2 jul 2013

División de poderes

Co advento do liberalismo, ideoloxía sobre a que se edificaría a democracia moderna, prodúcese a formulación da división de poderes, primeiro por parte de Locke (1632-1704), que os dividía en lexislativo, executivo e federativo, incluíndo neste último o referido ás relacións internacionais e integrando o xudicial no executivo. A segunda e aínda vixente formulación de poderes foi formulada por Montesqueu (1689-1755), que  os dividiu en lexislativo que é quen prepara e aproba as leis; executivo, que é o órgao que as aplica; e xudicial, que tería por función dirimir os conglitos que surxen entre os diversos poderes e de concretar as sancións a aplicar para os que incumpren as leis. A razón que daba Montesquieu é por exixencias democráticas, pois esta require que non sexa a mesma institución quen fai as leis, quen as executa e quen castiga o seu incumprimento. Montesquieu fala da separación de poderes no libro XI, cap. VI, do Espírito das Leis, titulado A Constitución de Ingleterra, no que estabelece os requisitos precisos para evitar o despotismo, para garantir a liberdade dos cidadáns, co obxectivo de que estes non teman a ningún outro cidadán. “Cando, na mesma persoa ou no mesmo corpo de maxistrados, a poder lexislativo está unido ao poder executivo, non hai liberdade, porque se pode temer que o mesmo monarca ou o mesmo senado faga leis tiránicas, para executalas tiranicamente”. Neste texto, Montesquieu afirma que a mesma persoa ou o mesmo corpo non debe facer as leis ou aplicalas, e que non se soluciona, por conseguinte, o problema da liberdade e da democracia con expresións como a cacareada de estado de direito. Esta expresión só indica que hai unha lexislación estabelecida e poderia que se actuase de acordo con ela, mais non presupón que a citada lexislación teña lexitimidade democrática, salvo que se entenda por lexitimidade democrática o poder lexislar ao seu antollo aplicando o rolo das maiorías, inclusive en contra dos programas que se lle presentaron aos cidadáns. En tempos de Franco, tamén estaba vixente un estado de direito, que era o imposto polo Ditador, mais que non reunia os requisitos mínimos para poder cualificala de lexislación democrática, que favorecese a liberdade dos cidadáns, senón todo ao revés. A democracia hai que medila polo capacidade de decidir e de participar que desfrutan os cidadáns e non pola lexislación estabelecida. Nos nosos días, a democracia é unha democracia de partidos e cando un partido controla o poder executivo e o poder lexislativo, como pasa nos nosos días, a democracía reséntese por moita lexitimidade legal emanada das urnas. Isto explica a protesta dos partidos políticos catalanistas contra a oposición do goberno central e dos partidos españolistas a que eles exerzan o poder de decidir libremente o seu futuro, amparándose en leis coercitivas aprobadas por estes, pois isto podería entenderse como o estabelecimento de leis inxustas e antidemocráticas para aplicalas en contra dos direitos dos demais.
  
Non só o pder lexislativo ten que estar separado do executivo, senón que o xudicial ten que estar separado realmente e non só formalmente do lexislativo e executivo. Continúa Montesquieu : “Non hai liberdade, se o poder de xulgar non está separado do poder lexislativo, e do executivo. Se estiver unido ao poder lexislativo, o poder sobre a vida e a liberdade dos cidadáns sería arbitraria; porque o xuíz sería lexislador. Se estiver unido ao poder executivo, o xuíz podería ter a forza dun opresor.

Todo estaría perdido, se o mesmo home, ou o mesmo corpo de elites, ou de nobres, ou do pobo, exercen estes tres poderes; o de facer as leis, o de executar as resolucións públicas, e o de xulgar os crimes ou as diferenzas entre os particulares”.

A concepción de Montesquieu continúa a ser válida e plenamente vixente nos nosos días e considérase que unha sociedade non é democrática ou que tería, en todo caso, unha democracia de moi baixa intensidade, se non ten vixente e operativa unha división real de poderes. Non basta con unha división formal, algo que existe sobre o papel, senón que ten que ser efectiva.

A democracia surxida da transición política de 1978, estabeleceu unha división formal de poderes, mais non unha división plenamente efectiva. Para que exista esa división real de poderes, ten que estabelecerse un sistema de eleición ou nomeamento dos membros do poder xudicial e do poder lexislativo que non cre débitos de dependencia do elexido ou nomeado a respeito do eleitor ou nomeador, e que canto maior sexa a dependencia maior será tamén a submisión do elixido ou nomeado á vontade e proxecto político do eleitor ou nomeador, e, consecuentemente, máis baixa a cualidade democrática dun país.

Nos nosos días, a democracía estabelecida é unha democracia de partidos e fóra deles é practicamente imposíbel facer política. Isto non tería porque ser así, mais lexislouse para que fose así. Estes partidos poden ser máis ou menos democráticos e participativos. Canto máis restrinxido é o sistema de eleición dos líderes dos partidos menos democrático será o seu funcionamento; e canto máis aberto e participativo sexa o sistema de eleición máis democrático será a tomada de decisións. Os partidos que fomentan liderados caudillistas e nos que a designación por parte do líder basta para nomear o seu substituto, sen consulta do sentir das bases do partido, ou con mera participación litúrxica de ratificación dun nomeamento, tenderá a producir líderes moi pouco representativos, e, por tanto con défice democrático. Alén diso, ten outra consecuencia, que é que favorecerá o afastamento do lider non só con respeito á base do partido, senón, o que é máis grave, con respeito á cidadanía, que ve como as súas preocupacións van por un lado e os políticos por outro, que se condensa no grito «non nos representan». No caso do PP, Mariano Rajoy foi proposto polo seu antecesor José María Aznar, e o Congreso do partido limitouse a ratificar esa seleición previa. No caso do PSOE, a designación do líder debeuse aos membros que controlan o aparato do partido e os gurus que o condicionan desde a trastenda. En ambos casos, trátase de partidos afastados do sentir popular e das súas preocupacións cuotidianas, e, por outra parte, en ambos casos, lograron os citados gurús preservar os seus privilexios, que lles permiten amasar inxentes cantidades de diñeiro «legalmente» e desfrutar dunha posición boiante mentres os demais cidadáns ven minguados os seus recursos e soportan proporcionalmente o maior peso da crise económica.

A democracia nun partido tamén se ve afectada pola regulación da tomada de decisións, que pode ir desde totalmente persoal a totalmente colexial, con todas as transicións intermedias. As decisións colexiais representan máis a pluralidade e a participación e, por conseguinte, fomentan máis a corresponsabilidade e a democracia.

Aplicado xa en concreto á división de poderes, isto significa que canto maior representación teñan os eleitores ou nomeadores, maior será a amplitude dos sectores sociais involucrados e menor será a dependencia de persoas concretas, e, maior será a división de poderes.

Os sistemas de eleición proporcionais representan mellor a realidade social e son maís democráticos que os maioritarios, e canto máis partidos participen na eleición dos órgaos de poder xudicial, sempre que teñan a representación de maiorías sociais, maior división de poderes se dará. Igualmente, se participan órgaos colexiais na proposta de candidatos ao poder lexislativo, terán maior representatividade que se son propostos por órgaos unipersoais.

No caso español, o Preesidente o Secretario Xeral dun partido controla totalmente o seu partido, como o seu líder, e, como xefe de partido, controla os candidatos que van ser propostos para o lexislativo; como xefe de goberno, controla o executivo, que é quen escolle os ministros; e dado que controla o lexislativo, se ten maioría ou en caso contrario coa axuda doutro grupo, indirectamente controla o xudicial. En consecuencia, o xefe dun partido maioritario, controla o lexislativo, executivo e xudicial, e a maior control por parte dun grupo menos división de poderes e menos democracia.

Isto explica o interese dos xefes dos partidos gobernantes en poñer entre os xuíces persoas da súa confianza, porque así sabe que as sentenzas serán acordes co seu ideario político. Explica tamén sentenzas como a do Estatut  e moitas outras, nas que os xuíces designados polo PSOE votan por alternativas politicas socialistas, e os porpostos polo PP políticas da direita. Isto explica igualmente a reforma que se veu practicando sistematicamente da lexislación, por vía xudicial, con efeitos de recentralización política, a partir da LOAPA, no Estado español; e implica que os minoritarios, como son os nacionalistas periféricos, van saír perdendo sempre, e a única vía que teñen é procurar estabelecer espazos de convivencia propios, á marxe do sistema imperante no Estado. 

A conclusión final que se impón é que a democracia no Estado español é de moi baixa intensidade, o cal explica o berro dos indignados: «democracia real xa»; hai unha democracia de eleición cada catro anos nas urnas, mais non existe participación real nin se teñen en conta as demandas e aspiracións da cidadanía á hora de gobernar, nin de amplos sectores minoritarios.

No hay comentarios:

Publicar un comentario