![]() |
Traslación Apóstolo 2013 |
Cando un le a Invocación do Delegado rexio ao Apóstolo Santiago do día 30/12/2013, non pode deixar de ficar surprendido pola profundidade das ideias que nela se verten. É unha invocación en galego e español, como debe ser nunha comunidade que ten grande autoestima de si, liderada por uns gobernantes amantes a dicir basta da nosa identidade colectiva, que deben deixar claro que non están contaminados polos valores do ideario nacionalista.
Comeza perguntándose o citado Delegado, “que hubiera sido de estas tierras proximas ─tierras de Compostela y de Galicia, tierras espanolas y europeas─ si tu barca no hubiera arribado a ellas”. Xa se presupón a resposta: nada ou case nada. O cal é confirmado polos factos do que pasa coas terras que non tiveron a inmensa fortuna de ser favorecidas pola presenza do cadáver do Santo Patrón ou que están afastadas do seu influxo espiritual que, a modo de círculos concéntricos, irradia desde este epicentro cósmico para o resto do mundo. Que é hoxe Holanda? ou Bélxica, Alemaña, Suiza, Catalunya, Euskalherría, ...? Algúns discuten se o corpo do Apóstolo está aquí ou non, mais eu creo que isto son gañas de amolar, alén de ser totalmente indiferente e secundario, porque se non está o seu corpo físico, si que está o seu corpo espiritual, que tamén o ten aínda que pareza unha contradición nos termos, e sobre todo o seu espírito, chamada a redimirnos da situación de crise na que nos encontramos. Estas terras son terras españolas e europeas, afirmou, seguramente porque as casas da costa foron compradas polos forasteiros españois acomodados cando se inteiraron, a raíz do Prestixe, que aquí había boas praias, e as do interior polos británicos e alemáns que queren pasar aquí os seus últimos días da súa vida ao calor do influxo apostólico. Por tanto, o noso ser débese a que o Apóstolo chegou aquí nunha barca, que o Delegado non aclarou, por subentenderse, que foi nunha barca de pedra para que non fose zarandeada polos ventos de Levante nos días crus do inverno.
A continuación obséquialle, dun xeito breve e terminante, a solución aos que foron vítimas da tranxedia de Angrois, e dalle nos narices aos políticos que pedían comisións de investigación para saber cales foron as causas do accidente, pois non se inteiraron que foi produto das fatalidades, “como la del tren Alvia”. Espero que ninguén me negará que o oferente rexio gozaba dun saber sobrehumano que somente se pode entender se for inspirado polos vates, coa axuda, naturalmente do noso divino protector. Ollade que equivocado estaba eu que pensaba que accidentes deste tipo teñen como protagonista unha causa humana, que ten que ser responsábel ante a sociedade e as propias vítimas de que semellantes dislates non se produzan, que é quen debe responder ante a xustiza e os propios afectados. Agora xa ficou meridianamente claro que foi esa entidade intanxíbel e invisíbel que se chama fatalidade. O Apóstolo Santiago ao ouvir semellante ideia iluminadora nun primeiro momento rebuliu de gozo no seu sarcófago porque quedou claro que, nin el nin o seu amigo e representado, tiñan nada que ver con semellantes traxedias, aínda que a seguir deuse conta que iso podería levar a que a xente chegase a dubidar do inmenso poder e influencia del e do seu chefe para poder cambiar o curso das cousas ad libitum, mais consolouse pensando que non se pode ter todo nin nesta nin na outra vida.
Implora que “la solidaridad se propague y se manifieste discretamente en la vida cotidiana de todos los pueblos y ciudades del pais, pueblos y ciudades en los que tantas mujeres y hombres en dificultades agradecen la mirada humana y la mano tendida de sus semejantes”. Cando finou esta petición o Apóstolo indignouse porque se esqueceu de dicer que o pai dese espírito fora el e que se os de Angrois mostraron esa solidariedade se debe precisamente ao seu benéfico influxo sobre homes e pobos, aínda que tamén se confortou pensando que ficou ben asentado que a solidariedade é filla del e non ten nada que ver coas decisións que poida tomar un goberno, por moi democrático e lexítimo que sexa, para promover leis que corrixan as desigualdades sociais.
Pédelle tamén ao noso Santo protector que se propague o espírito que fixo do Camiño cara a Compostela un “espiritu de encuentro; de comprension y armonia; de entendimiento y dialogo sinceros; de fructifera convivencia en libertad y de rica diversidad y pluralidad; de solidaridad y de ayuda a los mas necesitados”. Que contento quedou Rajoy ao ouvir isto! O diálogo non é cousa dos políticos senón do noso benéfico Patrón das Españas, que ben sabe o que ten que facer e, por outra parte está da man do PP, faltaría máis despois do que ten feito para favorecelo na lei Wert e na lei do aborto!, que el defendeu a capa e espada.
Aclara que “en esta catedral compostelana se celebran las buenas noticias que afectan a cualquier parte y al conjunto de nuestra Comunidad Autonoma”. Porque está claro que un representante do poder “laico” estatal debe asentar que o que realmente xunta aos galegos é a Santa Catedral, onde todos debemos ir celebrar os nosos gozos e alegrías, e supoño que tamén as nosas penas e tristezas, pois nós no fondo, que é o que importa, pensamos todos o mesmo.
O Patrón de las Españas é un santo moi versátil e polivalente, pois atende demandas de todas clases, unha especie de santo xeneralista, que tanto é capaz de solucionar os problemas de débeda como os provenientes da especulación de financeiros desaprenssivos; os problemas causados pola incompetencia dos empresarios ou do rendimento escaso dos traballadores; os que son froito da depresión e os derivados de doenzas fisiolóxicas; ... e a todos os peticionarios, sexan ditadores ou demócratas, sanguinarios ou apacíbeis, corruptos ou íntegros, capaces ou incapaces, ... Todos eles tiveron como aliado «natural» e foron escoitados e a súa actuación aprobada por este benévolo patrón, porque está alén destes matices «humanos», «demasiado humanos», «demasiado terrenais», cando a el o que realmente lle interesa é o divino e o mundo de ultratumba. O que lle molesta singularmente ao ínclito protector é que haxa certos políticos que dubidan da sagrada unidade da patria española pola que el tanto loitou, nada menos que nove séculos, en contra inclusive da indolencia e falta de lucidez dos propios protagonistas humanos, pois está claro que a Recomquista non era unha tarefa humana senón divina, e liderada por el propio. Esta protección sobre as Españas explica que a Constitución Española estabelecese que “A Constitución fúndaméntase na sagrada unidade da patria española, patria común e indivisíbel de todos os españois”. Contan de fontes solventes que cando se redixiu o Constitución o Apóstolo redobrou os seus esforzos para que o seu protagonismo histórico non se vise mermado e alentou a uns, inspirou a outros, ameazou aos de aquí e persuadiu aos de alá, ... para que, guiados por unha man invisíbel desen acomodo á fórmula maxistral indicada. Esta é a razón de que poña «sagrada», que moitos, naturalmente, non coñecen. Isto dá conta da disparidade entre a Constitución oficial -laica, defensora da pluralidade, progresista, .. e a Constitución real, -relixiosa, homoxeneizadora, reaccionaria. Esta disparidade só se soluciona elevando a Presidente do Tribunal Constitucional ao Presidente da Conferencia Episcopal Española, que é a miña proposta.
Nestes momentos é o aliado natural de Feijoo en Galicia e o defensor da súa política. Por iso o oferente lle confesa publicamente que se confirme o éxito das súas políticas: “Esperamos, en nuestra proxima ofrenda, poder confirmar con gozo las primeras noticias que hoy ya apuntan al reflotamiento de nuestro sector naval y al mantenimiento de una entidad financiera firmemente enraizada en nuestra tierra”. A razón decisiva da súa querenza polo Apóstolo radica na súa clara e terminante en favor da unidade da patria española, en contra dos nacionalismos disolventes e disgregadores. De aí que os nacionalistas teñan de antemán a batalla perdida, porque unha forza divina conduce aos protagonistas históricos uniformizadores en aras de afortalar un ideal sobrehumano: unha patria única, un chefe único, unha lingua única, unha cultura única, todos exactamente igual: cegos ou videntes, coxos ou non, mulleres ou homes, meninos ou adultos, mozos ou vellos, todos exactamente igual, que bonito!. Un mundo verdadeiramente idílico. Esa camaradería e predilección do Apóstolo concedéndolle favores espirituais de toda índole, explica a disparidade entre os seus dados referidos ao gasto social, que cifra nun 80 por cento e os do ministro Montoro que o reduce ao 60,59 por cento, pois esa disparidade deriva de que Montoro non ten en conta os superabundantes favores espirituais con que o Apóstolo compensa de sobra a nosa perda de valores mundanos. Aclara tamén que os dados da UEDF sobre suposta financiación ilegal do PPDG non teñen fundamento ningún, pois os gastos cargados en B non foron para campañas políticas senón para atender as necesidads apremiantes do Santo Patrón.
Non esquece o oferente de contarlle ante urbi et orbe algunhas coitas e preocupacións que «aínda» ten o conxunto da Nación española, da que, por tanto, nós formamos parte. Como o Apóstolo é españolista, alegrouse de que antes de contarllas ficase ben claro que o seu dominio é sobre todos os que forman parte do Estado español e que non lle veñan con andrómenas nacionalistas para reducir o seu ámbito protector a un recuncho da Península ibérica. A primeira desas coitas, é o desemprego, pois “Vivimos momentos de dificultad para las familias sometidas a un enorme esfuerzo para sobreponerse de la dureza de la crisis economica que padecemos”. Estes momentos de dificultade non teñen pais senón que son debidos tamén á fatalidade, o cal xa lle sacou un peso de acima a PP e PSOE, pois estaban preocupados porque alguén pensase que eles tiveron algo que ver na crise, ou que teñen que resolver ese problema, porque agora o Apóstolo tamén asentiu ao que dicía o Oferente de que esas cousas molestas non teñen paternidade e a súa solución correspéndelle ao Santo.
Dixo: “Alienta, Santo Patron, a las personas que demandan un trabajo, como tambien aliento te pedimos, particularmente, para los emprendedores: es el suyo un empeno epico”. Outra alegría máis para Rajoy, ao fiar a causa e o problema das consecuencias do paro ao alento apostólico, mais o Apóstolo non as tiña todas consigo, pois teme que se lle fían a solución do problema alguén poida pensar que tamén tivo algo que ver na súa causa. El pensou que debía ficar claro que el non tivo que ver a este respeito e, en todo caso, que o incremento do paro non foi por pereza persoal del senón por renuencia a pedirlle os favores dos necesitados, porque el está disposto a conceder favores mais sempre que se lle pidan como Deus manda. Pola miña parte, teño que confesar que non caira en que a causa e a solución do problema do paro reside na presenza ou ausencia de alento do Apóstolo, mais non é de surprender porque eu fun sempre de reaccións tardías.
Que alegre quedou Wert cando ouviu esta petición: “Extiende tu proteccion a nuestros jovenes, a esa generacion de jovenes de ejemplar espiritu generoso y solidario que son la mayor esperanza de futuro”. O Oferente viña poñer no seu sitio as cousas ao precisar que se el lle sacou as bolsas a miles de estudantes e o Erasmus, agora ábreselle unha vía de solución que non incrementa un céntimo os orzamentos do Estado: os estudantes teñen que presentar a instancia correspondente ao noso Santo Patrón.
Saltaron tamén de xúbilo Rajoy, Feijoo cando ouviron a petición que segue: “Ayudanos a hacer sostenible nuestro sistema de bienestar, y, en este punto, haznos ver a gobernantes y a gobernados, que tal sostenibilidad ha de permitir que el sistema de oportunidades y de proteccion cubra tambien a las generaciones futuras”. Outra xenial solución que non acarreta ningún custo para o contribuínte e, por outra parte, tanto Feijoo como Rajoy poden continuar cos seus recortes, porque o que se lle saca por unha parte aos cidadáns en educación, sanidade e pensión, vaillo retornar con creces o Apóstolo pola outra. Isto aclaroume repentinamente a contradición en que, pensaba eu, incorría Feijoo cando insistía en que Galiza tiña blindado o seu sistema de benestar apesar dos recortes e do desmentido mesmo das súas afirmacións polo Ministerio de Facenda. En realidade, por moito que desconte nos orzamentos, sempre haberá a compensación apostólica, e se esta non chega en diñeiro contante e sonante será acarretada en favores espirituais, moitos máis importantes que os materiais, ao igual que a alma é moito máis importante que o corpo.
Como hai que contentar a todos, a súa Maxestade o Rei Xoán Carlos, tamén tiña que ser favorecido nas peticións: “En suma, ayudanos, Apostol Santiago, a consolidar una sociedad que reconozca «la igualdad de oportunidades como principio, el merito como ideal, y la solidaridad como rescate de aquellos que han tenido mala suerte»”. Contan as crónicas máis fidedignas que o Rei saltaba de alegría cando se clarificou que podía continuar a desfrutar dos seus privilexios, favoritismos e desigualdades ante a lei, porque, se na transición foi favorecido con privilexios e coa desigualdade a respeito dos demais, agora será o Apóstolo quen recompense a estes, que ficarán tan contentos con esta graza divina que definitivamente deixarán de pelexar por estas cousas futís. Contentou tamén aos poñentes constitucionais pasados e futuros, porque xa saben que estabelecer principios de igualdade ante a lei e mérito e capacidade non é cousa deles senón unha encomenda máis que ten o noso divino protector.
Parece que o Delegado domina mellor outras linguas que a propia e que cando fala en galego non está inspirado polo Apóstolo, pois afirma ante Europa que foi o noso Santo Patrón quen inspirou a Carlomagno “o sono europeo”, idea ben chocante pois suporía que os europeus tiñan un sono especial, que lles fai ter unha necesidade de durmir diferente dos demais. Para terminar, pédelle que “lle recordes ao mundo que si hai un camino orientado no que esta o sono dunha Europa unida, xusta e solidaria; e un lugar onde vir e algo no que crer: podese atopar nesta basilica e en Santiago de Galicia”. Agora si que complicou a cousa, pois o camiño é capaz de inspirar o sono especial dunha Europa unida, pois suporía que o camiño xavobeo somente promove ese sono especial se Europa está unida e se Europa non está unida a xente non ten a mesma necesidade de durmir da mesma maneira que nos demais sitios. Ao ter pouco intererese pola lingua propia do país e dominar so o español, que non distingue entre o sono, que é a necesidade de durmir, e o soño, que son os produtos da imaxinación, pasan cousas desas. Isto indica que non lle pediu ao Apóstolo que lle axudase a falar ben a lingua propia de Galiza. Está visto tamén que o Apóstolo non libera do pensamento máxico-supersticioso, mais no seu descargo cumpre dicer que non é especialista nesta materia, e para iso habería que encomendarse a Iris, molesta por certo cos galegos porque non demandan os seus servizos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario