29 sept 2013

Asunta, unha rapariga galega

Nacida na China e traída a Galiza de pequeniña -din que aos nove meses- Asunta Yong Fang, brillante e sensíbel meniña era xa unha rapariga galega a todos os efeitos. A súa morte afectounos  profundamente a todos os composteláns, independente da extración social, idade ou sexo. Mais aínda que foses china a todos os efeitos, sentiriamos igual a túa morte e teriamos o mesmo sentimento de repulsa cara aos que che cortaron a vida, as esperanzas, a ilusión, o futuro. Porque o lexítimo sentimento de pertenza patrio non pode permitir que se conculquen os direitos dos demais, e especialmente de seres indefensos, como é o teu caso.A túa desaparición física é o expoñente da baixeza a que pode chegar o ser humano en determinados momentos e circunstancias.


Agora que o teu corpo non está entre nós, só fica o teu espírito, que non está só na Alameda ou en Belvís, como o dos teus queridos avós, senón que está en todos os currunchos da cidade porque está na mente de todos nós, que nunca te esqueceremos, apesar de que, no meu caso, non tiven ocasión de coñecerte en vida..

27 sept 2013

POLO SEU BEN, DEFENDAMOS O GALEGO

A propósito dun artigo de Blanco Valdés

Un compañeiro remíteme un artigo do profesor da USC Roberto Balco Valdés, publicado o 22/09/2013, en La Voz de Galicia, para que lle dea a miña opinión ao respeito. Considero que non debo negarme porque manteño como principio que no meu blog debo fomentar o debate e responder a todo o mundo, sexan máis ou menos fundadas as súas manifestacións.

Cumpre precisar que todas as ideas deben ser consideradas como lexítimas nunha sociedade, salvo as que fomentan o odio, agresión, a conculcación dos direitos das persoas tanto individuais como colectivos, ... mais non todas son igualmente lexítimas no sentido de fundadas no direito, na razón e na xustiza. Un posicionamento que defenda que debe existir unha lei de transparencia, que todos os poderes públicos deben ser elixíbeis, que hai que adoptar medidas contundentes contra a corrupción, é máis lexítima que un que tolera todo isto. Un poder político que permite a libre manifestación da vontade dos pobos é máis lexítimo que un que a coarta.

O Sr. Blanco Valdés forma parte da intelectualidade orgánica ao servizo do xacobinismo españolista e dos valores que o sustentan, e non desaproveita a ocasión para manifestar a súa animadversión e insultar aos que defenden posicionamentos galeguiistas e nacionalistas galegos, e en xeral, valores dos nacionalismo periférico. Non é surprendente que se opoña ao exercicio do poder de decisión en Cataluña e pregoe, sementando un clima de confusionismo, que o Estado español xa é un Estado federal, salvo no nome. Subiuse ao carro da interesada e destrutiva política da imposición do galego -o bipartito quixo -di- impoñer o galego polas bravas- e da institucionalización das galescolas, para el o colmo do disparate e mímese da China maoísta e dos soviets do todos igual. Móvese moi ben na provocación e na linguaxe difusa e pouco rigorosa. Quen queira verificar esta valoración, non ten máis que recorrer ás hemerotecas para comprobalo.

O artigo titúlase: “Por su bien, dejemos ya al gallego en paz”, consello que ten o mesmo valor que “Deixemos que o raposo controle as galiñas”. Non hai que deixar o galego en paz, senón que hai que ser militantes do idioma que nos legaron os nosos pais, que crearon este marabilloso veículo de comunicación con unha potencialidade inmensa, se temos en conta a pertenza ao tronco lingüístico galego-portugués. Mais, aínda que fosemos somente os galegos os que nos expresamos nesta lingua, eu defendería igual a pervivencia por lealdade cos nosos antepasados, que aquí viviron, sufriron e amaron.    

Posiciona a seguir, toda unha serie de perguntas retóricas e de transfundo saduceísta, como é toda a súa ideoloxía: “¿Por qué estando la lengua gallega más protegida, subvencionada y presente en la vida institucional de nuestra comunidad que nunca antes en la historia de Galicia sigue perdiendo hablantes de forma imparable y a gran velocidad?”. Este profesor debería precisar máis os seus pronuncimentos e matizar mellor. Debería dicir que actualmente está máis protexida que en ningún momento da historia a contar do momento en que, cos Reis Católicos, se comezou o proceso de doma e castración de Galicia, en palabras do seu cronista Zurita. Ou sexa, que está máis protexida que nos momentos en que estivo claramente perseguida, marxinada, excluída e discriminada. Miúda afirmación e descubrimento! Ou sexa, que xa somos afortunados porque non estamos perseguidos e iso xa debería bastar para normalizar a lingua. Así son as fundamentacións ideolóxicas desta intelectualidade orgánica ao servizo de valores alieníxenas. Durante a etapa do bipartito, no que  eran os socialistas quen controlaban política lingüística e non os impositores do BNG, comezou a controlarse a perda de falantes, mais a política de fustigamento dos españolistas contra a tímida normativa inventou unha enorme falsidade e criou un caldo de cultivo propicio para fomentar un galegoescepticismo e certo desarme dos sectores máis dinámicos en prol da normalización.  

A seguinte pergunta que o profesor formula é: “¿Por qué, cuando llevamos más de treinta años enseñando gallego y en gallego en las escuelas y cuando, en consecuencia, el nivel de aptitud respecto a su manejo oral y escrito ha mejorado de forma exponencial entre cientos de miles de personas, baja y baja el número de jóvenes, y no tan jóvenes, que utilizan el gallego como lengua habitual?”. É certo que o manexo oral e escrito mellorou dun xeito importante, porque antes estaba proscrita a nosa lingua das escolas e centros non universitarios e universitarios, mentres que agora ten presenza, aínda que insuficiente e moitas veces testemuñal, como no caso do sector infantil e universitario, en contra do que, chocantemente, ten afirmado o autor que comentamos, que xa no ano 2008 levantou acta na que se facía constar que: “el castellano ha desaparecido oficialmente del Parlamento gallego, de la Xunta y la Administración autonómica, de la RTVG y de las tres universidades del país”,  mais, de seguido, no mesmo artigo declara que somente o 20 por cento do profesorado imparte as aulas en galego, o cal parece indicar que a vida oficial da Universidade é a administrativa. Este catedrático supoño que sabe ben as causas desta situación que delata. É evidente que se todos tivermos actuado como el, o galego xa tería desaparecido. El podería expresarse e escribir en galego, e por que non o fai? Que conciencia lingüística do país demostrou esta intelectualidade orgánica xacobinista? Considera este autor que para normalizar unha lingua, após quiñentos anos de persecución, alleamento, e imposición do español, é suficiente con dar unhas aulas onde se imparta o idioma propio, nun contexto onde a presenza do seu competidor é abafante?  

No seguinte párrafo afirma: “Por encima de autos judiciales, encuestas y decretos y sobre todo por encima de intereses de grupo o de partido, ambas preguntas son las esenciales no solo para quienes hablan gallego en exclusiva, sino también para los que sentimos esa lengua como una de las nuestras”. Como podemos observar, estabelece unha dicotomía entre os que falan exclusivamente en galego e os que senten a lingua como “una de las nuestras”, quer dicir,  como unha lingua máis entre outras, como o español, sen dúbida, e tamén quizais o inglés? francés? chino? Este señor nin sequera acepta a límida lexislación autonómica que no Estatuto de Autonomía estabelece que “a lingua propia de Galicia é o galego”. Se por este autor fose, este preceito xa tería desaparecido, porque está instalado no español e o galego interésalle un bredo. Este autor quer elevar a súa lingua de instalación, froito dun contexto de presión españolista, a lingua propia do país galego, confundindo o cu coas témporas.

Manifesta a continuación que “Muchos, convencidos de vivir en un Estado (el español) que los agrede, no llegan siquiera a planteárselas, pues su obcecación sectaria les impide ver la realidad”. Este párrafo condensa a fobia deste autor contra o nacionalismo periférico e os seus militantes, simpatizantes, votantes, etc. Moitos, sen precisar quen, cantos, ... Todo aquel que considera o Estador español como agresor non se posicionan esas arcanas e elevadas perguntas porque o seu sectarismo, supoño que xenético, lles impede ver a realidade, que, para el é clarividente. Eis o grande iluminado. Buda dixit. Termina o párrafo en cuestión con estas palabras: “Pero incluso gran parte de aquellos que, reconózcanlo o no, saben que esas preguntas expresan cuál es la auténtica cuestión, las despachan de la forma que más les interesa: el gallego pierde hablantes, dicen una y otra vez, porque en Galicia gobiernan sus enemigos, porque esos gobernantes lo persiguen con la intención de exterminarlo y porque, quienes podrían hacerlo, no adoptan las medidas necesarias para revertir su proceso de pérdida de hablantes”. Divide as mesnadas nacionalistas entre os que son vítimas da violencia sectaria,  limitados e obcecados mentalmente, e os restantes, un pouco máis dotados mais desnortados, porque se atreven a pensar que en Galicia gobernan os inimigos do galego, ao que perseguen coa intención de eliminalo, non adoptando as medidas oportunas para normalizalo. Como vemos, sempre moi respeitoso cos que disenten do seu discurso narcotizante. Para este autor, o Goberno do PP é un namorado do galego, obsesionado coa súa normalización. Por iso, inventou o discurso da liberdade lingüística para frear o incremento do galego e para que todo o mundo teña garantido poder falar español, inclusive nas aulas que se imparten en galego. Por esta mesma razón, desactivou o Plano Xeral de Normalización Lingüística, que se tiña aprobado por unanimidade, incluíndo o apoio do seu partido. Por esta mesma razón substituiu a política de normalización pola de dinamización, e limitou a percentaxe de materias que se poidan impartir na nosa lingua. É tamén ese grande amor pola lingua propia a que o leva a facer inquéritos ilegais entre os pais para poder xustificar socialmente que son os pais os que non queren o galego, que, no transfundo coincide co discurso do autor que comentamos. A súa política de impulso e dinamización da lingua propia do país, avanzada da que queren impoñer en Baleares e Valencia os gobernos do PP, cociñada na transtenda da FAES, e nacida do precepto constitucional de “especial respeito e protección” das diversas modalidades lingüísticas de España, obedece a un sentimento puro que embarga e obsesiona a todos os nacionalistas españois, e, por iso, para non manchar estas linguas foron capaces de evitar toda medida que puidese protexelas e respeitalas. É unha mágoa que eses abertzales do Consello de Europa ousen expresar no seu informe de outubro de 2012, a súa  preocupación "pola redución progresiva do ensino en galego en todos os níveis e da súa estrura de apoio" e solicita á Administración galega "un número suficiente de escolas" que permita educar os mozos nalingua galega. Está visto que en Europa son uns extremistas que non entenden ese grande amor que o noso Goberno profesa ao seu idioma, que inclusive se atreve a substituír aulas que se daban en galego por outras impartidas en inglés.

O informe destes desinformados membros do Consello de Europa, atrévese a destacar a escasa protección do galego en numerosos ámbitos e a criticar a situación na que o criticado decreto do plurilingüismo deixa a lingua propia do país no ensino. Así, o informe do Comité de Ministros do Consello de Europa “convida as  autoridades a que tomen medidas de modo que a introducción forzosa do modelo trilingüe na educación non afecte a educación na lingua  propia”, xa que, após consultar con expertos a avaliar a súa aplicación en Galicia, comprobouse que “a ensinanza ao 50% en galego non se cumpre na práctica”. Está visto que estes expertos do Consello de Europa non son capaces de intuír o amor que subxace nesta política da Xunta motivada por un amor puro e sublime á lingua do país ao que gobernan.

Non son os únicos, porque na propia Galiza todas as institucións culturais, movidos, naturalmente, por esa obcecación sectaria, droga dos nosos días e cancro da sociedade, se opuxeron ao decreto de plurilingüísmo, demostranco claramente con esa actitude o seu menosprezo pola lingua e o desacato ao goberno de turno. Esta cegueira tamén se estendeu ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que invalidou dous dos artigos máis polémicos e envenenados do Decreto. A extensión deste cancro social obriga a tomar medidas para recuperar a sensatez que unicamente conserva o Goberno presidido polo Sr. Núñez Feijoo.     

No párrafo seguinte manifesta o simpatizante de Galicia Bilingüe, “Muchos de los que sostienen todas esas falsedades como si fueran evidencias saben, sin embargo, que no es así y que los gallegohablantes bajan no porque la Xunta los persiga sino a pesar de que la Xunta y, como ella, todas las instituciones de Galicia protegen de forma especial a una de las dos lenguas del país”. Esta dobre linguaxe e falsa conciencia é propia dos nacionalistas, que están movidos por intereses inconfesábeis. Eu recoméndolle ao profesor Balco Valdés que envíe esas bufonadas á UNESCO e ao Consello de Europa, en vez de expoñelas en medios afíns á súa ideoloxía e que lle pagan por provocar e emitir exabruptos contra os valores e o facto diferencial galego, e sementar o odio e o fanatismo na sociedade, xa con un clima irrespirábel. A conclusión deste autor é que a lingua que está marxinada en Galicia é o español, mentres que o galego está sobreprotexido.

A receita do profesor compostelán é a pasividade dos poderes públicos ante o problema que acucia a nosa lingua, como se ve no seguinte párrafo do seu artigo: “Y es que la batalla del gallego como lengua de uso habitual no se está perdiendo en las escuelas, sino en la relación de transmisión de padres a hijos, algo en lo que solo cabría intervenir institucionalmente desde una concepción autoritaria del poder incompatible con los principios democráticos más elementales. Ahí, y no en otro lugar, reside el auténtico problema”. A nivel do Estado español, a situación do euskera mellorou e pasou de ser falado polo 8 por cento da populación a ser a lingua de uso do 25 por cento. No catalán tamén se detivo a sangria, aínda que en ambos casos, a situación non é aínda satisfactoria. En Galicia, co bipartito, detívose parcialmente a hemorraxia a pesar do pouco tempo que gobernou. Mais os casos máis salientábeis son o da recuperación do idioma nacional en Israel e Grecia, que indican que as medidas políticas poden incidir moi favorabelmente no desenvolvimento da lingua nacional. Eu, naturalmente por ser un antidemócrata recoñecido, defendo que os gobernos e as entidades culturais, socioeconómicas, teñen que xogar un papel importante no proceso de normalización en toda sociedade. A propia Constitución Española e os diversos gobernos centrais, tomaron medidas para impoñer e blindar o español, e agora a mesma lei Wert o que pretende non é só blindalo senón eliminar os concorrentes e españolizar todo o Estado español, borrando todas as diferenzas ou conventéndoas en auténticas caricaturas ,

Reitera de novo os seus ataques contra os nacionalistas e asociacións culturais promotoras do galego, cando afirma: “Los nacionalistas y sus diversas terminales (mesas, asociaciones y demás) siguen empeñados, sin embargo, en que las cosas son como les gusta imaginárselas y por eso han decretado que el principal enemigo del gallego es un partido que votan libremente cientos de miles de personas que, por su edad, hablan solo esa lengua desde niños”. Somente as manifestacións e política lingüística de Galicia Bilingüe é a conveniente para o país. As súas son obxectividades manifestas mentres que estes nacionalistas de patacón alucinan, e sobre todo non son capaces de ver que o PP é un abandeirado da lingua propia do país, como o indica o feito de ser votado maioritariamente. A extrapolación é fácil: O PP de Mariano Rajoy foi votado pola maioría dos españois, logo é unha insensatez que agora os cidadáns se opoñan ao caso Barcenas ou critiquen a corrupción. 

Carga de novo contra os nacionalistas no párrafo final do seu artigo: “Tal empeño constituye un inmenso disparate, pero a sus autores les da igual: pues de lo que se trata, al fin, no es de favorecer al gallego sino de servirse de él para ganar espacio electoral. Lo que, lejos de ser bueno para la causa de la lengua, es devastador para ella, al convertirla en una causa de partido”. O PP, movida pola súa grande pureza democrática e de amor á lingua propia e odio ao español, non utilizou a lingua políticamente, senón que son os nacionalistas quen o fan e se aproveitan del.

A súa ideoloxía é manifestamente contraria aos direitos dos pobos e, por iso, non é surprendente que se ameace con desastres apocalípticos se os cataláns se pronuncian exercen o seu direito de autodeterminación e se pronuncian pola secesión. ““La secesión de Cataluña sería un disparate histórico descomunal no sólo porque quebraría uno de los más antiguos estados de Europa sino, sobre todo, porque dividiría a la sociedad catalana en dos mitades irreconciliables”. El, que tanto defendía a liberdade para non falar o galego, agora defende a imposición frente a un direito democrático. 

Os cualificativos despectivos da ideoloxía deste temperamental e irado profesor proliferaron, sendo reputado como: galegofóbico e hostil ao nacionalismo galego, cavernícola polos seus irrespondábeis e rancios comentarios, de pensamento pseudofascista, antigaleguista e terrorista da nosa cultura, “un depredador incansable que vomita infamias e injurias contra este malherido y agonizante rincón del noroeste peninsular, donde compartimos habitat con gente de esta naturaleza, desarraigada, descastada, bastarda y que aún vergonzosamente se quieren identificar como gallegos”.

19 sept 2013

Vargas Llosa e os nacionalismos


O día 18/09/2013, un amigo envioume unhas declaracións de Vargas Llosa, realizadas o día da Diada, sobre os nacioonalismos para que lle dese a miña opinión sobre elas, declaracións que xa coñecía por teren sido profusamente divulgadas, especialmente por oporse aos valores defendidos polos partidos dominantes en Catalunya no día da súa festa nacional, ou sexa, ás súas aspiracións soberanistas. Eu nunca pensei escribir unha liña sobre este autor, mais véxome na desganada tesitura de ter que satisfacer os desexos amicais.

Para quen subcribe, Vargas Llosa é un grande narrador, como o corrobora a cantidade de premios literarios recibidos: Príncipe de Asturias, Nobel, Cervantes, Planeta, ... mais debemos ter cuidado en evitar cair no mecanismo psicolóxico coñecido como efeito de halo, que consiste en xeneralizar as cualidades positivas ou negativas de alguén que destaca nalgunha delas, a outros ámbitos. Non porque un sexa un grande xogador de xadrez, vai ser un bo físico ou político. Vargas Llosa é un grande escritor e un mal ideólogo e político, como ten demostrado tamén sobradamente.

É conveniente trair tamén a colación o que dicía o vello Parménides: somente hai dúas vías de investigación: a da verdade que reafirma a existencia do ser, e a do erro, que sostén que o non ser é necesario. Recomendaba o vello filósofo aterse a vía da verdade por ser a única practicábel. Igualmente, no tema presente, somente hai dúas vías: a dos que defenden os direitos plenos dos individuos e dos pobos e a democracia e a dos que supeditan a outros valores os direitos do individuos, os dos pobos ou ambos á vez, ou a democracia.

O autor que nos ocupa, é un adail dun liberalismo radical, que cifra a resolución e o benestar da sociedade no direito de propiedade, iniciativa privada, leis do mercado, desigualdade social, e democracia formal. Foi unha proposta que fracasou en América Latina e tamén na súa tentativa de ocupar a presidencia do Perú. A crise que estamos padecendo nos nosos días é precisamente froito desa ideoloxía liberalismo radical, que elimina controlos e converte a democracia nunha caricatura de si mesma manipulada polas elites económicas extractivas, que son quen realmente ostentan o poder. Defende os direitos individuais mais nega tallantemente os direitos colectivos, os direitos dos pobos, subordinándoos a estabilidade política, statu quo, intereses privados, etc.

Nas citadas declaracións o autor alude a que tanto o seu editor como a súa muller lle prohibiran falar de política, e creo que é unha pena que non cumprira esta petición porque perdeu unha magnifica ocasión de manter a sensatez. Como exilado nacionalizado español supoño que o Goberno central lle prohibiría realizar declaracións políticas contra outros países, incluído o seu, polo menos é o que se costuma facer nestes casos. En todo caso, eu nunca lle ouvín ningunha declaración neste sentido. Mais di ben pouco en favor da súa cortesía, aproveitar para fustigar os direitos dunha comunidade inserida no Estado que o acolle, parece que coa complicidade e alento por parte do seu Goberno. É lamentábel que el se cebe nas súas comparecencias, na negación dos direitos nacionais de Catalunya, e, por suposto de Galiza e Euskadi, valéndose da máis descarada e inmoral manipulación da historia. A reacción desde Catalunya non se fixo esperar, acusándoo de anticatalán, resentido, nacionalista español, lambedor de cus peruano....

Antes de continuar, creo que cumpre facer unhas cuantas aclaracións. En primeiro lugar, toda a humanidade está encadrada nos nosos días en nacións, e todos os países son Estados  uninacionais, como pode ser o caso de Portugal, ou plurinacionais, como é o caso de España, Rusia, Reino Unido, etc. O nacionalismo non indica máis que a defensa da propia nación, e de aí que todos partidos de cada país sexan nacionalistas. Normalmente, nos países normalizados, con soberanía política, non reciben ese cualificativo, por desnecesario,  pois non teñen porque ter como eixo prioritario da súa actuación a reivindicación da nación. É evidente, neste sentido, que tanto o PP como o PSOE son partidos nacionalistas españois, aínda que non leven esa denominación. Cando nun país existen varias nacións, e deixo para outro artigo precisar a súa noción, e somente unha delas está normalizada, como é o caso de España ou Reino Unido, existen, á par dos partidos da nación consolidada, outros das nacións sen consolidar, que si levan o nome de nacionalistas porque se centran especialmente na defensa dos direitos da propia nación, que non están aínda recoñecidos.

Por tanto, hai dous tipos de nacionalismo: os nacionalismos defensivos, como é o caso dos nacionalismos de Catalunya, Euskadi e Galiza, e os nacionalismos consolidados ou ofensivos que se resisten a aceptar os direitos das nacións submetidas. Nesta segunda clase de nacionalismos, non todos actúan igual, senón que algúns son respeitosos cos direitos dos demais pobos e non procuran a súa expansión a custa deles, como pode ser o caso de Noruega, Suecia, etc. no século XX-XXI, mentres que outros son imperialistas, expansionistas, etc., como por exemplo Alemaña no século XX, ou os EEUU de América na actualidade.

O que é o colmo da manipulación, terxiversación e inmoralidade é facer o que fai Vargas Llosa, que é atribuirlle aos nacionalismos defensivos, inclusive aos máis pacíficos, como é o caso de Catalunya e Galiza, os males ocasionados historicamente polos nacionalismos imperialistas, como foi o caso de Alemaña. Parece o colmo tamén da inmoralidade, que iso se faga no día da Diada, facendo asociar nas mentes das persoas, defensa dos direitos nacionais de Catalunya con desastres apocalípticos. Vexamos unhas cuantas afirmacións proferidas nas súas declaracións: “Es terrible que el nacionalismo vuelva a sacar la cabeza”. Mais cando este autor quere exemplificar casos de estragos atroces producidos polo nacionalismo o único que é capaz de citar son os de Alemaña e Xapón, países que non estiveron liderados por nacionalismos defensivos senón imperialistas e máis parecidos ao español, cooperante na guerra do Irak, que ao catalan, que nunca entrou en guerra nin provocou catástrofe de ningunha clase. "Salir de la tribu es el comienzo del progreso, de la civilización". O individuo que se aparta da tribo "adquiere independencia, soberanía" . Ou sexa, o que defende este autor é unha especie de atomización da sociedade na que desaparezan as relacións de pertenza, de integración comunitaria, esquecendo que o individuo é o que é pola súa integración nunha colectividade. As manifestacións de xúbilo dos afeizoados españois por ter gañado a copa do mundo indica o grande poder dos sentimentos de pertenza, frente ao apatriotismo que pregoa este autor. O nacionalismo "es el regreso a la tribu del que hablaba Karl Popper, esa abdicación de la responsabilidad, de la obligación de tener que vivir uno su propia vida y decidir en función de sus propias convicciones". Quer dicir que, segundo este  escritor, os que manteñen un lexítimo sentimento de pertenza carecen de responsabilidade e non cumpren co obxectivo de vivir a súa propia vida en función das súas convicións, e iso afírmao precisamente nun momento en que hai menos liberdade de pensamento por estar cada paso máis limitada a liberdade de imprensa, en posesión dos grandes oligopolios. Cada paso é menor a diversidade e cada paso é maior a atomización, a homoxeneización social. Alén diso, son perfectamente compatíbeis a defensa dos valores universalistas coa integración na propia comunidade ou na propia tribo, como gosta de denominar pexorativamente o escritor peruano. Por outra parte, ¿onde está a vivencia desa vida persoal e auténtica en persoas en paro, sen recursos, que somente teñen como alternativa a dependencia do outro, que aínda así non as libra de verse abocadas a morrer de fame e miseria?  “El nacionalismo es una tara de la que es muy difícil librarse. La cultura es una de las grandes herramientas que tenemos para combatir esas taras". Isto implica, que amar e sentir co propia país é propio de ignorantes, o cal significaría que os galegos que os galegos deberiamos ser moito máis cultos que os vascos e cataláns, afirmación que carece da mínima contrastación. Implicría ademais que no século XIX os vascos e cataláns, que tiñan un inferior nivel cultural, debían ser máis nacionalistas que hoxe, mais a situación é exactamente a contraria. 

É unha ideoloxía incoherente, contraditoria, pois por unha parte afirma que o mundo vive: "una situación fascinante, que es la de la globalización", co "lento desvanecimiento de las fronteras, la integración de distintas culturas, tradiciones y religiones". E, pola outra, móstrase partidario da diversidade: “La diversidad del mundo es una cosa maravillosa –diversidad de lenguas, de culturas, de creencias, de instituciones–, pero es también muy importante que, más allá de todo lo que nos es común, sepamos conciliar esa diversidad, con vistas a convivir juntos sin violencia”. Se realmente defende a diversidade de linguas, culturas, institucións, tamén debería defender a diversidade de países, e, por conseguinte, que Catalunya puidese acceder á súa independencia. Eu non podo concordar co seu canto á globalización, que foi, segundo a miña opinión, a causante da crise que estamos a padecer nos nosos días, pois trouxo liberdade total para o capital e as finanzas e non trouxo máis que miseria e pobreza para as masas sociais. Un traballador aleman, galego, ... vese obrigado a competir con outro dos países empobrecidos, que non teñen seguranza social, vacacións pagadas, seguros de doenza e accidentes, etc. Coa consecuencia de que non pode facelo e vese constrinxido a ter que devaluar o seu salario e as súas pensións cada vez máis. Afirmacións desta índole convérteno nun dos ideólogos ao servizo dos grandes capitais e empresas transnacionais.