16 nov 2012

A Nova relixión de Merkel e o PP


Unha das características das proposicións de todas as relixións é a imposibilidade da súa contrastación empírica e inclusive a súa consistencia co discurso racional. Parten todas, deixemos á parte as relixións ateas como o budismo, dunha definición apriorística dun ser supremo e das súa características, que non é apoiada por ningunha proba fandamentada, e despois elaboran un discurso apolóxetico que permitirá refutar as obxeccións que se poidan formular na súa contra. Pártese, por exemplo, de que Deus é providente, bo, omnipotente e omnisciente, e se despois nos topamos con un tsunami que nunhas horas se traga trescentas mil persoas, sempre aparecerá unha explicación dese feito ou, polo menos, unha apelación aos inscrutábeis designios divinos, que a mente humana non é capaz de comprender. A resposta relixiosa dificilmente se vai ver alterada por acontecementos que aterran as persoas.

As relixións estabelecen tamén unhas virtudes supremas, que no cristianismo se chaman virtudes teologais, que son a fe, esperanza e caridade. A fe que se define como crer o que non vemos, segundo o catecismo do Pai Astete; a esperanza, que se concreta na expectativa dun mundo mellor, un novo paraíso de paz e felicidade futuras, e a caridade, ou solidariedades cos menos poderosos cos que hai que repartir o que nos sobra. Os actos das persoas deben ter como norte de actuación o cumprimento destas tres virtudes teologais, ou sexa, referidas a Deus e ao seu mundo.

A Merkel -cando cito este nome non me refiro só a unha persoa concreta senón á dereita  da país teutón-  e o PP español están a ofertar aos cidadáns dos países afectados pola crise económica unha nova relixión, provida tamén dos seus dogmas e das súas virtudes. O dogma cardinal é o defice cero e a todo prezo, porque, repetiron unha e outra vez os xerarcas da nova relixión, non se pode gastar o que non se ten, falacia e superficialidade que propalan coa maior ousadía,  a pesar de que inviabilizaría o progreso e inclusive o sostemento da economía. Se non se pode gastar o que non se ten, para que queremos institucións de crédito? Se non se pode gastar o que non se ten, non poderiamos aproveitar unha magnífica posibilidade de explotación de recursos enerxéticos ou doutra índole que poderían ser unha eventual solución a un problema de dependencia exterior ou unha cuantiosa fonte de ingresos no futuro, mais que, ao presente exixen investimentos que, se non se teñen, cumpre pedir a alguén que os teña e estea interesado en beneficiarse da situación.

Tanto Merkel, como o seu discípulo avantaxado, Rajoy, pregoan tamén outro dogma que forma parte integrante da súa relixión, que é a austeridade como menciña exclusiva, aínda que se caia a economía dun país, porque afgumentan, é unha medida necesaria de cara ao futuro. Que proba oferecen diso? Pois ningunha, hai que crelo aínda que vexamos empiricamente que todo vai a pior desde hai cinco anos e aínda que saibamos que fracasou na crise de 1929, mais a nova relixión non se inmuta coas probas de adverso, faltaría máis, pois entón deixaría de ser relixión. Como o profeta de turno, eles teñen unha visión máis profunda que escapa as intelixencias dos humanos normais, por algo foron escollidos como os pontífices desa nova relixión. Manifestan ambos que saben que as medidas son dolorosas, difíciles, ... mais necesarias en aras dun futuro mellór, mais non aclaran porque son necesarias, pois iso sería como explicar o dogma da predestinación: algo que non se comprende mais que, porén, hai que aceptar. Se vemos que o propio país ou outros do contorno continúan na súa espiral baixista, de seguido se retruca que iso leva tempo, que hai que perseverar, como tampouco o fiel ten que perder a fe baixo ningunha condición, e que pode que as medias aínda non sexan suficientes. Outras das virtudes básicas do crente é a submisión, paciencia e resignación. Os xerarcas xa saben todo e hai que ter fe neles, e iso aínda que vexamos que foron eles mesmos os que botaron abaixo a economía pola súa incapacidade e os seus excesivos e inxustificados dispendios. As comunidades autónomas españolas estiveron gobernadas por políticos tanto do PP como do PSOE, con poucas salvidades, e foron eles os responsábeis de que Valencia, Castela a Mancha, Andalucía, Catalunya, etc. estean na situación que están. Foron eles os responsábeis de gastos absurdos en infraestruturas sen utilidade algunha, tanto culturais, tipo Cidade da Cultura, como en aeroportos, como o de Castellón, portos exteriores a vinte quilómetros un doutro, ... Mais estes mesmos son agora os máximos apóstolos dos novos dogmas, obrando por veces dun xeito esperpéntico, como cando se aprestan a emendar a Constitución eles sós nunha semana, en contra da súa teima de que toda reforma constitucional debería facerse por amplio consenso. Agora alegan que o referendo catalán vai en contra da Constitución, mais, tendo vontade política, xa saben como facer para que non o sexa e non dar respostas inxustificadas: basta que se poñan de novo e en oito días deixa de ser inconstitucional, se é que realmente fose isto o problema.

Fai moitos que vimos afirmando desde hai anos que a mera austeridade por si propia e en exclusiva non procura a solución da crise, pois ao mesmo tempo que diminúe os gastos, e con eles a capacidade de consumo,  tamén diminúe os ingresos fiscais do Estado. Houbo un momento en que parecían entendelo, que se situou arredor de xuño de 2012, en que inclusive de falaba de aproveitar uns fondo europeus que deixaron de investirse. Semellaba que tanto Merkel como o seu discípulo español parecían convencerse de que hai que ir a un equilibrio de ingresos e gastos que permita o crecemento e crear emprego, mais todo foi un soño dunha tarde de verán, porque a partir daí só se insistiu en exclusiva sobre os recortes como purga curativa da doenza. Nós non negamos que haxa que practicar recortes mais debe facerse en dispendios que non sexan imprescindíbeis para medrar e crear emprego. Por que non se suprimen dunha vez as deputacións, que se converteron nunha fonte de corrupción política e clientelismo? Por que non suprimir a administración periférica do Estado e ir cara a unha Administración única, xa proposta no seu momento polo fundador do PP, Manuel Fraga Iribarne? Por que non se suprimen concellos desnecesarios que non son capaces de dar servizos aos cidadáns? Por que non se diminúen os emolumentos percibidos polos conselleiros do Consello de Contas, das radios e televisións públicas, das entidades financeiras intervidas, ...? Por que non se suprimen indemnizacións como as percibidas polo Gobernador do Banco de España e outros similares? Por que non se inclementa a presión fiscal sobre os salarios dos futbolistas, dos xestores das grandes empresas, ... ?

Vendeuse a reforma laboral por todos os apoloxetas do sistema como unha medida imprescindíbel para crear emprego e para contentar os mercados para que baixasen a prima de risco, e inclusive se aludiu e repetiu a través dos medios que os empresarios estaban aterrorizados ao contratar persoal. Fíxose unha reforma superando inclusive as peticións dos empresarios máis intransixentes, pero o resultado prometido non se ve por ningures, e se agora os obreiros protestan, a resposta dos empresarios é que iso dá má imaxe do país, como se non dese moita pior imaxe a súa insensibilidade ante o feito de que estean no paro perto de seis millóns de persoas no Estado español ou a súa incapacidade para xerar riqueza empregando as persoas. Porque o verdadeiro problema que require unha explicación é que os empresarios, desde a etapa da transición, foron arañando melloras en todas as negociacións que se fixeron, mais eles non responderon á exixencia social de crear emprego para os nosos traballadores e traballadoras, e cando falo dos empresarios, refírome aos grandes e non aos pequenos autónomos que son tamén unha vítima máis da crise. A reforma laboral só serviu para despedir máis facilmente aos obreiros porque lle van saír moito máis baratos á patronal industrial, financeira e ao capital europeu. Mais, como en toda relixión, o paraíso está no futuro. De momento, paciencia, resignación e submisión.  

Por tanto, temos que crer que os nosos xerarcas velan polo noso ben - fe-, esperar o novo paraíso que nos está reservado se nos comportamos como Deus manda -esperanza- e a caridade fica reservada á Igrexa, que para algo goza dun réxime fiscal de privilexio que lle permite obviar o pagamento de impostos, reservado aos simples fieis da nova relixión imposta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario