10 jun 2014

Referendo equitativo


Xa expuxen en entregas anteriores o que representa a monarquía para un país, e, do que manifestei, dedúcese claramente que estaría de acordo en que se consulte á cidadanía sobre a forma de Estado que queremos todos, inclusive os que somos galegos, se neste momento histórico, non existe unha tendencia clara para transitar cara a unha república galega, que debe ser o anseio do noso ideal de libertación nacional.

A min paréceme claro que as mobilizacións actuais non serán quen de determinar o goberno a decidirse xa a convocar un referendo, entre outras cousas, porque os partidos do bipartito e os seus gobernantes non son proclives a atender as demandas cidadás, salvo en caso de que se vexan forzados a facelo por problema de estabilidade social ou perda de votos nas urnas, mais si teñen a virtualidade de expresar un estado de opinión social que entende que unha familia non pode usufrutuar o Estado en beneficio proprio e ocupar a máis alta maxistratura en virtude do seu nacimento, e que, tarde ou cedo, debera desembocar nun cambio constitucional que recolla as aspiracións dos cidadáns. Alén diso, toda crítica ás institucións socio-políticas e relixiosas é purificativa porque dificulta que caian na corrupción, como aconteceu coa actual familia real, e, en xeral, con todos os estamentos da sociedade española. Nunca se tivese chegado á súa situación de descrédito de non ser pola protección mediática de que gozou e do apoio incondicional e ocultamento do que estaba a pasar por parte do PP e do PSOE.

Mais, cando formulamos a cuestión do referendo sobre o dilema monarquía-república, nós temos claro o significado dun dos termos, o de monarquía, rexime hereditario, máis honorífico que real nas monarquías parlamentarias, con moita tendencia a corromperse por usurpar ininterrumpidamente o poder, desigualitario e rodeado de privilexios; mais non está definido o significado do segundo, porque pode falarse de repúblicas de moi diversos tipos, embora todas concordan en que o presidente da república é eleitivo. Se atendemos ao poder depositado no presidente da república, pode ser:
República presidencialista, na que o presidente ten poderes representativos e executivos,  poderes estes últimos deslindados do lexislativo, executivo e xudicial, como no caso de EEUU de América e en xeral dos países do continente americano.
República semi-presidencialita, na que o Chefe de Estado ten certas competencias executivas, como poden ser asuntos exteriores e defensa, ao tempo que outras son ostentadas polo Chefe de Goberno, como no caso de Franza, Rusia, Exipto, Rumanía, Ucraina, Portugal ...; ou finalmente,
República parlamentaria, na que o Chefe do Estado non ten poderes executivos senón só representativos, mentres que os executivos son ostentados polo Chefe de Goberno: II República española, Alemaña, Italia, Chequia, Eslovaquia, Austria, Hungría, Letonia, Lituania, Suiza, Turquía, Finlandia, Irlanda, Malta, India, ... Deixo á parte as repúblicas absolutista e constitucionalistas porque non son opción de futuro nen sequer a nivel de pensamento.

Se atendemos á configuración política do país, ou sexa, a distribución territorial do poder, as repúblicas poden ser:
Unitarias, se non existe partición da soberanía senón que é única, como no actual Estado español, e esta soberanía pode estar
Centralizadas, como é o caso de Portugal, ou
Descentralizadas, e esta á súa vez pode estar descentralizada só administrativamente, como é o caso de Franza, ou gozar de descentralización administrativa e política, como no caso de España.

A República do 31 foi definido como un Estado integral, ou sexa, un estado descentralizado politicamente mais con soberanía única, como o Estado español na actualidade. Foi un estado con autonomías, que despois sería imitado por Italia, que non se atreveu a constituírse en federal por presión de certos elementos republicanos, entre os que cumpre destacar a José Ortega e Gasset.
Federais, na que existe compartición da soberanía entre o estado federal e os estados federados, chámense estados, nacións, länders, ... A palabra federación vén de foedus en latín, que significa pacto; por tanto, pártese dun pacto entre suxeitos dotadas de capacidade de pactar, e, consecuentemente autónomos e libres. Esta federación pode pode estabelecerse entre territorios diversos, carezan ou non de identidade propria e nacional, como é o actual estado autonómico, ou entre as nacións que constitúen un estado, como sempre defenderon os nacionalistas galegos, vascos e cataláns, que denominarei como república federal autonómica, e república federal nacional. Atendendo ao modo de solucionar os problemas, o federalismo pode ser:
Dual, tamén denominado competitivo, no que os estados federados e o estado federal son soberanos e iguais na súa respeitiva esfera de competencia, e distribúen os poderes que cada un debe realizar, quer delegando ao Estado federal certas competencias e as non delegadas son reservadas para os estados federados, como no caso dos EEUU e Arxentina, quer delegando competencias aos estados federados e as non delegadas ficarían para o poder federal, como seguiu o Canadá.
Cooperativo, que é aquel no que o goberno federal e os federados dun moso sustentábel colaboran, cada un no seu ámbito competencial, para a realización dos seus fins, poñendo en común as súas respeitivas faculdade e recursos. competencias más importantes están repartidas en diferentes fases entre ambos niveles. A distribución do poder e a autoridadee están mesturada entre o nivel estatal, autonómico ou provincial e local, desenvolvendo un nivel o lexislativo sobre a educación e outro o executivo. Foi o caso de Alemaña, agora en crise. Por exemplo, un profesor sería ao mesmo tempo, funcionario federal, funcionario da comunidade autónoma e do concello. É nomeado polo Estado federal, de acordo cos seus criterios, e debe operar de acordo coas normas emanadas do poder federal, e é retribuído polo estado federal e polo estado federado, mentres que o Concello lle fornece o colexio no que traballar. Tende ao centralismo e á diluición das diferenzas, e por algo é o defendido polo partido furibundamente españolista UPyD. Noutro artigo estabelecerei as diferenzas entre o estado autonómico e o estado federal e tamén das diferenzas entre federalismo e nacionalismo. Á súa vez, cada un destes, ou sexa, o dual e o cooperativo, pode ser simétrico ou asimétrico sengundo receban ou non as mesmas competencias os diversos estados federados.
Confederación, que algúns denominan estado confederal, mais incorrectamente, porque, a diferenza do Estado federal no que se estabelece un estado novo, distinto dos suxeitos que pactan e ao cal se cede soberanía, na confederación non se cria nengún estado novo, senón que a soberanía reside nos estados que se integran na confederación, que deciden criar órgaos de coordinación entre eles, como sería o caso da Comisión Europea na UE. É unha unión moito máis superficial que no estado federal e as decisións tómanse, na maior parte dos casos, por unanimidade.

Todo parece indicar que se España se encamiña cara a unha república, a máis enraizada no país sería a república parlamentaria, estilo Alemaña ou Italia, porque ten o precedente da República do 31 e porque é o sistema que máis se parece á configuraicón política actual. Dentro da República, se se quere resolver o problema territorial e non meramente conlevalo, como defendía Ortega, polo menos para un período dilatado de tempo, a única opción sería unha república federal, e, de entre estas, a república federal nacional dual, ou, en caso de considerar estados federados a todas as autonomías, unha república federal dual asimétrica, con elementos confederais en temas como os da lingua, cultura, institucións de autogoberno, ... Foi o partido que liderou a transición, a UCD, sendo ministro para as rexións, Manuel Clavero Arévalo, quen decidiu criar un estado autonómico rexional simétrico, coa finalidade de disfarzar a solución do problema vasco e catalán e evitar as presións dos militares que se opuñan a que Catalunya e Euscadi gozasen dun réxime diferencial, que eles denominaban de privilexio. É o que se coñece como «café paraa todos», e que, para solucionar un pequeno problema, deuse unha solución que orixinou o macroproblema dun estado mastodóntico e insustentábel no tempo. Quen gañariamos con esta solución? En primeiro lugar, solucionar o problema das nacións e, en segudo lugar,  se vai acompañado dunha eliminación dos elementos do antigo réxime centralista, as deputacións e a administración periférica do Estado, criar un estado ordenado racionalmente e sustentábel no tempo.

Se se convocar un referendo e, se realmente temos vocación de gañalo, non nos vale calquera clase de referendo senón que ten que ser un referendo equitativo para as dúas opcións: república e monarquía, e isto devén imposíbel se se realiza co Borbón no trono e con un goberno, como o actual, que o xestiona con con todos os mecanismo do poder á favor da opción monárquica, incluídos os resortes dese poder e o controlo abafante dos meios de comunicación de masas, o beneplácito do poder económico imperante e a mesma Igrexa Católica, que foron precisamente quen se sublevaron contra a II República, xunto cos militares.

Non vale tampouco a opción entre Felipe e o vacío, pois, neste caso, a xente, como é lóxico, optaría polo seguranza do presente coñecido frente ao horrorem, periculum ou metum vacui, o horror, o perigo ou medo ao vacío. Se calquera vai ao mercado e ten que optar entre unhas nabizas que ve e das que a tendeira lle fala ben e unhas nabizas que se lle presentan que non pode ver nen sequera en catálogo e que ten que elexer inclusive co criterio interesado da tendeira, o resultado vai ser que moi poucas persoas opten por esta opción. Moi distinto sería o caso se pode optar por unhas patacas de Coristanco ou ten que optar por unhas de Granada, ambas presentes e que pode comparar.

A única alternativa, pois, para que o referendo sexa equitativo, é que un organismo neutral organice o referendo e que se presente un candidato a monarca, neste caso Felipe, e outro candidato a presidente da República, e que ambos nos presenten as súas alternativas para o país, e as alternativas de futuro. O primeiro tería que convencernos que un réxime desigualitario ante a lei, que accede ao cargo en virtude da physis, da animalidade, que hai que aturalo aínda que quen encarna o poder sexa pouco intelixente, corrupto, representante dunha institución con un pasado que é o que é, e que non che oferece alternativa de submeterse a votación nen en orixe, cando se entronice, nen periodicamente, que goza de privilexios a eito e que ten uns antecedentes ligados coa corrupción até os narices, é a mellor opción. Tería tamén que dicernos se estaba ou non disposto a renunciar ao estabalecido no artigo 56.3 da Constitución española que di que “A persoa do Rei é inviolábel e non está suxeita a responsabilidade”, e, por tanto, non pode ser xulgado nen sentenciado.

Un presidente republicano, tería que demostrarnos se realmente está disposto a servir de exemplaridade para o país, cales son as súas ideas a respeito do modelo de sociedade e do modelo de estado, etc. Unha vez explicitado isto, o pobo español xa estaría en condicións de optar pola monarquía ou pola república, e todos deberiamos aceptar o veredito da cidadanía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario