28 feb 2014

A Igrexa hoxe: situación e alternativas (01)


01.- Preámbulo

Rouco Varela
As relixións surxen porque hai unha demanda social delas, pois en caso contrario desaparecerían.  Son produto da natureza carencial do ser humano e da súa incapacidade de solucionar certos  problemas básicos e fundamentais para a súa supervivencia, tanto no ámbito individual como familiar e tribal. De aí que todas as relixións teñen tamén que ter deuses ou santos que cubran todos estes ámbitos. Hai un santo ou deus especialista nun tipo de doenzas e un santo ou deus nacional. Por tanto, as necesidades humanas en contextos hostís e a incapacidade de darlles solución teñen como efeito a criación de seres ideais aos que un poida acudir para buscar protección e alivio. A medida que a ciencia vai permitindo coñecer mellor a natureza e o ser humano, o recurso a divindade é menor porque se entende que non tería sentido. Todos nos lembramos das rogativas que faciamos no Seminario para que Deus nos enviase a chuvia, preces que agora pasaron a mellor vida. Xesús de Nazaré consideraba que as doenzas nervosas eran producidas polos demos que se apoderaban do paciente e lle producían fortes convulsións, mentres que agora se considera máis práctico e produtivo diagnosticarlle unha epilepsia. Segundo as tradicións populares galegas, para que unha muller quedase preñada tiña que tomar nove baños na praza da Lanzada pola mañanciña, mentres que nos nosos días considérase que por moito que se bañe un se non hai concurso do varón non hai posibilidade ningunha de que tal práctica produza efeito algún. Mais que a relixión sexa para moitos unha necesidade, non implica que calquera relixión deba imporse socialmente a todos e moito menos que esta relixión concreta deba ser practicada por todos. Moitas delas foron impostas pola forza das armas, como no caso do islamismo ou o cristianismo na América Latina.

O que vou explicar a continuación non leva ningunha carga de acritude ou de ataque contra ninguén, embora sexa unha análise crítica da situación actual da Igrexa, mais toda crítica, se é construtiva, é liberadora. Eu sempre botei en falta a existencia dunha masa crítica na Igrexa, que obedece a un ensino que forma para a submisión silenciosa e probabelemente á súa propia organización. Tamén na Igrexa, quen se move non sai na foto. Non é unha exposición anticlerical nin antirrelixiosa, aínda que si humana e natural, o cal significa que non teremos en conta a dimensión «inspirada» da mensaxe cristiá nen a divindade do fundador do cristianismo, que, por unha parte, non consideramos asumíbel e, pola outra, condicionaría negativamente o discurso racional. Non pretende en absoluto denigrar os textos bíblicos, que eu entendo produto dunha época, dun contexto, dunha sociedade, e seriamos inxustos con eles se considerasemos que deberían dicer o que hoxe se coñece e se pensa; somente me opoño a que eses textos vixentes nun momento concreto alguén intente impoñelos como referente e como norma para as nosas sociedades actuais, que viven noutro contexto totalmente distinto e teñen unha maior sensibilidade moral, pretextando, de acordo coa dogmática eclesiástica medieval, que foron inspirados por Deus.

A necesidade de cambio que ten nestes momentos a Igrexa, podería resumirse nestas proposicións:

1ª.- Ou a Igrexa cambia, tanto na mensaxe como na organización e candidatos, ou se vai converter nunha asociación cada vez máis residual.

2ª.- A Igrexa non pode cambiar se non é capaz de interpretar os seus textos fundacionais e interpretativos historicamente, situándoos como fruto dun determinado tempo e sociedade.

3ª.- Constatamos que os sectores máis lúcidos e dinámicos da sociedade, alén dos traballadores, xa abandonaron a Igrexa por considerala incompatíbel coa sensibilidade espiritual e moral do home de hoxe.

4ª.- Os mesmos fieis xa non comparten a cosmovisión nen a moral sexual e reprodutiva da Igrexa dos nosos días.  

Creo que o fin de todos debe ser contribuír a que forxar unha humanidades máis xusta, igualitaria e solidaria, e, neste obxectivo cabemos todos, independentemente das diferenzas de crenzas relixiosas, sempre lexítimas. Hai hoxe estabelecida unha base común de cooperación entre todos, que son os códigos de direitos humanos, tanto individuais como colectivos, principalmente os elaborados desde a ONU, UNESCO e Consello de Europa. Como dicía o grande Castelao, nesta tarefa hai sitio para todos, que el refería á construción da nación galega. Para lograr este obxectivo, necesítase que cada un de nós renunciemos á tentación absoutista de  considerar a nosa cosmovisión específica como a única válida, tentación moi presente nas ideoloxías que apoian o «discurso único», sexan políticas ou relixiosas.

Dicía San Xoán, “Este é o meu mandamento: amádevos uns aos outros, como eu vos amo” (Xo. 15,12.). Mais este mandamento non se pode guardar sen amar ao noso próximo. “Se dicemos que amaos a Deus, a quen non vemos, e non amamos aos irmáns, que temos ao nos lado, somos uns mentirosos” (I Carta de Xoán, 3, 11-18). Creo que é relevante tamén o posicionamento dos chamados teólogos da morte de Deus, entre os que destacan: o teólogo liberal e bispo anglicano de WoolwishJohn Arthur Thomas Robinson (1919 – 1983), partidario da salvación universal; o americano Paul Matthews van Burén (1924–1998), natural de Norfolk, Virxinia, profesor de Filadelfia, e máis tarde Director do Centro de Ética e Pluralismo relixioso, en Xerusalén; o francés de Marsella, e posteriormente profesor en Siracusa e Estrasburgo, Gabriel Vahanian (1927-2012); William Hamilton (1924 – 2012), natural de Evanston, Illinois; e o estadounidense Thomas J. J. Altizer (1927 -  ), natural de Charleston, West Virginia. Algúns caricaturízanos afirmando que renuncian á transcendencia, mais non é así, senón que ao que renuncian é a impor estereotipos abstractos e vacíos, que non están fundamentados en nada, conducen á división dos crentes e impeden o diálogo co mundo actual. Tamén cumpre destacar a teoloxía da libertación, descabezada polo papa restaurados, Joán Paulo II, que podía ter influído moi positivamente na vida da Igrexa. Todos estes son movimentos que poden ser importantes de cara a unha eventual renovación da Institución eclesial e das súas estruturas. 

Non se pode analizar a situación actual da Igrexa sen facer referencia ao seu pasado, porque o pasado é consubstancial con ela, vive do pasado sacralizado e tenta revivilo no presente, tentando forzar as sociedades a que tamén vivan e se alimenten dese pasado, sen ter en conta que aos mortos é mellor deixalos en paz, após natutalmente de celebrarlle dignas exequias de lembranza de aniversario, e non supeditar o futuro a un pasado periclitado, que condiciona o desenvolvimento de novas e máis auténticas formas de espiritualidade.

Este traballo realiceino a petición dos meus compañeiros de Seminario, promoción 1950-1964, para formar parte dun libro de conmemoración do 50 aniversario da súa ordenación sacerdotal. Aínda que me resistín ao principio e lle advertín que ía ser un estudo serio e crítico, ante a reiterada insistencia, comprometinme a facelo. Mais renunciei a publicalo porque, cando xa estaba moi avanzado, se me informa que só dispoñía de catro páxinas para desenvolver un tema tan amplo como a «Situación actual da Igrexa», e ante a reiterada advertencia de que debía falar «ad modum recipientis», por entender que carece de sentido, especialmente nunha sociedade plural, e considerar que se debe falar sempre «ad modum veritatis». Convido ao leitor que discrepe das conclusións que aquí se extrain e da argumentación que se aduce, que teña a amabilidade de retrucar ás nosas afirmacións, e tería moito gosto de publicarlle neste blogue todo o que se dignar alegar.


02.- Situación actual

a) Afastamento da ciencia

A cosmoloxía bíblica non é orixinal dos hebreus senón que foi tomada por estes dos babilonios e incorporada aos libros sagrados entre os séculos VIII e V a. e.c. Tamén hai que ter presente que Abraham era orixinario de Mesopotamia e compartillaba os relatos do folklore popular das  comunidades aí asentadas. Para os hebreus o mundo foi criado por Deus e estaba constituído polo ceu e a terra, estando esta, ao inicio, confusa e coberta de trevas, polo cal tivo que criar a substancia da luz e separala das trevas, constituíndo unha o día e outra a noite. Para separar as augas superiores das inferiores, criou o firmamento ou ceu, que é unha especie de recipiente semicircular que contén as augas superiores, que producen a chuva, neve e saraiba, e sobre el está o trono de Deus. Neste firmamento, que é unha especie de abóvada sólida, como unha especie de espello de metal, cravou Deus unhas luminarias para separar o día da noite e alumiar a Terra. Nas partes laterais deste grande recipiente están os reservatorios dos ventos, que Deus utiliza, ao igual que a chuvia, tamén para castigar as persoas que infrinxen os seus preceitos. A distancia da terra ao ceu é de dezaseis quilómetros. Debaixo da Terra están os depósitos das augas inferiores, que son as que alimentan os mares. A seguir, foi Deus criando todas as demais cousas e finalmente, como alfa e omega de todo, o home, epicentro da criación nunha terra que é o epicentro do mundo. A Terra ten forma circular, non esférica, e apóiase sobre a súa base ou sobre pilares, ou tamén, segundo se di a veces, sobre o nada. As diversas partes da terra repousan sobre as augas subterráneas que se comunican cos mares e son a orixe dos ríos e fontes. Debaixo das augas subterráneas áchase o shêol, país das trevas e sombras da morte, correspondente ao Hades grego, especie de fosa común onde se enterraban os mortos. Cumpre non confundilo coa Xeena, ou vale de Xinom, na contorna de Xerusalén, que era un depósito de lixo onde tamén se tiraban os cadáveres de persoas indignas. Ningún destes conceitos se corresponde con o inferno, que é un lugar de tormento polo fogo, que ten unha orixe máis tardía. O día comeza coa posta do sol e non fica dividido en horas. O calendario é luar e non solar.

Os avanzos da ciencia e a paralela diminución da superstición ofereceron unha cosmovisión distinta e máis fundamentadas que as cosmovisións mítico-relixiosas. O progreso científico asestóulle varias feridas narcisistas a esas representacións do mundo que pretendían oferecer unha explicación imaxinativa e pueril da orixe e natureza do Universo e do ser humano. É o que se coñece co nome de mitos, ou sexa, relatos fabulosos de algo prístino, de datación imprecisa, que se utilizan para explicar o presente, e dos que a Biblia está cheia: mito da criación, mito do pecado orixinal, mito da torre de Babel, mito do paraíso terrenal, .... A este respeito, as relixións do libro e dos dogmas, ou sexa, as que autoproclaman que a súa crenza é froito dunha inspiración especial de Deus aos autores dos textos sagrados, e das que encorsetaron as crenzas en proposicións definitivas e últimas, teñen un problema acrecentado pois isto impédelles acomodarse á evolución do pensamento e dificulta o debate e progreso racional e o avanzo científico. 

A primeira grande ferida foi lle propiciada pola ciencia astronómica da man do coengo polaco Copérnico (1473-1543), Giordano Bruno (1545-1600) e Galileu (1564-1642). O primeiro adheriu á teoría heliocéntrica de Aristarco de Samos (s. III a.e.c.), e sustivo que o planeta que supostamente Deus elixiu como habitáculo do ser humano non estaba imobel no centro do Universo, arredor do cal xiraba todo, senón que era a  Terra a que xiraba arredor do Sol, en contra do que parece mostrar os sentido común. A Igrexa cristiá ensañouse con este autor. A Igrexa católica incluíu o seu libro De revolutionibus Orbiun Orbium Coelestium no Índice de Libros Prohibidos, ao igual que as demais obras que admitían o movimento da Terra, e prohibiuse aos católicos ler as súas obras a non ser en versións onde se eliminase toda referencia á terra en movimento e a un sol central. O cristianismo reformado non  ficou atrás. Lutero (1483-1546) táchao de “astrólogo adventicio” e afirma “Este louco anseia transtornar por completo a ciencia da astronomía; mais as Sagradas Escrituras ensínannos (Xosué 10,13) que Xosué ordenou ao sol e non á terra, que se parase”. Melanchthon(1497-1560) considera que “É unha falta de honestidade e de decencia suster publicamente tais ideias, e o exemplo é pernicioso. Un espírito xusto debe admitir a verdade revelada por Deus e se submeter a ela”. Calvino (1509-1564) pergúntase, “quen ousará colocar a autoridade de Copérnico por acima da do Espírito Santo?”Giordano Bruno foi queimado vivo pola Igrexa en Roma, no ano 1600, por defender o copernicanismo e afirmar que existe unha pluralidade de mundos, tese á que se apuntou nos nosos días Stephen Hawkin, quen considera que é probábel que existan non só outros planetas, senón outros universos, resquicio que algúns relixiosos agora aproveitan para poder localizar aí o inferno, ao desaparecer o sentido do acima e do abaixo. Galileu foi condenado os últimos oito anos da súa vida por defender a teoría copernicana.

O seguinte paso no progreso astronómico consistirá en descubrir que non é a Terra nin o Sol o centro do Universo, senón que a Terra é un planeta, como outros millóns deles, que xira arredor dunha estrela, que non ten tampouco nada de especial, e esta, por súa vez, xira arredor do centro da galaxia denominada Via Láctea, que á súa vez xira arredor doutras galaxias.

A segunda ferida veulle producida polos avanzos das ciencias físico-químicas por obra de Galileu, Descartes (1596-1650), Huygens (1629-1695), e Newton (1642-1727). Descartes substituíu a física cualitativa e teleolóxica aristotélica, na que aínda hoxe está instalada a doutrina da Igrexa, por unha física cuantitativa e mecanisicta. Desaparece a finalidade da natureza e os corpos son definidos pola extensión. Newton veu demostrar que os corpos obedecen á lei do movimento coñecido como principio de inercia, que di que “Todos os corpos perseveran no seu estado de repouso ou de movimento uniforme en liña recta, salvo que se vexan forzados a cambiar ese estado por forzas impresas”. Estes descobrimentos teñen importancia por prescindir de finalidades na criación divina, optar pola cantidade en vez da cualidade en química e descobrir que o repouso non é a situación normal do universo, que obrigaría a un recurso ás divindades para explicar porque se produce o movimento, senón que, de acordo co principio de inercia, o que hai que explicar é o cambio. Este principio infirma as probas tomistas para probar a existencia de Deus baseadas no movimento e na relación de causa efeito, que recebirían un golpe definitivo cando Kant demostrou que a relación de causalidade somente é válida aplicada ao mundo dos fenómenos. Con todo, este grande filósofo alemán, como cristián disfarzado que era, por temor ás conclusións a que chega na Dialéctica Transcendental e quizais por medo á censura, meteu a Deus pola porta de servizo, asignándolle o rol de fundamantador da orde moral, mais en van, porque un ser ao que non podemos coñecer teoricamente, que é o único coñecemento posíbel, tampouco lle podemos asignar rol algún. A ética moderna simplemente prescindiu del, asignándolle un fundamento moito máis aceptábel e razoábel, como é conciencia da cidadanía, inmersa nunha realidade concreta e actuando á marxe dos seus intereses egoístas, na procura dunha sociedade máis xusta e solidaria, á marxe das crenzas relixiosas. O mecanicismo, hoxe vigorante nas ciencias físico-naturais, infirma as probas baseadas na suposta finalidade inserida por Deus na natureza. O atisbo cuantitativo cartesiano consolidaríase no século XIX, cando o químico ingles, (Dalton 1766-1844) resucitou a vella teoría democritiana que afirma que todos os corpos están constituídos por partículas últimas, indivisíbeis, en constante movimento e con distintos pesos, os atomos, destronando definitivamente a física empedocliano- aristotélica que afirma que todos os corpos están constituídos polos catro elementos: terra, auga, ar e fogo. No ensino que nos transmitían no Seminario, o noso libro de texto de Cosmoloxía de Donat, valéndose de piruetas de distincións semánticas, distinguía entre o atomismo físico, que era aceptado, e o filosófico, que dotaba os átomos de movimento, que o autor rexeitaba. Non hai máis atomismo que o físico, e as relixións e a  filosofía non teñen nada que suporpoñer ao que diga a ciencia física, e esta afirma que os átomos están dotados de movimento e dinamismo. Tanto as relixións como a filosofía deben limitarse a extrair as conclusións que se derivan para as súas respectivas materias dos descobrimentos científicos e realizar as correccións correspondentes nas súas cosmovisións. Isto compaxinábao Donat coa defensa da antitética doutrina hilemórfica aristotélica, que sustén que todos os corpos están constituídos de materia e forma, para así poder introducir o tema da alma como forma do corpo, e unha vez debidamente expurgada por San Tomás, poder convertela en imortal.

A terceira grande ferida veulle propiciada ás cosmovisións relixiosas por obra do evolucionistas  promovidas por Lamarck (1744-1829), Alfred Russell Wallace (1823-1913, e especialmente Darwin (1809-1882) coa publicación do libro A orixe das especies e A orixe do home,  nos que defende, apoiándose en abundante documentación experimental, a teoría da evolución biolóxica dos seres vivos a partir de formas menos desenvolvidas, ou sexa, que veu demostrar que os seres superiores evolúen a partir dos inferiores, até o mesmo ser humano, obedecendo ao mecanismo da selección natural, ou sexa, da supervivencia dos máis aptos na loita pola subsistencia. O facto evolutivo é aceptado practicamente dun modo unánime pola comunidade científica, mentres que o mecanismo da selección natural non ten unha aprobación tan universal, senón que compite co ambientalismo lamarckiano e con o mutacionismo xenético de Hugo de Vries (1848-1935), conformando entre as tres a que se coñece con o nome de teoría sintética ou neodarwinista.

Esta teoría supuxo un enorme impacto no mundo relixioso, porque viña a poñer en cuestión o imaxinario mental que se deriva dos relatos bíblicos. A reacción no mundo cristián foi furibunda e aínda ten derivacións nos nosos días en sectores integristas de varios estados dos EEUU de América. A táctica da Igrexa Católica, foi máis sibilina con obxecto de evitar o desgaste que se produciu coas condenas de Copérnico e Galileu: forte presión sobre os autores e eludir o enfrentamento aberto e a condena oficial. O Concilio de Colonia de 1860, condenou claramente o evolucionismo: “Os primeiros pais foron criados por Deus inmediatamente. Por tanto declaramos que é completamente contraria á Sagrada Escritura e á fe a opinión de aqueles que non se envergoñan  de afirmar que o home, polo que se refire ao corpo, se orixinou por un cambio espontáneo da natureza máis imperfeita na máis perfeita e, de modo continuo, finalmente humana”. No ano 1860, sete meses após ter sido publicado o libro A Orixe das Especies, celebrouse un debate en Oxford no que participaron, entre outros, o bispo de Oxford, Samuel Wilberforce e o biólogo británico filodarwiniano Thomas Henry Huxley. O bispo perguntoulle ao biólogo se cría que o ser humano procede dos simios, se, no seu caso particular, descendía deles por parte de mai ou por parte de pai. Ao que Huxley le respondeu que: "Se tiver que elexer por antepasado, entre un pobre mono e un home magníficamente dotado pola natureza e de grande influencia, que utiliza os seus dons para ridiculizar unha discusión científica e para desacreditar a quen buscasen humildemente a verdade, preferiría descender do mono”.

O conflito entre ciencia e fe reflitese nas obras do químico e historiador estadounidense, Johne William Drapen (1811-1882) e do diplomático, escritor e profesor estadounidense, Andrew Dickson White (1832-1918). Draper afirma que “a Igrexa freou sempre os progresos da ciencia buscando a solución dos problemas na autoridade” e que “a ciencia e o cristianismo romano recoñécense mutuamente como incompatíbeis”. En 1876, a súa obra, Os conflitos entre ciencia e relixión, foi incluída no Indice de Autores prohibidos. Segundo White, a teoloxía desencadeou  o seu «esforzo final» contra a ciencia, intentando suster con actitude dogmática as vellas ideas contrarias aos novos dados da ciencia”. O sacerdote florentino Raffaello Caverni (1837-1900) foi condenado, en 1878, por defender a compatibilidade do evolucioonismo coa fe cristiá no seu libro Novos Estudos de Filosofía. Discursos a un estudante novo, sendo esta obra incluída no Índice de Autores Prohibidos. En 1879 foi condenada unha obra do filósofo positivista italiano Roberto Ardigó (1828-1920) por afirmar que o credo da ciencia de hoxe é a evolución natural. En 1881 foron incluídas no Índice dúas obras do profesor e deputado italiano Nicola Marselli (1832-1899), por explicar a orixe do ser humano sen recorrer á divindade. Tamén foron condenadas varias obras do médico e profesor de filosofía e pedagoxía Pietro Siciliani (1835-1885).

En 1893 foi denunciado o libro do dominico francés Dalmace Leroy (1828-1905), l’́Évolution restreinte aux espèces organiques, e a Congregación do Índice presionou ao autor para que se retractase publicamente da teoría evolucionista, aceptando este facelo en Le Monde, o 4/03/1895. Varias obras de Émile Ferrière (1830-1900), entre elas Le Darwinisme e Le mithes de la Bible, foron condenadas e incluídas no Índice. Igual sorte correron, en 1895, dúas obras do prestixioso profesor de Xeoloxía da Universidade de Barcelona, Odón de Buen (1863-1945). O ano 1898 foi condenado o libro do sacerdote da Congregación da Santa Cruz, John Agustine Zahm (1851-1921), natural de New Lexington, Ohio, Evolution & Dogma. Negouse a retractarse publicamente. As condenas non respeitaron nen aos mesmos bispos, como no caso de Geremia Bonomelli (1831-1914) e John Hedley (1837-1915), por ter publicado recensións e comentarios favorábeis a Evolution & Dogma. Deles o primeiro chegou a retractarse e o segundo negouse.

O teólogo, filósofo e cardenal romano, dominico Tommaso Maria Zigliara (1833-1893) manifestou que “a teoría da evolución é absurda desde o ponto de vista metafísico porque se basea en principios falsos, é unha hipótese arbitraria e inclusive contraditoria, e tamén absurda desde o ponto de vista da fisioloxía”. Pío X, no Motu Propio Praestantia Scripturae, de 1907, declaraba que “todos están obrigados por deber de conciencia a submeterse aos ditames da Comisión Bíblica” (D 2113), e esta, ante unha consulta que se lle formulou respondeu que “Non pode poñerse en dúbida o sentido literal histórico”, entre outros, da “criación de todas as cousas feitas por Deus ao principio dos tempos” (D 2123). O evolucionismo foi censurado en países como Grande Bretaña, Grecia, Iugoslavia, e moitos outros países, por motivos relixiosos. En varios lugares producíronse disturbios nos que o bispo diocesano interviña contra profesores e autores que expoñían a teoría evolucionista.

O eco da oposición da Igrexa calou en sectores moi importantes da populación, chegando a facerse popular. O meu pai citaba unhas estrofas que dicían: “Onte un che chamoume mico, eu respondinlle sen medo; mico serás ti, carafio, que eu aínda non quero selo”. Nos Seminarios e Universidades Católicas, ensinaban o criacionismo inmediato de todos os seres por Deus, rexeitando expresamente o evolucionismo até polo menos finais da década dos sesenta do século XX. Newton fixara, no século XVII, a data da criación no ano 4000 a.e.c. e o arcebispo irlandés, James Ussher, no XVII, o día 23/10/4004 a.e.c. O argumentario estaba fundamentado no prestixio dos escritos dos autores bíblicos e dos Santos Pais da Igrexa, todos eles totalmente leigos na materia e que non leron un libro de ciencia propiamente dita na súa vida.

Se a primeira ferida puxo en cuestión a centralidade do ser humano no Universo, e a segunda, as bases físicas que subxacen á crenza relixiosa, especialmente no referido ao problema da existencia de Deus, a terceira, pon en cuestión a singularidade do ser humano na mesma terra, pois, segundo a teoría evolucionista, o ser humano non deixa de ser un animal máis da natureza, embora máis perfeito que os demais, aínda que en liña cos demais e cuxo comportamento non se pode entender doadamente se prescindimos da ciencia etolóxica. Por outra parte, mina as bases en que asentan as tres grandes relixións monoteístas de que Deus criou o home inmediatamente en canto ao corpo e converte en prescindíbel e gratuíta a tese de que a alma é criada especialmente por Deus, que é o subterfuxio en que se refuxiaron ao verse obrigadas a aceptar a realidade incuestionábel do proceso evolutivo. Alén diso, pon en tela de xuízo a doutrina do pecado orixinal, pois considérase que o monoxenismo tal como o defende a Biblia, ou sexa, a concepción de que todos procedemos dunha única parella, non é sustentábel nen sustentada por ningún paleóntologo ou biólogo serio.

O evolucionismo biolóxico foi estendido á mesma formación da vida na terra, en 1924, polo biólogo e bioquímico soviético, Alexander Ivánovich Oparin (1894-1980), ao propoñer que a vida na Terra surxe por evolución química da materia inorgánica, que, polas descargas eléctrica, radiacións e raios ultravioletas que actuaron sobre a masa prebiótica a partir da formación da Terra fai 4.500 millóns de anos, se transformou en orgánica e no seo desta orixinouse a vida ao agruparse as moléculas e dotarse de procesos de autorregulación e autoconservación.O seguinte paso foi a proposta do evolucionismo cósmico en 1948, por George Gamow a partir dos avanzos realizados polo astrónomo soviético Alexander Friedman (1888-1925) en 1922 e o belga G.E. Lemaitre (1894-1966) en 1927, e da teoría especial da relatividade, formulada por Einstein en 1905; o físico ruso nacionalizado estadounidense. George Gamow (1904-1968), defendeu que o universo se creou a partir dunha grande explosión (Big Bang) dun cubo de materia supercondensada e desordenada, na que non rexían as leis da natureza, fai uns 14.500 millóns de anos, teoría que se converteu na favorita dos físicos e astrónomos dos nosos días, practicamente sen concorrentes críbeis, unha vez desautorizado o modelo do universo estacionario proposto polo astrónomo austríaco Hermann Bondi (1919-2005), e os británicos Thomas Gold (1920-2004) e Fred Hoyle  (1915-2001), que sustiñan que a densidade de materia no universo se mantiña constantemente idéntica idenpendentemente do lugar e tempo de observación, que é o que se denomina Principio cosmolóxico perfeito, neutralizándose a distancia intergaláctica e a conversión de hidróxeno en helio polo proceso de criación continua de hidróxeno a partir do nada. A medida que as galaxias se afastan, o espazo que as separa é colmada pola criación de nova materia. 

A teoría de Oparin fai desnecesaria a intervención de Deus na orixe da vida no Universo e a de Gamow convérteo en prescindíbel para explicar o surximento do Universo tal como hoxe se coñece. A partir dese momento as relixións pretenderon buscar un oco para a intervención divina no momento anterior ao grande estourido do ovo cósmico, mais como di un dos mellores físicos do século XX, o británico Stephen Hawking, a hipótese de Deus é desnecesaria para este cometido. Do mesmo modo que o darwinismo eliminou a necesidade dun criador na campo da bioloxía, as novas teorías científicas fan redundante o papel dun criador do Universo. Esta teoría do Big Bang explica o surximento da orde a partir da desorde sen necesidade de recurso a ningún deseñador intelixente, apelativo co que se costuma disfarzar a necesidade da intervención divina, que é o argumentario da quinta vía de Tomás de Aquino e dos neocons relixiosos dos nosos días. Esta vía ten dúas vertentes: a da orde, un reloxio precisa dun reloxeiro, e a da finalidade, nos seres vivos e en todo o universo existe unha tendencia final, ou sexa, que os seres vivos foron criados para algo, e ambas foron infirmadas pola ciencia, co que se viría abaixo a tese de que o fin do mundo é o de participar e glorificar a bondade divina. A respeito do deseño intelixente afirma o biólogo madrileño, nacionalizado estadounidense, Francisco José Ayala, “Se estudas ao detalle o organismo humano, non hai nada que estexa ben deseñado”. O último grande descubrimento foi o da partícula ou bosón de Higgs, que viría explicar a formación da masa das partículas elementais, ou sexa, do que se trata é de explicar porque algunhas partículas teñen unha grande masa, como os bosóns vectoriais W e Z, outras menos e outras carecen dela, como os fotóns. Co descobrimento do bosón de higgs ese Deus concebido como un ser exterior ao mundo e que intervén no mundo, fica condenado a ser un ser pasivo, ocioso e prescindíbel, co corolario de que, segundo o principio de economía, vixente na ciencia e na filosofía, algo que é superfluo hai que prescindir del. 

A cuarta ferida veulle propiciada pola psicoloxía, ao descubrir Freud que non somos tan racionais como sustiña Aristóteles, senón que o ser humano obra por pulsións das que el non é consciente, converténdose o inconsciente en dono e señor de nós mesmos. Con esta cuarta ferida veu demostrarse que o home nen sequer é dono da súa propia casa, que el non manda en si mesmo senón que é rexido polos instintos de vida (Eros), que procuran a conservación da vida e o pracer, e de morte (Thanatos), que visan a destrución, a agresividade, contra un mesmo e contra os demais. Por outra parte, a psicoloxía experimental, criada a partir dos traballos de Wilhelm Wundt, arrinconou definitivamente a psicoloxía defensora ddo dualismo psico-fisico platónico-aristotélica-cartesiana, e o papel da alma como entidade substancial independente do corpo, que era o resquicio para falar dunha alma imortal, fíxose insustentábel, ou, en todo caso, ficou relegada ao ámbito da fe relixiosa. Se a toría psicanalítica obriga a repensar o tema do pecado, que debe ser entendido máis nun sentido de perigosidade social que de actos racionalmente realizados, a psicoloxía científica, no campo da motivación, obriga a repensar a tema da liberdade, descartando como inasumíbel a noción que se costuma denominar «liberdade de indiferenza», para darlle sentido aos actos como motivados e condicionados por uns antecedentes, sobre os que cumprirá actuar en caso de actos disociais. Se a teoría evolutiva e a astrofísica reduciron a Deus a un ser ocioso e a unha hipótese desnecesaria, a filosofía renovada, a psicofisioloxía e a neurociencia concebiron o ser humano como un biosistema, unha estrutura psico-fisiolóxica, controlada polo sistema nervoso central cerebral coas propriedades de motricidade, sensación, emotividade e pensamento, no que a alma, produto do dualismo psicofísico de procedencia platónico-aristotélica, filosofías sobre a que asentan os seus alicerces sobre o ser humano e a súa imortalidade as grandes relixións monoteístas, devén unha hipótese inservíbel ou unha fición vacía que pregoara Nietzsche. 

Hai agora dous discursos enfrentados e a todas luces irreconciliábeis: o da ciencia e o das concepcións mítico-relixións, e un deles vai vencer inexorabelmente e o outro está condenado a desaparecer con todo o que sustenta, salvo que se reforme, adapte e sexa capaz de oferecer unha interpretación da realidade coherente, asumíbel e en concordancia cos dados científicos, que só pretenden coñecer e interpretar a realidade ou se condene a enrocarse na posición numantina paulina, de que a nós chéganos con Cristo resucitado, escándalo para os xudeus, loucura para os xentíos, e o seu corífeo Tertuliano, co seu «credo quia adsurdum». Expoñente claro tamén deste teimudo  irracionalismo foi tamén o posicionamento do fideísta Agostiño de Hipona que deixou sen cometido o saber e a ciencia, pois el só desexaba coñecer a Deus a á alma, reducindo a prescindíbel todo o ámbito das ciencias, consolidando así a época tenebrosa da Idade Media.

O discurso mítico relixioso é o que se imparte no catecismo aos nosos meninos, e estes, están condenados a ter que revisar este modelo de cosmovisión cando cheguen a recebir ensino de bacharelato ou universitario, e, caso de non alcanzar esta etapa, ficarán condenados a interpretar a realidade a través dos modelos mítico-relixiosos, e a suster a súa crenza relixiosa en discursos incompatíbeis coa ciencia actual. Na LOMCE a materia «Ciencia para el mundo Contemporánneo», onde se trata destes temas, ao igual que na Filosofía, desaparece por presións dos sectores católicos que a consideran inclusive máis prexudicial para a liberdade de conciencia que «Educación para a Cidadanía», coa que estes mesmos señores se ensañaron até extremos incríbeis, ao tempo que a Filosofía se debilita. A ignorancia sempre foi a compañeira de viaxe dos sectores relixisosos integristas. Isto explica que moitos pais de familia, decidan non enviar aos seus fillos á catequese porque entenden que nela se lle deforma a mente ás crianzas.

27 feb 2014

Beiras, o neoconverso en filoespañolista


Xavier Vence Deza
Que Beiras ten unha presenza atractiva e unha personalidade carismática creo que non se pode poñer en dúbida, por telo demostrado sobradamente nos procesos eleitorais nos que participou. A súa figura de fisionomía profética e incorformista servía de talismán para os mozos e mozas do noso país, que o escoitaban con gusto. A súa emotividade e identificación co país parecía ser un instrumento apto para dignificar a nosa deteriorada autoestima como pobo acomplexado por séculos de imposición do españolismo máis desconsiderado coa persolalidade propria dos pobos periféricos do Estado español. Da man do BNG foi capaz de situar a organización frentista como a segunda forza política máis votada na comunidade galega. Todos os nacionalistas celebrabamos os grandes éxitos desta organización, en grande parte debido ao seu líder carismático: Xosé Manuel Beiras Torrado. Todos nós perdonabamos as súas saídas de ton, entre as cales se deben subliñar o seu zapatazo no Parlamento galego e a súa súbita conversión en apoloxista do seu grande opoñente Manuel Fraga Iribarne, que, da noite para a mañá pasou de condenado a semibeatificado por el.

O seu forte foi sempre a presenza mediática e non demostrou grandes dotes organizativas na súa etapa de líder máximo do Partido Socialista Galego, que se traduciu nun sonoro fracaso nas eleicións xerais de 1977 nas que só obtivo o 2,41 por cento dos votos e nengún deputado, que provocaría a desbandada de grande parte dos seus cadros, entre os que figuraban Ceferino Díaz, Álvarez Gándara, González Laxe, etc. cara ao PSOE, partido que lle oferece ao seu líder Beiras Torrado o mando das hostes socialistas na Galiza, que este rexeita para manterse fiel ao país. Este fracaso eleitoral e os seus desencontros familiares co seu sogro, Domingo García Sabell, desencadearían unha crise persoal de efeitos negativos no seu proceso mental, que o mantivo arredado da actividade política e da docencia durante cinco anos. Mais ao criar xunto coa UPG o BNG, en 1982, xunto con un dirixente organizativo aínda que en exceso controlador, exclusivista e de pouca proxeccción social, como é Paco Rodríguez, comezou, a partir de 1985, un ascenso fulminante que o catapultou como líder referencial do nacionalismo galego. 

No ano 1992, fúndase, en torno á súa figura, o partido Esquerda Nacionalista, que lle permitía ter unha plataforma que impedise deixalo inerme aos pés dos cabalos diante da UPG, mais, ao comezar o seu declive eleitoral, coa finalidade de pactar coa UPG, no afán de manter o poder, non tivo reparos en descabezar a organización que o apoiaba e que, en consecuencia, derivou, no ano 2001, nun expediente de súa expulsión por parte da formación que el contribuira a criar. 

O momento do seu esplendor político chega en 1997, cando situou o BNG como segundo partido máis votado na Galiza, con 395.435 votos e 18 escanos, nun momento de aguda crise do socialismo galego, No ano 1999, o BNG situou a Camilo Nogueira como eurodeputado. Porén, a consecución de tres actas ao Congreso dos Deputados nas eleicións de 2000 cando o BNG aspiraba a formar grupo parlamentario propio e a baixada a  17 deputados nas eleicións ao Parlamente galego de 2001, que se acompañou tamén dunha  lixeira baixa no número de concelleiros en 2003, nun momento, é certo, de lixeira recuperación dos socialistas galegos, parecían indicar que alcanzara o seu teito eleitoral, sementando alarmas precipitadas no seo do BNG, que derivan na súa substitución por Anxo Quintana, como portavoz nacional neste mesmo ano 2003. A finais da década dos 90 tiña a posibilidade de mermar o poder interno da UPG mais nunca fixo nada neste sentido, e inclusive cometeu a torpeza de debilitar a formación nacida para apoialo, que o deixou inerme ante as hostes de Paco Rodríguez, que estaban á expectativa do momento propicio para poder defenestralo, e incrementar o seu poder no BNG.

O 18 de xullo de 1998, asina en calidade de Presidente do Consello Nacional do BNG, xunto co portavoz, Anxo Quintana, a Declaración de Barcelona, entre o PNV, BNG e CiU, para tentar contrarrestar a política agresiva e recentralizadora do presidente do goberno español José María Aznar, partidos cos que o BNG concorrerá ás eleicións europeas no ano 2004, nas que a coaligación obtivo 2 escanos, un para CIU e o outro para o PNV.

As súas declaracións proclives a nivel persoal á independencia parecían fortalecer a súa imaxe de líder sólido e totalmente comprometido con Galicia. Alén diso, a súa carga dialéctica contra Camilo Nogueira por ter pactado con Anxo Guerreiro concorrer coaligados ás eleicións autonómicas e xerais de 1993, nun afán de conservar conservar a representación institucional para Esquerda galega, non facían suspeitar da súa conversión en apóstolo da esquerda estatal e europea en aras de rendimentos eleitorais imediatos.

Foi substituído na dirección do BNG, e co seu apoio, en novembro de 2003, polo mozo alaricano Anxo Quintana Martelo, de menos entidade intelectual, mais tamén con carisma e proxección social, que non obstante non impediu que o BNG perdese masa eleitoral. Para un observador que olla a corrida desde a barreira, creo que Anxo Quintana podía facer máis para satisfacer en maior medida o ego inflado do seu antecesor na portavocía, mais inpediullo o seu afán de reafirmar a súa personalidade e non ficar obscurecido por el. Beiras, pola súa parte, creo que debería apoiar o novo dirixente nacionalista e a sensación que nos deixou foi que non perdonou nunca a súa precoce substitución como portavoz do BNG e a súa reubicación nun segundo plano no seo da organización. Isto desencadeou nel unha campaña de descrédito do BNG en aras de debilitalo e limitar a súa implantación social, preparando a súa volta á escena política. A súa loita por gañar minibatallas como o asamblearismo, desgastaron notoriamente ao novo líder e a propia organización frentista, factos que unidos a unha escolla de colaboradores no goberno non sempre afortunadas, o carácter bifronte do goberno, e dalgunha conduta persoal non sempre exemplar, propiciarían a sáu caída en 2009, e a súa substitución por Guillerme Vázquez. 

Cando os irmandiños saen do BNG ao tempo que o fai Máis Galiza, Beiras tiña dúas alternativas: coaligarse coa esquerda estatal ou ser un referente do nacionalismo uníndose con Compromiso por Galicia, organización herdeira de Máis Galiza. Aproveitouse da inxenuidade desta formación á que deu esperanzas en todo momento de que terminaría pactando con eles, mais, como pretexto para demorar o proceso, alegou que cumpría darlle a voz aos militantes de base para que eles lideren o proceso, deixándo a CxG  na estacada e nin sequera chegou nunca a sentar con eles para falar en serio da posíbel coaligación. Supoño que el pensaba que a única maneira de salvarse persoalmente, que era en definitiva o leit motiv da súa actuación, era pactar con Esquerda Unida, nese momento en auxe e que lle oferecía unha infraestrutura da que a súa organización carecía, e que aínda hoxe non foi capaz de criar. A súa actuación a respeito de Compromiso por Galicia, sempre me pareceu mesquiña, principalmente nunha persoa que reivindica unhas novas maneiras de facer e unha nova ética política, que eu nunca vin por ningures. A súa xustificación de que tamén Castelao pactou co Frente Popular para as eleicións de 1936, non é comparábel, dado que o rianxeiro incluíu o PG nunha frente de partidos, que estaban dispostos a garantir a aprobación dun Estatuto de Autonomía para Galicia, mais non nun partido concreto no que tiver perigo de difuminarse.

Todo indica que co BNG quixo empregar a mesma táctica, ou sexa, demorar o proceso até deixar sen alternativas aos contrarios, e despois intentar favorecerse da indecisión destes para deixalos ao pairo, mais con o BNG non lle saíu a xogada, e as súas acusacións de cara á galería de «obstrucionismo sectario», merecen pouca credibilidade. É certo que o BNG non accedeu á súa frente ampla, mais esta pretensión súa soa a música celestial, pois el xa sabía que o BNG dificilmente ía emendar a súa plana histórica e ir agora de ganchete dunha organización españolista, por moito que se adubíe de defensora do direito de autodeterminación, pois deixou ben claro que sempre se posicionaría a favor de poñer como teito das reivindicacións nacionalistas un federalismo inconcreto, aínda que si abriu a posibilidade a que o pobo vote, que podemos dicer que é un posicionamento democrático mais o seu posicionamento sempre será unitario, e defensor de que se manteña renovado o status quo. El, pola súa parte, tampouco accedeu a compartir o proxecto do BNG e este tamén podía acusalo, con igual fundamento, de «obstrucionismo sectario», mais estas son frases feitas polas que os cidadáns xa non pasan.  

Tivo un grande éxito ao frente da coaligación AGE, mais tería o mesmo se se presentase á frente da coaligación Anova-Compromiso, porque os votos eran persoais del e non da sucursal de Izquierda Unida en Galicia, e tivo como consecuencia a resurreición dunha forza estatal competidora polo mesmo espazo do nacionalismo galego de esquerdas. Por outra parte, agrupou no seo da súa propria organización Anova a grupos sumamente dispares, con moi pouca cohesión entre eles e con proxectos estratéxicos moi distintos, que se están manifestando nos nosos días nunha guerra cainita, e con moi poucos visos de poder recompoñerse.

Propuxo, e a organización refrendou por abrumadora maioría, como coordenador da formación ao mozo e médico teense Martiño Noriega, alcalde de Teo, un home que se declara ácrata, seguidor do anarquista ruso Bakunin, que ten como lema «nen Deus nen amo», e declara publicamente que está en contra das organizacións, como responsábel máximo desta área. Por outra parte, todo indica que un posto de coordenador non é un posto de líder orgánico impositivo, senón en todo caso moral, e, de acordo coas súas propias manifestacións, a súa demisión deste cargo foi atribuída a que non lle deixaron «impoñer» o seu criterio, cando o que tiña que facer era coordenar, poñer en común e executar o decidido entre todos, e non submeter aos demais ao seu arbitrio. As persoas que entran na dirección fano en calidade de representantes do seu eleitorado, aos que deben ser fieis, e non van aos órgaos directivos para votar o contrario dos que os elexeron. O resultado para a organización foi devastador. O seu traballo social e político coa cidadanía brillou pola súa ausencia, en declaración dos seus propios membros e a falta de cohesión converteuse na súa marca de identidade, sen que nen Beiras nen Martiño fosen capaces de atallala..  

Eles recoñecen a ausencia de labor político fóra do parlamento, e só manifestan estar contentos co seu traballo no hemiciclo, mais se un cidadán o examina, observa que houbo xestos, que dan para titulares e teñen tamén o seu singificado, se ben moitas veces redúcense a altercados e trifulcas, mais traballo en serio parlamentar e propostas para a sociedade eu coñezo moi poucas, salvo o estrepitosos ridículo que fixeron en presentar unha proposición de lei alternativa á de redución de escanos de Feijoo, copiada do BNG.

A xestión da crise surxida na organización AGE pola substitución do deputado David Fernández Calviño por Carme Iglesias, non puido ser máis desafortunada, e levou a disensións larvadas entre Esquerda Unida e Beiras, e traduciuse, para os galegos, nun incremento espectacular do soldo da deputada que sairá do noso peto, e a un resultado moi negativo para Anova que en vez de manter o equilibrio de poder en AGE pasou a un desequilibrio de 6 a 3. Izquierda Unida, que algúns denominan Izquierda des-Unida, pola súa parte sempre demostrou que non é capaz de controlar as frecuentes desavinzas externas, problema que xa é endémico na formación e que nosos días revive nos episodios de Extremadura e Madrid, alén do de Galiza.
  
As contradicións internas no seo de Anova son notorias e evidentes. Uns grupos decidiron xa concorrer ás eleicións europeas da man de Izquierda Unida, mentres que outros afirmaron que concorrerían con Bildu, antes xa de que os militantes se pronunciasen e, por tanto, independentemente do resultado final dos órgaos soberanos decisorios. A metade da militancia decide apoiar a alternativa de fortalecer o unitarismo españolista, posición apoiada polo propia Beiras a última hora, e a outra metade, que antes do pronunciamento de Beiras, era moi maioritaria, decantouse polo nacionalismo galego, mantendo a fidelidade á terra. O coordenador dimisionario Martiño Noriega, vencedor pírrico da contenda, só decantada ao seu favor polo recurso ao Pai, pede xenerosidade e elegancia aos perdedores, cando el se significou pola súa falta tanto dunha como doutra, e do mínimo seny, senso, no seu rol directivo da formación. Agora manifesta que está disposto a volver á dirección, cando o menos que podía facer era dar un paso atrás, porque a crise deriva en grande parte da súa actuación, da súa conversións ao filoespañolismo, e da teima en impoñela aos demais. Unha formación partida pola metade, que é incapaz de gobernar a propia casa, moito menos será capaz de gobernar a sociedade, porque toda a enerxía será dilapidada en remendar e corrixir as tensións entres os membros e serán incapaces de traballar para os demais. As tensións surxirán tanto entre os membros de Anova, como entre esta e Esquerda Unida, salvo que o sector nacionalista abandone o barco e definitivamente aposten quer por renunciar ao seu ideario e integrarse de facto en Esquerda Unida, quer por buscar irse para a casa ou buscar outros lares.

Nunha organización con tan pouca cohesión interna, e que só o seu ícono de referencia era capaz de manter unida, a inclinación deste a unha das partes, era evidente que desencadearía a caixa dos tronos. O resultado é ben revelador: o abandono das súas funcións directivas dos máis fieis a Beiras, dez de dezanove membros, que sumadas aos seis anteriores, dan un resultado de dezaseis demitidos dos vinte compoñentes da Comisión Permanente da formación, ou sexa, que somente catro continúan nos seus postos. A pergunta é inevitábel: porque se produciu esta última crise? Para min a resposta non pode ser máis evidente: a responsabilidade é de Beiras, este home que consideraba que gozaba dun sentido de clarividencia do que carecemos os demais mortais, que lle permitía escrutar nas profundidades e detectar síntomas que os demais mortais non eramos capaces de observar, non foi capaz de percatarse que o seu decantamento tan burdo por unha das opcións levaría á formación a unha situación quizais de non retorno. Moitas persoas, que nos consideramos modestos e limitados, de seguida vimos que a súa toma de partido era un disparate con andas. El que sempre manifestaba que debían ser os militantes os que decidisen, actúa a última hora que indicarlle o que teñen que votar. A moitos militantes de seguro que se lle criou un grande problema que consistía en ter que optar entre desacreditar ao líder máximo da formación, ou ser fiel ao seu sentir, opcións más as dúas e con consecuencias moi negativas, e que ambas conducían á crise. Se optan por desacreditar o líder, crise segura e se optan por non actuar moi maioritariamente como rabaño en pos do pastor, crise segura tamén, porque o líder desacreditou a máis de meia organización.  

Como xustifica Xosé Manuel Beiras o seu pronunciamento para decantar a balanza cara ao seu escudeiro Martiño Noriega? Comeza con un alegato para xustificar porque vai rachar a súa neutralidade en base á súa obriga ineludíbel e responsabilidade a posicionarse. Mais non dixera que deben ser os militantes os que deciden sen interferencias? Ou deciden só para cousas de trámite? Ou é que el carecía de obrigación e responsabilidade antes e somente as ten agora neste momento decisivo, mentres que nos anteriores tiña a obrigación e responsabilidade de respeitar o que as bases decidisen?  

Tenta xustificarse en base aos condicionamentos aprobados pola Coordenadora Nacional de Anova que eran: a) A procura dunha Frente ampla que considerase as nacións como suxeitos políticos e tivese unha praxe rupturista. Nesta frase non se indica textualmente que ten que ser necesariamente unha Frente ampla, senón que se considera optima esa alternativa. En caso de considerala excluínte, estaría fixando liñas vermellas á negociación, en aspectos que el sabe que para o BNG son moi problemáticos. Entón habería que perguntarse quen é o «obstrucionista sectario». Mais a proba clara de que non era unha condición sine qua non é que o sector máis fiel se inclinaba pola outra opción, o cal indica que Xosé Manuel Beiras está arrimando as ascuas á súa sardiña, ou alternativamente, que máis da metade dos participantes na reunión non se inteiraban. Tocante á nación como suxeito político parece que, para os filoespañolistas, somente respeita esta condición de suxeito político o seu socio españolista, ou polo menos tan ben como os proprios nacionalistas, o cal é confundir o cú coas témporas. A respeito da alternativa de esquerda rupturista, parece que só cumprían as forzas españolistas, o cal levaría a conclusión de que o BNG estaría por manter o statu quo ao igual que ERC e Bildu, e somente o cumpre o Sr, Lara, e o Sr. Beiras e adláteres non se inteiraban de nada cando militaban nesta organización. b) O planeamento “da confrontación eleitoral como un salto cualitativo adiante e un 'ensaio xeral' cara unha creba democrática co actual rexime da IIª Restauración”. Isto requería, segundo ese acordo da CN que se puxesen de acordo todas as esquerdas e que se implicasen os movimentos sociais. Realmente os que redixiron isto e quen o aprobaron conscientemente son puros  iluminados alleos á realidade, e do fracaso desta fición absurda queren facer recaila no BNG e aos demais actores que non foron alentados polo sopro divino de Anova. Ou sexa, a culpa é de todos menos desta absurda e descabelada proposta.

Fracasado isto fica loitar -di- por unha Europa dos pobos, dos cidadáns. Que a coaligación con Izquierda Unida sirva para loitar por unha Europa dos cidadáns, é de excesivo optimismo, pois para iso necesítase forza e é moi problemático que o a coaligación Siryza-Linke-Bloco de Esquerda-PCP-Front de Gauche teña a forza suficiente para facer cambiar as políticas europeas, mais si é totalmente irreal pensar que esta coaligación sexa o instrumento apto para loitar pola Europa dos pobos, con membros de tan diversos países e culturas tan distintas. Alén diso, ben saben os membros de Age que a esquerda non foi historicamente proclive a respeitar os direitos das entidades nacionais minoritarias, como se clarifica ben polo que aconteceu cos xacobinistas franceses. O Sr. Beiras acrecenta, desnecesariamente, “Doulle primacía ao factor 'esquerda rupturista' sobre o factor 'cuestión nacional’”. Digo desnecesariamente porque considero que non son incompatíbeis, salvo para quen non sabe silbar e montar a cabalo ao mesmo tempo; e, en segundo lugar, non era necesaria esa confesión para a súa argumentación. O resultado é a morte do Pai, Castelao, profusamente citado por el, que dicía que non pode haber cidadáns libres en pobos que carecen de liberdade, para poder casar o seu ideario co de Esquerda Unida. Agora toca compracer e mostrar fidelidade ao seu socio mesetario. Como a nivel do Estado el mesmo recoñece que pouco se pode facer de ganchete con esta noiva, véndenos aos galegos como produto atractivo que o seu grupo poida entrar en contacto coas esquerdas europeas, como se o BNG se inserise nas direitas, e nunha coaligación na que a inexperiencia é a súa característica común a todas as formacións, incluída IU e a mesma AGE, e a pouca experiencia que teñen, como no caso catalán ou andaluz, non é precisamente do máis estimulante. Gobernou acaso mellor en Catalunya o tripartito, que afundiu o país, ou CiU? Acaso Andalucía é a panacea de todos os males? Que problemas ten o actual vicepresidente da Junta? Se temos en conta tamén a corrupcións dos sindicatos, cales son as razóns para crer na pureza moral das esquerdas? Díganos a que esquerda podemos acudir como exemplo estimulante de cara  a un futuro mellor? Hollande como vemos tampouco está disposto a mudar nada, claro que el soluciónao dicindo que este non é de esquerdas, e por iso debe dicirnos cales son dignos de confianza para nós. Modestamente, pola miña parte, o que contan son os gobernos serios, solventes, capaces e disciplinados, e todo goberno ten que contar coas empresas e os traballadores; o secundario é que sexan de direitas ou de esquerdas, especialmente na nosa terra, na que un goberno de esquerdas de por si non racharía a dependencia do país. Supoño que os cidadáns quererán saber cada a onde os queren embarcar esas novas coaligacións e que garantías nos oferecen quen non son capaces de entenderse entre si.

Canto a ALE rexéitaa porque non ten un ideario de esquerda nen é homoxénea, e parece que os gregos de Siryza, co seu líder Alexis Tsipras, e o Front de gauche si son homoxéneos, e eu diría que si teñen moito en común todos eles, e é que pertencen a países que non se caracterizaron por saber xestionar ben as finanzas públicas e a súa absoluta inexperiencia, que somente pode levar a un Beppe Grillo da esquerda, que non come nen deixa comer, e que nos garante un futuro pouco esperanzador. Os partidos do norte de Europa, que son os máis serios no eido económico non se embararán en aventuras cara a ningures.

As acusacións que Beiras lle dirixe ao BNG son as de obstrucionismo sectario e saboteo, mais, inexplicablemente nun profesor de universidade, sen dignarse sequer en ilustrarnos, aos que non estamos no allo, as razóns das súas acusacións. Cales foron os actos de saboteo propiciados polo BNG? Onde houbo na precaria negociación con o BNG obstrucionismo por parte deste? Ou intenta criar un chivo expiatorio de cara á parroquia? Eu que falo unicamente como un leitor interesado no devir da nosa terra, si lle teño que dicer que me deu a impresión que o BNG actuou con moita máis cortesía que el e que nunca lle ouvín pola súa parte, descalificacións como as que el lanzou contra a súa casa anterior. A impresión que dá é que ao modo de Maduro cos EEUU, intenta facer política aproveitándose da animadversión da súa parroquia cara ao BNG para soltar as súas andanadas.

O verdadeiro motivo de coaligarse con IU é unicamente utilitario, como o foi na súa primeira coaligación cando optou por EU en vez de CxG, e, como xa se esperaban a muletiña de españolistas, intentan espantala poñendo a venda antes da ferida. As negociacións de AGE para pactar cos nacionalistas periféricos fon un auténtico desatino. En vez de pactar primeiro entre si os nacionalistas galegos, os de AGE preferiron ir ás diversas nacións para sacarlle a noiva á formación nacionalista galega, con obxecto de mermar as súas posibilidade de acordo e deixala a velas vir, co resultado de que debilitaron tamén o posicionamento de Galiza. As formacións nacionalistas doutras nacións preferiron a moza fiel de toda a vida a experimentos con noivas que non se sabe o que queren nen a onde van. Recoñece finalmente que ir con Podemos é unha opción difusa e aleatoria, e eu diría que igualmente difusa e aleatoria é a mesma AGE, e inclusive Anova.

Canto ás solucións que propón o Sr. Beiras para solucionar o problema da división da formación en dúas partes, non deixa de ser un sarcasmo, xa considera que hai que incorporar elementos da facción perdedora, cando el mesmo as declarou reciprocamente excluíntes. Realmente de vello manexa aínda moi ben o trapecio.

Eu tiven un soño onte, onde se me apareceu a procesión dos imortais galegos da que falaba Castelao na Alba de Gloria e nela non vin a Xosé Manuel, que si figuraba nunha segunda, en lugar destacado, integrada polos colaboracionistas con o colonizador, e na que o acompañaban Vicente Risco, Álvaro das Casas, Ramón Piñeiro, García Sabell, Alfredo Conde, Carlos Casares, e uns bultos, un pouco máis atrás, que non se detectaban moi ben mais que parecían corresponder a Manuel Regueiro Tenreiro e Anxo Lorenzo.