Nunhas declaracións recollidas por La Voz de Galicia do 28/04/2013, o novo presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, afirma que «O galego non é dos nacionalistas, é de todos». Esta é unha declaración profusamente propalada polos españolistas ou galeguistas do lacón con grelos, para lexitimar o seu protagonismo hostil á lingua do propia pobo galego, polos alieníxenas e traidores aos valores e sinais de identidade do noso país, que foron quen até o momento protagonizaron o devir político e cultural da nosa comunidade, á que afogaron e sumiron na situación de postración e declive no noso deambular histórico. No fundo o que pretenden é darse lexitimidade a si mesmos e, ao mesmo tempo, deslexitimar o protagonismo a respecto da lingua que teñen, velis-nolis, os nacionalistas.
A lingua é un sistema de comunicación a dispor dos falantes dunha comunidade, unha serie de signos creada polos utentes dunha determinada colectividade para o seu servizo e a súa función comunicativa. Non é dun grupo ou doutro, senón dos seus falantes, dos que a aman, protexen, falan e lle dan vigor e esplendor. Nos países colonizados, como o noso, a recuperación do idioma é protagonizado por un determinado grupo, denominado normalmente nacionalista, que se caracteriza por un amor profundo, sincero e leal ao idioma propio, que lle outorga a súa razón de ser. É desexábel que a lingua for de todo o pobo, do conxunto dos falantes dunha comunidade que se expresa nesa lingua, mais infelizmente iso non é así. Os nacionalistas non deberían ter máis protagonismo neste eido que os demais membros da comunidade, mais están obrigados a telo ante a situación de abandono, menosprezo e autoodio á que se ve submetido o código lingüístico creado polos seus mesmos antepasados. Se a situación do galego estivese normalizada, xa poderiamos concentrar as nosas enerxías e o noso tempo noutros obxectivos, mais ante a situación de desleixo, abandono e traizón dos poderes públicos e elites dirixentes, non fica outro remedio máis que certos grupos asuman esta tarefa. Se o Goberno galego se preocupase de normalizar o idioma, como fai todo goberno dunha comunidade normal, non estabelecese leis lesivas para el, co propósito de frear a súa recuperación e favorecer o español, teriamos xa avanzado moito e non necesitariamos que os sectores nacionalistas se ocupasen especialmente deste tema, mais, lamentabelmente, isto non é así.
O amor, preocupación, axuda, etc. crean dereitos para os seus implicados. Non pode alegar o mesmo dereito a unha noiva agradecida e sen ciumes, alguén que a ama e se preocupa por ela que quen se dedica a desprotexela, freala no seu desenvolvemento e esplendor, anulala, restarlle medios e posibilidades. A lingua é un código abstracto de comunicación, que de por si non ten dereitos máis si en canto que é asumida polos falantes dunha determinada colectividade, que son quen teñen dereitos, que lle transmiten á propia lingua.
Imos supor que esta lingua se convertese nunha persoa concreta, na noiva que quer ser pretendida e conquistada, que falase e personalizase en si os sentimentos dos seus falantes concretos. Que lle diría aos gobernantes galegos desde o inicio da Autonomía? Máis ou menos sería o seguinte: “Vostedes asumiron como función defenderme e normalizarme mais o fracaso da súa política non pode ser máis evidente. En vez de que recuperase as miñas funcións como sistema de comunicación dos galegos, só se preocuparon de que o español non perdese as súas nesta comunidade. Non se preocuparon de que o meu estatus xurídico estivese á mesma altura que o español, cando debía ter aquí o protagonismo pleno, senón que defenderon sempre a miña inferioridade legal e manterme sempre na minoría de idade. Opuxéronse vostedes a todos os lingüístas máis prestixiosos para afogar e anular os meus dereitos e á mesma lexislación que minimamente me protexía, recorrendo ao cinismo máis vil para apoiar as súas pretensións. Participan do papanatismo máis ridículo pretendendo que unha lingua estranxeira se equipare en dereitos comigo ante o meu noivo, e xa comezades a ila introducindo progresivamente entre o público, como se exemplifica pola aposta pola palabra «cross-booking» no frontispicio da caseta de libros de Santiago, aínda que sabedes que ninguén coñece o seu significado, só porque vos parece que así sodes máis cultos, ao tempo que tapades a vosa incapacidade para empregar a palabra axeitada en galego para o mesmo uso. Non podo querervos, salvo que rectifiquedes e adoptedes un veraz propósito de emenda. Pídolles que non ataquen aos que aínda me defenden”.
Que lle diría aos «patufos desleigados» de que falaba Manuel María, que non a asumen como vehículo normal de comunicación? Sería máis ou menos isto: “Eu fun a lingua dos vosos pais, dos vosos antepasados nesta comunidade, da que fun parcialmente afastada en beneficio do español, co consentimento tácito de persoas pouco sensíbeis aos meus dereitos. Fun, e continúo a ser, vítima do autoodio máis descarnado, da indiferenza máis vil, non tiven persoas lúcidas que se solidarizasen coa miña causa e que loitasen por impedir que o pobo galego me denigrase como noiva. No fundo seguen a crer que a outra noiva, a miña competidora, é máis bela e oferece un dote maior que o meu, cando é exactamente ao revés. O voso comportamento éncheme de dor e tristura. Celebrarei o día en que cambiedes de sentir e de opinión sobre min e poidamos celebrar un matrimonio feliz”.
Finalmente, que lle diría aos académicos da RAG? O seu discurso podería ser máis ou menos o seguinte: “A institución que representades asumiu o compromiso de defenderme, mais, salvo actos meritorios dos últimos tempos, non foi así. Participástedes mesmo do autoodio que embargou ao pobo galego e inclusive na vosa vida diaria deixastes de empregarme. Contemporizástedes da política españolizante e pretendéstedes manter un ridículo termo medio entre os que me amaban e os que me odiaban. Arredástesme da miña irmá xémea univitelina, da lingua falada no mundo lusófono, e cerceastedes as miñas posibilidades de desenvolvemento e esplendor. A miña irmá podería axudarme extraordinariamente para que fose unha noiva máis recoñecida, con máis medios e máis prestixiada a nivel internacional, mais só vos preocupastes de que me parecese á miña competidora no noivado dos galegos. Marxinades na vosa institución a todos aqueles que queren que poida contactar coa miña irmá para devir entre as dúas máis fortes e máis útiles para o noso noivo”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario