19 feb 2013

Vida de Xesús de Bento XVI (06)

Lexitimación divina do poder no Imperio babilónico

Mapa de Babilonia
No segundo milenio a. C., Babilonia unifica as cidades-estado sumerias e acadias creando o I Imperio Babilónico, con Hammurabi como emperador máis sobresalente. Este Imperio será substituído polo Imperio Asirio, con Nínive como capital e con Ashurbanipal e Sargón II como figuras máis representativas, e este, á súa vez, polo II Imperio Babilónico, con Nabucodonor como representante máis significativo.

En Babilonia non se dá propiamente a divinizacións dos reis en vida, salvo o caso de Hammurabi, tampouco despois da morte; non están presentes as hierogamias e somente dun rei observamos inscricións que o cualifican de rei-sacerdote. Só Nabucodonosor se proclama fillo de Deus e ningún deles afirma ser vicario de Deus, unxido ou vice-rei. Dáse, por tanto, unha maior desacralización que no mundo sumerio. Se temos en conta que Hammurabi e Nabucodonosor foron os reis con máis poder, isto indica que a medida que se acrecenta o éxito militar, tende tamén a divinizarse ao heroi victorioso. Outro dos reis con moito poder, Nabopolasar, embora non for divinizado, si se considera que foi criado especialmente pola deusa Ninmenna.

Hanmurabi (1792-1750 a. C), sexto rei da primeira dinastía de Babilonia, fillo do rei Sin-Muballit. Durante o seu reinado, o I Imperio de Babilonia chegou ao seu apoxeo. Conquistou persoalmente para Babilonia, Ur e Larsa e reestabeleceu o imperio de Sumer e Akkad. Promulgou o Código que leva o seu nome, un dos máis importantes corpos legais da antigüidade, recopilación de codigos anteriores: Código de Ur-Namma, Código de Eshnunna, que se renovaron a esta altura. Achado no ano 1792 a.C., consta de 282 leis, hoxe diriamos, que é unha lei de 282 artigos. Nel aparece rexistrada por primeira vez na historia a lei do talión: Ollo por ollo e dente por dente, que a Biblia pon en boca de Moisés e que tan profusamente aplicarán as autoridades hebreas:
Lei 196: Se un home libre vaciou o ollo dun fillo de home libre, vaciarase o seu ollo.
Lei 197: Se quebrou un óso dun home, quebrarase o seu óso
 
Consideramos que é totalmente improcedente considerar o Código de Hammurabi como unha primeira declaración de dereitos humanos, como fan algúns autores, pois iso levaría a considerar como como tal toda norma, escrita ou consuetudinaria, que se promulgue, pois en todas hai recoñecemento duns dereitos subxectivos. Para que existan dereitos humanos da chamada prixeira xeración teñen que ditarse normas que protexan aos individuos ou grupos frente ao poder político, mais isto é imposíbel nunhas monarquías absolutas e donas da vida e da morte.

No Epílogo do citado Código afírmase del mesmo que foi elixido polos deuses coa misión de protexer os dereitos dos oprimidos“ Eu son Hammurabi, o rei perfecto. A respeito dos «Cabezas Negras» que me regalou Enlil e dos que Marduk me confiou o pastoreo, non fun nada neglixente. ... Os grandes deuses elixíronme: eu son o único Pastor Salvífico, de recto caxado, a miña boa sombra esténdese pola miña capital, levei no meu regazo á xente de Súmer e Acad, prosperaron pola Virtude miña, conducinos en paz, resguardeinos coa miña perspicacia. Para que o forte non oprima ao débil, para garantir os dereitos do orfo e a viuva, en Babilonia, a capital exaltada por Anum e o divino Enlil, en Esaxil, o templo cuxos alicerces son tan sólidos como o ceu e a terra, para decretar o dereito do País, para ditar as sentenzas do País, para garantir os dereitos do oprimido, inscribín as miñas eximias palabras na estela miña, e alceinas diante da miña estatua de Rei da Equidade”1. Tamén no Prólogo do Código se subliña que a súa obra protectora social obedece a un designio divino: “despois Anu e o divino Enlil chamáronme polo meu nome, a min, Hammurabi, príncipe temeroso de Deus. Para impor o dereito no país, destruir ao malvado e ao inicuo e para impedir que o poderoso oprima ao débil déronme o goberno sobre os homes”2. Manifesta ser tamén o divino, e por tanto deus, o elixido por Enlil e pola deusa do nacemento e do destino, Mamma, e o predilecto de Nebo, deus da sabedoría e da escritura: “Eu son Hammurabi, o Elixido de Enlil. ... do que o ceptro real foi creado polo divino Sin; o enriquecedor de Ur; o humilde, o reverente. ... que ten o divino Shamash por aliado ... predilecto do deus Nebo o Sublime, alegría dos habitantes de Borsippa; o infatigábel de Ezida; rei divino, Hammurabi o Branco, o Sabio; o que estendeu os campos de Dilbad, e encheu os graneiros de Urash; o Poderoso, a quen lle pertence cetro, coroa e manto; o elixido de Mamma; orenovador dos muros do templo de Kish e as festas sagradas de Nintu; Hammurabi o Providencial, pan e agua de Lagash e Xirshu, o que prové ao templo de Eninnu con sacrificios propiciatorios; o que capturou o inimigo, o elixido do oráculo para cumprir a profecía de Halal e facer as delicias de Anunit”3. Foi o amado dos deuses Marduk, Anu, Enlil4.

Preséntase, pois, como:
a) Elixido de Enlil, deus sumerio do ceu, do vento, tempestades e respiración; o elixido de Mamma, deusa do nacemento e do destino; o elixido dos deuses
b) O aliado do divino Shamash e o amado de Ninni
c) O irmáns do deus Zababa
d) O multiplicador dos tesouros sagrados de Nanna e gobernador do templo de Hursag Kalamma, o renovador dos muros do templo de Kish e as festas sagradas de Nintu; Hammurabi o Providencial, pan e auga de Lagash e Xirshu, o que prové ao templo de Eninnu con sacrificios propiciatorios, restaurador dos vasos sagrados do templo de Eudgalgal.  
e) O Príncipe Puro do que as oracións son amadas por Adad
f) O predilecto do deus Nebo o Sublime
g) O Rei divino, Hammurabi o Branco, o Sabio 
h) O que submete ao xugo de Dagón, o seu Creador, os distritos rebeldes do Canal, Mera
e Tutul. 
i) O príncipe sublime para a alegría de Ninni, o que lle oferece a comida sagrada aos deuses de Ninazu, sacia a fame dos seus habitantes e reservoulle unha parte da paz de Babilonia; o protector dos oprimidos e os escravos, cuxos feitos encontran graza aos ollos de Anunit.
En resumidas contas, unha sarta de fanfarronadas, produto dunha monarquía absoluta, que lexitima o seu poder en base á apelación á divindade e na propaganda máis mentirosa e trivial. Este tipo de propaganda aínda se utiliza polas monarquías absolutas de hoxe e ten no Estado do vaticano un representante destacado. Tamén aquí se apela á divindade - vicario de Deus na Terra, infalibilidade papal, etc.- e ao culto á personalidade, que ten efectos degradantes para as persoas. Lembremos a título de exemplo, o que acontece coas celebracións da chamada Xornada Mundial da Xuventude, organizadas pola Igrexa Católica. Non son xornadas da Xuventude, senón dunha determinada xuventude, dos mozos e mozas que obedecen ao credo de Roma. Mais tampouco son xornadas da xuventude católica sequera pois a participación destas é nula ou meramente pasiva. Serían, en todo caso, xornadas da clerecía para a xuventude católica. É unha pena ouvir aos mozos e mozas asistentes afirmar que o que máis lle impacta é poder estar máis perto do Papa, poder, se a ocasión é propicia, ver un momentiño ao Pontífice. Un auténtico culto á personalidade papal na que a mensaxe ou é inexistente ou é unha mensaxe arcaica que non serve para solucionar os problemas dos mozos e mozas dos nosos días. O respeito, consideración e recoñecemento ás persoas, dignifica e ennobrece, mentres que o servilismo, a veneración e o culto degrada e envilece a personalidade das persoas que a tributan e de aqueles aos que se lle tributa, por moito que satisfaga provisoriamente o seu narcisismo primario. Sirva como proba disto, a perda do sentido da realidade que experimentan os grande ídolos de masas.

Samsu-Iluna (1749-1712 a. C.) Fillo de Hammurabi. O seu reinado representa unha etapa de desmembramento do Imperio coa perda de varias provincias e o control de Elam, que recupera de novo a súa independencia. “Cando Anu y Enlil, os reis do ceu e da terra, volveron gozosamente os seus ollos cara a Marduk, o fillo primeiro de Ea, lle tiveron dado a soberanía sobre as catro rexións, concedido un nome augusto entre os Anunnakki (designación colectiva dos deuses terrenos), afirmado para él os fundamentos de Babilonia, como os do ceu e da terra; entón Marduk, o deus supremo do seu país, deus creador da sabedoría, deume a min, Samsu-iluna, rei conforme ao seu desexo, a totalidade do país a gobernar; encargoume solemnemente facer repousar o seu país en pastos seguros e conducir sempre na paz a populación. ...Por todo o cal, os deuses me dirixen a súa ollada afábel. Acordáronme no presente vivir unha vida que se renova cada mes como Sin, gobernar para sempre en paz as catro rexións, cumprir como un deus os desexos do meu corazón, obrar cada dia, alta a cabeza, na alegría e a felicidade”5.
 
Arpachshad (Abi-eshu, 1711.1684), sucesor de Samsu-Iluna, ao igual que este estivo en guerra cos casitas e tamén se enfrentou coa dinastía mesopotámica do País do Mar, ubicada sobre o Golfo Pérsico. Consérvase unha inscrición que é un hino de louvor ao deus Marduk, sen valor significativo para o noso tema.
 
Agum-kakrime (1602–1585 a.C.), de orixe casita, pobo procedente dos montes Agros, rei da III dinastía de Babilonia. Fillo do tamén casita, Urzigurumash, e sucesor de Tiptakzi. Devolveulle ao templo de Esaxila as imaxes de Marduk e de Zarpanitu, que foran levadas cativas polos hititas. Sucedeulle o casita Burna-Buriash I.
 
Na inscrición de Agum-kakrime comeza relatando a súa elección divina e a seguir louva as súas cualidades, ilustre proxenie e pobos so o seu poder. “Eu son Agum-kakrime, o fillo de Tashshigurumash; o ilustre descendente do deus Shuqamuna; chamado por Anu e Bel, Ea e marduk, Sin e Shamash; o heroi poderoso de Ishtar, o guerreiro entre as deusas. Eu son un rei de sabedoría e prudencia; un rei que concede audiencia e perdón; o fillo de Tashshigurumash; o descendente de Abirumash, o guerreiro forte; o primoxénito entre a familia numerosa do grande Agum; un ilustre, vástago real que sostén as rédeas da nación e é un poderoso pastor. Eu son rei do país de Kashshu e dos acadianos; rei dun extenso país de Babilonia, que congrega numerosa xente en Ashnunak; o rei de Padan e Alman; o rei de Gutium, unha nación insensata; un rei que fai que lle obedezan as catro rexións, e sempre foi o favorito dos grandes deuses”6.
 
Nabû-apla-iddina (883-852 a. C.), sucesor do seu pais, o rei Nabu-shuma-ukin I (895-883 a.C.). Foi contemporáneo de Ashurnasirpal II de Asiria, a esta altura o seu principal inimigo, co que procurou evitar a guerra aberta e concertou un tratado con Salmanaser III. Construiu e restaurou templos ao tempo que durante o seu reinado se desenvolveu un certo renacemento cultural.
 
Na inscrición que se insire a seguir móstrase a predilección dos deuses Marduk, Anu e Ea, as súas dotes de gobernante, a investidura divina, os seus propósitos e o favor de Shamash: “Máis tarde, so Nabû-apla-iddina, rei de Babilonia, o elixido de Marduk, o amado de Anu e Ea, que fai feliz o corazón de Carpanit, o guerreiro viril, ben axeitado para o goberno, portador dun poderoso arco, que derruba o inimigo hostil, o sutu -cuxos crimes eran grandesa quen Marduk, o grande señor, investiu con un ceptro recto para gobernar o pobo, para vingar Akkad, para poboar cidades, encontrar santuarios, esculpir relevos, preservar leis e ordenanzas, estabelecer oferendas regulares, procurar oferendas voluntarias -Shamash, o grande señor, que por longo tempo foi incensado contra Akkad, e afastou o seu pescozo con rabia, no reino de Nab-apla-iddina, o rei de Babilonia, compadeceuse e mostrou apoio”7.
 
Marduk-apal-idina II, (722-710 e 703 a. C.), tamén coñecido como Merodac-Baladán II, Marduk-Baladan o Berodach-Baladan, arameu, natural de Bit-Iaquín e rei do País do Mar, na franxa de Mesopotamia no Golfo Pérsico e rei da XI dinastía de Babilonia. Rendeu tributo ao rei asirio Tiglath-Pileser III, cando este derrocou en 729 a.C. ao rei babilonio Nabumukin-zari. No ano 722 concertou un acordo provisional co rei Sargón II nunb momento en que este ao comezo do seu reinado pasaba por momentos de dificultade debido as revoltas internas en Asiria. Mais, un pouco máis tarde, coa axuda dos elamitas, logrou acceder ao poder de Babilonia, mais en 710, após ter controlado Sargón a situación interna, foi derrotado polo exército asirio e tivo que refuxiarse no País do Mar. En 703 derrocou ao rei babilonio Marduk-zakir-suma II, mais sería vencido de novo polos asirios, ao mando de Senaquerib, xunto co seu aliado o elamita Shutruknakhkhunte II. 
 
Na inscrición da pedra de Merodachbaladan comézase facendo un himno a Marduk, ao que cualifica como grande rei de deuses e homes, para pasar de seguido a relatar a súa escolla especial por este deus para gobernar o país confiándolle a este fin un ceptro recto e un báculo para gobernar con acerto o país. Os Igigi eran considerados como os deuses celestes mentres que os Anunnaki eran os deuses terrenos. “Cando Marduk, o grande rei, o máis sabio dos deuses, o rei de todo, o autócrata dos Igigi e Anunnaki, o máis perfeito comandante, o heraldo de todo ceu e terra, o avogado dos deuses, seus creadores, o señor de todo o que está acima e abaixo; o gobernador da humanidade, do que as palabras non poden ser vaciadas, cuxo poder non pode ser alterado, concedeu o seu favor a Akkad, do cal se volltou airado; ollou para todos os homes, buscou a casa entre todo o pobo cabeza negra, a todas as moradas, cada un, prestoulle leal atención -Merodachbaladan, rei de Babilonia, que estaba so a dirección da súa man, o gobernador de Sumer e Akkad, que temía a súa divindade, ollou con gozo, e deu ordes con palabras da boca para exaltar o seu dominio: «este é o gobernante, que reune o disperso ». El confiou á súa man un ceptro recto, un báculo para conducir o pobo con acerto. El submeteu ao seu mando o don de consello a Sumer e Akkad, o xuízo de todos os homes. El fixo o poder do seu dominio grande na asemblea dos príncipes”8.
 
Shamash-shum-ukin (668-648 a.C), fillo de Asahardon, recibiu o poder sobre o reducido reino de Babilonia do seu irmán menor e rei de Asiria, Ashurbanipal, que renunciou á dobre coroa de rei de Asiria e Babilonia. Molesto por recibir a menor parte do imperio, coa axuda dos exipcios, elamitas e príncipes árabes e sirios, rebelouse no ano 652, sendo derrotado e morto polas tropas asirias. Foi substituído polo rei títere dos asirios Kandalanu. “Shamashshum-ukin, o rei poderoso, rei de Abna-nu, rei de Babilonia, o sabio, o prudente, o pastor, o favorito de Bel, Shamash e Marduk, o rei de Sumer e Akkad, son eu. No meu lugar de nacemento, cando a miña mai me pariu, Erua, a raiña dos deuses, nomeoume xubilosamente para o dominio sobre os homes. Os grandes deuses elixíronme con alegría para o axuntamento do pobo disperso do país de Akkad, e chamáronme con deleite para restaurar as leis descuidadas e as ordenanzas. Marduk, rei dos deuses, acompañoume xubilosamente desde Ashur á cadeira da vida. O grande señor, o guerreiro Marduk, estabeleceu gozosamente as súa residencia en Esaxila, o templo do ceu e terra. A respeito dos deuses que habitan os santuarios de todos os templos, restaurei as valiosas leis e as ordenanzas gratas aos seus corazóns”9.
 
Tras o derrubamento do Imperio Asirio en 612, os medos e os babilónicos reparten o territorio mesopotámico. Os medos instálanse no norte de Mesopotamia e en Asia Menor, mentres que os babilonios ocupan o centro e sur da Mesopotamia, Siria e Palestina, formando el Imperio Caldeo. Nabucodonosor II conquistou os territorios sirios e fenicios, chegando até Exipto. No ano 538, os persas derrotan os babilonios e toman o imperio caldeo ou neobabilonio..
 
Nabopolasar (626-605), de escuras orixes, ascendeu ao trono pós a morte do rei de Asiria, Assurbanipal, e do seu rei títere de Babilonia, Kandalanu, fundando a décima dinastía do Imperio Babilónico, denominada caldea. No ano 612, en coaligación cos medos e escitas, toma a cidade de Nínive, batalla na que morre o rei asirio Sin-Shar-Iskun. A caída de babilonia é descrita na Crónica Babilonia do seguinte xeito: “No mes de Abu (xullo-agosto), infórmanlle que o exército asirio estaba na cidade de Kablini. Nabopolasar marchou contra el, e no mes de Abu, no duodécimo día, enfrentouse a el. O exército asirio foi destruído e Asiria sufriu unha derrota decisiva. Tomaron a maioría deles como prisioneiros”10. No ano 605, as tropas caldeas ao mando do fillo de Nabopolasar, Nabucodonosor II, derrotan as tropas exipcias do faraón e aliado dos asirios, Nekao II. 
 
“Nabopolassar, o Rei da Xustiza, o pastor chamado por Marduk, o único creado por Ninmenna11, (raiña de raiñas), o único a quen Nabu e Tashmetu alongan a súa man, o Príncipe amado de Nnshiku.
 
Cando eu era mozo, embora o fillo de ninguén, pesquisei constantemente os templos de Nabu e Marduk, os meus patronos. A miña mente estaba preocupada coa instauración das súas ordes e o completo cumprimento dos seus ritos. A miña atención estaba centrada na xustiza e equidade. Shazu12, o señor que comprende os corazóns dos deuses do ceu e do mundo inferior, que observa os actos da humanidade, percibiu os meus íntimos pensamentos e elevoume, o fregués que era anónimo entre a xente, a un alto estatus no país do meu nacemento. Chamoume para a soberanía sobre o territorio e a xente. Fixo que un espírito protector benevolente me acompañase. Fixo todo para que tivese éxito. Fixo que Nergal, o máis poderoso dos deuses, marchase ao meu lado; abateu os meus inimigos, abandonou os meus inimigos. Os asirios gobernaban Akkad debido á cólera divina e oprimían os habitantes co seu pesado xugo”13.
 
Describe as súas cualidades e actos con linguaxe hiperbólica, como é corrente en Mesopotamia: “Nabopolassar, o humkilde, o submiso, o devoto de Nebo e Marduk, o pastor que agrada a Papnunannki, o que inspecciona os monumentos de Babilonia, o que descubre ladrillos do pasado, o que rehabilita os monnumentos orixinais, eternos, o que manexa o sacho de Igigi, o que carreta o cesto recrutado de Anunnaki, o construtor Imgur-Enlil para Marduk, o meu señor, eu, para que ningún futuro rei remova as miñas palabras ben seleccionadas para que non se fagan palabras para substituír o meu discurso, declaro baixo xuramento de Marduk, o meu señor, e de Shamash, o meu deus: "(Desgrazas para min) se as miñas afirmacións son non verdadeira, senón falsas".
 
Nabucodonosor II (630-562 a.C.), rei caldeo de Babilonia de 605 a 562 a.C., fillo primoxénito e sucesor do Imperio Neobabilónico, o xeneral Nabopolassar. Alén da conquistou de Xudá e Xerusalén, destaca como construtor dos xardíns colgantes de Babilonia para a súa esposa meda Amyitis. Derrotou os exipcios na batalla de Karkemish, en 605, en vida do seu pai, e de novo no ano 567. No ano 597 sufocou unha rebelión dos xudeus do reino de Xudá ao mando do rei Xoaquín, aos que vence e o rei Xoaquín e uns dez mil habitantes das clases sociais medias e elevadas foron deportados a Babilonia. Puxo no trono de Xudá a un rei títere, Sedecías, mais finou por rebelarse tamén contra Nabucodonosor, en coaligación cos exipcios e tirios, e de novo os hebreus foron vencidos no ano 587 após ano e medio de asedio, e outra vez deportados a Babilonia os membros máis elevados da sociedade hebrea. Xerusalén e o seu templo foron destruídos. 
 
No Cilindro de Nabucodonosor lese: “Eu son Nabucodonosor, rei de Babilonia, o grande, o poderoso, o favorito de Marduk, o poderos príncipe, o amado de Nebo, o gobernante que non coñece a fadiga, o protector dos templos Esaxil e Ezida, qu obedece a Nebo e Marduk os seus señores, que fai as súas preces, o sabio señor, o querido e alegría do corazóns dos grandes deuses, o primoxénito de Nabopolassar, rei de babilonia. ... Cando Marduk, o grande señor, me fixo o fillo recto, para gobernar o país, para ser o pastor deste pobo, para cuidar da cidade, para renstruír os templos, concedeume un grande poder. Tremulamente eu obedecín a Marduk, o meu señor. Eu terminei Imgur-Bel e Nimitti-Bel, as grandes murallas de Babilonia, a poderosa cidade, a cidade do seu elevado poder”14. Na inscrición babilónica de Nabucodonosor dise que foi pastor leal e rei sacerdote15, príncipe lexítimo, favorito de Marduk, ...
 
Oración de Nabucodonosor II a Shamash, deus do sol e a xustiza: “Shamash, grande Señor, cando entres gozosamente no templo Ebabbar, a túa casa brillante, mira fielmente a obra preciosa das miñas mans e que haxa nos teus labios palabras no meu favor. Por orde túa firme, que teña en abundancia unha idade moi longa; que teña unha vida de días lonxanos e que os meus anos de reinado sexan longos e florecentes para sempre. 
Que un ceptro xusto, un bo pastoreo e un bastón real lexítimo que protexa as xentes, sexan o lote da miña realeza para sempre. Coas túas armas furiosas blandidas en batalla que sexas a protección do meu exército, oh Shamash.
Respóndeme correctamente no xuízo e a adiviñación. Pola túa palabra pura, que é insubstituíbel, que as miñas armas sexan blandidas e afiadas, que derruben as armas dos inimigos”16.
 
Na súa faceta de restaurador de templos figura o da deusa da saúde Ninkarra: “Neste tempo, para Ninkarrak, a miña amada patroa, que guarda a miña mida e dame felices soños, eu estudei e observei a antiga edificación de Eharsaxil, o seu templo en Babilonia, que se converteu en ruínas nos últimos tempos, e que ningún gobernante anterior reconstruiu. ... mais a construción do templo non era adecuda para Ninkarrak”17.
 
Nabonido (556-539 a. C.), chamadoo Labineto por Herodoto, fillo do príncipe de Harrán, Nabu-balatsu-iqbi, e da sacerdotisa do Templo de Sin, de Harrán, Adad Adagupi, e derradeiro rei do Imperio Neobabilónico, foi deposto polo persa Ciro o Grande, que en outubro do ano 539 toma Babilonia, a capital dun imperio que comprendía o actual Irak, Siria, Líbano e Israel, e unha vez logrado o dominio das rexións periféricas de Turquía, Irán e Afganistán, creou un verdadeiro imperio mundial: o imperio aqueménida. Chegou ao poder no ano 556, após derrocar ao rei Labashi-Marduk. Para lexitimar a súa usurpación do trono, casou con Nitocris, viuva de Neriglisar e filla de Nabucodonosor II. A súa mai dicíase elexida polo rei dos deuses, o deus lunar Sin. “No seu amor por min, que sempre adorei a súa divindade, tiven en consideración (nas preces), a costura dos seus vestidos, Sin, o rei dos deuses, fixo o que nunca fixo antes, deume o que non dera a ninguén; Sin, o rei dos deuses, escolleume e fixo o meu nome famoso no mundo, ...”18. A influencia materna explica a predilección do Nabonido polo deus Sin.
 
Manifesta ser rei por elección divina: “Para min, Nabonido, o solitario que non ten ninguén, no corazón do cal non hai pensamentos de realeza, os deuses e deusas oraron (A Sin) e Sin chamoume para a realeza”19, e ser o protexido dos deuses: “So a orde de Sin, o rei de todos os deuses, o señor dos señores, que os deuses e deusas que habitan no ceu executan, so a orde da Divina Crecente, Sin, designaron a Shamash, Ishtar, Adad e Nergal para que velen polo meu benestar”20. Preséntase como: “un guarda que oferece grandes presentes aos grandes deuses. No mes de Nisanu, ... trouxen para eles (os deuses) 100 talentos (e) 21 minas de prata ... que (proveñen) ... do vasto tesouro que o príncipe Marduk me confiou como perpetua (e) voluntaria oferenda para Bel, Nebo e Nergal, os grandes deuses que aman o meu goberno e miran pola miña vida. ... Nas grandes cidades sagradas, eu postreime perante deuses e deusas: fun a Uruk e levei prata, ouro (e) pedras preciosas a Sin, Shamash e Ishtar”21. Móstrase respeitoso con Marduk e cumpre as súas ordes: “Marduk, o meu señor, chamou a miña atención e confioume a restauración dos cultos divinos. Nun pronunciamento sagrado ordenou que o apaciguamento dos deuses encolerizados e o rstabelecemento das súas sedes correspondía á miña gobernanza. ... foi de novo Marduk, o rei de todos os deuses, quen me ordenou xuntalos (aos deuses)”22. No Cilindro de Nabónido é descrito como “rei de Babilonia, guarda de Esaxila e Ezida, adorador dos grandes deuses”23, que lle aparecen en soños e lle indican o que debe facer, especialmente no tocante á construción de templos. Utilizan os reis como instrumentos para a realización dos seus planos divinos. Ciro “capturou Astyages, rei dos medos, e levouno para o seu país como cativo. Tal foi a orde do gran señor Marduk e de Sin, as luminarias do ceu e do mundo inferior, dos que o decreto non está revogado. Eu temín os seus augustos decretos, turbeime, estaba aterrorizado e a miña face mostraba signos de ansiedade. Non fun neglixente, nin remiso, nin descuidado”24. O deus Sin, convertido no seu favorito, marcha ao seu lado e, xunto con Shamash e Ishtar, confíanlle o seu numeroso exército, reis, príncipes e gobernantes. Foi acusado de blasfemar contra Marduk. A Crónica de Nabonido informa que no momento de presión dos persas, levou as estatuas dos deuses para a cidade: “No mes de [Âbu]?, Lugal-Marada e os demais deuses do poboado de Marad, Zabada e os demais deuses de Kish, a deusa Ninlil e os demais deuses de Hursagkalama visitaron Babilonia. Até o final do mes de Ulûlu todos os deuses de Akkad -os de acima e os de abaixo- entraron en Babilonia. Os deuses de Borsippa, Cutha e Sippar non entraron”25. No sétimo ano do seu reinado (549-548 a. C.) o rei permaneceu en Temâ; o príncipe herdeiro, os seus oficiais e o seu exército estaban en Akkad. O rei non veu a Babilonia para as cerimonias do (novo ano) do mes de Nisannu; a imaxe do deus Nabû non veu a Babilonia. A imaxe do deus Bel non saiu de Esaxila en procesión. O festival do novo ano foi omitido. Mais as oferendas dentro do templo de Esaxila e Ezida tiveron lugar consoante o ritual completo; o sacerdote teurigallu fixo a libación e asperxiu o templo”26. A súa confianza e as súas plegarias aos deuses, non foron capaces de competir coa maior fortaleza do exército persa, que tamén estaba aliado cos deuses: “el oraba constantemente aos deuses, postrado na súa presenza”27. A súa derrota ante Ciro é atribuída ao abandono dos deuses: “Canto a Nabonido, as súas deidades protectoras deviñéronlle hostís, e el, antes favorecido dos deuses,apresouno o infortunio, ... contra a vontade dos deuses realizou unha acción impía, ... matinou algo indigno: Fixo a imaxe dunha deidade que ninguén antes viu no país ...”28.

1. Código de Hanmurabi, Epílogo
2. Código de Hanmurabi, Prólogo
3. Código de Hammurabi, Prólogo.
4. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 270.
5. Iscrición en acadio del rey Samsu-Iluna, ca. 1749-1712; Sollberger-Kupper, 1971, 220; Kraus, 1974, 252.
SANMARTÍN, JOAQUÍN e SERRANO, JOSÉ MIGUEL, Historia Antigua del Próximo Oriente, Akal, Textos, 2006, p. 62
6. (I. 1-42). Assyrian and Babylonian Literature, New York, D. Appleton and Company, 1901, p 3.
7. Assyrian and Babylonian Literature, New York, D. Appleton and Company, 1901, pp 31-32.
8. Assyrian and Babylonian Literature, New York, D. Appleton and Company, 1901, pp 64-65.
9. Assyrian and Babylonian Literature, New York, D. Appleton and Company, 1901, pp 130-131.
10. Ancient record of Assyria and Babylonia, Daniel David Luckenbill, Chicago, 1926, T. II, 1167. p. 417.
11. Nimenna, a deusa mai sumeria, a montaña, a deusa da fertilidade, identificábase con Nin-hursaga.
12. SHAZU, coñece o corazón dos deuses, examina o interior, non lle escapa o malfeitor, que prepara a Asemblea dos deuses, que alegra os seus corazóns, que subxuga o insumiso, que dirixe a xustiza, distingue o verdadeiro do falso.
13. Nabopolassar Cylinder
14. A Nebuchadnezzar Cylinder
15. Assyrian and Babylonian Literature, New York, D. Appleton and Company, 1901, p 152.
16. TREBOLLE, JULIO, Textos del Antiguo Oriente, www.ucm.es/info/hebrea/Biblia.y.Antiguo.Oriente.doc, p. 166.
17. A Nebuchadnezzar Cylinder
18. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 312. Cf. pp. 560-562.
19. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 562.
20. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 562.
21. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, pp. 310-311.
22. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 311.
23. The Nabonidus Cylinder from Ur
24. The Nabonidus Cylinder from Sippar
25. Chronicle of Nabonidus
26. Chronicle of Nabonidus
27. Cyrus takes Babylon: the Verse Account
28. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 313.

17 feb 2013

Vida de Xesús de Bento XVI (05)

A lexitimación divina do poder en Sumeria



Os sumerios, tamén chamados o pobo dos cabezas-negras, de orixe descoñecida, foron protagonistas da máis vella civilización coñecida, os creadores da linguaxe escrita e, por tanto, da historia. Pobo de raza non semítica, que se asentou en Sumeria arredor do ano 3.500 antes de Cristo. Era esta unha rexión histórica da Mesopotamia meridional, dividida, alén doutras cidades menores, nunha ducia de cidades-estado  independentes, nucleadas en torno a un centro, o templo da cidade, dedicado a un deus ou deusa que era o seu patrón particular, e rexido por un gobernador (ensi, ou un rei (lugal), con funcións tamén cultuais. Entres as máis improtantes temos: Uruk, Larsa, Isín, Kish, Ur, Nippur, Akkad, Lagash, ...

Os primeiros reis de Sumeria teñen un carácter de reis míticos, con uns perfís biográficos pouco definidos e dos que non se constatou a súa existencia histórica, o cal favorece que se fabulen lendas sobre as súas orixes sobrenaturais e sobre a súa estreita relación coa divindade. Os habitantes desta antiga civilización consideraban que a realeza descendía do ceu, tal como se afirma na listaxe dos reis de Babilonia: “Cando a realeza descendeu do ceu, a realeza estabeleceuse en Eridu.... O diluvio barreu todo. Despois de que o diluvio varrese todo, cando a realeza volveu baixar do ceu, a realeza estabeleceuse en Kish”1. O ceptro, coroa e mando estaban no ceu antes de que a realeza baixase: “(Os deuses) non tiñan estabelecido aínda un rei para o pobo ensombrecido./ Aínda non se tiña adornado ningún ceptro con lapislazuli... / ... ... / Ceptro, coroa e bastón de mando / Estaban (aínda) colocadas ante Anu no ceu / Polo que non había ningún consello do seu pobo / Entón a realeza descendu do ceu“2. Esa realeza baixa do ceu, mais os verdadeiros reis son os deuses, que son quen elixen ao gobernantes, que se reducen a transmisores dos seus designios. En xeral, para os sumerios é deus quen dispensa a realeza e o sumo-sacerdocio. Como afirma un himno dedicado a Enlil, deus do vento, fillo de An, deus do ceu e rei dos deuses, que sería superado polo seu fillo convertido no novo rei dos deuses: “Sen Enlil o «grande Monte» ningunha cidade sería construída e ningún estabelecemento fundado,... Ningún rei sería alzado, nin nacería ningún sumo-sacerdote”
3.

Primeira dinastía de Uruk: reis míticos:

Meskiagasher, da segunda metade da 28 centuria, primeiro de catro reis míticos, era fillo do deus sol, Utu. Na listaxe dos reis de Babilonia afírmase que “En Eanna, Meskiangasher, fillo do deus (sol) Utu, deveu sumo sacerdote e rei, e gobernou 324 anos”4

Enmerkar, fillo do anterior, un dos sete sabios que naceron do río5, foi un rei-sacerdote, o segundo da I dinastía de Uruk, e neto do deus sol, Utu. Foi elixido como soberano pola deusa Inanna.No Xenesís é coñecido polo nome de Nimrod. 

Lugulbanda, (s. XXVII a. C.), terceiro da I dinastía de Uruk, sucesor de Enmerkar do que foi xefe militar e vasalo paladino, era descrito nas obras literarias como fillo da deusa da terra, Urash6, mai esta da deusa Ninsun. É incluído entres os deuses nas listaxes dos deuses de Fara. Na lista dos reis da primeira dinastía de Babilonia dise que “o deus Lugulbanda, un pastor, reinou 1.200 anos”7.

Dumuzi, Talmud para os semitas, Adonis para os sirios, Tammuz para os hebreus, era un deus pastor e da fertilidade, esposo de Inanna e fillo de Enki e Ninsun. Mantivo unha disputa co deus agricultor Enkimdu, do que saiu perdedor ao ser rexeitado pola súa esposa, a deusa Inanna. Natural de Ku'ara, gobernou durante 100 anos. Tamén existe outro rei de nome Dumuzi, de Bad-tibira, que reinou durante 36.000 anos. 

Gilgamesh, rei de Uruk (ca. 2700), segundo a lista real sumeria, e heroi lendario, aínda que se discute da súa historicidade. Sucedeu no trono ao rei pescador Dumuzi, que era considerado deus e reinou 36.000 anos8. Del afirmaban ser fillo da deusa de grande saber, Ninsun, a «vaca selvaxe», a deusa das vacas, filla de Enmerkar e esposa do rei divinizado Lugulbanda, e dun lillû, (fastasma?), e sumo sacerdote e señor de Kullab. El refire que seu pai é o incorruptíbel Lugulbanda, o seu deus protector9, viaxante como el. "Pola vida de miña mai Ninsun, que me deu á luz, e pola vida de meu pai, o incorruptíbel Lugulbanda, que eu viva para encher minha mai de pasmo, como facía cando ela me embalaba no seu colo"10. No prólogo da epopea de Gilgamesh sublíñase a especial participación dos deuses na súa creación: “Cando os deuses criaron Gilgamesh, déronlle un corpo perfeito. Shamash, o glorioso sol, dotouno de grande beleza; Adad, o rei da tempestade, deulle coraxe; os grandes deuses tornaron súa beleza perfeita, superior á de todos os outros seres, terríbel como um enorme touro selvaxe. Eles fixérono dous terzos deus e um terzo home”11. Na lista dos reis da primeira dinastía de Babilonia afírmase: “o divino Gilgamesh, seu pai era un lillû (espectro, fantasma?), un sumo sacerdote de Kullab, reinou 126 anos”12. Sucederíalle no trono o seu fillo Ur-Nungal, que gobernou durante 30 años. 

Protodinástico IIIa (2600-2500): Reis históricos, que mantiveron nexos especiais coa divindade:
 
Mesilim ou Mesalim (c. 2500 a.C.), gobernante da cidade-estado de Kish, e quizais de Lagash e Umma, “fillo querido de Ninharsag”13, ou Ki, a deusa mai, mediou nunha disputa fronteiriza entre as cidades de Lagash, protexida do deus guerreiro Ninxirsu, e Umma, protexida do deus da guerra Shara. Algúns consideran que se identifica con Mesannepada. O seu protector persoal era o deus da xustiza Ishtaran. Os lindes do seu reino apreséntanse como fixados polo deus do ceu, Enlil: “Enlil, o rei de todos os países, o pai dos deuses, polo seu mandado inapelábel, marcou os límites tanto de Ninxuirsu como de Shara. E Mesilim, rei de Kish, mediu os campos e erixiu unha estela nese lugar por orde do seu deus Sataran”14

Protodinástico IIIb (2500-2330): Lagash: 2490-2318

Ur-nanshe (2490-2465), fillo de Gunidu e sucesor de Lugalshagengur, rei de Lagash como usurpador, fundador da primeira dinastía de Lagash, foi elixido rei pola deusa Nanshe, á que debe o seu nome, guerreiro da deusa Nanshe. Destaca como construtor de templos, entre eles o dedicado á deusa da xustiza Nanshe, que era a súa protectora e quen “asentou a Ur-nanshe, o amado señor de Lagash, no trono. Ela deulle o alto ceptro ao pastor”15. Nanshe, fixo de Ur-Nanshe un perfecto gobernador16, e a deusa Baba, grande señora do ceu e da terra, elixiuno no seu corazón17. Foi sucedido no trono por Akurgal (2465-2455). 

Eannatum: amorreo, rei de Lagash (c. 2455-2425 ), digno de E-An, casa do deus do ceu, sucedido polo seu irmán, Enannatum I (2425-2400). Na Estela dos Abatres dise que o deus “Ninxirsu implantou a semente de Eannatum no seo de Ninurshaga. Ninurshaga pariuno e, con Eannatum, Ninurshaga regocíxase. Innana tómao do brazo. Chamouno deste xeito: «Digno de residir no Eanna de Inanna del Ebgal». Ela séntao no regazo sagrado de Ninurshaga, e Ninurshaga aliméntao cos seus peitos sagrados... El (Ninxirsu) mediuno co seu palmo: cinco codos! El mediuno co seu codo: cinco codos e un palmo! Ninxirsu regocíxase grandemente, concédelle a realeza de Lagash. O chamado de Ninxirsu, Eannatum, o poderoso, fala con cólera ao país inimigo. Inanna deulle o nome a Eannatum”. Por tanto, aparece na Estela como enxendrado por Ninxirsu ou Ninurta, deus da guerra e protector de Lagash, esposo de Baba (Ninisina, Gula), deusa da sanación e raiña da abundancia, e concebido e parido por Ningurshaga, tamén chamada Ki, a Terra e deusa mai. Inanna, deusa do amor e protectora de Uruk, asígnalle como nome o que é apropiado para o Templo do Ceu de Inanna de Ebgal. Ninxirsu é quen lle concede a realeza sobre os seus concidadáns. Finalmente, a Estela subliña que o nome de Eannatum foi imposto por Ninxirsu e Inanna, e foi proclamado tanto no ceu como na terra. A relación de Eannatum cos deuses resúmese así: “Eannatum, rei de Lagash, dotado de forza por Enlil, alimentado polo exquisito leite de Ninhurshaga, que foi nomeado con un bo nome por Inanna, dotado de sabedoría por Enki, o elixido no corazón de Nanshe, a poderosa señora, [o que sub]mete a [todos os países estranxeiros] a Nin[xirsu], o que foi chamado polo nome por Khendursag, o amigo preferido do Lugal URUxKAR, o amado esposo de Inanna, [derrubou coas armas] Elam e Sabartu, os países montañosos (abarrotados) de leña e tesouros”18. A deusa Inanna outórgalle o favor de tomar Kish por ser o seu amado. “A Eannatum, gobernador de Lagash / Inanna porque o amaba, / fíxoo rei de Kish / alén de gobernador de Lagash”19. Eannatum é un benamado da deusa, coa que estabelece unha hierogamia na que están presentes tamén as relacións sexuais como entre os humanos.
 
Urukagina (2350-2340), usurpador que ascende ao trono de lagash nun período de convulsión social. Foi derrotado polo exército do rei de Umma, o lugal Zagesi, “o fillo nacido de Nidaba”, deusa da escritura e literatura, que pasa a dominar Súmer e pon fin a I dinastía de Lagash, cidade-estado so a protección do deus guerreiro sumerio Ninxirsu, deus tamén do furacán, que tiña dedicado un templo construído por Ur-Nanshe, rei de Lagash. Promulgou o segundo código lexislativo escrito que se coñece, aínda que só por referencias, - o primeiro foi o de Entemena-, O Decreto de Urukagina, no que se le que: “Cando Ninxirsu, guerreiro de Enlil, deu a realeza a Lagash elixindo entre infinidade de persoas, ... este reformou os costumes dos tempos anteriores, aplicando as instrucións que Ninxirsu, o seu señor, lle dera.... Instalou a Ninxirsu como propietario sobre os bens e os campos do rei, instalou a Ba'u (deusa, filla de An e esposa de Ninurta) como propietario dos bens e os campos da «casa das mulleres»; e instalou a Sulsagana (fillo de Ninxirsu) como propietario dos bens dos fillos do rei”20. No seu Código non se estabelecía a lei do talión: ollo por ollo e dente por dente.
 
Lugal-Zaggesi (2342-2318 a. C), usurpador en Umma, fillo de Bubu, sacerdote do culto da deusa Nisaba ou Nidaba, unificou todo Sumer coa conquista de Lagash, Ur, Larsa, Nippur, Uruk. Autotitulouse «Rei de Uruk e do País de Sumer», "Sacerdote de An", "Gobernador de Utu", "ensi de Enlil", « Gran visir de Nanna" (Ur). Foi derrotado e preso por Sargón. Preséntase como elixido polo deus do ceu Enlil, auténtico rei de todos os países: “Cando Enlil, rei de todas as comarcas / tivo dado a realeza do país a Lugal-Zaggesi,/ cando (Enlil) tivo dirixido os ollos da nación cara a el/ e tivo posto todas as comarcas aos seus pés...”21.

Lexitimación divina do poder no Imperio Acadio (2334-2124)
 
Os acadios están integrados por grupos étnicos semitas que, a partir de mediados do terceiro milenio, penetran en Mesopotamia, integrándose progresivamente na sociedade e ascendendo na escala social até chegar a conquistar o poder polìtico. O primeiro rei da dinastía acadia é Sargón I o Grande, ou Sharru-Kinu, (c. 2340 a. C. - 2284 a. C), rei de Sumer e Akkad, antes copeiro de Urzababa, o rei de Kish, a quen lle tería usurpado o trono, e fundador do Imperio de Akkad. Segundo a lenda, sería fillo dun xardiñairo de nome La'Ibun e dunha sacerdotisa que o tería abandonado, sendo recuperado e educado polo depositario da auga, Akki, que o designou o seu xardiñeiro. Grazas ao amor e axuda da deusa Ishtar, (outro nome de Inanna), deusa do amor, fertilidade e do ceu, deveu rei. Na Lenda acadia de Sargon relátase o seu nacemento dun xeito que rememora os de Rómulo e Remo, Gilgamesh, Ciro, Moisés, etc. “Sargón, o poderoso rei, rei de Agadé, son eu. / A miña mai foi unha cambiante (sacerdotisa?), a meu pai non o coñecín./ Os irmáns do meu pai amaron as colinas./ A miña cidade é Azupiranu, que está ubicada nas marxes do Eufrates. / A miña cambiante mai concibiume, en secreto pariume. / Ela púxome nunha canastra de xuncos, con betume selou a miña tapa. / Ela botoume no río, que non se elevou sobre min. ... Mentres era xardiñero, Ishtar (Inanna sumeria) outorgoume o seu amor. E durante catro [cincuenta] anos exercín a realeza”22. Na inscrición de Sargón, lese: «Sargón, rei de Acad - comisario de Inanna /rei de Kish - unxido (sacerdote) de Anu /rei do país - gobernador de Enlil. ... Enlil non lle deu rival; deulle o mar superior (Mediterráneo) e o mar inferior Golfo Pérsico); desde o mar inferior os fillos de Acad ostentaron a posición dos gobernadores”23. Unha vez que Enlil lle concedeu a realeza, “entón o templo de Agadé para a pura, a deusa Inanna, a súa augusta mai, el construiu”24. Non se define como un deus senón como un «vicario de deus», aludido polos termos: comisario, unxido, ensi (gobernador), ... e fillo dunha sacerdotisa. A consideración de representante de deus na terra, ou sexa, vicario, tamén está presente en Sumeria, como se pode observar polo selo real do rei Silulu, da IV dinastía de Uruk (ca. S. XX a. C.): “O deus Ashur é o rei, Silulu é o vicario de Ashur”25. A seguinte inscrición real especifica quen é o seu pai: “O deus Ashur é rei, Silulu é vice-rexente de Ashur, fillo de Dakiki, heraldo da cidade Ashur (o seu servente)”26. Por conseguinte, o autentico rei é o deus Ashur, e o rei ocupa o segundo lugar na escada, exercendo a súa gobernanza so o mandado da deidade. 

A Sargón sucedeulle o seu fillo Rimush (2278-2270 a. C), que tras un breve reinado é asasinado, e a este o seu irmán e fillo de Sargón Man-Ishtushu ( 2269-2255), que tamén morre asasinado, sucedéndolle o seu fillo Naram-Sin (2254-2218).

Naram-Sin, (2254-2218 a.C.), rei pastor27, protexido da deus Inanna28, penúltimo rei de Akkad e tamén rei non só de Kish senón das “catro rexións do mundo”, ou sexa, rei universal, segundo a representación sumeria29. Ordenou que se escribise o seu nome xunto ao signo cuneiforme que se usaba para os deuses, emparentándose con eles, e autoproclamouse, nunha disposición de auténtica deificación, «deus de Akkad». Foi o primeiro rei de Mesopotamia que proclamou a súa divindade, porque se ben xa houbera reis-deuses, como Lugalbanda e Gilgamesh, somente recibiron esta denominación anos despois da súa morte. Nun extracto dunha inscrición lese que “O poderoso Naram-Sin fixo xirar Arman e Ibla coa «arma» do deus Dagan que agrandou o seu reino”30. A súa práctica da divinización sería seguida polo seu sucesor, Sharkalisharri (2217-2193 a.C.), moitos dos reis da III Dinastía de Ur, - como Shulgi, Amar-Sin (2047-2038), e o seu irmán e sucesor, Shusin.

Gudea: (ca. 2144 - 2124 a.C), sucedeu ao seu sogro Ur-Baba como duodécimo gobernador, patesi ou ensi, especie de rei-sacerdote, da cidade-estado acadia de orixe sumerio, Lagash, segundo da segunda dinastía. Foi un rei reformador, escollido como pastor fiel do país31 entre a multidume polo deus Ninxirsu, “o seu amado rei”32, ao que el construiu un templo do que era sacerdote. No Cilindro A de Gudea, Col. II, redixido c. 2140 a.C, o propio Gudea dirixe á deusa Bau esta plegaria: “Oh soberana miña, ti criácheme como un fillo do ceu puro”. E na Col. IV afirma: “Eu son príncipe, eis o elixido dos deuses, eu”. Na col. V, díse que “ao príncipe (patesi) súa mai a deusa Anuit respóndelle”, e revélalle o enigma do seu soño, referido á construción do templo de Ninxirsu de Lagash. Apreséntase a si mesmo como “Pastor concibido por Ninxirsu no seu corazón; considerado firmemente por Nansha; dotado de vigor por Nindar; o home descrito por Baba; fillo enxendrado por Gatumdug (deusa de Lagash); dotado da dignidade e o ceptro sublime por Ig-alima; ben surtido do alento da vida por Dunshagar; a quen Ninguszida, o seu deus, fixo apresentarse na asemblea coa cabeza erguida”33.

Renacemento sumerio (2142-2004)

Ur-Nammu ou Ur-Namma, o pastor34, guerreiro da deusa Nammu (2113-2095). Primeiro rei da III dinastía de Ur, con dominio sobre Ur, Súmer e Akad. No que fica do Código de Ur-Nammu non se contén unha mención explícita á filiación divina, mais todo indica que se debe ao seu estado de deterioración e que, por tanto, el tamén se consideraría como fillo e elixidos por Deus. De feito, é citado como tal nas Leis de Ur-Nammu: “Despois que An e Enlil devolveron a realeza de Ur a Nana (ou Sin, deus lunar, fillo de Enlil e Ninlil) nese tempo pasoulla a Ur-Nammu, fillo nacido da deusa Ninsun, en lugar da súa querida mai que o pariu, de acordo con seus (i.e. do deus Nanna) principios de equidade e confianza”35. Nun hino ao seu nome figura como formado pola deusa sumeria da Terra, Nintur, tamén coñecida co nome de Ninhursaga36. É descrito como o verdadeiro pastor que engorda as ovellas, o grande irmán de xilgamesh37, o elixido por Nunamnir, ou sexa, Enlil, en Sumer e Akkad e proclamado entre a apiñada xente e feito o «señor do reinado» desde o alto38.

Shulgi (2095 - 2047 a. C), o “divino”39, “pastor dos cabezas negras40”, rei da III dinastía de Ur, fillo e sucesor de Ur-Nammu, nacido de mai humana e tamén dunha deusa, mais enxendrado, alimentado e criado polos deuses. Reimplantou a práctica acadia de divinización do monarca. Fíxose chamar rei das Catro rexións e adorar como un deus, ao que os cidadáns rendían ofrendas. “Meu rei: A túa palabra é a palabra do divino An, que non se cambia; cando decides o destino, / a decisión póñencha na man como a un deus.../ Ti es deus dos homes desde Abaixo até Acima”41. Nos recibos de dádivas votivas dáselle a consideración de “divino”42, naceu dunha deusa, o esposo dunha deusa, amigo e irmán dun deus e el mesmo se autoproclama como deus. Nun himno autolaudatorio afirma: ”O fiel, deus de todos os países son eu, o fillo nacido de Ninsun son eu, o amado de Ninlil son eu, ... o fielmente criado por Nintu (Ninhursag) son eu, o dotado de sabedoría por Enki son eu, ... Shulgi escollido para a vulva de Ianna son eu”43. “Co valente Utu, meu irmán e amigo. ... coa miña esposa, a Virxe Inanna, a raiña das delicias no ceu e na terra”44. Foi coroado polo rei dos deuses, An45

Shu-Sin (2037-2029), facíase chamar o divino: “O divino Shu-Sin, lugal de Ur construiu o muro dos MAR.TU, o que aparta a Tidnum”46. Un documento sumerio afirma: “O mes Shegurkud, o ano en que o divino Shu-sin chegou a ser rei”47, expresión que se repite tamén no caso do seu sucesor. Nun cantico de amor ao rei dise: “O meu deus, da doncela vinícola, é doce o seu viño de dáctiles, similar ao seu viño de dáctiles é doce a súa vulva, doce é o seu viño de dáctiles ...O meu rei, o deus do seu país!”48; e noutro apreséntase do seguinte xeito: “Ti es o noso pai da cidade e xuíz, Ti es o xenro do noso pai”49. O gobernador de Eshnunna, Ituria, dependente do rei Shu-Sin, dedicoulle a este rei, o seu deus, un templo, con esta inscrición: “Para o divino de Shu-Sin, mencionado polo seu nome por Anu, amado de Enlil, o rei en quen Enlil pensou no seu santo corazón para a dirección do país e das catro partes, poderoso rei, rei de Ur, rei das catro partes, o seu deus - Ituria, gobernador de Eshnuna, o seu servo, construíu o seu templo”50

O fillo e sucesor de Shu-Sin, Ibbi-Sin (2028-2004), último rei da III Dinastía de Ur. Tamén se apresentaba como divino51. Na estela de Naram-Sin, tamén chamada Estela da Vitoria, represéntase a exitosa campaña do rei de Acad contra os lulubis, e destácase a súacategoría divina mediante un casco con cornos, símbolo da deidade. Documentos coetáneos de Nippur testifican que se tomaba xuramento «por Naram-Sin», ao igual que se facía polos deuses. Parece que asumiu a función de deus protector. 


Lexitimación divina do poder nas Dinastías de Isin e Larsa (2025-1794)

A maioría dos reis de Isin e Larsa tamén se consideraban divinos52. O primeiro rei de Isin foi usurpador ex-alto funcionario de Ibbi-Sin, Ishbi-Erra (2017-1985), natural de Mari, comisionado por Ibbi-Sin para procurar alimentos en Sin para satisfacer as necesidades alimenticias da populación, mais aproveitou a ocasión favorábel para declararse rei de Isin, fundador a Dinastía de Sin, e, após conquistar da maioría das cidades sumero-acadias, proclamouse rei das Catro Rexións, ou sexa, de todo o mundo coñecido e facía preceder o seu nome de «divino». Na carta enviada por Ibbi-Sin a Puzur-Numushda, gobernador de Kazallu, e subordinado seu, lamenta que “Agora Enlil concedeulle a realeza a un home desprezíbel, a Ishbi-Erra, que non é natural de Sumeria”53.


Sucedéulle en Isin o seu fillo Shu-Ilishu (1984-1975), que se intitulaba Rei de Sumer e Acad" e "Rei de Ur", e a este o seu fillo Iddin-Dagan (1974-1935), “fillo enxendrado de Dagan, (deus da fertilidade), pastor moi elevado, construtor, divino Iddin-Dagan no conxunto das túas cidades”54, “vicario dos deuses”55, que ostentou os títulos de "Rei de Ur", "Rei de Isin" e "Rei de Sumer e Acad". An asignoulle un grande porvir e del recibiu o trono: “An ... destinouche un grande porvir. Entregouche un trono sagrado e brillante; elevoute ao pastoreo do país56”. Un himno sagrado apreséntanos unha hirogamia súa coa deusa Inanna: “O rei aproxímase coa cabeza alta ao seu sagrado regazo / Aproxímase coa cabeza alta ao sagrado regazo de Inanna / Amma-ushungal-anna túmbase xunto a ela / Acaricia o seu sagrado regazo. / Cando a Señora se tumba sobre o leito, / no sagrado regazo (do rei), / Cando a pura Inanna se tumba sobre o leito / no seu sagrado regazo, / fai o amor con el sobre o leito. / E di a Iddin-Dagan: / Verdadeiramente ti es o meu ben amado”57. O rei, como o deus Utu (logo sería denominado Shamash), ocupa o seu lugar no trono, xunto a Inanna58. Unha vez realizado o acto amoroso, permítese que entre o pobo, cargado de oferendas, e os músicos.


A Iddin Dagan sucédelle o seu fillo Ishme-Dagan (1953-1935 a.C.), titulado "Rei das Catro Rexións" e "Rei de Sumer e Akkad" e el mesmo autotitulouse «Sacerdote de Uruk». Nun himno a Inanna, deusa do amor e filla de Zu-En, móstrase como o elixido por Enlil e Ninlil, consorte esta de Enlil e señora do ar, que lle conceden subxugar aos cabezas negras, o sumerios, e ordenar rectamente o seu dereito59. Ao príncipe Ishme-Dagan, “fillo de Enlil”60, a deusa Mai Baba dálle vida para días afastados. Naceu da Grande Montaña, ou sexa de Enlil, “enxendrado por Ninlil, entre o seu pobo numeroso foi dotado co nome excelso do teu poder”61. Foi Enlil quen fixou o seu destino: “Un trono que reúna todas as forzas divinas, a segura coroa real para días afastados, un ceptro que deixe vivir aos homes con tranquilidade, que conduza a todos por un camiño”62.


Lipit-Ishtar (1934-1924 a. C.), rei de Isín, Sumer e Akkad63, é coñecido polo código que leva o seu nome e polos himnos que se lle dedicaron na súa honra. Foi elixido polos deuses para a gobernanza do país: “Cando Lipit-Ishtar, o pastor obediente, foi chamado por Nunamn{ir} (nome co que se designaba a Enlil) para estabelecer a xustiza no país, para extirpar pola palabra a iniquidade, para destrír pola forza a desorde (e) a malevolencia, para (estabelecer) o benestar en Sumer e en Akkad, (entón) An (e) Enlil chamaron a Lipiti-Ishtar para a soberanía do país”64. O seu alto posto vai acompañado do premio de ser o preferido, “elixido do corazón de Inanna”65. Nun himno dedicado ao deus do Ceu, pai dos deuses e rei de todas as terras, An (Anu), Lipit-Ishtar aparece como o apoio do propio deus, que “co seu corazón rebosante de graza, nomeouno rei”66. Apreséntase como o fillo de Enlil67 e amado dos deuses que o protexen cos seus favores, e como esposo da deusa Inanna. Nun himno que lle foi dedicado ao propio rei defendíase que era rei pola graza de Deus: “Eu son o rei, o ben criado, de boa semente por parte de mai, o fillo do divino Enlil... Son o fillo amado do divino Enlil; / No seu templo de Ki'ur entregoume o ceptro./ Son a delicia da divina Ninlil;/ no seu templo de Nagusshua fixoume un bo destino .../ Eu son aquel a quen o divino Luna (Nana) mirou con cariño;/ el faloume amistosamente en Ur.../ Eu son aquel a quen o divino Enki abriu o ouvido; / el entregoume a realeza en Eridu./ Eu son o esposo querido (da divina Inanna);/ na cidade de Uruk fixo que eu, orgulloso, alzara ao ceu a miña cabeza.../ Eu son a xoia do reino,/ Lipit-Ishtar, fillo do divino Enlil”68. O rei, en contraprestación da axuda divina, móstrase solícito no culto á divindades, como o seu máximo sacerdote. “Eu son aquel a quen o divino Enlil doou a grande forza, / Eu son Lipit-Ishtar que na miña mocidade o adoro./ Eu son o que está sempre ao servizo dos deuses, / o que cuida sen pausa do templo de Ekur / o que se acerca ao sacrificio con un cabrito no peito, / que humilde leva (orando) a man á boca; / o rei que se apresenta á oración, que lle di ao divino Enlil palabras agradábeis, que alegra á divina Ninlil coa súa plegaria”69. Ponse na súa boca que é un “agricultor que amontou as medas, o pastor que acrecenta a manteiga e o leite do redil, quen fai crecer peixes e paxaros no pantano, ... o que procura víveres para a súa cidadeLipit-Ishtar, o pastor de todos os países, son eu”70. El mesmo ousa proclamarse deus: ”Eu son o deus da humanidade, / o máis famoso entre os numerosos seres humanos”71, a quen se rende culto: “Lipit-Ishtar, sé alabado”72.


Enlil-Bani (1860-1837 a.C.), rei de Isín, Sumer e Akkad, xardiñeiro de profisión, que sucedeu a Irra-Imitti (1868-1861), após unha cesión temporal do poder por parte deste nun cerimonial de celebración do ano novo na cal se produce a súa morte, e unha vez asentado no trono negouse a abandonalo. A pesar de ser un usurpador, foi bendicido o seu ascenso polos deuses. Nun himno que lle foi dedicado, é apresentado como “supremo fillo de Zu-en (ou Sin, deus lunar, señor do saber), pastor, conselleiro, que dirixe os seres viventes, que estende sombra ampla sobre todos os países, príncipe sublime, designado por An. ... santo esposo de Inanna, Asariluki deuche unha intelixencia (ampla)”73. Aparece adornado de grandes cualidades humanas: “Enlilbani, ti móstraste como heroi de boca doce, labio de boa palabra, (rei poderoso, rei de Isín), (rei de Sumer e Akkad), santo esposo de Inanna, Asarilukhi deuche intelixencia (ampla), ...”74. Todos os deuses, tamén o seu pai divino, o protexen: “Nanna, o ... señor, o fillo de Enlil, púxoche a «barba da vida» na túa cabeza. Nunimmud75, o teu divino proxenitor, acrecentouche abundancia no Abzu76. Inanna no Eanna77, concedeuche alegría de corazón; oferéceseche marabillasamente no seu sagrado leito para pasar a noite. A mai do país, de Sumer, Ninisina, fíxoche tocar a terra coa túa man en Isín. Utu, o xuíz, o rei do ceu e a terra, púxoche o ceptro que guía os cabezas-negras na túa man”78.


Sin-Iddinam (1849-1843 a.C.), rei reformador de Larsa con dominio tamén en Sumer e Akkad, fillo e sucesor de Nur-Adad. Segundo a inscrición que leva o seu nome: Utu, o rei sol, lanzou unha mirada favorábel sobre min, e elevoume “ao pastoreo de Larsa, someteu á miña orde as tropas da multidume de países (e) confiou nas miñas mans os grandes decretos que lles concernían”79.


Sin-Iqisham gobernou a cidade-estado de Larsa de 1840-1836 a. C, fillo de Sin-Eribam e contemporáneo de Enlil-bani e de Zambiya de Isin e Babilonia. Derrotou a Kazallu de Elam no ano segundo do seu mandato e a Zambiya no ano quinto.


Consérvase un himno seu ao deus protector da cidade de Inab ou Kazalu, Numushda, no que, despois de louvar as súas excelencias, lle pide que poña baixo o seu mando os países desobedientes e prolongue a súa vida: “Exaltado señor, para quen foi determinado un destino favorábel mentres estaba aínda no útero adecuado! Numushda, exaltado señor, para quen foi determinado un destino favorábel mentres estaba aínda no útero adecuado! ... Meu deus, dálle ao rei os países desobedientes! Numushda, dalle aos príncipe Sin-iqisham os países desobedientes! ... Olla acolle favorabelmente as plegarias de louvor! Mira con favor o príncipe Sin-iqisham! Permite que os días xubilosos do rei sexan prolongados, o Numushda!”.

Rim-Sin I (1822 - 1763 a. C.), derradeiro rei da dinastía en Larsa. No ano 1802 conquistou Uruk e no 1793 Isín, converténdose no rei máis poderoso do sul de Mesopotamia, mais após a súa derrota e a do seu aliado de Elam, Siwe-Parlar-Huppak, ante Hammurabi os seus dominios pasaron ao poder dos babilonios. Todas as súas obras e accións estaban protexidas e apoiadas pola divindade. “17 Ano no que (Rim-Sin) levantou a grande fortificacion 'Imgur-Gibil / amado de Gibil' e a cidade de Zibnatum coa axuda das poderosas armas confiadas a el por Enlil. 22 Ano en que o xusto pastor Rim-Sin, so o xusto mandado de An, Enlil e Enki, escavou un canal do que se esqueceu o nome e chamouno 'id-sikil / o canal xenuino' acrecentando largas superficies de terreno ás cidades colindantes. ... 24 Ano en que o xusto pastor RimSin, o sabio do que a mocidade é exhuberante, escavou por orde de An, Enlil e Enki, un canal dobre canal cara a costa do mar, provendo a moita populación con auga potábel, producindo unha superabendancia de colleita nas súas orelas, e converteunas en campos de cultivo e arábeis”80.


Ur-Ninurta (1923-1896 a.C.), rei usurpador da dinastía de Isín, apoderouse do poder á morte de Lippit-Ishtar.


Autodenominouse “fillo de Ishkur” (Adad), “So o seu goberno, puido a xente permanecer en pastos de erba con el como o seu pastor. Puido Ur-Ninurta facer que numerosa xente seguise o camiño xusto. ... Canto ás ovellas, puido el buscar o seu alimento para comer, puido permitir que tivesen auga para beber! ... Ur-Ninurta, o fiel pastor que é atento contigo. Permite que sexa posíbel facer que os cabezas-negras, numerosos como ovellas, sigan o teu camiño”81. Na primeira parte da poesía, A šir-namgala, lóubase a deusa do amor Inanna, e na segunda relátase a súa chamada a Ur-Ninurta para pastor. “Inanna é suprema, con poderes divinos diversos superiores ás outras señoras divinas. Ela perfecciona os planos divinos da realeza a fin de reestabelecela, e decidiu e desexou realmente impartir xustiza aos cabezas-negras e para darlles un goberno estábel. De entre numerosa xente, chamou a Ur-Ninurta para ser o pastor dos seres vivos”82.


Lexitimación divina do poder en Elam

 
No devir político dos semitas de Elam distínguense tres períodos: Elamita Antigo (2700-1500 a. C.), Elamita Medio (1500-1100 a. C.) e Neoelamita (1100-645 a.C). O dominio de Akkad  sobre Elam durou até o reinado do neto de Sargón, Naram-Sin (2254-2218 a.C.), xa que arredor do 2240, Kutik-Inshushinak liberou Susa da submisión aos acadios, se ben pronto pasarían a estar dominados durante un século polos gúteos e a seguir pola cidadeestado de Ur até o reinado de Ibbi-Sin, que foi derrotado no ano 2004 a. C. Polo rei elamita Kindattu. A principios do século XIX a.C. a dinastía imperante dos Shimaski foi substituída pola dos ebártidas, con Eparti I á frente, único rei elamita deificado en vida. Os elamitas mantiveron un control limitado sobre Mesopotamia até que foron desprazados polos babilonios de Hammurabi (1792-1750 a. C.). Con Shutruk-Nahhunte como rei (1185 - 1155 a.C.), Elam derrota aos casitas e estabelece o primeiro Imperio elamita, de breve duración, pois Nabucodonosor I de Babilonia (ca. 1126–1103 a.C.) conquistou Elam arredor do ano 1120 a.C. Arredor do ano 750 recupera a súa independencia e prodúcese un resurximento cultural do país que vai durar até o ano 645 en que foi ocupada polos asirios, perdendo a súa independencia. A estes sucédelle unha dominación dos medos, que, á súa vez, foron derrotados polos aqueménidas, inaugurando o imperio persa. Os sucesores de Eparti non se divinizaron nin se chamaron reis, denominación utilizada para os monarcas locais, senón sukkal-mah, ou sexa, grande rexente. 


Igehalki (1350-1330 a. C.), rei de Susa e Anshan, de etnia hurrita, fundador da dinastía que leva o seu nome, usurpador que se lexitimou por ser elixido pola deusa Manzat-Ishtar, a Grande Señora, consorte de Simut, na realidade parece que foron os casitas quen o axudaron derrubar a Teptiahar e conquistar o poder. 


Khuman-Numena (1300-1275 a. C.), fillo de Attar-Kittah e neto de Igehalki. Quinto rei da dinastía Igehalki. Pretendía descender de Silhaha. Dicíase elixido polo grande deus elamita Napirisha, esposo de Kikirisha, señora de Liyan e mai dos deuses, e ter recibido a realeza do deus de Susa, Insusinaks, patrón de Susa e deus da xustiza e do dereito. Unha inscrición súa di: “¡Oh!, Napirisha, Kiririsha e os deuses protectores de Liyan; eu son Hubannumena, fillo de Atarkita, grande do reino, soberano de Elam, monarca de Elam, gobernante de Elam, rei de Anshan e de Susa. Napirisha amoume a causa (da lexitimidade) da miña mai e designoume (como herdeiro). Téndose recuperado a estabilidade, Insusinak deume en verdade a realeza. Pola miña vida, a vida de Mishimru e a de Risapla, é polo que, téndose
botado a perder o templo antigo, construín no seu recinto un santuario novo e dediqueillo a Napirisha, Kiririsha e aos deuses protectores. Que Napirisha, Kiririsha e os deuses protectores me concedan unha longa vida e me guíen por unha realeza e un reinado de benestar“.








1. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 265.
2. CLAY, A.T., Babilonian Record in the library of Pierpont Morgan, Vol. IV, nº. 2, Col. I, 6-14. (Ver FRANKFORT,
          HENRI, Reyes y dioses, Alianza Editorial, Madrid , 1988, p. 259).
3. Himno a Enlil, Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 575. ROUX,
          GEORGE, Mesopotamia, historia política, económica y cultural, Acad, Madrid, 2002, p. 104.
4. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 266.
5. Mitos sumerios y acadios, Editora Nacional, Madrid, 1984, p. 123.
6. Mitos sumerios y acadios, Editora Nacional, Madrid, 1984, p. 140.
7. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 266.
8. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 265.
9. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 85. Epopeia de Gilgamesh, 3.
10. «Gilgamesh e o país dos vivos», en Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard,    1969, p. 49.
11. FONTES, MARTÍN, A epopeia de Gilgamesh, mosaicum.org/wp.../download.php?, Prólogo.
12. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 266.
13. Luckenbill, D. D., Two Inscriptions of Mesilim, The University Chicago Press, In the Journal of the American
         Oriental Society, Vol. XXXIII, p. 220.
14. Cono de Entemena
15. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 90.
16. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 90.
17. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 116.
18. La Estela de los Buitres, Tradución de Lara Peinado, Federico, antepasadosnuestros.blogspot.com/.../
          la-estela-de-los-buitr...
19. Thureau-Dangin, François, Les inscriptions de Sumer et d'Akkad, Paris, 1905, p. 41. (Ver FRANKFORT, HENRI, Reyes y dioses, Alianza Editorial, Madrid , 1988, p. 248).
20. Los primeros códigos de la humanidad, Tecnos, Madrid, 2009, pp. 22-23.
21. Thureau-Dangin, François, Les inscriptions de Sumer et d'Akkad, Paris, 1905, p. 219.
22. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 119. Mitos sumerios y acadios, Editora Nacional, Madrid, 1984, p. 510. La leyenda arcádica de Sargón, en   www.revistabiblica.org.ar/articulos/rb55_103.pdf
23. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 267.
24. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 147. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James
Pritchard, 1969, p. 647.
25. Sello real del rey Silulu, época paleoasiria, s. XX a. C. Grayson, 1972, 5. (Ver: SANMATÍN, JOAQUÍN e
SERRANO, JOSÉ MIGUEL, Historia Antigua del Próximo Oriente, José Miguel Serrano, Akal, Textos, 2006 Sanmartin, pp. 66).
26. Assyrian royasl inscriptions, Albert Kirk Grayson, Wiesbaden, 1972, From the begining to Ashur-resha-ishi I,
books.google.es/books?isbn=3447013826, p. 5.
27. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 648.
28. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 149.
29. As catro rexións eran as seguintes: Sumer : Sur; Elam: Leste; Subartu: Norte, e Amurru: Oeste.
30. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 268.
31. Los primeros códigos de la humanidad, Tecnos, Madrid, 2009, p. 53.
32. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 269.
33. Código, anverso, I, 27 ss. (FRANKFORT, HENRI, Reyes y dioses, Alianza Editorial, Madrid , 1988, p. 260).
34. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 584.
35. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 523. Los primeros códigos de la humanidad, Tecnos, Madrid, 2009, p. 63.
36. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 153.
37. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, pp. 154-155.
38. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, pp. 156, 158 e 160.
39. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 217.
40. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 585.
41. Dunha carta dun ministro de Shulgi, Ur III, ca. 2094-2047; Wilke, 1974, 179.
42. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 217.
43. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 585. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, pp. 162 e 163.
44. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 166.
45. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 166.
46. ROUX, GEORGE, Mesopotamia, historia política, económica y cultural, Acad, Madrid, 2002, p. 190. Nos recibos de dádivas votivas dáselle a consideración de “divino”. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 217.
47. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 217.
48. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 496.
49. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 644.
50. FRANFORT, LLOYD E JACOBSEN, The Gimilsin Temple and the Palace of Rulers at Tell Asmar, (oip, Vol. XLIII), pp. 134-135. (FRANKFORT, HENRI, Reyes y dioses, Alianza Editorial, Madrid , 1988, p. 322).
51. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 217.
52. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 217
53. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 481.
54. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 173.
55. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 174.
56. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 172.
57. ROUX, GEORGE, Mesopotamia, historia política, económica y cultural, Acad, Madrid, 2002, p. 106. Ver tamén: Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, pp. 43-44.
58. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 44.
59. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 55.
60. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 118.
61. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 56.
62. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 119.
63. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 179.
64. Los primeros códigos de la humanidad, Tecnos, Madrid, 2009, pp. 104-105.
65. Los primeros códigos de la humanidad, Tecnos, Madrid, 2009, p. 106
66. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 4.
67. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 178. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James
Pritchard, 1969, pp. 159 e 161.
68. SANMARTÍN, JOAQUÍN e SERRANO, JOSÉ MIGUEL, Historia Antigua del Próximo Oriente, Akal, Textos, 2006, p. 59. Tamén Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, pp. 180-182, e Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 159.
69. Himno a Lippit-Ishtar, rei de Isin, ca. 1934-1924, Kraus, 1974, 250 ss. (Ver: SANMARTÍN, JOAQUÍN e
SERRANO, JOSÉ MIGUEL, Historia Antigua del Próximo Oriente, Akal, Textos, 2006, pp. 58-59). Tamén: Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, pp. 182-183.
70. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, pp. 182-183.
71. Himno sumerio en honor do rei Lipit-Ishtar, época paleobabilónica, ca. 1934-1924, Römer, 1965, 55. Himnos
sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 181.
72. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 180.
73. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 186.
74. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 186.
75. Epiteto de Enki, tamén chamado Ea, é irmán de Enlil, e fillo de An; é o señor da terra.
76. Na interpretación cosmogónica das mitoloxías sumeria e acadia, é o principio primordial masculino da auga doce dos acuíferos subterráneos sobre a que frota a terra
77. Templo dos ceus
78. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 188.
79. Los primeros códigos de la humanidad, Tecnos, Madrid, 2009, pp. 178.
80. Stele of Rim-Sin
81. Poesía de louvor de Ur-Ninurta, D 33f, A 20, 26, C 20–23.
82. ( A šir-namgala (?) to Inana for Ur-Ninurta (Ur-Ninurta A)