14 feb 2013

Vida de Xesús de Bento XVI (04)

En busca dunla lexitimación divina

Mapa de Mesopotamia
Continuando coa descrición do contexto cultural que nos permita situar o alcance das afirmacións contidas no Antigo Testamento a respecto do Mesías, e no Novo Testamento a respecto de Xesús de Nazaré, unha vez exposto que entendemos por relixión, que consideramos conveniente por ser o obxecto do noso estudo un líder relixioso, imos falar agora da divinización nas culturas anteriores e contemporáneas da hebrea, que nos permitirá entender o sentido que lle pode dar Xesus e os seus contemporáneos ás afirmacións sobre as súas relacións con Deus. Deterémonos nas culturas mesopotámica e exipcia, por ter mantido estreitas relacións coa de Israel, tendo en conta que o pobo hebreu estivo cativo tanto de Exipto como de Babilonia.

O ser humano é un ser insatisfeito, un ser que fuxe de si, da súa realidade humana e tende a inventar ligazóns con divindades, con herois, con seres sobrenaturais, entidades mentais, que o diferencien cada vez máis do terrenal e dos animais cos que está emparentado. O resultado é unha desfiguración flagrante da realidade. Esta apelación a un pasado glorioso e a un parentesco ou relación de prelación con seres divinos, invéntase para diferenciar uns grupos e individuos doutros grupos e individuos, e, no caso dos reis, para lexitimar o poder sobre a populación. Un pobo apelará aos seus herois fundadores, á súa etnia singular, para mostrar a súa superioridade sobre outros pobos. Un líder, un heroi, laico ou relixioso, pretenderá diferenciar a súa orixe, o seu berzo, doutros individuos do común.

As relixións nacen do sentimento de numinosidade, de asombro ante o misterioso e inabarcábel, e do sentimento de dependencia do ser humano ante fenómenos sorprendentes que non é capaz de controlar, e tiveron como obxecto orixinario a natureza e as súas forzas. Daí que, nunha primeira fase, as primeiras relixións foron as naturalistas: culto ás fontes, árbores, pedras, montañas, fogo, etc. Este culto á natureza estivo especialmente enraizado na nosa comunidade galega e aínda se proxecta aos nosos días. O apóstolo dos suevos, o bispo integrista San Martiño de Dumio e despois de Braga (Panonia 510/5 - Braga, 579/80), natural de Panonia, na parte occidental da Hungría de hoxe, redixiu un manual de pastoral para corrixir as que chamaba supersticións pagás dos ignorantes rústicos1, De correctione rusticorum. As desviacións referíanse precisamente á practica desa relixión naturalista, na que, segundo el, os homes, esquecéndose de Deus, “uns adoraban o sol, a lúa ou as estrelas; uns o fogo, outros a auga do profundo, ou as fontes das aguas, crendo que todas estas cousas non foran feitas por Deus para uso dos homes, senón que nacerande si mesmas”2. O bispo metropolita de Braga, a esa altura a capital do Reino Suevo, consideraba como un desprezo a Deus estas prácticas naturalistas, en contra do que parece indicarnos unha sá reflexión. Se Deus, como artista que é, segundo San Tomás, decide realizar a súa obra divina tal como considerou mellor, debería estar sumamente orgulloso que esta obra fose venerada por todos, como froito da súa vontade soberana, igual que todo verdadeiro artista desexa ver o seu labor creativo recoñecido polos demais. Loubando as obras divinas, lóubase ipso facto o seu creador e réndeselle culto a Deus. Non é sensato crer que cando se rende culto á natureza se está rendendo culto aos demos expulsados do ceu, so o nome de Mercurio, Marte, Neptuno, etc. tal como defende San Martiño3. “Por que acender velas xunto ás pedras e aos árbores e ás fontes e nas encrucilladas, que outra cousa é senón culto ao demo? Observar a adivinación e os agoiros, así como os días dos ídolos, que outra cousa é senón o culto do demo?”4. Por tanto, segundo este bispo, dedicar un día á lua, outro a Mercurio, etc. sería rendir culto ao demo. Eu gostaría de que a Igrexa xustificase o seu proceder de desacralización do cosmos, con fondas repercusións negativas na actualidade. O odio foi tal que ao día dedicado ao culto do sol, dador de luz, vida e enerxía, o 25 de decembro, foille retirado o seu significado, colocando no seu lugar a data do nacemento de Xesús, só para que a xente non lle dese culto ao que Martiño consideraba un ídolo. Mais a acción do sol é tan relevante, benéfica, vital para o ser humano que a mesma ONU e as organizacións ecoloxistas lle dedican un día a este astro, que ficou fixado o 21 de xuño, coincidindo co solsticio de verán, ou sexa, o punto en que o sol alcanza no ceu a máxima altura aparente e os días son máis longos.

Nunha segunda fase, creáronse seres mentais imaxinarios, aos que se lles dotou das mellores cualidades dos seres humanos e que obraban como os seres humanos superiores dos diversos pobos. Non esquezamos que, como xa dixemos na Introdución (02), son os homes quen crean os deuses e non ao revés, e que, para coñecer as características da divindade, cumpre coñecer a estrutura da sociedade. Foi a fase dos deuses mesopotámicos  e dos deuses olímpicos. Paralelamente, certos individuos humanos concretos foron separados mentalmente dos demais seres da súa comunidade e elevados a divinos. Finalmente, nunha terceira fase, co surximento dos imperios mundiais, tamén se creou un imperio celestial con un gobernante supremo, un deus único. É a fase do monoteísmo, que constitúe a máxima separación do home a respeito da súa natureza animal. E, ao igual que o emperador é un ser afastado dos seus cidadáns e considerado, pola propaganda do poder, un ser superior aos demais, deus convertese nun ser transcendente, un ser que está alén do mundo, e dotado dunhas cualidades que exceden todas as cualidades humanas e inclusive, como no caso da teoloxía negativa, todo o que os seres humanos poidan pensar. De deus, en última instancia, podemos saber o que non é ais non o que é, porque está alén de todo pensar e de todo ser.

Nas sociedade predemocráticas, os gobernantes tentarán lexitimar o seu poder en base a tres pilares:

a) A elección e o apoio divinos. O rei preséntase como deus ou o amado dos deuses e escollido por eles para gobernar. A esa elección divina, o rei tentará responder mostrándose como un vicario de Deus, mesías, unxido, sumo sacerdote, adorador e fiel cumpridor do culto e dos oráculos divinos e como un construtor e restaurador dos templos.

b) Avoengo, tradición. Neste aspecto, os gobernantes subliñarán que a súa estirpe ten predecesores ilustres, vén reinando desde tempos remotos e a súa ascendencia foi elixida polos deuses para este mester.

c) Valía persoal. O rei debe mostrar ante os seus súbditos que ten as cualidades precisas para gobernar o país e, nunha sociedade guerreira como foron as do Próximo Oriente, que é un príncipe valoroso, un guerreiro poderoso, forte no combate, etc.

A divinización dos humanos en Mesopotamia

Mesopotamia, etimoloxicamente o territorio no medio dos ríos, case o actual Irak, é o berzo da civilización e da escritura alá polo ano 3300 a.C, e, por tanto da historia. Delimitada polos ríos Tigris e Éufrates, nela sucedénronse pluralidade de culturas: sumeria, acadia, babilonia, asiria, persa... Estaba configurada territorialmente nun inicio por cidades-estado, que moitas veces se facían a guerra entre si nunha loita pola supremacía, que, no decurso do tempo, foron ostentando sucesivamente diversas cidades: Uruk, Ur, Lagash, Acad, Asiria, Babilonia, ... que cando lograban controlar o territorio entre os ríos, recibiron o nome de imperios. Eran sociedades escravistas e teocráticas nas que o verdadeiro soberano e señor de todas as cousas era a divindade tutelar, vindo a ser os reis meros vicarios, representantes seus na terra como resultado da súa elección divina. No norte predominaba a etnia semita, á que pertencen pobos como os arameus, asirios, acadios, os nómades amorritas ou amorreos, caldeos, ... e no sul a sumeria, mais tamén desempeñan un rol importante outras etnias como os casitas, elamitas, gutis, etc.

Dominio Sumerio: arredor do ano 3500 a.C. aséntanse os sumerios, de procedencia descoñecida, na desembocadura dos ríos Tigris e Éufrates. A partir de 2900 instálanse en cidades-estado, das que destacan as de Ur, Uruk, Lagash, e estaban gobernados por reis sacerdotes. A difusión da cultura de Uruk por toda Mesopotamia, dá lugar á cultura sumeria.

Imperio Acadio: no ano 2340 os acadios, pastores nómadas de etnia semita, con Sargón I á frente, toman o poder e impóñense a pobos etnicamente diversos, inaugurando o primeiro imperio da historia: o Imperio Acadio, no que destacan como reis, alén de Sargón I, Naran Sin e Gudea. Vai perdurar até o ano 2220 a.C. en que é derrubado polos nómades amorreos de estirpe tamén semita, volvendo de novo ás cidades-estado e inaugurando un novo renacemento de Súmer, tamén chamado 3ª Dinastía de Ur, que vai do 2200 a 2004. Os seus reis foron: Ur-Nammu, Shulgi, Amar-Sin, Shu-Sin e Ibbi-Sin.-- 

Primeiro Imperio Babilónico e primeiro Imperio Elamita. Após a caída de Ur, séquelle o reino de Isín e Larsa, que vai durar dous séculos aproximadamente, tras os cales van tomar o mando os amorreos que no 1894 se entronizaran na cidade-estado de Babilonia so Sumu-abum, e co seu sexto rei, o amorreo Hammurabi (1792 a. C. - 1750 a. C), convértese na capital do primeiro Imperio babilónico con dominio sobre toda Mesopotamia, de duración limitada, pois en en 1595 o último rei do primeiro Imperio Babilónico, Samsu- Ditana, sería deposto polos casitas, de orixe descoñecida, baixo o mando do caudillo Agum II, que toma Babilonia, e a partir de 1531 van estabelecer un dominio que vai durar até o ano 1155 a. C., en que son derrotados polos elamitas, ao mando de Shutruk-Nahhunte, que estabelece o primeiro Imperio elamita, de curta duración.

Imperio Asirio: en 1120 os elamitas foron derrotados polo rei Nabucodonosor I de Babilonia, que á súa vez sería derrotado en 1103 polos asirios, de etnia semita, que crean o novo Imperio Asirio, que se estende do 911 para o 609, e que ten como cidades importantes Nínive e Xorsabad e como reis máis notorios a Sargón II e Assurbanipal III.

Segundo Imperio Babilónico
: No ano 605 a.C. os asirios foron derrotados por Nabucodonosor II, dirixente da tribo semita dos caldeos, que crea o segundo Imperio babilónico. No ano 598 a. C. rebélase contra os babilonios o reino de Israel, mais é derrotado e os líderes son deportados a Babilonia. Volve de novo a levantarse no 587 a.C. e novamente foron derrotados e a súa populación deportada a Babilonia, incluido o Rei Sedequías (597-486), ao que Nabucodonosor lle saca os ollos.
Imperio Persa ou aqueménida: No ano 539 a. C. Ciro conquista Babilonia, que pasa a formar parte do Imperio persa, coas cidades importantes de Persépolis, Susa e como reis máis destacados a Ciro e Darío.

Imperio Macedónico-seleucida: No ano 331 Alexandre Magno derrota o Imperio Aqueménida e inaugura o Imperio Macedónico. No 312, Macedonia, xunto coa parte oriental do Imperio de Alexandre, convértese no Imperio Seleucida, que debe o seu nome ao xeneral Seleuco, que durará até o 140 a. C, sendo substituído por un período de dominación parta que durará até o 224 d.C., aínda que en 195-198 Roma lle arrebata a parte norte. As divindades en Mesopotamia eran concibidas dun xeito antropomórfico, ao modo humano, e con grande proximidades ás persoas e os seus comportamentos na vida ordinaria. Os deuses comían, bebían, falaban, amaban, pelexaban, irábanse, etc. como os humanos. Non esquezamos que as divindades son creadas polos homes e non os homes polas divindades. En Sumeria os deuses tiñan un carácter máis inmanente, porque o rei tamén era máis próximo aos cidadáns, mentres que ao constituírse os imperios acadio, babilonio, asirio..., nos que o monarca é xefe de amplos territorios e cada vez se afasta máis dos cidadáns, a concepción da divindade tamén se fai máis transcendente e máis universal, desembocando progresivamente na idea dun deus único, a imitación dun monarca único.

As concepcións da divindades sempre foron un reflexo da realidade socio-política e económica. No tempo das cidades-estado sumerias, os deuses son máis locais e próximos, mentres no tempo dos imperios se converten en máis distantes e universais, até que o deus supremo se converte nun deus único con unha pléiade de servidores, ao igual que os emperadores son únicos e con unha serie de subalternos. Como se trata de sociedades guerreiras, a concepción da divindade das elites é tamén guerreira. Entre os deuses máis importantes están os deuses da guerra, os deuses protectores do rei e da sociedade e da súa reprodución, xogando, por tanto, tamén un rol relevante as deusas da fertilidade e do amor. 

En Mesopotamia, a relixión era animista. En todas as cousas existía unha especie de espírito, un deus ou deusa, que as facía surxir, medrar, reproducirse, ter propiedades curativas, purificadoras, etc. O rei dos deuses, Enlil era quen decide os destinos e o que co seu elevado ollo escruta a terra. Todo se produce grazas a el: “Sen Enlil, a «Grande Montaña», non se construirían cidades, nin se fundarían colonias, non se construirían estabulos, nin se erixirían redís, non se ensalzaría aos reis, nin nacerían os sacerdotes, ... as inundacións primaverais dos ríos non traerían carpas, ... no xardín as frondosas árbores, (como os) de montaña, non darían froito. Enlil, as túas moitas perfeccións fan quedar atónitos (aos homes), ... A túa divindade inspira confianza”5. Deus está omnipresente na vida dos individuos e del reciben todo o que teñen de bo e o que teñen de mau, pois á parte do Deus bo existe o seu contrapeso, que é o deus mau, como pode ser o caso de Nergal. As cousas non teñen dinamismo e vitalidade propias senón que os reciben da divindade.

Relixión e política estaban intimamente unidas, de modo que o gobernante era o representante de Deus na Terra e Sumo Sacerdote. Para designar o gobernante utilizábanse os termos: EN : que indica señor, mais con connotacións relixiosas; ENSI: o administrador ou xestor do templo, sumo sacerdote; e LUGAL, aparecido cara a 2700 a.C., aplicado aos grandes terratenentes, e máis tarde aos que ocupaban postos relevantes no exército e na administración, converténdose co tempo en sinónimo de rei. Nun principio será un cargo temporal mais logo pasa a ser definitivo. Posteriormente, os termos ensi e lugal convértense en sinónimos e adquire un significado de personalidade secundaria.

Os reis preséntanse como:

a) Pastores dos seus rabaños, neste caso dos pobos, un simil que transloce a súa idea da realeza e o papel que se lle asigna aos cidadáns, convertidos en meros súbditos e totalmente dependentes da vontade real. A realeza e a gobernanza lexitímase pola graza de Deus, máis ou menos adubiada con oráculos para que sexa mellor aceptada polos cidadáns. Estas fabulacións non serán aceptadas pola posterior lexitimidade do poder que unicamente presupón unha vontade implícita do Deus de turno, como no caso de Franco, caudillo de España pola graza de Deus. Nos casos de usurpación, a insistencia na actuación divina no nomeamento tende a incrementarse.

b) Vicarios de Deus, quer dicir, representante de Deus na terra, facendo as súas veces, afirmación que non debería sorprender, cando aínda hoxe o Papa se intitula «Vicario de Cristo na terra», e como, segundo el, Cristo é Deus, el sería o representante de Deus. O que el di vai á misa, e ten como corolario no século XIX a proclamación do dogma da infalibilidade papal, ou sexa, a cualidade de non poder errar cando falan de temas de fe ou costumes. Como esta afirmación non se pode submeter a contrastación empírica, a Igrexa pode seguir mantendo indefinidadmente este embuste.

c) Elixido, escollido entre unha multidume por un dos deuses e destinado por el para ser rei. 

d) Fillo de Deus, algunhas veces entendido nun sentido bioloxista, mentres que noutras é máis difícil precisar o seu alcance, que pode limitarse a un significado meramente moral, de axuda, protección, amor especial, ...

e) O unxido de deus ou mesías, un ser consagrado pola divindade para a realización dunha tarefa de goberno de carácter tanto relixioso como civil.

e) Deus. O gobernante chega, neste caso, a lexitimarse atribuíndose, por si propio, polos seus achegados ou pola posteridade, características propias da divindade, aínda que non necesariamente en todos os ámbitos. O máis frecuente é que a personalidade dos reis exitosos se incremente imaxinativamente após o seu pasamento, divinizándose despois da morte.

Alén destas funcións de carácter relixioso, o rei é a máxima autoridade do Estado con poderes lexislativos, executivos e xudiciais e responsábel da administración, economía e defensa. Os anais militares da Antigüidade Oriental están profundamente influenciados polas ideoloxías políticas e relixiosas. O rei é un protexido das divindades, que sustentan o proxecto imperial e son quen lexitiman o seu poder e xustifican e apoian as campañas militares, que deben ter a súa aprobación. En caso de derrota, a responsabilidade non vai caer nos deuses senón na propia persoa do monarca e o exército que, por motivos diversos, como pode ser non seguir as pautas fixadas, introducir novas divindades, non cumprir o ritual relixioso prescrito, ... foron abandonados pola divindade. Cando nunha relixión conviven dous proxectos distintos, sustentación do poder e opción polos débiles, como é o caso da relixión cristiá, o primeiro sempre vai imporse e de aí que ideoloxías como a teoloxía da libertación, pobreza evanxélica, etc. van ficar arrincoadas. Isto seguirá sendo así mentres siga a reinar a superstición nas nosas vidas e mentres sigamos a encomendar a solución dos nosos problemas a invocación ao Apóstolo ou similares, na vez dunha política seria, responsábel e isenta de corrupción.





1. Non concordamos cos que pretenden dulcificar esta cualificación desprezativa de Martiño, afirmando que se refire a
xente simple.
2. SAN MARTIÑO DE DUME, De correctione rusticorum, apartado 6.
3. SAN MARTIÑO DE DUME, De correctione rusticorum, apartados 8 e 10.
4. SAN MARTIÑO DE DUME, De correctione rusticorum, apartado 16.
5. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, pp. 13-14.

No hay comentarios:

Publicar un comentario