Chámoo real porque foi certo que o pronunciou o 24/12/13, como nolo recordaron todos os meios de comunicación, mais non porque sexa verdadeiro, auténtico, ou algo parecido.
O Rei pronuncia o seu habitual discurso no dia do Pai Natal, por ser día intimidade familiar, que el quer aproveitar para sacar partido político desta data en beneficio propio, para que a súa presenza se asocie a un simbolismo con grande aceptación social, mais outra vez máis, sen éxito, porque é imposíbel que entren na intimidade das persoas dirixentes que mostraron ante a sociedade prácticas contrarias aos valores que esa sociedade defendeu sempre, e que unicamente explotou de rabia cando foron dadas a coñecer polos meios de comunicación, antes xordos e mudos ao que pasaba. Como vai converterse en persoa querida e íntima para un pobo aquel dirixente que afirma solemnemente que todos os españois son iguais ante a lei e despois loita como gato panza arriba para manter os seus privilexios propios e os da súa familia? Como van as familias intimar con alguén que aproveita o seu cargo para levar unha vida que algúns cualifican de semental ibérico, rachando fidelidades conxugais de familias propia e allea? Como van os cidadáns intimar con alguén que non é capaz de enfrentar ante os cidadáns con transparencia os problemas que afectan á propia Institución e que encomenda ao paso do tempo a súa solución?
Comeza o monarca enviando un saúdo que di “especialmente afectuoso” aos que non teñen traballo ou vivenda, aos mozos que non teñen futuro, mais isto é pouco críbel despois de afirmar en 2012 que o paro lle sacaba o sono e, na mesma semana, marcha a cazar elefantes a Bostwuana, acompañado da Corina, que si parece que é quen realmente llo sacaba. Por outra parte, pensa o Rei que a crise que nos afecta non ten nada que ver coa corrupción omnipresente nos dirixentes políticos, financeiros, xurídicos, económicos deste país a todos os níveis? Cre o Monarca que é o destino quen depara estas crises aos países afectados sen que teña nada que ver o expolio das arcas públicas e privadas polos seus dirixentes? Que pasou en Caja Madrid con esa exposición aloucada ao ladrillo e esa apropiación dos seus recursos polos políticos e «amigos» e xestores que a controlaban? Quen se fai responsábel da condonación de débedas aos partidos políticos PP e PSOE, que agora temos que pagar todos, co sacrificio de postos de traballo e servizos sociais? Quen carga coa respònsabilidade desa programación de investimentos en infraestruturas totalmente desnecesarios sen rendabilidade social ningunha aínda que si eleitoral e persoal para o político que as impulsou e quizais dos que as favoreceron e toleraron? Ese patrimonio de dous mil millóns de euros que se lle calcula ao Chefe do Estado, de onde os sacou? non teñen nada que ver coa crise que padecemos? Se ese diñeiro estivese nas mans dos seus propietarios lexítimos ou nas arcas públicas, cantos postos de traballo non se evitaría destruír? Como se quere que a cidadanía esqueza sen repoñer este diñeiro?
O que antecede vale tamén, mutatis mutandis, para a súa lembranza dos criadores, agora imposibilitados de facelo neste país, dos emprendedores, etc. Todos os grupos sociais están sufrindo as consecuencias desa crise que ten pais e consecuencias letais nos que a padecen, paternidade que o Monarca non recoñece. O descrédito ao que chegaron as institucións é tal que se necesita unha dose masiva de intoxicación e manipulación para que a xente esqueza e para que a xente crea que os que nos meteron nesta crise e están inmersos en tanta corrupción se van mudar agora en puros e lúcidos. España vive nun océano de mentira e falsidade, que todo o corrompre. Os mesmos que destrúen e lles negan documentos á Xustiza afirman que sempre colaboraron e colaborarán con ela. Os que practicaron e practican unha política de hermetismo e ocultismo ante os cidadáns son os que erixen en campións de transparencia. Os mesmos que contribuiron á crise son os que afirman que están preparados para sacarnos dela. Os mesmos que falan de igualdade ante a lei son os que defenden os seus privilexios. Os mesmos que falan de Estado de Direito quebrantan a lei a cada paso, ou pode entenderse outro modo esas contabilidades B, eses ERES, esa práctica e encubrimento da corrupción?
Louva o Rei a familia española, el que non contribuiu precisamente a ter unha familia exemplar, e que as familias son o suporte dos que padecen a crise, mais xa o Rajoy se encarga de debilitar tamén esa protección baixándolles as súas percepcións. Non queremos nin necesitamos grazas de ningún rei, mais un país si que necesita políticos capaces e honrados que o gobernen.Non queremos que ninguén viva a base de louvar virtudes alleas, mais si do exercicio responsábel do seu cometido.
Cando fala das vítimas do terrorismo parece cinxirse, como de cote, aos membros de ETA, mais tamén hai unha violencia de Estado, que ten connotacións terroristas, como foron os GAL, paramilitares, leis mordaza, meios de comunicación de masas que enfrentan individuos e pobos, etc. A lei de Orde Pública do réxime franquista, do que Vd. é herdeiro, que finalidade tiña? Que finalidade ten a lei mordaza coa que nos vai obsequiar o PP? A súa maxestade, parécelle que non é terrorista chegar a multar a alguén con 600.000 euros se se manifesta diante de certas institución políticas que son incapaces de conquistar o recoñecimento dos cidadáns polo rigor do seu traballo e pola solución dos problemas dos representados e que se ven obrigadas a ser respetadas polo temor da multas ou cárcere?
É certo que a sociedade reclama un cambio en todas as ordes, mais non confía en que sexan os causantes dos males que delata, os indicados para remedialos, e de sentar as bases dunha exixencia democrática os que a están a conculcar a diario. É cuestión de credibilidade. Mais tanto el como os fautores dos seus discursos debían ser máis precavidos e darse conta que esa oferta de exixencia democrática non é máis que outro novo engano, que se acrecenta ao enunciado solemne de que a xustiza é igual para todos, pronto desmentida polos factos. Como vai el aceptar as exixencias democráticas imprescindíbeis cando estas requiren que o seu posto adquira lexitimidade democrática nas urnas, tanto de orixe como de exercicio, das que carece totalmente? A única lexitimidade que ten é a franquista e a de figurar no paquete constitucional, presentado aos cidadáns como « ou o tomas ou o deixas en conxunto». A día de hoxe sería moi problemático afirmar que teña lexitimidade de exercicio, especialmente após difundirse que prevaléndose do seu cargo amasou unha fortuna moi importante. Esta lexitimidade exixe, pois, que aclare á cidadanía cal é o seu patrimonio e, de ser o que se di, que devolva á sociedade o amasado ilicitamente, en contra do « Estado de Direito», e submeterse ao ditado da cidadanía.
Manifesta ser consciente de hai voces que quieren unha actualización dos acordos de convivencia, se ben non precisa cantas voces nin en que consistiría esa actualización. Parece que se deu conta agora, cando a sociedade clama por unha reforma da CE, e nin sequer se atreve a propoñer unha reforma constitucional serie, e máis ben parece ser partidario dunha reformiña para que todo siga igual, e así gañar tempo para reforzar a súa debilitada e denostada figura. En todo caso, xa fixa os límites: realismo, termo con connotacións eminentemente subxectivas, en función do seu emisor. É realismo manter a realeza e falta de realismo optar pola república? É realismo que os pobos estexan submetidos a leis que negan a súa personalidade e impiden o exercicio dos seus direitos colectivos? É realista que a nosa propia lingua siga a estar marxinada a respeito da lingua do Imperio na nosa propia comunidade? O segundo límite sería o esforzo, mais a petición de esforzo, parece un sarcasmo dirixido a tantos millóns de parados que non poden gañar a vida e para os que o esforzo só pode significar contención para non explotar de noxo e de rabia.
O terceiro sería o correcto funcionamento do Estado de Direito, “para que a exemplaridade presida as institucións, para que se cumpran e fagan cumprir a Constitución e as leis, e para que as diferenzas e as controversias se resolvan consoante ás regras de xogo democráticas aprobadas por todos”. Se un se toma estas palabras en serio habería que concluír que no Estado español nunca houbo Estado de Direito, porque aquí a exemplaridade nunca predidiu as institucións, incluída a institución da que el é titular, pois todas se aproveitaron delas en beneficio propio, quer persoal, quer de partido, quer de ambos. É exemplar que o Fiscal Xeral do Estado sexa elixido polo goberno e actúe como unha figura partidaria máis para favorecer as políticas gobernamentais e tapar os casos de corrupción, impedindo a autentica separación de poderes, alicerce imprescindíbel dunha verdadeira democracia? É exemplar que os órgaos xudiciais, Poder Xeral do Estado e Tribunal Constitucional perdesen a súa credibilidade por telos convertido en órgaos políticos dos partidos maioritarios? É exemplar que utilizasen as televisións e outros meios de comunicación como altifalantes para conservar e incrementar o seu poder partidario? As televisións públicas TV1, TV2, TVG, son televisións gobernamentais, que manipulan a información a man salva en beneficio propio. É exemplar que subvencionen copiosoamente os meios privados para convertelos en dóciles pesebristas para que maquillen a información segundo conveniencias dos gobernantes de turno? Por outra parte, esta exixencia de exemplaridade podía tela presente cando a súa familia se enriquecía a conta do herario público, cando el incrementaba o seu propio patrimonio ou cando a corrupción embargaba a toda a sociedade. A expresión «Estado de Direito» converteuse nunha arma arroxadiza contra os que non comparten a dexeneración democratica experimentada durante os gobernos de PP e PSOE. A doutrina Parot formaba parte até fai ben pouco do «Estado de direito» e non era máis que un desaguisado xurídico, ao igual que o vai ser a lei Wert, ideada para españolizar a todos os pobos do Estado, velis nolis, ou a lei de réxime local, ideada para reforzar a presenza das deputacións na xestión da cousa pública e así reforzar o centralismo españolista.
A petición de que se resolvan as controversias segundo as normas democráticas aprobadas por todos, aparece como unha mostra máis de españolismo, pois é evidente que os pobos, diferentes do español, son totalmente silenciados na CE e os seus direitos ignorados. Cando o todo pode impoñerse e negar os direitos das partes, non existe democracia nin liberdade, pois, como dicía Castelao, non hai individuos libres en pobos escravos, en pobos que carecen de liberdade. Por outra parte, a laminación do Estatuto catalán ao seu paso polo Tribunal Constitucional, é unha norma aprobada por todos? A participación na guerra do Irak foi unha norma aprobada por todos? Os recortes en sanidade, educación e pensións son normas aprobadas por todos? A doutrina Parot é unha normai aprobada por todos? A lei Wert é unha lei aprobada por todos? A reforma da lei do aborto é unha lei aprobada por todos? O partido que goberna ten sequera a maioría dos votos do eleitorado? Supoñamos que Iberia se constituír nunha federación, como pedía Castelao, aceptarían os portugueses que se dixese que é aprobada por todos unha norma á que eles non deron o seu consentimento senón que se mostraron totalmente en contra? Se estivesen recoñecidos os direitos dos pobos ao formar parte dunha federación, como están os direitos individuais, entón si que se podía dicer que están aprobadas por todos, porque, polo menos en orixe, se deu a conformidade a que se funcionase desa maneira, e o lexislador tería direito a lexislar porque se supón que representaría a todos, mais este non é o caso. Cando se aprobou a CE negáronse os direitos dos pobos ao estabelecer que a soberanía reside no pobo español, que é evidentemente ben distinto do pobo catalán, ou do vasco ou do galego, por moito que todos convivamos no Estado español. Isto deu lugar a unha especie de apastheid étnico, no que a voz dos pobos non existe. Isto explica que tanto vascos como galegos non votasen maioritariamente a CE e agora quizais o lamente o pobo catalán, e explica tamén a falta de identificación dos grande partes dos habitantes destas comunidades co sentir españolista, identificación que non se pode impoñer con ningunha lei. Castelao mesmo defendía unha federación para o Estado español e para toda Iberia, mais con unha lei do divorcio, á que poder acollerse se o matrimonio non funciona, mais en España, os divorcios estiveron mal vistos polas elites gobernantes até fai ben pouco.
Tocante á petición de xenerosidade, por que non lla pediu ás forzas políticas e sociais estatais cando se estaban a laminar as competencias dos estatutos de autonomía, convertidos en sombras difusas do que foron na súa orixe, nada xenerosa por certo? Cando os Tribunais estaban a facer unha interpretación restritiva da propia CE, fallando que nas nacións do Estado, falar a lingua propia nunca pode ser considerado un deber e tiña que ficar reducida a un direito? Cando o PP recorreu o Estatuto catalán por pura conveniencia de partido e cando se opuxo a que se renovase porque así tiña máis fácil que se lle dese un bo pau a Catalunya? Agora xa lle deron o pau, mais, por irresponsabilidade política, teñen un grave problema
Segundo o rei Borbón, sempre soubemos saír xuntos das maus momentos, e construír xuntos os bos, mais eu observo que mesmo neste momento as entidades financeiras saen dos maus e constrúen os bos a expensas da cidadanía e non xunto con ela, sendo así que foron elas, principalmente, quen nos meteron nos maus. Por que non hai un pouco de rigor no que se di para ser digno de credibilidade? Por que se nos pretende calar con produtos adormecedores desta índole?
Para terminar, apropiase de logros dunha sociedade traballadora e pacífica que deu o mellor de si e suportou estoicamente a adversidade porque pensaba que estaba ben gobernada, que había decencia institucional, mais cando viu que todo isto era un espellismo e que todo estaba podrido, protesta pacificamente mais tamén airadamente, e o Goberno responde coa lei se Seguranza Social que vén dificultar a protesta e obrigar á conformidade de bon ou mal grau.
Canto á recomendación do seu fillo, pouca credibilidade ten un pai para facela, e moito menos el na situación actual. É o seu fillo quen debe gañarse o posto democraticamente. Finalmente, lamentar que sexa el só e por propio interese e non acepte que sexa a sociedade quen decida se val a pena que siga a estimular a convivencia e desempeñar as competencias que lle concede a CE.
No hay comentarios:
Publicar un comentario