6 dic 2013

DIÁLOGOS TEMPESTIVOS (01)

Rajoy

Despois de dar un longo paseo, arredor das 19 horas do día 5/12/13, senteime nunha cafetaría de Santiago, perto de dous homes dunha sesentena de anos, que moi ben poderían ser profesores xubilados. Falaban de política, e como había pouca xente no local, entendíaselle ben o que dicían. Non sacaron a relucir os nomes, e, por iso, vou referirme a eles como A, máis ben moreno e con pelo canoso, que máis ben levaba a voz dominante, reservando o B para o seu compañeiro barbudo e moi espontáneo. Vou tentar transcribir con toda fidelidade os seus pensamentos.

B.- Unha amiga presentou a súa candidatura para traballar nunha guardería e, unha vez revisado o seu currículo, no referente ás condicións salariais, dixéronlle que o salario serían 50 euros por 20 horas semanais. O horario podería variar e por veces ser de mañá e outras de tarde.

A.- Como! Ouvín ben?

B.- Si, si, 50 euros e 20 horas de traballo; co cal resulta que a hora de traballa sai a 2,50 euros. Ao mes viría a cobrar aproximadamente uns 200 euros, que non chegan para nada.

A.- O Goberno xa procuraba precisamente iso coa súa reforma laboral; que os traballadores ficasen totalmente desprotexidos ante uns insensatos empresarios aos que só lle preocupa o puro beneficio, e non están en absoluto interesados, nin nunca o estiveron, polo emprego e moito menos por oferecer unha condicións dignas de traballo aos empregados que contratan. A crise estana a suportar exclusivamente os traballadores e coa política que está a implantar Rajoy, os mini-jobs de Alemania convértense no noso país en semi-mini-jobs.

B.- Aprovéitanse de que a coxuntura política é má para sacar tallada da situación de debilidade dos obreiros.

A.- O que pasa é que aquí parece que a situación sempre foi má para os máis desfavorecidos porque desde o inicio da mesma transicións comezáronse a tomar moitas medidas, seriadas no tempo, destinadas a desprotexer aos traballadores. Inclusive a veces se ten aducido que protección social é sinónimo do pasado e de franquismo, e, en certo modo, teñen razón, porque durante o franquismo, aínda que non había liberdade sindical, os traballadores estaban moito máis protexidos legalmente que con este sistema pseudo-democrático.

B.- Porque dis pseudo-democrático? Liberdades hai, se ben restrinxidas nalgúns aspectos.

A.- Os gobernantes españois entenden que a democracia consiste en votar cada catro anos, e así os chamados representantes, realmente represéntan moi mal aos representados, porque fan exactamente o contrario do que prometeron no seu programa eleitoral que apresentan como unha especie de contrato coa cidadanía. É evidente que as votacións son importantes, mais a democracia non se pode limitar a iso. Non hai democracia se non hai divisións de poderes e no Estado español non a hai. O Ministerio Fiscal non é mais que un apéndice do goberno de turno, e á Axencia Tributaria pásalle o mesmo. Hai que ver os esforzos que está facendo o Goberno, con todos os órgaos ao ser servizo, para que a infanta Cristina se vaia de rosiñas, considerando como parvos a todos os españois. Somente así se explica a desimputación da infanta e a resistencia por parte do Fiscal e da Avogacía do Estado para que non se impute de novo. O Tribunal Constitucional é un tribunal político, que cambia de doutrina de acordo cos ventos que sopran da Moncloa. O PP levou o país a unha situación política que desconectou os representantes populares da base eleitoral.

B.- Creo que o PSOE non o fixo moito mellor. Tamén eles contribuíron a deteriorar nivel democrático do país.

A.- Creo que efectivamente así foi, aínda que non chegaron aos extremos do Partido Popular, que o primeiro que fixo ao chegar á Moncloa foi cambiar a lei da RTVE para poder nomear o Director Xeral por maioría absoluta, e non unha maioría máis cualificada como figuraba na lei anterior promovida polo goberno de Zapatero. Como eles xa sabían que as súas políticas colidirían co sentir dos cidadáns, que a eles non lle interesa para nada, quixeron ter vía libre para vomitarlle as súas «verdades» á cidadanía máis irreflexiva e máis ignorante, que eles denominan co epíteto de «maioría silenciosa», á que, na realidade, no fundo desprezan.

B.- Quizais teña que ver con isto a nova lei que nos anuncian de «Seguranza cidadá», que algúns meios xa cualificaron de «lei mordaza», e considero que non lles falta razón.

A.- Esa lei é ooutro dos pilares que lle faltaba. Unha vez conseguido o obxectivo de teledirixir a información  de acordo coas súas conveniencias, o seguinte paso é amordazar a todos aqueles que protestan, que é a maioría máis crítica e disconforme co sistema.

B.- Agora van penalizar  o simple feito de participar nunha manifestación na que se queime unha bandeira de España, pode ser motivo de forte sanción.

A.- Esta lei prevé sanción moi duras para os que ultraxen a España, tal como eles a entenden, ou sexa, unha, grande e libre, como os franquistas e falanxistas de pro. Esas sancións van de 30.000 euros, para as faltas graves, a 600.000 euros para as moi graves, como reunirse ante os Parlamentos ou altos tribunais. Ou sexa, que estas institucións moitas veces afastadas do sentir popular, como non foron capaces de obter o respeito da cidadanía polo seu bo facer e proceder, teñen que ser reforzadas agora a golpe de porrazos contra os disidentes. Esta lei non vén máis que a resucitar a Lei de Orde Pública do xeneral Franco.

B.- Con ese lei van castigarse os sentimentos, porque o sentimento cara a España que non debería ser motivo de sanción, pois é algo propio e peculiar, que un debe poder manifestar libremente. É unha lei que tamén foi criticada polo Consello de Europa por impoñer restricións impropias dunha sociedade democrática. Os sentimentos están relacionados coa nosa representación racional da realidade, e isto xa é algo que sobrepasa a nosa vontade e os nosos desexos.

A.- Mais estes ao Consello de Europa e a calquera institución xenuinamente democrática, non lle van facer caso ningún. Eles son no fundo e na superficie franquistas, que queren arrogarse o título de demócratas. Isto no caso das liberdades individuais, porque se falamos das colectivas, o caso é moito pior. En Canadá e Escocia os pobos poden decidir, mais aquí, aínda os que se consideran demócratas, como é o caso de Alfonso Guerra, iso considérase un delito e merecedor do cárcere. Acaba de manifestar que os nacionalistas manifestaron cando se elaborou a Constitución que se conformaban co que estabelecía o artigo 2, que era o seu teito de aspiración. Esquece este político que o PNV non aprobou a Constitución porque sempre dixo que nela non se recollían as súas teses. Mais é evidente que a súa hipotética conformidade, en caso de existir, non podía por menos que referirse a ese momento concreto e que non pretendía hipotecar o futuro dos habitantes do seu territorio encadeándoos a unha norma invariábel e inamovíbel que, no fundo, anula os seus direitos como pobo.

B.- Tamén son persoas corruptas, como se pode ver no caso Barcenas, Pokemon, Matas, Camps, etc.

A.- Este é outro dos motivos da lei mordaza. Están cambiando os implicados na investigación e axuizamento dos casos de corrupción, para que os Xulgados lles sexan propicios, e a seguir, promulgan esta lei para reprimir as protestas da cidadanía ante esta lei. Vivimos inmersos nun océano de corrupción que, a modo dun tsunami, nos pode facer levar a todos, e, desde logo estamos a sufrir os seus efeitos, pois ese facto contribuiu ao afundimento do país.

B.- A súa práctica politica ten bastante de mafiosa. Mais temos que ter presente que afectou non só ao PP senón tamén ao PSOE.

A.- É evidente que os dous partidos maioritarios están inmersos na corrupción. O PSOE de feito foi condenado polo caso Filesa, e mira agora o que está a pasar cos famosos ERE de Andalucía. Mais eu acho entre os dous partidos unha diferenza cualitativa, pois no caso de PP é unha corrupción institucionalizada, é unha corrupción política sistémica. O propio partido montou un sistema, persistente no tempo, de corrupción política, que lles permitía finarciarse como partido e recompensarse persoalmente a si mesmos con complementos salariais en B. Ao tempo que facían isto, acusaban a cidadanía, que está a sufrir insolentemente os efeitos da crise, de vivir por acima das súas posibilidades.

B.- O que eu non souben nunca moi ben de onde sacaban o diñeiro.

A.- Pois moi simple. Obrigaban as empresas a pasar por taquilla, se querían verse favorecidos con contratos públicos. Mais este diñeiro non saía das empresas senón que estas cargaban ese excedente indirectamente sobre os cidadáns, porque a realización do servizo vai á custa do contribuínte en definitiva.

B.- Pois agora están denunciados e xa hai quen di que non lle vai pasar nada, que non tardarán en que se arquive o caso.

A.- O terceiro pilar que montaron para saír indemnes desta foi a enxeñería política de cambio de xuíces, inspectores de facenda, reparto entre os dous grandes partidos dos nomeamentos do Tribunal Constitucional e do Consello Xeral do Poder Xudicial. Os que non seguen as indicacións de acima son afastados e postergados.

B.- Eles vense odiados polas súas impopulares medidas, arbitrarias e pouco meditadas. Entre estas medidas está o recurso do PP contra o Estatut Catalán, que apesar de non ser diferente do valenciano, foi declarado inconstitucional por uns maxistrados que se mantiñan inconstitucionalmente no seu posto.

A.- En realidade, eles teñen como transfundo do seu pensamento a ideoloxía separadora da FAES, pura ideoloxismo barato, que quere continuar a historia de España de sempre, na que se asocian patrioteirismo, centralismo e venalidade. Hai que ver que un Señor como Aznar, gaña nada menos que uns quiñentos mil euros ao ano, só por practicar unha especie de tráfico de influencias. Ao mesmo tempo, nós temos que pagarlle uns 80.000 euros, coche, etc. etc. Porque no caso del é posíbel compatibilizar un salario astronómico co soldo oficial, mentres que un traballador que gañe 700 euros ao mes non pode facelo.

B.- Eu tampouco entendín nunca porque non reforman a Constitución, que agora xa non responde ás aspiracións da cidadanía. Foi elaborada xa fai 35 anos e as circunstancias que existían cando se elaborou o texto son moi distintas das actuais: distintos cidadáns en grande parte, problemas, situación económica, encadramento internacional de España, retroceso nos direitos dos pobos, e moitos máis.

A.- O Sr. Rajoy alega que para reformala se necesita consenso, polo menos tan amplo como o de 1978. Evidente, que se el se nega xa non hai consenso; ou tamén se pretende que o consenso é que todos concorden coa reforma que el propón. Mais para a reforma de 2011, non puxo tantos inconvenientes, pois había que agradar a Merkel e contentar os Bancos, que son quen contan. Os intereses populares son secundarios. A Constitución de 1978 é un cadáver político, mais os políticos españois son moi proclives ao culto aos mortos, á thanatolatría e, como clase endogámica, ao autohomenaxe. Hai que ver a cantidade de rúas dedicadas a políticos, que se en algo sobresaíron foi como elite extractiva ao servizo dos seus intereses persoais e de grupo. 

B.- Teños que irme. Xa falaremos outro día da reforma da Constitución. A ver que aspectos conviría cambiar a respeito do texto actual. Que situación máis esperpéntica!

A.- A próxima semana, a ver se nos vemos de novo. Camareiro, cóbrame, por favor?. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario