29 mar 2013

As ovellas e peixes do papa Francisco


Fai tempo que veño defendendo que as relixións do libro, entendendo por tales as que dependen de libros que se din sagrados e inspirados por Deus, son vítimas do seu pasado e incapaces de adaptarse á sensibilidade cambiante da sociedade. Se se vive preso doutras sensibilidades, a mente fica atada ao pasado e non evolúe libremente de acordo cos novos novos tempos e novas formas de sentir.

Vén isto a propósito do sermón dirixido aos sacerdotes polo papa Francisco no día de Xoves Santo de 2013, no que dixo: “De aquí provén precisamente a insatisfacción de algúns, que terminan tristes e convertidos nunha especie de coleccionistas de antigüidades ou ben de novidades, en vez de ser pastores con «odor a ovella», pastores en medio do seu rabaño, e pescadores de homes”. Os sacerdotes, considera o Pontífice, non deben converterse en intermediarios nin en xestores, que non poñen en xogo a propia pel nin o corazón.

 Os sacerdotes deben evitar, por unha parte, ser coleccionistas de antigüedades, e, pola outra, de novidades, mais non aclara o Papa cal sería o termo medio que el prega para eles. En realidade, a clerecía está actuando como recitadora de textos vellos, arcaicos e desfasados, e fáltalle dinamismo para abrirse á sociedade, para afrontar os novos tempos e oferecer respostas acaídas aos problemas do día de hoxe. É frecuente asistir a actos religiosos en que se recitan textos que atentan directamente contra os dereitos humanos recoñecidos pola legislación vixente. Eis, por ejemplo, o que se afirma no Psalmo 110, 1-2, tan frecuentemente recitado: “Oráculo de Iavé ao meu Señor: «Senta á miña dextra en tanto poño os teus inimigos como escabelo para os teus pés». Estenderá Iavé desde Sión o teu poderoso ceptro: Domina no medio dos teus inimigos”. Neste texto Iavé dille a David que sente ao seu lado mentres el submete aos seus inimigos e preséntallos para que el os pise. É un deus brutal, cruel, bestial, violento, guerreiro, dominador, un Santiago matamouros tribal. Estas afirmacións son incompatíbeis con un deus de amor, un deus único que a todos quere e protexe por igual. Deus ten mais sentido e unha función moito máis elevada que o de poñerse ao servizo da irracionalidade e bestialidade humanas.

Os clamados «ministros de Deus», deben, segundo o Papa, ser pastores, a imitación de Iavé, que tamén é pastor, como se afirma no Psalmo 23,1-2: “É Iavé o meu pastor, nada me falta. Ponme en verdes pastos e lévame a frescas augas”, e de Xesús que se presenta como o bon pastor, como escribe o apóstolo Xoán: “Eu son o bo pastor; o bo pastor dá a súa vida polas súas ovellas. … E coñezo as miñas e as miñas coñécenme”..  O que cumpre é ver cales son as implicacións presentes neste simil pastor-ovellas de longa raizame.

Os reis do período de dominación sumeria, do Imperio Acadio, Babilónico, e Asirio, iranianos, etc., entre eles os máis bárbaros e crueis, tamén se denominaban pastores dos seus rabaños, que eran os cidadáns. Eran reis de carácter absoluto que non contaban para nada co sentir destes. Remito ao lector aos artigos do Blog 05 e seguintes, da Vida de Xesús de Bento XVI. A mesma Biblia presenta como pastores ao rei David, ao persa Ciro, … ao tempo que alerta dos falsos pastores que se apacentan a si mesmos en vez de apacentar o seu rabaño. Pois ben, mentres que hoxe ningún rei ousaría afirmar que é o pastor das ovellas, a Igrexa, aténdose a textos e costumes desfasados, segue a designar os seus ministros como pastores e a praxe eclesial como pastoral.

O pastor preocúpase polas ovellas e coñeceas porque son o seu meio de vida. É, pois, un interese crematístico, de subsistencia. As ovellas son para el un instrumento e non unha finalidade en si. Son axentes puramente pasivos que non opinan, non participan, non codeciden, senón que o pastor decide totalmente cal é o seu ben, o seu futuro. Este simil é indigno aplicalo a seres humanos, dotados de racionalidade e liberdade, que son quen de construír a súa vida e o seu futuro. É un simil incompatible coa democracia, que implica protogonismo, participación e deliberación da cidadanía nos asuntos da res publica. Son símiles arcaicos que cumpre superar para responder á nova sensibilidade dos nosos días, que exixe que os seres humanos participen na elaboración das medidas que se lle aplican. Non debe ser óbice que Iavé e Xesús se definan como pastores, porque as súas afirmacións hai que entendelas no seu contexto, e ao mudar este, debe mudar a sensibilidade e a linguaxe que a expresa. O simil dos peixes empeora moito máis a situación, pois o pescador nin sequera se preocupa polos supervivencia dos peixes nin os coñece.

A concepción que deixa traslucir a mensaxe do Papa é a dunha Igrexa clericalista, onde os pastores fan todo e o pobo fiel, o por eles chamado, Pobo de Deus, ten unicamente un papel pasivo e meramente destinatarios dunha mensaxe por eles creada e transmitida. Isto deixa moi mal paradas as teses do Concilio Vaticano II sobre o sacerdocio común ou xeral dos laicos adquirida polo baptismo.

En conclusión: os seres humanos non somos ovellas ás que hai que poñer a pacer, nin somos peixes aos que hai que pescar, senón seres activos, participativos, libres e responsábeis do seu futuro, e por iso, necesitamos concidadáns e copartícipes que teñan odor a seres humanos e non a ovellas. Tampouco necesitamos pescadores, que nos lancen o anzol e nos arruinen a nosa vida para alimentar a doutros.  

26 mar 2013

Vida de Xesús de Bento XVI (07)

Lexitimación do poder en Asiria

Imperio Asirio
Os asirios reciben o seu nome de Ashur, o seu orixinario ascendente, que segundo a Biblia sería fillo de Sem e neto de Noe. Pobo semita da rama babilonia ou quizais unha colonia deste país. Asiria tiña como primeira capital Ashur, nome tamén do deus supremo, e trasladouse a outras cidades a medida que se construían novos palacios reais: Nínive, Harrán, Calakh, Dur Sharrukin, ... Esta aplicación dupla do nome crea por veces problemas de interpretación, xa que debemos colixir se un texto se refire á cidade ou ao dues. Estiveron nun principio so o control sumerio mais foron progresivamente liberándose deste dominio e con Shamshi-Adad I constituiron o primeiro Imperio Asirio, dunha duración de pouco máis dun século. No 1760 foron vencidos por Hammurabi e pasaron a formar parte do Imperio Babilónico. No século XVI foron invadidos por mitamis e hititas e houbo que esperar ao século XIV a. C. para que con Ashur-uballit I lograsen liberarse de novo e constituír o Imperio Mesoasirio. A finais do século X a.C. constitúese o Imperio Neoasirio por Adad-nirari II. No período paleoasirio, proliferan as autotitulacións de vice-rei ou vicario, alén de prefecto ou gobernador dos deuses ou dun determinado deus. No período mesoasirio, unénselle a este como títulos máis recorrentes os de rei-sacerdote e nalgúns casos pastor. No período neoasirio, prolifera o de pastor e nalgúns casos aparece, como en Asarhadon e Ashurbanipal, o de fillo de deus. En xeral, os reis dotados de máis poder, tamén son os que utilizan unha linguaxe máis hiperbólica e autolaudatoria. Desaparece a cualificación dos reis como deuses e como unxidos ou mesías, ao igual que as hierogamias, e, por conseguinte, tampouco hai constancia de que ningún deles recibise culto nin en vida nin após a morte.
 
Período paleoasirio: 2150-1391
 
Shalim-Ahum, (ca. 1900 a.C.), foi o primeiro gobernante que gozou de certa independencia na cidade-estado de Ashur, fillo de Puzur-Ashur I. Nunha inscrición dun bloco de alabastro está inscrito que é o vice-rexente (vice-rei) do deus Ashur, ao igual que o seu pai: “Shalim-Ahum, vice-rexente de Ashur, fillo de Puzur-Ashur (I), vicerexente de Ashur: o deus Ashur pediulle un templo e el (en consecuencia) construiu para sempre o templo de ... O palacio de ... -Dagan, o seu santuario, ..., a súa casa de cubas de cervexa e área de armacenaxe (el construiu) para a (súa) vida e a vida da súa cidade, para o deus Ashur1
 
Ilu-Shuma (1915-1890), trixésimo segundo rei de Ashur, fillo de Shalim-akhe (ou Shalim-Ahum) e neto do fundador da dinastía, Puzur-Ashur; contemporáneo parcial de Ur-Ninurta.
 
Na inscrición de pedra que se conserva a seu nome, KAH, II, nº. 4, declárase por primeira vez en Asiria a querenza que por un rei senten os deuses, o primeiro paso para distinguirse dos demais humanos situándose nun plano superior. Intitúlase como vice-rei ou vice-rexente: “Ilu-Shuma, vice-rei de Asiria2, amado por Ashur e Ishtar, fillo de Salim-Ahum, vice-rei de Asiria, para Ishtar, a súa dama, para a súa vida, construiu (este) templo. Estabeleceu a liberdade dos acadios3. A súa proclamación como vice-rei de Asiria, indica que neste momento non gozaba este país de independencia total, que se lograría co fillo do príncipe amorreo Ila-Kabkabi, Shamsi-Adad I (1854/1853-1792), que derrocou a dinastía de Puzur-Ashur I, fundando o reino asirio e o primeiro que leva o título de rei do universo, logo seguido polos demais reis.
 
Irishum (1890-1851), sucedeulle o seu pai, Ilu-Shuma. Proclámase tamén como vice-rei de Asiria, mais agora incrementa tamén o de vice-rei do deus supremo Ashur, como se indica nunha inscrición en ladrillo do tempo de Ashur: “Irishum, vice-rei do deus Ashur, fillo de IluShuma, vice-rei de Asiria, para Ashur, o seu señor, para a súa vida e a vida da súa cidade, construiu a totalidade da cerca do templo e o mushlalu, a grandiosa residencia de Ashur4. Foi o último rei da dinastía de Puzur-Assur.
 
Shamshi-Adad I (ca. 1814-1792 a. C.), rei asirio, fillo do príncipe amorreo, Kabkabi, contemporáneo de Hammurabi e primeiro representante da dinastía amorrea ou de Shamshi-Adad. Tomou Ekallatum e, após derrotar a Irishum, fillo de Naram-Sin, gobernou durante 33 anos. Estabeleu como rexente de Asiria ao seu fillo Ishme-Dagan, que non hai que confundir co Ishme-Dagan de Isín. Intitulouse gobernador de Enlil e vice-rexente de Ashur, como na seguinte tableta de barro encontrada en Terqa: “Shamshi-Adad, rei do universo, gobernador do deus Enlil, adorador do deus Dagan, vice-rexente do deus Ashur, construtor de Ekisiga - templo da súa invocación - templo do deus Dagan en Terqa5. Na inscrición sobre unha lámina de pedra, KAH, I, nº. 2, aparece como rei do universo, amado e escollido polos deuses, realizador de grandes fazañas e restaurador de templos: “Shamsi-Adad, rei do Universo, construtor do templo de Ashur; que dedica as súas sus enerxías á terra entre o Tigris e o Eufrates. So o mando de Ashur, (o maior deus de Asiria, rei dos deuses e dos reis), que o ama, el, do que o nome foi nominado por Anu e Enlil para grandes (fazañas), entre os reis que antes realizaron, o templo de Enlil, que Irishu, fillo de Ilu-shuma, construira e que caera en ruínas, ... telleino con cedro6. Nunha inscrición en ladrillo, IR, 6, nº. 1, intitúlase vice-rei dos deuses: “Shamshi-Adad, vice-rei do deus Ashur, fillo de Igur-Kabkabi, construtor do templo de Ashur7.

 
Ashur-Nirari I (1548-1522 a. C.), fillo de Ishme-Dagán II, rei da dinastía de Adasi, sucesor, por usurpación do trono, do seu curmán Shamshi-Adad III (1564-1549 a.C.). Nunha inscrición sobre ladrillo, KAH, 1, nº. 62, figura como vice-rei do deus Ashur: “Ashur-Nirari, vice-rei do deus Ashur, fillo de Ishme-Dagán, vice-rei do deus Ashur, construtor do templo de Sin e Shamash8

 
Puzur-Ashur III (1521-1498 a.C.), fillo e sucesor de Ashur-Nirari I. Vive nunha época de apoxeo do poder de Asiria. Construiu as murallas e diversos templos, nun dos cales se contén unha inscrición inscrita en pedra calcárea, KAH, II, nºs. 29 e 21, na que se deckara que tanto el como seu pais eran vice-reis do deus Ashur: “Ashur-Puzur, vice-rei do deus Ashur, fillo de Ashur-Nirari, vice-rei do deus Ashur. O bitshuhuri (recinto?) do templo da asiria Ishtar, que Ilu-Shuma, o príncipe, construiu, e Sargón o meu ancestro, fillo de Ikunum, restaurou, que caeu en ruínas, eu reconstruino9.

 
Ashur-bel-nisheshu (1417-1409 a.C.), rei da dinastía de Adasi, fillo e sucesor de Ashurnirari II (1424-1418 a. C.). Asinou un acordo co rei de Babilonia para fixar as fronteiras dos dous reinos, o cal indica que xa trataba de ti a ti a Babilonia. Unha inscrición zigâte, KAH, II, nº. 22, preséntao como vice-rei, de Ashur, que é o verdadeiro rei: “Ashur-bel-nisheshu, vice-rei do deus Ashur, fillo de Ashur-nirari II, vice-rei do deus Ashur”10

 
Ashur-rim-nisheshu (1409 -1401 a.C.), fillo e sucesor de Ashur-bel-nisheshu segundo as listaxes de reis asirios11, aínda que hai inscricións que o fan fillo de Ashur-nirari II, como a inscrición zigatu, KAH,I, nº. 63, que inserimos a seguir, neste caso, o rei anterior sería seu irmán. Intitúlase vice-rei do deus Ashur e atribúe este título aos seus antepasados ao tempo que publicita o seu labor de restaurador do muro da cidade: “Ashur-rim-nisheshu, vice-rei do deus Ashur, fillo de Ashur-nirari, vice-rei do deus Ashur, neto de Ashur-rabi, o vice-rei. O muro que Kikia, Ikunum, Sargón, Puzur-Ashur, (e) Ashur-nirari, fillo de Ishme-Dagan, os meus ancestros (literalmente: meus pais) construíron, caeu en ruínas. Para a miña vida e o benestar da cidade, eu reconstruino desde os seus alicerces até o cumio12

 
Ashur-nadin-Akhe II (1401-1391 a.C.), fillo de Ashur-rim-nisheshu13, segundo a listaxe dos reis, foi o último rei do período asirio antigo. Nunha inscrición en ladrillo, KAH, II, nº. 24, refírese: “Palacio de Ashur-Nadin-akhe, vice-rei do deus Ashur14.

 
Período Mesoasirio: 1391- 912

 
Eriba-Adad I (1391-1366a.C.),fillo de Ashur-bel-nisheshu e neto de Ashur-nirari II, primeiro rei do período mesoasirio, sucedeu ao seu sobriño Ashur-nadin-akhe, quizais por desavinzas entre dirixentes. Intitulouse gobernador do deus Enlil, que tamén utilizara Shamshi-Adad I, e vice-rexente (vice-rei) de Ashur, como di unha tableta de Ashur, KAH, II, nº. 25, “Eriba-Adad I, vice-rexente do deus Ashur, fillo de Ashur-bel-nischeshu, tamén vice-rexente do deus Ashur, fillo de Ashur-nirari II, vice-rexente do deus Ashur; Ashur-nirari II foi vice-rexente do deus Ashur; Ashur-nirari II foi fillo de Ashur-rabi, vice-rexente do deus Ashur15. Na seguiinte inscrición, KAH, II, nº. 25, insiste na súa condición de sacerdote tanto propia como dos seus predecesores: “Eirba-Adad, sacerdote de Ashur, fillo de Ashur-bel-nisheshu, sacerdote de Ashur, fillo de Ashur-bel-nirari, sacerdote de Ashur, fillo de Ashur-rabi, sacerdote de Ashur, ... levantei o zikkâti. Pode que algún futuro príncipe, se cae en ruínas, o restaure. Entón Ashur e Ada ouvirán as súas plegarias”16.

 
Ashur-uballit I (1365-1330 a.C.), fillo de Eriba-Adad I, o seu reinado representa un momento de ascenso de Asiria como imperio poderoso. Após derrotar a Shuttarna II declarou a independencia de Asiria con respecto a Mitanni. Situou a Kirogalzu II como rei de Babilonia tras as desordes producidas con ocasión da morte do rei casita Burnaburiash, casado coa filla de Ashur-uballit, Mubal-litat-sherua. Nunha inscrición sobre unha tableta de barro, KAH, II, nº. 27, insístese na súa cualidade de sacerdote: “Ashur-uballit, sacerdote de Ashur, fillo de Eriba-Adad, ... prefecto de Enlil, — para a súa vida e o benestar da súa cidade, o palacio da nova cidade que el trouxo desde o exterior e que colocou no meio da cidade, que Puzur-Ashur, o meu ancestro, un príncipe anterior, construiu con anterioridade, caeu en ruínas e eu reconstruino desde os alicerces até a cimeira”17. Noutras inscricións tamén se intitula como prefecto de Enlil, vice-rei do deus Ashur, título que estende ao seu pai, Eriba-Adad, o seu avó, Ashur-bel-nisheshu, e o seu bisavó, Ashur-nirari. 

 
Arik-den-ili (1319-1308 a.C.), fillo de Enlil-nirari (1330-1319), e ao igual que este estivo en guerra cos babilonios, especialmente a respeito dos lindes das fronteiras, loita da que Asiria saiu vencedora. Intitúlase como rei poderoso, rei de Asiria, príncipe verdadeiro, e lembra aos seus antepasados, como se estabelece no prisma de pedra calcárea, e nunha tableta de alabastro, KAH, II, nº. 29: “Arik-den-ili, o rei poderoso, rei de Asiria, construtor do templo de Adad, Eanna?, o glorioso, para os días que estamos, fillo de Enlil-nirari, rei de Asiria; neto de Ashur-Ubalit, rei de Asiria. ... O príncipe lexítimo, o rei poderoso, rei de Asiria. Construtor do templo de Shamash, a súa deidade tutelar. Calquera que borre o meu nome ou altere a miña memoria, que Shamash, o meu señor, destrúa o seu reino e leve a fame ao seu territorio18.

 
Adad-nirari I (1307-1275 a. C.), ou Ramman-nirari, fillo de Enlil-nirai e irmán de Arik-denili, arrebatoulle ao Imperio Hitita os restos de Mitanni que aínda controlaba e fixo retroceder as fronteiras a expensas de Babilonia. Destaca como restaurador de templos. O seu reinado representa un período de consolidación do poder asirio e da súa influencia crecente en Mesopotamia. Na Introdución que precede a numerosas inscricións construtivas, intitúlase como rei do universo, poderoso rei, rei de Asiria, prefecto de Enlil, sacerdote de Ashur, e alude aos seus antepasados para dar aureola ás súas orixes: “Adad-nirari, ilustre príncipe, honrado dos deuses, señor, vice-rei dos deuses, fundador de cidades, destrutor das poderosas hostes dos casitas, Guti, Lumumi e Shubai; ... o exaltado sacerdote de Enlil, fillo de Arik-den-ili, vice-rei de Enlil, sacerdote de Ashur. ... Neto de Enlil-nirari, sacerdote de Ashur, que destruiu o exército dos casitas, cuxa man subxuga a todos os seus inimigos, que amplía límites e fronteiras; bisneto de Ashur-ubalit”19. En varias inscricións en ladrillo, KAH, I, nºs. 12, e ss. declárase “rei do universo20, o cal indica a preeminencia de Asiria sobre os reinos viciños.

 
Salmanasar I (1274 a. C.-1245 a. C.), rei de Asiria e sucesor do seu pai, Adad-nirari I (1307 a. C.-1275 a. C.), que xa arañara territorios a babilonjia e arrebatou os restos do reino de Mitani aos hititas. Salmanasar derrotou os hititas e conseguiu converter Mitani en provincia asiria, pacificou os territorios incorporados polo seu pai e após a vitoria sobre os arameos, estabeleceu colonias asirias en Mesopotamia.  


Nunha inscrición gravada nunha tableta de pedra, primeiro fala das súas relacións coa divindade, apropiándose de diversos títulos como prefecto de Bel - nome dado ao deus que en sumerio se chamaba Enlil-, sacerdote de Ashur, o santo -título pouco frecuente-, favorito de Ishtar, santo, -título pouco frecuente- e vice-rei ou vicario dos deuses, para pasar logo a aludir as súas cualidades persoais como gobernante e guerreiro, auxiliado nesta faceta belicosa por uns deuses tamén guerreiros e destrutores. Utiliza tamen neste aspecto un título hoxe deprezativo como o de déspota, mais que a esa altura non tiña esta connotación, senón que era xeralmente un líder, singular ou grupal, libertador dos oprimidos polas usurpacións venais dos gobernante, sacerdotes e administradores. Ese rol de déspota compaxínase moi ben co de pastor, persoa que dirixe sen participación da cidadanía. Termina con unha alusión á súa elección divina para o goberno, que lexitima o seu poder, xunto coas súas cualidades persoais: “Salmanasar, prefecto de Bel (Marduk), sacerdote de Ashur, o santo, vice-rei dos deuses, príncipe favorito de Ishtar, que restaura (purifica) o culto e as oferendas, que acrecenta os sacrificios sangrentos e as oferendas aos deuses; fundador de espléndidas cidades, construtor do Eharsagkurkurra, a morada dos deuses, a montaña das terras; déspota que inspira temor, pastor de todos os pobos, do que as fazañas aumentan o ben de Ashur; guerreiro poderoso, forte no combate, que incendia ao inimigo, trona (como Adad) entre os seus inimigos, que estalla como unha chama de fogo, irreductíbel na batalla e, como a trampa dunha morte certa, é o ataque das súas armas, gobernante lexítimo, que marcha confiado en Ashur e os grandes deuses, os seus señores, que non ten rival, que se apodera do territorio inimigo ao Norte e ao Sul; o señor aos pés do cal Ashur e os grandes deuses trouxeron en submisión a todo príncipe e gobernante. Cando o deus Ashur me elixiu como o seu adorador lexítimo e, para o goberno das cabezas negras, me entregou o ceptro, a espada e o báculo, presentoume a diadema do goberno lexítimo21. Ashur e os grandes deuses protéxeno nas batallas e el, en recoñecemento, leva as súas presas en submisión perante os pés de Ashur. Cando unha cidade se rebela, considérase unha rebelión contra o deus Ashur, os seus ataques contra os rebeldes fanse por orde de Ashur e dos grandes deuses. A súa lexitimación fúndase na divindade, como amado do exaltado deus Enlil e elixido polos deuses, nas citadas cualidades persoais e e na tradición, por tratarse dunha estirpe de longo avoengo. “Pastor, debidamente designado, cuxo nome Anu e Bel nomearon para os días a vir, son eu; dunha antiga estirpe (semente eterna), coñecedor dos deuses, fillo de Adad-nirari, prefecto de Bel, sacerdote de Ashur, neto de Arikden-ili, prefecto de Bel, sacerdote de Ashur22.
 
Tukulti-Ninurta I (1244-1208a.C.), fillo e sucesor de Salmanasar I, contribuiu a elevar Asiria a un momento de esplendor. O facto máis importante do seu reinado foi a captura de Babilonia, incluída Sumer e Akkad. Nunha inscrición nunha laxe de pedra, KAH, II, nº. 58, oferecese un relato da intervención dos deuses como aliados do Rei na guerra, que nos fai lembrar o Santiago Matamouros: “Confiando en Ashur, Enlil e Shamash, e coa axuda de Ishtar, que foron na cabeza do meu exército23, derrotou ao rei casita de Babilonia Kashtiliash IV, que foi deportado a Asiria, e ao rei hitita Tudhalia IV, incorporando Nihriia aos seus dominios.


Nunha inscrición para conmemorar a fundación dun suburbio de Asiria, KAH, II, nº. 60, oferécense os seus títulos: a súa querenza, favoritismo e chamamento por parte dos deuses, as súas fazañas, recto proceder e a súa creación polas propias mans de Adad, ao tempo que se lembra a súa ilustre procedencia: “Tukulti-Ninurta, rei do universo, poderoso rei, rei de Asiria, rei de Sumer e Akkad, rei das catro rexións (do mundo), favorito de Ashur e Shamash, son eu. O honrado príncipe, o rei favorito de Enlil, que goberna os seus territorios con seguranza co seu ceptro pacífico; sumo sacerdote, chamado por Anu, que co poder da súa forza subxugou príncipes e todos os reis; pastor recto, que regocixa o corazón de Ea, que puxo a súa mira no dominio sobre as catro rexións do mundo; exaltado sacerdote, amado de Sin, que co seu estendido ceptro ordenou rectamente a pobos e tribos (literalmente: casas); guerreiro poderoso, obra manual de Adad, nos anos do seu reinado, renovou plenitude e abundancia, poderoso heroi, favorito de Ninurta, que co poder da súa forza destruiu cada rexión (do mundo); poderoso xigante, amado de Ishtar, que recibe tributo dos pobos de oriente e occidente; fillo de Salmanasar, rei do Universo, rei de Asiria, neto de Adad-nirari, rei do universo, rei de Adiria24. Intitúlase rei de reis, señor de señores, príncipe de príncipes, señor de todo, sol dos pobos, rei poderoso, rei de reis, príncipe de príncipes, señor de señores. Suecedeulle o seu fillo, Ashur-nadin-apli (1208-1204 a. C.), autor do seu parricidio. A Ashur-nadin-apli sucedeuno Ashur-nirai III (1204-1198) e a este Enlil-kudurriusur (1197- 1193), reis que gobernan Asiria nun momento de declive ante o ascenso de Babilonia.

 
Ninurta-apil-Ekur (1192-1180 a. C.), pertencente a unha rama colateral da familia real, fillo de Ila-Hadda, rei do estado dependente de hanigalbat, sucedeu a Enlil-kururri-usur en circunstancias non esclarecidas.

 
Ashur-resh-ishi I (1132-1115 a. C), sucedeu ao seu pai, Mutakkil-Nusku, e combateu exitosamente aos arameus, as tribos Mushki, e aos reis babilonios Ninurta-Nadin-Shumi e Nabucodonosor I. O seu reinado representa unha fase de resurximento de Asiria. 


Unha inscrición gravada nunha taza de barro, comeza aludindo á súa predestinación divina para rexer Asiria, e, a seguir, cítanse as súas cualidades persoais para a guerra e a súa dobre cualidade de gobernante e sacerdote: “Ashur-resh-ishi, vice-rei de Enlil, sacerdote de Ashur, cuxo destino Anu, Enlil (Bel) e Ea, determinaron no útero da súa mai, porque o escolleron e proclamaron o seu goberno para a chefía de Asiria; de quen. ... os deuses do ceu e da terra aman e cuxo sacerdocio consagraron; exaltado príncipe, que prové abundantemente de oferendas para os grandes deuses; o sabio, o exaltado, o heroi ... o poderoso na batalla, que non perdoa os inimigos de Ashur; o grande, o poderoso , que destrúe os insumisos, que combate o malvado coa ameaza ...que destrúe as numerosas hostes de Ahlamî, que esmaga as súas forzas; que en nome de Ninurta, o valoroso entre os deuses...”25. Após intitularse rei poderoso, rei do universo e rei de Asiria, cita tamén aos seus ilustres ancestros: “fillo de Mutakkil-Nusku, sacerdote de Ashur, neto de Ashur-dan, sacerdote de Ashur”26.
 
Tiglat-Pileser I (1115-1077), tamén chamado Teglatfalasar e Teglat-Falasar, foi un dos reis máis importantes de Asiria. Fillo de Ashur-resh-ishi I (1132-1115 a. C.), do que herdou o trono. Combateu en varios frentes e derrotou os arameos e aos Mushki. 

 
Como os reis anteriores, defende que a lexitimidade vén dos deuses que son quen elixen aos seus amados para que gobernen. As maiores atrocidades fanse coa protección dos deuses e mesmo se atribúen a estes, que son quen ordenan a guerra. Os inimigos do país son inimigos dos deuses propios e iso xustifica a súa subxugación. Por outra parte, as funcións relixiosas e políticas están unificadas no monarca, sumo sacerdote e rei. Unha inscrición prisma comeza por unha invocación aos deuses e nunha segunda parte, describe a súa escolla e querenza por parte dos deuses e as cualidades para o goberno: “Ashur, o grande señor, o gobernadori de todos os deuses, o concesor de ceptro e coroa, que estabelece soberanía; Enlil (Bel), o señor, o rei de todos os Anunnaki (Fillos de Anu: os 50 grandes deuses e os Igigi, os deuses menores), o pai dos deuses, o señor dos países; Sin, o sabio, o señor do disco lunar, exaltado en todo o seu esplendor; Shamash, o xuíz de ceus e terra, que explora os designios perversos dos inimigos, que descobre ao malvado; Adad, o poderoso, que esmaga as rexións do inimigo, terras e casas; Ninurta (Ninib), o heroi, que destrúe o malvado e o inimigo, que provoca que (o home) atente contra todo o que o corazón (desexa); Ishtar, a primeira entre os deuses, a dama da confusión, que protagoniza batallas terribelmente: ó vós grandes deuses, ó vós gobernadores de ceus e terra, dos que o combate vindeiro é batalla e destrución, que ampliástedes o reino de Tiglath-Pileser, o amado príncipe, o desexo dos vosos corazóns, o pastor exaltado, a quen escolléstedes nos vosos leais corazóns, a quen coroastedes coa maxestosa diadema, e a quen solemnemente designástedes para ser rei das terras de Enlil; a el outorgástedes maxestade, gloria e poder, e decretástedes que o seu goberno sería poderoso, e así a súa proxenie sacerdotal tería un lugar no Eharsagkurkurra (templo de Ashur) para sempre27. En termos semellantes exprésanse outras inscricións, entre elas un documento fundación do templo de Anu-Adad en Ashur, que se insire a seguir, na que manifesta que combate e destrúe en seguimento dos oráculos divinos, que a guerra se inicia por orde dos deuses que son quen lexitiman a política expansionista: “Tiglath-Pileser rei lexítimo, rei do mundo, rei de Asiria, rei das catro rexións da terra, o valeroso heroi guiado polos oráculos inspiradores de confianza de Ashur e Ninurta, os grandes deuses e os seus señores, derrubou os inimigos, fillo de Ashur-resh-ishi, rei do mundo, rei de Asiria, neto de Mutakkil-Nusku (de breve reinado: ca. 1133), tamén rei do mundo, rei de Asiria. So o mandado de Ashur, meu señor, a miña man estendeu a conquista alén do río Zaba meridional até o Mar Septentrional, que está ao Occidente. ... Cortei e trouxen troncos de cedros para o templo de Anu y Adad, os grandes deuses meus señores28. Noutras inscricións, intitúlase como rei poderoso, exaltado príncipe, conquistador de territorios inimigos, o rival de todos os reis, armadilla do desobediente, rei do universo, rei de todos os príncipes, rei de reis, pastor, señor de señores, exaltado caudillo, favorito e sacerdote de Ashur, forte e xeneroso, a chama ardente, a tormenta da batalla, o terriíbel, o que esmaga o orgullosso, o piadoso, forte, sen par, ...  


Ashur-bel-kala (1074-1056 a. C.), sucedeu ao seu irmán e fillo de Tiglat-Pileser I, o breve Asharid-apal-Ekur (1075-1074 a. C), que se intitulaba “rei do universo, sacerdote de Enlil e Ninurta”29.
 
A súa inscrición, escrita no torso dunha estatua feminina, cita os seus títulos e paternidade: Palacio de Ashur-bel-kala, rei do universo, rei poderoso, rei de Asiria, fillo de Tiglat-Pileser, rei do universo, o rei poderoso, rei de Asiria, fillo de Ashur-resh-ishi, rei do universo, o rei poderoso, rei de Asiria30.

 
Shamshi-adad IV (1054-1050 a. C.), tamén fillo de Tiglat-Pileser I, sucedeu no trono a Eriba-Adad II (1056-1054), fillo de Ashur-bel-kala, coa axuda dos babilonios. Eriba-Adad II, nun texto que conmemoraba a restauración do templo de Eharsagkukurra, presentábase como “o grande rei, ... rei das catro rexións do mundo, ilustre ... conducido pola man de Ninurta, favorecido por Enlil (Bel), heroi poderoso"31.

 
Nunha inscrición construtiva contense un texto sobre Shamshi-Adad IV que lembra o seus títulos e paternidade: “Shamshi-Adad, o poderoso rei, rei do universo, rei de Asiria, fillo de Tiglat-Pileser, o poderoso rei, rei do universo, rei de Asiria, o fillo de Ashur-resh-ishi, o poderoso rei, rei do universo, rei de Asiria...32. Intitúlase tamén prefecto de Enlil. 


 Sucedeulle o seu fillo, Ashur-nasir-pal I (1050-1031, e a este o seu fillo Salmanasar II (1031-1019), do que se conserva a seguinte inscrición: “Estela de Salmanasar, o grande rei, rei do universo, rei de Asiria; fillo de Ashur-nasir-pal, rei de Asiria; neto de Shamshi-Adad, rei de Asiria33. Sucedeulle no trono o seu fillo Ashur-nirari IV (1019-1013), e a este o fillo máis novo de Ashur-nasir-pal I, Ashur-rabi II (1013-972).
 
Ashur-resh-ishi II (972-967), fillo de Ashur-rabi II, do que só se conserva unha inscrición estela que reza: “Ashur-resh-ishi, rei de Asiria, fillo de Ashur-rabi, rei de Asiria34. Sucedeulle o seu fillo,Tiglat-Pileser II (967-935).

 
Ashur-dan II (934-912 a. C.), considerado como o último rei do período mesoasirio, sucedeu ao seu pai, Tiglath-Pileser II, e a el sucedeulle o seu fillo, Adad-nirari II. Preocupouse polo desenvolvemento económico do país, sumido en recesión. Realizou unha reforma gandeira e agrícola, subministrando arados para incrementar a produción agrícola e construiu oficinas gubernamentais en todas as provincias.

 
Unha inscrición en ladrillo do palacio de Ashur, KAH, I, nº. 20, relátase a súa proxenie e títulos: “Palacio de Ashur-dan, o poderoso rei, rei do universo, rei de Asiria; fillo de Tiglat-Pileser II, o rei poderoso, rei do universo, rei de Asiria, neto de Ashur-resh-ishi, o rei poderoso, rei do universo, rei de Asiria; bisneto de Ashur-rabi, o rei poderoso, rei do universo, rei de Asiria35. Nunha inscrición con unha dedicatoria ao deus Ashur, o seu señor, intitúlase: “vice-rei de Enlil, sacerdote de Ashur”, que fai extensivas ao seu pai, avó e bisavó36.

 
Período neoasirio: 912- 612
 

Adad-nirari II (911-891 a. C.), fillo de Ashur-dan II, continuou o labor de reconstrución e impulso do imperio que iniciara o seu pai e saiu vitorioso nas súas guerras cos arameus e cos babilonios. Intitúlase prefecto, que era un alto cargo gubernativo provincial, subordinado ao de gobernador, e ambos ao primeiro ministro: “prefecto de Enlil, sacerdote de Ashur, que fai desistir a todos os seus inimigos, neto de Tiglat-Pileser, rei de Asiria; ilustre proxenie de Ashur-resh-ishi, o rei guerreiro, que pisotea os malvados”37.
 
Na primeira parte dos anais da rehabilitación do templo de Gula, KAH, II, nº. 84, faise unha invocación aos deuses e na segunda descríbese a creación de Adad-nirari II e a súa destinación para o goberno: “Shamash, xuíz de ceus e terra, director de todas as cousas; Adad, caudillo dos deuses, señor dos oráculos (leis); Ninurta, gobernador dos Igigi e Anunnaki; Nergal, o perfecto (na forza) rei da batalla; Nusku, que carrega brillante lanza, que transmite decisións (divinas); Ninlil, esposa de Enlil (Bel), mai dos grandes deuses; Ishtar, a primeira en ceu e terra, que enche completamente a medida de bravura; os grandes deuses que emiten decretos, que deciden destinos, -Adad-nirari, o exaltado príncipe, creárono como é debido; o meu baixo nacemento cambiárono nun nacemento señorial; o estado dos meus membros leváronos a perfección, de modo que o meu corpo señorial «carregouse de sabedoría». Despois, os grandes deuses, emitiron os seus decretos e puxeron na miña man o ceptro, (chamado) «Gobernador de Pobos»; eles levaron o esplendor da miña realeza lonxe entre os outros reis que levan coroa; eles coroáronme con incomparábel fama; fixeron o meu nome demasiado grande entre o de todos os príncipes. Adad-nirari, rei de Asiria, chamáronme. Poderoso rei, rei de Asiria, rei das catro rexións (do mundo), o sol de todos os pobos do mundo, son eu38. A realeza e señoría maniféstase pola utilización da forza para esquilmar as propiedades dos demais, actos sempre bendicidos polos deuses. Nestes días, cando por mandado dos grandes deuses, a miña soberanía señorial (lit.: realeza e señorío) se manifestou ela mesma, saíndo a saquear os bens dos países, eu son real, son señorial, son poderoso, son honrado, son exaltado, son glorificado, son potente, son omnipotente, son brillante, son un león bravo, son viril, son supremo, son nobre (son violento)39. A todos estes calificativos, acrecenta nas inscricións outros, como: poderoso na batalla, o que mata os seus inimigos, que incendia os montes dos países, que destrúe cidades, heroi forte, o que queima o cruel e o malvado, favorito de Ashur, príncipe exaltado, ... “Como unha rede, eu emaraño, como armadilla de paxaro, eu aprisiono. Á mención do meu poderoso nome, os príncipes das catro rexións (do mundo) tremen como un «cordel co temporal». Ao meu emprendimento dunha marcha, os seus edificios son sacudidos como kiti e metê40. Todas estas expresión, tomadas literalmente, son expresión da bestialidade máis pura. Outros títulos que se apropia son: heroi poderoso, favorito de Ashur, príncipe exaltado, sacerdote de Ashur, de ilustre proxenie, tal como se indica nunha inscrición na parede do peirao, KAH, II, nº. 83: “fillo de Ashur-dan, rei do universo, rei de Asiria; neto de Tiglat-Pileser, rei do universo, rei de Asiria; bisneto de Ashur-resh-ishi, rei do universo, rei de Asiria41.

 
Tukulti-ninurta II (891-883 a. C.), fillo e sucesor de Adad-nirari II. Consolidou as conquistas do seu pai sobre os hititas, babilonios e arameus, derrotou ao rei de Nain e anexou a Asiria o estado arameu de Harrán, fortalecendo o imperio asirio. 

 
Nunha inscrición en ladrillo de palacio, especifícanse os seus títulso e antepasados: “Palacio de Tukulti-Ninurta, rei do universo, rei de Asiria; fillo de Adad-nirari, rei do universo, rei de Asiria; neto de Ashur-dan, rei do universo, rei de Asiria”42. Nunha inscrición de Ashur, KAH, II, nº. 90 maniféstase: “Nestes días, cando por mandado dos grandes deuses, a miña soberanía señorial se manifestou a si mesma, eu son real, ... eu son reverente, son preeminente, son valente, ... son omnipotente, son resplandecente, ... son nobre, son temido”43. Intitúlase como é habitual: rei do universo e rei de Asiria, príncipe exaltado.  


Ashur-nasir-pal II (883-859a.C.), fillo e sucesor de Tukulti-Ninurta. Célebre pola súa brutalidade, levou a capital do reino a Kalhu (hoxe Ninmrud), cidade fundada por el, e celebrou este evento ofrecéndolle un banquete aos habitante da nova cidade e dignatarios estranxeiros, que se relata na Estela do Banquete, na que se declara a súa predilección polos deuses e menciónanse os seus títulos e os seus ancestros: “Este é o palacio de Ashurnasirpal, o grande sacerdote de Ashur, escollido por Enlil e Ninurta, o favorito de Anu e de Dagán (que é destrución (personificada) entre os grandes deuses - o rei lexítimo, o rei do mundo, o rei de Asiria, fillo de Tululti-Ninurta, grande rei, rei lexítimo, rei do mundo, rei de Asiria (que era) o fillo de Adad-nirari, igualmente grande rei, rei lexítimo, rei do mundo e rei de Asiria- o guerreiro heróico que sempre actúa por signos inspiradores de confianza provenientes do seu señor Ashur e (por tanto) non ten rival entre os gobernadores das catro partes do mundo; o pastor de todos os mortais, non temeroso da batalla (senón) unha maré atacante que non tolera resistencia; o rei que subxuga ao insumiso (e) goberna sobre toda a humanidade; o rei que sempre obra polos signos inspiradores de confianza dados polos seus señores, os grandes deuses, e por iso conquistou personalmente todos os países; ... Ashur, o Grande Señor, escolleume e emitiu un pronunciamento referente ao meu goberno mundial coa súa propia boca: Ashurnasirpal é o rei cuxo nome é poder” 44.  

Na seguinte inscrición da laxe da pavimentación do templo de Ninurta, que inserimos, obsérvanse dúas partes ben diferenciadas. A primeira é unha exaltación do deus Ninurta, atribuíndolle as cualidades humanas do gobernante ideal dunha sociedade guerreira, e a segunda unha lexitimación do monarca polas súas cualidades persoais e pola elección divina. Noutras inscricións tamén apela ao seu avoengo como fillo de Tukulti-Ninurta e neto de Adad-nirari, ambos reis no universo, reis poderosos, grandes reis, reis de Asiria. “A Ninurta, o poderoso, o omnipotente, o exaltado, o xefe dos deuses, o valente, o xigante, o perfecto, do que a arremetida na batalla non pode ser igualada, o primoxénito, o destrutor da oposición, o primoxénito de Nudimmud, o heroi dos Igigi, o poderoso, o príncipe dos deuses, a proxenie de Ekur, que sostén as redeas de ceu e terra, o que abre as profundidades, que pisa a larga terra, o deus sen quen as decisións de ceu e terra non se toman, o destrutor, o potente, o mandado da súa boca non é vacío, preeminente nas catro partes (do mundo), que dá lei e ceptro a todas as cidades, o gobernante impetuoso, a palabra dos seus labios non está alterada, (de) virilidade ilimitada, o mestre dos deuses, o exaltado, Utgallu (deus das tormentas), o señor dos señores, cuxa man controla os confíns de ceu e terra, o rei das batallas, o forte que vence oposición, o triunfante, o perfecto, o señor das augas inferiores e dos océanos, o terríbel, o imisericordioso cuxo ataque é a tormenta (diluvio), que esmaga os pobos dos inimigos, que abate o malvado, o poderoso deus cuxo consello non é vacío, a luz de ceu e terra, que ilumina en meio do abismo, que destrúe o malvado, que somete ao desobediente, que derruba inimigos, cuxo nome ningún deus pode humillar na asemblea dos deuses, o dador de vida, o deus Ab-u, a quen está ben orar?, que habita na cidade de Callah, o grande señor, o meu señor, (eu) Ashurnasipal rezo; o poderoso rei, rei do universo, rei sen rival, o rei da totalidade das catro partes (do mundo), o sol de todos os pobos, favorito de Enlil (Bel) e Ninurta, o amdo de Anu e Dagan, o adorador dos grandes deuses, o submiso que é querido para o teu corazón, o príncipe, o favorito de Enlil (Bel), cuxo sacerdocio é agradábel para a túa grande divindade desde que estabececeches o seu reino, o valente heroi que vai de aqui para alá confiando en Ashur, o seu señor, e que non ten rival entre os príncipes das catro partes (do mundo), o marabilloso pastor, que non teme a oposición, o potente diluvio que non ten conquistador, o rei que logrou submeter aos que non eran submisos, que puxo so o seu dominio a totalidade dos pobos, o potente heroi que pisa o pescozo do seu adversario, que esmaga todos os inimigos baixo o pé, que despedaza o poder do altivo, que camiña confiando nos grandes deuses, seus señores, cuxa man conquistou todos os pobos, que dominou todos os montes (rexións), e recibiu o seu tributo, que tomou reféns e que estabeleceu poder sobre todos os pobos45. Manifesta que foi chamado por Ashur polo seu nome e que foi este deus quen lle mandou conquistar, subxugar, gobernar; situado no trono por Shamash; poderoso déspota, rei de todos os príncipes, rei de reis, exaltado sacerdote, o implacábel, o pastor, o adorador dos grandes deuses, adorador dos grandes deuses, o que oferece oferendas aos grandes deuses, fillo de Tukulti-Ninurta, neto de Adad-nirari, o sacerdote, rei de gloria, protector das catro rexións do mundo, o sabio, o coñecedor, o intelixente, rápido en comprensión, vice-rei de Enlil, sacerdote de Ashur, ... “E agora por mandado dos grandes deuses a miña soberanía, o meu dominio e o meu poder manifestáronse a si mesmos; eu son real, son señorial, son exaltado, son potente, son honrado, son glorificado, son preminente, son poderoso, son valente, son un león bravo, son heróico! (Eu) Ashur-nasir-pal, o poderoso rei, rei de Asiria, escollido por Sin, favorito de Anu, amado por Adad, poderoso entre os deuses, eu son a imisericorde arma que abate os países dos seus inimigos; eu son un rei, poderoso na batalla, que destrúe cidades e países montañosos, primeiro na guerra, rei das catro partes (do mundo), que conquistou os seus inimigos, destruíu todos os seus inimigos, rei de todas as rexións (da terra), de todos os príncipes, o primeiro deles, o rei que pisou todos os que non lle eran submisos, e que puxo so o seu dominio a totalidade de todos os pobos. Estes decretos do destino saen da palabra dos grandes deuses, e para o meu destino eles ordénanos como é debido. En cada desexo do meu corazón e emprendemento da miña man, Ishtar, a dama, que ama o meu sacerdocio, foime indulxente e o seu corazón induciu ao emprendemento da guerra e da batalla46. Foi chamado polo seu nome por Ashur, que fixo grando o seu reino.
 
Salmanasar III (858-824 a.C) fillo e sucesor de Ashur-nasir-pal II como rei de Asiria, preocupouse de enriquecer o seus país e abrilo cara ao Mediterráneo. 


Na inscrición monolito que leva o seu nome, primeiro fai unha invocación aos deuses e despois presenta os seus numerosos títulos. A concepción guerreira da relixión, ao tratarse da relixión dos dirixentes, lévao a afirmar que a deusa da guerra, Ishtar, se comprace na guerra. Móstrase como amado e escollido polos deuses, rei poderoso, sacerdote, sol de todos os pobos, coa función de iluminalos, vice-rei, ou sexa, vicario de Ashur, vixilante, viril, ... “Ashur, o grande señor, o rei de todos os grandes deuses; Anu, o rei dos Igigi e Anunnaki, o señor dos pobos; Bel, o pai dos deuses, o árbitro dos destinos, que fixa os límites de ceu e terra; Ea, o sabio, o rei do abismo, o patrón das artes; Nanir de ceu e terra, o maxestuoso; Shamash, o xuíz das catro partes do mundo, que lidera a humanidade con acerto; Ishtar, a dama da competición e batalla, que se deleita na guerra; os grandes deuses, que aman a miña soberanía, alargaron a miña señoría, poder e goberno; o meu importante nome, a miña exaltada fama na presenza dos señores estabelecérona firmemente. Salmanasar, o rei de todos os pobos, o príncipe, o sacerdote de Ashur, o rei poderoso, rei de Asiria, rei das catro rexións do mundo; o sol de todos os pobos, que domina sobre todos os países; o rei, escollido polos deuses, o amado de Bel, o vice-rei de Ashur, o vixilante, o grandioso príncipe, qie descobre estradas e (camiños) dificíles; que escala as cimeiras das montañas (e) todos os bosques montañosos, que recibe tributo e presentes de todas as rexións. Que abre estradas acima e abaixo; perante o seu poderoso ataque as rexións alarmáronse e os edificios dos países tremen polo poder da súa bravura; o viril, o poderoso, que so a protección de Ashur e Shamash, os deuses, os seus axudantes, marcha e entre os príncipes das catro rexións do mundo non ten rival; o rei dos países, o forte, que marcha sobre abruptas estradas, atravesa montañas e mares; o fillo de Ashurnasirpal, gobernador de Bel, sacerdote de Ashur, cuxo sacerdocio era agradábel aos deuses, e a cuxo pé se suxeitaron os países; o brillante descendente de Tukulti-Ninib, que subxugou a todos os seus inimigos e destruínos como un ciclón. No tempo en que Ashur, o grande señor, fiel ao seu corazón, cos seus ollos claros me recoñeceu, e chamoume para o goberno de Asiria, un poderoso exército, que destrúe o insubordinado, confioume todos os países, e coa maxestosa coroa adornou a miña señoría? ** deume ordes severas para subxugar e para dominar os inimigos de Ashur47.
 

A inscrición «Obelisco negro» comeza con unha invocación aos deuses, e a continuación tenta lexitimarse con unha descrición das propias cualidades do monarca e co seu avoengo. A seguir, comeza a súa autoexaltación: “Salmanasar, rei de todos os pobos, señor, sacerdote de Ashur, rei poderoso, rei de todas as rexións (do mundo), sol de todos os pobos, déspota de todos os países; fillo de Ashur-nasir-pal, o sumo sacerdote, do que o sacerdocio era aceptábel aos deuses, e que someteu aos seus pés a totalidade de todos os países (da terra); gloriosa proxenie de Tukulti-Ninurta, que rodea os seus inimigos e os destrúe como un furacán”48.
 

Como podemos observar e como é habitual nestes reis, utiliza unha linguaxe hiperbólica para describir o seu estatus e as súas fazañas: “(Eu son) Almanasar, o rei lexítimo, o rei do mundo, o rei sen rival o «Grande Dragón», o (único) poder dentro das (catro) rexións da terra, suserano (especie de señor feudal) de todos os príncipes, que esmagou a todos os seus inimigos como se (fosen) de barro, o home poderoso, inexorábel, que non amostra clemencia na batalla, o fillo de Ashur-nasir-pal ...49. Outros calificativos que se outorga son: gobernante de todos os países, o buscado polos deuses, favorito de Enlil, vice-rei vixilante de Ashur, honrado príncipe, que acha o seu camiño entre as máis difíciles disxuntivas, heroi poderoso que avanza coa confianza de Ashur e Shamash, os seus aliados divinos, designado e chamado para o goberno de Asiria por Ashur, o autócrata, o inigualábel, ... Inicia a guerra seguindo os oráculos dos deuses: “Eu loitei con el (Ahuni, rei arameu de Bit-Adini) so os oráculos inspiradores de confianza de Ashur e os (outros) grandes deuses, meus señores (e) infrinxinlle unha derrota50
 
Shamshi-Adad V (823-811 a. C.), fillo e sucesor de Salmanasar III. Enfrentouse á rebelión protagonizada polo seu irmán Ashur-danin-pal por cuestión sucesorias, e loitou contra os maneos, medos e babilonios, vencendo ao rei deste último territorio do sul de Mesopotamia, Marduk-zakir-shumi I (855-819 a. C.).
 

Na estela monolito do palacio de Nimrud, comézase facendo unha invocación aos deuses e a seguir procédese á exaltación do monarca, con referencia ao seu rol de pastor, poderoso, sen rival, sacerdote, predestinación por parte dos deuses, restaurador de templos e cita dos gloriosos ancestros : “A Ninurta, o poderoso señor, o heroi forte, exaltado caudillo dos deuses, que sostén a cavilla de ceus e terra, que dirixe todas (as cousas), o exaltado dos Igigi, guerreiro poderoso, cuxo poder é irresistíbel, o primeiro (entre) os Anunnaki, o brillante campión dos deuses que ten ten igual, o poderoso Udgallu (deus da tormenta), o señor exaltado, que cabalga sobre a tormenta, cuxa mirada, parecida á de Shamash, luz dos deuses, penetra as (catro) rexións (do mundo). Campión dos deuses, que irradia esplendor, que está cheo de terror, posuíndo todo (lit.: perfecto en) dominio e poder (lit.: mighty power), o primoxénito de Enlil, a defensa dos deuses, o seu procreador, criatura (ou, proxenie) de Esharra (deusa do amor e da guerra), fillo conquistador, que aparece ameazadoramente no brillante firmamento, (como) arma poderosa (?); proxenie de Kutushar (consorte de Nergal), dama dos templos (lit: destes) de Anu e Dagan; a palabra da súa boca é inalterábel; o omnipotente, o exaltado, grande, o posuidor de forza, con membros ben desenvolvidos; xeneroso, astuto, campión dos deuses, o señor, que habita en Callah, a cadeira espléndida, o lugar espacioso, a casa de Udgallu (nube tormentosa): Shamshi-Adad, o potente rei, o rei do universo, sen rival, guarda (pastor) dos santuarios, o portador de ceptro de lugares sagrados, gobernador de todos os países, que ordena todas as cousas, o caudillo cuxo nome os deuses nomearon desde antigo, o sacerdote sagrado, que restaura Esharra, o infatigábel, que mantén o culto dos templos, que xira o seu pensamento (lit.: corazón) cara ás obras (que hai que facer en), Eharsagkurkurra (e) os (outros) templos deste país, e préstalle a súa atención; fillo de Salmanasar, rei das catro rexións (do mundo), rival (vitoriosos) dos príncipes de todos os pobos, que esmaga so os pés (todos) os países; neto de Ashur-nasir.pal, que recibiu tributo e prendas das (catro)rexións (do mundo)51. Como moitos outros reis, describe os deuses como os seus aliados, en concreto Ashur e Shamash.
 
Adad-nirari III (810-782), tamén chamado Ramman-nirari, fillo e sucesor do fillo de Salmanasar III, Shamshi-Adad V. Na súa minoría de idade, ocupou a rexencia, durante cinco anos, a súa mai, a famosa raiña Semiramis. A súa primeira campaña militar tivo lugar no ano 806 e foi dirixida contra Damasco e, como resultado recibiu tributo do seu rei Mari e do de Israel Xoás. No ano 795 comezou unha expedición contra Babilonia, saldada por un tratado de amizade entre os dous pobos fraternos. Os últimos años do seu reinado o Imperio debilitouse, en parte debido á repartición do país entre os seus catro fillos, pois só un deles, Tiglath-Pileser III, foi capaz de facer frente aos Urartu e fundar o novo Imperio Asirio, con dominio en Asiria e Babilonia.
 

Na estela Saba'a comeza por unha invocación ao deus Adad, ao que describe como o primeiro en ceu e terra, fillo do deus do ceu, An ou Anu, e como o primeiro entre os Igigi, os deuses celestes inferiores, e caudillo dos Anunnaki, os nenos de Anu, deidades mesopotamias baixadas do ceu e que teñen aos seu servizo os Igigi e como escravos aos humanos. Após descríbese o seu estatus como vice-rei dos deuses, as súas cualidades humanas para o goberno e a súa proxenie, con obxecto de lexitimar, neste triplo pilar, o seu poder: “(A) Adad, primeiro en ceu e terra,fillo de Anu, o guerreiro poderoso, o perfeito, o potente en forza, primeiro entre os Igigi, (caudillo) valente dos Anunnaki, que se viste en esplendor, que pasea o poder,... que derruba o malvado co seu brillante látigo, que lanza as terríbeis ameazas, o grande señor, seu señor; Adad-nirari, o grande rei, o rei poderoso, rei do universo, rei de Asiria, rei sen rival, o pastor marabilloso, o exaltado vice-rei (dos deuses), cuxos pensamentos son motivo de preces e sacrificios, cuxo goberno os grandes deuses fan beneficioso como o alimento da vida para os pobos de Asiria, e cuxos territorios eles agrandan; fillo de Shamshi-Adad, rei poderoso, (rei do universo, rei) de Asiria, neto de Salmanasar, gobernador de todos os príncipes, destrutor de reis hóstiles52
 
Na pedra Slab inseriuse unha inscrición na que, despois de citar os seus títulos, se atribúen a Ashur polo menos parte do que na inscrición anterior se atribuían a Adad. Foi Ashur quen o escolleu xa de rapaz para ser rei pastor, concebindo os súbditos como unha especie de rabaño, persoas dirixidas e non participativas. Ten tamén o estatus de sacerdote con funcións cultuais e restauradoras dos templos: “Propiedade de Adad-nirari, grande rei, rei lexítimo, rei do mundo, rei de Asiria -un rei a quen Ashur, o rei dos Igigi (deuses celestes menores) escolleu cando era un rapaz, confiándolle a posición dun príncipe sen rival, (un rei) do que o pastoreo o fixeron tan agradábel para o pobo de Asiria como (o odor) da Planta da Vida, (un rei) cuxo trono estabeleceron firmemente; o supremo sacerdote sagrado (e) guarda infatigábel do templo é.sar.ra, que mantén os ritos do santuario, que obra só baixo os oráculos inspiradores de confianza de Ashur, o seu señor53. Os deuses aterrorizan aos seus inimigos: O encanto, inspirador de terror de Ashur, “esmagounos (e) so o mandado de Ashur, Sin, Shamash, Adad (e) Ishtar, os meus deuses (inspiradores) de confianza, puxéronse aos meus pés (como submisión)”54.

 
Ashur-nirari V (754-745 a.C.), fillo de Adad-nirai III e irmán e sucesor de Ashur-dan III (772-755 a. C.), irmán, á súa vez, e sucesor de Salmanasar IV (783-772 a. C.). Foi un rei débilitado pola influencia dos militares, en especial do comandante en xefe, Shamshi-ilu, e foi derrocado por Tiglat-Pileser III.

 
Tiglatpileser III (744-727 a. C.), fillo de Adad-nirari III, sucedeu aos seus tres irmáns asasinados que lle precederon no trono. Fundou o imperio neoasirio. Loitou contra as tribos de caldeos, arameus e dos montes Agros, e máis tarde contra Siria e Media. En axuda do rei Acaz de Xudá, invadiu Israel e Damasco que o asediaban, e deportou as súas populacións. Impuxo ao seu protexido Oseas como rei de Israel no ano 732. No ano 728 uniu á súa coroa como rei de Asiria, a de rei de Babilonia. 

 
Na inscrición da laxe de Nimrud faise unha dedicatoria na que se describen os seus títulos, a súa bravura persoal e a predestinación divina para o goberno: “O palacio de Tiglat-Pileser, o grande rei, o rei poderoso, rei de todo o mundo. Rei de Asiria, rei de Babilonia, rei de Sumer e Akkad, rei dos catro partes do mundo; o bravo heroi, o guerreiro, que so a protección de Ashur, seu señor, rompeu en pezas como vasillas aos que lle desobedecían, varreunos como un ciclón e deunos ao vento; o rei que pola chamada de Ashur, Shamash, e Marduk, os grandes deuses, marchou de aquí para alá e gobernou sobre pobos desde o mar salgado de Bit-Iakin ao monte Bikni no este; e desde o mar Mediterráneo a Exipto, e desde o horizonte ao zenit, e reinou sobre eles55.

 
Salmanasar V (727-722 a.C.) sucedeu ao seu pai Tiglath-Pileser III na dobre coroa de Asiria e Babilonia, intitulándose nesta última como Ululaia. Derrotou ao rei Oseas de Israel, que se negaba a pagar tributo e demandara axuda aos exipcios e estabelecera unha coaligación cos gobernantes de varias cidades. No ano 725 sitiou Samaria, chegando a tomala ao final do seu reinado, aínda que Sargón tamén se atribúe este mérito. Oseas foi deportado e parte da populación foi levada cativa a Asiria, sendo ocupado o seu lugar por habitantes de Babilonia, Cuta, Xamat e Sefarvam. No ano 722 foi derrotado por Ummanigash de Elam e perdeu o dominio sobre Babilonia. Sucedeulle Sargón II en Asiria e Marduk-apal-Iddina en Babilonia. Intitúlase: “rei potente, rei do universo, rei de Asiria, rei das catro rexións do mundo, vice-rei de Babilonia, rei de Sumer e Akkad56.
 

Sargón II (722-705 a. C.), irmán e sucesor de Salmanasar V, co que actuou como correxente, entronizouse por medio da violencia, aínda que algúns cren que foi un usurpador sen vínculos coa familia real. Durante o seu reinado, Asiria viviu unha época de esplendor e de expansión. No ano 722 conquistou Samaria, que repobou no ano 715 con deportados árabes para conter a influencia exipcia. No 711 venceu a unha coalición filistea formada por Asdod, Xudá, Edom, Moab e Exipto e ao ano seguinte ao rei de Babilonia, Marduk-apla-iddina II, conseguindo coroarse rei deste país no ano 709. Parece que foi asasinado por un dos seus soldados.

A seguinte carta, achada nunha tableta de Ashur, comeza con unha preciosa invocación aos deuses: “Ashur, pai dos deuses, o grande señor, que habita en Eharsaggalkurkurra, o grande templo, saúde, todos saúde! Vós deuses do destino, vós deusas, que habitades en Eharsaggalkulkurra, o voso grande templo, saúde, todos saúde! Vós deuses do destino, vós deusas, que vivides na cidade de Ashur, o voso grande templo, saúde, todos saúde! Á cidade e ao seu pobo, saúdos! ao palacio no seu seo, saúdos! A Sargón, o sacerdote santo, o sirvente, que teme a vosa divindade, e ao seu exército, paz, paz abundanfe!57.

 
A estela de Chipre de Sargón, comeza con unha invocación aos deuses e segue con unha descrición dos seus títulos e cualidades persoais, moi similar ao que xa describimos en reis anteriores: “Ashur, o grande señor, rei dos Igigi e Anunnaki, creador de todas as cousas, pai dos deuses, señor dos países; Sin, brillante Nannaru (outro nome de Sin) de ceu e terra, que destrúe os malvados designios do inimigo, que emite os decretos que gobernan ceu e terra, que destrúe o inimigo; Shamash, señor da rectitude, ... que conduce ao nada os malvados designios do perverso ... ; Adad, mestre dos deuses, líder valente, ... ; Marduk, o grande señor, ... que pprové para todos os pobos, ...; Nebo, auténtico fillo de Ekur, ... que afasta o insumiso, ...; Ishtar, raíña da batalla, ... que dá lei ao perverso, Sibi, a sétima ... dos deuses, que no lugar do combate, poñendose da lado do rei, o seu favorito, ..(texto deteriorado)58.

 
Na inscrición do Cilindro de Sargón preséntanse os seus numerosos títulos e fazañas: “Sargon, o gobernador de Bel, o exaltado sacerdote de Ashur, o elixido de Anu e Dagán, o grande rei, o rei poderoso, o rei do mundo, rei de Asiria, rei das catro partes (do mundo), o favorito dos grandes deuses, o gobernante lexítimo, a quen Ashur e Marduk garantiron un reino sen igual e a fama do seu nome espallaron aos finisterres; que vixilou con moito cuidado sobre Sipar, Nipur e Babilonia, que protexeu os seus puntos débiles e restaurou as súas ruínas; que preservou a supremacía da (cidade) de Ashur, que chegaba ao seu fin; que impuxo a servidume sobre Dur-ilu e pacificou o seu pobo pola forza. O máis forte de todos os príncipes, que estendeu a súa protección a Harrán e, consoante coa vontade de Anu e Dagán, escribiu as súas cartas poboas. O viril, o poderoso, o cuberto con (inspirador de temor) esplendor, que envía os seus exércitos para destruír os seus inimigos. O rei que desde o día do seu acceso non tivo príncipe rival e na loitra e na batalla non topou un superior, que que desfixo en pedazos todos os pobos como cántaros e escravizou? as catro partes (do mundo); que explorou inúmeras montañas -embora os seus carreiros eran abruptos- e encontrou un camiño ao seu través; que marchou por inaccesíbeis (e) dificultosos sendeiros -rexións terríbeis- e cruzou manantiais de arroios; que dominou desde Rashi ao límite de Elam, ...”59.

 
O texto da inscrición publicitaria do palacio de Khorsabad repite un modelo estereotipado que aparece abundantemente nas numerosas inscricións conservadas deste rei: “Pazo de Sargón, o grande rei, rei poderoso, rei do universo, rei de Asiria, vice-rei de Babilonia, rei de Sumer e Akkad, fovorito dos grandes deuses. Ashur, Nebo e Marduk, confiáronme un reino sen rival, e fixeron que o meu nome alcanzase o máis alto renome60. Outros títulos dos que se dotou foron: sacerdote de Ashur, rei das catro rexións do mundo, gobernante (pastor) recto, elixido por Anu e Dagán, heroi poderoso, cuberto de terror, caudillo guerreiro, exaltado príncipe, subxugador de Xudá, servente, temeroso da divindade, príncipe sabio, adorador dos grandes deuses e deusas, guarda da xustiza, o humilde e infatigábel adorador e vice-rei de Nebo e Marduk, prefecto de Enlil, o poderoso, perfeito en poder e forza, príncipe prudente cheo de planos nobres, o guarda da xustiza, o humilde e incansábel adorador de Nebo e Marduk, ...

 
Senaquerib, (704-681 a. C.), rei de Asiria e de Babilonia (689-681 A.c.), fillo e sucesor de Sargón II. Participu en diversas guerras especialmente contra Elam, Urartu e Exipto. Venceu ao rei de Xudá, Hezequías, en resposta ao levantamento por parte deste, saqueou moitas cidades de Xudá, sitiou Xerusalén e encerrou ao seu rei Hezequías como un paxaro engaliolado, embora non chegou a tomala, e arrasou Babilonia. Foi asasinado nunha revolta polos seus fillos por problemas sucesorios.

 
Diríxese aos deuses como «meus señores» e guíase polos oráculos que eles lle transmiten, como se relata no Prisma de Taylor: “So un oráculo inspirador de confianza de Ashur, meu señor, combatín con eles e infrinxinlles unha derrota”61. El roga aos grandes deuses antes da batalla e eles escoitan as súas preces e encoráxano, ao tempo que el corresponde con unha demostración de bravura: “Eu roguei a Ashur, Sin, Shamash, Bel, Nebo, Nergal, Ishtar de Nínive, Ishtar de Arbela, os deuses en quen confío, que eu poida conquistar o poder inimigo. Eles ouviron as miñas preces e viñeron na miña axuda. Eu era tan fero como un león, púxenme a miña coraza e cubrín a miña cabeza con un elmo, o sinal da guerra. Na ira do meu corazón, conducín furiosamente o meu espléndido carro de guerra, que derruba os inimigos. Apreendín o forte arco que Ashur me confiou e agarrei o dardo que destrúe a vida. Contra todas as tropas, inimigos perversos, na miña aflición, enfurecinme como unha tormenta, ruxín como Ramman. Por mandado de Ashur, o grande deus, meu señor, ataquei o inimigo de flanco e de frente, como a chegada dunha terríbel tormenta. Coas armas de Ashur, meu señor, e o ataque do meu combate, destruín o seu frente e provoquei a súa retirada62.
 

Como os demais reis de Mesopotamía, acumula títulos nunha operación de marketing persoal e no seu afán de lexitimar o seu poder nas súas cualidades persoais e na confianza e prelación divina: non apela ao avoengo e nunca cita a súa ilustre proxenie, o cal indica que se daba a respecto deles unha situación de conflitividade. Alén diso, hai que ter en conta que os pobos do próximo oriente, nomeadamente os semitas, xa son de por si tendentes á utilización dunha linguaxe hiperbólica, esaxerada, magnificente. “Senaquerib, o grande rei, o poderoso rei, rei do mundo, rei de Asiria, rei das catro dos catro cadrantes, o sabio pastor, fovorito dos grandes deuses, guardian do dereito, amante da xustiza, que concede apoio, que vén en axuda dos desamparados, que realiza actos piadosos, heroi perfecto, home poderoso, primeiro entre todos os príncipes, que desinfla ao insubmiso, que desarma ao malvado coa ameaza; o deus Ashur, a grande montaña, confioume unha realeza sen rival, e sobre todos os que habitan en palacios, fixo poderoso o meu armamento, desde o mar superior do solpor ao mar inferior do crecente, trouxo ao pobo dos cabezas-negras submisos aos meus pés; e poderosos reis temeron as miñas campañas guerreiras, abandonando as súas casas e voando sós, como o sidinnu, o paxaro da mañá, para algún lugar inaccesíbel63. Os grandes deuses prefíreno e apoiano, como se manifesta nunha inscrición no muro de pedra de Judi Dagh: “Ashur, Sin, Shamash, Adad, Ninurta e Ishtar, os grandes deuses, que están do lado do rei, o seu favorito, e “fai virulentas” as armas contra todos os inimigos64. “Ashur, pais dos deuses mirou por min, entre todos os príncipes, co seu favor seguro, e superior a todos os que habitan en palacios, fixo poderosas as miñas armas65. Outros intitulacións coas que se presenta son: o guerreiro, o grande, que  combate o inimigo co relámpago, adorador dos grandes deuses, sabio e astuto, soberano sabio, príncipe providente, pastor de pobos, gobernador de nacións espalladas, Ashur e Ishter aman o seu sacerdocio e chamárono polo seu nome, o omniptente, restaurador dos cultos de Esharra, subxugador de países inimigos, destrutor das súas cidades, o amparo do seu país, terríbel na batalla e na guerra, a sombra protectora do seu exército, ... “A raiña dos deuses, a deusa da procreación, miroume favorabelmente, (mentres estaba aínda) no útero da mai que me pariu, mentres Ea proveu un útero espacioso, e outorgoume comprensión penetrante, o par do mestre de Adapa. Ashur, pai dos deuses, someteu aos meus pés toda a raza dos cabezas negras, puxo na miña cabeza ser gobernante de países e pobos, deume un ceptro xusto que amplía os meus territorios e puxo na miña man unha espada sen igual para destruír os meus inimigos66.
  
Asarhadon (680-669 a. C.) rei de Asiria e gobernador de Babilonia, fillo do rei Senaquerib e da aramea Naqi'a (Zakutu). Iniciou a conquista de Exipto, chegando a apoderarse de Menfis. Someteu a vasalaxe ao rei de Xudá, Manasés (697-642 a.C.), sucesor de Hezequías (736-687 a. C). Durante o seu reinado morreu o profeta Isaías (765- ).
 
A estela Senjirli, oferécenos unha invocación aos deuses e a seguir unha descrición dos seus títulos e disposicións subxectivas, tan frecuente nas inscricións de Mesopotamia67. Aquí deixamos constancia do himno de eloxio do Prisma S, onde se nos apresentan os seus títulos, cualidades persoais, avoengo, a súa prelación e amor por parte dos deuses, por quen foi chamado para a realeza: “Eu son Asarhadón, rei do universo, rei de Asiria, guerreiro poderoso, primeiro entre todos os príncipes, fillo de Senaquerib, rei de Asiria, neto de Sargón, rei do universo, rei de Asiria, criatura de Ashur e Ninlil, amado por Sin e Shamash, fovorito de Nebo e Marduk, obxecto de afecto da deusa Ishtar, desexo do corazón dos grandes deuses; o poderoso, o sabio, o pensador e coñecedor, a quen os grandes deuses chamaron á realeza para a restauración das imaxes (estatuas) dos grandes deuses, e para a reconstrución completa dos santuarios de cada metrópole”68. A seguir enumera os roles protectores dos diversos deuses: “Ashur, o pai dos deuses, para acomodarse e vivir (en paz), para estender os límites de Asiria, comisionoume a min. Sin, señor da tiara, -poder, coraxe, bravura, trazou o meu destino. Shamash, luz dos deuses, -para o meu honrado nome carretou o máis alto renome. Marduk, rei dos deuses, -fixo que o temor da miña gobernación domine os países das catro partes (do mundo) como un poderoso furacán. Nergal, o omnipotente entre os deuses, -temor, terror, esplendor inspirador de medo, outorgoumos como un regalo. Ishtar, a deusa das batallas e da guerra, -un poderoso arco, un dardo enorme, deumos como regalo69.

 
No Prisma de Asarhadón e de Ashurbanipal é apresentado como “grande rei, rei lexítimo, rei do mundo, rei de Asiria, rexente de Babilonia, rei de Sumer e Acad, rei dos catro arcos (da terra), o verdadeiro pastor, favorito dos grandes deuses, a quen Ashur, Shamash, Bel e Nebo, a Ishtar de Nínive, (e) a Ishtar de Arbela proclamaron rei de Asiria desde que era un rapaz. Eu era o máis novo entre os mais vellos irmáns mais o meu propio pai, por orde de Ashur, Sin, Shamash, Bel e Nebo, a Ishtar de Ninive (e) a Ishtar de Arbela, escolléume -en debida forma e en presenza de todos os meus irmáns- dicindo «este é o fillo a (ser elevado) á posición de sucesor meu»"70. No primeiro ano do seu reinado, mentres os deuses o entronizaban, “producíronse no ceu e na terra signos favorábeis, mandando restaurar as imaxes dos deuses, a restauración dos santuarios71. A escolla por parte do seu pai, veu precedida por unha previa elección divina que, após a consulta aos oráculos dos deuses feita polo seu proxenitor, responderon: “El é o teu sucesor72. Unha vez elixido polo rei, obrigou a que o pobo lle prestase xuramento: “El honrou o seu grave pronunciamento e reuniu a todo o pobo de Asiria, grandes e pequenos, meus irmáns, proxenie da casa de meu pai, nun só lugar e diante de Ashur, Sin, Shamash, Nebo e Marduk, os deuses de Asiria, os deuses que habitan no ceu e na terra, fíxolles prestar xuramento solemne, no seu nome, de asegurar o meu ascenso ao poder”73. Ese ascenso ao poder sería favorecido polos deuses. A deusa Ishtar favoreceu coa súa protección e apoio, alén de que foi quen estabeleceu o seu trono na terra. “Asarhadon, rei dos países, non temas! ... Eu son a grande dama divina, Eu son a deusa Ishtar de Arbela, que destruirá aos teus inimigos diante dos teus pés... Eu, Ishtar de Arbela, irei diante de ti e detrás de ti: non temas! Ti estás nun estado de volver a nacer: Eu estou nun estado de aflición, estea de pe ou sentada. ... Non temas, Esarhadon, Eu, o deus Bel, fálache. As pulsacións do teu corazón, eu fortalecín dun xeito similar a túa mai que che deu a vida. Sesenta grandes deuses están comigo e protéxente. ... Esarhadon, fillo (lexítimo) proxenie da deusa Ninlil, a túa mente é sagaz74. Nun oráculo sobre Asarhadón ponse en boca de Ishtar as seguintes palabras: “O Esarhadon, herdeiro lexítimo, fillo da deusa Ninlil, Eu estou pensando en ti. Quéroche moito”75. El diríxese aos deuses como « meus señores»76, con especial mención para Ashur, «meu señor». Del di o seu fillo Ashurbanipal: “A Asarhaddon, rei de Asiria, o meu propio pai, o favorito dos grandes deuses que triunfou polo seu culto de todos os deuses e deusas77. Intitúlase tamén: exaltado déspota de Ashur, Shamash, Nebo e Marduk, que destrúe o malvado, o sen-par, que está cuberto de terror, que non teme na batalla, o perfeito heroi, o que non ten igual na loita, o príncipe todopoderoso, que sostén as rédeas dos príncipes, o can feroz, o vingador do pai que o enxendrou, da semente eterna do sacerdocio, o miserábel, o escravo suplicante, o submiso, o servil adorador das súas exaltadas divindades, favorito da deusa Sarpanit, un rei xeneroso, rei temeroso de deus, ... Na Estela Senjirli describe: “Eu son poderoso, son todopoderoso, son un heroi, son grande, son colosal, son honrado, son magnificado, son sen-par entre todos os reis, o escollido por Ashur, Nebo e Marduk, chamado por Sin, favorito de Anu, amado pola raiña Ishtar, deusa de todo (o mundo); a arma sen-par que destrúe totalmente o país do inimigo, son eu78.

 
Asurbanipal III (668-626 a. C.), último grande rei de Asiria, con mando tamén sobre Babilonia, fillo de Asarhaddon e Naqi'a-Zakutu, e o seu sucesor . Sabía ler e escribir, que era moi pouco común nos reis da antigüidade. Aplacou a rebelión do seu irmán, Shamash-shum-ukin, que se proclamara rei de Babilonia, destruiu Elam e a súa capital, Susa, e conquistou parte do que hoxe son os territorios árabes. Durante o seu reinado, Xudá continou rendendo vasalaxe a Asiria, como se constata pola seguinte inscrición do Cilindro C: “O meu corazón encolerizouse e encendeuse o meu ánimo a causa destes factos; elevei as miñas mans e implorei a Ashur e a Ishtar, a asiria. Puxen en movemento as miñas forzas e directamente encamiñeime ao país de Egipto e de Nubia. No curso da miña campaña Ba'alu, rei de Tiro, Manasés, rei de Xudá... trouxeron perante min o seu importante presente e beixaron os meus pés”79. Á súa morte, sucedeulle o seu irman Shamash-Shum-ukin (667-648 a. C) en Babilonia e o seu fillo Assur-etil-ilani en Asiria.

 
No Cilindro B, descríbense os seus títulos, a súa relevante proxenie, o destino que lle asignaron os deuses e o seu apoio e protección: “Eu son Ashurbanipal, o grande rei, o rei poderoso, rei do universo, rei de Asiria, rei das catro rexións (do mundo); proxenie descendente de Asarhadon, rei do universo, rei de Asiria, vice-rei de Babilonia, rei de Sumer e Akkad; neto de Senaquerib, rei do universo, rei de Asiria. Os grandes deuses, no seu consello, decretaron un destino favorábel para min, e concedéronme unha mente receptiva. Ele fixeron que dominase todo da arte dos escribas. Na asemblea dos príncipes eles magnificaron o meu nome, fixeron poderoso o meu goberno. Concedéronme potencia, virilidade, poder enorme; puxeron nas miñas mans os países insubmisos”80. No Cilindro de Rassam declara a súa creación e o destino para a realeza e o goberno, concibido como pastoreo, que lle asignaron os deuses desde o útero materno, confirmado polos oráculos divinos, e o xuramento que o seu propio pai lle fixo prestar aos súbditos de Asiria: “Eu son Assurbanipal, creado por Ashur e Ninlil, o príncipe herdeiro da Casa de Sucesión, do que o nome Ashur e Sin, o señor da Coroa, desde longo tempo proclamou para a realeza, e a quen no útero da súa mai crearon para o pastoreo de Asiria. Shamash, Adad e Ishtar prometeron o meu exercicio da realeza polos seus oráculos fidedignos. Esarhaddon, rei de Asiria, o meu propio pai, atendeu as ordes de Ashur e Ninlil, as deidades en quen el puxo a súa confianza, polo cal eles lle prometeron que eu exercería a realeza.... el congregou o pobo de Asiria, mozos e maiores, de costa a costa, para protexer a miña principesca coroa e máis tarde o meu exercicio da realeza sobre Asiria: el fixo que eles proclamasen un acordo xurado e estabelecesen un tratado obrigatorio. Entre alegrías e diversións entrei na Casa de Sucesión, un edificio construído artisticamente, o nó do reino, no que Senaquerib, pai do pai que me enxendrou, exerceu a principesca coroa e a realeza81. Ao tempo que manifesta ser creado por Ashur e Ninlil, tamén se recoñece criatura de Ishtar de Arbela82, que o protexe. As divindades axúdano e predestínano e el, en contrapartida, restaura os seus templos, fabrica as súas imaxes (estatuas), práctica o seu culto e tamén acode na súa axuda. “Para axudar a Bel e Nebo, meus deuses, dos que reverencio a divindade, congreguei os meus guerreios e púxenme en rota83. Outras intitulacións que se aplica son: rei de reis, príncipe sen rival, vice-rei de Babilonia, rei de Sumer e Akkad, especial favorito de Nebo, ... 

 
Louba os grandes deuses, mais, como non podía ser menos en reis guerreiros, destrutores e devastadores, dedícalle unha especial mención a Nergal, deus da morte e da destrución, como se afirma no texto que inserimos a seguir, que conmemora a restauración do templo de Sin en Harrán: “A Nergal, o guerreiro perfeito, o máis poderoso entre os deuses, o heroi preeminente, o señor poderoso, rei da batalla, señor do poder e da forza, señor da tormenta, que produce destrución; fillo de Enlil, o poderoso entre os deuses, seus irmáns; primoxénito de Kutushar, a grande raíña que marcha ao seu lado real, matando os seus inimigos, que degrada con pestilencia a todos os que non se lle submeten, e ao príncipe que a teme concédelle forza e poder84. Os deuses son quen aproban e apoian todas as súas atrocidades, ao tempo que humillan e destrúen os seus adversarios. No Himno ao seu nome preséntase como o vicario de Assur, que é quen ostenta realmente a realeza: “Ashur é rei! É Ashur quen é rei! Assurbanipal é o (vicario) de Ashur, a criatura das súas mans”85. Os deuses son quen lle dan a realeza: “Anu deu a súa coroa, Enlil deu o seu trono, Ninurta deu a súa arma, Nergal deu a súa gloria, Nusku ordenou e fixo que os príncipes acudisen á súa presenza”86. El, amado de Ellil, presenta a Ashur, Ishtar, Sin, Shamash, Adad, Bel, Nebo, e outros grandes deuses como «meus señores», aos que reza levantando as mans, e so os oráculos inspiradoes de confianza deses deuses, que sempre marchan ao seu lado, derrota aos experimentados soldados nunha batalla aberta. O esplendor do terror por eles inspirado cega Tirhakah e volveo como un louco. “So o oráculo (inspirador) de confianza de Ashur e Ishtar, Eu mesmo conquistei esa cidade completamente. Desde Tebas eu transportei presas, pesadas e inumerábeis: prata, ouro, pedras preciosas, as posesións persoais íntegras, roupas de liño con ornamentacións multicoloras, cabalos esbeltos, algúns habitantes, machos e femias”87. Xustifica a súa campaña contra o rei Uate de Arabía, entre outras cousas, no facto de que “El abandonoume a min, Ashurbanipal, o sumo sacerdote, o (sempre) servente suplicante (dos deuses), creado polas mans de Ashur, ... Convenceu aos habitantes de Arabia (para que se unisen) a el e despois saquearon repetidamente aqueles pobos que Ashur, Ishtar e (outros) grandes deuses me deron para que fose o seu pastor e confiaron ás miñas mans.So oráculo enviado por Ashur e Ishtar (congreguei) o meu exército e derroteino en sangrentas batallas88. Se alguén pon a súa confianza en si mesmo por en cima da confianza en Ashur, como fixo o faraón Tirhakah (690-664), está perdido. Son os deuses quen colocan so o seu xugo os reis inimigos89. Os reis diríxense aos deuses para que lles sexan propicios e os deuses interésanse polos seus protexidos e son quen os destinan para o rol de gobernantes. Ashurbanipal diríxese a Ninlil, consorte de Enlil e deusa do ar, así: “Son o teu servo Ashubanipal a quen deron forma as túas mans sen pai nin mai - a quen ti, Raiña, fixeches alcanzar a madurez”90. Noutro texto expresa a súa orixe divina: “Son Ashurbanipal, vástago de Ashur e Belit, o príncipe primoxénito da Casa da Sucesión, a quen Ashur e Sin, o señor da tiara, nomearon para ser rei desde días remotos, a quen formaron no seo da súa mai, para o goberno de Asiria”91.

 
Como se afirma no Cilindro de Rasan, cada un dos deuses ten a súa función mais todos colaboran para que el teña éxito: “E (verdadeiramente) Ninlil, a vaca selvaxe señorial, a máis heróica entre as deusas que rivaliza en rango (somente) con Anu e Enlil, afastaba os meus inimigos cos seus poderosos cornos; a Ishtar que habita en Arbela, que está cuberta de fogo (divino) e porta en cima (a coroa) do seu enorme esplendor , -o melammû - chovía chamas sobre Arabia; Irra, o guerreiro (o deus das pragas), implicándoos na batalla, esmagaba os meus inimigos so os pés; Ninurta, a Seta, o grande heroi, o fillo de Enlil, cortaba a gorxa dos meus inimigos con punta afiada; Nusku, o obediente mensaxeiro (dos deuses) pregoeiro da miña señoría, que me acompaña so o mandado de Ashur (e) a valorosa Ninlil, a Dama de Arbela, que me protexe como rei, dirixía o meu exército e derrubaba os meus inimigos. Cando as tropas de Uate, ouviron da proximidade do poderoso «armamento» de Ashur e Ishtar, os grandes deuses, meus señores, que durante a batalla viñeron no meu auxilio, subleváronse contra el”92.

 
Ashur-etil-ilani (ca. 631 a.C - ca. 627 a.C.), fillo de Ashurbanipal, rei de Asiria, de reinado breve e convulso pola presión de hordas de escitas, cimerios, medos e persas. Tivo que enfrentarse co seu irmán, Sin-shar-ishtum, que se proclamou rei de Babilonia, mais morreu nese enfrentamento. Sucedeulle o xeneral asirio e usurpador Sin-shumu-lishir, que só reinou un ano.

 
Consérvanse moi poucos rexistos deste período. Nun ladrillo do templo de Nebo, en Calah, consérvase a seguinte inscrición: “Eu son Ashur-etil-ilani, rei do universo, rei de Asiria, fillo de Ashurbanipal, rei do universo, rei de Asiria, neto de Asahardón, rei do universo, rei de Asiria”93. Noutro ladrillo do templo de Urash, en Dilbat, aparece a seguinte inscrición: “A Urash, o exaltado señor, primeiro entre os grandes deuses, E-ibe-Anum, o templo inspirador de temor do grande señor, o seu señor, Ashur-etil-ilani, rei de Asiria, restaurador do templo dos grandes deuses, fillo de Ashurbanipal, rei de Asiria, pastor dos cabezas negras, reconstruiu E-ibe-Anum, a morada sagrada, que está en Dilbat, o palacio de Urash e Ninegal” 94.

 
Sin-shar-ishkun (ca. 627 - 612 a.C), que, após vencer ao seu irmán, depuxo ao usurpador Sin-shumu-lishir, subiu ao trono nun momento de grande vilolencia e guerra civil interna, que desluciron o seu reinado, e que foi aproveitado por varios estados submetidos por Asiria -caldeos, babilonios, medos, persas, escitas e cimerios, para lograr a súa independencia. No ano 612 a.C. os medos, escitas e caldeos, liderados polo rei caldeo de Babilonia, Nabopalasar, fundador do Imperio Neobabilónico, tomaron Nínive, e despois dun epílogo de tres anos de resistencia desde Harrán de Ashur-uballit II (612-609), desaparece para sempre o Imperio Asirio. 

 
Na seguinte inscrición do cilindro barril de Nínive descríbese a súa elección e protección divinas, a malquerenza cos seus inimigos e a súa predestinación para o mando: “Sin-sharishkun, o grande rei, o rei poderoso, rei do universo, ... escollido por Ashur e Ninlil, amado por Marduk e Sarpanitum (deusa sumerio-babilonia, consorte de Marduk), ... a segura escolla do corazón de Nebo, e Marduk, ... (a quen Ashur), Ninlil, Nebo, Sin, Nin-gal, Ishtar de Nínive, Ishtar de (Arbela), no meio dos seus compañeiros (irmáns), ollou con firme favor, e chamou o seu nome para a realeza; a quen nomearon en cada cidade para o sacerdocio de cada santuario e para o goberno de todo o pobo; a quen seguiron prestando axuda, como o seu pai e mai, matando aos seus inimigos, sometendo a lei aos seus opoentes, ... a quen crearon para o dominio do universo e coroaron coa coroa do dominiio entre todos ... para a guia dos seus súbditos, nas súas mans, Nebo, guardián de todas as cousas, colocou un ceptro recto e un bastón xusto”95. Como non podía ser menos, non se esquence de enaltecer os seus títulos e proxenie: “Sin-Shar-Ishkum, o grande rei, rei poderoso, rei do universo, rei de Asiria, vice-rei de babilonia, rei de Sumer e Akkad, neto de Asahardon, o grande rei, rei poderoso, rei do universo, rei de Asiria, vice-rei de Sumer e Akkad, bisneto de Senaquerib, o grande rei, rei poderoso, rei do universo, rei de Asiria, príncipe sen rival, descendente de Sargon, o grande rei, rei poderoso, rei do universo, rei de Asiria, vice-rei de Babilonia, rei de Sumer e Akkad96
.

1. Assyrian royasl inscriptions, Albert Kirk Grayson, Wiesbaden, 1972, From the begining to Ashur-resha-ishi I,
books.google.es/books?isbn=3447013826, pp. 6-7.
2. Está escrito Ashur e, por tanto, moitos entenden que se trata do deus deste nome. De ser así sería o primeior que se intitulou desta maneira. En caso contrario, sería o seu fillo.
3. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 26, p. 12. Cf. Assyrian royasl inscriptions, Albert Kirk Grayson, Wiesbaden, 1972, From the begining to Ashur-resha-ishi I,
books.google.es/books?isbn=3447013826, p. 7.
4. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 30.3, p. 13.
5. Assyrian royal inscriptions, Albert Kirk Grayson, vol. 1, Wiesbaden, 1972, 151, p. 25.
6. TREBOLLE, JULIO, Textos del Antiguo Oriente, www.ucm.es/info/hebrea/Biblia.y.Antiguo.Oriente.doc, p. 120.
Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, 43A. p. 16.
7. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 41. p. 15.
8. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 47.3. p. 18.
9. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 48.1. p. 18.
10. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 50. p. 19.
11. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 565.
12. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 51. p. 19.
13. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 565.
14. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 52. p. 19.
15. Assyrian royal inscriptions, Albert Kirk Grayson, vol. 1, Wiesbaden, 1972, 261, p. 41.
16. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 53. p. 20.
17. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 59. p. 22.
18. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 65. p. 24 e 66, p. 25.
19. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 73. pp. 27-28. Cf. Assyrian and Babylonian Literature, New York, D. Appleton and Company, 1901, p. 6.
20. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 88.4. p. 32, e 33.
21. TREBOLLE, JULIO, Textos del Antiguo Oriente, www.ucm.es/info/hebrea/Biblia.y.Antiguo.Oriente.doc, p. 124. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 113. pp. 38-39.
22. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 118. p. 41.
23. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 145. p. 51.
24. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 163. pp. 56-57. Cf. 145, p. 51, e 148, p. 52.
25. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 209. pp. 69-70.
26. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 212. p. 70.
27. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 217. pp. 72-73. Cf.
Assyrian and Babylonian Literature, New York, D. Appleton and Company, 1901, pp. 11-12.
28. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, pp. 274-275. Cf. TREBOLLE, JULIO, Textos del Antiguo Oriente, www.ucm.es/info/hebrea/Biblia.y.Antiguo.Oriente.doc, p. 126. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 300-302. pp. 97-98.
29. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 338. p. 105.
30. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 340, p. 105.
31. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 344b, p. 106.
32. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 343, p. 106.
33. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 347, p. 107.
34. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 349, p. 107.
35. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 350, p. 107.
36. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 354.3, p. 108.
37. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 357, pp. 109-110.
38. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 356, p. 108.
39. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 358, p. 110.
40. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 359, p. 110.
41. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 379, p. 117.
42. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 431, p. 136.
43. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 421, p. 134.
44. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 558. Nesta Estela dise que o número de convidades asistente ao banquete se elevou a 69.574 persoas e que durou 10 días.
45. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 437, pp. 138-139.
46. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 438, pp. 140-141. Cf. 481, p. 169.
47. Assyrian and Babylonian Literature, New York, D. Appleton and Company, 1901, pp. 33-34. Cf. A inscrición «
Obelisco negro» en Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 276.
48. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 556, pp. 201.
49. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 276.
50. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 277.
51. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 714, pp. 253-254.
52. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 733, pp. 260-261. Cf.
Assyrian and Babylonian Literature, New York, D. Appleton and Company, 1901, pp. 50 a 52.
53. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 281.
54. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 282.
55. Assyrian and Babylonian Literature, New York, D. Appleton and Company, 1901, p. 52. Cf. Ancient record of
Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 787, p. 283.
56. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 830, p. 297.
57. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 141, p. 73.
58. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 180, p. 100.
59. Assyrian and Babylonian Literature, New York, D. Appleton and Company, 1901, p. 59. Cf. Ancient record of
Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 117, p. 60.
60. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 53, p. 25.
61. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 287.
62. Assyrian and Babylonian Literature, New York, D. Appleton and Company, 1901, pp 77-78. Ancient record of
Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. I, 253-254 pp. 126-127.
63. Sennacherib's Hexagonal Prism. Dun xeito similar se presenta no Prisma de Taylor de Sennacherib, Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 233, p. 115, e Assyrian and Babylonian Literature, New York, D. Appleton and Company, 1901, pp. 68-69.
64. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 294, p. 139.
65. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 323, p. 147. Cf. 407, p. 173; 473, 194.
66. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 407 p. 173.
67. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 574-575 pp. 224-225.
68. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 507 p. 203. Cf. 574, p.
224.
69. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 508 p. 203-204. Cf.
Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 574 p. 224.
70. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 289. Cf. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 669 p. 259. Cf. 500, pp. 199-200; 507, p. 203; 659, p. 250.
71. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 575 pp. 224-225.
72. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 500 p. 200.
73. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 500 p. 200.
74. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, pp. 449 e 450. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 618 p. 238, e 629, p. 240.
75. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 605.
76. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, pp. 292-293.
77. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 301.
78. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 577 p. 226. Cf. 574 e
575, pp. 224-225.
79. TREBOLLE, JULIO, Textos del Antiguo Oriente, www.ucm.es/info/hebrea/Biblia.y.Antiguo.Oriente.doc, p. 144. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 875-876 pp. 340-341.
80. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 842-843 pp. 323-324.
81. Rassam Cylinder 1.1-10. Rassam Cylinder 1.18-26. Cf. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 843 pp. 323-324. Cf. II, 765, p. 291.
82. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 858 p. 331.
83. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 856 p. 330.
84. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 922 p. 356.
85. Himnos babilonios, Tecnos, Madrid, 1990, p. 156.
86. Himnos babilonios, Tecnos, Madrid, 1990, p. 157.
87. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 295.
88. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 298.
89. Ver Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, pp. 294-300.
90. Oxford Edition of Cuneiform Texts, by S.H. Landon, VI, 73, liñs, a5 ss. (Ver FRANKFORT, HENRI, Reyes y dioses, Alianza Editorial, Madrid , 1988, p. 321).
91. LUCKENBILL, Ancient Record os Assyria, Cgicago, 1927, Vol. II, 765, p. 291. (Ver FRANKFORT, HENRI, Reyes y dioses, Alianza Editorial, Madrid , 1988, p. 321).
92. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 300. Cf. LUCKENBILL, Ancient Record os Assyria, Cgicago, 1927, Vol. II, 829, p. 318-319.
93. LUCKENBILL, Ancient Record os Assyria, Cgicago, 1927, Vol. II, 1131, p. 408.
94. LUCKENBILL, Ancient Record os Assyria, Cgicago, 1927, Vol. II, 1135, p. 409.
95. LUCKENBILL, Ancient Record os Assyria, Cgicago, 1927, Vol. II, 1138, p. 410.
96. LUCKENBILL, Ancient Record os Assyria, Cgicago, 1927, Vol. II, 1153, p. 413. Cf. 1165.