3 jul 2013

Cincuentenario dunha ordenación sacerdotal


A inicios da década dos cincuenta do século XX agromou nunha serie de rapaciños galegos, a esa altura con dez ou once anos, o proxecto de vida de converterse en sacerdote, proxecto que constituía ppara nós, pequeniños como eramos, un reto e unha ilusión.

No ano 1952, a maioría deles ingresou no Seminario, neste caso de Santiago de Compostela, diócese que rexía, a esa altura, o moi digno cardeal Fernando Quiroga Palacios. Algúns fómonos integrando en cursos posteriores após ter cursado por libre durante algúns anos. A extracción era principalmente de sectores camponeses, mariñeiro, pequena burguesía industrial e comercial e funcionariado. A nosa lingua de comunicación era normalmente o galego, mais existía unha presión subliminal  para que transitásemos cara ao español.

Os estudos comprendían cinco anos de Humanidades, tres de Filosofía e catro de Teoloxía. O profesorado era dun nivel moi digno en Humanidades e na materia de Matemáticas, que impartía o profesor García Rodeja, e francamente de baixo nivel en Filosofía, nas disciplinas de Cosmoloxía, Ontoloxía e Psicoloxía, e moi bo no das materias de Lóxica e Historia da Filosofía, que corrían a cargo do profesor Palleiro e Guerra Campos, máis tarde bispo de Cuenca. O profesor Ferro Couselo posuía amplos coñecimentos e grande lucidez mental, non acompañada de dotes pedagóxicos equiparábeis. As materias de Física e Ciencia Naturais eran impartidas polo profesor García Rodeja, con un nivel moi meritorio. O ensino na rama de Filosofía era apoloxético, retrógrado, anticientífico, negador do evolucionismo, do atomismo mecanicista, aínda que defendían un atomismo empírico que compatibilizaban coa doutrina peripatética do hilemorfismo. Era un ensino acrítico e ao servizo dos dogmas cristiás. 

Os estudos eclesiásticos eran específicos, distintos dos cursados en centros civís, e supoñían unha barreira importante en caso de que un decidise abandonar a carreira eclesiástica, porque practicamente non tiña a formación requirida para desempeñar ningunha profisión que exixise ter alcanzado algún título. Para algúns de nós supuxo un obstáculo moi importante. Eu quixen nalgún momento da miña traxectoria vital desempeñar como xestor administrativo e pedíanme ter aprobado o bacharelato e o ter finalizado os estudos de teoloxía, tiñan recoñecido un nivel superior ao do bacharelato, mais denegáronme esa posibilidade, en tempos de Carrero Blanco, porque aínda que tiña máis, non tiña bacharelato. Na resolución de denegación expresamente me recoñecían que tiña un nivel superior mais que non tiña precisamente o menor que se requiría que era o bacharelato. Iso motivoume a que decidise aprobar o bacharelato por libre, que superei nun Instituto da cidade de Vigo, do que non me lembro o nome.

En cuarto de Humanidades chegamos a ser, se a memoria non me falla, 102 alumnos, entre os cales figuraba o célebre Marcelino, que despois militaría con moito éxito nas filas do Zaragoza e que lle marcara o celebrado gol da selección española a Rusia no ano 1964. Era célebre porque xa daquela pateaba mellor o balón que os que fomos os seus condiscípulos. Nas materias de estudo tampouco o facía mal.

Ao terminar Humanidades comezou o abandono progresivo de compañeiros, entre eles o citado Marcelino. As razóns foron moi variadas. Algúns fixérono por cuestións amorosas, que as autoridades eclesiásticas consideraban e consideran aínda incompatíbeis co desempeño da función sacerdotal., seguindo a liña de desprezo do sexo dos xudeus en xeral e dos esenios e cristiáns dos primeiros séculos en particular. Outros foron expulsados, e algunha das razóns podía ser o collelos fumando, recibir informes negativos do párroco ou chegar a ouvidos dos superiores veleidades amorosas. Outros, finalmente, decidiron marchar para centros que gozaban de maior predicamento que o que, nese momento, tiña o Seminario Maior Conciliar de Santiago de Compostela, a esa altura, en España, a Universidade de Comillas, rexentada polos xesuítas, e a Pontificia de Salamanca, e no estranxeiro, a Universidade Gregoriana de Roma..

O goteo dos abandonos intensificouse ao terminar Filosofía. Algúns, como no meu caso, decidimos plantar a esa altura, mais optamos por continuar por recomendación do Director Espiritual e terminamos Teoloxía e inclusive a especialidade en Liturxia, Pastoral, ...

Se a memoria non me falla, terminaron ordenándose en 1964, 35 compañeiros, mais o goteo de abandonos non se detivo senón que continuou após algúns anos de exercicio sacerdotal, en que moitos condiscípulos preferiron compartir a súa vida con algunha compañeira, véndose obrigados ao abandono, por ser incompatíbel para a Institución eclesiástica co desempeño do labor sacerdotal. Outros, foi o meu caso, optamos polo abandono por discordar da ideoloxía cristiá, principalmente tal como se plasmou a partir do século III, e pola falta de sitonía da mensaxe cristiá coa ciencia e coa sociedade. Entre os falecidos e abandonos, quizais hoxe non exceda dunha vintena o número de sacerdotes que se ordenaron en 1964. Noutros cursos que viñeron detrás, a percentaxe de abandonos foi aínda moito maior. Non deixa de ser surprendente que a Igrexa non tiver feito a menor análise de por que se produciu este fenómeno, que alertaría a calquera corporación que se precie de seriedade e responsabilidade. Se a isto sumamos a histórica discriminación negativa que sofre a muller no seo da Igrexa, o resultado é ben evidente: unha institución con sacerdotes vellos e doentes, que, por moito que fagan de tripas corazón, non dan abasto para atender as necesidades das, cada vez máis numerosas, parroquias que lles son encomendadas.

En 2014 conmemoran estes condiscípulos o seu cincuentenario da ordenación sacerdotal, de entrega e dedicación a un ideal que, é de supoñer, os satisface, ennobrece e dignifica, pois toda entrega a un ideal de entrega aos demais, especialmentte cando se fai nun entorno adverso, ennobrece e dignifica aos seres humanos. De non producirse circunstancias vitais imprevistas, penso acompañalos na conmemoración desta efeméride e dos actos que programen para celebrala, compartamos ou non o seu contido. Aos amigos non se lle condicionan as celebracións, pois o esencial é o apoio humano, a expresión do noso calor afectivo e a comparticipación da fraternidade e non a mensaxe concreta que se transmite.

Porén, o meu pensamento tamén estará cos que nos deixaron e cos que foron obrigados a optar entre o celibato e o abandono, motas veces con un sacrificio moi importante, por ter que realizar un notorio esforzo de reciclaxe, porque a SMI (Santa Madre Igrexa), siglas que algúns prefiren traducir por Sorda, Muda, Insensíbel,  non se dignou adoptar a  normativa ás persoas, prefirindo poñer o home ao servizo da norma, en vez da norma ao servizo do home. Prefire emendar a obra divina, da que as pulsións son unha parte integrante, a que os membros da Igrexa se realicen integralmente como persoas ou inclusive busquen válvulas de escape no sexo heterosexual prohibido, ou no sexo penalizado, como nos casos de  violacións de monxas, ou finalmente no sexo desviado, como nos casos de pederastia e pedofilia.     

No hay comentarios:

Publicar un comentario