10.- Os esenios e Xesús de Nazaré
a) Os esenios
![]() |
Home sen órgaos sexuais |
Para contextualizar as afirmacións de Xesús de Nazaré sobre o eunuquismo, cumpre facer unha descrición somera da secta dos esenios, á que pertenceu Xoán o Baptista e quizais o mesmo Xesús; en todo caso, parece que foi influído significativamente por ela. Polo que respecta ao noso tema, debemos observar que neste grupo van defender e practicar unha abtinencia sexual en aras dun fin superior, que será tamén unha ideia diretriz no pensamento de Xesús e da igrexa. Foi fundada, ou polo menos recibiu un grande impulso, por unha personaxen da que a identidade se disfarza nos escritos de Qunran co nome de Mestre de Xustiza, que viviu no século II a. C., que se opuxo ao Sumo Sacerdote Xonatan, irmán e sucesor de Xudas Macabeu (s.II), como lider da banda de soldados que se rebelaron contra o rei seleucida Antíoco IV Epifanes (175-164) o ano 167 a.C. Se acreditamos no que afirma o escritor latino, Plinio o Vello (23-79), na súa Historia Natural, escrita no período 77-79, a súa antigüidade tería que ser moito maior, gozaban de grande predicamento social e terían o seu asentamento principal ás orelas do Mar Morto: “En Occidente, mais distantes da orela (do Mar Morto), onde non hai nada que temer das súas exhalacións, están os esenios, nación solitaria, singular por acima de todas as outras, sen muller, sen luxuria, sen diñeiro, vivindo na sociedade das palmeiras. Reprodúcense día a día, a causa da afluencia de novos anfitrións; e non falta a multidume dos que, fatigados da vida, son levados pola vaga da fortuna a adoptar esta clase de vida. Así durante miles de séculos, cousa incríbel, nunha nación onde non nace ninguén, tan fecunda é para ela o arrepentimento que teñen os outros da súa vida pasada”1. O filósofo xudeu, Filón de Alexandría (15/10 a. C.- 45/50 d.C.), en Todo home Probo é Libre, cifra o seu número en catro mil, frente a uns seis mil dos fariseos. “Tampouco é estéril en altas cualidades morais a Siria Palestina. Nela habita unha non pequena parte da numerosísima nación dos xudeus, entre os cales se mencionan algúns chamados esenios, dos que o número ascende a máis de catro mil”2.
Embora o seu asentomanto principal estaba en Qumrán, tamén se instalaron en bairros das cidades hebreas, constituíndo agrupacións autárquicas, solidarias, fraternas, igualitarias, ascéticas e piedosas, integradas por homes maduros, -as mulleres e os infantes non eran admitidos. Entrábase na comunidade despois de pasar unha serie de probas rigorosas, que incluían un ano de instrución e dous anos máis para probar o seu carácter antes da súa integración definitiva, que só se produciría após comprometerse por xuramento a observar unha serie de votos entre os que se achan venerar a divindade e observar a xustiza cos homes, detestar os inxustos e axudar aos xustos, gardar secreto das doutrinas da comunidade se acceder a un posto de mando, ... A nivel persoal eran moi honestos e dignos de admiración pola súa práctica da xustiza. Eran considerados como bos preditores do futuro en base ao estudo, purificacións, e ditos dos profetas. Constituiron comunas de carácter comunista, nas que non existía a propiedade privada, senón que todo era común. Como afirma o historiador xudeu, da escola dos fariseus, Flavio Xosefo (37/38-101) nas Antigüidades Xudaicas (ca. 94): “Os bens son comúns a todos e o rico non goza máis das súas propiedades que o que non posúe nada. E son máis de catro mil homes a vivir así”3. Este trazo é ratificado tamén por Filón de Alexandría na Apoloxía en prol dos Xudeus: “Testemuño desa liberdade é a súa vida. Ninguén entre eles, con efeito, se permite absolutamente posuír bens propios: nin casa nin escravo nin terra nin rabaño nin cousa algunha de cantas produce e proporciona a riqueza, senón que colocan todas as cousas conxuntamente para uso colectivo e gozan en común dos beneficios de todos eles”4. Cando viaxan non levan nada consigo, pois a comunidade pon ao seu servizo todo o que necesitan, facto que lembra exhortacións de Xesús de Nazaré: “Cando chegan irmáns dunha localidade a outra, a comunidade pon todos os seus bens á súa disposición, como se lle pertencesen; conviven entre persoas que nunca viron como entre íntimos amigos. Tamén, nas súas viaxes non carretan nada con eles, a non ser armas por culpa dos bandidos. En cada cidade hai delegado un comisario encarregado especialmente destes hospedes da comunidade: provelle vestimentas e víveres. ... Entre eles non se compra nin vende nada, cada un dá aos outros das súas provisións o necesario e recibe en contrapartida aquilo do que ten necesidade; mais, inclusive sen reciprocidade, élle permitido recibir o necesario para vivir de parte de calquera dos seus irmáns”5.
Como afirma Flavio Xosefo, nas Antigüidades Xudaicas, vivían entregados principalmente ao traballo da terra e para percibir as rendas e os produtos da terra “elixen a man alzada homes xustos, e escollen sacerdotes para a preparación da comida e bebida”6. Porén, segundo matiza Filón de Alexandría, as súas ocupacións son diversas, pois alén dos que traballan no campo, “outros son cuidadores de rabaños, tendo ao cargo toda sorte de gandos; e algúns cuidan de colmeas de abellas. Outros traballan en distintos oficios manuais con obxecto de evitar os inconvenientes que forzosamente ocasionan as inevitábeis necesidades e non renuncian a ningunha cousa irreprochábel que contribúa á subsistencia”7.
Eran, escribe Flavio Xosefo, irmandades igualitarias nas que desprezaban a riqueza, outro trazo común con Xesús de Nazaré, e “practicaban entre eles un marabilloso espírito de comunidade. Ninguén entre eles sobrepasa aos demais pola fortuna; porque a súa lei prescribe aos que adhiren á súa secta deixar os seus bens á corporación, de maneira que non se encontra en ningún sitio entre eles nin a angustia da pobreza nin a vanidade da riqueza, senón a posta en común dos bens que cada un da a todos, como se fosen irmáns”8.
Segundo Flavio Xosefo , trataríase dunha escola filosófica, ao lado da dos fariseos e saduceus. “Hai, con efecto, entre os xudeus, tres escolas filosóficas: a primeira ten como sectarios aos fariseos, a segunda os saduceus, a terceira, que pasa por exercitarse na santidade, tomou o nome de esenios, xudeus de nacimento, máis ligados entre si polo afecto que os outros. Repudian os praceres como un pecado e teñen como virtude a temperanza e a resistencia ás paixóns. Desprezan o matrimonio para eles, mais adoptan os meniños doutros, nunha idade na que o espírito aínda tenro se penetra facilmente das ensinanzas, trátanos como os seus propios proxenitores e incúlcanlle os seus propios costumes. Non é que eles condenen en principio o matrimonio e a procreación, mais temen da desvengoña das mulleres e están persuadidos que ningunha delas garda a fidelidade a un só home”9. No desprezo do matrimonio, que describe Filón de Alexandría, pode detectarse unha tendencia misoxina que foi tradicional no xudaísmo e que marcará a historia do cristianismo: “Rexeitan o matrimonio porque con toda clareza ven nel o único ou principal obstáculo para manter os vínculos da vida en comunidade, e á vez porque practican con particular celo a continencia. Ningún deles, con efeito, toma esposa, entendendo que a muller é unha criatura egoísta, celosa por demais e capaz de tender as súas redes aos costumes do home e seducilo coas súas incesantes fascinacións”10. Este desprezo do matrimonio non era común, segundo matiza Flavio Xosefo, a todos os grupos de esenios senón que “Existe aínda outra clase de esenios, que se parecen aos outros polo réxime, costumes, leis, mais que se afastan deles pola cuestión do matrimonio. Pensan que renunciar ao matrimonio é realmente suprimir a parte da vida máis importante, a saber, a propagación da especie; cousa tanto máis grave que o xénero humano desaparecería en pouco tempo se todos adoptasen esta opinión. Toman ás súas mulleres como ensaio, e despois que tres épocas sucesivas mostraron a súa aptitude para concibir, despósanas definitivamente. Despois de estar embarazadas, non teñen relacións sexuais con elas, mostrando así que se casan non por pracer senón para procrear meniños”11.
A nivel relixioso, crían que a alma era inmortal, non oferecían sacrificios de animais no Templo senón que practicaban outra clase de purificacións, e deixaban todo nas mans de Deus, como aconsellaba tamén Xesús. “Os esenios teñen como crenza deixar todo nas mans de Deus; consideran que a alma é inmortal e pensan que cumpre loitar sen descanso para alcanzar os froitos da xustiza. Envían oferendas ao Templo, mais non fan sacrificios porque practican outra clase de purificacións. Por esta razóns abstéñense do recinto sagrado para facer sacrificios á parte”12, que lembra a recomendación á oración en privado do Galileu. As súas crenzas son narradas por Flavio Xosefo nas Antigüidades Xudaicas do seguinte modo: “Os esenios teñen como costume deixar todo nas mans de Deus; consideran o home como inmortal e estiman que hai que loitar sen descanso para alcanzar os froitos da xustiza. Envían oferendas ao Templo, mais non fan sacrificios porque practican outra clase de purificacións”13. Antes de saír o sol elévanlle preces tradicionais como se lle suplicasen de aparecer. A respeito da inmortalidade da alma e do seu destino após a morte seguen as doutrinas platónicas: “Con efeito, é unha crenza ben asentada neles que o corpo é corruptíbel e a materia que o compón inconsistente, mais que a alma é inmortal e imperecedoira, que habitaba o éter máis subtil, que atraída ao corpo como nunha prisión, únese a el por unha especie de encanto natural, que esta alma unha vez desprendida dos lazos da carne, desembarazada por así dicer dunha longa escravatura, toma o seu vó gozoso cara ás alturas. De acordo cos fillos dos gregos, pretenden que somente ás almas puras é reservado unha estadía alén do Oceano, un lugar que non importunan nin as chuvias, nin as nuves, nin o calor excesivo, senón que o doce cefir, soprando do Océano, vén refrescar sempre; as almas impuras, polo contrario, reléganas nun abismo tenebroso e axitado polas tempestades, superabundando de eternos sufrimentos”14.
Os esenios aprendían a controlar as súas paixóns, desexos e impulsos sexuais; non casaban por amor ao reino dos ceus e, aínda que non se certificaron entre eles casos de evisceración, crearon a mística que preparou o terreno para que no cristianismo se dese ese paso, facto que estivo reservado ao seu fundador, Xesús. Na primitiva igrexa cristiá, a emasculación físiolóxica foi substituída pola emasculación mental, pola renuncia voluntaria ao pracer sexual e á procreación, só moi parcialmente exitosa, como estamos a observar nos nosos días polos inumeros casos de corrupción a este respeito.
b) Xesús de Nazaré
Xesus de Nazaré (4/5 a. C.-27/28 d.C.) insírese neste marco conceptual do Trito-Isaías, e parece admitir a castración, inclusive cando se practica voluntariamente, se se fai por amor do reino de Deus: “Porque hai eunucos que naceron así do ventre da súa mai, e hai eunucos que foron feitos polos homes, e hai eunucos que se castraron a si mesmos por amor do reino dos ceus”15. Para entender o alcance deste texto temos que inserilo no seu contexto, tanto remoto como próximo. O primeiro está constituído polas seguintes concepcións:
a) A biblia hebrea, que Xesús coñecía ben e que consideraba inspirada por Deus.Os israelitas non dubidaron en emerdarlle a plana ao criador, e, por iso consideraban o sangue proveniente da regra ou do parto como algo impuro do que cumpre purificarse e como un pecado, e a muller, que está máis exposto ao fluído sanguíneo, como máis impura que o varón, e se dá a luz unha menina é máis impura que se dá a luz un menino, como se pode constatar no seguinte texto: “Iavé falou a Moisés e díxo: Fala aos israelitas e dilles: Cando unha muller dea a luz e teña un fillo varón, ficará impura durante sete días, será impura como no tempo das súas regras. Ao oitavo día será circuncidado o menino na carne do seu prepucio, mais ela permanecerá aínda 33 días purificándose do seu sangue. Non tocará ningunha cousa santa nin irá ao santuario até cumprirse os días da súa purificación. Mais se dá a luz unha menina, durante 15 días será impura, como no tempo das súas regras, e permanecerá 66 días máis purificándose do seu sangue. Ao cumprirse os días da súa purificación, sexa por menino ou menina, presentará ao sacerdote á entrada da Tenda do Encontro, un cordeiro dun ano como holocausto, e un pombiño ou unha rola como sacrificio polo pecado. O sacerdote oferecerao ante Iavé, facendo expiación por ela, e ficará purificada do fluxo do seu sangue. Esta é a lei referida a unha muller que dá a luz un menino ou unha menina”16. Para os israelitas, alén do fluido seminal17, tamén era motivo de impureza ter contraído a lepra18, o pecado, tocar a un morto19, .... A este ritual da purificación tamén se submeteu María20, o cal non deixa de ser incoherente se nacer dunha mai virxe e sen derramamento de sangue, como afirman varios evanxellos apócrifos21, e continuou practicándoa a Igrexa até os nosos días, dedicando un día do ano, 2 de febreiro, para celebrar solemnemente a festa da Purificación de María. Para o cristianismo, a carne é fonte de pecado e por iso debe ser purificada, segundo nos narra a Epístola aos hebreus22.
b) A relixión dualista persa fundada por Zoroastro, o mazdeísmo, que tivo unha grande influencia no xudaísmo, e, por conseguinte, tamén no cristianismo. Defendía un dualismo ético e metafísico, que contrapón dous espíritos orixinais e autoexistentes, un deus supremo bondadoso, Ahura Mazda ou Ormuz, á súa antítese no espírito do mal, Angra Mainyiu ou Ahriman, converténdose os demais deuses en divindades secundarias; que a alma é inmortal e será xulgada após a morte. Os xustos conseguirán a luz eterna; os condenados irán aos infernos, e os que compensaron as más accións coas boas, ao purgatorio. Os xudeus, antes do exilio, non tiñan noción da retribución individual após a morte dos defuntos. Todos, bos e maus, ían ao Sheol, conceito similar ao Hades grego, a rexión das sombras e da morte, a tomba colectiva de toda a humanidade falecida; Os últimos días serán anunciados pola vinda dun mesías e liberador, Saoshiant, que renovará o mundo despois da resurrección; na demonoloxía, taumaturxia, etc.
c) O platonismo co seu desprezo do corpo e da materia e o anseio de aniquilación e de morte para retornar ao mundo das Ideias que constitúe o seu fogar natural, e o seu desprezo da muller que ten a súa orixe en almas de homes con comportamento deshonesto, e condenados a reencarnarse en mulleres23, coas mesmas faculdades que os homes mais dunha natureza inferior: “os dotes naturais están diseminados indistintamente nuns e outros seres, de maneira que a muller ten acceso pola súa natureza a todos os labores e o home tamén a todos; unicamente que muller é en todo máis débil que o varón”24. Porén, Platón non sofre de misopedismo, de odio á procriación dos fillos, contrariamente aos epicúreus que renuncian a telos por comodidade e para evitar perturbacións, aos esenios que dubidan da fidelidade das mulleres, e varias sectas cristiás que desprezan a carne e a materia, senón que, polo contrario, considera como unha obrigación do home fomentar a procriación en aras de perpetuar a especie e de procurar fillos para o Estado: “O xénero humano é contemporáneo dos séculos; o home acompaña e acompañará o tempo no seu percurso; engana a morte deixando despois del fillos que os deixan á súa vez e converten a especie en imortal, unha e idéntica a ela mesma, pola sucesión perpetua das xeracións. É pois un crime para todo home privarse voluntariamente desta vantaxe, e é consentir en privarse o recusar tomar unha muller e ter fillos”25.
d) O culto a Cibeles-Atis, que xa expuxemos en capítulos anteriores.
e) Os esenios
Creo que é totalmente desencamiñado interpretar a mensaxe de Xesús en clave descontextualizada, pois Xesús era fillo do seu tempo e da súa sociedade e non podemos pedirlle unha sensibilidade moral como a dos nosos días. Se non se interpreta no seu contexto resulta un Xesús totalmente incomprensíbel.
O contexto próximo está constituído pola pergunta que lle fixeron os apóstolos acerca de se é lícito repudiar á muller. Xesús oponse en base ao que dí o Xénesis26 de que o matrimonio é unha unión na que dous fican reducidos a un e, en consecuencia, esta unidade non se pode disolver. Trátase dunha fusión por absorción e anulación da personalidade dunha das parte, a muller, que se pode utilizar ad libitum, a seu bel-pracer, a modo de cleanness, do que se pode prescindir, unilateralmente, cando non agrada, dándolle o libelo de repudio27, salvo que fose violada28. A muller foi criada para axuda do varón29, era un instrumento ao seu servizo, ao mesmo nivel que a casa e a viña30, condenada, como froito do pecado orixinal a estar submetida ao marido31, mentres que sería “escaravatura, ignomínia e vergoña a muller que domina ao marido”32. A muller repudiada era discriminada socialmente, independentemente da causa do repudio; non podía ser desposada por un sacerdote, ao igual que sucedía coas prostitutas33. Esta concepción está lonxe do matrimonio como ideal común compartido desde a igualdade e a diferenza, preservando a personalidade e identidade psico-física de cada unha das partes. Xesús, aínda que comparte a concepción xudaica sobre a muller, introduce un matiz que é a imposibilidade non só unulateral senón tamén bilateral do repudio, salvo en caso de adulterio34, e, por tanto, o efeito cleanness; do cese da convivencia mútua voluntaria e da forzada por unha convivencia insuportábel non fala porque non entraba na órbita das súas preocupacións. Se Moisés -diconcedeu licenza para o repudio e o divorcio foi a título provisorio motivado pola dureza do voso corazón. Aos apóstolos parécelles duro non poder repudiar e casar con outra e, por iso, coméntanlle que nese caso é mellor para o home non casar. Xesús non o nega e inclusive parece asentir a esta formulación, e, por iso, convida a converterse en eunucos polo reino dos ceus.
Algúns autores queren interpretar este texto dicindo que non se trata dunha castración real senón figurada, ou sexa, que se trataría dunha vida de castidade, mais non hai nada que xustifique esta interpretación, senón que debe ser encuadrado dentro dun contexto no que todo o que se fixese en aras da gloria de Deus ficaba santificado, o cal non surprende nun pobo que denigraba a sexualidade, considerándoa como unha mácula da natureza humana. Esta interpretación era compartida por Xesus e considerba que a mutilación estaba xustificada se podía desviar do fin a alcanzar que era o reino dos ceus ou, como el chama, a vida, como o atestigua no que afirma a respeito do escándalo: “Se a túa man te escandaliza, córtaa; éche mellor entrar na vida manco que ter dúas mans e ir á xeena, ao fogo inestinguígel, onde o verme deles non morre e o fogo non se apaga. E se o teu pé te escandaliza, ampútao; éche mellor entrar coxo na vida eterna, que ter dous pés e ir á xeena do fogo inestinguígel, onde o verme deles non morre e o fogo non se apaga. E se o teu ollo te escandaliza, sácao; é mellor para ti entrar con un ollo na vida, que ter dous ollos e ser enviado a xeena do fogo, onde o verme deles non morre e o fogo non se extingue”35. É unha pena que Xesús non explicase que entende por escándalo, para que puideramos analizar mellor o valor das súas afirmacións, mais, en todo caso, o que se desprende do texto é que a finalidade principal do home é obter a vida eterna, e, para conseguilo, todos os meios son bos; por tanto o fin xustifica o meio da castración, que en si, evidentemente, é mau. A sensibilidade moral de hoxe non é favorábel á mutilación en ningunha das súas formas e opta por outros castigos, como pode ser a privación de liberdade, internamento en centros de saúde, confiscación de bens, etc. No texto de Mt. 19,12, Xesús enumera os tipos de eunucos e non emite un apoio explícito a ningún deles, mais tampouco ningunha condena, e inclusive polo contexto parece que sería favorábel á emasculación polo reino dos ceus como opción voluntaria. Así o parece dar a entender o seu convite á reflexión: “quen poida entender que entenda”. Neste caso, todo indica qure non emite un pronunciamento explícito a favor para evitar a polémica coas autoridades e cos seus concidadáns, tendo en conta que o eunuquismo estaba castigado polas leis romanas, ás que estaba suxeita o pobo hebreo, como nación submetida. Un pronunciamento explícito podía acarretarlle conflitos de carácter penal, que el procuraba evitar. Esta é a única intrpretación que fai intelixíbel o pronunciamento de Xesús, pois en caso contrario, indicaría que el xoga ao cripticismo cos seus interlocutores dun xeito totalmente inxustificado, inmotivado e irresponsábel, pois o normal sería que explicitase claramente aos seus discípulos o que quer dicer. Eu que non creo que Xesús sexa fillo de Deus nun sentido distinto ao que calquera mortal pode dar a esta expresión, si creo que el era un home sincero, ben intencionado, altruísta, e que non pretendía cometer unha especie de fraude cos seus discípulos ocultando sen razón suficiente o seu pensamento, e a única razón suficiente consiste en que el non podía ser máis explícito se non quería enfrentarse ás acusacións contra el por parte dos seus numerosos adversarios que podían aproveitar a ocasión para acusalo de que se opoñía á lexislación imperial, como aconteceu coa pergunta que se lle fixo, para tentalo, de se se lle debe pagar tributo ao Cesar, situación na que tamén tentou evitar a colisión con Roma.
Os xudeus discordaban sobre a duración dos castigos na xeena, no qu o cristianismo denomina o inferno, embora se inclinasen máis ben polo castigo temporal. En tempos de Xesús, existían dúas escolas contrapostas a respeito da duración do castigo na xeena, que cumpre non identificar co sheol, que é a mansión de todos os defuntos, lideradas polos rabinos Hillel (70 a. C. 10 d. C), liberal, autor da célebre frase, «non fagas ao teu próximo o que non desexas que che fagan a ti», e Shammai (50 a. C.-30 d.C), rigorista. O primeiro defendía que a duración das penas era provisoria, de doce meses, embora admita que certa clase de pecadores e xentíos pasen toda a vida no inferno, especialmente os que rexeitan completamente a Deus. Como afirma Rabbi Akiba: “A duración dos castigos dos pecados na Xeena é por doce meses”36. A escola de Shammai defendía o castigo eterno: un tercio da xente vai á vida eterna; outro terzo, ao tormento eterno, e o outro vai á xeena, mais retornan. Xesús de Nazaré adheriu á escola de Shmmai neste tema, e defendeu a duración eterna das penas, submetidas ao fogo eterno e corroídas polos vermes, o que suscita o problema de como é posíbel que un corpo perdure despois dun primeiro momento de cremación e como pode ser cremado e ao mesmo tempo corroído por vermes, sen supoñer unha especial intervención divina para poder continuar a castigar os pecadores, pensamento alleo a toda sensibilidade moral.
Por conseguinte, hai tres tipos de eunucos:
I) Os que foron vítimas dalgunha anomalía xenética ou dalgún trauma puerperal. Algunhas destas anomalías son: a atrofia testicular; aplasia testicular, quer dicir, a ausencia dun ou dous testículos; a criptorquidia, ou sexa, a falta de descenso dos testículos ao escroto ou bolsa onde se aloxan; ectopia testicular, se o testículo de localiza fóra do seu traxecto; a monorquía, falta dun testículo; a anorquía, ou carencia de testículos; torsión testicular, que impede a rega sanguínea normal; hipospadias, ou sexa, o deselvolvemento anormal do pene que ten como consecuencia unha localización anormal do meato urinario; hipoplasia testicular, ou desenvolvemento feble dos testículos; hipogonadismo, carencia de pene, micropene, axenesia gonadal, na que non se detecta ningún órgao sexual, ... Algunhas destas malformacións foron detectadas e analizadas en épocas relativamente recentes, mais non é menos certo que os seus síntomas xa se coñecían e os efectos psicopatolóxicos para os seus portadores debía ser moi relevantes.
Algúns autores consideran que a primeira alternativa da ensinanza de Xesús se refire á homosexualidade, que tería, por tanto, unha orixe xenética, mais sería un sen sentido que Deus quixer que se condenase a alguén, como fai Paulo e a igrexa cristiá coa homosexualidade, por aquilo que é natural, aquilo co que un nace, pois a natureza foi criada, segundo o cristianismo, por Deus e sería o propio Deus quen castiga a súa propia obra. Por outra parte, os dous casos seguintes, especialmente o segundo, todo indica que se refiren á castración en sentido literal, e habería, en todo caso, que acarretar xustificacións de por que nun caso ten un sentido e a seguir outro distinto. O que si é certo é que no Imperio Romano, a partir do século II se aplica a palabra eunuco tamén a non castrados, como son os que se absteñen voluntariamente do matrimonio, mais iso non implica que se refira ao homosexuais, mais isto obedece a unha reinterpretación en clave espiritualista do que se viña practicando en clave literal. As leis romanas prohibían a castración e para non colidir coa lexislación, interpretaron os textos referidos a ela en sentido espiritual. Isto é, como veremos, o que acontece na Igrexa primitiva mais por parte dalgúns dos seus seguidores en canto que outros continuaron a defender o sentido literal e a práctica emasculatoria real por entender que iso foi o que defendeu Xesús. O texto que citan os defensores da referencia de Xesús á homosexualidade é un do Dixesto de Xustiniano: “O nome de eunuco un termo xeral; baixo el inclúense: 1) Os que son eunucos por natureza (nacen eunucos), 2) Os que son feitos eunucos (por castración ou esmagamento, e 3) algunha outra clase de eunucos (os que se absteñen voluntariamente do matrimono)”37. Non hai ningunha evidencia que indique que os eunucos naturais son os homosexuais, e tapouco podemos afirmar que son os da terceira clase, porque a homosexualidade non é unha opción voluntaria senón unha situación na que un está.
II) Os que foron emasculados por outros homes. Neste caso, atendendo á causa da castración, pode ser:
a) como froito dunha rifa entre persoas, na que accidental ou intencionadamente un resulta castrado.
b) como resultado do castigo.
c) por catividade de guerra.
d) por doazón,
e) ao servizo sexual de personaxes poderosas, como é o caso, entre outros, do eunuco e escravo persa Bagoas (s. IV a.C), castrado moi novo, que mantivo relacións sexuais con Darío III e Alexandre Magno. O travestí romano Esporo foi castrado por orde de Nerón, para convertelo na súa esposa.
f) Como escravos.
Finalmente, doutros non se coñece nin a causa da emasculación nin a función e só temos
constancia de que tiñan a condición de eunucos.
III) Os que se castraron a si mesmos voluntariamente, como practicaban os sacerdotes de Cibeles, Rea, Artemisa, e moitos entenderon inclusive no seo da Igrexa - entre eles Tertuliano-, e entenden que defendeu Xesus.
1 PLINIO O VELLO, Historia natural, lib. V, XVII
2 FILÓN DE ALEXANDRÍA, Todo home probo é libre, 75. XII, 50-52.
3 FLAVIO XOSEFO, Antigüidades xudaicas, Libro XVIII, cap. I: 19¡.
4 FILÓN DE ALEXANDRÍA, Hipotéticas (Apoloxía en prol dos xudeus), 11.4
5 FLAVIO XOSEFO, Guerras dos xudeus, Lib. II, cap. VIII, 124.
6 FLAVIO XOSEFO, Antigüidades xudaicas, Libro XVIII, cap. I: 22
7 FILÓN DE ALEXANDRÍA, Hipotéticas (Apoloxía en prol dos xudeus), 11.8-9
8 FLAVIO XOSEFO, Guerras dos xudeus, Lib. II, cap. VIII, 122.
9 FLAVIO XOSEFO, Guerras dos xudeus, Lib. II, cap. VIII, 119.
10 FILÓN DE ALEXANDRÍA, Hipotéticas (Apoloxía en prol dos xudeus), 11.14
11 FLAVIO XOSEFO, Guerras dos xudeus, Lib. II, cap. VIII, 160.
12 FLAVIO XOSEFO, Antigüidades xudaicas, Libro XVIII, cap. I: 18.
13 FLAVIO XOSEFO, Antigüidades xudaicas, Lib. XVIII, 18.21.
14 FLAVIO XOSEFO, As guerras dos xudeus, libr. II, cap. VIII, 11. [154]
15 Mt. 19, 11-12.
16 Lev. 12, 1-7. Cf. Sam. 11, 4.
17 Lev. Cap. 15.
18 Lev. Caps. 13, 14.
19 Núm. 19,13. Cf. Eclo. 34, 25.
20 Lc. 2, 22.
21 Evangelio del Pseudo Mateo, cap. XIII, 3. Cf. Protoevanxello de Santiago, cap. XIX, 3. Libro sobre la infancia del Salvador, caps. 69
e 75.
22 He. 9, 13.
23 Timeu, 42 b. Cf. Timeu, 90 e;
24 A república, Lib. VI, 455 d-e.
25 As leis, Lib. IV, 721 c.
26 Xen. 2, 24.
27 Dt. 24, 1.
28 Dt. 22, 29.
29 Xen. 2, 18 e 22.
30 Dt. 20, 5-7.
31 Xen. 3, 16.
32 Eclo. 25, 29-30.
33 Lev. 21, 7 e 14.
34 Mt. 5, 32. Cf. Mc. 10, 11-12; Lc. 16, 18.
35 Mc. 9, 43-48. Cf. Mt. 18, 8-9.
36 Shabbat, 33b
37 The Digest of Justinian, Vol. IV, University of Pennsylvania Press, Philadelphia, 1985, p. 944.
2 FILÓN DE ALEXANDRÍA, Todo home probo é libre, 75. XII, 50-52.
3 FLAVIO XOSEFO, Antigüidades xudaicas, Libro XVIII, cap. I: 19¡.
4 FILÓN DE ALEXANDRÍA, Hipotéticas (Apoloxía en prol dos xudeus), 11.4
5 FLAVIO XOSEFO, Guerras dos xudeus, Lib. II, cap. VIII, 124.
6 FLAVIO XOSEFO, Antigüidades xudaicas, Libro XVIII, cap. I: 22
7 FILÓN DE ALEXANDRÍA, Hipotéticas (Apoloxía en prol dos xudeus), 11.8-9
8 FLAVIO XOSEFO, Guerras dos xudeus, Lib. II, cap. VIII, 122.
9 FLAVIO XOSEFO, Guerras dos xudeus, Lib. II, cap. VIII, 119.
10 FILÓN DE ALEXANDRÍA, Hipotéticas (Apoloxía en prol dos xudeus), 11.14
11 FLAVIO XOSEFO, Guerras dos xudeus, Lib. II, cap. VIII, 160.
12 FLAVIO XOSEFO, Antigüidades xudaicas, Libro XVIII, cap. I: 18.
13 FLAVIO XOSEFO, Antigüidades xudaicas, Lib. XVIII, 18.21.
14 FLAVIO XOSEFO, As guerras dos xudeus, libr. II, cap. VIII, 11. [154]
15 Mt. 19, 11-12.
16 Lev. 12, 1-7. Cf. Sam. 11, 4.
17 Lev. Cap. 15.
18 Lev. Caps. 13, 14.
19 Núm. 19,13. Cf. Eclo. 34, 25.
20 Lc. 2, 22.
21 Evangelio del Pseudo Mateo, cap. XIII, 3. Cf. Protoevanxello de Santiago, cap. XIX, 3. Libro sobre la infancia del Salvador, caps. 69
e 75.
22 He. 9, 13.
23 Timeu, 42 b. Cf. Timeu, 90 e;
24 A república, Lib. VI, 455 d-e.
25 As leis, Lib. IV, 721 c.
26 Xen. 2, 24.
27 Dt. 24, 1.
28 Dt. 22, 29.
29 Xen. 2, 18 e 22.
30 Dt. 20, 5-7.
31 Xen. 3, 16.
32 Eclo. 25, 29-30.
33 Lev. 21, 7 e 14.
34 Mt. 5, 32. Cf. Mc. 10, 11-12; Lc. 16, 18.
35 Mc. 9, 43-48. Cf. Mt. 18, 8-9.
36 Shabbat, 33b
37 The Digest of Justinian, Vol. IV, University of Pennsylvania Press, Philadelphia, 1985, p. 944.
No hay comentarios:
Publicar un comentario