![]() |
Caldera e Mulas |
Os partidos políticos españois están a diario facéndonos a vida máis amena cos seus constantes escándalos de corrupción e despois compiten entre si para botarlles á cara ao adversario de que o corrupto é el. A corrupción, omnipresente, chegou tamén ás fundacións.
Que son as fundacións? Son entidades dotadas de personalidade xurídica, sen ánimo de lucro que persiguen “fins de interese xeral a favor dun colectivo xenérico de beneficiarios”. Adquiren personalidade xurídica, distinta da personalidade de cada un dos seus membros, desde o momento en que son recoñecidas como tales pola administración correspondente, mediante a súa inscrición no Rexistro de Fundacións. Ao revés do que sucede coas sociedades mercantís, non buscan lucrarse, obter e repartir beneficios entre os seus membros polas actividades que realizan. Os seus cargos, salvo excepcións como nas federacións deportivas, deben ser gratuítos, embora poidan ser reembolsados polos gastos que lles ocasionar o desempeño do seu labor. Deben procurar o interese xeral, non o interese privativo dos seus asociados. Ese interese xeral non é preciso que se estenda a toda a sociedade senón que se restrinxe a colectivos indeterminados, indefinidos nominalmente. Ex.: a defensa do dereito dos mozos e mozas a emanciparse, a defensa do dereito á vida, a promoción do deporte entre a xuventude, beneficiar aos traballadores dun determinado sector ou empresa, ... Eses fins poden ser de carácter educativo, deportivo, cultural, científico-técnico, asistencia social, meio ambiente, sanitarios, fomento da economía, promoción do voluntariado social, da representatividade política, etc.
De onde lle vén o diñeiro para retribuír as súas actividades? Pode provir de financiamento privado, singular ou plural, ou público, quer dicir, proveniente dos tributos que pagan os contribuíntes, ou sexa, todos os cidadáns. Cando son promovidas polos particulares, como é o caso da Fundación Amancio Ortega, son os particulares quen teñen que controlar as súas contas, aínda que deberá proceder a unha auditoría externa se a cifra de activos ou a cifra de negocio supera os 2.400.000 euros. Se reciben fondos públicos deben ademais submeterse a auditoría en determinados supostos. Gozan dunha serie de beneficios fiscais, como é o caso da exención dos impostos de sucesións e doazóns, e do Imposto do Patrimonio. A nivel ético, dado que gozan de determinados privilexios fiscais, as súas contas deben ser especialmente claras e os gastos deben estar debidamente xustificados.
As fundación partidarias, fináncianse na súa maior parte ou na integridade con diñeiro público, con diñeiro dos contribuíntes, con cargo á Secretaría de Estado de Cooperación, ligada ao Ministerio de Asuntos Exteriores y de Cooperación, e a Secretaría de Estado de Cultura, do organigrama do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. No cadro que se acompaña apreséntanse as diversas fundacións ligadas a partidos políticos que obtiveron subvencións no ano 2012. Podemos ver que a fundación ligada ao PP, a FAES, (Fundación para el Análisis y los Estudios Sociales), recibiu unha subvención de 1.717.920,88, que equivale ao 50,87 por cento do total. Se comparamos este importe co resultado das eleccións de novembro de 2011, nas que obtivo un 44,65 por cento de votos, podemos constatar que se mellorou un 6,19 puntos a respecto do resultado electoral obtido. O PSOE e o PSC recibiron un 30,80 por cento e obtiveron uns resultados electorais dun 28,73 por cento, con unha minoración de 2 puntos. Cando gobernaba o PSOE, o reparto era á inversa. CiU obtivo un 4,17 por cento dos votos e recibiu un 4,59 por cento de subvención, con unha diferenza a maiores do 0,42 puntos. IU, con un 6,92 por cento de votos, concedéuselle o 5,99 por cento de subvención, con unha minoración de cerca dun punto. UPyD, 4,69 por cento de votos e 3,61 por cento en subvención. O PNV, con un 1,33 por cento de votos, obtivo o 1,54 por cento de subvención. ERC, co 1,16 por cento de votos, obtivo o 0,92 por cento de subvención. Para Coalición Canaria, os resultados foron respectivamente de 0,59 en votos e 0,45 en subvención. Amaiur obtivo o 1,37 por cento de votos e non recibiu subvención, mais non consta se iso se debe a que non a solicitou ou, caso de solicitala, que non lla concederon. Do anterior, podemos concluír que a percentaxe de voto coincide groso modo co de subvención, con algunhas diferenzas significativas. O PP mellorouse a si mesmo, seguindo o lema de que «quen reparte para si a mellor parte». Pártese por tanto do principio de que o partido que leva máis votos tamén realiza máis estudos, o cal non é, nin moito menos, evidente. De facto podemos observar como moitos parlamentarios e senadores dos grupos maioritarios practicamente dormitan nos seus escanos sen apresentar iniciativas nin intervir en toda a lexislatura.
Outra cuestión que ten interese é o saber para que se conceden estas subvencións e cal é o control que se ten das actividades desenvolvidas. As actividades relacionadas coa cooperación teñen moi pouca relevancia e é dificil dicir en que poden contribuír ao interese xeral. Alguén tería que explicar cal é a importancia de artigos sobre o cinema en Nixeria ou Novas Ideas para a Felicidade da Fundación Ideas, ou Programa FAES para a promoción da liberdade, a democracia e os dereitos humanos nos países en desenvolvemento ou o Programa FAES para o fortalecemento dos partidos políticos nos países en desenvolvemento. Non se trata de que para estes países non sexa necesario fortalecer a democracia e os partidos, mais outra cousa é que se invista diñeiro dos contribuíntes españois para este fin e por parte de partidos que quizais farían un grande servizo a estee país se contribuísen a corrixir as eivas notorias de democracia española. No século XVI o reino de España converteuse en apóstolo do catolicismo romano máis integrista e parece que agora nos queremos converter en apóstolos da democracia en casa allea. Tamén creo que farían un servizo impagábel á democracia e ao país se destas fundacións surxisen ideas para superar a asfixiante crise económica que padecemos e para a que os partidos se mostran totalmente orfos en ideas, como estamos a ver pola improvisación e incumprimento dos programas votados pola cidadanía, desde o mesmo momento de acceder ao goberno. As referencias aos programas de actividades culturais desenvolvidas non aparecen explicitadas e non se poden valorar.
A respecto do control, a impresión subxectiva que se extrae a partir dos dados que se coñecen, é que non existe, como tampouco unha avaliación dos resultados. En caso contrario, é difícil que pasasen casos como o da Fundación Ideas. Sendo mal pensados, un está tentado a crer que o sistema de fundacións non é máis que un pretexto para distribuír unha cantidade de diñeiro significativa entre os partidos para mellorar o seu financiamento consoante cos resultados electorais alcanzados, por medio dun procedemento que ninguén pon en cuestión porque todos participan no reparto.
A Fundación FAES é de tendencia liberal conservadora e persegue como como obxectivo o fortalecemento da liberdade, a democracia e o humanismo occidental. Está presidida polo ex-Presidente do goberno, José María Aznar; vice-presidenta: María Dolores de Cospedal, Secretaria Xeral do PP e Presidenta de Castela A Mancha; Secretario Xeral: Javier Zarzalejos Nieto, ex-alto cargo do goberno de Aznar; ex-secretario xeral: Jaime García-Legaz, secretario de Estado de Comercio, dependente do Ministerio de Economía y Competitividad; outro ex-secretario xeral é Javier Fernández-Lasquetty e Blanc, Conselleiro de Sanidade da Comunidade de Madrid; Directora de Publicacións: Pilar Marcos Domínguez, deputada con Congreso dos Deputados e ex-coordinadora xeral de estudos, do Concello de Madrid, con Ana Botella. Entre os seus vogais figuran altos cargos do PP, como Angel Acebes, Álvarez Cascos, Abel Matutes, Esperanza Aguirre, Marcelino Oreja Aguirre, ... o propio Rajoy e varios dos seus ministros, como Ana Pastor, Ana Mato, Miguel Arias Cañete, ... algúns empresarios: Mauricio Toledano, Manuel Pizarro, ... e diversos funcionarios, e entre os seus patróns, Manuel Fraga Iribarne e o ex-ministro socialista Miguel Boyer. É, na actualidade, a principal fonte fornecedora de cadros para o goberno do PP. Moitos dos seus integrantes son noticia a nivel mediático por figuraren na lista dos españois máis defraudadores, a lista Faciani, publicada parcialmente polo New York Times, que inclúe, entre outros, a José María Aznar, Dolores de Cospedal, Angel Acebes, Abel Matutes, Marcelino Oreja Aguirre, Eduardo Serra, Isabel Tocino, Eduardo Zaplana, ... Outros figuran aludidos na contabilidade de Barceñas como perceptores de sobresoldos: Mariano Rajoy, Cospedal, Arenas, Acebes, Mayor Oreja, Aznar, ... Algúns, como Aznar, Dolores de Cospedal, Mariano Rajoy, Javier Arenas, ... acumulan soldos provenientes do sector público e da súa actividade privada ou política orgánica. O cal indica, parafraseando a Aristóteles que «amica patria sed magis amica pecunia», (Amiga a patria, mais máis amiga o diñeiro). A estes chamáballes Castelao, patriotas de follas de ferro.
A FAES é a inspiradora da actual política de recortes do goberno de Mariano Rajoy e da política de recentralizaicón do Estado, en detrimento das Comunidades Autónomas, co obxectivo de «fortalecelas», dun modo semellante a que se fan recortes no gasto social para «blindalo ». Parece lóxico e xusto que se cobran un soldo privado ou orgánico político, se lles fixese renunciar á percepción de emolumentos do sector público, durante o tempo en que perciben eses soldos, mais mentres que a un traballador humilde que cobra 750 euros de pensión de viuvez ao mes e con familia ao seu cargo se lle diminuíu até os 550, ao cobrar o seu fillo unha renda de aluguer de 230 euros, porque dicían que se pasaba do mínimo, estes políticos que moitas veces se acercan aos 300 mil euros ao ano, poden compatibilizar a pensión vitalicia que reciben do Estado cunha percepción de empresas privadas que sobrepasa os 200 mil euros. Non falemos xa dos que non teñen percepcións pecuniarias de ningunha clase e que se ven obrigados a pasar fame ou recorrer a familiares ou á beneficencia. Contra esta inxustiza e abuso, nin Zapatero nin Rajoy, até o momento, moveron un dedo, mais mostráronse moi valentes contra os humildes traballadores. As políticas de recorte produciron empobrecemento de xeral, incremento da represión, laminación de dereitos laborais, paro sen precedentes, desmantelamento do Estado do Benestar, ... sen que o fracaso flagrante desta política servise de lección para encamiñar o rumo da economía por outros vieiros.
As políticas de oposición ás liberdades e aos dereitos colectivos dos pobos do Estado e, entre eles, á normalización lingüística teñen os seus alicerces no ideario da FAES, actuando os gobernantes populares de correas de transmisión do seu programa nacionalista español, uniformizador e excluénte, “con todas as consecuencias”. Isto tradúcese en leis orientadas á españolización de Galiza, Catalunya e Euskadi, co obxectivo final de lograr un Estado uniforme e centralizado e laminador da pluralidade. Remarquemos as diferenzas que existen entre a actuación dun país como Reino Unido ou Canada, a respecto do democrático dereito de autodeterminación dos pobos e o modo de actuar o Estado español, que inclusive é capaz de chegar á ameaza de intervención militar se unha comunidade quer que os seus cidadáns se expresen, libre, pacífica e democraticamente, sobre o futuro que desexan para o país. A humillación a que foi submetido o lendakari Ibarretxe e a campaña mediática contra os dirixentes cataláns son unha mostra da irracionalidade coa que se afrontan os temas políticos.
Non se coñecen casos de corrupción derivados do seu funcionamento, mais iso non indica que non os haxa, e inclusive é difícil supoñer que sexa así tendo en conta que o PP está inmerso nun enorme magma de corrupción, como se está vendo polo caso Gürtel, que o está asfixiando e que o obriga a realizar unha rapida catarse interna para non morrer de podredume.
O PSOE creou a Fundación Ideas e a Fundación Pablo Iglesias. A primeira, creada en 2009, ten como obxectivo servir de “factoría de pensamento” ("think tank") do PSOE, e leva percibidos nestes catro anos 11 millóns de euros en subvencións. A súa composición é semellante á FAES, mais, neste caso, con ex-altos cargos e dirixentes do PSOE. Está presidida polo Secretario Xeral do Partido socialista, Alfredo Pérez Rubalcaba, e actúa como Vice-Presidente executivo, o ex-ministro Rafael Caldera. Director Xeral: Carlos Mulas Granados. Xerente e tamén do PSOE: Xoán Cornide, e patróns, entre outros: José Blanco, Valeriano Gómez, José Antonio Griñán, Trinidad Jiménez, Patxi López, Ramón Jáuregui Atondo, Oscar López Águeda, Fernando López Aguilar, Soraya Rodríguez Ramos, José Luis Rodríguez Zapatero, Elena Valenciano, Gaspar Zarrías, ...
O seu xa ex-Director-Xeral, Carlos Mulas, doutor en Economía pola Universidade de Cambridge e Profesor Titular de Economía Aplicada na Universidade Complutense de Madrid e asesor do FMI con contrato até 2014, está sendo protagonista dunha historia subrrealista de corrupción, que contamina tamén ao Presidente, Vice-presidente e Xerente de Ideas. Fai máis dun ano, o xornal ABC xa denunciou irregularidades na contabilidade da Fundación, que foron desmentidas polo PSOE a esa altura. O día 23/01/2013, saltou aos medios a noticia de que unha columnista inexistente, Amy Martin, produto imaxinario do director da fundación, Carlos Mulas, ou da súa dona ou ex, Irene Zoe Alameda, ex-Directora do Instituto Cervantes de Estocolmo, so a presidencia de Carmen Cafarell, con un salario en 2009 de 100.000 euros anuais, veu cobrando a razón de 26 céntimos por carácter (pálabra), resultando un custo medio para a Fundación duns tres mil euros por artigo, e que durante e que durante o ano 2010 e 2011 a escritora estadounidense inexistente se embolsou a cantidade de 60.000 euros por 14 artigos, sobre temas de toda índole, de interese francamente nulo, e traballos de documentación para artigos asinados por outros (un modo de falar). Por outra parte, no contrato subscrito entre as partes, declárase que se reuniu o Xerente da Fundación Ideas, e a citade e inexistente Amy Martin, residente en EEUU, a efectos de formalizar o contrato. Carlos Mulas rexistrou o nome da columnista inexistente Amy Martin, mais Irene Zoe ao tempo que exculpa a Mulas e lanza un forte alegato contra tirios e troianos pola suposta perseguizón a que o están submetendo, «destituido e indefenso ante unha cascada de ataques ao seu honor», recoñece que é ela Amy Martin e non cre que exista nada malo en escribir con pseudónimo. Para dar visos de neutralidade ao que parece ser unha fábula inventada para exonerar ao seu compañeiro torticeiramente e a súa actuación, manifesta que non comparte relación nin física nin sentimental desde fai anos co Mulas.
Neste caso, observamos enormes irregularidades por todas partes. En primeiro lugar, sae malparado o propio PSOE, porque, após a publicación da primeria denuncia, preferiu negar a realidade antes que poñerse a investigar os fundamentos da mesma e poñer remedio xa aos desmadres da Fundación. Tamén sae malparado Rafael Caldera, que non quixo ou non soubo informarse do ruído de fondo que alertaba da falsidade da identidade da protagonista inexistente, nin tampouco das abultadas cantidades que se pagaban polos artigos nin da autoría dos mesmos. Parece que nunca se lle ocorreu investigar quen era en realidade a citada escritora que se cotizaba tan magnificamente. Nin el nin o Xerente, se sorprendían do diñeiro que se pagaba por artigo, o cal indica que non era unha práctica isolada, senón que contamina a todas as demais colaboracións. Alén diso, as súas manifestacións de que en todo isto non hai nada ilegal, non deixan de ser insólitas. Aquí observamos un caso que limita coa usurpación de personalidade, un caso de roubo descarado á Fundación, un caso de falsidade en contrato mercantil, ... Todo isto non é ilegal? O xerente, ademais de non inteirarse do que pasaba, asina contratos apresentados como fechados por Mulas, sen preguntar pola autoría nin facer reparos encanto ás cantidades estipuladas. O comunicado de Zou, caso de ser certo, aínda acrecenta máis a gravidade do proceder estes directivos, porque afirma que foi o Departamento de Comunicación de Ideas quen fixou as tarifas. Isto afecta seriamente á idoneidade do sistema de subvencións con diñeiro público, pois indica que non se gasta debidamente e non se contribúe ao interese xeral, que é o fin de toda fundacón. Salpica ao propio Rubalcaba, que é o Presidente da Fundación e non pide contas de nada durante tanto tempo nin se informa do destino do diñeiro e de se os colaboradores, en xeral, son os apropiados para o logro dos fins que se perseguen. Un home así, podemos preguntar, está preparado para presidir o Goberno de España?
Carlos Mulas fica afectado ética, legal e politicamente. A súa brillante traxectoria profesional queda seriamente afeada e a súa carreira política truncada. A nivel moral demostrou que é un pillo vulgar que inventa un burdo amaño para complementar o seu soldo, amparándose das deficiencias de control existentes na Fundación, con un incremento exhorbitado para o traballo que realizaba. Tantas persoas no paro, tantos inframileuristas, tantos funcionarios titulados xa con posto de traballo que non chegan aos 3 mil euros ao mes, el podía cobrar ese importe por un artigo no que empregaría poucas horas de traballo. Creo que non foi moi lúcido porque debería ser consciente que tales artimañas necesariamente teñen un percurso curto, aínda con persoas tan pouco avispadas como os seus superiores e outros cargos. Ademais de detraer diñeiro subvencionado, mente descaradamente ao inventar a historia da inexistente escritora, afirmar que falara con ela, que é de fala inglesa e que reside en EEUU. Contribúe á falsidade en documento mercantil ao presentar un contrato pechado onde se afirma que se formaliza en presenza da escritora inventada co obxectivo de cometer unha fraude á Fundación. A esta falsidade tamén contribúe Xoán Cornide, ao dar o visto e prace a semellante contrato sen poñer reparos ou polo menos delatar o caso ante o Vicepresidente executivo da Fundación, o cal indica que era unha práctica habitual. Dado que o Director Xeral era un administrador de Ideas podería ter incorrido tamén nos delitos de administración desleal e administración fraudulenta.
Zoe Alameda quer exonerar ao seu querido, sexa marido ou non, inventando unha historia rocambolesca, que ademais deixa malparado ao propio Mulas. Di que Mulas non coñecía a Amy Martin, mentres que Mulas afirma que si a coñecía e que tratou con ela, e inclusive se presenta ante Cornide con un contrato subscrito por Amy Martin, que non consta que fose remitido desde EEUU. Manifesta que Mulas non tivo coñecemento de que Amy Martin era un pseudónimo, cando consta que foi el quen o rexistrou. Afirma que os artigos os redixiu ela, mais non xustifica como concordan con outros publicados por Mulas antes ou despois dela. Despois de apelar dun xeito narcisista á súa formación, interese e tempo de investigación, acrecenta que para unha persoa deste perfil, “la generación de artículos de opinión en múltiples áreas es una tarea asequible”, derrubando de vez o dogma da necesidade da especialización propio das sociedadea de hoxe. O seu furibundo ataque ante a indignación da cidadanía, afirmando que a persoa de Mulas se viu “vilipendiada de forma insólita e irracional, aplastada por una especie de enorme bola de furia que pone de manifiesto la sed de sacrificios de nuestra herida sociedad”, delata unha defensa apelando á burda acusación dos cidadáns que sofren as consecuencias dunha corrupción inmensa e galopante. Ela é libre de crear as historias fantásticas que queira mais non pode inventar fantasmas con obxecto de delinquir ou infrinxir a lei. É libre de encarnar nas obras de fición a Amy Martin, mais non é libre de ocultar a súa personalidade no trato mercantil coa Fundación, que debe saber a quen lle paga o seu diñeiro e que currículo ten. Agora a Fundación vese burlada por estar entregando diñeiro inxustificadamente a un fantasma.
Embora afirme que está separada sentimentalmente del desde 2009, no Partido din que isto non lles consta e inclusive as súas declaracións parecen indicar que poderían formar parte da farsa, pois a súa confesión de que Mulas é “el hombre más honesto, trabajador y admirable que he conocido en mi vida ... un hombre al que quiero, respeto y admiro, y que en absoluto merece la reprobación de la que está siendo objeto”, dificilmente se compadecen con unha separación sentimental, sexa cal sexa a cobertura xurídica que ten a súa relación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario