15 jun 2014

Baixa calidade da democracia española

Mariano Rajoy

Platon dividía o que el chamaba formas de goberno en cinco clases, e consideraba que a aristocracía, ou goberno dos mellores, das elites, é a máis perfeita; e seguíanlle, en orde de perfeizón decrecente, a timocracia, ou goberno dos militares; oligarquía, o goberno dos ricos, democracía, o goberno do pobo, e tiranía, o goberno ditatorial. Platón non era, pois, demócrata, mais non era demócrata no sentido en que se entendía a democracia na Grecia de Pericles e seguidores, porque consideraba que se prestaba ao populismo, ao triunfo dos mediocres, á instabilidade política e á demagoxia. Era unha democracía directa na que todos os cidadáns varóns maiores de idade podían entervir nas asembleias que se celebraban na ágora ou praza pública.

Esta forma de democracia non é a que está vixente nos nosos días en nengún país do mundo, entre outras cousas, debido á magnitude da populación dos países de hoxe en día, en que nalgúns casos, como a India e a China, superan con moito os mil millóns de habitantes, cifra incomparábel cos trescentos mil habitantes que podían alcanzar as cidades gregas máis poboadas, como Atenas. O país que máis se acerca ao sistema de democracía directa é a Confederación Suiza, un dos países máis democráticos, ricos e estábeis do mundo, que organiza referendos para consultar a cidadanía tres ou catro veces por ano, que contrasta co Estado español que somente organizou dous en toda o seu período democrático; un, en 1986, a respeito da OTAN, para permitir que o PSOE puidese xustificar o incumprimento do seu programa electoral de non meternos neste organización; e outro, en 2005, para aprobar a actual Constitución europea. Suiza acode a referendos tanto constitucionais como opcionais. Os primieros cando se aproba ou modifica a constitución, e os segundos cando se aproba ou cambia unha lei ou decreto, que pode dar lugar a unha consulta popular se o pede un mínimo de 50.000 habitantes.

A economía capitalista goza dun marco de actuación global, temos unha economía globalizada, na que as decisións que afectan a cidadanía en temas estratéxicos, se toman moitas veces á marxe desta e en contra dos seus intereses. A ecomomía globalizada é a globalización do capital transnacional que pode impoñer as súas leis a todos os países do mundo, mediante as deslocalizacións de empresas, paraísos fiscais, explotación da man de obra dos países subdesenvolvidos, controlo dos gobernos, etc. con consecuencias moi negativas sobre os países orixinarios desas empresas. Estas adquiren un poder extraordinari polo montante de facturación e beneficios que obteñen, que lles permiten inclinar as leis estatais para favorecer os seus intereses. Segunda eiva democrática.

En España, en contra do que acontece en Suiza, os gobernos de turno non teñen que organizar referendos para a reforma constitucional a petición dos cidadáns, senón que somente se ve obrigado se unha maioría cualificada de lexisladores tanto no Congreso como no Senado promove esa reforma. Hoxe a cidadanía grita que os políticos «non nos representan», mais non ten instrumentos para poder cambiar as normas de xogo e para que a súa voz sexa tida en consideración. Segundo inquéritos recentes, o 62 por cento dos españois quere ser consultado sobre o dilema monarquía-república, mais se non quere o PP non hai nada que facer. A democracia como goberno do pobo reséntese ao non ser atendida a súa petición nun asunto de tanta transcendencia, e, sobre todo, tratándose dunha institución, a monárquica, que nunca puido ser lexitimada polos cidadáns, pois non pode ser considerada como lexitimación unha votación na que figura nun paquete coas liberdades democráticas. Por tanto, non temos un Chefe de Estado con lexitimidade de orixe nen podemos saber cal vai ser a súa liña política, se ten algunha, antes de acceder ao trono. Por outra parte, tampouco hai mecanismos que faculten ao pobo para poder pronunciarse; terceira eiva democrática e moi importante.

A cuarta eiva democrática é a inexistencia dunha auténtica separación de poderes no sistema político español, que Montesquieu consideraba imprescindíbel para que poida existir democracia. En España, un dirixente como Mariano Rajoy, controla na actualidade o poder lexislativo, pois é el quen decide quen vai nas listas electorais, unha medida moi importante para suscitar a adhesións dos lexisladores; é el quen preside o executivo, e sempre pode eliminar os discrepantes; e, finalmente, a través da súa maioría absoluta no Congreso e no Senado, controla o Consello do Poder Xudicial e o Tribunal Constitucional.

A Constitución Española somente recoñece como suxeito protagonista o pobo español e deixa no limbo legal os pobos vasco, catalán e galego, por máis que teñan un facto diferencial proprio e aspiren a ter maiores cotas de autogoberno. O pobo catalán manifestou dun xeito inequívoco nos sucesivos procesos electorais que quere ser consultado sobre o seu devir político, e o Goberno español non se dá por inteirado e o único que lle oferece é esnafrarse contra o corsé legal imposto, pretextando, con falsa conciencia, que a Constitución o impede, porque de existir vontade política, podería delegarse temporalmente a Catalunya esta faculdade ou proceder a unha reforma constitucional express, tal como a que fixeron para reformar o artigo 135 da CE. Quinta eivademocrática e non das menores.

Unha reforma constitucional debe conservar o espírito con que foi aprobada e non ser aproveitada polos gobernantes de turno para deturpar ese espírito, con consecuencias moi negativas para ese pobo, que foi quen a aprobou, e que ve como despois se lla modifica sen darlle trámite de audiencia de nengunha clase, e só para favorecer aos oligarcas estranxeiros e estatais. Isto foi o que aconteceu coa reforma do artigo 135 da CE, impulsada polo bipartito PP-PSOE. Cumpriron a literalidade da lei mais non o seu espírito, e, como reza unha viñeta de Castelao, «A lei é igual para todos, mais a veces aplícanche a letra e outras o espírito». Sexta eiva democrática e non das menores.

O sistema legal dun país non está constituído somente pola constitución, senón tamén polas leis que a desenvolven e polas sentenzas dos tribunais que as interpretan. No Estado español acudiuse dun xeito prolixo ao recurso aos tribunais para ratificar políticas do bipartito PP-PSOE, chegando ao caso esperpéntico de que o Tribunal Constitucional, inconstitucionalmente constituído e controlado polo PP, invalidase o Estatuto de Autonomía de Catalunya, que xa fora parcialmente aprobado, após ser laminado polo Congreso dos Deputados, e referendado por todo o pobo de Catalunya. Sétima eiva democrática e tampouco das menores.

No Estado español foron elaborándose leis que agreden á maioría social, sen que poida expresar a súa voz, en casos como o acceso a unha vivenda digna, invalidada polos desahucios; o direito ao traballo, invalidado pola facilitación do despido para favorecer as oligarquías; o nivel dun 26 por cento de paro sen tomar medida algunha para palialo, a eliminación dos convenios colectivos, para debilitar a forza dos traballadores; a eliminación de trabas para acollerse aos ERE, tamén en favor das oligarquías, etc. Oitava eiva democrática.

Un sistema democrático debe facer partícipe ao pobo das decisións e para isto debe ser informado de como se xestionan os asuntos públicos e como se inviste o seu diñeiro. En España, con un índice de corrupción galopante, nen sequer se dispoñen de dados do que custa a institución monárquica, porque se disfarza entre ministerios moi diversos, quizais precisamente co fin de ocultalo. Non hai maneira de obter dados totalmente fiábeis e oficiais do patrimonio acumulado durante todos este anos por un Chefe de Estado protexido pola censura, que, en grande parte, explica que gozase tanto tempo de índices de popularidade inxustificadamente altos, e non sabemos sequer cal foi a súa auténtica participación no 23 f, e só sabemos de certos indicios que parecen indicar que non foi totalmente alleo á intentona golpista. É frecuente que as adxudicacións de contratos polas administracións públicas se disfarcen, precisamente para burlar a lei, troceándoos en partes para eludir o concurso público, que aforraría moito diñeiro aos cidadáns, ao obrigar a abrilos á competencia. Estamos á espera de ver se isto se corrixe coa publicación da lei 19/2013 de 9 de decembro sobre transparencia, ou se inventan novos pretextos para burlar a lei. De momento, novena eiva democrática.

É máis democrático un sistema político con listas abertas, limitación de mandados, prohibición de autoconcesión de privilexios para os políticos, etc. e, nomeadamente, un sistema que permita a competencia dos aspirantes a dirixir a vida política, evitando os nomeamentos a dedo, como no caso de Rajoy, que indica que este partido non ten un sistema de recambio dos líderes plenamente democrático e representativo. Décima eiva democrática.

Last but non least, os sistema político español non ten mecanismos, como podería ser un referendo revogatorio, para evitar casos tan esperpénticos como a dun partido político que reparte sobres en B, leva unha contabilidade tamén en B, xa ratificada polo xuíz Ruz, que comete fraude fiscal, que dá ánimos aos corruptos, e, por tanto, que se ve sumido nunha corrupción sistémica e que adopta como única alternativa a de borrar probas e esperar a ver se pasa o chaparrón e nos imos de rositas para e aquí non pasou nada. Nen tampouco ten mecanismos para evitar que un presidente se presente a unhas eleicións con un programa electoral «A», ratificado coa promesa de que de que a confianza coa cidadanía se recupera dicéndolle sempre a verdade aos cidadáns, e aplica o programa «B», totalmente distinto, por directriz dos seus mentores teutónicos, vendendo a dignidade nacional, e xustificándoo en base á herdanza recebida, porque el mentres estaba na oposición non se inteiraba de nada apesar de que o seu partido gobernaba en máis da metade das comunidades españolas, sen precisamente dar exemplo de boa e eficaz administración. Un partido político que consente casos tan esperpénticos como o de Santiago, con nove dos seus trece concelleiros imputados e, non obstante, xustificados polo presidente do seu partido, inclusive após a sentenza condenatoria, porque en contra do que di a sentenza, non son delincuentes. Undécima eiva democrática.

Como vemos, destas once, unha reférese ao contexto global e non é atribuíbel só a España, mais as outras dez si son aspectos superábeis na democracia española, que permitirían elevar a súa calidade. Mentres isto non se leve a cabo, podemos afirmar que é unha democracia de baixa calidade, porque os cidadáns membros dos pobos que conforman o Estado español non teñen nas súas mans o protagonismo para cambiar o seu futuro, senón que este depende das minorías oligárquicas, favorecidas polas portas xiratorias, quen controlan o proceso. Máis que dunha democracia conviría falar dunha oligarquía con eleicións cada catro anos e con ausencia total de elementos de democracia participativa, que Platón seguramente  abenzoaría. Está inxustificada, por tanto, a loubanza que a Carta Magna española recebe de tertulianos, moitas veces intelectuais orgánicos ao servizo do poder, con frases como «temos unha constitución avanzada», «temos unha constitución equiparábel aos países máis avanzados». etc., e sen detectar un retruque convincente de parte dos seus interlocutores, que, teoricamente, deberían coñecer e, en consecuencia, aducir todas estas razóns.

No hay comentarios:

Publicar un comentario