8 dic 2013

DIÁLOGOS TEMPESTIVOS (02)

Xulio Anguita

Julio Anguita
Isto de sentar nun café e escoitar o que di a xente é ilustrativo e enriquecedor. O día 8/12/13 fun testemuña dun diálogo entre unha parella composta por unha muller alta e espigada, loira e de espírito vivo, entrada na cuarentena, de nome Nerea, e o seu compañeiro, Manolo, de idade semellante, non sei se home, amigo ou familiar, que, chegado un momento comezaron a falar sobre un programa de televisión no que se concedíu unha entrevista a Xulio Anguita, ex-alcalde de Córdoba e ex-coordinador xeral de Esquerda Unida, pasando despois a outros temas.

Nerea.- No programa de onte Xulio Anguita dixo que os políticos non teñen vida, privada, senón só vida íntima. A ti que che parece?

Manolo.- Creo que ten razón, pois a vida íntima de cada un debe ser totalmente reservada. Pase que certos aspectos da vida privada dun político cheguen a coñecerse, porque poden incidir na súa deontoloxía como político, mais a vida íntima debe permanecer involábel para todos, tamén para os políticos.

Nerea.- Verás. Eun non o vexo tan claro, porque seguindo a túa argumentación tamén debía ficar de coñecimento público a súa vida máis íntima.

Manolo.- Creo que iso sería excederse pois os políticos tamén son seres que teñen que ter protexida a súa vida máis reservada, como é a súa vida persoal.

Nerea.- El distinguía a vida de alcova e consideraba que aí non se debe meter ninguén e a súa restante vida que si ten que estar aberta aos demais. Considero que ninguén debe ter acceso á súa maneira de facer o amor, pois isto si que é íntimo, exclusivo e persoal e ten que ser sagrado, mais antes de entrar na alcova xa hai uns preparativos, e éntrase na alcova non ao azar e con calquera e, moitas veces, por motivos alleos ao mero acto de facer o amor.

Manolo.- A min os motivos que teñan para facer o amor paréceme indiferente, e creo que debe ser un acto reservado e alleo á curiosidade pública, senón sería exixirlle un sacrificio moi grande aos políticos. A min bástame con que gobernen ben, que é o que se lle pede.

Nerea.- É evidente que o bo goberno é a misión que teñen encomendada, mais o que hai que ver é se a vida amorosa das persoas pode ter influencia na súa función política. Agora descubriuse que o presidente Kennedy facía o amor, entre outras moitas mulleres, con unha espía dos países do Leste de Europa, facto que está moi relacionado coa seguranza nacional, e que tiña preocupados fondamente aos servizos de intelixencia do país. Se os estadounidenses coñecesen este aspecto da vida íntima do seu presidente, podería serlles indiferente? A seguranza dun país, é o aspecto máis importante a nivel político, xunto coa liberdade das persoas, e non pode ficar condicionado polos amores dos seus dirixentes.

Manolo.- Ollado así, creo que tes razón e que é conveniente que se coñeza quen entra na alcova, mais só se iso pode condicionar a seguranza do país.

Nerea.- Non sei se podemos quedar contentos con coñecer só este aspecto, pois hai outros que tamén teñen a súa importancia. Supoñamos un político que defende o matrimonio monogámico e a fidelidade conxugal, mais que se considera con licenza para aproveitarse do ser cargo e do seu estatus para cohabitar con manadas de mulleres. Cres que sería isto acertado?

Manolo.- Creo que non quedaría moi ben visto, porque podía ser acusado de incoherencia e cinismo, que sería un mal exemplo para os demais. Neste caso tamén habería que limitar esa vida íntima.

Nerea.- É moi difícil excluír de antemán algún aspecto que non poida ter relación coa súa función pública, e, por conseguinte, a vida dos políticos, incluída a íntima, salvo o acto material de facer o amor, debe ser de coñecimento público. Ao rei Xoán Carlos coñécenselle varios fillos de cando el pregaba moralina para os demais sobre a familia o 24 de decembro, e iso é interesante sabelo.

Manolo.- Visto así creo que tes razón, e que todo o referente á pre-alcova deben ser de coñecimento público, e neste aspecto creo que non poden gozar da mesma reserva que os cidadáns privados.

Nerea.- No caso dos cidadáns privados creo que tamén hai que ter presente que moitas veces a súa vida privada interesa, non evidentemente para morbosear sobre ela, senón porque os actos das persoas teñen consecuencias que interesan aos demais. Imaxinemos o caso dun prestatario que solicita axuda quer a unha institución de crédito quer a un particular. Acaso non pode ser importante para o prestamista coñecer se leva unha vida reservada ou se malgata o diñeiro en clubes de alterne? A vida privada e íntima está moi ben, mais tamén é importante facer frente ás propias responsabilidades frente aos demais. Se a vida dun non afecta aos demais, hai que conceder toda a reserva que se queira e demandes as persoas, mais se os demais están afectados, pode haber intereses contrapostos que condicionan a actuación das persoas.

Manolo.- Concedo que un Banco dificilmente lle emprestaría a unha persoa que malgasta a súa fortuna en alternes ou que, como consecuencia do cambio de parella, ten que facer frente a varias pensións de ex-compañeiras.

Nerea- Onte o Xulio Anguita, falou tamén do tema catalán e creo que non estivo acertado.

Manolo.- Eu considero, con todo, que focou bastante ben o problema, e que deixou claro que no proceso que puxo en marcha Mas, hai moito de vitimismo e de desenfoque do problema. El puxo o acento en que o problema de Catalunya é a política de Mas, coincidente coa de Rajoy, e non a independencia.

Nerea.- Isto é mesturar as cousas. A política de Rajoy pode estar desacertada, e xulgo que efectivamente así é, mais iso non é óbice para que el defenda ante terceiros países os direitos de España.

Manolo.- Evidentemente que non, mais non está demostrado que España roube a Catalunya, como di Mas.

Nerea.- Bon, somente hai unhas balanzas fiscais publicadas, creo lembrar que no ano 2005, e nelas reflítese que Catalunya acarreta ao Estado moito máis do que recibe. Se temos en conta isto, parece que os cataláns teñen razóns para non estar contentos, aínda que o problema é complexo e eu creo que hai que ter en conta outros factores que son tamén moi importantes. Mais o que é certo é que, como dixo onte Anguita, a Constitución non se cumpre, e non se cumpriu practicamente nunca, e non só no aspecto social, que parece o único que lle interesa a Anguita, senón tampouco no referido aos direitos dos pobos.

Manolo.- E que direitos dos pobos non se cumpriron, dos que están recoñecidos na Constitución?

Nerea.- Mira, xa desde antes da aprobación do texto constitucional os militares interferiron na redacción da Constitución impoñendo o artigo 2, sobre a unidade de España, que descoñece a soberanía orixinaria dos pobos, e unha vez aprobada, os partidos maioritarios, PP, antes UCD e PSOE maquinaron como invalidar o que estaba no texto constitucional, como o demosta a famosa LOAPA e a continua revisión do texto constitucional polo Tribunal Constitucional, normalmente en clave centralista.  

Manolo.- Descoñecía eu que os militares presionaron nese sentido, podes aclarar mellor o que pasou?

Nerea.- Como narra o ponente constitucional Jordi Solé Tura, o Goberno da UCD tivo que pactar o texto do artigo 2, cos “sectores consultados”, e alusión ao exército, e, por tanto a redacción da Constitución non foi sequer obra exclusiva dos políticos, como representantes lexítimos do pobo español, senón tamén dos poderes fácticos. Na redacción orixinaria non se falaba da indisolúbel unidade de la Nación española, patria común e indivisíbel, senón que simplemente se dicía que a Constitución se fundamenta na unidade de España e a solidariedade entre os seus pobos.

Manolo.- E os políticos aceptaron esa intromisión do exército? Era tan problemático o momento como para ceder ante os sectores ultra? Por outra parte, parece logo que esa intromisión infirma o carácter democrático da Constitución, e reforza as razóns dos que reclaman a súa reforma.

Nerea.- Os militares nese momento tiñan moita forza e o ruído de sabres era constante. Creo que agora habería que proceder á súa reforma en profundidade e non só no aspecto territorial, recoñecendo os direitos dos pobos a decidir o seu futuro, senón en aspectos como a forma de Estado.

Manolo.- Houbo protestas por parte dos nacionalistas ao recorte de direitos dos pobos de que falas?

Nerea.- Evidentemente. Lembro a famosa Declaración de Barcelona, onde se queixaban das modificaicóns legais constantes en clave centralista, a insistencia en que as súas competencias tamén se viron afectadas pola entrada de España na UE e a petición de recoñecimento dun Estado plurinacional, plurilingüístico e pluricultual, e actuouse en sentido contrario. Mais o que terminou por exasperar os ánimos dos cataláns foi a modificación do Estatuto aprobado en referendo polo pobo catalán por parte dunha minoría maioritaria do Tribunal Constitucional funcionando inconstitucionalmente porque os partidos PP e PSOE non foron capaces de proceder á súa renovación cando tocaba.

Manolo.- Tamén supoño que influiría moito no sentimento catalanista a promulgación de certas leis como a lei Wert.

Nerea.- Non só a lei Wert senón tamén a lei do Ministerio de Asuntos Exteriores, limitando e condicionando as intervencións das CCAA no exterior, e agora a lei de Administracións locais que reforza unha entidade centralista como as Deputacións e limita a autonomái municipal.A lei Wert é unha lei, que xa anticipou a política de Feijoo en Galicia e que ten como propósito impoñer o español nas comunidades con lingua propia, e frear o uso destas no seu propio territorio. Mais non é só a lei Wert senón o desprezo constante das linguas propias por parte do Goberno de Madrid. Fíxate o que pasa en Economía, que condicionan a presentación de instancias para bolsas a que os documentos vaian en español ou inglés, e ante a protesta dos afectados, a única solución que oferece o Ministerio é que se esnafren pola vía xudicial. Todo isto é o que políticos, inclusive lúcidos noutros aspectos, como Anguita, non son capaces de ver.

Na próxima entrega contaremos como continuou a conversa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario