurou os que eran máis fieis a el, e preparou unha elaborada acusación contra ela polo seu filtro amoroso e pola poción, que se cargou contra ela pola vía de calumnia somente”42. Vista a disposición colérica do rei, os asistentes decretaron condena a morte.

Herodes non só tiña problemas coa familia da muller senón coa súa propia, incluídos o seu pai Antipater e os seus fillos. “Mais entretanto os asuntos da familia de Herodes non estaban mellor, senón constantemente máis enredados. Agora aconteceu este accidente, que non se orixinou a partir dunha boa causa mais que foi tan lonxe como para poñelo en graves dificuldades. O rei posuía eunucos que el amaba desmesuradamente pola súa grande beleza. A un confiáralle as funcións de copeiro, outro tiña como cometido servir a súa comida. Outro de deitalo e de ocuparse dos asuntos de goberno máis importantes e houbo alguén que lle dixo ao rei que estes eunucos estaban corrompidos por Alexandre o fillo do rei con grandes somas de diñeiro. E cando se lle perguntou se Alexandre tivo relacións e conversas con eles, confesárono, mais dixeron que eles non coñecían ulteriores ofensas del contra o seu pai, mais cando foron torturados máis severamente, e estaban na extremidade derradeira, e os atormentadores, por unha cuestión de condescendencia con Antipater, forzaron a roda ao máximo, eles dixeron que Alexandre mostrou unha grande malquerenza e odio inato ao seu pai; e que lles dixo que Herodes perdeu a esperanza de vivir moito máis; e que, para disimular a súa avanzada idade, coloreou de negro os seus cabelos, e esforzouse en ocultar o que podería descubrir o vello que é; mais se se unisen a  el, cando el alcanzase o reino, que, apesar do seu pai, non podería ir a ningún outro, obterían a primeira praza nese reino por debaixo del, por iso el estaba  disposto a tomar agora o reino, non só polo seu direito de nacimento, senón polos preparativos que el fixo para obtelo, porque muitos dos gobernantes, e muitos dos seus ( do rei) amigos, estaban do seu lado, e estes, homes decididos, estaban dispostos a facer e a sufrir calquera cousa43.

Hérodes estando nun estado de confusión deixou os asuntos de goberno nas mans do seu fillo  Antipater, que aproveitou para estender o seu dominio, facéndose temer polo seu poder e pola súa malicia. Chegou a un acordo secreto con Peroras e conspirou contra o seu pai Herodes que sevicia os partidarios de Feroras e os fariseos. “Alí  existía unha certa secta de homes que eran xudeus, que se valoran a si mesmos altamente sobre a pericia exacta que teñen sobre a lei dos seus pais, e homes con personalidade cren que eles eran mui favorecidos por Deus, secta á que estaba submetido o xineceo. Estes son aqueles que se chaman a secta dos fariseus, que tiñan unha grande capacidades de opoñerse aos reis. Eran unha secta astuta, e pronto elevada ao cume da luta aberta e criadora de discordia. En consecuencia, cando todo o pobo dos xudeus lle deu seguranza ao César da súa boa vontade, e ao goberno dos reis, estes grandes homes non xuraron, sendo arredor de seis mil; e cando o rei lles impuxo unha multa, a muller de Peroras pagoulla. En orden a recompensar a bondade dela, desde entón crese que teñen a presciencia das cousas futuras por inspiración divina, predixeron como Deus decretou que o goberno de Herodes cesaría e a súa posteridade  debería ser privada del, mais que o reino pasaría a ela, a Peroras e aos seus fillos. Estas predicións non foron ocultadas por Salomé, senón que se lle comunicaron ao rei; como tamén que algunhas persoas do mesmo palacio se perverteron; así o rei matou aos dos fariseos que eran principalmente acusados, a Bagoas, o eunuco, e un tal Carus, que sobrepasaba a todos os homes deste tempo en beleza e era o seu favorito. El executou tamén a todos os da súa casa que estiveron de acordo coa predición dos fariseos44. Do seu neto e fillo de Aristóbulo IV, Herodes Agripa I ((10 a.C – 44 d.C), citan os Factos dos Apósltolos ao camareiro Blasto, que tamén parece que era eunuco45.

Filón de Alexandría (20/13 a.C.-40/45 d. C.), filósofo neoplatónico de estirpe xudía, e crente devoto e practicante da súa relixión, consideraba que a Biblia, a lei de Moisés, era superior á filosofía grega. Propuxo harmonizalas recorrendo á pretendida dependencia da filosofía grega a respeito de Moisés e á interpretación alegórico das Sagradas Escrituras. Frente ao sentido literal, accesíbel á xente vulgar, existe un sentido profundo accesíbel só aos espirituais. Este procedimento de harmonización é un preludio e un patrón da conciliación entre islamismo, xudaísmo, relixión cristiá por unha parte, e a filosofía pola outra, que tanto preocupou na Idade Media. Condena este autor as relacións homosexuais con efebos, con mociños, tan presente na Grecia clásica e en Roma, e, a esta altura en proceso de expansión. “Aliás, outro mal, máis grave que o que mencionamos xa, fíxose camiño e ficou libre nas cidades, as relacións sexuais con mociños, que antes eran considerados como unha grande infamia inclusive o falar delas, mais cuxo pecado é motivo de xactancia non só para os que o practican, senón inclusive para os que o sofren, e que, sendo acostumados a aguentar a aflición de ser tratados como mulleres, debilitan a ambos almas e corpos, non aguentando ao seu respeito que unha simple faisca de carácter masculino se encenda e inflame, senón que teñen o cabelo das súas cabezas manifestamente cortados e adornados, e teñen as súas faces untadas con vermellón e pintadas, e cousas desta índole, e teñen os seus ollos marcados con lapis por abaixo, e teñen o seu cute untado con fragantes perfumes ..., e sendo ben dados para todo o que favorece a beleza ou elegancia, non se envergoñan en dedicar as súas cavilacións e esforzos á tarefa de cambiar o seu carácter masculino polo efeminado46. Non dubida este filósofo en afirmar que todos os que acatan a lei, entre os cales está el mesmo, deben considerar que son merecedores da morte tanto os que se efeminan e como os que buscar acalmar con eles os seus impulsos sexuais, demostrando así o grao de fanatismo e intransixencia cando se converten as prácticas sexuais en cuestións relixiosas reguladas pola mesma divindade. “É natural, para os que obedecen a lei considerar tales persoas merecedoras da morte, dado que a lei manda que o home-muller que adultera a moeda preciosa da súa natureza debe morrer sen redención, non lle permitindo vivir un único día, ou inclusive unha simple hora, pois é unha desgraza para si mesmo, a súa familia, o seu país e para toda a humanidade”47. O mesmo castigo debe sufrir quen fai uso deses servizos por perseguir un pracer contrario á natureza e que por tanto non depende del, desperdiciar o seme limitando a natalidade, converterse en mestre da falta de virilidade e efeminamento, e provocar a esterilidade de mulleres fértiles por non ter con elas relacións sexuais, ao tempo que perde o tempo con mulleres que non lle procurarán descendencia.

 Destes catro cargos podemos dicir o seguinte:

a) Afirmar que vai contra a natureza e, por tanto, merecedora de castigo, implicaría suster que a homosexualidade é algo sempre e totalmente adquirido e inclusive adquirido voluntariamente, afirmacións que non están demostradas nin moito menos. Todo indica que, en moitos casos opera tamén a xenética, como o corrobora o modo de operar da natureza, moi ben expresado no adaxio latino, «natura non facit saltus», na natureza non hai discontinuidades, e, por tanto, as fronteiras entre mundos, especies, sexos  e individuos son sempre tenues en moitos casos, o que infirma a universalidade de toda definición. O mundo animal é moi distinto do vexetal, mais hai animais con características de vexetais e vexetais con características de animais; os anfibios son moi destintos dos peixes, mais hai tamén casos de anfibios e peixes á vez; os indivíduos somos distintos e o nível de proxesterona e tetosterona, que condiciona as eleicións sexuais, tamén varía. . ... Os estudos empíricos a respeito da influencia dos xenes, hormonas, impronta e meio ambiente están nunha fase aguda de desenvolvimento e os resultados non son definitivos nin concordantes, se ben parecen implicar, polo menos unha pluralidade de factores intervenientes, entre os cales actúa tamén a xenética e as hormonas, e, por iso, evito entrar de momento por este terreno. Mais quero subliñar que, no seo dun mundo relixioso, sexa xudeu, islámico ou cristián, pagán ou naturalista, a animadversión contra a homosexualidade colide con outras teses dos seus propios sistemas. As relixións estabelecen que o mundo foi criado por Deus, mundo que se identifica coa natureza, e, por conseguinte, os individuos homosexuais serían produto desa criación divina, caso de ser xenética a orientación sexual. Se non é xenética senón adquirida por influencia ambiental, o criador depositou, en todo caso, na natureza as predisposicións para esa orientación, e, por tanto, sería improcedente castigar os desviantes. Esta argumentación tamén é extensiva aos que defenden a autonomía da natureza frente a toda divindade e no caso de que se manteña que é totalmente adquirida. Tamén é adquirido un catarro, unha hernia, etc. e a ninguén se lle pasa pola cabeza castigar a quen a sofre. Para castigar a alguén tería que demostrarse, en todo caso, a intencionalidade da conduta e que esta visa prexudicar a alguén. Moitos preferimos un mundo heterosexual, mais esta preferencia é de natureza estética, predileción pola descendencia, orientación sexual, etc. e non de cariz moral.

b) Confirma tamén que o comportamento homosexual non vai contra a natureza, o facto de que en moitas especies de reino animal se acharon comportamentes homosexuais, tanto gays como lesbianos: libeliña, pombos, pato selvaxe, cisnes negros, pinguin, abutres, doniñas, cans, leóns, carneiros, bisontes, macaco xaponés, bonobos, practicamente todos os grandes simios, golfiños, elefantes, hiena, xirafa, lagartixa, ... Isto levou a que algúns autores afirmen que “Non existen especies para as que non se encontraran comportamentos homosexuais, con excepción das especies que nunca teñen sexo, como os erizos mariños e os áfidos. Ademais, unha parte do reino animal é hermafrodita, realmente bisexual. Para eles, a homosexualidade non é un problema48.

c) Os intercambios sexuais homosexuais a veces realízanse entre persoas que deciden voluntariamente practicar este tipo de sexualidade, e para estes casos, valen as reflexións acima estabelecidas. Se se realiza prostituíndo a outro, valería o razoamento referido á prostitución tamén entre sexos distintos.

d) A obxección referida ao desperdicio do seme, pode volverse en contra de quen a aduce, porque se se aproveitase todo o seme, o mundo xa tería sido saturado fai moito tempo, e as familias veríanse sobrecargadas de fillos aos que non poderían alimentar nin educar. A este respeito dáse unha disparidade radical entre o xudaísmo e o cristianismo, pois mentres o primeiro considera a propagación da especie como un dos maiores bens, o cristianismo opta pola castidade como a suma perfeición.

e) A respeito argumentación referida á eventual falta de atención ás mulleres produtivas, perdendo o tempo coas estériles, pódese dicir que somente vale para unha concepción da sexualidade na que se liga esta exclusivamente á reprodución e non ao amor entre persoas. Por outra parte, a fecundación fica segurada nos casos en que a muller é fértil. Ë cruel marxinar as persoas polo mero facto de non ser fértiles.

A respeito das relacións homosexuais con mozos, Filón de Alexandría exprésase asi: “O home que se dedican a ter relacións cos mozos serán submetidos ao mesmo castigo, xa que persegue este pracer que é contrario á natureza, e porque, no que depende del, deixaría as cidades despovoadas, e desertas e vacías de habitantes, desperdiciando o seu poder de propagar a especie, e ademais, convértese en guía e mestre de todos os máis grandes males, a falta de virilidade e o apetite sexual efeminado, despindo os mozos da flor da súa beleza, e desperdicia o seu comezo da vida en efeminación, que deberían exercitar máis ben o vigor e actos de coraxe; finalmente, porque, parecido a un mal labrador, permite que fértiles e produtivos campos fiquen sen cultivo, provocando que deban continuar estériles, e traballan día e noite cultivando eses campo dos que el nunca espera fruto algún49.

As causas do efeminamento residen, segundo este autor, na promoción social das persoas homosexuais, e, especialmente, o seu cometido de oficiantes no templo. “Eu penso que a causa disto é que entre moitos pobos existen actualmente recompensas que se dan para a intemperancia e o efeminamento. En todos os acontecimentos poden verse homes-mulleres que continuamente andan pavoneándose nas prazas do mercado ao meiodía, e dirixindo as procesións nas festas; e, sendo homes impíos, recibiron por sorteo, o cargo do templo, e presiden os ritos sagrados e de iniciación, e os referidos aos sagrados misterios de Ceres50.  Moitos destes efeminados, segundo Filón, decidiron converterse en eunucos, en alusión aos sacerdotes de Cibeles, os galos, e aos de Artemisa de Éfeso e Astarté fenicia: “Algunhas destas persoas levaron incluso a súa admiración por estes delicados praceres tan lonxe que desexaron cambiar totalmente a súa condición pola de muller, e castráronse a si mesmos e vestíronse a si mesmos con roupas de púrpura, parecido aos que, sendo a causa de grandes bencións para os seus países de orixe, se pasean protexidos por guardas de corpo, rebaixando a todos os que eoncontran”51

Como diciamos na cima, Filón de Alexandría xustifica os meios en aras de conseguir un fin superior nas Interpretacións alegóricas III, e volve a xustificalos tamén en Que se costuma insidiar do pior e do mellor, no que afirma: “Neste aspecto, a min paréceme que todos os homes que non son completamente ineducados escollen ser mutilados e ficar cegos, que ver o que non é conveniente que sexa visto, morrer antes que ouvir discursos perniciosos, e ter a lingua cortada se iso é a única vía de previr dicir cousas, que non deben ser ditas. En todos os casos, din que algúns sabios, cando teñen sido torturados pola roda para facerlles revelar secretos que non era conveniente digno que fosen divulgados, teñen cortado a súa lingua, e así inflixiron aos seus torturadores unha tortura máis pesona que a que eles estaban sufrindo, que non puideron aprender deles o que eles desexaban; e é mellor ser convertido en eunuco que ser apresado na maldade pola furia de pasións ilícitas, porque todas estas cousas, como submerxen a alma en calamidades perniciosas, son seguidas merecidamente por castigos extremos”52. Á mensaxe que transmite Filón neste texto é totalmente inaceptábel como formulación de carácter xeral. Ninguén con un mínimo de dignidade prefire quedar cego que ver cousas que non se deben ver, aínda que un o faga voluntariamente, nin morrer antes que ouvir cousas que un cre inxustas e inaceptábeis, senón os españois xa deberían terse mutilado todos. Esta mensaxe é un pouco parecida á que formula Xesús de Nazaré, cando afirma: “Se a túa man ou o teu pé te escandaliza, córtao e bótao de ti; porque éche mellor entrar na vida manco que coas dúas mans ir á xeena, ao fogo inextinguíbel, onde nin o verme deles morre nin o fogo se extingue. E se o teu ollo te escandaliza, sácao e bótao de ti, porque máis che val entrar con un só ollo na vida que con ambos ollos ser arroxado na xeena do fogo, onde nin o verme deles morre nin o fogo se extingue53. Se os cristiáns tomasen esta mensaxe ao pé da letra, moitos deberían seguir a mutilarse antes de cair no pecado, mais, como vemos, este non é o caso. En realidade, é improcedente cortar unha man, pé ou sacar os ollos, porque non son estes quen pecan, senón quen utiliza estes instrumentos inapropiadamente, que é a nosa mente, a única que ten a posibilidade de delinquir. Por tanto, o que procedería sería aconsellar medidas de autocontrolo, autodominio, autodisciplina, mais non cortar instrumentos que actúan so mandado. O castigo, propio ou alleo, nunca debe consistir na mutilación da propia integridade persoal, salvo quizais en casos patolóxicos para os que non existe outro medio de evitar incorrer no delito, mais nunca por crenzas ou ideoloxías, por moi respeitábeis que estas sexan. En todo caso, consellos desta índole conducen a que moitas persoas irreflexivas ou enfervorizados relixiosos, as practiquen e  cheguen a automutilarse en aras de fantásticos paraísos. O castigo da xeena con que ameaza Xesús aos que escandalizan é un tormento cruel, propio dun deus inmisericorde, que somente se podería comprender no contexto en que el se expresa. A xeena, que etimoloxicamente significa o vale de Hinón ou vale do fillo de Hinón, era unha localidade situada ao sul e leste de Xerusalén54, construída en tempos de  Salomón (970-930)55, onde os devotos sacrificaban os propios meninos e meninas aos deuses Moloch e Baal, queimándoos vivos na praza de Tofet, sección do vale da xeena, afogando os seus gritos de dor con son de tambores ou pandeiretas. O mesmo rei de Xudá, Acab (ca. 734- 715 a. C) sacrificou aos seus fillos56. A sensibilidade moral foi cambiando ante esta práctica atroz e tres séculos e meio máis tarde, no libro de Xeremías, en tempos do rei Iosías, cando os diversos deuses tribais son substituídos polo deus exclusivista da tribo Israel, Iavé, ponse en boca deste a condena desta práctica: “E eles construiron os lugares altos de Tofet, que está no vale de Hinón, para queimar os seus fillos e as súas fillas no fogo, que eu non mandei nin me veu á mente57.

Concibe Filón, consoante coa súa interpretación alegórica da Biblia, que os eunucos son castrados espiritualmente, incapaces de verdadeira sabedoría, ávidos de praceres e, en consecuencia, estériles para as cousas máis necesarias: sensatez, modestia, temperanza, ...  e por iso non dubida en estigmatizalos.  Os desexos excesivos son comparados por Moisés -di- con unha viña, mais con unha viña que produce amargura, maldade, cólera, ... que producen feridas envenenadas completamente incurábeis. “Para estas feridas, rogamos, no entanto, que sexa encontrado un alivio propiciando ao misericordioso Deus, en aras de que el destrua esta viña selvaxe, e condene aos eunucos e a todos os que son estériles en virtude a un castigo eterno, e que, no seu lugar poida implantar na nosa alma as verdadeiras árbores de instrución recta, e poida concedernos  unha nobre e masculina razón e os seus frutos, tal que sexa capaz de producir no seu interior accións boas por meio da semente, e sexa capaz de incrementar as virtudes, e estea calculado para manter e preservar para sempre a total conexión e sistema de felicidade”58. En De migratione Abrahami, afirma que os eunucos e castrados, en canto estériles, representan o politeísmo59, nunha simboloxía alegórica carente de fundamento.

Os eunucos son estériles mentais, ao igual que son estériles para a procriación60, e, en referencia ao copeiro do faraón, di Filón que “é un eunuco cos órgaos da xeración da alma mutilados, un desaloxado dos cuartos dos homes, un exilado dos das mulleres, nin varón nin muller, incapaz de procurar como de recibir semente, un ser neutro e ambiguo, simple remedo do lexítimo cuño humano, sen direito á inmortalidade, a que se renova por sempre mediante as sucesións de fillos e de fillos dos fillos; excluído da asembleia e congregación sagrada, pois está precrito categoricamente que o eunuco e privado dos órgaos da xeración non penetre nela61.
 
 O Talmud, libro que versa sobre as discusións rabínicas sobre tradicións, leis e costumes xudías, é unha parte moi relevante do contexto en que se move Xesús de Nararé. Constitúe a tradición oral, frente á escrita da Torá, e foi redixido ao longo de varios séculos polos rabinos, constituíndo un complemento e explicación da Tanaj, ou sexa, o conxunto dos libros sagrados hebreus: Torá (Pentateuco), Nebi’im (Profetas) e Ketubin (Escritos). Comprende a Mishná (compilación de opinións legais e debates) e a Guemará (análise e debate da Mishná). Distinguía entre os eunucos por natureza e os eunucos feitos por outros, e non menciona o facto dos eunucos voluntarios, ou sexa, os que se autoemasculan por móbiles relixiosos. “Mishnah. R. Joshua declarou: Eu ouvín falar que un saris (eunuco) se submete á halizah (cerimonia de renuncia ao compromiso de contraer matrimonio co irmán do marido morto) e que a halizah se arranxa para a súa muller, e tamén que un saris non se submete á halizah e que a halizah non se arranxa para a súa muller, e eu non son capaz de explicar isto. R. Akiba dixo: eu explicarei: un home convertido en saris submétese á halizah e a halizah arránxase tamén para a súa muller, porque houbo un tempo en que estaba nun estado de capacidade. Un saris por natureza non se submete á halizah e a halizah non se arranxa para a súa muller porque nunca houbo un tempo en que el foi capaz.  R. Eliecer dixo: non é así, senón que un saris por natureza submétese á halizah e a halizah arránxase para a súa muller, porque el pode ser curado. Un saris convertido en tal polos homes non se submete á halizah e a halizah non se arranxa para a súa muller, porque non pode ser curado. R. Joshu B. Bathyra testemuñou en relación a Ben Megosath, que foi un saris convertido en tal polos homes, habitante de Xerusalén. Que á súa muller lle foi permitido casar co levir (irmán do marido), confirmando así a opinión de R. Akiba62. Precisa Eliecer que un saris natural submétese á halizah e a halizaz é arranxada para a súa muller, porque casos desta natureza foron curados en Alexandría de Exipto. 

O levirato consiste na prohibición para a viuva de casar con persoa distinta ao levir ou irmán do seu marido morto: “Cando dous irmáns conviven xuntos, e un deles morre sen deixar fillos, a muller do morto non se casará con un estraño; seu cuñado irá a ela e tomaraa por esposa63. Se este renuncia a desposar a cuñada, ten que submeterse á cerimonia da halizah, que libera á muller do lazo do levirato, e, por tanto, do compromiso de casar con el e lle permite tomar libremente outro home.

Unha das consecuencias da distinción entre o saris natural e o saris castrado consiste en que o primeiro confírelles á esposa o direito de comer das oferendas celestes mentres que o segundo non. A razón de conferir o direito a comer a terumah reside no poder de procriación que pode ter un saris. Alguén que pode procriar confire ese direito e se non pode procriar non llo condede: “Se un sacerdote que era un saris (eunuco) por natureza (nacido eunuco) desposa a filla dun israelita, recoñecelle o direito de comer terumah (oferenda). R. Jose and R. Simeon declararon: Se un sacerdote que era un hermafrodita desposa a filla dun israelita, confírelle o direito para comer terumah. ... Guemara. ... Podería ser asumido que somente quen é capaz de propagación está lexitimado para conferir o direito de comer; por iso, pensamos (que inclusive o saris pode conceder o direito)64. Como podemos observar, os sacerdotes eunucos por natureza ou  hermafroditas, non só poden casar senón tamén conferir o direito de comer da oferenda.  

Constatamos que os dous intérpretes do texto supracitado manifestan pareceres distintos tanto sobre quen se submete á halizah como sobre os motivos, o cal indica que a nivel social a cuestión non estaba nada clara. Cumpre destacar un matiz na resposta de Eliecer que ten unha importancia relevante para entender que se entende por saris natural, que consiste en que este pode ser curado mentres que o que foi castrado polos homes non pode. Isto indica que un saris natural non pode ser, segundo Eliecer, un castrado polos homes nin un homosexual, senón alguén que sofre unha doenza que o imposibilita temporalmente mais que pode ser superada. O que cumpre é especificar cales son as doenzas conxénitas xenitais que que poden ser curadas para saber quen son os eunucos naturais, porén antes necesitamos saber cales son os síntomas que lles eran atribuídos. 

O Talmud define os eunucos naturais de diversos modos: a) Unha persoa que ten vinte anos e aínda non produciu dúas penuxes púbicas; b) aquel que as produciu mais que acredita ser eunuco en todos os aspectos, e estas serían as súas características: non ten barba, a súa penuxe é lisa, o seu cute está sen pelos; c) aquel cuxa urina non produce escuma ou aquel que urina sen formar un arco; d) o que ten o semen augado; e) aquel co que o corpo non produce vapor de auga despois do baño en inverno; f) aquel con voz anormal que non pode distinguirse se é dun home ou dunha muller. Como podemos observar, parece tratarse disfuncións endocrinas que producen atrasos no desenvolvimento psicofisiolóxico; de casos de hipogonadismo, ou sexa, dunha produción deficiente de hormona sexual por parte dos testículos ou ovarios que cando se produce polo seu seu funcionamento anormal recibe o nome de hipogonadismo primario ou hipogonadotrópico, e se se debe a unha deficiente estimulación das gónadas pola hipófise ou o hipotálamo, recibe o nome de hipogonadismo secundario ou hipergonadotrópico. A testosterona inflúe no desenvolvemento e maduración dos orgaos xenitais, na distribución da graxa corporal, na fortaleza da masa ósea, no ton grave da voz, no funcionamento e desexo sexuais, na fertilidade, no desenvolmento do cabelo, pel, ósos, músculos, cerebro, ... Estes son os síntomas que caracterizan o eunuquismo natural.

1 Isa. 56,3.
Dt. 23,1
3 Xe. 1, 22; 1, 28.
Lev. 22,24-25
5 Deut. 25,11-12.
Dt. 22,5.
7 Lev. 18,22; 20, 13; Rom. 1,26.27; IC or. 6,9-10; I Tim 1,9-10; Xud. 7.
8 Lev. 18, 22.
9 Lev. 20,13.
10  Xe. 39,4-5
11  Xe. 37,36; Xe: 40, 2, 7
12 Xen. 40, 2-4.
13  FILÓN DE ALEXANDRÍA, Interpretacións Alegóricas, III, 84, 236-237.
14 FILÓN DE ALEXANDRÍA, De mutatione nominum, XXXII, 173.
15 FILÓN DE ALEXANDRÍA, Sobre Xosé, quer dicir, a vida do home de estado, XII, 59-60
16 FLAVIO XOSEFO, TITO, Lib. IV, cap. VIII, 40 (237-239)
17 I Samuel, 8,15.. Cf. FLAVIO XOSEFO, TITO, Antigüidades xudaiicas, Lib. VI, cap. 3, 5 (42)
18  I Cr. 28,1
19  I Re. 22,9. Cf. II Cro. 18,8.
20 FLAVIO XOSEFO, TITO, Antigüidades xudaicas, lib. VIII, 15,4.
21  II Re. 9,32
22  II Re. 8,6
23 II Re. 9,30-33.
24  II Re. 20,18. Cf. Isa. 39,7.
25  II Re. 18,17
26  Dan. 1,3. Cf. FLAVIO XOSEFO, TITO, Antigüidades xudaicas, Lib. X, cap. X, 1.
27 Dan. 1, 7-11, 18.
28 Xud. Cap. 12.
29  II Re. 23,11
30 Xer. 34,19.
31 Xer. 29,2.
32 II Re. 24,15.
33 Xer. 38,7
34  Xer. 38,2-3.
35  Xer. 38,7-13.
36 Xer. 41,16.
37 II Re. 25,19. Cf. Xer. 52,25. Cf. Cf. FLAVIO XOSEFO, TITO, Antigüidades xudaicas, lib. X,, cap. II, 5  .
38 FLAVIO XOSEFO, TITO, Antigüidades xudaicas, lib. X,, cap. IX 5. Cf. Xer. 41.
39  Isa. 56, 3-5. Cf. Sa. 3,14.
40 Sab. 3,14.
41 FLAVIO XOSEFO, TITO, Antigüidades xudaicas, lib. XVI, cap. VIII, 1.
42 FLAVIO XOSEFO, TITO, Antigüidades xudaicas, Lib. 15, cap. 7,4.
43 FLAVIO XOSEFO, TITO, Antigüidades xudaicas, Lib.XVI, cap.VIII,1.
44 FLAVIO XOSEFO, TITO, Antigüidades xudaicas, lib. XVII, cap. II, 4.
45 Fac. 12,20.
46 FILÓN DE ALEXANDRÍA, As leis especiais, III, VII, 37. Cf. Lev. XVIII, 22. Ver Sobre Abraham 135 y 136 e Sobre a vida contemplativa    59 a 62.
47 FILÓN DE ALEXANDRÍA, As leis especiais, III, VII, 38.
48 In Wikipedia, «1,500 Animal Species Practice Homosexuality». News-medical.net (2006-10-23). 
49 FILÓN DE ALEXANDRÍA, As leis especiais, III, VII, 39
50  FILÓN DE ALEXANDRÍA, As leis especiais, III, VII, 40
51 FILÓN DE ALEXANDRÍA, As leis especiais, III, VII, 41.
52  FILÓN DE ALEXANDRÍA, Que se costuma insidiar do pior e do mellor, XLVIII, 175-176.
53 Mc. 9, 43-48. Cf.  Mt. 18, 8-9;  Mt. 5, 29-30.
54 Xo. 15, 8.
55 II Re. 23,13.
56 Cr. 28, 3; 33, 6.
57 Xer. 7, 31. Cf. 19, 2-6.
58 FILÓN DE ALEXANDRÍA, Sobre a embriaguez,, LIII, 224.
59 FILÓN D ALEXANRÍA, Sobre a migración de Abrahan, XII, 69.
60  FILÓN DE ALEXANDRÍA, De mutatione nominum, XXXIVI, 205.
61 FILÓN DE ALEXANDRÍA, Sobre os soños enviados por Deus, XXVII, 184.
62  O Talmud de Babilonia, Yebamoth, II, 79b  ss.
63  Dt. 25, 5.
64  O Talmud de Babilonia, Yebamoth II, 81a

19 nov 2013

EUNUCOS POLO REINO DOS CEUS E DOS PODEROSOS (03)


06.- Os eunucos en Asia Menor : Sacerdotes de Cibeles e Atis, Hecate

Cibeles

A relixión da deusa mai, grande mai ou Magna Mater é unha das máis lonxevas. Cibeles foi venerada en Anatolia, nome que tamén se aplica a Asia Menor, na área de Galacia, Frixia e Lidia, desde o neolítico, mentres que Atis recibiu culto desde o 1200 a.C. e os seus sacerdotes tamén eran emasculados. A información máis antiga data do ano seis mil a.C., como se pode constatar por unha estatueta de terracota achado en Catal Huiuk, Turquía, correspondente a esta data. Desde Asia Menor, o culto a Cibeles estendeuse, desde o século VIII, por todo o Mediterráneo e no ano 204 a. C. a deusa foi introducido en Roma, so a forma dun aerolito negro, para cumprimentar o estatuído nos libros sibilinos que predicían que era o requisito para vencer a Anibal.  Era coñecida en formas diversas, como nos narra Apuleio: “Os primitivos frixios chámanme Pesinunte, Mai dos deuses; os autóctonos atenienses Cecropeia Minerva; os illeus de Chipre Venus Pafia; para os arqueiros cretenses son Ditima Diana; para os trilingües sicilianos Estixia Proserpina; para os antigos eleusinos Actea Ceres; para outros Xuno; para outros Belona; para estes Hecate; para eses Ranusia; aqueles etíopes, tanto os que son iluminados polos raios do deus sol nacente como dos que se inclinan do occidente, ambos versados na antiga doutrina de Exipto, cando celebran as súas cerimonias propias chámanme polo verdadeiro nome, raiña Isis1.  

Os frixios eran un pobo indoeuropeu que, cara ao 1200 a.C., ocuparon e deron nome a Frixia en Asia Menor, e con eles carretaron a deusa Cibeles, á que representaban so a forma de pedra negra de Pesino, estadio anterior, segundo algúns autores, á representación icónica dos deuses. A procedencia astral da pedra incita ao misterio e ao sobrecollimento. Os coribantes, de Coriba ou Atis, sacerdotes e seguidores desta deusa da maternidade, a frixia Cibeles, a Grande Mai e Mater deorum, chamados galli (galos), eran eunucos, ao igual que os sacerdotes da deusa pregrega Artemisa, en moitos aspectos coincidente con Cibeles. O seu nome deriva do río frixio Gallus, afluente do Sangarios, en Anatolia, Turquía, que pasa perto do templo de Cibeles, e, segundo a lenda, os que beben das súas augas entran en estado de delirio e autoemascúlanse. Os coribantes eran bailaríns que celebraban o culto de Cibeles revestidos con un casco e tocando o tamboril e danzando. Tiñan os seus equivalentes nos curetes, que eran nove bailaríns armados adoradores da deusa cretense Rea, esposa de Cronos e mai de Zeus, equivalente de Cibeles, coa que comparte os títulos de Magna Mater e Mater deorum. Como afirma o renomado poeta e intelectual da Libraría de Alexandría, o grego de Cirene, Calímaco (310-305 a.C.) “E os curetes danzan enerxicamente a danza guerreira arredor del, entrechocando as súas armaduras, para que Crono ouvise nos seus ouvidos o son do escudo e non ouvise os gritos do seu infante”2, Zeus, ao que pretendía devorar. Rea, filla de Urano e de Gaia, estaba molesta co seu esposo Cronos poeque este mataba os seus fillos en canto nacesen. Cando naceu Zeus, Rea deulle a Cronos unha pedra envolta en pañais que este comeu de seguida, ao tempo que escondeu a Zeus nunha cova do monte Ida, en Creta, e unha vez crecido, obrigoulle a Crono a regurxitar os fillos que tragara, cando se viu forzado a regurxitar a pedra. O escritor cristián greco-bizantino do s. V, Pseudo Nonnos narranos a autoemasculación dos seus devotos do seguinte xeito: “En Frixia era venerada Rea, a mai dos deuses, -de Zeus, de Poseidón, de Plutón e de Hera. Rea era a mai destes deuses e muller de Crono. Ela tivo, entón, certa festa en Frixia. E cando enlouquecidos ou posuídos -(isto é) aqueles que están iniciados e estaban fóra da súa razón, cortábanse a si propios con espadas, sen darse conta que se estaban cortando a si mesmos. E usaban para tocar certas frautas de cana que os encantaban e excitaban para o corte. E até agora, certos pagáns na montaña de Caria córtanse sen pensar, mantendo vivo este antigo costume”3.

Cibeles, filla de Uranos e esposa de Saturno, era a deusa Mai Terra e, ao igual que Gaia, ou a súa equivalente minoica Rea, era a deusa da natureza, da fértil terra e señora dos animais, título que tamén se daba á deusa Rea, da que Cibeles é unha especie de encarnación, e Artemisa. Foi unha divindade de vida, morte e resurreición, que tivo como consorte a Atis, nacido milagrosamente de Nana, unha ninfa virxe, filla do deus-río Sangario, que o concibiu após poñerse unha alméndoa no seu seo, extraída da amendoeiro surxida do sangue de Acdestis, e ao que abandonou despois de alumiado, sendo alimentado por un bode (castrón). Divulgou en Lidia as orxías na honra da Mai dos deuses. Outra versión deste conto oriental di que Acdestis foi produto do seme depositado por Zeus nunha rocha após os seus infrutuosos intentos de copular coa súa mai Cibeles. Deste seme naceu o violento Acdestis, que Dionisio embriagou e castrou. Do sangue deste brotou unha romaceira que Nana puxo no seu seo concibindo o que sería o seu fillo Atis, amado por Acdestis e por Cibeles, e quer por ter casado con Ia, filla do rei Pesinunte quer por terse namorado dunha ninfa, e ter mantido relacións sexuais con ela, Acdestis presentouse no banquete e Atis enloquecido renunciou á súa virilidade e morre, surtindo un efeito de chamada para a emasculación dos galos. Alén desta lenda, que explica a morte de Atis pola cólera ciumenta de Acdestis, que estaba prendado del a causa da súa extraordinaria fermosura, existe outra, transmitida por Herodoto4 que explica a súa morte como consecuencia do ataque dun porco bravo, encarnación do espírito da vexetación, suscitado por obra de Zeus, ciumento por ter expandido Atis o culto de Cibeles por Lidia.

Atis
Arnobio de Sicca explica como se produciu a autoemasculación e morte de Atis como consecuencia do ataque de ciumes de Acdestis, por terse decidido Atis pola esposa e marxinalo a el, na súa obra Adversus Nationes: “Acdestis, rebentando de ira, por terse afastado de si o mociño e derivado cara ao seu desexo da muller, inspirou furor e loucura en todos os hóspedes; os frixios, cheos de pavor, conclaman: adora!, adora!; as fillas da concubina dos galos cortáronse os peitos, e Atis agarrou a frauta que levaba o instigador da loucura, e xa cheo de furor, e axitándose, finalmente deitouse e so un piñeiro castrou os xenitais dicindo: «Ten isto para ti Acdestis, porque concitaches tantos movimentos de crises furiais». Co regato de sangue perdeu a vida, mais as partes que foron cortadas recolleunas e lavounas a Grande Mai dos deuses, e botounas na terra, como estaban, cubertas antes cos vestidos e o envoltorio do defunto. Do fluxo de sangue nace unha flor violeta e foi rodeada por esta unha árbore, de onde naceu e se orixinou o velar e coroar os piñeiros sagrados5. A morte de Atis é benfeitora porque do seu sangue procede nova vida, a vida da natureza.

Segundo unha historia contada a Luciano por un home sabio, este afirmou “que os galos que hai no templo non se castraron en honor de Xuno (Hera), senón de Rea (Cibeles). E isto en imitación de Atis. Todo isto paréceme máis ilusoiro que verdadeiro, porque eu ouvín diferentes e máis críbeis razóns alegadas para a súa castración6. Atis, criado amante de Cibeles,  autoemasculouse, segundo Luciano, nun ataque de loucura ou como un desexo de preservar unha absoluta castidade. Eis o texto de Luciano: “Agora este Atis é de nacimento un lidio, e el cantou o primeiro os agrados misterios de Rea (Cibeles). O ritual dos frixios e dos lidios foi totalmente  aprendido por Atis. Cando Rea o privou dos seus poderes, prescindiu da súa vestimenta principal asumiu a aparencia dunha muller e o seu vestiario, e deambulando por toda a  terra executou os seus misteriosos ritos, narrando os seus sufrimentos e cantando os eloxios de Rea. No curso da súa vagabundaxe pasou tamén a Siria. Dado que os homes alén do Eúfrates non o aceptan a el nin os seus ritos, estabeleceu o santuario nesta localidade. Aquí está a proba. A deusa é similar en moitos aspectos a Rea, porque condúcena animais, ela sostén un tímpano e usa unha torre sobre a súa cabeza, xusto como os lidios pintan a Rea. O home sabio tamén dixo a respeito dos galos que están no templo, que os galos nunca se castran a si mesmo por Hera, mais que o fan por Rea e tamén imitan a Atis. Esta explicación paréceme plausíbel mais falsa, dado que ouvín razón para a castración que é moito mías críbel7.

O centro de culto de Cibeles-Atis estaba en Pesino onde os devotos de Cibeles (Rea) cástranse a imitación de Atis, converténdose así en sacerdotes da deusa ou galos, así chamados por rememorar a autocastración de Galles, primeiro varón que se autoemasculou para poder ser sacerdote da deusa Mai e do seu paredro evirado Atis. Desenvólvese asi: “Nos días sinalados, a multidume reúnese no templo. Un grande número de galos, e os homes dos que se falou, comezan as cerimonias, golpeándose os brazos e baténdose uns a outros. Durante este tempo, numerosos músicos, ao seu lado, tocan a frauta, baten o tambor, cantan versos inspirados e cánticos sagrados. Estas cerimonias realízanse fóra do templo: os que as practican non entran nel. É nestes días que se fan os galos. Mentres que o resto toca a frauta e celebra as orxías, algúns entran en delirio, e bastantes, que non viñeran máis que por ver, déixanse ir ao que vou dicir. O mozo decidido a facer este sacrificio saca a súa vestimenta, colócase no centro da asemblea emitindo grandes gritos, colle un coitelo reservado, creo eu, para este uso despois de moitos anos, cástrase el propio, e corre por toda a vila sustendo na man o que cortou. A casa, sexa cal sexa, onde el bota o que sostiña, proveo de vestidos e adornos de muller. Isto é o que fan na castración8. Cando os galos morren reciben un trato especial: “Cando un galo morre, os seus funerais non se fan como os dos outros homes. Un galo unha vez morto, é erguido e levado polos seus colegas aos arrabaldes da cidade; alí é depositado co ataude no que foi carretado, cúbreno de pedras e márchan. Somente entran no templo ao cabo de sete días. Se entran antes, cometen sacrilexio. Eis as regras que observan a este respeito: quen viu un morto non vén ao templo ese día; ao día seguinte non vai sen terse purificado. Os parentes do defunto, somente poden acercarse aos misterios despois de terse abstido durante trinta días e terse afeitado a cabeza. Antes diso non lle é permitido entrar9.

De Caria ou Anatolia, Asia Menor, era tamén oriunda a deusa dos partos e terras selvaxes, Hecate, aínda que posteriormente o seu culto estendeuse por toda Grecia. O seu santuario máis importante estaba en Laxina, cidade-estado teocrática, na rexión de Estratonicea, no que se celebraba unha asemblea anual con sacerdotes eunucos de oficiantes. Tamén tiña outro santuario no recinto da deusa Artemisa en Éfeso, onde tamén era atendida por sacerdotes eunucos ou megabizos10

En Hierápolis, Siria, clérigos eunucos, afeitados e con vestimenta feminina celebran os ritos cultuais en honor da deusa Atargatis, deusa da xeración e da fertilidade, identificada coa grega Afrodite, e máis tarde fundida coa siria Astarté, da que o culto se estendeu posteriormente por Grecia e Roma11. Inicialmente era unha deusa mariña, mais co tempo convértese nunha deusa da natureza, semellante a Cibeles e Rea. Eran enuncos os sacerdotes prostitutos de Hierápolis, no templo da deusa fenicia Astarté, que se corresponde coa sumeria Inanna e a acadia Ishtar. Eis o que nos relata Luciano de Samosata a respeito deste templo de Hierápolis, na provincia de Alepo, en Siria, onde se rende culto, entre outros, á deusa dos partos, Xuno (Hera), a asiria, Derceto (Atargatis), a filla de Derceto, Semiramis, e Estratonice. “Os sacerdotes son moi numerosos; uns degolan as vítimas, outros levan as libacións, outros son chamados portadores de fogo e algúns asistentes. Na miña presenza había máis de trescentos que viñan aos sacrificios. Os seus vestidos son brancos, e teñen un chapeu de feltro na cabeza. Cada ano noméase un soberano pontífice; é o único que se viste de púrpura, con unha tiara de ouro. Hai tamén unha serie de persoas ligadas ao culto: os frautistas, os gaiteiros, os galos, mulleres furiosas e fanáticas. O sacrificio celébrase dúas veces por día; asiste todo o mundo. Sacrífícase a Xúpiter en silencio, sen canto nin frautas; mais cando se inmola a Xuno, cántase, tócase a frauta, bátense matracas. Non se me puido dicir claramente o porqué”12.


07.- O eunuquismo na sociedade greco-helenística


A castración está presente na teogonía de Hesíodo (s.VIII/VII a.C.), cadmeo oriundo de Asia Menor, no mito da castración de Urano, Ceu, fillo e esposo de Gaia, a Terra, que uníndose con el da a luz ao Océano e, entre outros, ao astuto Saturno, inimigo do seu pai. Gaia e Urano tiveron áinda tres fillos máis: Coto, Briareo e Xixés, de forza inmensa, aos que seu pai escondeu nas profundidades da terra privándoos de luz, conduta cualificaada como acción indigna pola súa consorte Gaia, que decide vingala por mediación de Saturno (Cronos). A este efeito ocultouno nunha emboscada e ponlle na man a fouce de dentes cortantes. “O grande Urano chega traendo a Noite, e animado de desexo amoroso, esténdese sobre Gaia en toda a súa extensión. Entón o seu fillo, saído da emboscada, agarrouno coa man esquerda, e coa direita, axitando a fouce enorme, longa e acerada, apresouse a cortar o órgao viril do seu pai e arroxouno detrás de si. Non foi en van que este órgao caise da súa man: todas as gotas de sangue que pingaron del, recolleunas Gaia, e completados os anos, ela produciu as temidas Furias, os Xigantes monstruosos, ... Saturno mutilou de novo coa fouce o membro que xa cortara e lanzouno desde a costa nas ondas axitadas de Ponto13, e desa branca espuma surxe unha moza, que os deuses e os homes chaman Afrodita. Neste mito Saturno leva a cabo unha acción encomiábel en castigo dunha conduta indigna, e, por conseguinte, como castigo por un mal comportamento. Como as relixións son trasunto da sociedade, isto indica que a esa altura, en Grecia, era practicado e aprobado a práctica da castración como castigo. O segundo paso será realizala en persoas inocentes coa finalidade de procurar individuos que non sexan machos e que satisfagan as pulsións sexuais dos machos e intereses dos poderosos. Este mito é anterior á instalación dos hititas en Anatolia, entre os séculos XVIII-XII a.C., pois xa aparece no mito hurrita da criación no que Kumarbis corta os xenitais de Anu, e, segundo algúns autores, podería ser inspirado dos guerreiros gallas de África oriental que combaten con unha fouce en miniatura para castrar aos seus inimigos.

En toda Grecia, especialmente en Éfeso, rendían culto á deusa Artemisa, filla de Zeus e Leto, Señora dos animais, deusa da terra e da fertilidade, que algúns consideran pregrega, oficiado por sacerdotes eunucos ou megabizos. Os sacerdotes regalaban á deusa o seu poder masculino e no día da súa festividade, nun ambiente de enorme entusiasmo e orxía, embriagados de incenso, viño, música e cánticos, desembaiñaban os seus puñais e evirábanse publicamente.

No século VI a.C. introduciuse o culto de Cibeles en Grecia, estendéndose rapidamente pola Ática e o Peloponeso, recibindo do monte frixio Dindimo o nome de Dindimena, como nos relata o historiador e xeógrafo do século II d. C., Pausanias, transmisor tamén do mito de Acdestis, baseado nun conto oriental. Lembramos que Hermesianas era un poeta grego, natural de Colofón, do século IV a. C., e, por tanto contemporáneo de Filipo e Alexandre Magno. “Os dimeos teñen no seu país un templo e unha estatua de Minerva moi antiga; teñen tamén outro templo dedicado a Dindimena e a Atis. Quen era este Atis? É un misterio, e eu non cheguei a sabelo. Hermesianas, poeta elexíaco, dixo nos seus versos que era o fillo de Casaüs, frixio, e que a súa mai o parira incapaz de reproducirse. Cando se fixo maior, foi, segundo Hermesianas, estabelecerse na Lidia, fixo coñecer aos lidios os misterios da Mai dos Deuses, e deveu tan querido para esta deusa, que Xúpiter, indignado contra ela, enviou un porco bravo desvastar os campos dos lidios; moitos deles e Atis mesmo foron matados por este porco bravo. É por unha tradición deste estilo que os gálatas de Pesinunte se absteñen totalmente do porco. Porén non contan do mesmo xeito a historia de Atis; teñen a este respeito outra tradición que lles é propia. Din que Xúpiter dormido tivo unha exaculación, e que a súa semente caeu sobre a terra, que, ao cabo de certo tempo, deu a luz un xenio que tiña os dous sexos; din que se lle chamou Acdestis. Como inspiraba moito temor aos deuses, cortáronlle as partes virís; destas partes naceu unha amendoeira. Cando os seus frutos estiveron maduros, a filla do río Sangario colleunos, e meteunos no seu seo; mais estes frutos desapareceron de seguida, e ela quedou embarazada. Despois do seu parto, un bode coidou do seu fillo, que ela expuxera, e como medrando deviña dunha beleza máis que humana, Acdestis namorouse del. Atis tendo chegado á idade viril, os seus pais enviárono a Pesinunte, para casar coa filla do rei; cantábase xa o himeneu, cando Acdestis volveu, e Atis devido furioso, cortouse as partes virís; o pai da filla fixo o mesmo. Acdestis arrepentiuse moi pronto do que lle fixera a Atis, e obtivo de Xúpiter que ningunha parte do seu corpo se puidese apodrecer nin desecar14.

Segundo Herodoto, o tirano de Corinto e un dos sete sabios de Grecia, Periandro (633-585), enviaba ao rei de Sardes, Lidia, Aliates, trescentos mozos, escollidos entre as mellores familias de Corcira, para ser emasculados, aducindo aducindo este como razón que fora obxecto dunha ultraxe. “Periandro, fillo de Cipselo, enviaba a Aliates, a Sardes, trescentos meniños das mellores casas de Corcira, para convertelos en eunucos. Os corintios que os conducían, tendo sido abordados en Samos, os samianos foron de seguida instruídos do motivo polo que se conducía estes meniños. Aprendéronlle antes de nada a abrazar o templo de Diana en cualidade de suplicantes; despois do cal non quixeron xamais permitir que fosen arrancados de aí15.

Conta Arriano de Nicomedia que o eunuco Batis, de Gaza, se negou a submeterse a Alexandre, obrigándoo a entrar en guerra para capturar a cidade, que caerá ao cuarto asalto. “Alexandre decidiu facer unha expedición ao interior de Exipto. Todas as outras partes do que se chama Palestina siria submetéronselle, mais un certo  eunuco, chamado Batis, que estaba en posesión de Gaza, non lle fixo caso; senón que procurando mercenarios arabes, e tendo empregado longo tempo en armacenar suficiente comida para un asedio longo, resolveu non recibir a Alexandre na cidade, sentíndose seguro de que a praza nunca sería tomada por asalto16.   O exército de Alexandre derrotou a Darío III na batalla de Isos, hoxe Turquía, en novembro do 333, e o imperador persa estaba preocupado pola sorte da súa esposa e fillos, mais un eunuco da súa esposa notifícalle que están recibindo un trato magnífico de Alexandre. “En relación a este tema hai unha historia que circula que pouco despois da batalla que se combateu en Isos entre Darío e Alexandre, o eunuco que era o guarda da muller de Darío escapou e veu a el. Cando Darío viu este home, a súa primeira pergunta foi, se os seus fillos, muller e mai estaban vivos, descubrindo que non só estaban vivos senón que eran chamadas raíñas, e desfrutaban do mesmo servizo persoal e atención que a que costumaban ter so a dirección de Darío. Este fixo unha segunda pergunta, se a súa esposa era aínda casta. Cando averigou que permancía así, perguntou de novo se Alexandre exercera algunha violencia contra ela para satisfacer a súa concupiscencia. O eunuco prestou un xuramento e dixo: «Ó rei, a túa muller está xustamente como ti a deixaches; e Alexandre é o mellor e máis casto dos homes»17. Alexandre Magno volveu de Exipto por Fenicia e, segundo Plutarco, cando estaba aínda nesta comunidade, escribiulle o último rei aqueménida, Darío III Codomano (380-330), para proporlle relacións amicais a cambio de oferecerlle dez mil talentos para o resgate dos prisioneiros, os terrenos de aquén do Eufrates e unha das súas fillas, mais Alexandre non o aceptou e ameazou con ir tras el se non se entregaba. “Mais, pronto o sentiu de terlle escrito neses termos, porque a esposa de Darío morreu de parto; el mostrou todos os sinais dunha verdadeira dor e sentiu ter perdido unha ocación tan boa para facerlle coñecer toda a súa dozura. Non escatimou nada para facerlle a esta raíña os funerais máis magníficos. Un dos eunucos do cuarto, chamado Tireo, que tiña sido feito prisioneiro coas princesas, escapándose do campo, correu a galope para comunicarlle a Darío a morte da raíña”18. Despois da expedición á India, os problemas acumúlanse para Alexandre. Surxen discrepancias no exército, morre o seu amado Hefesto, e reitéranse augurios sobre a súa próxima morte. “El estaba distribuíndo o exército que veu con Peucestas de Persia, e o que veu con Filoxeno e Menandro desde o mar, entre as liñas macedonias, e sentiuse sedento e retirouse do seu asento e así deixou o trono real vacío. De cada lado do trono había sofás con pés de prata, sobre os que estaban sentados os seus compañeiros persoais. Un certo home de obscura condición (algúns din que estaba noutros tempos baixo guarda sen estar en prisón), vendo o trono e os sofás vacios, e os eunucos estando arredor do trono (porque os compañeiros tamén se levantaron dos seus sofás co rei cando se retirou) camiñou a través da liña dos eunucos, ascendeu ao trono e sentouse sobre el. Consoante coa lei persa, non o fixeron levantar do trono, mais rasgaron as súas vestiduras e bateron o seu peito e cara como se fose a causa dun grande infortunio19.

Durante o reinado dos seleucos, adquiriu clebridade o eunuco Combabo (s. III a. C), favorito do rei seleucida, algúns din que de Seleuco e outros do seu fillo Antíoco I Soter, ambos esposos sucesivos da bela Estratónice, que temendo ser vítima de acusacións infundadas de cohabitación coa raíña, emasculouse, e envíoulle ao rei nunha caixa selada os atributos da súa virilidade. Os dous, Combabo e Estratonice, foron enviados polo rei a Hierápolis para construír un templo en honor de Rea, misión que lle fora encomendada por esta, mais chegaron, por terceiros, aos ouvidos do rei historias do seu amor, ou segundo algúns, a propia Estratónice, ao non responder Combado ás súas incitacións denunciouno por atentado á súa modestia, e, acusado de adulterio, abuso de confianza e blasfemia á deusa, foi condenado a morte, da que se libraría ao pedir ao rei que abrise a caixa coa proba da súa impotencia. “Isto é o que eu temía, ó Rei, cando me encomendaches esta xestión: eu marchei con tristeza, e fixen o meu deber, constrinxido por pura necesidade. Obedecín ao meu señor e chefe até a miña propia perdición. Tal como son, fun acusado dun crime que somente un home no seu pleno sentido pode ter cometido20. En sinal de desagravio, o rei colmouno de favores e mandou construír unha estatua no templo na súa honra, con forma dunha Muller e roupas de home. “Dise tamén que os seus máis íntimos amigos, como proba da súa simpatía, se autoemascularon como el, e escolleron a mesma maneira de vida. Outros meten os deuses na historia e afirman que Combabo era amado por Hera, e isto foi o  que inspirou a moitos coa idea da autoemasculación, de tal modo que non fosen os seus amantes os únicos que lamentasen a perda da súa virilidade. Entretanto o costume unha vez adoptado pervive inclusive até hoxe, e moitas persoas autoemascúlanse cada ano e perden as súas capacidades virís, sexa por simpatía con Combabo, ou para obter o favor de Hera. Eles autoemascúlanse e deixan de levar roupa de home, visten de muller e realizan tarefas de muller21.

1APULEIO, O asno de ouro, Lib. XI, 5.
2 CALÍMACO, Hino a Zeus, IV, 52. Cf. Ovidio, Faustos, IV, 207-208.
3 PSEUDO-NONNUS, Epifanía, 2 (Escolio)
4  HERODOTO, Historias, Lib. I, 34-45.
5 ARNOBIO DE CICCA, Adversus nationes, Lib. V, 7, 2-3.
6  LUCIANO DE SAMOSATA, A deusa siria, 15.
7  LUCIANO DE SAMOSATA, A deusa siria, 15.
8  LUCIANO DE SAMOSATA, A deusa siria, 50-51.
9 LUCIANO DE SAMOSATA, A deusa siria, 52-53.
10 Estrabón,  Xeografía, xiv.2.25
11  The Encyclopedia of Religion, Mircea Eliade, Macmillan Publishing Company, New York, 1986, t. 3, p. 111.
12 LUCIANO DE SAMOSATA, A deusa siria, 42-44.
13 HESÍODO, Teogonia, 176 ss.
14 PAUSANIAS, Descrición de Grecia. Acaia, lib. VII, cap. 17, 9-12.
15  Herodoto, Historias, Lib. III, 48
16 ARRIANO DE NICOMEDIA, Anabasis, lib. II, cap. 25.
17 ARRIANO DE NICOMEDIA, Anabasis, lib. IV, cap. 20
18  PLUTARCO, Vida de Alexandre, 30.
19  ARRIANO DE NICOMEDIA, Anabasis, lib. VII, cap. 24
20  LUCIANO DE SAMOSATA, A deusa siria, 25.
21  LUCIANO DE SAMOSATA, A deusa siria, 26-27.


14 nov 2013

02.- Eunucos polo reino dos céus e dos poderosos

                Ramom Varela Punhal

              

2.- Conceito, classes, causas e funções dos eunucos


               2.1.- Noção de eunuco
   
               Algumas das práticas que limitam o vigor e integridade psicofísica são, além das menos graves, mortificações e flagelações quaresmais, circuncisões, etc., a ablação sexual feminina, ainda tão vigorante em muitos países, e o eunuquismo, felizmente já decadente. Hoje imos clarificar os conceitos para depois falar desta última prática no mundo antigo, e especialmente na cultura judeu-cristã, pola incidência que teve no mundo ocidental.

               A palavra eunuco deriva do grego eunoukhos, composta de «eune» (cama) e ekheim (ter, levar, administrar, cuidar). Portanto, etimologicamente significa o que cuida da cama, o que está ao cuidado do harém. A palavra hebreia saris deriva do acádio sha reshi, «o que é chefe», referido aos oficiais que servem o rei, e mais tarde passou a significar «converter-se num eunuco», e, a partir do primeiro milênio, referiu-se aos oficiais castrados. Recebeu nomes próprios em cada um dos territórios em que se praticava: kurgarru, entre os sumérios; assinnu, entre os acádios; ishtaritu e girsequ, entre os babilônios e galli, entre os romanos. Os romanos distinguiam os spadones, que, privados dum testículo, podiam manter relações sexuais, casar e engendrar, e os thladiae ou thlasiae, que tinham os testículos atrofiados pola torção ainda que a vezes podiam engendrar. Autores como Marine Gasc defendem que “os spadones são adolescentes a quem se lhe cortaram os testículos na idade da adolescência para que pudessem ter um pene funcional. Vantagem: os spadones podem deitar-se com mulheres sem emprenhá-las. Os inconvenientes: têm uma velhice acrescentada. Os thlasiae são meninos de pouca idade, têm menos de três anos e se lhe cortam os testículos1, mas esta classificação é muito local, pois os thlibias faziam-se eunucos por compressão, e os thlasiae, por machucação por seção, corte, machucação, enquanto que os thlasiae são os que se fazem eunucos por compressão. Os spadones é uma denominação por castrados ou estéreis. O jurisconsulto Paulo, que viveu nos reinados de Septímio Severo e Caracalha (193-217), afirma que “os que fazem uma pessoa impotente estão, pola constituição do divino Adriano, dirigida a Nímio Hastra, na mesma classe que os que realizam castração2.

               Segundo o Digest de Justiniano (483-565), “O nome de eunuco é um termo geral que compreende os que som eunucos por natureza (que nascem eunucos), os que são feitos eunucos (por compressão ou seção), assim como qualquer outra classe de eunucos seja qual for3. No primeiro lugar, situa os eunucos por natureza, que seriam os que já nascem assim seja por defeito congênito, golpe intra-uterino, atrofia, trauma puerperal, hipogonadismo, torção testicular, cancro de testículos, papeiras,... Por vezes também se aplica o nome de eunuco natural aos que nascem com testículos, mas que lhe foram extirpados após o nascimento, tal e como se desprende do seguinte texto de Ovídio, dirigindo-se a Bágoas, o escravo eunuco de Corina: “¡Ai de mim, pois ti, não és homem nem mulher, vigias à minha dona e não podes conhecer as alegrias recíprocas de Venus. O primeiro que cortou aos meninos os genitais deveu ele sofrer as mesmas feridas que fez. Serias comprazente e acessível aos rogos, se te tivesses exacerbado de amor por alguma mulher. Não nasceste ti para montar a cabalo, nem és bom para empunhar as armas pesadas, nem à tua destra convém uma dança guerreira. Que os machos se ocupem dessas cousas; ti, abandona as esperanças viris: deves ter a mesma bandeira que a tua senhora. Compraz-la com os teus serviços e que o teu favor resulte proveitoso; sem ela, qual seria a tua utilidade?”4. Neste texto Ovídio refere-se aos que não nasceram para montar a cabalo, portanto, alude, aos que são assim por natureza, mas pola outra, põe isto em relação com a mutilação temporã dos meninos.

               Um eunuco forçado é um varão castrado, um varão ao que se lhe realiza a ablação, extirpação ou amputação dos seus testículos e, no caso de castração total, também o pene e o escroto, e igualmente o varão com os órgãos genitais atrofiados que lhe impede a fertilidade, e finalmente, já em Roma, também o varão que se abstém voluntariamente do matrimônio. A castração é total quando se eliminam o pene e testículos, e parcial quando se eliminam, quer os testículos quer o pene. Muitos eunucos da antigüidade estavam castrados parcialmente mediante a remoção des testículos por corte, atado ou arrasto. A outros não se lhe removem os testículos senão que são danados permanentemente por esmagamento, retorce ou contusão. O efeito da castração é a infertilidade, impotência e perda da lívido em maior ou menor grau dependendo da etapa em que se realizou a mutilação. Se se extirpam os testículos antes da puberdade, o eunuco converte-se em impotente. Se os testículos se extirpam após a puberdade, pode manter intata a sua capacidade viril, continuam recebendo testosterona das glândulas de adrenalina e pode ter ereção, ainda que não é capaz de produzir esperma e, portanto, de fecundar. Estes eunucos eram muito demandados polas damas romanas porque lhes permitiam gozar do prazer sexual sem temor a ficar embaraçadas e de ter que abortar. Isto também se pode dar nalguns eunucos aos que lhe esmagaram os testículos antes da puberdade. Nos castrados totalmente podem receber prazer anal da glândula prostática, produzindo-lhe uma espécie de clímax sem ejaculação. Se a amputação se produz na etapa pré-puberdade, não chegarão a desenvolver os carateres sexuais secundários na adolescência: penugem e câmbios de voz, e o afetado adquire um aspeto exterior mais bem próprio de mulher: quadris anchos, figura redondeada, peitos como os duma mulher, tem menos força física, voz aguda, aumento da talha, redução da agressividade, genitais pequenos, redução do crânio e infantilismo psicológico. A castração, tanto antes como depois da puberdade, reduz ou elimina totalmente a atividade sexual. As suas vítimas eram chamadas depreciativamente capões, grandes ovos, elefantes sonoros, e, no mundo do teatro, musici. Por vezes, com todo, também se aplica a palavra aos homossexuais efeminados, e cumpre resolver polo contexto em que sentido se utiliza a palavra. 

               Contudo, não sempre se considera eunuco a quem não tem testículos aparentes, pois isso pode dever-se a que não lhe baixassem da cavidade abdominal, como sucede nas aves e coelhos, nem tampouco àquele que tem um só testículo, que pode suprir a sua funcionalidade com o outro que costuma ter mais volume. Os que têm a anomalia da triorquidia, que têm três testículos, não sempre são mais potentes que os outros.


               2.2.- Classes de eunucos

               Há três classes de eunucos:

               1ª.- Os eunucos naturais ou por natureza, que pode ser vítima de alguma anomalia genética ou de algum trauma puerperal. Algumas destas anomalias são: a atrofia testicular; aplasia testicular, quer dizer, a ausência de um ou dous testículos; a criptorquidia, ou seja, a falta de descenso dos testículos ao escroto ou bolsa onde se alojam; ectopia testicular, se o testículo de localiza fora do seu trajeto; a monorquidia, falta dum testículo; a anorquia, ou carência de testículos; torção testicular, que impede a rega sanguínea normal; hipospadia, ou seja, o desenvolvimento anormal do pene que tem como consequência uma localização anormal do meato urinário; hipoplasia testicular, ou desenvolvimento debil dos testículos; hipogonadismo, carência de pene, micropene, agenésia gonadal, na que não se percebe nenhum órgão sexual,... Algumas destas malformações foram detetadas e analisadas em épocas relativamente recentes, mas não é menos certo que os seus sintomas já se conheciam e os efeitos psicopatológicos para os seus portadores deviam ser muito relevantes. Os jurisconsultos romanos discutiam se o eunuco é um homem enfermo ou não. Ulpiano defendia que não é uma doença, enquanto que Paulo defendia que sim. Diz Ulpiano: “a mim parece-me que o eunuco (spado) não é nem enfermo nem vicioso, senão sã, como aquele a quem lhe falta um testículo, que também pode engendrar”5. Paulo justifica assim o seu posicionamento: “Mas se é eunuco, dado que carece totalmente duma parte do corpo, é enfermo”6. O eunuquismo não é uma doença em si, senão um defeito devido a um desenvolvimento irregular do organismo ou a uma doença. 

               2ª.- A segunda classe de eunucos é a dos que foram castrados por outros seres humanos, ou seja, os eunucos forçados, normalmente para servir os interesses econômicos e/ou sexuais dos governantes e elites econômicas ou religiosas, que desta maneira criam um grupo de funcionários menos propensos a corromper-se por dinheiro, sem cargas familiares e sem herdeiros a quem deixar os seus cargos, diminuindo as lutas e conspirações polo poder. Em contrapartida à sua mutilação eram compensados com postos de confiança dos reis e imperadores e eram colmados com notórios privilégios. Além de funcionários de confiança dos que ostentam o poder, os eunucos chegaram a converter-se em muitos casos em protetores do harém e em intermediários entre o rei e os seus súbditos. 
              
               3ª.- A terceira classe é a dos eunucos voluntários, ou seja, dos que se castram a si mesmos para ocupar determinados postos de trabalho ou por fanatismo religioso. A castração voluntária pode dever-se a razões sanitárias ou religiosas, como é o caso dos galos ou sacerdotes da deusa Cibeles, Rea, Artemisa, e muitos no seio da Igreja, como é o caso de Orígenes, e segundo Tertuliano, do próprio Jesus..
              
               Em consequência, há eunucos castrados e eunucos que não, e isto tem efeitos a respeito do matrimônio nas leis romanas. "Onde a mulher casa com um eunuco, penso que há que distinguir entre um homem (um eunuco) que foi castrado e um (eunuco) que não o foi, de tal modo que se foi castrado, podes dizer que ali não pode existir um dote; mas onde um homem (um eunuco) não foi castrado, ali pode existir um dote e uma ação para isso, porque o matrimônio pode ter lugar aqui”7. Neste caso, parece supor o legislador que um eunuco não castrado fisiologicamente pode ter alguma atividade sexual, e por isso, pode aceder ao matrimônio, independentemente de que possa ter filhos ou não, enquanto que o castrado, se o foi na infância, não poderia ter esa atividade, e por isso não tem aceso a ele.

               Luciano de Samosata (125-181) diferencia o eunuco do não castrado ou, em todo caso, os castrados na sua infância, no seu livrinho O eunuco, no que apresenta um diálogo entre o velho Diocles e o eunuco Bagoas, que competem para ocupar uma praça de filosofia na escola aristotélica de Atenas, que ganhou o primeiro porque Bagoas era eunuco e ao não poder ter barba não inspirava confiança aos seus discípulos. Diocles, pretendendo desautorizar o seu competidor, afirma: "«É um quadro de mau augúrio, um encontro funesto, ver, saindo pola manhã da casa, um destes seres degradados». E continuou longo tempo neste tom, dizendo que um eunuco não é um homem nem uma mulher, mas um não sei que composto, uma mistura horrorosa, um monstro estranho à natureza humana.... Mas a condição dum eunuco (por natureza) é pior que a dum castrado. Estes, polo menos, gozaram algum tempo da sua virilidade; o outro, polo contrário, afastado imediatamente do número dos homens, não é mais que um ser ambíguo, semelhante às gralhas que não são corvos nem pombos8. O eunuco coincide para este autor mais bem com o homossexual. Um terceiro que intervém no diálogo manifesta: "Juízes, diz, embora o orador tenha a face lisa, a voz duma mulher e todas as aparências dum eunuco, fazei-lhe despir-se, e vereis que é realmente um homem. Se mesmo o que se diz dele é verdadeiro, foi surpreendido outrora em flagrante delito de adultério, corpo a corpo, como diz o rolo das leis; mas então ele pretendeu que era um eunuco, e a invenção deste subterfúgio fez absolvê-lo dum crime que os juízes não creiam possível à vista só do acusado”9. A esta opinião soma-se o médico judeu Adamâncio (s. IV e.c.), que escreve: “As caraterísticas do eunuco por natureza são piores que as dos outros seres humanos, e assim muitos deles são selvagens, malfeitores enganadores, a cada qual mais. Dos eunucos castrados, não obstante, algumas caraterísticas são cambiadas no tempo da castração, mas persiste a maioria da sua natureza congênita”"10. Alguns autores referem a menção de eunuco neste texto aos homossexuais, mas só em casos extremos se pode afirmar, a julgar polas aparências externas, que os homossexuais não são homens nem mulheres, ainda que si poderia aplicar-se aos transvestis, ou seja, os que vestem como o sexo oposto, e transexuais, quer dizer, os que se identificam com o gênero oposto ao seu sexo biológico.
              
              
               2.3.- Causas do eunuquismo

               Os seres humanos foram os causantes do eunuquismo forçado com a finalidade de incrementar o seu status econômico, o seu poder sociopolítico e o seu prazer. O status econômico levou à castração dos seus semelhantes para utilizá-los como mão de obra barata, leal e totalmente entregada. O  mantimento e consolidação do poder político incrementa-se dispondo de servidores leais e totalmente fieis e entregados ao seu patrão. O prazer sexual garante-se dispondo de pessoas com as que manter relações sexuais e com a custódia das mulheres de palácio para segurar a sua fidelidade.

               Os machos humanos não duvidaram utilizar aos seus semelhantes como instrumentos ao seu serviço, expondo-os à ridicularização pública, para satisfazer determinadas necessidades vitais, interesses socioeconômicos particulares ou prazenteiros, e aplicar-lhe castigos degradantes, impedindo-lhe o desfrute da sua natureza psicofísica. Enquanto que implica uma esterilização forçada, a castração estaria hoje considerada como um crime de lesa humanidade.

               A castração forçada pode ser resultado de:
a) duma rixa entre pessoas, na que acidental ou intencionadamente um resulta castrado.
b) castigo, especialmente aplicado nos casos de violação e adultério. Este castigo aplicado num princípio por delitos graves passou a aplicar-se mais tarde a pessoas inocentes, principalmente moços novos com objeto de convertê-los em objeto de prazer ou trabalhadores dedicados exclusivamente ao serviço do seu amo e sem cargas familiares.
c) cativação de guerra. Em vez de matar os guerreiros contrários, castravam-nos para dotar-se de escravos castrados dóceis e baratos.
d) por razões econômicas, para a venda ou para procurar um maior status socioeconômico com trabalho pouco remunerado..
e) por razões políticas, para dotar-se de servidores incapazes sexualmente, e, portanto, pessoas de confiança, como é o caso do filho de Jacó, José. Muitos governantes acudiam aos eunucos como servidores públicos porque tinham menos medo de que se sublevassem porque não tinham herdeiros a quem transmitir o poder.
f) Por razões religiosas, como é o caso de Orígenes, Jacinto, Melitão de Sardes.
g) Por razões sexuais, mediante a utilização dos eunucos tanto para satisfazer as pulsões sexuais mediante a utilização de homens-efeminados como para procurar-se custódios do harém de personagem importantes.
h) Por razões sociais, como pode ser fazer uma doação,

               O advogado, astrólogo e apologista cristão do século IV e.c., Fírmico Materno, pretendeu buscar as causas do eunuquismo na influência astral, se bem esta explicação, carente de qualquer rigor, de aplicar-se a alguém somente poderia imputar-se aos eunucos naturais e aos homossexuais. “O Sol, Saturno e Mercúrio juntos (na sétima casa) pola noite produzem canteiros, ou enterradores, ou encarregados de pompas fúnebres, ou aqueles aos que se lhe encomenda o cuidado e a guarda dos sepulcros.... Se na genitura noturna, o Sol e Saturno constituídos no sétimo lugar, mas Mercúrio e Venus no mesmo lugar, ou no sexto lugar ou no duodécimo, e Saturno constituído e Venus estivesse com eles, faz eunucos ou mulheres rabugentas que nunca copulam sexualmente com homens ou, se o fazem, nunca concebem ou parem11.

               As elucubrações crípticas e confusas sobre a influência dos astros, especialmente de Saturno, Marte e Vênus na genitura dos eunucos são focadas noutros diversos lugares da sua obra e remitimos ao leitor interessado a consulta-las12. 


               2.4.-  Funções dos eunucos

               Algumas das funções que prestavam os eunucos eram:
               a) Para prestar serviços sexuais a personagens poderosas, como é o caso, entre outros, do eunuco e escravo persa Bágoas (s. IV a.C), castrado muito novo, que manteve relações sexuais com Darío III e Alexandre Magno. O travesti romano Esporo foi castrado por ordem de Nerão, para convertê-lo na sua esposa. Também como  pessoal de serviço da rainha e de damas poderosas, como testemunham os Atos dos Apóstolos a propósito de Candace, rainha de Etiopía13. À parte de muitos outros casos que citaremos,  Cleopatra VII, chegou a Roma, em tempos de Julho César, acompanhada de vários eunucos..
               b) Ocupar-se da custódia do harém das esposas ou concubinas do rei, atuando como carabinas.
               c) Utilizá-los como escravos.
               d) Para controlar a natalidade, prática à que se recorreu em povos muito pobres.
               Finalmente, doutros não se conhece nem a causa da emasculação nem a função e só temos constância de que tinham a condição de eunucos.

               A castração dos meninos realizava-se, normalmente, entre os 6 e os 8 anos, para impedir que se ativasse o processo natural de alteração dos carateres sexuais secundários e a taxa de mortalidade superava muitas vezes o 75 por cento devido às precárias condições sanitárias em que se realizava, das que resultavam infecções, dessangrado, cicatrização e obturação do conduto uretral. Existem várias técnicas. Uma é a da “torção testicular”. O menino está num banho quente e depois colhem-se os testículos e giram-se e tira-se deles até que rompa o epidídimo. Crac...  Doutro modo, basta com colher um cordel, rodear os testículos, e serrar. 





1.  GASC, MARINE, La castration à travers les siècles, ça fait mal, www.racontemoilhistoire.com/2016/02/castration/, 2016
2.  Digesto, 48.8.5.
3.  Lex Julia et Papia, Libro I, in Digest, 50.16.128. Cf. The Digest of Justinian, Vol. IV, University of Pennsylvania Press, Philadelphia, 1985, p. 944.
4.  OVIDIO, Amores. A arte de amar, Lib. II, 3.
5.  Digesto, 21.1.6.2.
6.  Digesto, 21.1.7.
7.  The Digest of Justinian, Vol. 1, University of Pennsylvania Press, Philadelphia, 1998, Livro XXIII.3.39.1. 
8.  LUCIANO DE SAMOSATA, O eunuco, 6 e  8.
9.  LUCIANO DE SAMOSATA, O eunuco, 10.
10.  ADAMANCIO, Fisionomía, II, 3.
11.  FIRMICUS MATERNUS, Mathesis, liv. 3.5.23.
12.  FIRMICUS MATERNUS, Mathesis, liv. . 3.6.22.; 3.9.1; 4.13.5; 5.2.11.; 6.30.4; 6.30.5; 6.31.23; 7.25.1-2; 7.25.17;  8.7.1-3; 8.20.9..
13.  At. 8, 27. 37