29 mar 2013

As ovellas e peixes do papa Francisco


Fai tempo que veño defendendo que as relixións do libro, entendendo por tales as que dependen de libros que se din sagrados e inspirados por Deus, son vítimas do seu pasado e incapaces de adaptarse á sensibilidade cambiante da sociedade. Se se vive preso doutras sensibilidades, a mente fica atada ao pasado e non evolúe libremente de acordo cos novos novos tempos e novas formas de sentir.

Vén isto a propósito do sermón dirixido aos sacerdotes polo papa Francisco no día de Xoves Santo de 2013, no que dixo: “De aquí provén precisamente a insatisfacción de algúns, que terminan tristes e convertidos nunha especie de coleccionistas de antigüidades ou ben de novidades, en vez de ser pastores con «odor a ovella», pastores en medio do seu rabaño, e pescadores de homes”. Os sacerdotes, considera o Pontífice, non deben converterse en intermediarios nin en xestores, que non poñen en xogo a propia pel nin o corazón.

 Os sacerdotes deben evitar, por unha parte, ser coleccionistas de antigüedades, e, pola outra, de novidades, mais non aclara o Papa cal sería o termo medio que el prega para eles. En realidade, a clerecía está actuando como recitadora de textos vellos, arcaicos e desfasados, e fáltalle dinamismo para abrirse á sociedade, para afrontar os novos tempos e oferecer respostas acaídas aos problemas do día de hoxe. É frecuente asistir a actos religiosos en que se recitan textos que atentan directamente contra os dereitos humanos recoñecidos pola legislación vixente. Eis, por ejemplo, o que se afirma no Psalmo 110, 1-2, tan frecuentemente recitado: “Oráculo de Iavé ao meu Señor: «Senta á miña dextra en tanto poño os teus inimigos como escabelo para os teus pés». Estenderá Iavé desde Sión o teu poderoso ceptro: Domina no medio dos teus inimigos”. Neste texto Iavé dille a David que sente ao seu lado mentres el submete aos seus inimigos e preséntallos para que el os pise. É un deus brutal, cruel, bestial, violento, guerreiro, dominador, un Santiago matamouros tribal. Estas afirmacións son incompatíbeis con un deus de amor, un deus único que a todos quere e protexe por igual. Deus ten mais sentido e unha función moito máis elevada que o de poñerse ao servizo da irracionalidade e bestialidade humanas.

Os clamados «ministros de Deus», deben, segundo o Papa, ser pastores, a imitación de Iavé, que tamén é pastor, como se afirma no Psalmo 23,1-2: “É Iavé o meu pastor, nada me falta. Ponme en verdes pastos e lévame a frescas augas”, e de Xesús que se presenta como o bon pastor, como escribe o apóstolo Xoán: “Eu son o bo pastor; o bo pastor dá a súa vida polas súas ovellas. … E coñezo as miñas e as miñas coñécenme”..  O que cumpre é ver cales son as implicacións presentes neste simil pastor-ovellas de longa raizame.

Os reis do período de dominación sumeria, do Imperio Acadio, Babilónico, e Asirio, iranianos, etc., entre eles os máis bárbaros e crueis, tamén se denominaban pastores dos seus rabaños, que eran os cidadáns. Eran reis de carácter absoluto que non contaban para nada co sentir destes. Remito ao lector aos artigos do Blog 05 e seguintes, da Vida de Xesús de Bento XVI. A mesma Biblia presenta como pastores ao rei David, ao persa Ciro, … ao tempo que alerta dos falsos pastores que se apacentan a si mesmos en vez de apacentar o seu rabaño. Pois ben, mentres que hoxe ningún rei ousaría afirmar que é o pastor das ovellas, a Igrexa, aténdose a textos e costumes desfasados, segue a designar os seus ministros como pastores e a praxe eclesial como pastoral.

O pastor preocúpase polas ovellas e coñeceas porque son o seu meio de vida. É, pois, un interese crematístico, de subsistencia. As ovellas son para el un instrumento e non unha finalidade en si. Son axentes puramente pasivos que non opinan, non participan, non codeciden, senón que o pastor decide totalmente cal é o seu ben, o seu futuro. Este simil é indigno aplicalo a seres humanos, dotados de racionalidade e liberdade, que son quen de construír a súa vida e o seu futuro. É un simil incompatible coa democracia, que implica protogonismo, participación e deliberación da cidadanía nos asuntos da res publica. Son símiles arcaicos que cumpre superar para responder á nova sensibilidade dos nosos días, que exixe que os seres humanos participen na elaboración das medidas que se lle aplican. Non debe ser óbice que Iavé e Xesús se definan como pastores, porque as súas afirmacións hai que entendelas no seu contexto, e ao mudar este, debe mudar a sensibilidade e a linguaxe que a expresa. O simil dos peixes empeora moito máis a situación, pois o pescador nin sequera se preocupa polos supervivencia dos peixes nin os coñece.

A concepción que deixa traslucir a mensaxe do Papa é a dunha Igrexa clericalista, onde os pastores fan todo e o pobo fiel, o por eles chamado, Pobo de Deus, ten unicamente un papel pasivo e meramente destinatarios dunha mensaxe por eles creada e transmitida. Isto deixa moi mal paradas as teses do Concilio Vaticano II sobre o sacerdocio común ou xeral dos laicos adquirida polo baptismo.

En conclusión: os seres humanos non somos ovellas ás que hai que poñer a pacer, nin somos peixes aos que hai que pescar, senón seres activos, participativos, libres e responsábeis do seu futuro, e por iso, necesitamos concidadáns e copartícipes que teñan odor a seres humanos e non a ovellas. Tampouco necesitamos pescadores, que nos lancen o anzol e nos arruinen a nosa vida para alimentar a doutros.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario