![]() |
O Rei Xoán Carlos I e a Raiña |
O Rei baixárase o soldo en 2012 un 7,1 por cento, igual que os empregados públicos, uns 21.000 euros menos, e o Príncipe 10.400 euros menos, un xesto que parecía representar unha operación de marketing para dar a imaxe de austeridade en solidariedade coas demais capas da populación. Ese sacrificio, foi publicitado profusamente para destacar o magnánimo xesto exemplarizante do Monarca. Mais, finou 2012 e non fica claro que con el non desapareza a exemplaridade, e mentres miles de empregados públicos se ven abocados ao paro, o Rei decide volver a cobrar o que cobraba no 2011, ou sexa, 292.752 euros brutos ao ano, dos que 140.519 corresponden ao soldo e 152.233 a gastos de representación, e o príncipe Felipe a metade, quer dicir, 146.376. Esta é a grande vantaxe de ter un Xefe de Estado A, en plena forma, dedicación e exercicio como o está a demostrar nas súas comparecencias actuais, e un Xefe de Estado B, que actúa de suplente. As cantidades citadas non se van ver diminuídas pola incapacidade laboral que padecen os membros da Familia Real, contrariamente ao que o Señor Feijóo estabeleceu para os funcionarios públicos, que se un día teñen dor de cabeza e faltan ao traballo detráenlle o salario corrrespondente para curarlla. Como podemos observar, a xustiza é igual para todos, e a igualdade tamén! Mais, a igualdade que ten que ver coa xustiza? As sociedades occidentais, e inclusive podemos dicir que as sociedades actuais, por imperar o liberalismo practicamente en todo o mundo, son tremendamente desigualitarias, mais son xustas? Á parte das desigualdades, froito do mérito, capacidade, sorte, herdanza, etc. é lóxico estabelecer desigualdades por lei, como no caso das monarquías?
O curioso do caso é que mentres o orzamento da Casa Real baixa un 4 por cento e as retribucións dos membros da Familia Real un 7,29 por cento para 2013, ascendendo a 699.128 euros, as do Rei e Príncipe soben con respecto a 2012, e iso indica que o Rei, que é quen distribúe libremente o orzamento, ten que obrigar a outros membros da citada Familia a que fagan sacrificios adicionais de 55.000 euros, sendo os afectados son a Raiña, a princesa Letizia e a infanta Elena. Non parece estético nin ético, entre membros dunha equipa de traballo, aplicar o refrán: «quen reparte para si a mellor parte» ou en terminoloxía cristiá, «a caridade ben entendida comeza por un mesmo». Esta prerrogativa que ten o Rei, segundo a Constitución Española, de repartir o diñeiro como mellor lle pareza, introduce unha especie de soberanía absoluta no referente ao salario percibido. O Rei reparte como mellor lle parece, sen dar conta a ninguén, mentres que os cidadáns a pagar e a calar.
Este xesto real de repartir o diñeiro que lle dan os cidadáns aproveitando para favorecerse a si mesmo, parece propio dunha monarquía con trazos medievais, que goza de privilexios absolutos na parcela distributiva, e iso ten como consecuencia que a carteira non casa moi ben coa estética. Parece que se aplica aquí a estética da diferenza, do desequilibrio, pois, como xa diciía Leibniz, no mundo cumpre que exista o ben e o mal, porque iso contribúe á harmonía cósmica. Alén da estética está a ética, que tampouco parece saír moi ben parada, porque hai que pregar co exemplo e non limitar a súa aplicación a discursos solemnes ou ao Día de Noiteboa.
Un capítulo que é notoriamente sorprendente nos gastos de persoal é o referido a incentivos. Observamos que os gastos totais de persoal, sen incluír a Familia Real, se elevan a 3.870.000 euros, e deles 1.216.000 euros van destinados a retribución e 2.654.000 euros a incentivos, ou sexa, que o sexa, que o 31,42 por cento vai destinado a salarios e o 68,58 por cento a incentivos. Isto pode significar que unha persoa pode ter un soldo “moderado”, mais recibir unha cantidade deshorbitada por incentivos, alén da subxectividade que introduce este sistema de retribucións. Como non se explica máis polo miúdo esta cantidade, non se poden facer valoracións da súa idoneidade.
Outro xesto que tamén parece que se quere presentar como sinal de magnanimidade do Monarca é a redución dos coches oficiais de 72 a 45, quer dicir, 27 coches menos, un 37,5 por cento menos. Para que serven tanto coches oficiais para a Casa Real? Quen máis, alén da Familia Real, ou sexa, o propio Rei, Raiña, príncipes de Asturias e infanta Elena, en total, 5 persoas, utiliza eses vehículos oficiais? Se somente fosen esas cinco persoas, tocaría a unha media de 5 por persoa aínda na actualidade, despois deste xesto de austeridade ao servizo do país, pois antes tocaban a 14,4 carros por persoa. Sería conveniente, por tanto, saber cantos altos cargos ao servizo da Casa Real teñen vehículos pagados con fondos públicos, para que tipos de viaxes se utilizan, quen é o encarregado de vixilar as necesidades reais en deslocamentos, etc. Como se pode permitir que nun país en plena recsións económica, como a actual, se produza semellante dispendio desnecesario tando ao dispor da Casa Real tantos vehículos superfluos? Isto é non é o que se chama boa xestión económica, que, por principio, ten que ser austera e exemplarizante.
Non deixa de ser sorprendente tampouco o que pasa con condutores ao cargo da Institución, que en 2011 eran de 68 e este ano fican en 61, ou sexa, 16 condutores máis que vehículos. Isto indica unha falta de previsión importante, pois habería un exceso de 16 condutores con respecto ao total de 45 venículos, cando a cifra debería ser sensibelmente inferior porque nunca se utiliza a totalidade de vehículos ao mesmo tempo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario