15 abr 2013

Que tipo de República?


Manuel Azaña
 Actualmente a loita pola implantación da III República en España está protagonizada polas formacións políticas á esquerda do PSOE, nomeadamente IU, ERC e BNG,  e en menos medida polas xuventudes socialistas. O PSOE oficialista quer manterse fiel ao chamado pacto constitucional, mentres que o PP abandeira abertamente a causa monárquica. De momento, pois, a defensa do republicanismo é aínda parcial, a nivel de organizacións políticas, aínda que en franco incremento a nivel social polos méritos que están acumulando ao seu favor os membros da Casa Real reinante, e así, aínda que minoritario o seu apoio polas organización políticas, quizais xa sexa maioritario a nivel social.

A identificación da reivindicación da república coa esquerda tamén lle está producindo un fraco favor a súa causa, porque indica que a asunción deste ideal vai atrasarse significativamente no tempo e sería unha república manca. A consecución dunha república para España ten que vir da man da maioría social, e a sociedade por veces dálle o triunfo á dereita e outras á esquerda, e isto é a esencia da democracia: a alternancia no poder. Algúns afirman que se está xestando unha república de dereitas que rouba ao pobo, esquecendo que o roubo non é monopolio da dereita nin da esquerda senón dos ladróns, ubíquense onde sexa. A república en si é unha forma de estado e non unha forma de goberno, e como forma de estado debe estar por acima das clases sociais en loita nun determinado momento histórico, e isto é como se entende o significado de república en todas partes. O contrario sería como castigarnos a ter unha república comunista-socialista ou unha república conservadora-fascista, e iso sería o mesmo limitar a soberanía popular, e confundir a forma de estado coa de goberno. O marco debe ser amplo e no que todos teñamos cabida, no que todos nos sintamos a gusto, e iso implica que ten que valer para as dereitas como para as esquerdas, para os nacionalistas españois e para os nacionalistas periféricos. Se non vale para todos os nacionalistas só fica a alternativa para que os desgustados busquen a solución pola súa parte, no que pode ser unha República Catalana, República Galega ou República Vasca. O que si debe ser unha república defensora dos dereitos humanos, da igualdade de todos ante a lei, da democracia, da laicidade do estado, e totalmente transparente para evitar o inmenso mar de corrupción e cleptomanía a todos os niveis en que se converteu a monarquía borbónica hoxe agonizante.

A solución non está ao meu parecer na abdicación do Rei de España, e a súa substitución polo príncipe Felipe, porque iso sería tanto como seguir defendendo unha institución baseada no privilexio e na desigualdade, que son fonte de corrupción e de discriminación, tónica imperante na España monárquica en toda a historia. Mais que ninguén pretenda que xa con isto se solucionan todos os problemas socioeconómicos, políticos, culturais, etc. do país, aínda que si representa un cambio esencial e significativo nesa dirección a respecto da situación actual. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario