![]() |
Oferenda ao Apóstolo no día da Traslación |
Como cada ano, vén de celebrarse o día 30/12/2012, a oferenda da traslación dos restos do Apóstolo Santiago desde o porto de Xaffa (Xerusalén) até o peirao de Iría Flavia, no actual concello de Padrón, cerimonia que se celebrou por primeira vez no ano 1109 con Alfonso VI e se institucionalizou en 1642 con Felipe IV.
O Apóstolo morreu decapitado por orde de Herodes Agripa no ano 43, segundo narran os Factos dos Apóstolos, 12, 1-3: “Polo mesmo tempo, O rei Herodes apoderouse dalgúns da da igrexa para maltratalos. Deu morte a Santiago, o irmán de Xoán, pola espada. Vendo que isto era grato aos xudeus, chegou a prender tamén a Pedro”. Segundo a lenda, entendendo por tal unha narración fiticia sen fundamento histórico, os sete discípulos rouban o corpo do Apóstolo que Herodes prohibira que se soterrase para que fose comido polas alimañas, e levárono ao porto de Xaffa, onde encontraron, milagrosamente, unha nave sen remeiros nen arrais, (patrón) e preparado para unha longa travesía. Favorecidos por un vento favorábel e sen contratempos, arriban a Iria Flavia, actualmente parroquía do Concello de Padrón. Depositan o corpo nunha rocha que se fundiu, formando un sarcófago no que depositan os restos do Apóstolo provisoriamente, pendentes de buscar un sepulcro definitivo.
Acoden á Señora do Castro Lupario, acrópole de Iria Flavia, a Raiña Lupa, á que piden un lugar para sepultar ao mestre. Nun principio ela remitiunos ao Sumo Sacerdote de Ara Solis, en Duio, Fisterra, Regulus, que os prendeu, sendo libertados milagrosamente por unhas luces que abriron unha porta invisíbel no groso muro onde estaban recluídos, por onde escaparon. Foron perseguidos até o río Támara (Tambre), mais unha vez cruzada a ponte Pías ou de Ons, en Negreira, esta derrubouse ficando a salvo dos seus perseguidores. A Raiña Lupa, entrementes, mandou que lle levasen o corpo á súa presenza, mais cando os soldados intentaron coller o cadáver, elevouse até a altura do Pico Sacro. Retornados os discípulos tras as súas xestións fallidas con Regulus, demandan de novo a Lupa que lles facilitase uns bois e un carro para trasladar os restos ao lugar de soterramento do seu mestre, mais a Raiña enviounos a procuralos ao monte Ilianus (aliás o Pico Sacro), onde, en vez de bois, se toparon con un dragón que amansaron co signo da cruz. Ante estes milagres a Raiña convértese ao cristianismo e ofrécelle o seu pazo como mausoleo, oferta que os discípulos rexeitan por preferir que fose a divina providencia quen fixase o lugar do soterramento, deixando que os bois vagasen sen dirección nin guía. Chegaron a un lugar onde os bois escarbaron e brotou auga, creándose así a fonte do Franco, na rúa deste nome en Santiago, mais non se detiveron senón que proseguiron un pouco máis até o campo Arcis Marmoricis no bosque do Liberdunum, Liberum Domum, Libredón, onde o sepultaron.
O lugar de soterramento foi relegado ao esquecemento até o ano 813 en que un eremita de nome Paio, viu unhas estrañas luces sobre o lugar e puxo este feito en coñecemento do bispo de Iria Flavia, Teodomiro, e personados no lugar viron un corpo degolado con unha cabeza baixo o brazo.
Aínda que non é sensato crer estas fabulacións inconsistentes, fantásticas e pragadas de signos milagrosos, para Galiza supuxeron a orixe dunha tradición bonita con notoria proxección tanto cultural como económica. É algo secundario que os factos se inventasen ou fosen reais, porque a vida está baseada no engano, falsidade e ilusión, como se pode ver pola dedicatoria do 25 de decembro como data do nacemento de Xesús, os Reis Magos, a Inmaculada Concepción, etc.
Outra cousa moi distinta é mestura da relixión coa política e a utilización por parte dos políticos para saír na foto e por parte da Igrexa para difundir a súa doutrina a través dos medios. As oferendas ante o Apóstolo son unhas cerimonias anacrónicas na que, moitas veces, políticos corruptos e incompetentes poñen a Santiago como protector e defensor da súa política. En tempos de Franco era sacralizada a política ditatorial e anuladora dos dereitos tanto individuais como colectivos, e agora aproveitan o acto os políticos españolistas para manter o statu quo e oporse a toda política que implique unha reforma da Constitución con obxecto de que responda ás exixencias da cidadanía e que sexa respeitosa tanto dos dereitos individuais como dos colectivos.
A oferente deste ano, por delegación real, Pilar Rojo, afirmou que o fenómeno peregrino e o camiño de Santiago son moduladores de identidade colectiva, e ten razón, mais o problema é qiue non precisa de que tipo de identidade se trata. Isto afírmao unha integrante do Partido Popular que non ten reparos en aplicar unha política negadora dos nosos trazos máis diferenciais, como son a lingua e cultura propias. A tradición xacobea é moito máis adxectiva que o sinal de identidade creado polas luceciñas inmominadas do pobo galego, como é a nosa lingua. A única identidade colectiva que se deriva das peregrinacións é unha identidade relixiosa e se acaso cultural, mais neutra e non especificamente galega.
A Presidenta do Parlamento galego quere que nos inspiremos na tradición xacobea para superar a crise económica, mais os cidadáns pregúntanse se non sería mellor inspirarse en bos economista e en políticos capaces, competentes e honrados, e se, en vez de recorrer á ilustración do Santo, non lles sería mellor que os políticos adquirisen unha preparación intelectual e moral para servir a cousa pública. Tamén pide a Delegada rexia que o Apóstolo interceda polos máis necesitados, quizais porque para botalos na miseria xa se encarga o goberno, tanto autonómico como central. Tamén sería mellor que, en vez de poñer ao Apóstolo a resolver os problemas da solidariedade e da entrega aos servizo público, deixasen de aplicar unha política ultraliberal, insolidaria e inxusta, na que os máis ricos e os que provocaron a crise saen indemnes e os actores pasivos sofren as súas nefastas consecuencias. Eles levan unha política de laminación dos dereitos sociais e identitarios e para os non conformes remítenos á protección do Apóstolo, quizais nun intento de lavar a súa falsa conciencia.
Creo que é hora de suprimir esta antroidada e non mesturar o divino co humano, -para isto xa tivemos bastante con Bush- especialmente importante nun estado non confesional, cunha práctica que lembra a aplicada nas sociedades fundamentalistas islámicas nas que a Sharia ou lei islámica se converte na fonte inspiradora das políticas gubernamentais. Aquí non é a unha lei senón a un santo cristián a quen se demanda inspiración. Non é pertinente que o político, elixido polos cidadáns, de todos os credos e tendencias, se postre de xoellos ante os representantes dun determinado credo, ante o poder relixioso, facendo a súa apoloxía, aproveitando este a ocasión para interferir no devir político condicionando as medidas que debe aplicar o gobernante, como estamos a ver pola presión exercida pola Conferencia Episcopal para cambiar as leis para que encaixen na forma dos seus estreitos zapatos.
Todas as relixións e todos os credos son merecedores de respeito mais non debe ningún deles erixirse en monopolizador da formación da conciencia e da sensibilidade cidadá.
No hay comentarios:
Publicar un comentario