19 sept 2013

Vargas Llosa e os nacionalismos


O día 18/09/2013, un amigo envioume unhas declaracións de Vargas Llosa, realizadas o día da Diada, sobre os nacioonalismos para que lle dese a miña opinión sobre elas, declaracións que xa coñecía por teren sido profusamente divulgadas, especialmente por oporse aos valores defendidos polos partidos dominantes en Catalunya no día da súa festa nacional, ou sexa, ás súas aspiracións soberanistas. Eu nunca pensei escribir unha liña sobre este autor, mais véxome na desganada tesitura de ter que satisfacer os desexos amicais.

Para quen subcribe, Vargas Llosa é un grande narrador, como o corrobora a cantidade de premios literarios recibidos: Príncipe de Asturias, Nobel, Cervantes, Planeta, ... mais debemos ter cuidado en evitar cair no mecanismo psicolóxico coñecido como efeito de halo, que consiste en xeneralizar as cualidades positivas ou negativas de alguén que destaca nalgunha delas, a outros ámbitos. Non porque un sexa un grande xogador de xadrez, vai ser un bo físico ou político. Vargas Llosa é un grande escritor e un mal ideólogo e político, como ten demostrado tamén sobradamente.

É conveniente trair tamén a colación o que dicía o vello Parménides: somente hai dúas vías de investigación: a da verdade que reafirma a existencia do ser, e a do erro, que sostén que o non ser é necesario. Recomendaba o vello filósofo aterse a vía da verdade por ser a única practicábel. Igualmente, no tema presente, somente hai dúas vías: a dos que defenden os direitos plenos dos individuos e dos pobos e a democracia e a dos que supeditan a outros valores os direitos do individuos, os dos pobos ou ambos á vez, ou a democracia.

O autor que nos ocupa, é un adail dun liberalismo radical, que cifra a resolución e o benestar da sociedade no direito de propiedade, iniciativa privada, leis do mercado, desigualdade social, e democracia formal. Foi unha proposta que fracasou en América Latina e tamén na súa tentativa de ocupar a presidencia do Perú. A crise que estamos padecendo nos nosos días é precisamente froito desa ideoloxía liberalismo radical, que elimina controlos e converte a democracia nunha caricatura de si mesma manipulada polas elites económicas extractivas, que son quen realmente ostentan o poder. Defende os direitos individuais mais nega tallantemente os direitos colectivos, os direitos dos pobos, subordinándoos a estabilidade política, statu quo, intereses privados, etc.

Nas citadas declaracións o autor alude a que tanto o seu editor como a súa muller lle prohibiran falar de política, e creo que é unha pena que non cumprira esta petición porque perdeu unha magnifica ocasión de manter a sensatez. Como exilado nacionalizado español supoño que o Goberno central lle prohibiría realizar declaracións políticas contra outros países, incluído o seu, polo menos é o que se costuma facer nestes casos. En todo caso, eu nunca lle ouvín ningunha declaración neste sentido. Mais di ben pouco en favor da súa cortesía, aproveitar para fustigar os direitos dunha comunidade inserida no Estado que o acolle, parece que coa complicidade e alento por parte do seu Goberno. É lamentábel que el se cebe nas súas comparecencias, na negación dos direitos nacionais de Catalunya, e, por suposto de Galiza e Euskadi, valéndose da máis descarada e inmoral manipulación da historia. A reacción desde Catalunya non se fixo esperar, acusándoo de anticatalán, resentido, nacionalista español, lambedor de cus peruano....

Antes de continuar, creo que cumpre facer unhas cuantas aclaracións. En primeiro lugar, toda a humanidade está encadrada nos nosos días en nacións, e todos os países son Estados  uninacionais, como pode ser o caso de Portugal, ou plurinacionais, como é o caso de España, Rusia, Reino Unido, etc. O nacionalismo non indica máis que a defensa da propia nación, e de aí que todos partidos de cada país sexan nacionalistas. Normalmente, nos países normalizados, con soberanía política, non reciben ese cualificativo, por desnecesario,  pois non teñen porque ter como eixo prioritario da súa actuación a reivindicación da nación. É evidente, neste sentido, que tanto o PP como o PSOE son partidos nacionalistas españois, aínda que non leven esa denominación. Cando nun país existen varias nacións, e deixo para outro artigo precisar a súa noción, e somente unha delas está normalizada, como é o caso de España ou Reino Unido, existen, á par dos partidos da nación consolidada, outros das nacións sen consolidar, que si levan o nome de nacionalistas porque se centran especialmente na defensa dos direitos da propia nación, que non están aínda recoñecidos.

Por tanto, hai dous tipos de nacionalismo: os nacionalismos defensivos, como é o caso dos nacionalismos de Catalunya, Euskadi e Galiza, e os nacionalismos consolidados ou ofensivos que se resisten a aceptar os direitos das nacións submetidas. Nesta segunda clase de nacionalismos, non todos actúan igual, senón que algúns son respeitosos cos direitos dos demais pobos e non procuran a súa expansión a custa deles, como pode ser o caso de Noruega, Suecia, etc. no século XX-XXI, mentres que outros son imperialistas, expansionistas, etc., como por exemplo Alemaña no século XX, ou os EEUU de América na actualidade.

O que é o colmo da manipulación, terxiversación e inmoralidade é facer o que fai Vargas Llosa, que é atribuirlle aos nacionalismos defensivos, inclusive aos máis pacíficos, como é o caso de Catalunya e Galiza, os males ocasionados historicamente polos nacionalismos imperialistas, como foi o caso de Alemaña. Parece o colmo tamén da inmoralidade, que iso se faga no día da Diada, facendo asociar nas mentes das persoas, defensa dos direitos nacionais de Catalunya con desastres apocalípticos. Vexamos unhas cuantas afirmacións proferidas nas súas declaracións: “Es terrible que el nacionalismo vuelva a sacar la cabeza”. Mais cando este autor quere exemplificar casos de estragos atroces producidos polo nacionalismo o único que é capaz de citar son os de Alemaña e Xapón, países que non estiveron liderados por nacionalismos defensivos senón imperialistas e máis parecidos ao español, cooperante na guerra do Irak, que ao catalan, que nunca entrou en guerra nin provocou catástrofe de ningunha clase. "Salir de la tribu es el comienzo del progreso, de la civilización". O individuo que se aparta da tribo "adquiere independencia, soberanía" . Ou sexa, o que defende este autor é unha especie de atomización da sociedade na que desaparezan as relacións de pertenza, de integración comunitaria, esquecendo que o individuo é o que é pola súa integración nunha colectividade. As manifestacións de xúbilo dos afeizoados españois por ter gañado a copa do mundo indica o grande poder dos sentimentos de pertenza, frente ao apatriotismo que pregoa este autor. O nacionalismo "es el regreso a la tribu del que hablaba Karl Popper, esa abdicación de la responsabilidad, de la obligación de tener que vivir uno su propia vida y decidir en función de sus propias convicciones". Quer dicir que, segundo este  escritor, os que manteñen un lexítimo sentimento de pertenza carecen de responsabilidade e non cumpren co obxectivo de vivir a súa propia vida en función das súas convicións, e iso afírmao precisamente nun momento en que hai menos liberdade de pensamento por estar cada paso máis limitada a liberdade de imprensa, en posesión dos grandes oligopolios. Cada paso é menor a diversidade e cada paso é maior a atomización, a homoxeneización social. Alén diso, son perfectamente compatíbeis a defensa dos valores universalistas coa integración na propia comunidade ou na propia tribo, como gosta de denominar pexorativamente o escritor peruano. Por outra parte, ¿onde está a vivencia desa vida persoal e auténtica en persoas en paro, sen recursos, que somente teñen como alternativa a dependencia do outro, que aínda así non as libra de verse abocadas a morrer de fame e miseria?  “El nacionalismo es una tara de la que es muy difícil librarse. La cultura es una de las grandes herramientas que tenemos para combatir esas taras". Isto implica, que amar e sentir co propia país é propio de ignorantes, o cal significaría que os galegos que os galegos deberiamos ser moito máis cultos que os vascos e cataláns, afirmación que carece da mínima contrastación. Implicría ademais que no século XIX os vascos e cataláns, que tiñan un inferior nivel cultural, debían ser máis nacionalistas que hoxe, mais a situación é exactamente a contraria. 

É unha ideoloxía incoherente, contraditoria, pois por unha parte afirma que o mundo vive: "una situación fascinante, que es la de la globalización", co "lento desvanecimiento de las fronteras, la integración de distintas culturas, tradiciones y religiones". E, pola outra, móstrase partidario da diversidade: “La diversidad del mundo es una cosa maravillosa –diversidad de lenguas, de culturas, de creencias, de instituciones–, pero es también muy importante que, más allá de todo lo que nos es común, sepamos conciliar esa diversidad, con vistas a convivir juntos sin violencia”. Se realmente defende a diversidade de linguas, culturas, institucións, tamén debería defender a diversidade de países, e, por conseguinte, que Catalunya puidese acceder á súa independencia. Eu non podo concordar co seu canto á globalización, que foi, segundo a miña opinión, a causante da crise que estamos a padecer nos nosos días, pois trouxo liberdade total para o capital e as finanzas e non trouxo máis que miseria e pobreza para as masas sociais. Un traballador aleman, galego, ... vese obrigado a competir con outro dos países empobrecidos, que non teñen seguranza social, vacacións pagadas, seguros de doenza e accidentes, etc. Coa consecuencia de que non pode facelo e vese constrinxido a ter que devaluar o seu salario e as súas pensións cada vez máis. Afirmacións desta índole convérteno nun dos ideólogos ao servizo dos grandes capitais e empresas transnacionais. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario