![]() |
Xavier Vence Deza |
Que Beiras ten unha presenza atractiva e unha personalidade carismática creo que non se pode poñer en dúbida, por telo demostrado sobradamente nos procesos eleitorais nos que participou. A súa figura de fisionomía profética e incorformista servía de talismán para os mozos e mozas do noso país, que o escoitaban con gusto. A súa emotividade e identificación co país parecía ser un instrumento apto para dignificar a nosa deteriorada autoestima como pobo acomplexado por séculos de imposición do españolismo máis desconsiderado coa persolalidade propria dos pobos periféricos do Estado español. Da man do BNG foi capaz de situar a organización frentista como a segunda forza política máis votada na comunidade galega. Todos os nacionalistas celebrabamos os grandes éxitos desta organización, en grande parte debido ao seu líder carismático: Xosé Manuel Beiras Torrado. Todos nós perdonabamos as súas saídas de ton, entre as cales se deben subliñar o seu zapatazo no Parlamento galego e a súa súbita conversión en apoloxista do seu grande opoñente Manuel Fraga Iribarne, que, da noite para a mañá pasou de condenado a semibeatificado por el.
O seu forte foi sempre a presenza mediática e non demostrou grandes dotes organizativas na súa etapa de líder máximo do Partido Socialista Galego, que se traduciu nun sonoro fracaso nas eleicións xerais de 1977 nas que só obtivo o 2,41 por cento dos votos e nengún deputado, que provocaría a desbandada de grande parte dos seus cadros, entre os que figuraban Ceferino Díaz, Álvarez Gándara, González Laxe, etc. cara ao PSOE, partido que lle oferece ao seu líder Beiras Torrado o mando das hostes socialistas na Galiza, que este rexeita para manterse fiel ao país. Este fracaso eleitoral e os seus desencontros familiares co seu sogro, Domingo García Sabell, desencadearían unha crise persoal de efeitos negativos no seu proceso mental, que o mantivo arredado da actividade política e da docencia durante cinco anos. Mais ao criar xunto coa UPG o BNG, en 1982, xunto con un dirixente organizativo aínda que en exceso controlador, exclusivista e de pouca proxeccción social, como é Paco Rodríguez, comezou, a partir de 1985, un ascenso fulminante que o catapultou como líder referencial do nacionalismo galego.
No ano 1992, fúndase, en torno á súa figura, o partido Esquerda Nacionalista, que lle permitía ter unha plataforma que impedise deixalo inerme aos pés dos cabalos diante da UPG, mais, ao comezar o seu declive eleitoral, coa finalidade de pactar coa UPG, no afán de manter o poder, non tivo reparos en descabezar a organización que o apoiaba e que, en consecuencia, derivou, no ano 2001, nun expediente de súa expulsión por parte da formación que el contribuira a criar.
O momento do seu esplendor político chega en 1997, cando situou o BNG como segundo partido máis votado na Galiza, con 395.435 votos e 18 escanos, nun momento de aguda crise do socialismo galego, No ano 1999, o BNG situou a Camilo Nogueira como eurodeputado. Porén, a consecución de tres actas ao Congreso dos Deputados nas eleicións de 2000 cando o BNG aspiraba a formar grupo parlamentario propio e a baixada a 17 deputados nas eleicións ao Parlamente galego de 2001, que se acompañou tamén dunha lixeira baixa no número de concelleiros en 2003, nun momento, é certo, de lixeira recuperación dos socialistas galegos, parecían indicar que alcanzara o seu teito eleitoral, sementando alarmas precipitadas no seo do BNG, que derivan na súa substitución por Anxo Quintana, como portavoz nacional neste mesmo ano 2003. A finais da década dos 90 tiña a posibilidade de mermar o poder interno da UPG mais nunca fixo nada neste sentido, e inclusive cometeu a torpeza de debilitar a formación nacida para apoialo, que o deixou inerme ante as hostes de Paco Rodríguez, que estaban á expectativa do momento propicio para poder defenestralo, e incrementar o seu poder no BNG.
O 18 de xullo de 1998, asina en calidade de Presidente do Consello Nacional do BNG, xunto co portavoz, Anxo Quintana, a Declaración de Barcelona, entre o PNV, BNG e CiU, para tentar contrarrestar a política agresiva e recentralizadora do presidente do goberno español José María Aznar, partidos cos que o BNG concorrerá ás eleicións europeas no ano 2004, nas que a coaligación obtivo 2 escanos, un para CIU e o outro para o PNV.
As súas declaracións proclives a nivel persoal á independencia parecían fortalecer a súa imaxe de líder sólido e totalmente comprometido con Galicia. Alén diso, a súa carga dialéctica contra Camilo Nogueira por ter pactado con Anxo Guerreiro concorrer coaligados ás eleicións autonómicas e xerais de 1993, nun afán de conservar conservar a representación institucional para Esquerda galega, non facían suspeitar da súa conversión en apóstolo da esquerda estatal e europea en aras de rendimentos eleitorais imediatos.
Foi substituído na dirección do BNG, e co seu apoio, en novembro de 2003, polo mozo alaricano Anxo Quintana Martelo, de menos entidade intelectual, mais tamén con carisma e proxección social, que non obstante non impediu que o BNG perdese masa eleitoral. Para un observador que olla a corrida desde a barreira, creo que Anxo Quintana podía facer máis para satisfacer en maior medida o ego inflado do seu antecesor na portavocía, mais inpediullo o seu afán de reafirmar a súa personalidade e non ficar obscurecido por el. Beiras, pola súa parte, creo que debería apoiar o novo dirixente nacionalista e a sensación que nos deixou foi que non perdonou nunca a súa precoce substitución como portavoz do BNG e a súa reubicación nun segundo plano no seo da organización. Isto desencadeou nel unha campaña de descrédito do BNG en aras de debilitalo e limitar a súa implantación social, preparando a súa volta á escena política. A súa loita por gañar minibatallas como o asamblearismo, desgastaron notoriamente ao novo líder e a propia organización frentista, factos que unidos a unha escolla de colaboradores no goberno non sempre afortunadas, o carácter bifronte do goberno, e dalgunha conduta persoal non sempre exemplar, propiciarían a sáu caída en 2009, e a súa substitución por Guillerme Vázquez.
Cando os irmandiños saen do BNG ao tempo que o fai Máis Galiza, Beiras tiña dúas alternativas: coaligarse coa esquerda estatal ou ser un referente do nacionalismo uníndose con Compromiso por Galicia, organización herdeira de Máis Galiza. Aproveitouse da inxenuidade desta formación á que deu esperanzas en todo momento de que terminaría pactando con eles, mais, como pretexto para demorar o proceso, alegou que cumpría darlle a voz aos militantes de base para que eles lideren o proceso, deixándo a CxG na estacada e nin sequera chegou nunca a sentar con eles para falar en serio da posíbel coaligación. Supoño que el pensaba que a única maneira de salvarse persoalmente, que era en definitiva o leit motiv da súa actuación, era pactar con Esquerda Unida, nese momento en auxe e que lle oferecía unha infraestrutura da que a súa organización carecía, e que aínda hoxe non foi capaz de criar. A súa actuación a respeito de Compromiso por Galicia, sempre me pareceu mesquiña, principalmente nunha persoa que reivindica unhas novas maneiras de facer e unha nova ética política, que eu nunca vin por ningures. A súa xustificación de que tamén Castelao pactou co Frente Popular para as eleicións de 1936, non é comparábel, dado que o rianxeiro incluíu o PG nunha frente de partidos, que estaban dispostos a garantir a aprobación dun Estatuto de Autonomía para Galicia, mais non nun partido concreto no que tiver perigo de difuminarse.
Todo indica que co BNG quixo empregar a mesma táctica, ou sexa, demorar o proceso até deixar sen alternativas aos contrarios, e despois intentar favorecerse da indecisión destes para deixalos ao pairo, mais con o BNG non lle saíu a xogada, e as súas acusacións de cara á galería de «obstrucionismo sectario», merecen pouca credibilidade. É certo que o BNG non accedeu á súa frente ampla, mais esta pretensión súa soa a música celestial, pois el xa sabía que o BNG dificilmente ía emendar a súa plana histórica e ir agora de ganchete dunha organización españolista, por moito que se adubíe de defensora do direito de autodeterminación, pois deixou ben claro que sempre se posicionaría a favor de poñer como teito das reivindicacións nacionalistas un federalismo inconcreto, aínda que si abriu a posibilidade a que o pobo vote, que podemos dicer que é un posicionamento democrático mais o seu posicionamento sempre será unitario, e defensor de que se manteña renovado o status quo. El, pola súa parte, tampouco accedeu a compartir o proxecto do BNG e este tamén podía acusalo, con igual fundamento, de «obstrucionismo sectario», mais estas son frases feitas polas que os cidadáns xa non pasan.
Tivo un grande éxito ao frente da coaligación AGE, mais tería o mesmo se se presentase á frente da coaligación Anova-Compromiso, porque os votos eran persoais del e non da sucursal de Izquierda Unida en Galicia, e tivo como consecuencia a resurreición dunha forza estatal competidora polo mesmo espazo do nacionalismo galego de esquerdas. Por outra parte, agrupou no seo da súa propria organización Anova a grupos sumamente dispares, con moi pouca cohesión entre eles e con proxectos estratéxicos moi distintos, que se están manifestando nos nosos días nunha guerra cainita, e con moi poucos visos de poder recompoñerse.
Propuxo, e a organización refrendou por abrumadora maioría, como coordenador da formación ao mozo e médico teense Martiño Noriega, alcalde de Teo, un home que se declara ácrata, seguidor do anarquista ruso Bakunin, que ten como lema «nen Deus nen amo», e declara publicamente que está en contra das organizacións, como responsábel máximo desta área. Por outra parte, todo indica que un posto de coordenador non é un posto de líder orgánico impositivo, senón en todo caso moral, e, de acordo coas súas propias manifestacións, a súa demisión deste cargo foi atribuída a que non lle deixaron «impoñer» o seu criterio, cando o que tiña que facer era coordenar, poñer en común e executar o decidido entre todos, e non submeter aos demais ao seu arbitrio. As persoas que entran na dirección fano en calidade de representantes do seu eleitorado, aos que deben ser fieis, e non van aos órgaos directivos para votar o contrario dos que os elexeron. O resultado para a organización foi devastador. O seu traballo social e político coa cidadanía brillou pola súa ausencia, en declaración dos seus propios membros e a falta de cohesión converteuse na súa marca de identidade, sen que nen Beiras nen Martiño fosen capaces de atallala..
Eles recoñecen a ausencia de labor político fóra do parlamento, e só manifestan estar contentos co seu traballo no hemiciclo, mais se un cidadán o examina, observa que houbo xestos, que dan para titulares e teñen tamén o seu singificado, se ben moitas veces redúcense a altercados e trifulcas, mais traballo en serio parlamentar e propostas para a sociedade eu coñezo moi poucas, salvo o estrepitosos ridículo que fixeron en presentar unha proposición de lei alternativa á de redución de escanos de Feijoo, copiada do BNG.
A xestión da crise surxida na organización AGE pola substitución do deputado David Fernández Calviño por Carme Iglesias, non puido ser máis desafortunada, e levou a disensións larvadas entre Esquerda Unida e Beiras, e traduciuse, para os galegos, nun incremento espectacular do soldo da deputada que sairá do noso peto, e a un resultado moi negativo para Anova que en vez de manter o equilibrio de poder en AGE pasou a un desequilibrio de 6 a 3. Izquierda Unida, que algúns denominan Izquierda des-Unida, pola súa parte sempre demostrou que non é capaz de controlar as frecuentes desavinzas externas, problema que xa é endémico na formación e que nosos días revive nos episodios de Extremadura e Madrid, alén do de Galiza.
As contradicións internas no seo de Anova son notorias e evidentes. Uns grupos decidiron xa concorrer ás eleicións europeas da man de Izquierda Unida, mentres que outros afirmaron que concorrerían con Bildu, antes xa de que os militantes se pronunciasen e, por tanto, independentemente do resultado final dos órgaos soberanos decisorios. A metade da militancia decide apoiar a alternativa de fortalecer o unitarismo españolista, posición apoiada polo propia Beiras a última hora, e a outra metade, que antes do pronunciamento de Beiras, era moi maioritaria, decantouse polo nacionalismo galego, mantendo a fidelidade á terra. O coordenador dimisionario Martiño Noriega, vencedor pírrico da contenda, só decantada ao seu favor polo recurso ao Pai, pede xenerosidade e elegancia aos perdedores, cando el se significou pola súa falta tanto dunha como doutra, e do mínimo seny, senso, no seu rol directivo da formación. Agora manifesta que está disposto a volver á dirección, cando o menos que podía facer era dar un paso atrás, porque a crise deriva en grande parte da súa actuación, da súa conversións ao filoespañolismo, e da teima en impoñela aos demais. Unha formación partida pola metade, que é incapaz de gobernar a propia casa, moito menos será capaz de gobernar a sociedade, porque toda a enerxía será dilapidada en remendar e corrixir as tensións entres os membros e serán incapaces de traballar para os demais. As tensións surxirán tanto entre os membros de Anova, como entre esta e Esquerda Unida, salvo que o sector nacionalista abandone o barco e definitivamente aposten quer por renunciar ao seu ideario e integrarse de facto en Esquerda Unida, quer por buscar irse para a casa ou buscar outros lares.
Nunha organización con tan pouca cohesión interna, e que só o seu ícono de referencia era capaz de manter unida, a inclinación deste a unha das partes, era evidente que desencadearía a caixa dos tronos. O resultado é ben revelador: o abandono das súas funcións directivas dos máis fieis a Beiras, dez de dezanove membros, que sumadas aos seis anteriores, dan un resultado de dezaseis demitidos dos vinte compoñentes da Comisión Permanente da formación, ou sexa, que somente catro continúan nos seus postos. A pergunta é inevitábel: porque se produciu esta última crise? Para min a resposta non pode ser máis evidente: a responsabilidade é de Beiras, este home que consideraba que gozaba dun sentido de clarividencia do que carecemos os demais mortais, que lle permitía escrutar nas profundidades e detectar síntomas que os demais mortais non eramos capaces de observar, non foi capaz de percatarse que o seu decantamento tan burdo por unha das opcións levaría á formación a unha situación quizais de non retorno. Moitas persoas, que nos consideramos modestos e limitados, de seguida vimos que a súa toma de partido era un disparate con andas. El que sempre manifestaba que debían ser os militantes os que decidisen, actúa a última hora que indicarlle o que teñen que votar. A moitos militantes de seguro que se lle criou un grande problema que consistía en ter que optar entre desacreditar ao líder máximo da formación, ou ser fiel ao seu sentir, opcións más as dúas e con consecuencias moi negativas, e que ambas conducían á crise. Se optan por desacreditar o líder, crise segura e se optan por non actuar moi maioritariamente como rabaño en pos do pastor, crise segura tamén, porque o líder desacreditou a máis de meia organización.
Como xustifica Xosé Manuel Beiras o seu pronunciamento para decantar a balanza cara ao seu escudeiro Martiño Noriega? Comeza con un alegato para xustificar porque vai rachar a súa neutralidade en base á súa obriga ineludíbel e responsabilidade a posicionarse. Mais non dixera que deben ser os militantes os que deciden sen interferencias? Ou deciden só para cousas de trámite? Ou é que el carecía de obrigación e responsabilidade antes e somente as ten agora neste momento decisivo, mentres que nos anteriores tiña a obrigación e responsabilidade de respeitar o que as bases decidisen?
Tenta xustificarse en base aos condicionamentos aprobados pola Coordenadora Nacional de Anova que eran: a) A procura dunha Frente ampla que considerase as nacións como suxeitos políticos e tivese unha praxe rupturista. Nesta frase non se indica textualmente que ten que ser necesariamente unha Frente ampla, senón que se considera optima esa alternativa. En caso de considerala excluínte, estaría fixando liñas vermellas á negociación, en aspectos que el sabe que para o BNG son moi problemáticos. Entón habería que perguntarse quen é o «obstrucionista sectario». Mais a proba clara de que non era unha condición sine qua non é que o sector máis fiel se inclinaba pola outra opción, o cal indica que Xosé Manuel Beiras está arrimando as ascuas á súa sardiña, ou alternativamente, que máis da metade dos participantes na reunión non se inteiraban. Tocante á nación como suxeito político parece que, para os filoespañolistas, somente respeita esta condición de suxeito político o seu socio españolista, ou polo menos tan ben como os proprios nacionalistas, o cal é confundir o cú coas témporas. A respeito da alternativa de esquerda rupturista, parece que só cumprían as forzas españolistas, o cal levaría a conclusión de que o BNG estaría por manter o statu quo ao igual que ERC e Bildu, e somente o cumpre o Sr, Lara, e o Sr. Beiras e adláteres non se inteiraban de nada cando militaban nesta organización. b) O planeamento “da confrontación eleitoral como un salto cualitativo adiante e un 'ensaio xeral' cara unha creba democrática co actual rexime da IIª Restauración”. Isto requería, segundo ese acordo da CN que se puxesen de acordo todas as esquerdas e que se implicasen os movimentos sociais. Realmente os que redixiron isto e quen o aprobaron conscientemente son puros iluminados alleos á realidade, e do fracaso desta fición absurda queren facer recaila no BNG e aos demais actores que non foron alentados polo sopro divino de Anova. Ou sexa, a culpa é de todos menos desta absurda e descabelada proposta.
Fracasado isto fica loitar -di- por unha Europa dos pobos, dos cidadáns. Que a coaligación con Izquierda Unida sirva para loitar por unha Europa dos cidadáns, é de excesivo optimismo, pois para iso necesítase forza e é moi problemático que o a coaligación Siryza-Linke-Bloco de Esquerda-PCP-Front de Gauche teña a forza suficiente para facer cambiar as políticas europeas, mais si é totalmente irreal pensar que esta coaligación sexa o instrumento apto para loitar pola Europa dos pobos, con membros de tan diversos países e culturas tan distintas. Alén diso, ben saben os membros de Age que a esquerda non foi historicamente proclive a respeitar os direitos das entidades nacionais minoritarias, como se clarifica ben polo que aconteceu cos xacobinistas franceses. O Sr. Beiras acrecenta, desnecesariamente, “Doulle primacía ao factor 'esquerda rupturista' sobre o factor 'cuestión nacional’”. Digo desnecesariamente porque considero que non son incompatíbeis, salvo para quen non sabe silbar e montar a cabalo ao mesmo tempo; e, en segundo lugar, non era necesaria esa confesión para a súa argumentación. O resultado é a morte do Pai, Castelao, profusamente citado por el, que dicía que non pode haber cidadáns libres en pobos que carecen de liberdade, para poder casar o seu ideario co de Esquerda Unida. Agora toca compracer e mostrar fidelidade ao seu socio mesetario. Como a nivel do Estado el mesmo recoñece que pouco se pode facer de ganchete con esta noiva, véndenos aos galegos como produto atractivo que o seu grupo poida entrar en contacto coas esquerdas europeas, como se o BNG se inserise nas direitas, e nunha coaligación na que a inexperiencia é a súa característica común a todas as formacións, incluída IU e a mesma AGE, e a pouca experiencia que teñen, como no caso catalán ou andaluz, non é precisamente do máis estimulante. Gobernou acaso mellor en Catalunya o tripartito, que afundiu o país, ou CiU? Acaso Andalucía é a panacea de todos os males? Que problemas ten o actual vicepresidente da Junta? Se temos en conta tamén a corrupcións dos sindicatos, cales son as razóns para crer na pureza moral das esquerdas? Díganos a que esquerda podemos acudir como exemplo estimulante de cara a un futuro mellor? Hollande como vemos tampouco está disposto a mudar nada, claro que el soluciónao dicindo que este non é de esquerdas, e por iso debe dicirnos cales son dignos de confianza para nós. Modestamente, pola miña parte, o que contan son os gobernos serios, solventes, capaces e disciplinados, e todo goberno ten que contar coas empresas e os traballadores; o secundario é que sexan de direitas ou de esquerdas, especialmente na nosa terra, na que un goberno de esquerdas de por si non racharía a dependencia do país. Supoño que os cidadáns quererán saber cada a onde os queren embarcar esas novas coaligacións e que garantías nos oferecen quen non son capaces de entenderse entre si.
Canto a ALE rexéitaa porque non ten un ideario de esquerda nen é homoxénea, e parece que os gregos de Siryza, co seu líder Alexis Tsipras, e o Front de gauche si son homoxéneos, e eu diría que si teñen moito en común todos eles, e é que pertencen a países que non se caracterizaron por saber xestionar ben as finanzas públicas e a súa absoluta inexperiencia, que somente pode levar a un Beppe Grillo da esquerda, que non come nen deixa comer, e que nos garante un futuro pouco esperanzador. Os partidos do norte de Europa, que son os máis serios no eido económico non se embararán en aventuras cara a ningures.
As acusacións que Beiras lle dirixe ao BNG son as de obstrucionismo sectario e saboteo, mais, inexplicablemente nun profesor de universidade, sen dignarse sequer en ilustrarnos, aos que non estamos no allo, as razóns das súas acusacións. Cales foron os actos de saboteo propiciados polo BNG? Onde houbo na precaria negociación con o BNG obstrucionismo por parte deste? Ou intenta criar un chivo expiatorio de cara á parroquia? Eu que falo unicamente como un leitor interesado no devir da nosa terra, si lle teño que dicer que me deu a impresión que o BNG actuou con moita máis cortesía que el e que nunca lle ouvín pola súa parte, descalificacións como as que el lanzou contra a súa casa anterior. A impresión que dá é que ao modo de Maduro cos EEUU, intenta facer política aproveitándose da animadversión da súa parroquia cara ao BNG para soltar as súas andanadas.
O verdadeiro motivo de coaligarse con IU é unicamente utilitario, como o foi na súa primeira coaligación cando optou por EU en vez de CxG, e, como xa se esperaban a muletiña de españolistas, intentan espantala poñendo a venda antes da ferida. As negociacións de AGE para pactar cos nacionalistas periféricos fon un auténtico desatino. En vez de pactar primeiro entre si os nacionalistas galegos, os de AGE preferiron ir ás diversas nacións para sacarlle a noiva á formación nacionalista galega, con obxecto de mermar as súas posibilidade de acordo e deixala a velas vir, co resultado de que debilitaron tamén o posicionamento de Galiza. As formacións nacionalistas doutras nacións preferiron a moza fiel de toda a vida a experimentos con noivas que non se sabe o que queren nen a onde van. Recoñece finalmente que ir con Podemos é unha opción difusa e aleatoria, e eu diría que igualmente difusa e aleatoria é a mesma AGE, e inclusive Anova.
Canto ás solucións que propón o Sr. Beiras para solucionar o problema da división da formación en dúas partes, non deixa de ser un sarcasmo, xa considera que hai que incorporar elementos da facción perdedora, cando el mesmo as declarou reciprocamente excluíntes. Realmente de vello manexa aínda moi ben o trapecio.
Eu tiven un soño onte, onde se me apareceu a procesión dos imortais galegos da que falaba Castelao na Alba de Gloria e nela non vin a Xosé Manuel, que si figuraba nunha segunda, en lugar destacado, integrada polos colaboracionistas con o colonizador, e na que o acompañaban Vicente Risco, Álvaro das Casas, Ramón Piñeiro, García Sabell, Alfredo Conde, Carlos Casares, e uns bultos, un pouco máis atrás, que non se detectaban moi ben mais que parecían corresponder a Manuel Regueiro Tenreiro e Anxo Lorenzo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario