16 abr 2013

Interpretacións racionalistas da relixión


A palabra racionalista, vén de razón, e neste sentido debería entenderse que toda persoa debe ser racionalista, pois todos deberiamos utilizar a razón para a argumentación e para a resolución de problemas e conflitos. Porén, por veces, utilízase este termo en sentido pexorativo e como arma de descualificación do adversario. De aí que cumpre especificar que se entendeu e entende por racionalismo.

Na Idade Media, nunha cultura fundamentalmente relixiosa, o termo racionalista aplicábase a unha alternativa oposta ao fideísmo e distinto tamén dun posicionamento moderado, a respecto da relación entre fe e filosofía. Os fideístas afirmaban que o importante e prioritario é crer aínda que non se entendan as razóns polas que se cre, e ten en Tertuliano o seu máis radical defensor coa súa célebre frase: «credo quia absurdum», creo porque é absurdo. Creo o misterio da trindade, da encarnación, ... e creo neles precisamente porque son algo absurdo e incompresíbel. Santo Agostiño de Hipona tamén adheriu ao fideísmo ao postular que primeiro hai que crer e logo entender, pois, en seguimento dun texto mal traducido de Isaías, «se non crerdes non entenderedes». É un posicionamento fanático, inclusive diría que para os cristiáns, xa que suporía renunciar ao instrumento que Deus lle deu ao ser humano para entender a realidade. Antes de crer algo, sexa o que for, o ser humano debe reflectir se iso é críbel.

O racionalismo teolóxico medieval afirmaba que a razón goza de independencia con respecto á fe, mais como por outra parte, os defensores deste posicionamento eran crentes, iso levounos a defender a sorprendente doutrina da dobre verdade, quer dicir, que unha cousa pode ser verdadeira segundo a fe e falsa segundo a razón e ao revés, como defenderon os averroístas latinos e os seguidores de Siger de Bravant. O posicionamento equilibrado ou moderado, pola súa parte, afirmaba que o campo da razón e da fe son distintos mais, como ambos teñen a Deus como autor, non poden contradicirse, e de aí que deban colaborar entre si na procura da verdade revelada. Mais, en resumidas contas, este posicionamento chamado moderado, no fundo é fideísmo, xa que, en definitiva, a fe ten a preeminencia e obriga á razón a que se submeta aos seus ditados, como pode ver calquera que lea a obra de San Tomás de Aquino, para quen a filosofía, ou sexa, a razón é serva da teoloxía, quer dicir, da fe.

No século XVII, o francés Renato Descartes crea o chamado racionalismo filósofico, que ten o seu antagónico no empirismo inglés. O racionalismo afirmaba que a razón é o instrumento válido para chegar á verdade sen temor a equivocarnos, cando discorre por si mesma á marxe dos dados que nos subministran os sentidos, o cal ten como corolario que a matemática é a ciencia máis segura porque nela non hai nada relativo á experiencia que a volva incerta. O coñecemento máis seguro de todos é o da propia existencia, porque se fai a partir da intuición intelectual do eu penso, logo existo. O empirismo afirma, pola contra, que é a experiencia a que traza a orixe, límites e alcanzo do noso coñecemento. Por tanto, todo coñecemento orixínase na experiencia, que é tamén a que lle dá a seguranza e estabelece os seus límites.

A partir da Idade Moderna a teoloxía cristiá adoptou unha nova peculiaridade de  racionalismo teolóxico, que consiste en cualificar de racionalista a todo aquel que disinte da interpretación eclesial oficial da mensaxe evanxélica e en xeral da doutrina  canónica da Igrexa. Así aos autores que disenten da interpretación bíblica predominante e dos dogmas eclesiais son cualificados de racionalistas. A miña tesina de teoloxía versou precisamente sobre “As interpretacións racionalistas de Xesús de Nazaré”, e neste saco, metíanse a autores idealistas alemáns como o idealista da esquerda hegeliana, Bruno Bauer, o protestante liberal Adolf von Harnack, o positivista Ernesto Renan, etc. Por tanto, todo aquel que disentía da ortodoxia oficialista era incluído no saco dos racionalistas, o cal xa procuraba un motivo para os descrédito do discrepante e unha descualificación non só da razón senón do pensamento libre, reflexivo e crítico, e da mesma ciencia, especialmente da historia, que visa fundamentar os dados e separar os fundamentados de aqueloutros que non resisten as probas do método científico, e unha opción a favor do pensamento servo, da ignorancia e da superstición.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario