6 ene 2013

Ortega, inspirador do nacionalismo español

José Ortega e Gasset


Cremos que esta incursión no ideoloxía orteguiana axuda a clarificar a concepción da nación e nacionalismo de moitos líderes españois dos nosos días. España non tivo bos pensadores que analizasen lucidamente a súa realidade nacional e a maneira de estruturala.
 
Os intelectuais españois movéronse sempre pola fobia á diferenza, e non foron capaces de repensar o problema español desde os principios da democracia e do respecto aos dereitos colectivos. Os políticos, como é o caso de Rajoy, non se cansan de repetir que non existen dereitos colectivos, salvo naturalmente os de España no seu conxunto, que os únicos dereitos son os individuais. Isto significa que calquera corporación industrial, comercial, financeira, etc. ten dereitos como tal corporación, mais os pobos non. Non teñen dereito a falar a súa lingua, a conservar o seu acerbo cultural, a preservar as súas riquezas, etc.
 
O propio Ortega e Gasset, que é considerado por algúns como un dos máis condescendentes no aspecto identitario, non é capaz de comprender o problema das nacións do Estado. Segundo este preclaro intelectual, «español hasta las cachas», que tanta influencia tivo na concesión do «café para todos», na negación dun tratamento diferenciado para os que son diferentes, como Catalunya, Euskadi e Galiza, o problema catalán non é un problema a resolver, porque é imposíbel resolvelo, senón que é un problema que hai que «conllevar», ou sexa, que hai que aguantar a unha especie de inquilino pouco simpático mais que non se pode desafiuzar, e isto até que se canse e deixe continuar a historia da España centralista. Segundo o politólogo e escritor madrileño, o problema catalán non se pode resolver porque frente aos que apoian unha Catalunya que pretende decidir o seu futuro e vivir á parte, están os demais españois que desexan convivir con eles. Ou sexa, que o dereito de autodeterminación dos pobos nunca se podería exercer segundo Ortega, porque frente ao dereito a decidir dun pobo está o dereito do pobo colonizador a telo colonizado. Penso que os políticos españois deberían facerlle a proposta á ONU e UNESCO a proclamar o dereito dos pobos opresores a exercer a opresión e a dos amos a conservar os seus escravos. A única solución que oferece este autor é a violencia cos que se negan a submeterse e o imperialismo como tarefa e norte de actuación para o país. Ortega comeza a exposición da súa idea de nación en España Invertebrada, tomando emprestada a seguinte expresión de Mommsen: “La historia de toda nación, y sobre todo de la nación latina, es un vasto sistema de incorporación1. Como vemos, ten en mentes a formación de nacións propiciada polo nacionalismo expansivo, polos estados-nacións, e nunca o seu surximento a partir da tomada de conciencia dun pobo que quer ser dono dos seus destinos históricos. Evidentemente, neste caso folgan ideas melíficas da falsa conciencia como incorporación. Ninguén nega nos nosos días que Estonia, Letonia, Lituania, Eslovenia, Croacia, etc. sexan nacións e non obstante non surxen por un proceso de submisión doutros pobos senón de reafirmación do ser colectivo frente ao pobo dominador. A desintegración do imperio austrohúngaro, otomán, soviético, ... deu lugar á consolidación de moitas nacións que non se forman por aglutinación senón por un proceso inverso, de personalización do propio ser nacional. A fagocitose de pobos non é consubstancial ao proceso de construción nacional senón un elemento perturbador que acompañou a procesos con moi pouca sensibilidade para cos dereitos dos individuos e, especialmente, dos pobos; á tentación de dominio e poder que embarga aos seres humanos, e os leva a cometer verdadeiras atrocidades.

A palabra incorporación, vocábulo máxico que serve para esconxurar termos que expresan máis descarnadamente a realidade histórica, como dominación, submisión, ... non hai queentendela, segundo o filósofo madrileño, como o crecemento por dilatación dun núcleo inicial, senón como a “articulación de dos colectividades distintas en una unidad superior. ... la organización de muchas unidades sociales preexistentes en una nueva estructura2, a soldadura de agrupacións antes dispersas “hasta formar la unidad superior que llamamos nación3. Claro que todo isto contradí a afirmación orteguiana de que España está desvertebrada, porque a « incorporación» foi un facto histórico. O núcleo inicial non se traga aos pobos que vai sometendo, -di este autor- nin anula o carácter de unidades vitais propias que antes tiñan. Como exemplo, cita o sometemento das Galias por Roma. “No; la cohesión gala perdura, pero queda articulada como una parte en un todo más amplio. Roma misma, núcleo inicial de la incorporación, no es sino otra parte del colosal organismo, que goza de un rango privilegiado por ser el agente de la totalización4. Para corroborar a súa tese, Ortega aduce o caso do Estado español. “Lleva esta errónea idea a presumir, por ejemplo, que cuando Castilla reduce a unidad española a Aragón, Cataluña y Vasconia, pierden estos pueblos su carácter de pueblos distintos entre sí y del todo que forman. Nada de esto: sometimiento, unificación, incorporación, no significa muerte de los grupos como tales grupos: la fuerza de independencia que hay en ellos perdura, bien que sometida; esto es, contenido su poder centrífugo por la energía central que los obliga a vivir como partes de un todo y no como todos aparte. Basta con que la fuerza central, escultora de la nación ... amengüe, para que se vea automáticamente reaparecer la energía secesionista de los grupos adheridos5. Toda esta vasta racionalización entra en colisión co que Ortega afirma algures de que “Es una ilusión pueril creer que está garantizada en alguna parte la eternidad de los pueblos: de la historia, que es una arena toda de ferocidades, han desparecido muchas razas como entidades independientes6, como entidades que preservan a súa alma, e, por conseguinte, unha modalidade de morte dun pobo é a incorporación, porque a alma colectiva fica diluída na alma total. Que son os ártabros nos nosos días? E os nerios? Os caporos?, os francos? Os galos? E os suevos asentados na Galiza? ... Ortega pon como exemplos de conservación da entidade propia a de pobos que aínda non teñen os seus trazos totalmente esfumados, aínda que camiñan nesa dirección. Que é hoxe Murcia? E Aragón? Esta argumentación de Ortega contradise coa dinámica que asigna ao Estado, dominado pola tendencia fatal “de asumir en sí la vida entera de una sociedad7. O Estado, especialmente na súa modalidade unitaria, volve anémicos, paralíticos aos pobos sobre os que domina, até terminar por destruír totalmente a súa alma, a súa cultura, e o seu corpo pola espoliación das súas fontes de riqueza.

Mais a historia dunha nación, alén do seu período formativo, é tamén, segundo o filósofo nacionalista español, a historia da súa decadencia, dunha vasta desintegración, que surxe cando a forza dominadora esmorece. Concibe a unidade nacional non como  unhacoexistencia interna senón como un sistema dinámico de forzas centrífugas, que actúan como estímulos funcionais, e centrípetas ou totalizadoras, que manteñen a cohesión do todo. Esta consideración é válida para os Estados compostos, os Estados plurinacionais, mais non para os Estados unitarios homoxéneos, como por exemplo, Portugal e Holanda, Croacia, Eslovenia. Non é precisa a forza que Ortega chama de dispersión senón que é máis ben un obstáculo para consolidar a homoxeneización, que pretende todo Estado.

O seguinte paso que dá Ortega para xustificar o sistema de dominación imperante dos nacionalismos expansivos consiste en divinizar o proceso incorporativo, quer dicir, a violencia incorporativa. “El poder creador de naciones es un quid divinum, un genio o talento tan peculiar como la poesía, la música y la invención religiosa. Pueblos sobremanera inteligentes han carecido de esa dote, y, en cambio, la han poseído en alto grado pueblos bastante torpes para las faenas científicas o artísticas8.Ou sexa, que o poder de dominación é un poder divino e natural, un poder -suponse que xenético- de que están dotados certos pobos, como o castelán, en canto que outros carecen dese don. Noutras palabras, é a resurrección da doutrina aristotélica de que hai persoas libres e persoas escravas por natureza9, que hai pobos libres e pobos escravos, aos que se lle pode declarar a guerra se se negan a vivir en suxeición10, que hai persoas que naturalmente gobernan e persoas que naturalmente son súbditos11. Como todo sistema de dominación se basea na forza, na violencia, o seguinte paso de Ortega será bendicila, a guerra incluída. O talento nacionalizador é, segundo el, de carácter imperativo, é un saber querer e un saber mandar. Mandar non é só convencer nin só obrigar senón unha mestura de ambas as dúas. “La sugestión moral y la imposición material van íntimamente fundidas en todo acto de imperar12. Para imperar necesítase a forza, e de aí, o posicionamento de Ortega en prol da violencia e en contra do pacifismo, aínda que tamén distante da pura violencia. Coa violencia exclusivamente fráguanse pseudoincorporacións, de corta duración e sen estela aprezábel. En toda incorporación entran, pois, dous elementos: a forza, de carácter adxectivo, e a suxestión moral, de carácter substantivo.

O nacionalismo particularista -di el- é o contrario dos nacionalismos das grandes nacións, porque o nacionalismo español nunca se caracterizou polo afán positivo de non querer ser ingleses, de non querer ser franceses. Isto como sabe perfectamente Ortega é falso. A guerra de 1808 veu determinada polo afán español de non querer ser franceses, de non querer ser dominado por eles. Noutros momentos esta oposición non é necesaria porque non hai dominación ou ameaza, pero calquera espreita neste sentido provocaría, sen dúbida, un rexurdir do nacionalismo español para aprestarse á autodefensa, con obxecto de non ser engulido por outro Estado. Non "existía - continúa o filósofo madrileño- en nosotros ese sentimiento negativo, precisamente porque estábamos poseídos por el formidable afán de ser españoles, de formar una gran nación y disolvernos en ella. Por eso, de la pluralidad de pueblos dispersos que había en la Península, se ha formado esta España compacta. En cambio, el pueblo particularista parte, desde luego, de un sentimiento defensivo, de unha extraña y terrible hiperestesia frente a todo contrato y toda fusión; es anhelo de vivir aparte. Por eso el nacionalismo particularista podría llamarse más expresivamente, apartismo o, en buen castellano, señerismo"13. Castela estaba evidentemente interesada en formar unha España grande a costa da aniquilación doutros pobos, e por iso toda «incorporación» tivo que lograrse por intereses dinásticos e tras vencer a resistencia dos pobos incorporados. Os nacionalismos «particularistas» non se caracterizan por oporse á integración en espacios máis amplos, -recórdese que o programa do Partido Galeguista consideraba a galiza como cédula de universalidade- pero si á aniquilación da nación de referencia. Tampouco España quere fundirse con outros Estados, con Francia, por exemplo, para formar unha única nación, senón que defende a colaboración a cooperación en ámbitos máis ou menos amplos, en beneficio de ambos pobos; exactamente igual que faría Galicia se fose un Estado independente.

Nun pobo particularista danse dúas tendencias, segundo Ortega: unha, sentimental, que o impulsa a vivir á parte, e outra de carácter sentimental e racional, que o forza a vivir con outros pobos na unidade nacional. Segundo os tempos, predomina unha ou a outra, pero o instinto secesionista pervive sempre aínda que soterrado, e pode en calquera momento volver a presentarse14. A evolución universal consiste nun xigantesco movemento e impulso cara a unificacións cada vez maiores, e a esta tendencia unificadora oponse a historia de pobos como Catalunya e Irlanda. “De aquí que ese pueblo que quiere ser precisamente lo que no puede ser, pequeña isla de humanidad arisca, reclusa en sí misma; ese pueblo que está aquejado por tan terrible destino, claro es que vive, casi siempre, preocupado y como obseso por el problema de su soberanía, es decir, de quien le manda o con quien manda él conjuntamente15. Neste texto, transluce diáfana a irracionalidade do nacionalismo orteguiano. Establece que hai problemas se “un pobo que quere ser o que non pode ser ...”, pero non concreta de onde provén esa imposibilidade. Da marcha xeral da historia cara á unificación? Neste caso habería que deixar que a historia actuase libremente, sen condicionamentos de ningunha clase, porque deste xeito, xa resultaría o que de todos modos tería que resultar. De poderes facticos españois que non estarían dispostas a acceder a que Catalunya adquira a súa soberanía? Nesta alternativa, onde está a vontade democrática orteguiana para que predomine a vontade popular dos pobos afectados? A submisión a poderes que non se xustifican racionalmente, a aceptación dun marco político porque si, significa o triunfo da irracionalidade política. O pobo catalán ten, segundo Ortega, un terríbel destino, ou sexa, que existe unha forzosidade na súa submisión a poderes alleos, mais non fundamenta cal é a razón dese destino.

Hai moitos catalanistas que non queren vivir separados de España, e aínda “sintiéndose muy catalanes, no aceptan la política nacionalista, ni siquiera el Estatuto, que acaso han votado. Porque esto es lo lamentable de los nacionalismos; ellos son un sentimiento, pero siempre hay alguen que se encarga de traducir eses sentimiento en concretísimas fórmulas políticas: las que a ellos, a un grupo exaltado, les parecen mejores”16. Neste texto Ortega identifica o catalanismo e o nacionalismo con un sentimento, que non tería porque ter implicacións políticas, pero aínda que todo movemento, tanto catalanista como nacionalista, está  precedido dun vago sentimento de apego á terra, este sentimento non pode denominarse catalanista se non asume unha doutrina política, que, como mínimo, defenda a concesión dun Estatuto de autonomía para Catalunya. En segundo lugar, observamos no texto, a habitual descalificación dos nacionalistas, que identifica con persoas exaltadas. En terceiro lugar, Ortega arrógase o coñecemento do auténtico sentir das persoas, inclusive por cima do que elas mesmas manifestan a partir do exercicio do seu dereito de voto, que o fan para non aparecer como anticataláns. “Es el eterno y conocido mecanismo en el que con increíble ingenuidad han caído los que aceptaron que fuese presentado este Estatuto17.

Unha vez concedidos os Estatutos, conviría «afogar» os nacionalismos, pero iso non é cuestión de lei senón que “solo pueden deprimirse cuando se envuelven en un gran movimiento ascensional de todo un país, cuando se crea un gran Estado, en el que van bien las cosas, en el que ilusiona embarcarse, ... Un Estado en decadencia fomenta los nacionalismos: un Estado en buena ventura los desnutre y los reabsorve18. Ou sexa, a solución, para Ortega, consiste en incentivar o nacionalismo español e un Goberno tecnicamente eficaz.





1. España Invertebrada, Espasa Calpe, Madrid, 1972 (EI), p. 32.
2. EI, p. 34 e 35.
3. «Fabricantes de rencor», El Sol, (17/03/1918), en Obras Completas, T. 10, p. 411.
4. EI, p. 35.
5. EI, p. 36.
6. Discursos Políticos, p. 67.
7. DP, p. 76.
8. EI, p. 38.
9. ARISTÓTELES, Política, lib. I,, cap. 2, 1254 b.
10. Política, I, cap. 3, 1257 a.
11. Política, I, cap. 5, 1259 b.
12. EI, p. 39.
13. «El Estatuto catalán», 13/05/1932, en OC, T. 11, p. 459.
14. «Discurso sobre el Estatuto de Cataluña», 13/05/1932, en OC, T. 11, pp. 459-460.
15. «Discurso sobre el Estatuto de Cataluña», 13/05/1932, en OC, T. 11, p. 460.
16. «Discurso sobre el Estatuto de Cataluña», 13/05/1932, en OC, T. 11, p. 461.
17. «Discurso sobre el Estatuto de Cataluña», 13/05/1932, en OC, T. 11, p. 461.
18. «Discurso sobre el Estatuto de Cataluña», 13/05/1932, en OC, T. 11, p. 473.

No hay comentarios:

Publicar un comentario