22 oct 2012

A Restauración (01)


Ortega nace na época da Restauración borbónica, que sucedeu á I República. Esta  fracasou pola ineptitude dos seus dirixentes, o peso da guerra colonial, a guerra carlista e a incapacidade de instaurar unha república federal, causa do surximento do anarquismo cantonalista. A Restauración da monarquía borbónica prodúcese tras o pronunciamento en Sagunto do xeneral Martínez Campos o 29/12/1974, polo que proclama a Afonso XII como rei de España. Ten que facer frente aos problemas que deixou sen resolver a I República, mais o seu éxito foi limitado, salvo polo que se refire ao problema cantonalista propiamente dito, mais que, non obstante, deixou o problema dos nacionalismos periféricos do Estado español, catalán, vasco e galego, sen resolver. O catalanismo estaba, a esa altura, protagonizado polo republicano federalista liberal Valentí Almirall (1841-1904), o nacionalista conservador, Prat de la Riva (1870-1917), o conservador e cofundador da Lliga Regionalista, Francesc Cambó (1876-1947), e o representante do catalanismo liberali, republicano e laico,  Antoni Rovira i Virgili (1882-1949). A esa altura, o nacionalismo catalán era o máis forte do Estado e presionou para que se lle concedese a Mancomunidade por Real Decreto de 18/12/1913, polo goberno Dato. Era un organismo con fins exclusivamente administrativos que sexan competencia das provincias e non políticos, un vaso vacío, como afirmou Prat de la Riba, que sería o seu primeiro presidente. Prevía aumentar as competencias, se ben debería facerse por lei aprobada polo Congreso dos Deputados.
Euskadi perde os foros en 1876, tras a proclama de Somorrostro de 13/03/1876, embora se conservarán determinadas especificidade en materia tributaria, os chamado concerto económico. Esta batalla pon fin ás guerras carlistas e estabelécese a unidade constitucional de España, que será fixada na Constitución de xuño de 1876. Como manifestou, na súa alocución, Alfonso XII, "Todos estos males, aunque espantosos y por todo extremo lamentables, quedan reducidos al espacio de una sola generación; pero, fundada por vuestro heroísmo la unidad constitucional de España, hasta las más remotas regiones llegará el fruto y las bendiciones de vuestras victorias". O galeguismo estivo representado, na fase rexionalista do último terzo do século XIX, polo liberal progresista, Manuel Murguía (1833-1923) e polo tradicionalista antiliberal, Alfredo Brañas Menéndez (1859-1900). Na fase nacionalista, fundamentalmente polos irmáns da fala, os liberal democráticos: irmáns Antón e Ramón Villar Ponte, Castelao, Bóveda, ... e os católico-tradicionalistas: Vicente Risco, Oetero Pedrayo, Lousada Diéguez, ...

O verdadeiro artífice da Restauración foi Cánovas del Castillo, líder do partido afonsino, que se propón restaurar a monarquía na dinastía dos Borbóns, e en concreto na persoa de Afonso XII; estabelecer un réxime representativo aínda que non na súa faceta democrática senón doutrinaria, integradora no poder das supervivencias estamentais e un sistema de partidos integrado polo liberal conservador e o partido liberal progresista, o primeiro, continuador da ideoloxía do Partido Moderado e da Unión Liberal e o segundo recolle a herdanza do Partido Fusionista. Trátase dun sistema bipartidista no que o Partido Conservador tería o seu contrapeso nun partido liberal progresista, capaz de aglutinar aos sectores progresistas, democráticos e republicanos. Defendía o sufraxio universal masculino, a liberdade de asociación e a separación de poderes. Os partidos conservador e liberal non se distinguían por “diferencias de orden social o de nivel económico, sino principalmente sobre opciones ideológicas relativas a las relaciones entre la Iglesia y el Estado o al grado de intervención de este en cuestiones sociales, educativas y económicas”. En 1876 promúlgase a nova Constitución que ten como órgaos principais ao Rei, Cortes,  e  Goberno. O primeiro ten facultades co-lexislativas, xunto coas Cortes, ostenta a xefatura das forzas armadas e propón ao xefe de goberno sen ter que aterse aos resultados electorais. As Cortes son bicamerais: Congreso dos Deputados e Senado. A elección dos deputados fica ao que dispoña unha lei particular, mentres que unha parte dos membros do Senado serían por dereito propio, outra parte serían vitalicios e unha terceira elixidos polas corporacións do Estado e os maiores contribuíntes.

A vida política vai ser protagonizada pola alternancia no poder dos  partidos turnantes: conservador e liberal, co malagueño Cánovas e o rioxano Sagasta como xefes de fila, nun primeiro momento. O funcionamento do sistema político responde a realidades que non están presentes no texto constitucional. As eleccións son simuladas polos notábeis locais, os caciques, previo acordo co Goberno. Isto conduce a unha consolidación do caciquismo como compoñente da dinámica do sistema político. O poder de disolución das Cortes adquire unha relevancia excepcional, porque o xefe de goberno que recibe ese poder do rei pode pactar os resultados coas diversas forzas políticas capaces de mobilizar as súas clientelas, o cal permite obter folgadas maiorías ao goberno que convoca as eleccións.

Morto Afonso XII o 25/12/1885, asume o poder real como rexente até a maioría de idade de Afonso XIII, 17/05/1902, a súa esposa María Cristina. Durante a Rexencia ten lugar o «Desastre do 98», que supón a perda das últimas colonias do Imperio español en América e Asia: Cuba, Porto Rico, Filipinas, as illas Carolina, Marianas e Palaos, ficando reducido ás posesións africanas, e a reclusión deste nas súas fronteiras, tras a guerra que mantivo cos EEUU, que pasa a controlalas. Frente ao desastre do 98 surxe o rexeneracionismo, que é un movemento intelectual, de carácter patriótico, que se propón loitar contra a decadencia de España e dos males que a aqueixan por medio da educación e os medios de comunicación, que son, segundo o alicantino Rafael Altamira (1866–1951): falta de patriotismo, desprezo do propio, ausencia de interese común, falta de concepto de independencia e menosprezo da tradición. Parte do concepto de autenticidade, que implicaría terminar coa dicotomía entre a España real e a España oficial. O principal impulsor deste movemento foi o oscense e krausista, Joaquín Costa Martínez (1846-1911), dirixente liga Unión nacional e militante da Unión Republicana de Nicolás Salmerón e Alejandro Lerroux. Combate o caciquismo e as oligarquías gobernantes, a sociedade española da Restauración, e, entre outras medidas,  propón: desafricanización e europeización de España», unha roforma integral da educación, colonización interior, a liquidación do réxime da Restauración e da burguesía que se beneficiou del, implantación en España o capitalismo civilizado dos países reitores de Europa, e como instrumento para aplicalas, un «cirurxán de ferro». Participaron do rexeneracionismo os políticos conservadores: Francisco Silvela e Antonio Maura; os liberais Alba, José Canalejas, Azaña, Galdós; os escritores Juan Pío Membrado Ejerique, Ramiro de Maeztu, José Ortega e Gasset, ...

Outro tema recorrente a finais do XIX e as dúas primeiras décadas do XX, foi a Guerra de Marrocos. Os mandos militares que participaron no Desastre do 98 ían ter agora como cometido outra nova aventura colonial: o dominio de parte do que hoxe é Marrocos, unha guerra sen sentido contra os insurxentes dun territorio montañoso e pobre aínda que carretaba beneficios á Compañía Española de Minas del Rif, da que era accionista o Conde de Romanones, interesada en explorar as minas de ferro dese territorio. Na conferencia de Alxeciras de 1906 con representación de España, Franza, Alemaña, Reino Unido e Marrocos decidiuse que Franza e España se repartisen o terrirorio, a cambio de compensacións económicas para Alemaña a cargo de Franza, que esta repercutiría sobre España, pola súa inhibición, comezando a penetración lenta española no territorio. O 9/07/1909, os cabilas rifeñas atacaron aos obreiros do camiño de ferro, ao que responde Maura recrutando tropas para sometelos, coa oposición da cidadanía especialmente en Aragón e Catalunya,  oposición que cristalizará na Semana Tráxica de Barcelona. Polo Tratado de Fez de 30/03/1912, o sultán Abdelhafid de Marrocos cede a soberanía do seu país a Franza, constituíndose en protectorado. Franza cédelle a España unha pequena parte de territorio situado na parte norte, montañoso e de difícil acceso, pasando a ser subprotectorado de España, que progresivamente vai tentar a súa dominación nese territorio, fustigada polas guerrillas rifeñas, que o exército español non é capaz de pacificar. Nunha das súas ofensivas dos rifeños prodúcese o desastre de de Annual o 21/07/1921, defendida polo xeneral Silvestre, e Monte Arruit o 10/08/1921, defendida polo xeneral Navarro, onde houbo miles de masacrados entre as tropas españolas, logrando as cabilas rifeñas unha vitoria aplastante. A cidadanía, e mesmo os partidos socialista e republicano, opuxéronse a esta aventura por considerar que era unha guerra na que os soldades de familias humildes -os ricos libraban pagando- se expoñían á morte en defensa dun cacareado «orgullo», propio de militares trasnoitados, ansiosos de recuperar o prestixio perdido no 98 e a un afán de procurarse ascensos por méritos de guerra, alén de por un ideal  gubernamental fantasioso de civilización española en África. Como dicía a declaración ministerial do 31/01/1913, o goberno “procurará la expansión de la vitalidad nacional, realizada mediante el desarrollo de la cultura y los intereses económicos en aquellos territorios”. O xeneral Berenguer, Alto Comisario de España en Marrocos pípelle ao ministro de Guerra, Luís de Marichalar e Monreal, visconde de Eza, que se realice unha investigación do sucedido para depurar responsabilidades, cargo que recaeu no xeneral Picasso. O expediente foi recibido polo Consello Supremo de Guerra e Mariña o 21/04/1922, que, unha vez estudado, decide remitilo ao Ministerio de Guerra, que á súa vez lle pasa o expediente ao Congreso dos Deputados o 18/04/1922. A Cámara crea  a Comisión Parlamentaria de responsabilidades, que deciden convocar o pleno do Congreso para o 1/10/ 1923, e que nunca chegou a realizarse polo golpe de Estado de Primo de Rivera o 13/09/1923 coa anuencia do Monarca español. O Consello Supremo de Guerra e Mariña acha responsabilidades nas actuación do xenerais Berenguer, Silvestre e Navarro e varios oficiais, mais especúlase que o rei, Alfonso XIII, como impulsor da política colonial e por intervir no nomeamento dos responsábeis do Desastre, os xenerais e amigos seus Berenguer e Silvestre, alén de ter mostrado o seu imprudente apoio ao xeneral Silvestre na súa decisión de avanzar temerariamente cara a Alhucemas con un telegrama no que se dicía: «Vivan los hombre valientes», e isto fixo que se tapase o asunto. Foi procesado e condenado in absentia polas Cortes o 19 e 20/11/1931 polo delito de lesa maxestade contra a soberanía popular.

Outra preocupación gubernamental no primeiro cuarto do século XX, foi a axitación camponesa e obreira. O 22 de abril de 1909 ten lugar a traxedia de Oseira, onde a Garda Civil matou a 9 labregos e feriu 27; anos máis tarde, 12/10/1916, séguelle a de Cans, Nebra, na que a Garda Civil cargou  contra os labregos que protestaban contra o cobro dos arbitrios, co saldo de 5 mortos, 9 feridos graves e 30 feridos leves; en xuño 1917 prodúcese a morte do dirixente agrario, Candido Vilariño, en Amio, Santiago, a raíz dunha manifestación camponesa. Máis tarde virían as de Tui, polas protestas dos campesiños contra as rendas forais, cun saldo de 3 camponenes mortos e dez feridos, e Vimianzo. En 1918 ten lugar a revolta veciñal contra os excesivos impostos na Feira do Trece en Sedes, Narón, que remata con seis mortos. O triste suceso de 16/02/1919, en Sofán, pola oposición a utilizar o novo cemiterio, deixa 4 mulleres mortas e varios feridos.

A conflitividade social, apoiada polo PSOE, nese momento en ascenso, e os sindicatos UGT e CNT, increméntase en demanda de melloras laborais e en protesta contra a guerra de Marrocos e os privilexios da Igrexa. O 26/07/1909 convócase folga revolucionaria en Barcelona en protesta pola guerra de África, inicio da Semana Tráxica: do 26 ao 31/07/1909, motivada pola guerra de Marrocos e o descontento popular pola carga económica que supuña o mantemento da poderosa e influente estrutura eclesial católica, que se traduce na queima e destrución de edificios relixiosos -80 edificios relixiosas foron incendiados e varios sepulcros dos conventos foron profanadas- e a morte de nove membros das forzas da orde. O 13/08/1917 declárase a primeira folga xeral revolucionaria en España, que sería duramente reprimida polo exército en agradecemento a Dato pola autorización das Junta de Defensa. Ante a presión dos obreiros a patronal catalana decreta o lock-out o 3/11/1919, mentres non se garanta que a liberdade sindical non impida a plena liberdade e independencia do traballo. O 10/11/19 obreiros carlistas crean o Sindicato Libre, asociación que vai participar no asasinato de varios  afiliados da CNT, polo cal foi considerado como un grupo ao servizo da patronal española.  Foi apoiado por Primo de Rivera e por sectores policiais e da dereita. Esta conflitividade obreira e camponesa procurou importantes melloras para os obreiros:
● Xornada laboral de oito hores e descanso dominical.
● Pensións para traballadores xubilados.
● Regulación do traballo de mulleres e meniños.
● Recoñecemento dos sindicatos.

Outra característica destacada no ámbito político da primeira vintena larga do século XX foi a instabilidade gubernamenta, que se produciu en España unha vez desaparecidos os xefes de fila iniciais do Partido Conservador e do Partido Liberal, Cánovas e Sagasta. Desde a maioría de idade de Alfonso XIII, en decembro de 1902, até a Ditadura de Primo de Rivera, en 1923, houbo 32 gobernos, ou sexa, unha media de 1,52 gobernos por ano. A  esta instabilidade política ou desequilibrio estábel contribuiu en grande parte Alfonso XIII coas súas frecuentes intervencións no cese de xefes de goberno.


 

1. HIE : TUÑÓN DE LARA, MANUEL (dir.), Historia de España, Editorial Labor, Barcelona, 1992 (12Tomos), T. 9, p. 30.

No hay comentarios:

Publicar un comentario