7 mar 2014

A Igrexa hoxe: situación e alternativas (02)


b) Misoxinia

Zaira!: Non creas os que din que só os meninos e non as meninas son imaxe de Deus!
 No preámbulo comezamos falamos da necesidade de interpretar os textos bíblicos historicamente, situándoos no seu cotexto e extraindo as consecuencias que diso se derivan. O método interpretativo ten unha longa historia que remonta a Aristóteles, mais recebeu un notábel impulso no século XVI como un método de interpretación, da correcta comprensión dun texto, especialmente dos textos bíblicos, en relación co seu contexto, ou dun autor en relación coa súa época. A Biblia presentou moitos problemas de interpretación porque, por unha parte, a Igrexa defende que é un texto inspirado en canto a todas as súas partes, mais, pola outra, detéctanse nel toda unha serie de incongruencias, erros e contradicións, que hai que intentar compaxinar coa inspiración, ou sexa, con esa guia especial de Deus sobre o autor «sagrado» para que diga o que Deus quer. Por exemplo, no Levítico dise que o coello e a lebre son animais rumiantes1, cando na realidade son animais roedores. Como se pode compaxinar isto coa doutrina da inspiración que afirma que Deus é quen fala por meio dun instrumento que é o «autor» do libro. Unha interpretación consiste en afirmar que o autor entendía moi pouco de zooloxía, o cal parece o máis probábel, mais, como  deste modo, se colide co a priori da inspiración, os comentaristas apoloxéticos interprétano dicindo que o autor se acomodou á estimación popular. Mais porqué? Xesús recorreu a esta interpretación cando se pronunciou sobre a permisión de Moisés de dar libero de repudio á muller en Mt. 19. Moisés permitiuno -di- pola dureza do voso corazón, ou sexa, que os hebreus eran tan burdos que Moisés se acomodou ao que podía exixirlle. Claro que, neste caso, abre un novo flanco na coherencia do sistema, porque habería que perguntarse porque Deus cria as persoas con semellante dureza de corazón. Eu creo, modestamente, que a respeito da interpretación dos textos bíblicos non hai que criar lacunas, senón que hai que interpretalos como calquera outro libro histórico, e, ao igual que a todos os demais, hai que aplicarlle a crítica histórica.

Creo que nengunha igrexa debería envergoñarse do pasado se sabe sacar as leicións pertinentes do seu devir histórico e enfrentar o futuro introducindo as reformas necesarias para non volver caír nos erros anteriores. Calquera persoa estaría de acordo en explicar as actuacións anteriores, por moi perturbadoras que sexan nos nosos días, no contexto da súa época, se iso nos permitise ter unha institución renovada e acorde coa sensibilidade moral da sociedade na que vivemos, mais o que non se pode perdoar é un pasado do que hai que renegar e a carencia dun proxecto de futuro esperanzador e digno do noso compromiso persoal entusiasta. O pasado hai que asumilo sen deformacións e con asunción crítica dos textos, e o futuro hai que crialo desde unha esperanza renovada. Neste contexto insírese este traballo, incluído tamén o tema da misoxinia.  

A palabra misoxinia está composta de dúas palabras gregas, «misos», que significa odio, aversión, desprezo, e «giné», que significa muller. É por tanto a aversión ou odio cara a muller.

En primeiro lugar, cumpre aclarar que o misoxinismo non foi introducido nen polo xudáismo, nen polo cristianismo nen polo islamismo, senón que é un produto social alimentado polo desexo de controlo duns seres humanos sobre outros para poñelos ao seu servizo nas funcións sexuais, económicas, estabilidade social, ... Os individuos ou grupos máis fortes, quer fisioloxicamente, quer económica, social ou politicamente, van aproveitar a súa posición para dominar sobre os demais, e as relixións terminan por consagrar estas relacións de superioridade e retroaliméntanse cos ostentadores do poder para reproducir as relacións de dominación sociopolítica e eeconómica, e en consonancia con iso a posición de submisión da muller. Ao sacralizar estas relacións de dominación en textos que pretenden inspirados e intocábeis, as resistencias ao cambio son enormes, practicamente case insuperábeis.

As grandes relixións monoteistas: xudaísmo, cristianismo e islamismo, foron as máis misóxinas, e as que teñen por diante unha tarefa máis ardua para actualizarse. O hinduísmo discriminou historicamente a muller asingándolle o rol de esposa e mai. A situación cambiou a mellor na segunda metade do século XIX en que se prohibiu os matrimonios forzados polos pais e se lle permitiu casar de novo en caso de ficaren viuvas. O budismo, relixión atea, tampouco foi allea ao misoxinismo, e o mesmo Buda, ao inicio da súa predicación, pensaba que as mulleres constituían unha barreira para a libertación da lei do karma e dos catro sofrimentos: nacimento, doenza, vellice e morte, lei que comparte co hinduísmo. A palabra karma significa acción, traballo ou acto, e a lei do karma é unha lei de causa-efeito, na que as nosas accións físicas, verbais e  mentais, ou sexa, as accións, palabras e pensamentos, son a causa e as experiencias son os efeitos. Cada individuo ten unha disposición mental, unha aparencia física e unhas experiencias únicas e, de aí que posúe o seu proprio karma individual. As boas intencións e as boas accións contribúen ao bo karma individual e ao revés pasa coas más. O karma no presente afecta o o futuro de cada un na vida actual e na vida futura. Buda, con todo, após a súa «coversión» defendeu que as mulleres son capaces de alcanzar a iluminación ao igual que os homes e fundou unha comunidade monástica aberta a homes e mulleres. Esta relixión, aínda que tivo as súas fases de ambigüidade e contemporización co machismo,  nos nosos días, pódese dicer que logrou alcanzar un elevado grao de igualdade de xénero, tanto na hierarquía como na de relación de sexo.

Grandes filósofos, comezando por Platón, Aristóteles até Freud e Nietzsche, eran misóxinos. A diferenza reside en que cando un texto misóxino se sacraliza, iso produce unha resistencia ao cambio moito maior, por presentarse como mandados provenientes da divindade, e favorecer os máis poderosos. A situación nos nosos días caracterízase por unha forte maré de tomada de conciencia da súa dignidade por parte das mulleres e un cambio profundo na mentalidade social, que demanda igualdade, mentres que os textos en que ancoraba a misoxinia relixiosa fican fosilizados como documentos á memoria da intransixencia, marxinación e discriminación histórica de máis de meia humanidade. 

As grandes libertadoras da situación de subordinación de xénero, foron as mulleres, o cal nos ensina que se un sector non loita pola súa libertación non debe esperar que outros o fagan por el, e isto trátese de individuos ou de pobos. Os galegos levamos como táctica engruñarnos e tentar salvarnos individualmente, ou esperar que a libertación nos veña por altruísmo alleo e así nos foi, nos vai e nos irá, se non mudamos.

O fundamento da concepción da Igrexa sobre a muller provén da sociedade misóxina xudía que se expresa na Biblia veterotestamentaria, que considera que foi inspirada por Deus, sen máis apoio que a afirmación de Paulo de que “toda Escritura é divinamente inspirada e útil para ensinar, arguir, corrixir e educar na xustiza2. Esta misoxinia, que non é exclusiva da sociedade hebrea senón de todas as sociedades patriarcais, é causante da marxinación e discriminación que padeceu a muller ao longo dos séculos e que aínda hoxe persiste.

Foi a muller a que trouxo o pecado ao mundo, constituíndose, deste xeito en fonte dos maus que aqueixan á humanidade. O castigo ao que Deus condena a Eva, e como consecuencia a todas as mulleres futuras é a parir con dor e a ter unha xestación e parto problemáticos, a que a súa líbido se faga premente e a unha minoría de idade a respeito do varón:  “Multiplicarei o traballo das túa preñeces, paritás os fillos con dor e buscarás con ardor ao teu marido, que te dominará3. Creo que é difícil esaxerar a dor, sufrimento, discriminación e marxinación que provocou o texto mítico referido ao pecado de Eva e o castigo a que, supostamente, Deus a condenou, sobre máis da metade dos fieis que o asumen como inspirado, demostrando o grande potencial do mito sobre as mentes das persoas. Unha situación de marxinación social e de discriminación de xénero, existente na sociedade hebrea, vai ser xustificada polo mesmo Deus en base a «inventadas» accións pecaminosas da muller. En adiante, bastará o recurso ao primixenio castigo divino, xunto á posterioridade da criación da muller a respeito do varón  e a encarnación de Deus nun ser do sexo masculino, para oporse a toda praxe libertadora da condición subordinada da muller a respeito do home. O escritor do Xénesis pretende xustificar  a práctica consuetudinaria de marxinación da muller, vixente na comunidade de Israel, e, en base á mesma, explica a orixe da dor e sofrimento femininos e o dominio do home sobre a muller. Dado que os xudeus concebían a dor e o sofrimento como consecuencia do pecado e á muller como seductora, incitadora e tentadora, ocorréuselle ao autor bíblico, como a interpretación máis natural, facer retrotrair a causa dos maus que aflixen os seres humanos a un suposto pecado que cometera noutros tempos a muller, arrastando, á súa vez, o home na súa acción pecaminosa. A Adán dille, "Posto que obedeceches a tu muller e comeches da Árbore... maldicirei a Terra pola túa causa; conseguirás o pan con grande esforzo todos os días da túa vida"4. O castigo está en consonancia cos cometidos tradicionalmente asignados a cada un dos membros da parella en Israel; o da muller como mai de familia e o do home como chefe e sustentador da familia. Para quen quixer ver o significado do pecado orixinal pode consultar o artigo «Santo sacrificio da Misa» neste mesmo  blogue. Aquí so facer as seguintes observacións: É duro que un Deus faga recair o castigo sobre a mesma natureza e en algo que afecta tamén aos nasciturus, seres de por si indefensos; en segundo lugar non deixa de ser surprendente que presente como castigo a exaltación da líbido na muller e non o faga no home, cando de por si o varón comete máis delitos relacionados co sexo que a muller, pois a el se atribúen a maior parte das violacións; a líbido deste fica santificada e a da muller castigada; en terceiro lugar que favoreza ao home en canto que agora se xustifica a súa supremacía no seo do lar.

Se ben os autores bíblicos xustifican e propugnan o mantimento do dominio do home sobre a muller, condenan enerxicamente que a muller pretenda dominar ao home. “Non te deixes seducir pola fermosura dunha muller nen a desexes- Escravatura, ignominia e vergoña é a muller que domina ao marido5. Mais se ela non se coartase, o home nunca debe toleralo.  “Non te deixes dominar pola túa muller, non se alce sobre ti”6.

Os fluxos tanto seminais como sanguíneos, gonorreia e menstruación, fan a muller e o home impuros, mais a muller en maior grao, pois o período de impureza ritual é dobre no caso da muller que do home7. “Cando unha muller ten o seu fluxo regular de sangue, a impureza do seu período mensual durará sete días e aquel que a toque será impuro até a tarde8. Estas crenzas teñen teñen a súa orixe en tradicións ancestrais dos hebreus, que agora pasan a estar benditas por Iavé.

A muller é fonte de maldade, pecado e tentación. A consecuencia de imputarlle a transgresión do preceito divino no Paraíso, a muller converteuse en alvo de acusación de todas as maldades. O nacimento dunha filla non era benvida para os pais hebreus. “Unha filla nace para humillación do pai9. Prefiro “calquera maldade á maldade da muller. ...Non hai cólera comparada coa da muller, prefiro habitar con un dragón que habitar con unha muller má. A maldade da muller demuda a súa face (do home). É curta toda malicia comparada coa da muller10. A muller estraña seduce cos seus afagos o home e condúceo á perdición: “Mel destilan o beizos da muller estraña. E a súa boca é máis suave que o aceite11. O home debe conterse ante as provocación libidinosas da muler: “Non codicies a súa fermosura no teu corazón, non te deixes seducir polas súas miradas12. O sabio aconséllalle ao home que cumpra fielmente o seu ensino e os seus preceitos, que os converta na menina dos seus ollos e que os escreba na táboa do seu corazón, “Para que te preserven da muller allea, da estraña de lúbricas palabras13. Con obxecto de reprimir a sexualidade feminina e que estexa totalmente entregada ao seu home o autor bíblico condena que ela tome a iniciativa nas relacións sexuais, mentres que o contrario, normalmente máis frecuente, fica santificado. Como mostra da perversidade libidinosa da muller, narra o caso dun mozo seducido polos afagos e rendido pola suavidade das palabras dunha muller casada que, ao solpor lle sai ao encontro: “Con atavío de rameira e astuto corazón. Era faladoira e procaz e os seus pés non sabían estarse na casa. Agora na rúa, agora na praza, acechando por todas as esquinas. Colleuno e abrazouno, e díxolle con toda desvergoña: Tiña que oferecer un sacrificio, e hoxe cumprín xa os meus votos; Por iso che saín ao encontro; ía en busca túa e agora áchote.  Ataviei o meu leito con tapetes, con teas de fío recamado de Exipto; Perfumei a miña cámara con mirra, áloes e cinamomo. Vén embriaguémonos de amores até a mañá, fartémonos de caricias. Pois o meu marido non está na casa, saiu para unha longa viaxe; Levou a bolsa e non volverá até o plenilunio”14. Neste texto a muller está incitando ao adulterio, e traizoando a fidelidade conxugal, sumamente penalizada en Israel e nas demais culturas, que o escriturista destaca, e que se estende tamén ao home15. A sexualidade descontrolada prexudica a estabilidade grupal e familiar e máis no caso da muller, por ser ela a procriadora, e , por iso, cumpre desprestixiala para que fique na casa fiel ao seu marido. A sensación que dá a leitura dos textos bíblicos é que a muller hebrea debe ser moi suxestiva e provocadora cando o escriturista considera que debe ser reprimida duramente para que os seus dons non os comparta con posíbeis concorrentes. A seguir, presentamos moitas das tentaciòns que as mulleres costuman tender ao homes, acompañadas de consellos úteis para evitalas con obxecto de que non representen un perigo para a estabilidade familiar e económica da familia. “Non vaias ao encontro dunha muller prostituta, non sexa que caias nas súas redes. Non frecuentes o trato con cantadoira para non ficar prendido nos seus enredos. Non te quedes ollando a doncela, para que non incorras no seu propio castigo. Non te entregues a prostitutas, para non perder a herdanza. Non andes a fisgar polas rúas da cidade, nen divagues polos seus sitios solitarios. Afasta o teu ollo de muller fermosa, non fiques a ollar a beleza allea. Pola beleza da muller perdéronse moitos, xunto a ela o amor inflámase como o fogo. Xunto a muller casada non te sentes xamais, nen te recostes con ela á mesa. Non bebas con ela viño nos banquetes, para que o teu corazón non se desvie cara a ela e no teu ímpetu te deslices á ruína16.    

A muller carecía en Israel de igualdade de direitos co home. Era considerada na sociedade e lexislación hebraica sempre como menor de idade. Mentres está so a dependencia do pai non pode facer un voto a non ser coa súa aprobación, e, despois de casar, pasa a depender do marido e tampouco pode facelo sen autorización do seu esposo, e en ambos casos  os seus votos poden ser anulados quer polo pai quer polo marido cando estes os coñezan17. A muller só pode herdar se non ten irmáns varóns: “Se un home morre sen deixar fillos, faredes pasar a herdanza á súa filla18.

O divorcio é denominado na Biblia «repudio», palabra coas connotacións negativas de rexeición, mentres que «divorcio» é máis aséptica e só indica separación, ruptura legal do lazo matrimonial. O home podía repudiar a súa muller unilateralmente e por motivos ínfimos, como podía ser que a muller xa non lle agradase fisicamente, ou, segundo a escola de Hillel, se deixar queimar a comida. Non existe contrapartida de ningunha clase por parte da muller. No Deuteronomio prescrébese que: “Se un home toma unha muller e a desposa e esta despois non lle agrada porque encontrou nela algo torpe, escreberalle o libelo de repudio e poñéndollo na man mandaráa para a súa casa. Unha vez que saiu da súa casa, poderá ela ser muller doutro home19. Caso de casar esta muller con outro home, se esta lle dá tamén o libelo de repudio, o primeiro “non poderá volver tomala por esposa despois de terse feito ela impura20. Non aduce o escriturista ningunha razón pola que a muller se fixo impura, e só di que é unha abominación aos ollos de Iavé sen aclarar a razón. Pola miña parte, creo que sería máis conveniente que lle permitise ao primeiro matrimonio poder volver refacer a súa vida. Botamos en falta que non lle permita tamén á muller repudiar o home, que eu non vin condenado en ningún texto do Antigo Testamento. No Levítico estatúese que os sacerdotes “Non tomarán por esposa a unha muller prostituta nen profanada, nen tampouco unha muller repudiada polo seu marido; pois o sacerdote está consagrado a Deus21. Podía darse o caso que unha muller for inxustamente repudiada, e a esta inxustiza acrecéntase agora a da discriminación social so pretexto de que os sacerdotes teñen que manterse santos, como se unha muller repudiada estiver contaminada xa porque un varón a repudiou. As fillas dos sacerdotes se fosen repudiadas podían comer das cousas santas, que estaban prohibido aos laicos, ou sexa, das que se lle entregaban aos sacerdotes nos sacrificios pacíficos e expiatorios. Como vemos, xa os relixiosos en Israel eran e áinda son unha elite privilexiada, como hoxe os membros da clerecía católica. Segundo o profeta Ezequiel, os sacerdotes tampouco podían casar libremente senón que tiñan que facelo con persoas de probada pureza, que lle garantisen a súa reputación social. “Non tomarán por esposa nen unha viuva nen unha muller repudiada, senón unha virxen da raza de  Israel; unha viuva só no caso de que sexa viuva dun sacerdote”22.

Se un home presenta unha denuncia falsa contra unha muller alegando que non era virxe, será penalizado con unha multa de cen moedas de prata por ter difamado a unha virxe de Israel. “El recebiráa por muller e non poderá repudiala en toda a súa vida23, En caso de ser verdade, “se non aparecen as probas da virxinidade, sacarán á moza á porta da casa do seu pai, e os homes da súa cidade apedréarana até que morra, por ter cometido unha infamia prostituíndose na casa do seu pai24. Trátase dunha xustiza tribal totalmente inxusta, porque a muller ten que probar a súa inocencia; en segundo lugar, pola forma desigualitaria do trato recebido a respeito do seu home, e, en terceiro lugar, porque é improcedente casar á forza tanto á el como a ela, se ben cumpre ter en conta que, a esa altura e nesa sociedade, polo menos no caso de estar interesada a muller en casar, podería supor unha saída favorábel para ela. O home só é multado mentres que ela é lapidada polos homes da cidade até morrer. En caso de violación dunha muller virxe, “o home que se deitou con ela dará ao pai da moza cincuenta moedas de prata; ela será a súa muller porque a violou, e non podera repudiala en toda a súa vida25. Como vemos a muller é tratada como un mero obxecto, pois se for violada por un home após é castigada a casar con el.   
 
O profeta Malaquías no século V a.e. c. condena o repudio da muller por aversión: “Quen por aversión repudia, di Iavé, Deus de Israel, cóbrese de inxustiza26, mais non se pronuncia sobre o caso de adulterio. Inclusive Xesús que permite repudiar a muller en caso de adulterio, non concede a mesma faculdade á muller cando quen comete adulterio é o marido. “Todo aquel que repudia á súa muller, salvo en caso de fornicación, faina adúltera, e quen case con unha repudiada, comete adulterio”27. É difícil de xustificar que comete adulterio calquer home que case con unha muller só polo facto de ter sido esta repudiada, pois iso pode conducir a enormes inxustizas. A muller vese castigada dobremente; a primeira por ser repudiada, pode que inxustamente, e a segunda por non poder refacer a súa vida con outro home. Con todo, en Xesús nen a muller nen o home poden repudiar, salvo no caso de que a muller cometa adulterio, que entón si pode ser repudiada. “Quen repudia á súa muller e se casa con outra, adultera contra aquela, e se a muller repudia ao marido e se casa con outro, comete adulterio28.

Os esenios eran misoxinos e non aceitaban mulleres na súa congregación e desprezaban o matrimonio . Como di Flavio Xosefo, “Non é que eles condenen en principio o matrimonio e a procreación, mais temen da desvengoña das mulleres e están persuadidos que nengunha delas garda a fidelidade a un só home29. As razóns que aducen para ese desprezo son, alén da percepción negativa que teñen da muller, a dificuldade de manter os vínculos comunitarios entre persoas casadas e a súa misosexualidade. Manifesta Filón de Alexandría que “Rexeitan o matrimonio porque con toda clareza ven nel o único ou principal obstáculo para manter os vínculos da vida en comunidade, e á vez porque practican con particular celo a continencia. Ningún deles, con efeito, toma esposa, entendendo que a muller é unha criatura egoísta, celosa por demais e capaz de tender as súas redes aos costumes do home e seducilo coas súas incesantes fascinacións30. Con todo, algunhas correntes esenias non condenaban o matrimonio  nen o rexeitaban, porque “Pensan que renunciar ao matrimonio é realmente suprimir a parte da vida máis importante, a saber, a propagación da especie; cousa tanto máis grave que o xénero humano desaparecería en pouco tempo se todos adoptasen esta opinión. Toman ás súas mulleres como ensaio, e despois que tres épocas sucesivas mostraron a súa aptitude para conceber, despósanas definitivamente. Despois de estar embarazadas, non teñen relacións sexuais con elas, mostrando así que se casan non por pracer senón para procriar meninos31.

O pensamento e a práctica de Xesús vén coincidir con esta corrente esenia, que non condena o matrimonio, por consideralo necesario para a procriación da especie, mais ao mesmo tempo dálle prioridade á vida de continencia e de renuncia ao pracer sexual, como se manifesta en Mt. 19, 12: “Hai eunucos que a si mesmos se fixeron tales polo reino dos ceus”. Houbo, con todo, algúns grupos gnósticos que, amparándose no Evanxello dos Exipcios, da primeira metade do século II, dicían que Xesús rexeitou non só o matrimonio senón tamén a procriación, pois cando Salomé lle perguntou ao Señor: “«Durante canto tempo predominará a morte?» el respondeu: «tanto como vós as mulleres xeredes meninos»32. Este é un evanxello apócrifo, mais a distinción a respeito dos canónicos sempre é moi tenue, en grande parte arbitraria e controvertida. Clemente de Alexandría que nos transmite este fragmento non dubida que é un texto auténtico, e somente se opón á interpretación que lle dan algúns grupos que entenden que Xesús está a condenar o matrimonio e a crianza de meninos. Clemente entende que Xesús só expresa con esta resposta unha lei da natureza que é a de vida- morte.

Eses grupos gnósticos aducen outro texto deste mesmo evanxello que di que o Salvador pronunciou este oráculo: “«Eu viñen para destruír as obras da muller». A muller, quer dicer, o pracer; as obras, quer dicer, o nacimento e a morte”33. El non veu, segundo Clemente, destruír esta orde, as leis naturais actuais, senón as obras da concupiscencia, avareza, amor ao diñeiro, pederastia, ... Por muller entendería a intemperanza. “Porque cando ela dixo, «Eu fixen mellor non ter dado luz un menino», dando a entender que ela non tería direito a dar a luz un fillo, a Señor replicoulle dicindo: «Come de calquera planta, mais non comas daquela que é amarga»34.  Clemente interpreta esta resposta no sentido de que o Señor lle dixo que podía tanto casar como non, e que o matrimonio continúa a obra da criación. Claro que tamén se pode entender no sentido de que faga o que queira, mais que evite o que é amargo, como as preocupacións ligadas á xeración e crianza dos fillos.  

O apóstolo Paulo, manifesta que “En canto aos casados, ordénolles, non eu senón o Señor que a muller non se separe do marido, mais en caso de separarse que non volva a casarse, ou que se reconcilie co marido, e que o marido non despida á súa muller35. Neste caso a muller se se separa do marido, ten dúas alternativas: non casar ou reconciliarse; para o home decreta que non repudie a súa muller, mais, caso de facelo, non se lle prohibe que volva casar. Paulo define a muller pola súa total referencia ao varón e a esta pola súa referencia a Deus e a Cristo. Na súa argumentación incorre en falacias para xustificar a tradición vixente en Israel segundo a cal as mulleres debían rezar cubertas con veu, e que el atribúe á dependencia e inferioridade da muller con respeito ao varón. A muller debe velarse porque, en caso contrario, desonraría o seu marido, mais sen acarretar ningunha xustificación de porqué é así, convertendo este preceito en algo totalmente inmotivado e en expresión irracional de dominio do varón sobre a muller. Como pode constatarse polo texto que imos ver, o razoamento de Paulo reséntese no seu rigor argumental, baseado en simboloxías inconsistentes. “Pois ben, quero que saibades que a cabeza de todo varón é Cristo, e a cabeza da muller, o varón, e a cabeza de Cristo, Deus. Todo varón que reza ou profetiza coa cabeza velada, desonra a súa cabeza, e toda muller que ora ou profetiza coa cabeza descoberta, desonra a súa cabeza; e é como se se rapara. Se unha muller non se cobre, que se rape, e se é indecoroso para unha muller cortarse o pelo ou raparse, que se vele. O varón non debe cubrir a cabeza, porque é imaxe e gloria de Deus; mais a muller é gloria do varón, pois non procede o varón da muller senón a muller do varón; nen foi criado o varón para a muller senón a muller para o varón. Debe, pois, levar a muller o sinal da suxeición por respeito dos anxos. Mais nen a muller sen o varón nen o varón sen a muller no Señor. Porque así como a muller procede do varón, así tamén o varón vén existir pola muller, e todo vén de Deus. Sede vós xuíces: é decoroso que ore a muller descoberta? E non vos ensina a mesma natureza que o varón se aldraxa se deixa medrar a súa cabeleira, mentres que a muller hónrase deixándoa crecer? E que o cabelo foille dado por veu”36. Este texto, profusamente lido nas igrexas, é a expresión teolóxica da misoxinia paulina. Comeza expoñendo unha simboloxía hierárquica de valor decrecente: Deus, Cristo, varón, muller, que pretende desnvolver nos versículos seguintes. O varón ten por cabeza, ou sexa, por chefe ou señor a Cristo, que só pasa a ser chefe da muller mediatamente, ou sexa, por mediación do varón, que é o seu chefe ou señor. A seguir formula toda unha serie de proposicións formalistas e ritualistas totalmente gratuítas e inxustificadas racionalmente. O varón que reza velado desonra a Cristo, mais porqué? Coa muller pasa ao revés, se reza sen velarse desonra ao varón, mais porqué? A desonra non está na vestimenta exterior senón na actitude, e o que se fai con estes preceitos é sacralizar a superioridade dun sexo sobre o outro, marxinando e desprezando a meia humanidade. O varón é imaxe de Deus, o cal significa que só el e non a muller foi criado a imaxe e semellanza do criador, normalmente imaxinado como un respeitábel varón nalgunhas representacións plásticas. O varón é un ser que está máis próximo, máis cercán a Deus, ao que pode dirixirse directamente, mentres que a muller só pode facelo humillándose ante o varón, e poñendo como sinal de humillación o veu. Para Paulo a muller procede do varón e foi criada como axuda para o varón. A palabra procede pode referirse ao mito da costela de Adán da que ela sería feita, segundo o mito da criación, ou á procedencia biolóxica individual. Neste último caso, expresaría Paula aludiría Paulo á errónea teoría da medicina antiga que consideraba a concepción so o simil semente-terra, a primeira acarretada polo varón, e a terra pola muller. Neste caso, a muller só cumpre o papel de criar o que sementa o varón. Aconclusión de Paulo, é que a muller debe velarse en sinal de suxeición ao seu marido, e esta foi a práctica eclesiástica ao longo da historia, e as nosas mais e avoas velábanse todas, tal como aínda hoxe fan as islamistas, neste caso, tamén fóra do ámbito eclesial. A resposta ás conclusións que formula son unha negación categórica a que pretenda o apóstolo pasar por algo natural o que non é máis que misoxinia enfermiza. O cabelo non surxiu para facer de veu nen para o home nen para a muller, aínda que si é certo que o varón ten moita máis calvicie que a muller como consecuencia da maior influencia das hormonas masculinas, en concreto da testosterona.  Embora o home sexa superior á muller, os dous forman un complemento, xa que a muller foi criada a partir do varón, mais é tamén quen o enxendra. 

A muller non pode falar na Igrexa. "Como en todas as igrexas dos santos, as mulleres cálense nas asembleas, porque non lle toca a elas falar senón vivir suxeitas como di a Lei. Se queren aprender algo, que na casa pergunten aos seus maridos, porque non é decoroso para a muller falar na igrexa37. Paulo prohíbelle que as mulleres falen en todas as igrexas fundadas por el, en base a que deben viver suxeitas e iso, segundo el, impédelles falar. Só lles queda como vía alternativa, perguntar na casa aos maridos, ou sexa, instruírse por intermediario e non directamente, como persoas subordinadas que son. Manifesta que é indecoroso que falen mais non alega razón ningunha que o xustifique.

Na Carta aos Efesios, repite Paulo estas ideas misóxinas e prega a submisión unilateral e non recíproca que as mulleres deben prestar aos homes. “As casadas estexan suxeitas aos seus maridos como ao Señor, porque o marido é cabeza da muller e salvador do seu corpo. E como a Igrexa está suxeita a Cristo, así as mulleres aos seus maridos en todo”38. O trato que o Apóstolo estipula para o home-muller é a dun superior a respeito do inferior, no cal este debe amostrar submisión e obediencia e o supeior, paternalismo, benevolencia39, e discreción como se dun obxecto fráxil se tratase, como di expresamente o Apóstolo Pedro40. Como debe entenderse que a home é salvador da muller? Se é de carácter espiritual, cal sería exactamente? Debe entenderse no sentido de que, como a muller está condenada a buscar ao marido, satisfai as súas pulsións sexuais? Na primeira carta ao seu discípulo Timoteo amóstrase tallante: “A muller aprenda en silencio con plena submisión. Non consinto que a muller ensine nen domine ao marido, senón que se manteña en silencio, pois primeiro foi formado Adán, despois Eva e non foi seducido Adán, senón Eva, que, seducida, incorreu na transgresión”41.

O Evanxello de María Magdalena, escrito no século II, de autor descoñecido, revela unha visión e un diálogo que tivo con Xesús, testemuño cuestionado por Andrés e por Pedro, que interrogou os discípulos acerca do Salvador: “«Falou con unha muller sen que o saibamos, e non manifestamente, de modo que debamos volvernos e escoitala? É que a preferiu a ela sobre nós?». Entón María botouse a chorar e dixo a Pedro: «Pedro, meu irmán, que pensas? Supós acaso que eu reflexionei estas cousas por min mesma ou que minto respeito ao Salvador?» Entón Leví Leví falou e dixo a Pedro: «Pedro, sempre foches impulsivo. Agora véxote exercitándote contra unha muller como se fose un adversario. Porén, se o Salvador a fixo digna, quen es ti para rexeitala? Ben é certo que o Salvador a coñece e por iso a amou máis que a nós. Mais ben, pois, envergoñémonos e revistámonos do home perfeito, partamos tal como nolo ordenou e preguemos o evanxello, sen estabelecer outro preceito nen outra lei fóra do que dixo o Salvador42. Neste Evanxello tanto Andrés como Pedro son presentados con ares de superioridade sobre as mulleres, que serían pouco pouco fiábeis e de pouca credibilidade en comparación cos varóns. Cumpre destacar tamén o grande amor que sentía Xesús por María Magdalena, que Leví supón que era de todos coñecido, e que algúns entenden que tivo tamén natureza sexual.

O Ambrosiastro ou Pseudo Ambrosio, é o autor dun libro escrito arredor do ano 400 e atribuído falsamente a Santo Ambrosio, no que o seu autor comenta as epistolas de Paulo, reflite unha ideoloxía fortemente misóxina. Comentando a carta de San Paulo, I Tim. 3, 11 que di que “tamén as mulleres deben ser honorábeis, non intrigantes, sobrias e en todo fieis”, intenta deixar claro que a muller é desigual ao home e que non hai xustificación nas escrituras para que elas sexan ordenadas diáconos, porque na praxe eclesial somente foron ordenados homes. “Porque o apóstolo quere somente que un santo bispo sexa criado, así como un diácono, non quere por esta razón que a xente sexa diferente. Por ese motivo el quere tamén que as mulleres que son manifestamente inferiores, sexan sen falta, en aras de que a Igrexa de Deus sexa pura. Mais os catafrixios, caíndo no erro, argumentan con vá presunción que, porque o apóstolo, após dirixirse aos diáconos, fala ás mulleres, elas poden ser ordenadas como diáconos, aínda que eles saben que os apóstolos escolleron sete varóns diáconos. Porque non había alí a esa altura unha soa muller pronta a ser elexida, porque sob os once apóstolos lemos que había mulleres santas? Os herexes de igual modo queren apoiar a súa intención con palabras da lei, máis ben que o seu sentido. Isto é porque, a través das palabras do apóstolo eles tentan contradicer o sentido do apóstolo. E aínda que el ordena á muller guardar silencio na igrexa, eles polo contrario intentan reivindicar a autoridade do seu ministerio”. Os catafrixios identifícanse cos montanistas, grupo milenarista fundado polo frixio Montano (s. II).

Declara o Ambrosiastro no mesmo libro que os direitos dos homes e das mulleres non son iguais, a propósito do seu comentario a I Cor. 7, 10-11, texto no que Paulo ordena que a muller non se separe do marido e, de facelo, que non volva casar, isto aínda no caso de que o marido teña unha conduta impropria e infiel con ela, mentres que o varón si pode volver casar, pola simple razón que a lei así llo permite por ser cabeza da muller. Di o Pseudo Ambrosio: “«Unha muller non abandone o seu marido. Se ela o abandonou, non volva casar». Este é o consello do apóstolo, que, se ela abandonou o seu marido a causa da súa má conduta, permaneza solteira. «Ou debe reconciliarse co marido». En caso de que non poida controlarse a si mesma, porque non quere loitar contra a carne, debe reconciliarse co seu marido, porque non está permitido á muller casar (de novo) se ela se divorciou do seu marido a causa da (súa, del) fornicación ou apostasía. Porén se o home apostasiou, ou procura cambiar o uso da súa muller, a muller non pode casar con outro home nen retornar con el. «E o marido non debe repudiar a súa muller». Ha de entenderse non obstante salvo en caso de adulterio. E por ese motivo o Apóstolo non acrecenta, como no caso da muller, que el debe permanecer como el está cando se divorciou dela. Porque a un home élle permitido tomar unha (nova) muller se el se divorciou da muller (anterior) que pecou visto que un home non está coartado pola lei como está a muller; porque o marido é a cabeza da súa muller”. Por tanto, se ela abandona o seu marido porque el lle foi infiel non pode volver casar, e debe ficar solteira ou volver co seu marido. Se o home apsotasiou ou busca outra muller, esta non pode nen casar de novo nen volver con el. Se el repudia a súa muller pode volver casar de novo, coa xustificación insensata de que o home é cabeza da muller.
No comentario a 1 Cor 14, 34, declara que as mulleres non son imaxes de Deus, que é exclusivo do varón, que se parece máis a Deus que é concebido tamén como un varón magnificado. “As mulleres debe cobrir a súa cabeza porque non son a imaxe de Deus. Elas deben facer isto como un sinal da súa suxeición á autoridade e porque o pecado veu ao mundo a través da muller. As súas cabezas deben ser cobertas na igrexa en orde a honrar o bispo. Do mesmo modo elas non teñen autorización para falar porque o bispo é a personificación de Cristo. Elas deben obrar así perante o bispo como perante Cristo, o xuíz, visto que o bispo é o representante do Señor. A causa do pecado orixinal elas deben mostrarse submisas”43. Como podemos observar, con estes textos non se pode fundamentar máis que unha teoloxía da muller de carácter misóxino. Só interpretando estes libros como libros históricos que expresan un sentir doutros tempos e sensibilidades e que cumpre superar, se pode facer unha verdadeira teoloxía da muller e non unha mistificación dos seus direitos para manter a desigualdade co varón. Esta interpretación histórica debe estenderse a todos os libros da Biblia, incluídos os mesmos evanxellos, e non vale dicer que o que dixo Xesús é intocábel pois Xesús non quixo unha Igrexa de poder e de ricos, como é actualmente a Igrexa, sempre en connivencia co poder político e firme apoio dos partidos máis escoradas cara á direita e defensores do capital frente aos traballadores e á masa social, e na que parece que somente un se salva se pertence a asociacións elitistas como o Opus Dei, Comuñón e Libertación, Lexionarios de Cristo, etc. que son quen controlan neste momento o devir eclesial en países como o noso. Xesús quixo, creo que inxenua e irresponsabelmente,  unha Igrexa e uns crentes que non se preocupasen polo mañá, e saiulle unha Igrexa que inclusive se atreve a inmatricular ao seu nome a Mesquita de Córdoba, edificada polos seus competidores islamistas, e na que ela non puxo un céntimo, gozando si do seu usufruto durante séculos sen pagar nada e agora erixe ese usufruto como pretensión de direito de propriedade. Xesús adoutrinou aos seus discípulos na oración íntima e persoal, e saiulle unha Igrexa que condena ás trevas do Inferno a quen non vaia á misa os domingos ou non comungue por Pascua florida. Xesús criou unha Igrexa horizontal e igualitaria e mudáronlle o invento para convertela na institución máis vertical e absorvente que existe nos nosos días. A Xesús nunca se lle pasou pola mente que nen el nen nengún dos seus apóstolos fosen infalíbeis e non obstante a Igrexa impulsou a doutrina da infalifilidade papal, sen o máis mínimo apoio nas Escrituras, que supón un insulto á intelixencia da cidadanía e que nengún católico sensato se atreve a defender sen poñer o pano diante do nariz. A Igrexa definiu igualmente sen apoio nengún das Escrituras a inenarrancia bíblica, ou sexa, a doutrina que sustén que todas as proposicións das Escrituras son infalibelmente verdadeias, a pesar de que están cheias de erros e contradicións. Xesús cría na parusía imediata, antes de finalizar a súa xeración, que propiciou que moitos cristiáns vendesen as súas propiedades na expectativa dunha apocalipse inminente, que non se produciu após xa unhas oitenta xeracións, calculando a razón de catro xeracións por século, con unha duración media de 20 anos, nin se espera que se produza como el afirmou e nun próximo futuro. A ciencia atrasa ese final a uns catro mil quiñentos millóns de anos e por causas naturais, por terminarse o combustíbel do forno do sol. A Igrexa ten que iniciar un proceso de deconstrución dunha parte importante do camiño andado e substituílo por unha nova reinterpretación da realidade para dotarse de credibilidade.

Agostiño de Hipona defende que a muller foi feita corporalmente para o varón e, se ben teñen igual natureza racional, en canto ao sexo do corpo debe estar submetida ao sexo masculino, como a razón, representada polo varón, debe gobernar ao apetito, representado pola muller. Con igual direito que todas estas vacuas afirmacións se poden proferir as contrarias. “Mais, como na súa alma (na do home) unha cousa é o que domina consultando e outra o que se submete obedecendo, así foi feita tamén corporalmente a muller para o varón, a cal aínda que tivese na mente da intelixencia racional igual natureza que este, non obstante en canto ao sexo do corpo estiver submetida ao sexo masculino, como o está submetido o apetito da acción á habilidade da deliberación da mente de conceber as regras de obrar rectamente44.

O Decreto de Graciano, xurista bolonés do século XII, vén ser un compendio de toda a misoxinia da Igrexa, inclusive con conceitos eu diría que ofensivos para o sexo feminino, e que deberían estar proscritos. Ao expoñer esta temática non se trata de estar ou non a favor da Igrexa, senón estar a favor da razón, da sensatez, da ciencia e dos direitos humanos, e non de textos adaptados para outras épocas e para outra sensibilidade moral. Muller significa debilidade de mente, mentres que varón significa fortaleza de alma. “Mais se alguen obxectase que non lle está permitido a un marido máis que a unha muller, se o marido da mesma maneira é infiel, saiba que Ambrosio non lle chama «varón» en consideración ao seu sexo, senón pola fortaleza da alma, e advirta que muller non é denominada así por causa do sexo do seu corpo senón pola debilidade da súa mente45.

No texto que inserimos a seguir, recóllese o misoxinismo de Agostiño en Números, cuestión 59 e no Xénesis, cuestión 153, nunha argumentación desordenada e confusa, na que distingue, por unha parte, os votos de abstinencia e por outra parte os de continencia. A respeito dos primeiros a muller está so o dominio do varón, mentres que nos de continencia ten que haber igualdade. Os primeiros non poden ser cumpridos pola muller se o marido os prohibe aínda que antes os tiver permitido. Os de continencia, se se fan con autorización do partenaire, non se poden anular despois por este. Introduce a noción de pecado do varón, ao que pertencería a muller, o cal significa que está ligado a el polas súas faltas, e se el actúa incorrectamente, mudando volubelmente de parecer, isto non lle dá autorización a ela para safarse da súa autoridade. “É manifesto que de tal modo a Lei quixo que a muller estiver so o varón, que ningún dos seus votos que prometeu por causa de abstinencia, sexan cumpridos por ela a non ser que o varón o permita. Pois dado que tivo querido pertencer ao pecado do seu varón, se (este) primeiramente tivese permitido, e despois tivese prohibido tamén porén non dixo, que faga a muller o que prometera, porque lle fora permitido antes polo varón. Dixo que era pecado do varón, porque rexeitou o que antes concedera, porén por isto lle deu permiso á muller, para que sexa desprezado por terlle permitido antes, se despois llo tivese prohibido. ... Das premisas resulta  que nos votos de continencia nen a muller sen o consentimento do varón, nen o varón sen o consentimento da muller, se pode facer a Deus. Porén se con permiso do outro deles se tivese prometido polo outro, e se despois tivese querido anular o que permitiu, non vale non obstante, porque no débito conxugal tanto a muller ten potestade sobre o varón, como o varón da muller; e por tanto, se calquera deles tivese desligado ao outro do seu direito, non poderá devolvelo á pasada servidume. Mais dado que no restante o varón é cabeza da muller, e a muller o corpo do varón, así os votos de abstinencia se o varón o permite a muller pode prometer, mais non obstante se o outro o prohibe, non se pode cumprir o prometido, e isto, como dixemos, a causa da servidume, polo que debe estar submetida en todo ao varón46.

No capítulo 12, atribúe a debilidade da muller á mesma natureza: “Pertence á orde natural nos homes que as mulleres sirvan aos varóns, e os fillos aos pais, porque neles a xustiza consiste en que o menor sirva o maior47.

Somente o home é imaxe de Deus. “Esta imaxe de Deus está no home, de modo que unha vez criado del surxiron todos os demais, ten o mandado de Deus, case vicario del, porque ten a imaxe do único Deus, mais a muller non foi feita á imaxe de Deus. Así pois di: «E fixo Deus ao home; fíxoo a imaxe de Deus». A este respeito tamén o apóstolo: «O varón certamente», dixo,  non debe velar a cabeza, porque é imaxe e gloria de Deus; a muller por tanto vélase, porque non é gloria ou imaxe de Deus”48.

Os direitos do home e da muller son totalmente asimétricos. “De aquí aparece suficientemente claro, como a lei quixo que as mulleres sexan subditas do varón, e as esposas case servas, cando estatuíu que o varón testemuñase contra a esposa, e en consecuencia for lapidada, se isto se demostrase ser verdadeiro; el non obstante á súa vez non se lapida, se isto se demostrase ser falso; senón que somente é castigado49.

Na capítulo 15 deste mesmo Decreto recolle a concepción de Xerome na súa epístola a Tito, cap. 2: “Dado que a cabeza da muller é o varón, e a cabeza do varón, Cristo, calquera muller que non se submete ao marido, isto é á súa cabeza, é rea do mesmo crime, do que é o varón, se non se submete á súa cabeza. Pois a Palabra de Deus é ultraxada, quer cando se despreza a primeira sentenza de Deus, e se reduce a nada, quer cando se infama o evanxello, cando aquela, que é cristiá, contra a lei da natureza e a fe, desexa mandar sobre o varón, cando inclusive as mulleres dos xentíos serven aos seus varóns por común lei da natureza”50.

Na capítulo 16, recolle o sentir de Agostiño “A decisión do marido cumpre que a siga a muller en todos os aspectos. Do mesmo modo Agostino nas Cuestións de Números, (q. 59). Non quixo a lei que se prometa algo a Deus contra o seu espírito, de tal modo que a autoridade da muller valla na abstinencia de algunhas cousas lícitas e permitidas nos mesmos votos da muller, senón a do varón. Así, aínda que o pai concedera á solteira cumprir votos, se antes que os tivese cumprido casou, e ao seu varón, coñecido isto, non lle agradar, non os cumpra, e isto sen cometer pecado porque Deus purificouna, como di, isto é xulgonuna limpa. Nen cumpre xulgar que isto se fixo contra Deus, cando o mesmo Deus tivese mandado, que isto se tiver querido51.

No capítulo 17 recolle o parecer de Ambrosio sobre a potestade do home sobre a muller. “A muller non ten potestade nengunha senón que está en todas as cousas so a potestade do varón. Así Ambrosio no libro das cuestións do Antigo Testamento. (q. 44)Consta que a muller está suxeita so o dominio do varón, e non ter nengunha autoridade, nen pode ensinar, nen ser testemuña, nen dar a súa palabra, nen xulgar52.

No Exameron, de Ambrosio de Mián, recollense as homilias pronunciadas na Semana Santa de 387, e na correspondente ao cuarto día di: “Adán foi enganado por Eva, non Eva por Adán. Quen chamou á culpa a muller, é xusto que a tome no seu goberno, para que non sexa posto de novo en perigo pola debilidade da muller”53.

No capítulo XIX recolle o parecer de Ambrosio sobre a I Carta aos Cointios, ca. 2: “A muller debe velar a cabeza porque non é imaxe de Deus. Senón que para que se mostre suxeita, e porque a prevaricación foi comezada por ela, debe ter este sinal, na igrexa por reverencia ao bispo non debe ter a cabeza descoberta, senón coberta cun veu, non teña a potestade de falar porque o bispo ten a persoa de Cristo. Case pois ante o xuíz Cristo, así estexa ante o bispo, porque é o vicario de Deus, a causa do pecado orixinal debe ser vista como submetida”54.

Tomás de Aquino xustificaba a súa inferioridade con respeito ao varón no fútil argumento de que foi criada a partir deste, e xa no estado de inocencia era máis imperfeita que o varón, quer con respeito ao corpo como con respeito á alma. O seu submetimento ao varón non é servil, como o dos escravos senón económico ou civil, xa existente antes do pecado, un estado polo que o señor emprega os súbditos para utilidade e benestar destes. Non haberia organización da sociedade se uns súbditos non fosen gobernados por outros máis sabios, “Este é o submetimento  con o que a muller, por natureza, foi posta so o marido; porque a mesma natureza deu ao marido máis discernimento55. A función da muller redúcese a axudar ao marido no tocante á reprodución.  “Foi necesaria a criación da muller, como di a Escritura, para axudar ao varón, non nalgunha outra cousa calquera como sustiveron algúns, xa que para outras obras podían prestarlle maior axuda os outros homes, senón para axudarlle na xeración56. A muller foi feita do varón por catro razóns: a) para dar maior dignidade ao primeiro home, que sendo imaxe de Deus, fose principio de toda a súa especie. b) para que o home amase máis á súa muller e se unise máis estreitamente a ela, por ter sido feita del. c) porque o home e a muller se unen non só para a procriación senón para formar un fogar no que hai outras operacións do marido e da muller, e no que o home fose cabeza da muller. d) porque por isto signifícase que o cabeza da Igrexa é Cristo57. Seguindo a Aristóteles e á medicina antiga, afirma Tomás que a “potencia xenerativa activa dos animais perfeitos reside no sexo masculino e a  pasiva no feminino58. Por tanto, o varón é quen dá e a muller é quen recebe. “A muller é algo imperfeito e ocasional. Porque a potencia activa reside no semen do varón tende a producir algo semellante a si mesmo no xénero masculino. Que naza muller débese á debilidade da potencia activa, ou ben á má disposición da materia, ou tamén a algún cambio producido por un axente extrínseco como, por exemplo, os ventos austrais que son humidos59.
Na tentación polo demo, a muller actuou como instrumento para facer cair ao varón, pr ser máis débil que este, e, por iso era máis fácil seducila. O demo actuaba como axente principal e a muller como axente de tentación. “Puesto que ela era máis débil que o varón, podía ser seducida máis facilmente. E pola súa unión ao varón era o mellor instrimento para facelo caír60.  Ollar para as mulleres pode ordenarse a algo malsán, como é o desexalas. Poñer empeño no coñecimento sensíbel pode ser vicioso, “se se dirixe a algo mau, como ollar unha muller para desexala”61. A sobriedade é sumamente necesaria nos mozos e nas mulleres. Nestas “porque non teñen o suficiente vigor mental para resistir a concupiscencia62. Contrariamente ao que pasa no varón, nela non se dá o suficiente vigor mental ou sensatez para resistir as tentacións, a concupiscencia, e, por iso, ten que ser protexida e dominada polo varón.
 
O papa Francisco afirmou que hai que elaborar unha teoloxía da muller, o cal en principio está moi ben, sempre que se logre facer desprendéndose destes textos, expresión escrita do misoxinismo tradicional xudeo-critián. En caso contrario, é mellor que fiquen quietos, porque van criar aínda máis decepción. Debemos ter presente que non hai texto bíblico ou patrístico que non rezume misoxinia por todas partes, e a Igrexa, creo que desacertadamente, inspírase só nas Escrituras e da tradición vivente da Igrexa, que, neste caso, é tradición morta e ben sepultada. É un anacronismo que non se teña en conta a espiritualidade dos tempos posteriores, que si poderían fornecer uns alicerces sólidos para unha reflexión sobre a muller. Deséxolle que teña éxito, aínda que a miña actitude a este respeito é de franco pesimismo.









1.  Lev. 11, 5-6.
2. II Tim. 3,16.
3.  Xe. 3,16)
4.   Xe. 3,17
5.  Eclo. 25, 28-30.
6.  Eclo. 9,2.
7.  Lev. 12, 2-5.
8.  Lev. 15, 19
9.  Eclo. 22, 3
10.  Eclo. 25, 19. 23. 26
11.  Prov. 5, 3
12.  Prov. 6, 25)
13.  Prov. 7, 5
14.  Prov. 7, 10-19
15.  Eclo. 23, 21-37)
16.  Eclo. 9, 3-9)
17.  Nu. 30, 4-14
18.  Nu. 27, 8
19.  Dt. 24, 1
20.  Dt. 24, 4
21.  Lev. 21, 7. Cf. Lev.  21, 14
22.  Ez. 44, 22
23.  Dt. 22, 19
24.  Dt. 22, 21
25.  Dt. 22, 29
26.  Ml. 2, 16
27.  Mt. 5, 32; Cf. Lc. 16, 19
28.  Mc. 10, 5
29.  FLAVIO XOSEFO, Guerras dos xudeus, Lib. II, cap. VIII, 119.
30.  FILÓN DE ALEXANDRÍA, Hipotéticas (Apoloxía en prol dos xudeus), 11.14
31.  FLAVIO XOSEFO, Guerras dos xudeus, Lib. II, cap. VIII, 160.
32.  CLEMENTE DE ALEXANDRÍA, Stromata, Lib. III, cap. VI, 45.
33.  CLEMENTE DE ALEXANDRÍA, Stromata, Lib. III, cap. IX, 63.  
34.  CLEMENTE DE ALEXANDRÍA, Stromata, Lib. III, cap. IX, 66.
35.  I Cor. 7, 10-11
36.  I Cor. 11, 3-15
37.  I Cor. 14, 34-35
38.  Ef. 5, 22-24
39.  Col. 3,18-19
40.  I Ped. 3, 1-17
41.  I Tim. 2, 11-14
42.  Evanxello de María Magdalena, 17-18.
43.  MIGNE, Patres Latini, 17, 245.
44. Agostiño de Hipona, Confesións, Lib. XIII, 32, 47.
45.  Decretum Gratiani, Causa 32, questio VII, cap. 18.
46.  Decretum Gratiani, Causa XXXIII, questio V, IV Parte, c 11
47.  Decretum Gratiani, Causa XXXIII, questio V, IV Parte, c 12
48.  Decretum Gratiani, Causa XXXIII, questio V, IV Parte, c 13
49.  Decretum Gratiani, Causa XXXIII, questio V, IV Parte, c 14
50.  Decretum Gratiani, Causa XXXIII, questio V, IV Parte, c 15
51.  Decretum Gratiani, Causa XXXIII, questio V, IV Parte, c 16.
52.  Decretum Gratiani, Causa XXXIII, questio V, IV Parte, c 17
53.  Decretum Gratiani, Causa XXXIII, questio V, IV Parte, c 18
54.  Decretum Gratiani, Causa XXXIII, questio V, IV Parte, c 19
55. S.T., I q. 92, art. 1 ad 2
56.  S.T. I, q. 92,art. 1c.
57.  S.T., I, q. 92, 2
58.  S.T., I, q. 92, art. 1c.
59.  S.T., I, q. 92, art. 1 ad 1
60.  S.T., II-II, q. 165, art. 2, ad 1
61.  S.T., II-II, q. 167 2c
62.  S.T., II-II, 149, 4c

No hay comentarios:

Publicar un comentario