Luces e sombras da lingua galega
Galiza é unha comunidade que perdeu o seu poder propio xa no século XV, coa doma e castración de Galiza, en palabras do cronista oficial da Corte, Zurita, por parte dos Reis Católicos, mentres que Catalunya non o perdeu até a guerra de sucesión, 11/09/1714, e Euskadi no ano 1876 en que foi derrotada polas tropas de Alfonso XII na batalla de Somorrostro e castigada coa perda definitiva dos seus foros. Este feito explica en grande parte a diferenza de sensibilidade nas tres nacións periféricas do Estado español, moito máis
viva en Catalunya e Euskadi que en Galiza. Se os cataláns afirman que o catalán leva xa 300 anos de prohibición, o galego sobrepasa esta cifra en 200 anos máis, xa un pouco máis de 500 anos. As linguas destas tres comunidades teñen un pasado esplendoroso, especialmente no caso galego, froito dun desenvolvemento en liberdade nunha época en que se dispuña de institucións propias que non o obstaculizaban nin problematizaban.
viva en Catalunya e Euskadi que en Galiza. Se os cataláns afirman que o catalán leva xa 300 anos de prohibición, o galego sobrepasa esta cifra en 200 anos máis, xa un pouco máis de 500 anos. As linguas destas tres comunidades teñen un pasado esplendoroso, especialmente no caso galego, froito dun desenvolvemento en liberdade nunha época en que se dispuña de institucións propias que non o obstaculizaban nin problematizaban.
Na etapa democrática, 1978-2012, o intento de españolizar Catalunya, manifestado polo ministro José Ignacio Wert o 10/10/2012, por considerar que actualmente nas escolas catalanas se está adoutrinando aos alumnos e, consecuentemente, fabricando indpendentistas, foi precedido pola españolización efectiva da Galiza durante toda a estapa autonómica, desde 1981, exceptuando a etapa bipartito (2005-2009), e acentuada polo goberno de Feijoo, 2009-2012, precisamente por ter unha conciencia nacionalista máis débil e por elixir como gobernantes a partidos que non están interesados en promover a autoidentidade. O feito de afirmaren que España é o único importante e inclusive desprezar o feito diferencial galego, non é óbice para que sexan votados por unha maioría de cidadáns galegos.
En primeiro lugar, imos tracexar unhas pinceladas históricas do esplendor e decadencia da nosa lingua e despois veremos as causas dese esmorecemento. Como observación previa, cumpre subliñar que cando se trata da orixe da nosa lingua, referida ás primeiras etapas, non deberemos distinguir entre galego e portugués, porque, na Idade Media, era, sen dúbida, a mesma lingua, falada na franxa máis occidental da península ibérica, en contacto co bable e co leonés. Como froito do desenvolvemento do latín vulgar, falado polos conquistadores e as institucións imperiais a partir do século II, no século VIII considérase que xa existe na Galiza unha lingua distinta, filla do latín e irmá das outras linguas romances actuais da Península, catalán e castellano. Esta lingua falábase, alén de Galiza e Portugal, no reino de León e Castela, como se constata polo feito de o Rei Afonso X o sabio compoñer nesta lingua as Cantigas a Santa María.
O primeiro documento latino-galego/portugués, é a Doação à Igreja de Souselo, do Concello de Cinfães, Distrito de Viseu, lindante con Castelo de Paiva, no norte do que agora é Portugal, que data do ano 870, mais non se conserva o documento orixinal senón unha copia datada no século XI. O documento máis antigo latino-português orixinal que se coñece é a Carta de Fundação e Dotação da Igreja de S. Miguel de Lardosa, do concello de Castelo Branco, no centro leste de Portugal, preservada no Arquivo Nacional da Torre do Tombo, datada de 882 d.C. e escrita em letra visigótica cursiva.
O 22/05/2002, o profesor de filoloxía da Universidade de Santiago, Xosé Antonio Souto Cabo presentou en Braga un manuscrito de 21 liñas, topado por el en decembro de 2001, redixido en Guimaraes ou en Braga, que sería o texto en galego máis antigo achado até agora, datado, cando menos, no ano 1175. Trátase dun pacto de colaboración e mutua defensa frente a ameazas exteriores, sempre que non proveñan do rei ou os seus fillos, entre os irmáns Gomes e Ramiro Paes. Porén, outros investigadores precisan que este documento non é datábel criticamente. Algúns estudosos consideran que A Notícia de fiadores (1175) é o documento datado en escrita galego-portuguesa mais antigo coñecido. Trátase dunha lista de nomes que fina con unha frase con sintaxe e morfoloxía galego-portuguesa, mais outros investigadores non o aceptan. Tamén presentou, o profesor Souto Cabo, outros documentos da segunda metade do século XII, entre eles, un con data fidedigna de 1184.
A portuguesa, Ana Maria Martins, profesora de lingüística da Universidade de Lisboa, editou textos breves en romance da segunda metade do século XII, achados no que hoxe é Portugal. Isto indicaría que habería que adiantar uns trinta e pico de anos a data do primeiro documento redixido na nosa lingua, dado que se supoñía que o primeiros textos en galego-portugués rexistrados até agora, na Galiza sul, quer dicir, o territorio entre os ríos Miño e Douro, eran a Noticia de Torto e o Testamento de Afonso II, datados ambos en 1214. A Notícia de Torto, é unha longa listaxe de agravos sufridos polo nobre Lourenço Fernandes da Cunha a mans doutros señores. Segundo algúns, permanece como o mais antigo documento particular datável coñecido escrito en português. O Testamento de D. Afonso II, é aceptado por consenso pola comunidade científica como o texto máis antigo coñecido.
O primeiro texto en galaico-portugués achado na Galiza norte, ou sexa, do Miño para o Cantábrico, que se pode datar fidedignamente sería, consoante o profesor Souto Cabo, o Foro de Dona Toda, de 1244, editado por Xesús Ferro Couselo e conservado nos arquivos da catedral de Ourense. Nel especifícanse os tributos que deben pagar a Dona Toda os moradores do lugar de Vila Boa, na zona de Viana do Bolo. Outros documentos, que se supoñían anteriores a esta data presentan problemas, segundo o investigador compostelán. Este sería o caso do recentemente encontrado Foro do bõ burgo de Castro Caldelas, outorgado por Afonso IX en Abril de 1228 ao município de Allariz, e datado dese ano 1228.
A mediados do século XII, surxe na rexión de Provenza, sudeste de Franza e en Catalunya, o que poderia ser considerada a primeira literatura europea, unha literatura en lingua vulgar, derivada do latín, denominada romance, e que se expresa en occitano. Chega a Galiza a través do Camiño de Santiago, Orde de Cluny, enlaces matrimoniais dos monarcas hispanos con princesas occitanas, que se rodearon dunha serie de cabaleiros, eclesiásticos e trovadores desa rexión, e relacións comerciais e marítimas. Foi adoptada polos poetas galegos, do que é un claro exemplo Alfonso X o Sabio, que compuxo en galego as poesías relixiosas versificadas dedicadas á Virxe, Cantigas de Santa María. É aí onde surxe o movemento trovadoresco, que tanta relevancia vai ter na nosa terra.
A lírica galego portuguesa era considerada como a literatura máis importante da Idade Media, após a occitana, pola que foi influenciada. O documento da lírica galego-portuguesa mais antigo parece ser a cantiga satírica "Ora faz ost'o senhor de Navarra" do trovador e nobre João Soares de Paiva (1140- ?), cidade sita a 32 qm. ao sul de Porto, datada por algúns en 1196, mais a súa datación é problemática, dado que na cantiga fala do Rei de Aragón sen identificalo polo seu nome. Podería referirse a Pedro II, e entón a obra estaría composta por volta de 1200-1204, a raiz do conflito entre Navarra e Aragón, ou en 1213, que ten lugar a batalla de Murer, no Languedoc. Na Galiza norte ese posto recae no trovador e nobre santiagués, Airas Fernandes, «Carpancho» (ca. 1170-1240). Despois veñen Sancho I o Vello, fillo do rei Afonso Henriques e sucesor seu no trono de Portugal, o santiagués Bernal de Bonaval, o crego de Compostela Airas Nunes, ... ...
Non só empregaban a nosa lingua os poetas galego-portugueses, senón que tamén o empregaban os poetas doutras partes da Península, como o testifica o Marués de Santillana: “Non ha mucho tiempo qualesquier dezidores e trobadores destas partes, agora fuessen castellanos, andaluçes o de la Estremadura, todas sus obras componían en la lengua gallega o portuguesa”.
...
Este esplendor da poesía lírica galaico-portuguesa foi esmorecendo na Galiza a partir do momento en que a sede do monarca se traslada para León e logo Castela, que van adoptar a lingua castellana como vehículo de comunicación preferente, postergando o galego. Desde o reinado dos monarcas da Casa de Borgoña, vanse ir tomando toda unha serie de medidas que conducirán progresivamente á marxinación das linguas distintas do castellano.
Ademais das medidas políticas centralizadoras emanadas da Casa Real, tiveron moita influencia as decisión de retribuír o apoio dos nobres aliados con terras noutros reinos, política iniciada xa en tempos de Fernando III o Sabio e continuada por Henrique II e os Reis Católicos, reinados cos que Galiza sempre terminou perdendo por colocarse de parte do cabalo perdedor. A consecuencia foi que, como resultado da carencia de protección oficial e da introdución na Galiza de nobres e dignidades eclesiásticas alleos, o idioma galego vai sufrir paulatinamente un proceso de substitución da nosa lingua pola castellana en todas as funcións oficiais e creativas, pasando a recluirse a nosa lingua no ámbito familiar. Todos estes sectores, carentes de identificación coa nosa terra e as súas xentes, actuaron como axentes desgalegizadores, orixe da situación diglósica da nosa lingua: clases altas = poder, influencia, saber, éxito, prestixio, riqueza, castellano, futuro, ... Clases baixas = pobreza, ignorancia, fracaso, anticuado, pasado, ... O desenlace foi que, como afirma Mariño Paz, “Desde o ecuador do século XIV a poesía galega entrará xa nun período epigonal que, nun proceso de depauperizaciónlingüística e trivialización crecentes, se arrastrará mesmo até o século XV”1, en que entramos nos séculos escuros aos que o Rexurdimento do século XIX veu poñer fin.
1. MARIÑO PAZ, RAMÓN, Historia da lingua galega, Sotelo Blanco, Santiago, 1998, p. 183.
No hay comentarios:
Publicar un comentario