A lexitimación divina do poder en Sumeria
Os sumerios, tamén chamados o pobo dos cabezas-negras, de orixe descoñecida, foron protagonistas da máis vella civilización coñecida, os creadores da linguaxe escrita e, por tanto, da historia. Pobo de raza non semítica, que se asentou en Sumeria arredor do ano 3.500 antes de Cristo. Era esta unha rexión histórica da Mesopotamia meridional, dividida, alén doutras cidades menores, nunha ducia de cidades-estado independentes, nucleadas en torno a un centro, o templo da cidade, dedicado a un deus ou deusa que era o seu patrón particular, e rexido por un gobernador (ensi, ou un rei (lugal), con funcións tamén cultuais. Entres as máis improtantes temos: Uruk, Larsa, Isín, Kish, Ur, Nippur, Akkad, Lagash, ...
Os primeiros reis de Sumeria teñen un carácter de reis míticos, con uns perfís biográficos pouco definidos e dos que non se constatou a súa existencia histórica, o cal favorece que se fabulen lendas sobre as súas orixes sobrenaturais e sobre a súa estreita relación coa divindade. Os habitantes desta antiga civilización consideraban que a realeza descendía do ceu, tal como se afirma na listaxe dos reis de Babilonia: “Cando a realeza descendeu do ceu, a realeza estabeleceuse en Eridu.... O diluvio barreu todo. Despois de que o diluvio varrese todo, cando a realeza volveu baixar do ceu, a realeza estabeleceuse en Kish”1. O ceptro, coroa e mando estaban no ceu antes de que a realeza baixase: “(Os deuses) non tiñan estabelecido aínda un rei para o pobo ensombrecido./ Aínda non se tiña adornado ningún ceptro con lapislazuli... / ... ... / Ceptro, coroa e bastón de mando / Estaban (aínda) colocadas ante Anu no ceu / Polo que non había ningún consello do seu pobo / Entón a realeza descendu do ceu“2. Esa realeza baixa do ceu, mais os verdadeiros reis son os deuses, que son quen elixen ao gobernantes, que se reducen a transmisores dos seus designios. En xeral, para os sumerios é deus quen dispensa a realeza e o sumo-sacerdocio. Como afirma un himno dedicado a Enlil, deus do vento, fillo de An, deus do ceu e rei dos deuses, que sería superado polo seu fillo convertido no novo rei dos deuses: “Sen Enlil o «grande Monte» ningunha cidade sería construída e ningún estabelecemento fundado,... Ningún rei sería alzado, nin nacería ningún sumo-sacerdote”3.
Primeira dinastía de Uruk: reis míticos:
Meskiagasher, da segunda metade da 28 centuria, primeiro de catro reis míticos, era fillo do deus sol, Utu. Na listaxe dos reis de Babilonia afírmase que “En Eanna, Meskiangasher, fillo do deus (sol) Utu, deveu sumo sacerdote e rei, e gobernou 324 anos”4.
Enmerkar, fillo do anterior, un dos sete sabios que naceron do río5, foi un rei-sacerdote, o segundo da I dinastía de Uruk, e neto do deus sol, Utu. Foi elixido como soberano pola deusa Inanna.No Xenesís é coñecido polo nome de Nimrod.
Lugulbanda, (s. XXVII a. C.), terceiro da I dinastía de Uruk, sucesor de Enmerkar do que foi xefe militar e vasalo paladino, era descrito nas obras literarias como fillo da deusa da terra, Urash6, mai esta da deusa Ninsun. É incluído entres os deuses nas listaxes dos deuses de Fara. Na lista dos reis da primeira dinastía de Babilonia dise que “o deus Lugulbanda, un pastor, reinou 1.200 anos”7.
Dumuzi, Talmud para os semitas, Adonis para os sirios, Tammuz para os hebreus, era un deus pastor e da fertilidade, esposo de Inanna e fillo de Enki e Ninsun. Mantivo unha disputa co deus agricultor Enkimdu, do que saiu perdedor ao ser rexeitado pola súa esposa, a deusa Inanna. Natural de Ku'ara, gobernou durante 100 anos. Tamén existe outro rei de nome Dumuzi, de Bad-tibira, que reinou durante 36.000 anos.
Gilgamesh, rei de Uruk (ca. 2700), segundo a lista real sumeria, e heroi lendario, aínda que se discute da súa historicidade. Sucedeu no trono ao rei pescador Dumuzi, que era considerado deus e reinou 36.000 anos8. Del afirmaban ser fillo da deusa de grande saber, Ninsun, a «vaca selvaxe», a deusa das vacas, filla de Enmerkar e esposa do rei divinizado Lugulbanda, e dun lillû, (fastasma?), e sumo sacerdote e señor de Kullab. El refire que seu pai é o incorruptíbel Lugulbanda, o seu deus protector9, viaxante como el. "Pola vida de miña mai Ninsun, que me deu á luz, e pola vida de meu pai, o incorruptíbel Lugulbanda, que eu viva para encher minha mai de pasmo, como facía cando ela me embalaba no seu colo"10. No prólogo da epopea de Gilgamesh sublíñase a especial participación dos deuses na súa creación: “Cando os deuses criaron Gilgamesh, déronlle un corpo perfeito. Shamash, o glorioso sol, dotouno de grande beleza; Adad, o rei da tempestade, deulle coraxe; os grandes deuses tornaron súa beleza perfeita, superior á de todos os outros seres, terríbel como um enorme touro selvaxe. Eles fixérono dous terzos deus e um terzo home”11. Na lista dos reis da primeira dinastía de Babilonia afírmase: “o divino Gilgamesh, seu pai era un lillû (espectro, fantasma?), un sumo sacerdote de Kullab, reinou 126 anos”12. Sucederíalle no trono o seu fillo Ur-Nungal, que gobernou durante 30 años.
Protodinástico IIIa (2600-2500): Reis históricos, que mantiveron nexos especiais coa divindade:
Mesilim ou Mesalim (c. 2500 a.C.), gobernante da cidade-estado de Kish, e quizais de Lagash e Umma, “fillo querido de Ninharsag”13, ou Ki, a deusa mai, mediou nunha disputa fronteiriza entre as cidades de Lagash, protexida do deus guerreiro Ninxirsu, e Umma, protexida do deus da guerra Shara. Algúns consideran que se identifica con Mesannepada. O seu protector persoal era o deus da xustiza Ishtaran. Os lindes do seu reino apreséntanse como fixados polo deus do ceu, Enlil: “Enlil, o rei de todos os países, o pai dos deuses, polo seu mandado inapelábel, marcou os límites tanto de Ninxuirsu como de Shara. E Mesilim, rei de Kish, mediu os campos e erixiu unha estela nese lugar por orde do seu deus Sataran”14.
Protodinástico IIIb (2500-2330): Lagash: 2490-2318
Ur-nanshe (2490-2465), fillo de Gunidu e sucesor de Lugalshagengur, rei de Lagash como usurpador, fundador da primeira dinastía de Lagash, foi elixido rei pola deusa Nanshe, á que debe o seu nome, guerreiro da deusa Nanshe. Destaca como construtor de templos, entre eles o dedicado á deusa da xustiza Nanshe, que era a súa protectora e quen “asentou a Ur-nanshe, o amado señor de Lagash, no trono. Ela deulle o alto ceptro ao pastor”15. Nanshe, fixo de Ur-Nanshe un perfecto gobernador16, e a deusa Baba, grande señora do ceu e da terra, elixiuno no seu corazón17. Foi sucedido no trono por Akurgal (2465-2455).
Eannatum: amorreo, rei de Lagash (c. 2455-2425 ), digno de E-An, casa do deus do ceu, sucedido polo seu irmán, Enannatum I (2425-2400). Na Estela dos Abatres dise que o deus “Ninxirsu implantou a semente de Eannatum no seo de Ninurshaga. Ninurshaga pariuno e, con Eannatum, Ninurshaga regocíxase. Innana tómao do brazo. Chamouno deste xeito: «Digno de residir no Eanna de Inanna del Ebgal». Ela séntao no regazo sagrado de Ninurshaga, e Ninurshaga aliméntao cos seus peitos sagrados... El (Ninxirsu) mediuno co seu palmo: cinco codos! El mediuno co seu codo: cinco codos e un palmo! Ninxirsu regocíxase grandemente, concédelle a realeza de Lagash. O chamado de Ninxirsu, Eannatum, o poderoso, fala con cólera ao país inimigo. Inanna deulle o nome a Eannatum”. Por tanto, aparece na Estela como enxendrado por Ninxirsu ou Ninurta, deus da guerra e protector de Lagash, esposo de Baba (Ninisina, Gula), deusa da sanación e raiña da abundancia, e concebido e parido por Ningurshaga, tamén chamada Ki, a Terra e deusa mai. Inanna, deusa do amor e protectora de Uruk, asígnalle como nome o que é apropiado para o Templo do Ceu de Inanna de Ebgal. Ninxirsu é quen lle concede a realeza sobre os seus concidadáns. Finalmente, a Estela subliña que o nome de Eannatum foi imposto por Ninxirsu e Inanna, e foi proclamado tanto no ceu como na terra. A relación de Eannatum cos deuses resúmese así: “Eannatum, rei de Lagash, dotado de forza por Enlil, alimentado polo exquisito leite de Ninhurshaga, que foi nomeado con un bo nome por Inanna, dotado de sabedoría por Enki, o elixido no corazón de Nanshe, a poderosa señora, [o que sub]mete a [todos os países estranxeiros] a Nin[xirsu], o que foi chamado polo nome por Khendursag, o amigo preferido do Lugal URUxKAR, o amado esposo de Inanna, [derrubou coas armas] Elam e Sabartu, os países montañosos (abarrotados) de leña e tesouros”18. A deusa Inanna outórgalle o favor de tomar Kish por ser o seu amado. “A Eannatum, gobernador de Lagash / Inanna porque o amaba, / fíxoo rei de Kish / alén de gobernador de Lagash”19. Eannatum é un benamado da deusa, coa que estabelece unha hierogamia na que están presentes tamén as relacións sexuais como entre os humanos.
Urukagina (2350-2340), usurpador que ascende ao trono de lagash nun período de convulsión social. Foi derrotado polo exército do rei de Umma, o lugal Zagesi, “o fillo nacido de Nidaba”, deusa da escritura e literatura, que pasa a dominar Súmer e pon fin a I dinastía de Lagash, cidade-estado so a protección do deus guerreiro sumerio Ninxirsu, deus tamén do furacán, que tiña dedicado un templo construído por Ur-Nanshe, rei de Lagash. Promulgou o segundo código lexislativo escrito que se coñece, aínda que só por referencias, - o primeiro foi o de Entemena-, O Decreto de Urukagina, no que se le que: “Cando Ninxirsu, guerreiro de Enlil, deu a realeza a Lagash elixindo entre infinidade de persoas, ... este reformou os costumes dos tempos anteriores, aplicando as instrucións que Ninxirsu, o seu señor, lle dera.... Instalou a Ninxirsu como propietario sobre os bens e os campos do rei, instalou a Ba'u (deusa, filla de An e esposa de Ninurta) como propietario dos bens e os campos da «casa das mulleres»; e instalou a Sulsagana (fillo de Ninxirsu) como propietario dos bens dos fillos do rei”20. No seu Código non se estabelecía a lei do talión: ollo por ollo e dente por dente.
Lugal-Zaggesi (2342-2318 a. C), usurpador en Umma, fillo de Bubu, sacerdote do culto da deusa Nisaba ou Nidaba, unificou todo Sumer coa conquista de Lagash, Ur, Larsa, Nippur, Uruk. Autotitulouse «Rei de Uruk e do País de Sumer», "Sacerdote de An", "Gobernador de Utu", "ensi de Enlil", « Gran visir de Nanna" (Ur). Foi derrotado e preso por Sargón. Preséntase como elixido polo deus do ceu Enlil, auténtico rei de todos os países: “Cando Enlil, rei de todas as comarcas / tivo dado a realeza do país a Lugal-Zaggesi,/ cando (Enlil) tivo dirixido os ollos da nación cara a el/ e tivo posto todas as comarcas aos seus pés...”21.
Lexitimación divina do poder no Imperio Acadio (2334-2124)
Os acadios están integrados por grupos étnicos semitas que, a partir de mediados do terceiro milenio, penetran en Mesopotamia, integrándose progresivamente na sociedade e ascendendo na escala social até chegar a conquistar o poder polìtico. O primeiro rei da dinastía acadia é Sargón I o Grande, ou Sharru-Kinu, (c. 2340 a. C. - 2284 a. C), rei de Sumer e Akkad, antes copeiro de Urzababa, o rei de Kish, a quen lle tería usurpado o trono, e fundador do Imperio de Akkad. Segundo a lenda, sería fillo dun xardiñairo de nome La'Ibun e dunha sacerdotisa que o tería abandonado, sendo recuperado e educado polo depositario da auga, Akki, que o designou o seu xardiñeiro. Grazas ao amor e axuda da deusa Ishtar, (outro nome de Inanna), deusa do amor, fertilidade e do ceu, deveu rei. Na Lenda acadia de Sargon relátase o seu nacemento dun xeito que rememora os de Rómulo e Remo, Gilgamesh, Ciro, Moisés, etc. “Sargón, o poderoso rei, rei de Agadé, son eu. / A miña mai foi unha cambiante (sacerdotisa?), a meu pai non o coñecín./ Os irmáns do meu pai amaron as colinas./ A miña cidade é Azupiranu, que está ubicada nas marxes do Eufrates. / A miña cambiante mai concibiume, en secreto pariume. / Ela púxome nunha canastra de xuncos, con betume selou a miña tapa. / Ela botoume no río, que non se elevou sobre min. ... Mentres era xardiñero, Ishtar (Inanna sumeria) outorgoume o seu amor. E durante catro [cincuenta] anos exercín a realeza”22. Na inscrición de Sargón, lese: «Sargón, rei de Acad - comisario de Inanna /rei de Kish - unxido (sacerdote) de Anu /rei do país - gobernador de Enlil. ... Enlil non lle deu rival; deulle o mar superior (Mediterráneo) e o mar inferior Golfo Pérsico); desde o mar inferior os fillos de Acad ostentaron a posición dos gobernadores”23. Unha vez que Enlil lle concedeu a realeza, “entón o templo de Agadé para a pura, a deusa Inanna, a súa augusta mai, el construiu”24. Non se define como un deus senón como un «vicario de deus», aludido polos termos: comisario, unxido, ensi (gobernador), ... e fillo dunha sacerdotisa. A consideración de representante de deus na terra, ou sexa, vicario, tamén está presente en Sumeria, como se pode observar polo selo real do rei Silulu, da IV dinastía de Uruk (ca. S. XX a. C.): “O deus Ashur é o rei, Silulu é o vicario de Ashur”25. A seguinte inscrición real especifica quen é o seu pai: “O deus Ashur é rei, Silulu é vice-rexente de Ashur, fillo de Dakiki, heraldo da cidade Ashur (o seu servente)”26. Por conseguinte, o autentico rei é o deus Ashur, e o rei ocupa o segundo lugar na escada, exercendo a súa gobernanza so o mandado da deidade.
A Sargón sucedeulle o seu fillo Rimush (2278-2270 a. C), que tras un breve reinado é asasinado, e a este o seu irmán e fillo de Sargón Man-Ishtushu ( 2269-2255), que tamén morre asasinado, sucedéndolle o seu fillo Naram-Sin (2254-2218).
Naram-Sin, (2254-2218 a.C.), rei pastor27, protexido da deus Inanna28, penúltimo rei de Akkad e tamén rei non só de Kish senón das “catro rexións do mundo”, ou sexa, rei universal, segundo a representación sumeria29. Ordenou que se escribise o seu nome xunto ao signo cuneiforme que se usaba para os deuses, emparentándose con eles, e autoproclamouse, nunha disposición de auténtica deificación, «deus de Akkad». Foi o primeiro rei de Mesopotamia que proclamou a súa divindade, porque se ben xa houbera reis-deuses, como Lugalbanda e Gilgamesh, somente recibiron esta denominación anos despois da súa morte. Nun extracto dunha inscrición lese que “O poderoso Naram-Sin fixo xirar Arman e Ibla coa «arma» do deus Dagan que agrandou o seu reino”30. A súa práctica da divinización sería seguida polo seu sucesor, Sharkalisharri (2217-2193 a.C.), moitos dos reis da III Dinastía de Ur, - como Shulgi, Amar-Sin (2047-2038), e o seu irmán e sucesor, Shusin.
Gudea: (ca. 2144 - 2124 a.C), sucedeu ao seu sogro Ur-Baba como duodécimo gobernador, patesi ou ensi, especie de rei-sacerdote, da cidade-estado acadia de orixe sumerio, Lagash, segundo da segunda dinastía. Foi un rei reformador, escollido como pastor fiel do país31 entre a multidume polo deus Ninxirsu, “o seu amado rei”32, ao que el construiu un templo do que era sacerdote. No Cilindro A de Gudea, Col. II, redixido c. 2140 a.C, o propio Gudea dirixe á deusa Bau esta plegaria: “Oh soberana miña, ti criácheme como un fillo do ceu puro”. E na Col. IV afirma: “Eu son príncipe, eis o elixido dos deuses, eu”. Na col. V, díse que “ao príncipe (patesi) súa mai a deusa Anuit respóndelle”, e revélalle o enigma do seu soño, referido á construción do templo de Ninxirsu de Lagash. Apreséntase a si mesmo como “Pastor concibido por Ninxirsu no seu corazón; considerado firmemente por Nansha; dotado de vigor por Nindar; o home descrito por Baba; fillo enxendrado por Gatumdug (deusa de Lagash); dotado da dignidade e o ceptro sublime por Ig-alima; ben surtido do alento da vida por Dunshagar; a quen Ninguszida, o seu deus, fixo apresentarse na asemblea coa cabeza erguida”33.
Renacemento sumerio (2142-2004)
Ur-Nammu ou Ur-Namma, o pastor34, guerreiro da deusa Nammu (2113-2095). Primeiro rei da III dinastía de Ur, con dominio sobre Ur, Súmer e Akad. No que fica do Código de Ur-Nammu non se contén unha mención explícita á filiación divina, mais todo indica que se debe ao seu estado de deterioración e que, por tanto, el tamén se consideraría como fillo e elixidos por Deus. De feito, é citado como tal nas Leis de Ur-Nammu: “Despois que An e Enlil devolveron a realeza de Ur a Nana (ou Sin, deus lunar, fillo de Enlil e Ninlil) nese tempo pasoulla a Ur-Nammu, fillo nacido da deusa Ninsun, en lugar da súa querida mai que o pariu, de acordo con seus (i.e. do deus Nanna) principios de equidade e confianza”35. Nun hino ao seu nome figura como formado pola deusa sumeria da Terra, Nintur, tamén coñecida co nome de Ninhursaga36. É descrito como o verdadeiro pastor que engorda as ovellas, o grande irmán de xilgamesh37, o elixido por Nunamnir, ou sexa, Enlil, en Sumer e Akkad e proclamado entre a apiñada xente e feito o «señor do reinado» desde o alto38.
Shulgi (2095 - 2047 a. C), o “divino”39, “pastor dos cabezas negras40”, rei da III dinastía de Ur, fillo e sucesor de Ur-Nammu, nacido de mai humana e tamén dunha deusa, mais enxendrado, alimentado e criado polos deuses. Reimplantou a práctica acadia de divinización do monarca. Fíxose chamar rei das Catro rexións e adorar como un deus, ao que os cidadáns rendían ofrendas. “Meu rei: A túa palabra é a palabra do divino An, que non se cambia; cando decides o destino, / a decisión póñencha na man como a un deus.../ Ti es deus dos homes desde Abaixo até Acima”41. Nos recibos de dádivas votivas dáselle a consideración de “divino”42, naceu dunha deusa, o esposo dunha deusa, amigo e irmán dun deus e el mesmo se autoproclama como deus. Nun himno autolaudatorio afirma: ”O fiel, deus de todos os países son eu, o fillo nacido de Ninsun son eu, o amado de Ninlil son eu, ... o fielmente criado por Nintu (Ninhursag) son eu, o dotado de sabedoría por Enki son eu, ... Shulgi escollido para a vulva de Ianna son eu”43. “Co valente Utu, meu irmán e amigo. ... coa miña esposa, a Virxe Inanna, a raiña das delicias no ceu e na terra”44. Foi coroado polo rei dos deuses, An45.
Shu-Sin (2037-2029), facíase chamar o divino: “O divino Shu-Sin, lugal de Ur construiu o muro dos MAR.TU, o que aparta a Tidnum”46. Un documento sumerio afirma: “O mes Shegurkud, o ano en que o divino Shu-sin chegou a ser rei”47, expresión que se repite tamén no caso do seu sucesor. Nun cantico de amor ao rei dise: “O meu deus, da doncela vinícola, é doce o seu viño de dáctiles, similar ao seu viño de dáctiles é doce a súa vulva, doce é o seu viño de dáctiles ...O meu rei, o deus do seu país!”48; e noutro apreséntase do seguinte xeito: “Ti es o noso pai da cidade e xuíz, Ti es o xenro do noso pai”49. O gobernador de Eshnunna, Ituria, dependente do rei Shu-Sin, dedicoulle a este rei, o seu deus, un templo, con esta inscrición: “Para o divino de Shu-Sin, mencionado polo seu nome por Anu, amado de Enlil, o rei en quen Enlil pensou no seu santo corazón para a dirección do país e das catro partes, poderoso rei, rei de Ur, rei das catro partes, o seu deus - Ituria, gobernador de Eshnuna, o seu servo, construíu o seu templo”50.
O fillo e sucesor de Shu-Sin, Ibbi-Sin (2028-2004), último rei da III Dinastía de Ur. Tamén se apresentaba como divino51. Na estela de Naram-Sin, tamén chamada Estela da Vitoria, represéntase a exitosa campaña do rei de Acad contra os lulubis, e destácase a súacategoría divina mediante un casco con cornos, símbolo da deidade. Documentos coetáneos de Nippur testifican que se tomaba xuramento «por Naram-Sin», ao igual que se facía polos deuses. Parece que asumiu a función de deus protector.
Lexitimación divina do poder nas Dinastías de Isin e Larsa (2025-1794)
A maioría dos reis de Isin e Larsa tamén se consideraban divinos52. O primeiro rei de Isin foi usurpador ex-alto funcionario de Ibbi-Sin, Ishbi-Erra (2017-1985), natural de Mari, comisionado por Ibbi-Sin para procurar alimentos en Sin para satisfacer as necesidades alimenticias da populación, mais aproveitou a ocasión favorábel para declararse rei de Isin, fundador a Dinastía de Sin, e, após conquistar da maioría das cidades sumero-acadias, proclamouse rei das Catro Rexións, ou sexa, de todo o mundo coñecido e facía preceder o seu nome de «divino». Na carta enviada por Ibbi-Sin a Puzur-Numushda, gobernador de Kazallu, e subordinado seu, lamenta que “Agora Enlil concedeulle a realeza a un home desprezíbel, a Ishbi-Erra, que non é natural de Sumeria”53.
Sucedéulle en Isin o seu fillo Shu-Ilishu (1984-1975), que se intitulaba Rei de Sumer e Acad" e "Rei de Ur", e a este o seu fillo Iddin-Dagan (1974-1935), “fillo enxendrado de Dagan, (deus da fertilidade), pastor moi elevado, construtor, divino Iddin-Dagan no conxunto das túas cidades”54, “vicario dos deuses”55, que ostentou os títulos de "Rei de Ur", "Rei de Isin" e "Rei de Sumer e Acad". An asignoulle un grande porvir e del recibiu o trono: “An ... destinouche un grande porvir. Entregouche un trono sagrado e brillante; elevoute ao pastoreo do país56”. Un himno sagrado apreséntanos unha hirogamia súa coa deusa Inanna: “O rei aproxímase coa cabeza alta ao seu sagrado regazo / Aproxímase coa cabeza alta ao sagrado regazo de Inanna / Amma-ushungal-anna túmbase xunto a ela / Acaricia o seu sagrado regazo. / Cando a Señora se tumba sobre o leito, / no sagrado regazo (do rei), / Cando a pura Inanna se tumba sobre o leito / no seu sagrado regazo, / fai o amor con el sobre o leito. / E di a Iddin-Dagan: / Verdadeiramente ti es o meu ben amado”57. O rei, como o deus Utu (logo sería denominado Shamash), ocupa o seu lugar no trono, xunto a Inanna58. Unha vez realizado o acto amoroso, permítese que entre o pobo, cargado de oferendas, e os músicos.
A Iddin Dagan sucédelle o seu fillo Ishme-Dagan (1953-1935 a.C.), titulado "Rei das Catro Rexións" e "Rei de Sumer e Akkad" e el mesmo autotitulouse «Sacerdote de Uruk». Nun himno a Inanna, deusa do amor e filla de Zu-En, móstrase como o elixido por Enlil e Ninlil, consorte esta de Enlil e señora do ar, que lle conceden subxugar aos cabezas negras, o sumerios, e ordenar rectamente o seu dereito59. Ao príncipe Ishme-Dagan, “fillo de Enlil”60, a deusa Mai Baba dálle vida para días afastados. Naceu da Grande Montaña, ou sexa de Enlil, “enxendrado por Ninlil, entre o seu pobo numeroso foi dotado co nome excelso do teu poder”61. Foi Enlil quen fixou o seu destino: “Un trono que reúna todas as forzas divinas, a segura coroa real para días afastados, un ceptro que deixe vivir aos homes con tranquilidade, que conduza a todos por un camiño”62.
Lipit-Ishtar (1934-1924 a. C.), rei de Isín, Sumer e Akkad63, é coñecido polo código que leva o seu nome e polos himnos que se lle dedicaron na súa honra. Foi elixido polos deuses para a gobernanza do país: “Cando Lipit-Ishtar, o pastor obediente, foi chamado por Nunamn{ir} (nome co que se designaba a Enlil) para estabelecer a xustiza no país, para extirpar pola palabra a iniquidade, para destrír pola forza a desorde (e) a malevolencia, para (estabelecer) o benestar en Sumer e en Akkad, (entón) An (e) Enlil chamaron a Lipiti-Ishtar para a soberanía do país”64. O seu alto posto vai acompañado do premio de ser o preferido, “elixido do corazón de Inanna”65. Nun himno dedicado ao deus do Ceu, pai dos deuses e rei de todas as terras, An (Anu), Lipit-Ishtar aparece como o apoio do propio deus, que “co seu corazón rebosante de graza, nomeouno rei”66. Apreséntase como o fillo de Enlil67 e amado dos deuses que o protexen cos seus favores, e como esposo da deusa Inanna. Nun himno que lle foi dedicado ao propio rei defendíase que era rei pola graza de Deus: “Eu son o rei, o ben criado, de boa semente por parte de mai, o fillo do divino Enlil... Son o fillo amado do divino Enlil; / No seu templo de Ki'ur entregoume o ceptro./ Son a delicia da divina Ninlil;/ no seu templo de Nagusshua fixoume un bo destino .../ Eu son aquel a quen o divino Luna (Nana) mirou con cariño;/ el faloume amistosamente en Ur.../ Eu son aquel a quen o divino Enki abriu o ouvido; / el entregoume a realeza en Eridu./ Eu son o esposo querido (da divina Inanna);/ na cidade de Uruk fixo que eu, orgulloso, alzara ao ceu a miña cabeza.../ Eu son a xoia do reino,/ Lipit-Ishtar, fillo do divino Enlil”68. O rei, en contraprestación da axuda divina, móstrase solícito no culto á divindades, como o seu máximo sacerdote. “Eu son aquel a quen o divino Enlil doou a grande forza, / Eu son Lipit-Ishtar que na miña mocidade o adoro./ Eu son o que está sempre ao servizo dos deuses, / o que cuida sen pausa do templo de Ekur / o que se acerca ao sacrificio con un cabrito no peito, / que humilde leva (orando) a man á boca; / o rei que se apresenta á oración, que lle di ao divino Enlil palabras agradábeis, que alegra á divina Ninlil coa súa plegaria”69. Ponse na súa boca que é un “agricultor que amontou as medas, o pastor que acrecenta a manteiga e o leite do redil, quen fai crecer peixes e paxaros no pantano, ... o que procura víveres para a súa cidadeLipit-Ishtar, o pastor de todos os países, son eu”70. El mesmo ousa proclamarse deus: ”Eu son o deus da humanidade, / o máis famoso entre os numerosos seres humanos”71, a quen se rende culto: “Lipit-Ishtar, sé alabado”72.
Enlil-Bani (1860-1837 a.C.), rei de Isín, Sumer e Akkad, xardiñeiro de profisión, que sucedeu a Irra-Imitti (1868-1861), após unha cesión temporal do poder por parte deste nun cerimonial de celebración do ano novo na cal se produce a súa morte, e unha vez asentado no trono negouse a abandonalo. A pesar de ser un usurpador, foi bendicido o seu ascenso polos deuses. Nun himno que lle foi dedicado, é apresentado como “supremo fillo de Zu-en (ou Sin, deus lunar, señor do saber), pastor, conselleiro, que dirixe os seres viventes, que estende sombra ampla sobre todos os países, príncipe sublime, designado por An. ... santo esposo de Inanna, Asariluki deuche unha intelixencia (ampla)”73. Aparece adornado de grandes cualidades humanas: “Enlilbani, ti móstraste como heroi de boca doce, labio de boa palabra, (rei poderoso, rei de Isín), (rei de Sumer e Akkad), santo esposo de Inanna, Asarilukhi deuche intelixencia (ampla), ...”74. Todos os deuses, tamén o seu pai divino, o protexen: “Nanna, o ... señor, o fillo de Enlil, púxoche a «barba da vida» na túa cabeza. Nunimmud75, o teu divino proxenitor, acrecentouche abundancia no Abzu76. Inanna no Eanna77, concedeuche alegría de corazón; oferéceseche marabillasamente no seu sagrado leito para pasar a noite. A mai do país, de Sumer, Ninisina, fíxoche tocar a terra coa túa man en Isín. Utu, o xuíz, o rei do ceu e a terra, púxoche o ceptro que guía os cabezas-negras na túa man”78.
Sin-Iddinam (1849-1843 a.C.), rei reformador de Larsa con dominio tamén en Sumer e Akkad, fillo e sucesor de Nur-Adad. Segundo a inscrición que leva o seu nome: Utu, o rei sol, lanzou unha mirada favorábel sobre min, e elevoume “ao pastoreo de Larsa, someteu á miña orde as tropas da multidume de países (e) confiou nas miñas mans os grandes decretos que lles concernían”79.
Sin-Iqisham gobernou a cidade-estado de Larsa de 1840-1836 a. C, fillo de Sin-Eribam e contemporáneo de Enlil-bani e de Zambiya de Isin e Babilonia. Derrotou a Kazallu de Elam no ano segundo do seu mandato e a Zambiya no ano quinto.
Consérvase un himno seu ao deus protector da cidade de Inab ou Kazalu, Numushda, no que, despois de louvar as súas excelencias, lle pide que poña baixo o seu mando os países desobedientes e prolongue a súa vida: “Exaltado señor, para quen foi determinado un destino favorábel mentres estaba aínda no útero adecuado! Numushda, exaltado señor, para quen foi determinado un destino favorábel mentres estaba aínda no útero adecuado! ... Meu deus, dálle ao rei os países desobedientes! Numushda, dalle aos príncipe Sin-iqisham os países desobedientes! ... Olla acolle favorabelmente as plegarias de louvor! Mira con favor o príncipe Sin-iqisham! Permite que os días xubilosos do rei sexan prolongados, o Numushda!”.
Rim-Sin I (1822 - 1763 a. C.), derradeiro rei da dinastía en Larsa. No ano 1802 conquistou Uruk e no 1793 Isín, converténdose no rei máis poderoso do sul de Mesopotamia, mais após a súa derrota e a do seu aliado de Elam, Siwe-Parlar-Huppak, ante Hammurabi os seus dominios pasaron ao poder dos babilonios. Todas as súas obras e accións estaban protexidas e apoiadas pola divindade. “17 Ano no que (Rim-Sin) levantou a grande fortificacion 'Imgur-Gibil / amado de Gibil' e a cidade de Zibnatum coa axuda das poderosas armas confiadas a el por Enlil. 22 Ano en que o xusto pastor Rim-Sin, so o xusto mandado de An, Enlil e Enki, escavou un canal do que se esqueceu o nome e chamouno 'id-sikil / o canal xenuino' acrecentando largas superficies de terreno ás cidades colindantes. ... 24 Ano en que o xusto pastor RimSin, o sabio do que a mocidade é exhuberante, escavou por orde de An, Enlil e Enki, un canal dobre canal cara a costa do mar, provendo a moita populación con auga potábel, producindo unha superabendancia de colleita nas súas orelas, e converteunas en campos de cultivo e arábeis”80.
Ur-Ninurta (1923-1896 a.C.), rei usurpador da dinastía de Isín, apoderouse do poder á morte de Lippit-Ishtar.
Autodenominouse “fillo de Ishkur” (Adad), “So o seu goberno, puido a xente permanecer en pastos de erba con el como o seu pastor. Puido Ur-Ninurta facer que numerosa xente seguise o camiño xusto. ... Canto ás ovellas, puido el buscar o seu alimento para comer, puido permitir que tivesen auga para beber! ... Ur-Ninurta, o fiel pastor que é atento contigo. Permite que sexa posíbel facer que os cabezas-negras, numerosos como ovellas, sigan o teu camiño”81. Na primeira parte da poesía, A šir-namgala, lóubase a deusa do amor Inanna, e na segunda relátase a súa chamada a Ur-Ninurta para pastor. “Inanna é suprema, con poderes divinos diversos superiores ás outras señoras divinas. Ela perfecciona os planos divinos da realeza a fin de reestabelecela, e decidiu e desexou realmente impartir xustiza aos cabezas-negras e para darlles un goberno estábel. De entre numerosa xente, chamou a Ur-Ninurta para ser o pastor dos seres vivos”82.
Lexitimación divina do poder en Elam
No devir político dos semitas de Elam distínguense tres períodos: Elamita Antigo (2700-1500 a. C.), Elamita Medio (1500-1100 a. C.) e Neoelamita (1100-645 a.C). O dominio de Akkad sobre Elam durou até o reinado do neto de Sargón, Naram-Sin (2254-2218 a.C.), xa que arredor do 2240, Kutik-Inshushinak liberou Susa da submisión aos acadios, se ben pronto pasarían a estar dominados durante un século polos gúteos e a seguir pola cidadeestado de Ur até o reinado de Ibbi-Sin, que foi derrotado no ano 2004 a. C. Polo rei elamita Kindattu. A principios do século XIX a.C. a dinastía imperante dos Shimaski foi substituída pola dos ebártidas, con Eparti I á frente, único rei elamita deificado en vida. Os elamitas mantiveron un control limitado sobre Mesopotamia até que foron desprazados polos babilonios de Hammurabi (1792-1750 a. C.). Con Shutruk-Nahhunte como rei (1185 - 1155 a.C.), Elam derrota aos casitas e estabelece o primeiro Imperio elamita, de breve duración, pois Nabucodonosor I de Babilonia (ca. 1126–1103 a.C.) conquistou Elam arredor do ano 1120 a.C. Arredor do ano 750 recupera a súa independencia e prodúcese un resurximento cultural do país que vai durar até o ano 645 en que foi ocupada polos asirios, perdendo a súa independencia. A estes sucédelle unha dominación dos medos, que, á súa vez, foron derrotados polos aqueménidas, inaugurando o imperio persa. Os sucesores de Eparti non se divinizaron nin se chamaron reis, denominación utilizada para os monarcas locais, senón sukkal-mah, ou sexa, grande rexente.
Igehalki (1350-1330 a. C.), rei de Susa e Anshan, de etnia hurrita, fundador da dinastía que leva o seu nome, usurpador que se lexitimou por ser elixido pola deusa Manzat-Ishtar, a Grande Señora, consorte de Simut, na realidade parece que foron os casitas quen o axudaron derrubar a Teptiahar e conquistar o poder.
Khuman-Numena (1300-1275 a. C.), fillo de Attar-Kittah e neto de Igehalki. Quinto rei da dinastía Igehalki. Pretendía descender de Silhaha. Dicíase elixido polo grande deus elamita Napirisha, esposo de Kikirisha, señora de Liyan e mai dos deuses, e ter recibido a realeza do deus de Susa, Insusinaks, patrón de Susa e deus da xustiza e do dereito. Unha inscrición súa di: “¡Oh!, Napirisha, Kiririsha e os deuses protectores de Liyan; eu son Hubannumena, fillo de Atarkita, grande do reino, soberano de Elam, monarca de Elam, gobernante de Elam, rei de Anshan e de Susa. Napirisha amoume a causa (da lexitimidade) da miña mai e designoume (como herdeiro). Téndose recuperado a estabilidade, Insusinak deume en verdade a realeza. Pola miña vida, a vida de Mishimru e a de Risapla, é polo que, téndose botado a perder o templo antigo, construín no seu recinto un santuario novo e dediqueillo a Napirisha, Kiririsha e aos deuses protectores. Que Napirisha, Kiririsha e os deuses protectores me concedan unha longa vida e me guíen por unha realeza e un reinado de benestar“.
1. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 265.
2. CLAY, A.T., Babilonian Record in the library of Pierpont Morgan, Vol. IV, nº. 2, Col. I, 6-14. (Ver FRANKFORT,
HENRI, Reyes y dioses, Alianza Editorial, Madrid , 1988, p. 259).
3. Himno a Enlil, Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 575. ROUX,
GEORGE, Mesopotamia, historia política, económica y cultural, Acad, Madrid, 2002, p. 104.
4. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 266.
5. Mitos sumerios y acadios, Editora Nacional, Madrid, 1984, p. 123.
6. Mitos sumerios y acadios, Editora Nacional, Madrid, 1984, p. 140.
7. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 266.
8. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 265.
9. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 85. Epopeia de Gilgamesh, 3.
10. «Gilgamesh e o país dos vivos», en Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 49.
11. FONTES, MARTÍN, A epopeia de Gilgamesh, mosaicum.org/wp.../download.php?, Prólogo.
12. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 266.
13. Luckenbill, D. D., Two Inscriptions of Mesilim, The University Chicago Press, In the Journal of the American
Oriental Society, Vol. XXXIII, p. 220.
14. Cono de Entemena
15. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 90.
16. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 90.
17. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 116.
18. La Estela de los Buitres, Tradución de Lara Peinado, Federico, antepasadosnuestros.blogspot.com/.../
la-estela-de-los-buitr...
19. Thureau-Dangin, François, Les inscriptions de Sumer et d'Akkad, Paris, 1905, p. 41. (Ver FRANKFORT, HENRI, Reyes y dioses, Alianza Editorial, Madrid , 1988, p. 248).
20. Los primeros códigos de la humanidad, Tecnos, Madrid, 2009, pp. 22-23.
21. Thureau-Dangin, François, Les inscriptions de Sumer et d'Akkad, Paris, 1905, p. 219.
22. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 119. Mitos sumerios y acadios, Editora Nacional, Madrid, 1984, p. 510. La leyenda arcádica de Sargón, en www.revistabiblica.org.ar/articulos/rb55_103.pdf
23. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 267.
24. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 147. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James
Pritchard, 1969, p. 647.
25. Sello real del rey Silulu, época paleoasiria, s. XX a. C. Grayson, 1972, 5. (Ver: SANMATÍN, JOAQUÍN e
SERRANO, JOSÉ MIGUEL, Historia Antigua del Próximo Oriente, José Miguel Serrano, Akal, Textos, 2006 Sanmartin, pp. 66).
26. Assyrian royasl inscriptions, Albert Kirk Grayson, Wiesbaden, 1972, From the begining to Ashur-resha-ishi I,
books.google.es/books?isbn=3447013826, p. 5.
27. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 648.
28. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 149.
29. As catro rexións eran as seguintes: Sumer : Sur; Elam: Leste; Subartu: Norte, e Amurru: Oeste.
30. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 268.
31. Los primeros códigos de la humanidad, Tecnos, Madrid, 2009, p. 53.
32. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 269.
33. Código, anverso, I, 27 ss. (FRANKFORT, HENRI, Reyes y dioses, Alianza Editorial, Madrid , 1988, p. 260).
34. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 584.
35. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 523. Los primeros códigos de la humanidad, Tecnos, Madrid, 2009, p. 63.
36. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 153.
37. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, pp. 154-155.
38. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, pp. 156, 158 e 160.
39. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 217.
40. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 585.
41. Dunha carta dun ministro de Shulgi, Ur III, ca. 2094-2047; Wilke, 1974, 179.
42. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 217.
43. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 585. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, pp. 162 e 163.
44. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 166.
45. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 166.
46. ROUX, GEORGE, Mesopotamia, historia política, económica y cultural, Acad, Madrid, 2002, p. 190. Nos recibos de dádivas votivas dáselle a consideración de “divino”. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 217.
47. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 217.
48. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 496.
49. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 644.
50. FRANFORT, LLOYD E JACOBSEN, The Gimilsin Temple and the Palace of Rulers at Tell Asmar, (oip, Vol. XLIII), pp. 134-135. (FRANKFORT, HENRI, Reyes y dioses, Alianza Editorial, Madrid , 1988, p. 322).
51. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 217.
52. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 217
53. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 481.
54. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 173.
55. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 174.
56. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 172.
57. ROUX, GEORGE, Mesopotamia, historia política, económica y cultural, Acad, Madrid, 2002, p. 106. Ver tamén: Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, pp. 43-44.
58. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 44.
59. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 55.
60. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 118.
61. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 56.
62. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 119.
63. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 179.
64. Los primeros códigos de la humanidad, Tecnos, Madrid, 2009, pp. 104-105.
65. Los primeros códigos de la humanidad, Tecnos, Madrid, 2009, p. 106
66. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 4.
67. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 178. Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James
Pritchard, 1969, pp. 159 e 161.
68. SANMARTÍN, JOAQUÍN e SERRANO, JOSÉ MIGUEL, Historia Antigua del Próximo Oriente, Akal, Textos, 2006, p. 59. Tamén Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, pp. 180-182, e Ancient Near Eastern Texts, Princeton, New Jersey, James Pritchard, 1969, p. 159.
69. Himno a Lippit-Ishtar, rei de Isin, ca. 1934-1924, Kraus, 1974, 250 ss. (Ver: SANMARTÍN, JOAQUÍN e
SERRANO, JOSÉ MIGUEL, Historia Antigua del Próximo Oriente, Akal, Textos, 2006, pp. 58-59). Tamén: Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, pp. 182-183.
70. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, pp. 182-183.
71. Himno sumerio en honor do rei Lipit-Ishtar, época paleobabilónica, ca. 1934-1924, Römer, 1965, 55. Himnos
sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 181.
72. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 180.
73. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 186.
74. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 186.
75. Epiteto de Enki, tamén chamado Ea, é irmán de Enlil, e fillo de An; é o señor da terra.
76. Na interpretación cosmogónica das mitoloxías sumeria e acadia, é o principio primordial masculino da auga doce dos acuíferos subterráneos sobre a que frota a terra
77. Templo dos ceus
78. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, p. 188.
79. Los primeros códigos de la humanidad, Tecnos, Madrid, 2009, pp. 178.
80. Stele of Rim-Sin
81. Poesía de louvor de Ur-Ninurta, D 33f, A 20, 26, C 20–23.
82. ( A šir-namgala (?) to Inana for Ur-Ninurta (Ur-Ninurta A)
No hay comentarios:
Publicar un comentario