![]() |
Mensaxe navideña do rey de España |
A
práctica de difundir o seu discurso anual nesa data escolleuna para
chegar aos españois no día da cea máis íntima da familia, pretendendo
con iso asociar os valores positivos dese día -vivencias íntimas,
familiaridade, ilusión, regalos, etc.- coa súa presenza ante os medios e
converterse en algo íntimo e familiar para a cidadanía. Somos moitos os
que vimos criticando esta eleccción porque consideramos que non se
debería politizar tamén a intimidade dese encontro familiar anual, e
moito máis, nun ano tan sacudido pola protesta contra os políticos pola
súa nefasta condución da crise actual. Se mal o fixo Zapatero tardando
en recoñecer a crise e en tomar medidas para paliar o defice descomunal
do que tiña que ser coñecedor, tivo un competidor destacado, no seu
sucesor, que se esmera en superalo día tras día deixando na miseria e na
marxinación, sen os recursos mínimos de subsistencia, a millóns de
españois, mentres que os que teñen maiores ingresos e a Igrexa Católica
practicamente non se ven afectados ou só lles afecta marxinalmente. Como
se ve, a caridade ben entendida comeza por un mesmo, como reza a
Igrexa. A Coroa, pola súa parte, contribuiu ao descrédito da clase
política pola súa conduta pouco edificante e relacionada con prácticas
corruptas e desidia no exercicio das súas funcións.
O
seus discursos foron sempre vacíos de contido e limitáronse a expresar
vaguidades, lugares comúns e especialmente moralina para consumo de
persoas normalmente pouco reflexivas e críticas. Son discursos vacíos, e
non poden ser doutro xeito porque o Rei non é o responsábel da política
do país, e, por iso, non pode descender a medidas concretas. Son
elaborados por persoas da confianza da equipa gobernante nese momento
que aproveita a ocasión para difundir, por boca do Rei, as súas
políticas de turno. Non esquezamos que o Rei é irresponsábel
políticamente, e que son os políticos de turno os que asumen as
consecuencias dos seus actos, e tamén, segundo interpretación dos
xuíces, civilmente, como se comprobou pola desistencia da demanda contra
o Monarca por parte de dous dos seus presuntos fillos non recoñecidos
para reclamar a súa paternidade e, por tanto, para seren tratados en pé
de igualdade cos outros meio irmáns recoñecidos. De todos é sabido que o
Rei funciona moi ben como semental ibérico amparándose no cargo, mais
parece que non tan ben á hora de asumir as consecuencias dos seus actos,
e as leis non poden obrigalo. Está por acima da lei a este respecto.
Tamén defenden moitos penalistas que é irresponsábel penalmente, o cal
xa é o colmo do desatino, que cometa un crime e que non poida ser
incausado. Como se ve, todos somos iguais ante a lei menos os que son
distintos, como el e a súa proxenie, como a infanta Cristina, á que non
se lle chama a declarar porque “a priori” xa o xuíz afirma que non ten
responsabilidades nunha situación paralela á da muller do socio do seu
xenro, Diego Torres.
Son discursos que apelan abundantemente á moralina para consumo dos demais, mais debería ter presente que para dar leccións de moralina un debe ter autoridade moral e un obrar irreprochábel, dos que na actualidade carece o Monarca de España, pola súa relación coa corrupción do seu xenro e inclusive parece que propia, pola cazada de elefantes, compañía de corruptos (Diego Prado e Colón de Carbajal, Gerardo Díaz Ferrán, Arturo Fernández, Mario Conde, Emilio Novela, etc. etc., enriquecemento indebido, polas súas meteduras de pata diplomáticas, etc.
O
discurso do Rei xirou en torno a tres eixos: a crise económica, a
fortaleza da nación española e a importancia da política. A respeito da
crise económica, considera que o primeiro estímulo que nos sacará dela é
a confianza, mais isto pouco lle dí ao home da rúa que está sufrindo
por perder o seu traballo e que pode considerar como un insulto que lle
digan que ten que manter a confianza tanto en si mesmo, a modo de
autonarcotizante, como nos políticos incompetentes e moitas veces
corruptos polos que veu sendo gobernado. Os reiterados gritos dos
indignados gritando “non nos representan”, nada lle dia ao Rei nin
merece a máis mínima atención no seu discurso, entre outras cousas
porque era a diana desa indignación moitas veces. Tampouco lle di nada
ao Monarca o sufrimento dos estafados polas preferentes. O Monarca está
ao seu, a outra cousa, fóra da realidade, que afronta con optimismo,
faltaría máis!, e atrévese a pedir aos demais que fagan o mesmo,
inclusive aos que están na misería!. O louvor de que foi obxecto o seu
discurso por parte do PP e do PSOE é significativo por canto tamén nos
indica que estes partidos están cada paso máis arredados da xente do
común e son os responsábeis de soster unha institución anacrónica que de
por si xa se viñese seguramente abaixo. É moi difícil crer que eles non
estivesen ao corrente de todas as irregularidades da Casa Real, e non
só non fixeron nada senón que non son quen de tomar medidas para que se
corrixa o seu rumbo, entre outras cousas adoptando medidas de
transparencia no seu funcionamento.
A
corrupción a mans cheas a todos os níveis, Casa Real, Poder Xudicial,
gobernantes políticos de turno, directivos de grandes corporacións, como
caixas e bancos, etc. non figura na axenda do Rei e non lle merecen a
máis mínima alusión. Esta corrupción, de par coa demostrada
incompetencia a todos os niveis, foi a causante da crise e non os
millóns de cidadáns que a sofren, e agora eses mesmos que a provocaron
son os que din que nos van sacar dela, e a receita consiste en
retirarnos do noso peto o diñeiro debidamente gañado para pagar o burato
que eles mesmos crearon. E para quen non estea de acordo, pau e tente
teso.
Canto
á fortaleza de España non dixo nada salvo que España debe participar na
solución dos problemas da UE e que Hispanoaméria é parte nosa e nós
dela. Isto representa posibilidades mais non é signo da fortaleza actual
de España, que non se ve por ningures, senón que neste momento é un
país desprestixiado en todo o mundo.
No
terceiro eixo do seu discurso, a política, aproveitou de novo para
meterse cos cataláns e indirectamente con vascos e galegos, para
dicirlle que hai que respectar as leis, ou sexa, que se submetan á
sacrosanta, pétrea e ríxida Constitución Española e ás súas regresivas
interpretacións por parte dos gobernos de PP e PSOE. A laminación do
Estatuto catalán e a LOMCE (Lei Orgánica de Mellora da Calidade
Educativa) de Wert pola que pretende españolizar Catalunya e as outras
nacións do Estado, as interpretacións españolistas da Constitución por
parte de xuíces nomeados por PP e PSOE, etc. nada representaron nunca
nin representan para o Rei. Hai que respeitar -din- o estado de dereito,
e por tal enténdese tamén as leis feitas para afogar os dereitos
colectivos dos pobos. A Constitución, españolizadamente interpretada,
converteuse nunha arma arreboladiza para negar os dereitos dos demais, e
este é o único argumento que aducen para oporse á celebración dun
referendo de autodeterminación para que o pobo catalán se pronuncie
sobre o seu futuro. Eles ben saben que se houber vontade política, a
Constitución non pode ser un marco inflexíbel e ríxido, como o
demostraron coa súa carreira para reformala para satisfacer á Sra.
Merkel, incumprindo os condicionantes de consenso que viñan defendendo até ese momento,
Para finalizar, cumpre ter presente que moitos cidadáns concordamos en que a monarquía é unha institución:
a)
Desigualitaria. Como xa dixemos, todos somos iguais ante a lei, menos
os que son distintos. É unha burla á intelixencia que se afirme, por
exemplo que as netas do Rei son iguais ás de de calquera outro,
inclusive dalquén que teña poder económico ou político, a pesar do
escándalo que produciu a doutrina Botín. Os postos deben ocuparse por
elección, mérito ou capacidade, mais nada disto ocorre no cumio do
Estado senón que aquí impera a pura animalidade. Por nacer de tal persoa
xa estás destinado para tal posto. A ineptitude demostrada polos
monarcas españois no decurso da historia debería servir de lección para
corrixir esta anomalía.
b)
Ilexítima. Non ten lexitimidade de orixe, porque nunca foi submetida a
referendo dos cidadáns. Metéronnos a Monarquía franquista nun paquete, e
o tomas ou o deixas. É moi difícil afirmar que teña lexitimidade de
exercicio, que se conquista co acerto nas políticas e dedicación á cousa
pública. Un Monarca tan impopular, como o actual Rei de España, e un
Príncipe sucesor que é pitado alí onde vai, non poden arrogarse esa
lexitimidade de exercicio. Que se submetan a unha votación da cidadanía e
unicamente, se a gañan, terían superado a proba.
c)
Anacrónica. Porque temos que estar expostos na cúspide do Estado a
estar gobernados por persoas incompetentes, como sucedeu tan a miúdo, ou
desinteresados da cousa pública, tamén tan frecuente entre os reis
anteriores, etc., podendo elixir a cidadáns capaces, que poden ser
expulsados se non responden ás expectativas dacidadanía?
d)
Opaca. O Rei é quen distribúe o diñeiro que sai dos nosos impostos sen
dar conta como o fai, aínda que agora introduciu certos cambios
cosméticos narcotizantes. Nin sequera sabemos canto nos custa manter
esta caduca institución, porque non serve de nada que nos indiquen a
asignación para a Casa Real nos orzamentos do Estado, porque á parte
están as partidas indirectas, como seguranza, viaxes, persoal laboral da
Zarzuela, etc. etc. Non vale de nada tampouco que nos digan que así o
estabelece a Constitución, porque todas as normas deben estar ao servizo
dos cidadáns e deben ser reformadas cando non cumpren a finalidade que
deben cumprir. Está a lei para o home e non o home para a lei, está a
lei para os pobos e non os pobos para a lei. Se for unha institución
transparente seguramente nos aclararía de onde amasou os 1800 e pico de
millóns de euros que se di que ten e, se non for verdade, cal é o seu
patrimonio real, como teñen que declarar todos os demais políticos, e
igualmente, o que pagou anualmente ao fisco.
e)
Non representativa. É un principio básico da democracia que toda persoa
que ocupa un cargo político debe responder ante os cidadáns que o
elixiron, menos o Rei que non pode ser elixido e tampouco está disposto a
responder dos seus actos. Franco era caudillo de España pola graza de
Deus e dicía responder ante Deus e ante a historia, ou sexa, ante
ninguén. O Rei non pode afirmar semellante dislate, porque non colaría, e
mantense nunha especie de limbo, no que non ten que responder ante
ninguén.
f)
Cara. Como dixemos antes, non sabemos realmente o que nos custa, mais é
un facto que, alén do que nos custa el polo seu traballo, temos que
pagar o Príncipe, que actualmente funciona como unha especie de Xefe de
Estado bis, Princesa, infantes, consortes, fillos do príncipe, fillos
das infantas, ... Un caso significativo era o que pasaba coa infanta
Cristina cando traballaba en Washington e cobraba arredor de 200.000
euros, mais o Estado español, quer dicir, nós, tiñamos que pagar 400 e
pico mil pola súa seguranza.
No hay comentarios:
Publicar un comentario