27 sept 2012

España non negocia


O que está a pasar neste setembro de 2012, a propósito da deriva independentista ou nacional de Catalunya, é un un síntoma máis dun país que ao longo da historia non foi capaz de chegar a puntos de encontro con ningún dos pobos aos que dominou e todos terminaron independizándose pola forza das armas.

Os nacionalistas cataláns, vascos e galegos pedían o recoñecemento das súas comunidades como realidades nacionais, plurilingüísticas e pluriculturais, mais non se lles fixo caso ningún. O plano Ibarretxe que propugnaba unha solución pacífica e dialogada entre todos os partidos políticos con implantación en Euskadi foi vituperado e combatido até a saciedade, e mesmo o seu presidente humillado no Congreso dos Deputados. O Estatuto de Catalunya, despois de ser laminado e pulido como unha patena, foi sometido a votación do pobo catalán e aprobado maioritariamente, mais logo sería o Tribunal Constitucional, controlado por PP e PSOE, quen o desfigurase totalmente.

O presidente Artur Mas, facéndose eco dunha multitudinaria manifestación independentista dos cidadáns de Catalunya, pretende avanzar negociando un pacto fiscal con Madrid, parecido ao concerto vasco, mais o Rajoy retrúcalle que iso non ten cabida na Constitución española. Non se explica como algo que é constitucional para os vascos deixa de selo se se aplica a outro pobo distinto como o catalán, aínda que iso non figure expresamente na CE.

Unha vez saldada reunión Mas-Rajoy en fracaso pola negativa deste último a mover ficha para chegar a un acordo, o presidente español ofrécese de novo a dialogar en base á premisa de que en “España se puede llegar a puntos de encuentro”. O que pasa é que isto hai que demostralo practicamente e non meidante declaracións retóricas mediáticas para demostrar con mera palabrería precisamente o que está en cuestión.

O PP quere recentralizar de novo unha serie de competencias, dinamitar linguas e culturas nacionais periféricas, mutilar unha serie de competencias en educación e sanidade, etc. e,    con esta finalidade, recorre á descalificación burda das autonomías, como culpábeis do défice e da débeda do país, cando foron os gobernos do PP e PSOE quen demostraron a súa incapacidade na súa gobernación levándoo a unha situación de ruína próxima á bancarrota.

Mal panorama político o actual con un goberno en caída libre e unha oposición que xa caeu libremente cando gobernaba. Do partido UPyD ninguén coñece o seu programa e o que trasloce é que só ten como obxectivos a recentralización competencial e a sacralización, aínda máis, da lingua e cultura españolas: máis discurso único, touros, flamencadas, etc. Hai unha total falta de diálogo e capacidade de consenso entre os partidos políticos para afrontar a crise de débeda e para afrontar unha reforma pactada das institucións do Estado español, cada cal máis desprestixiada e sen capacidade de concitar vontades. Un Xefe de Estado “cazado” cazando osos borrachos e elefantes e ao tempo que preside organizacións ecoloxistas; con meteduras de pata a nivel diplomático, con unha familia na que cada un vai polo seu lado e dedicada ao expolio do diñeiro público, que el mesmo parece ter promovido; un presidente do Tribunal Constitucional que realiza viaxes de pracer a custa do erario público; un presidente dos Banco de España que é premiado con unha substanciosa indemnización despois de ter fracasado na súa política de inspección das institucións financeiras; uns directivos de caixas e bancos que amasan sumas cuantiosas de diñeiro en indemnizacións e pensións a expensas de aforradores e accionistas, despois de fracasar estrepitosamente na súa xestión. Panorama desolador!

Pedro de Ambroa

No hay comentarios:

Publicar un comentario