A palabra soberanía significa poder último, decisorio, supremo. A Constitución Española di no artigo 1.2, que “a soberanía nacional reside no pobo español, do que emanan todos os poderes do Estado”. Por conseguinte, o suxeito da soberanía é o pobo español e desa soberanía popular emanan todos os poderes do Estado, ou sexa, o poder legislativo, que reside nas Cortes Xerais; o poder ejecutivo, residenciado no Goberno; e poder judicial, exercido polos Trinunais de Xustiza. Deles, teoricamente o máis importante, é o Poder Lexislativo, que é quen representa ao teórico protagonista da soberanía, quer dicir, ao pobo español. O Rei é o Xefe do Estado, símbolo da súa unidade e permanencia, e embora non é un dos poderes clásicos do Estado, ten un poder moderador e representativo, que emana tamén da soberanía do pobo español, que é quen, na constitución e nas leis, o define e estabelece as súas competencias. A soberanía residenciada no pobo español non pode lexitimamente ser cerceada nin limitada por ningún órgao do Estado nin ser cedida, compartida nin delegada sen a súa previa aprobación e consentimento, e nunca debería facerse sen esta e unicamente para preservar o interese nacional, como pode ser a pertenza a unha comunidade máis ampla en beneficio propio, como é o caso da UE. Proceder doutra maneira, retrotraeríanos á constitucións española pasadas nas que o rei ostentaba a cosoberanía coas Cortes, como por exemplo, na Constitución de 1876. Esta é a situación «de iure», mais outra cousa é a «de facto», que, como veremos, fixo que a soberanía fose esmorecendo até chegar a ser un esperpento de si mesma..
Estabelecido o anterior, sorprende que o Presidente das Cortes, Jesús Posada, pretenda limitar as perguntas que poden formular os parlamentarios, representantes do pobo español, que serán limitadas ás que “afectan directamente al Gobierno y de no tramitar las que se refieren a asuntos que exceden de sus competencias”, pretendendo deste xeito abortar as perguntas incómodas, como as que se refiren á princesa Corina ou similares, por temor a molestar ao Rei. Estabelecido este criterio restritivo, nin sequera se podería preguntar ao goberno sobre a folga dunha empresa ou a unha catástrofe natural, por máis gravosa que poida ser para a economía estatal, porque sempre se podería alegar que non lle afecta «directamente» ao Goberno. Tamén sorprende a noticia publicada estes días na imprensa na que se informa de que o goberno leva dous meses negociando co Rei como debe aparecer na lei de transparencia, o cal significa que un dos poderes do Estado, obrigado a preservar íntegra a soberanía popular, renuncia a defendela e «negocia», dun xeito opaco, con un dos órgaos que están submetidos a esa soberanía, a cambio de nada e despois do mal exemplo que vén dando o Rei e familia ao pobo español. Sorprende tamén que un xefe de goberno autonómico, como Ignacio González, pretenda limitar a liberdade de expresión, prerrequisito da liberdade e da democracia, e, consecuentemente da soberanía, por teren publicado os medios de comunicación fotos de Feijoo co narcotraficante Dorado, porque se a foto transmite algo indigno, a indignidade non está na foto senón no feito a que alude a foto, que os protagonistas poderían ter evitado. Non é a mensaxe a que é delitiva senón as condutas que a mensaxe transmite.
A soberanía económica esvaiuse, xa que a esta altura está residenciada na Alemaña de Merkel, que é quen estabelece o programa de goberno de Rajoy, que lle promete aos cidadáns «soberanos» no seu conxunto, que vai defender un programa e aplica outro totalmente distinto en contra do sentir común do soberano, e inclusive manifesta que non está cumprindo co seu programa, mais si co seu deber, que non parece ser outro que contentar a Merkel, e non responder ante os responsábeis de outorgar maiorías nas eleccións, que é o pobo español. Tamén está comprometida a soberanía económica polo condicionamento que está exercendo o sistema financeiro sobre as políticas gobernamentais, en contra de sectores estafados por ese sistema precisamente, como os das preferentes e subordinadas e os despexados das súas vivendas, que teñen que contribuír cos seus impostos a salvar a banca que se fundiu pola súa miopía, espoliación e incompetencia, e en contra do sentir maioritario da xustiza do «soberano». Se a isto unimos a inxente corrupción a todos os niveis suportada polos cidadáns a mans dos partidos políticos maioritarios, axentes económicos, representantes empresariais, órgaos xurisdicionais, que están a esquilmar a riqueza do país en beneficio propio e en contra dos intereses do pobo soberano, ao que se lle reserva o rol de ser expropiado nos seus bens e riquezas en beneficio dos espoliadores, ben podemos constatar a que fica reducida a susodita soberanía popular neste eido.
A soberanía económica tamén está condicionada polos mercados, aos que os gobernos se vén obrigados a acudir para corrixir os erros dunha política irresponsábel que os levou a endebedarse por acima da súa capacidade para facer frente aos pagamentos dos xuros e da débeda contraídos, sen cair nunha espiral de endebedamento progresivo ou de políticas traumáticas que inciden negativamente no seu benestar. Esta política irresponsábel converte os países en marionetas do sistema financeiro internacional e dos seus voraces especuladores, e aos cidadáns en «paganos» desa irresponsabilidade.
Esfuminada a soberanía económica, todas as demais son un arremedo, aínda que subsiste un certo campo de acción. A soberanía política limítase en casos como os aludidos de negociacións co Rei para transaccionar con el como debe figurar na lei de transparencia. Tamén, como sospeita moita xente, pola suposta intervención gobernamental, por medio do ministerio fiscal, para parar a imputación da filla do Rei, en contra do sentir xeral, que considera que é vergoñento que se impute á esposa de Diego Torres e non á infanta Cristina, en idéntica situación procesual, adubada esta oposición coa declaración impertinente do ministerio fiscal ouse alegar que imputala sería unha discriminación, eliminando deste feito a igualdade universal da xustiza, e reservando zonas de privilexio e exclusión. Algúns membros do goberno afirman que a imputación prexudica a marca España, confundindo as causas cos efectos, pois quen prexudica a marca España son as condutas de apropiación do público en beneficio propio e non que se aplique unha xustiza igualitaria para todos, aínda que iso obrigase a que tamén o Rei sentase no banco dos acusados, como pasou en Israel fai pouco tempo co seu Xefe de Estado. O que prexudica a marca España é que se converta nunha madrasta para os seus fillos e non lles permita vivir e traballar na súa terra; facéndoo así, sobrarían campañas propagandísticas a este respecto, porque o pobo español sería quen a publicitaría ante o mundo. A marca España non se promove tapando o lixo coa alfombra, senón limpándoo e eliminando aos aproveitados.
A soberanía cultural e lingüística tamén está seriamente afectada polo «papanatismo» de introducir unha situación de diglosia do idioma español a respecto do inglés, e non digamos xa das linguas das comunidades como Euskadi, Galiza e Catalunya, que simplemente se tenta eliminar, en contra do que estabelece o artigo 3 da CE a respecto das diversas linguas do Estado, que deben ser protexidas para procurar normalizar o seu uso, á par do español. Está moi ben coñecer idiomas, o inglés entre outros, mais a elección destes idiomas foráneos é sempre algo coxuntural. Se hoxe é o inglés, mañá pode ser o chinés, mentres que o idioma propio é o que cohesiona as comunidades e debe sempre ser considerado algo estratéxico, prioritario, fundamental. É cuestión de autoestima, de sensibilidade e de dignidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario