14 feb 2013

Vida de Xesús de Bento XVI (04)

En busca dunla lexitimación divina

Mapa de Mesopotamia
Continuando coa descrición do contexto cultural que nos permita situar o alcance das afirmacións contidas no Antigo Testamento a respecto do Mesías, e no Novo Testamento a respecto de Xesús de Nazaré, unha vez exposto que entendemos por relixión, que consideramos conveniente por ser o obxecto do noso estudo un líder relixioso, imos falar agora da divinización nas culturas anteriores e contemporáneas da hebrea, que nos permitirá entender o sentido que lle pode dar Xesus e os seus contemporáneos ás afirmacións sobre as súas relacións con Deus. Deterémonos nas culturas mesopotámica e exipcia, por ter mantido estreitas relacións coa de Israel, tendo en conta que o pobo hebreu estivo cativo tanto de Exipto como de Babilonia.

O ser humano é un ser insatisfeito, un ser que fuxe de si, da súa realidade humana e tende a inventar ligazóns con divindades, con herois, con seres sobrenaturais, entidades mentais, que o diferencien cada vez máis do terrenal e dos animais cos que está emparentado. O resultado é unha desfiguración flagrante da realidade. Esta apelación a un pasado glorioso e a un parentesco ou relación de prelación con seres divinos, invéntase para diferenciar uns grupos e individuos doutros grupos e individuos, e, no caso dos reis, para lexitimar o poder sobre a populación. Un pobo apelará aos seus herois fundadores, á súa etnia singular, para mostrar a súa superioridade sobre outros pobos. Un líder, un heroi, laico ou relixioso, pretenderá diferenciar a súa orixe, o seu berzo, doutros individuos do común.

As relixións nacen do sentimento de numinosidade, de asombro ante o misterioso e inabarcábel, e do sentimento de dependencia do ser humano ante fenómenos sorprendentes que non é capaz de controlar, e tiveron como obxecto orixinario a natureza e as súas forzas. Daí que, nunha primeira fase, as primeiras relixións foron as naturalistas: culto ás fontes, árbores, pedras, montañas, fogo, etc. Este culto á natureza estivo especialmente enraizado na nosa comunidade galega e aínda se proxecta aos nosos días. O apóstolo dos suevos, o bispo integrista San Martiño de Dumio e despois de Braga (Panonia 510/5 - Braga, 579/80), natural de Panonia, na parte occidental da Hungría de hoxe, redixiu un manual de pastoral para corrixir as que chamaba supersticións pagás dos ignorantes rústicos1, De correctione rusticorum. As desviacións referíanse precisamente á practica desa relixión naturalista, na que, segundo el, os homes, esquecéndose de Deus, “uns adoraban o sol, a lúa ou as estrelas; uns o fogo, outros a auga do profundo, ou as fontes das aguas, crendo que todas estas cousas non foran feitas por Deus para uso dos homes, senón que nacerande si mesmas”2. O bispo metropolita de Braga, a esa altura a capital do Reino Suevo, consideraba como un desprezo a Deus estas prácticas naturalistas, en contra do que parece indicarnos unha sá reflexión. Se Deus, como artista que é, segundo San Tomás, decide realizar a súa obra divina tal como considerou mellor, debería estar sumamente orgulloso que esta obra fose venerada por todos, como froito da súa vontade soberana, igual que todo verdadeiro artista desexa ver o seu labor creativo recoñecido polos demais. Loubando as obras divinas, lóubase ipso facto o seu creador e réndeselle culto a Deus. Non é sensato crer que cando se rende culto á natureza se está rendendo culto aos demos expulsados do ceu, so o nome de Mercurio, Marte, Neptuno, etc. tal como defende San Martiño3. “Por que acender velas xunto ás pedras e aos árbores e ás fontes e nas encrucilladas, que outra cousa é senón culto ao demo? Observar a adivinación e os agoiros, así como os días dos ídolos, que outra cousa é senón o culto do demo?”4. Por tanto, segundo este bispo, dedicar un día á lua, outro a Mercurio, etc. sería rendir culto ao demo. Eu gostaría de que a Igrexa xustificase o seu proceder de desacralización do cosmos, con fondas repercusións negativas na actualidade. O odio foi tal que ao día dedicado ao culto do sol, dador de luz, vida e enerxía, o 25 de decembro, foille retirado o seu significado, colocando no seu lugar a data do nacemento de Xesús, só para que a xente non lle dese culto ao que Martiño consideraba un ídolo. Mais a acción do sol é tan relevante, benéfica, vital para o ser humano que a mesma ONU e as organizacións ecoloxistas lle dedican un día a este astro, que ficou fixado o 21 de xuño, coincidindo co solsticio de verán, ou sexa, o punto en que o sol alcanza no ceu a máxima altura aparente e os días son máis longos.

Nunha segunda fase, creáronse seres mentais imaxinarios, aos que se lles dotou das mellores cualidades dos seres humanos e que obraban como os seres humanos superiores dos diversos pobos. Non esquezamos que, como xa dixemos na Introdución (02), son os homes quen crean os deuses e non ao revés, e que, para coñecer as características da divindade, cumpre coñecer a estrutura da sociedade. Foi a fase dos deuses mesopotámicos  e dos deuses olímpicos. Paralelamente, certos individuos humanos concretos foron separados mentalmente dos demais seres da súa comunidade e elevados a divinos. Finalmente, nunha terceira fase, co surximento dos imperios mundiais, tamén se creou un imperio celestial con un gobernante supremo, un deus único. É a fase do monoteísmo, que constitúe a máxima separación do home a respeito da súa natureza animal. E, ao igual que o emperador é un ser afastado dos seus cidadáns e considerado, pola propaganda do poder, un ser superior aos demais, deus convertese nun ser transcendente, un ser que está alén do mundo, e dotado dunhas cualidades que exceden todas as cualidades humanas e inclusive, como no caso da teoloxía negativa, todo o que os seres humanos poidan pensar. De deus, en última instancia, podemos saber o que non é ais non o que é, porque está alén de todo pensar e de todo ser.

Nas sociedade predemocráticas, os gobernantes tentarán lexitimar o seu poder en base a tres pilares:

a) A elección e o apoio divinos. O rei preséntase como deus ou o amado dos deuses e escollido por eles para gobernar. A esa elección divina, o rei tentará responder mostrándose como un vicario de Deus, mesías, unxido, sumo sacerdote, adorador e fiel cumpridor do culto e dos oráculos divinos e como un construtor e restaurador dos templos.

b) Avoengo, tradición. Neste aspecto, os gobernantes subliñarán que a súa estirpe ten predecesores ilustres, vén reinando desde tempos remotos e a súa ascendencia foi elixida polos deuses para este mester.

c) Valía persoal. O rei debe mostrar ante os seus súbditos que ten as cualidades precisas para gobernar o país e, nunha sociedade guerreira como foron as do Próximo Oriente, que é un príncipe valoroso, un guerreiro poderoso, forte no combate, etc.

A divinización dos humanos en Mesopotamia

Mesopotamia, etimoloxicamente o territorio no medio dos ríos, case o actual Irak, é o berzo da civilización e da escritura alá polo ano 3300 a.C, e, por tanto da historia. Delimitada polos ríos Tigris e Éufrates, nela sucedénronse pluralidade de culturas: sumeria, acadia, babilonia, asiria, persa... Estaba configurada territorialmente nun inicio por cidades-estado, que moitas veces se facían a guerra entre si nunha loita pola supremacía, que, no decurso do tempo, foron ostentando sucesivamente diversas cidades: Uruk, Ur, Lagash, Acad, Asiria, Babilonia, ... que cando lograban controlar o territorio entre os ríos, recibiron o nome de imperios. Eran sociedades escravistas e teocráticas nas que o verdadeiro soberano e señor de todas as cousas era a divindade tutelar, vindo a ser os reis meros vicarios, representantes seus na terra como resultado da súa elección divina. No norte predominaba a etnia semita, á que pertencen pobos como os arameus, asirios, acadios, os nómades amorritas ou amorreos, caldeos, ... e no sul a sumeria, mais tamén desempeñan un rol importante outras etnias como os casitas, elamitas, gutis, etc.

Dominio Sumerio: arredor do ano 3500 a.C. aséntanse os sumerios, de procedencia descoñecida, na desembocadura dos ríos Tigris e Éufrates. A partir de 2900 instálanse en cidades-estado, das que destacan as de Ur, Uruk, Lagash, e estaban gobernados por reis sacerdotes. A difusión da cultura de Uruk por toda Mesopotamia, dá lugar á cultura sumeria.

Imperio Acadio: no ano 2340 os acadios, pastores nómadas de etnia semita, con Sargón I á frente, toman o poder e impóñense a pobos etnicamente diversos, inaugurando o primeiro imperio da historia: o Imperio Acadio, no que destacan como reis, alén de Sargón I, Naran Sin e Gudea. Vai perdurar até o ano 2220 a.C. en que é derrubado polos nómades amorreos de estirpe tamén semita, volvendo de novo ás cidades-estado e inaugurando un novo renacemento de Súmer, tamén chamado 3ª Dinastía de Ur, que vai do 2200 a 2004. Os seus reis foron: Ur-Nammu, Shulgi, Amar-Sin, Shu-Sin e Ibbi-Sin.-- 

Primeiro Imperio Babilónico e primeiro Imperio Elamita. Após a caída de Ur, séquelle o reino de Isín e Larsa, que vai durar dous séculos aproximadamente, tras os cales van tomar o mando os amorreos que no 1894 se entronizaran na cidade-estado de Babilonia so Sumu-abum, e co seu sexto rei, o amorreo Hammurabi (1792 a. C. - 1750 a. C), convértese na capital do primeiro Imperio babilónico con dominio sobre toda Mesopotamia, de duración limitada, pois en en 1595 o último rei do primeiro Imperio Babilónico, Samsu- Ditana, sería deposto polos casitas, de orixe descoñecida, baixo o mando do caudillo Agum II, que toma Babilonia, e a partir de 1531 van estabelecer un dominio que vai durar até o ano 1155 a. C., en que son derrotados polos elamitas, ao mando de Shutruk-Nahhunte, que estabelece o primeiro Imperio elamita, de curta duración.

Imperio Asirio: en 1120 os elamitas foron derrotados polo rei Nabucodonosor I de Babilonia, que á súa vez sería derrotado en 1103 polos asirios, de etnia semita, que crean o novo Imperio Asirio, que se estende do 911 para o 609, e que ten como cidades importantes Nínive e Xorsabad e como reis máis notorios a Sargón II e Assurbanipal III.

Segundo Imperio Babilónico
: No ano 605 a.C. os asirios foron derrotados por Nabucodonosor II, dirixente da tribo semita dos caldeos, que crea o segundo Imperio babilónico. No ano 598 a. C. rebélase contra os babilonios o reino de Israel, mais é derrotado e os líderes son deportados a Babilonia. Volve de novo a levantarse no 587 a.C. e novamente foron derrotados e a súa populación deportada a Babilonia, incluido o Rei Sedequías (597-486), ao que Nabucodonosor lle saca os ollos.
Imperio Persa ou aqueménida: No ano 539 a. C. Ciro conquista Babilonia, que pasa a formar parte do Imperio persa, coas cidades importantes de Persépolis, Susa e como reis máis destacados a Ciro e Darío.

Imperio Macedónico-seleucida: No ano 331 Alexandre Magno derrota o Imperio Aqueménida e inaugura o Imperio Macedónico. No 312, Macedonia, xunto coa parte oriental do Imperio de Alexandre, convértese no Imperio Seleucida, que debe o seu nome ao xeneral Seleuco, que durará até o 140 a. C, sendo substituído por un período de dominación parta que durará até o 224 d.C., aínda que en 195-198 Roma lle arrebata a parte norte. As divindades en Mesopotamia eran concibidas dun xeito antropomórfico, ao modo humano, e con grande proximidades ás persoas e os seus comportamentos na vida ordinaria. Os deuses comían, bebían, falaban, amaban, pelexaban, irábanse, etc. como os humanos. Non esquezamos que as divindades son creadas polos homes e non os homes polas divindades. En Sumeria os deuses tiñan un carácter máis inmanente, porque o rei tamén era máis próximo aos cidadáns, mentres que ao constituírse os imperios acadio, babilonio, asirio..., nos que o monarca é xefe de amplos territorios e cada vez se afasta máis dos cidadáns, a concepción da divindade tamén se fai máis transcendente e máis universal, desembocando progresivamente na idea dun deus único, a imitación dun monarca único.

As concepcións da divindades sempre foron un reflexo da realidade socio-política e económica. No tempo das cidades-estado sumerias, os deuses son máis locais e próximos, mentres no tempo dos imperios se converten en máis distantes e universais, até que o deus supremo se converte nun deus único con unha pléiade de servidores, ao igual que os emperadores son únicos e con unha serie de subalternos. Como se trata de sociedades guerreiras, a concepción da divindade das elites é tamén guerreira. Entre os deuses máis importantes están os deuses da guerra, os deuses protectores do rei e da sociedade e da súa reprodución, xogando, por tanto, tamén un rol relevante as deusas da fertilidade e do amor. 

En Mesopotamia, a relixión era animista. En todas as cousas existía unha especie de espírito, un deus ou deusa, que as facía surxir, medrar, reproducirse, ter propiedades curativas, purificadoras, etc. O rei dos deuses, Enlil era quen decide os destinos e o que co seu elevado ollo escruta a terra. Todo se produce grazas a el: “Sen Enlil, a «Grande Montaña», non se construirían cidades, nin se fundarían colonias, non se construirían estabulos, nin se erixirían redís, non se ensalzaría aos reis, nin nacerían os sacerdotes, ... as inundacións primaverais dos ríos non traerían carpas, ... no xardín as frondosas árbores, (como os) de montaña, non darían froito. Enlil, as túas moitas perfeccións fan quedar atónitos (aos homes), ... A túa divindade inspira confianza”5. Deus está omnipresente na vida dos individuos e del reciben todo o que teñen de bo e o que teñen de mau, pois á parte do Deus bo existe o seu contrapeso, que é o deus mau, como pode ser o caso de Nergal. As cousas non teñen dinamismo e vitalidade propias senón que os reciben da divindade.

Relixión e política estaban intimamente unidas, de modo que o gobernante era o representante de Deus na Terra e Sumo Sacerdote. Para designar o gobernante utilizábanse os termos: EN : que indica señor, mais con connotacións relixiosas; ENSI: o administrador ou xestor do templo, sumo sacerdote; e LUGAL, aparecido cara a 2700 a.C., aplicado aos grandes terratenentes, e máis tarde aos que ocupaban postos relevantes no exército e na administración, converténdose co tempo en sinónimo de rei. Nun principio será un cargo temporal mais logo pasa a ser definitivo. Posteriormente, os termos ensi e lugal convértense en sinónimos e adquire un significado de personalidade secundaria.

Os reis preséntanse como:

a) Pastores dos seus rabaños, neste caso dos pobos, un simil que transloce a súa idea da realeza e o papel que se lle asigna aos cidadáns, convertidos en meros súbditos e totalmente dependentes da vontade real. A realeza e a gobernanza lexitímase pola graza de Deus, máis ou menos adubiada con oráculos para que sexa mellor aceptada polos cidadáns. Estas fabulacións non serán aceptadas pola posterior lexitimidade do poder que unicamente presupón unha vontade implícita do Deus de turno, como no caso de Franco, caudillo de España pola graza de Deus. Nos casos de usurpación, a insistencia na actuación divina no nomeamento tende a incrementarse.

b) Vicarios de Deus, quer dicir, representante de Deus na terra, facendo as súas veces, afirmación que non debería sorprender, cando aínda hoxe o Papa se intitula «Vicario de Cristo na terra», e como, segundo el, Cristo é Deus, el sería o representante de Deus. O que el di vai á misa, e ten como corolario no século XIX a proclamación do dogma da infalibilidade papal, ou sexa, a cualidade de non poder errar cando falan de temas de fe ou costumes. Como esta afirmación non se pode submeter a contrastación empírica, a Igrexa pode seguir mantendo indefinidadmente este embuste.

c) Elixido, escollido entre unha multidume por un dos deuses e destinado por el para ser rei. 

d) Fillo de Deus, algunhas veces entendido nun sentido bioloxista, mentres que noutras é máis difícil precisar o seu alcance, que pode limitarse a un significado meramente moral, de axuda, protección, amor especial, ...

e) O unxido de deus ou mesías, un ser consagrado pola divindade para a realización dunha tarefa de goberno de carácter tanto relixioso como civil.

e) Deus. O gobernante chega, neste caso, a lexitimarse atribuíndose, por si propio, polos seus achegados ou pola posteridade, características propias da divindade, aínda que non necesariamente en todos os ámbitos. O máis frecuente é que a personalidade dos reis exitosos se incremente imaxinativamente após o seu pasamento, divinizándose despois da morte.

Alén destas funcións de carácter relixioso, o rei é a máxima autoridade do Estado con poderes lexislativos, executivos e xudiciais e responsábel da administración, economía e defensa. Os anais militares da Antigüidade Oriental están profundamente influenciados polas ideoloxías políticas e relixiosas. O rei é un protexido das divindades, que sustentan o proxecto imperial e son quen lexitiman o seu poder e xustifican e apoian as campañas militares, que deben ter a súa aprobación. En caso de derrota, a responsabilidade non vai caer nos deuses senón na propia persoa do monarca e o exército que, por motivos diversos, como pode ser non seguir as pautas fixadas, introducir novas divindades, non cumprir o ritual relixioso prescrito, ... foron abandonados pola divindade. Cando nunha relixión conviven dous proxectos distintos, sustentación do poder e opción polos débiles, como é o caso da relixión cristiá, o primeiro sempre vai imporse e de aí que ideoloxías como a teoloxía da libertación, pobreza evanxélica, etc. van ficar arrincoadas. Isto seguirá sendo así mentres siga a reinar a superstición nas nosas vidas e mentres sigamos a encomendar a solución dos nosos problemas a invocación ao Apóstolo ou similares, na vez dunha política seria, responsábel e isenta de corrupción.





1. Non concordamos cos que pretenden dulcificar esta cualificación desprezativa de Martiño, afirmando que se refire a
xente simple.
2. SAN MARTIÑO DE DUME, De correctione rusticorum, apartado 6.
3. SAN MARTIÑO DE DUME, De correctione rusticorum, apartados 8 e 10.
4. SAN MARTIÑO DE DUME, De correctione rusticorum, apartado 16.
5. Himnos sumerios, Tecnos, Madrid, 1988, pp. 13-14.

31 ene 2013

As fundacións partidarias


Caldera e Mulas
Os partidos políticos españois están a diario facéndonos a vida máis amena cos seus constantes escándalos de corrupción e despois compiten entre si para botarlles á cara ao adversario de que o corrupto é el. A corrupción, omnipresente, chegou tamén ás fundacións.

Que son as fundacións? Son entidades dotadas de personalidade xurídica, sen ánimo de lucro que persiguen “fins de interese xeral a favor dun colectivo xenérico de beneficiarios”. Adquiren personalidade xurídica, distinta da personalidade de cada un dos seus membros, desde o momento en que son recoñecidas como tales pola administración correspondente, mediante a súa inscrición no Rexistro de Fundacións. Ao revés do que sucede coas sociedades mercantís, non buscan lucrarse, obter e repartir beneficios entre os seus membros polas actividades que realizan. Os seus cargos, salvo excepcións como nas federacións deportivas, deben ser gratuítos, embora poidan ser reembolsados polos gastos que lles ocasionar o desempeño do seu labor. Deben procurar o interese xeral, non o interese privativo dos seus asociados. Ese interese xeral non é preciso que se estenda a toda a sociedade senón que se restrinxe a colectivos indeterminados, indefinidos nominalmente. Ex.: a defensa do dereito dos mozos e mozas a emanciparse, a defensa do dereito á vida, a promoción do deporte entre a xuventude, beneficiar aos traballadores dun determinado sector ou empresa, ... Eses fins poden ser de carácter educativo, deportivo, cultural, científico-técnico, asistencia social, meio ambiente, sanitarios, fomento da economía, promoción do voluntariado social, da representatividade política, etc.

De onde lle vén o diñeiro para retribuír as súas actividades? Pode provir de financiamento privado, singular ou plural, ou público, quer dicir, proveniente dos tributos que pagan os contribuíntes, ou sexa, todos os cidadáns. Cando son promovidas polos particulares, como é o caso da Fundación Amancio Ortega, son os particulares quen teñen que controlar as súas contas, aínda que deberá proceder a unha auditoría externa se a cifra de activos ou a cifra de negocio supera os 2.400.000 euros. Se reciben fondos públicos deben ademais submeterse a auditoría en determinados supostos. Gozan dunha serie de beneficios fiscais, como é o caso da exención dos impostos de sucesións e doazóns, e do Imposto do Patrimonio. A nivel ético, dado que gozan de determinados privilexios fiscais, as súas contas deben ser especialmente claras e os gastos deben estar debidamente xustificados. 

As fundación partidarias, fináncianse na súa maior parte ou na integridade con diñeiro público, con diñeiro dos contribuíntes, con cargo á Secretaría de Estado de Cooperación, ligada ao Ministerio de Asuntos Exteriores y de Cooperación, e a Secretaría de Estado de Cultura, do organigrama do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. No cadro que se acompaña apreséntanse as diversas fundacións ligadas a partidos políticos que obtiveron subvencións no ano 2012. Podemos ver que a fundación ligada ao PP, a FAES, (Fundación para el Análisis y los Estudios Sociales), recibiu unha subvención de 1.717.920,88, que equivale ao 50,87 por cento do total. Se comparamos este importe co resultado das eleccións de novembro de 2011, nas que obtivo un 44,65 por cento de votos, podemos constatar que se mellorou un 6,19 puntos a respecto do resultado electoral obtido. O PSOE e o PSC recibiron un 30,80 por cento e obtiveron uns resultados electorais dun 28,73 por cento, con unha minoración de 2 puntos. Cando gobernaba o PSOE, o reparto era á inversa. CiU obtivo un 4,17 por cento dos votos e recibiu un 4,59 por cento de subvención, con unha diferenza a maiores do 0,42 puntos. IU, con un 6,92 por cento de votos, concedéuselle o 5,99 por cento de subvención, con unha minoración de cerca dun punto. UPyD, 4,69 por cento de votos e 3,61 por cento en subvención. O PNV, con un 1,33 por cento de votos, obtivo o 1,54 por cento de subvención. ERC, co 1,16 por cento de votos, obtivo o 0,92 por cento de subvención. Para Coalición Canaria, os resultados foron respectivamente de 0,59 en votos e 0,45 en subvención. Amaiur obtivo o 1,37 por cento de votos e non recibiu subvención, mais non consta se iso se debe a que non a solicitou ou, caso de solicitala, que non lla concederon. Do anterior, podemos concluír que a percentaxe de voto coincide groso modo co de subvención, con algunhas diferenzas significativas. O PP mellorouse a si mesmo, seguindo o lema de que «quen reparte para si a mellor parte». Pártese por tanto do principio de que o partido que leva máis votos tamén realiza máis estudos, o cal non é, nin moito menos, evidente. De facto podemos observar como moitos parlamentarios e senadores dos grupos maioritarios practicamente dormitan nos seus escanos sen apresentar iniciativas nin intervir en toda a lexislatura.

Outra cuestión que ten interese é o saber para que se conceden estas subvencións e cal é o control que se ten das actividades desenvolvidas. As actividades relacionadas coa cooperación teñen moi pouca relevancia e é dificil dicir en que poden contribuír ao interese xeral. Alguén tería que explicar cal é a importancia de artigos sobre o cinema en Nixeria ou Novas Ideas para a Felicidade da Fundación Ideas, ou Programa FAES para a promoción da liberdade, a democracia e os dereitos humanos nos países en desenvolvemento ou o Programa FAES para o fortalecemento dos partidos políticos nos países en desenvolvemento.  Non se trata de que para estes países non sexa necesario fortalecer a democracia e os partidos, mais outra cousa é que se invista diñeiro dos contribuíntes españois para este fin e por parte de partidos que quizais farían un grande servizo a estee país se contribuísen a corrixir as eivas notorias de democracia española. No século XVI o reino de España converteuse en apóstolo do catolicismo romano máis integrista e parece que agora nos queremos converter en apóstolos da democracia en casa allea. Tamén creo que farían un servizo impagábel á democracia e ao país se destas fundacións surxisen ideas para superar a asfixiante crise económica que padecemos e para a que os partidos se mostran totalmente orfos en ideas, como estamos a ver pola improvisación e incumprimento dos programas votados pola cidadanía, desde o mesmo momento de acceder ao goberno. As referencias aos programas de actividades culturais desenvolvidas non aparecen explicitadas e non se poden valorar. 

A respecto do control, a impresión subxectiva que se extrae a partir dos dados que se coñecen, é que non existe, como tampouco unha avaliación dos resultados. En caso contrario, é difícil que pasasen casos como o da Fundación Ideas. Sendo mal pensados, un está tentado a crer que o sistema de fundacións non é máis que un pretexto para distribuír unha cantidade de diñeiro significativa entre os partidos para mellorar o seu financiamento consoante cos resultados electorais alcanzados, por medio dun procedemento que ninguén pon en cuestión porque todos participan no reparto. 

A Fundación FAES é de tendencia liberal conservadora e persegue como como obxectivo o fortalecemento da liberdade, a democracia e o humanismo occidental. Está presidida polo ex-Presidente do goberno, José María Aznar; vice-presidenta: María Dolores de Cospedal, Secretaria Xeral do PP e Presidenta de Castela A Mancha; Secretario Xeral:  Javier Zarzalejos Nieto, ex-alto cargo do goberno de Aznar; ex-secretario xeral: Jaime García-Legaz, secretario de Estado de Comercio, dependente do Ministerio de Economía y Competitividad; outro ex-secretario xeral é Javier Fernández-Lasquetty e Blanc, Conselleiro de Sanidade da Comunidade de Madrid; Directora de Publicacións: Pilar Marcos Domínguez, deputada con Congreso dos Deputados e ex-coordinadora xeral de estudos, do Concello de Madrid, con Ana Botella. Entre os seus vogais figuran altos cargos do PP, como Angel Acebes, Álvarez Cascos, Abel Matutes,  Esperanza Aguirre, Marcelino Oreja Aguirre, ... o propio Rajoy e varios dos seus ministros, como Ana Pastor, Ana Mato, Miguel Arias Cañete, ... algúns empresarios: Mauricio Toledano, Manuel Pizarro, ... e diversos funcionarios, e entre os seus patróns, Manuel Fraga Iribarne e o  ex-ministro socialista Miguel Boyer.  É, na actualidade,  a principal fonte fornecedora de cadros para o goberno do PP. Moitos dos seus integrantes son noticia a nivel mediático por figuraren na lista dos españois máis defraudadores, a lista Faciani, publicada parcialmente polo New York Times, que inclúe, entre outros, a José María Aznar, Dolores de Cospedal, Angel Acebes, Abel Matutes, Marcelino Oreja Aguirre, Eduardo Serra, Isabel Tocino, Eduardo Zaplana, ... Outros figuran aludidos na contabilidade de Barceñas como perceptores de sobresoldos: Mariano Rajoy, Cospedal, Arenas, Acebes, Mayor Oreja, Aznar, ... Algúns, como Aznar, Dolores de Cospedal, Mariano Rajoy, Javier Arenas, ... acumulan soldos provenientes do sector público e da súa actividade privada ou política orgánica. O cal indica, parafraseando a Aristóteles que «amica patria sed magis amica pecunia», (Amiga a patria, mais máis amiga o diñeiro). A estes chamáballes Castelao, patriotas de follas de ferro.

A FAES é a inspiradora da actual política de recortes do goberno de Mariano Rajoy e da política de recentralizaicón do Estado, en detrimento das Comunidades Autónomas, co obxectivo de «fortalecelas», dun modo semellante a que se fan recortes no gasto social para «blindalo ». Parece lóxico e xusto que se cobran un soldo privado ou orgánico político, se lles fixese renunciar á percepción de emolumentos do sector público, durante o tempo en que perciben eses soldos, mais mentres que a un traballador humilde que cobra 750 euros de pensión de viuvez ao mes e con familia ao seu cargo se lle diminuíu até os 550, ao cobrar o seu fillo unha renda de aluguer de 230 euros, porque dicían que se pasaba do mínimo, estes políticos que moitas veces se acercan aos 300 mil euros ao ano, poden compatibilizar a pensión vitalicia que reciben do Estado cunha percepción de empresas privadas que sobrepasa os 200 mil euros. Non falemos xa dos que non teñen percepcións pecuniarias de ningunha clase e que se ven obrigados a pasar fame ou recorrer a familiares ou á beneficencia. Contra esta inxustiza e abuso, nin Zapatero nin Rajoy, até o momento, moveron un dedo, mais mostráronse moi valentes contra os humildes traballadores. As políticas de recorte produciron empobrecemento de xeral, incremento da  represión, laminación de dereitos laborais, paro sen precedentes, desmantelamento do Estado do Benestar, ... sen que o fracaso flagrante desta política servise de lección para encamiñar o rumo da economía por outros vieiros. 

As políticas de oposición ás liberdades e aos dereitos colectivos dos pobos do Estado e, entre eles,  á normalización lingüística teñen os seus alicerces no ideario da FAES, actuando os gobernantes populares de correas de transmisión do seu programa nacionalista español, uniformizador e excluénte, “con todas as consecuencias”. Isto tradúcese en leis orientadas á españolización de Galiza, Catalunya e Euskadi, co obxectivo final de lograr un Estado uniforme e centralizado e laminador da pluralidade. Remarquemos as diferenzas que existen entre a actuación dun país como Reino Unido ou Canada, a respecto do democrático dereito de autodeterminación dos pobos e o modo de actuar o Estado español, que inclusive é capaz de chegar á ameaza de intervención militar se unha comunidade quer que os seus cidadáns se expresen, libre, pacífica e democraticamente, sobre o futuro que desexan para o país. A humillación a que foi submetido o lendakari Ibarretxe e a campaña mediática contra os dirixentes cataláns son unha mostra da irracionalidade coa que se afrontan os temas políticos.  

Non se coñecen casos de corrupción derivados do seu funcionamento, mais iso non indica que non os haxa, e inclusive é difícil supoñer que sexa así tendo en conta que o PP está inmerso nun  enorme magma de corrupción, como se está vendo polo caso Gürtel, que o está asfixiando e que o obriga a realizar unha rapida catarse interna para non morrer de podredume.  

O PSOE creou a Fundación Ideas e a Fundación Pablo Iglesias. A primeira, creada en 2009, ten como obxectivo servir de “factoría de pensamento” ("think tank") do PSOE,  e leva percibidos nestes catro anos 11 millóns de euros en subvencións. A súa composición é semellante á FAES, mais, neste caso, con ex-altos cargos e dirixentes do PSOE. Está presidida polo Secretario Xeral do Partido socialista, Alfredo Pérez Rubalcaba, e actúa como Vice-Presidente executivo, o ex-ministro Rafael Caldera. Director Xeral: Carlos Mulas Granados. Xerente e tamén do PSOE: Xoán Cornide, e patróns, entre outros: José Blanco, Valeriano Gómez, José Antonio Griñán, Trinidad Jiménez, Patxi López, Ramón Jáuregui Atondo, Oscar López Águeda, Fernando López Aguilar, Soraya Rodríguez Ramos, José Luis Rodríguez Zapatero, Elena Valenciano, Gaspar Zarrías, ...

O seu xa ex-Director-Xeral, Carlos Mulas, doutor en Economía pola Universidade de Cambridge e Profesor Titular de Economía Aplicada na Universidade Complutense de Madrid e asesor do FMI con contrato até 2014, está sendo protagonista dunha historia subrrealista de corrupción, que contamina tamén ao Presidente, Vice-presidente e Xerente de Ideas. Fai máis dun ano, o xornal ABC xa denunciou irregularidades na contabilidade da Fundación, que foron desmentidas polo PSOE a esa altura. O día 23/01/2013, saltou aos medios a noticia de que unha columnista inexistente, Amy Martin, produto imaxinario do director da fundación, Carlos Mulas, ou da súa dona ou ex, Irene Zoe Alameda, ex-Directora do Instituto Cervantes de Estocolmo, so a presidencia de Carmen Cafarell, con un salario en 2009 de 100.000 euros anuais, veu cobrando a razón de 26 céntimos por carácter (pálabra), resultando un custo medio para a Fundación duns tres mil euros por artigo, e que durante e que durante o ano 2010 e 2011 a escritora estadounidense inexistente se embolsou a cantidade de 60.000 euros por 14 artigos, sobre temas de toda índole, de interese francamente nulo, e traballos de documentación para artigos asinados por outros (un modo de falar). Por outra parte, no contrato subscrito entre as partes, declárase que se reuniu o Xerente da  Fundación Ideas, e a citade e inexistente Amy Martin, residente en EEUU, a efectos de formalizar o contrato. Carlos Mulas rexistrou o nome da columnista inexistente Amy Martin, mais Irene Zoe ao tempo que exculpa a Mulas e lanza un forte alegato contra tirios e troianos pola suposta perseguizón a que o están submetendo, «destituido e indefenso ante unha cascada de ataques ao seu honor», recoñece que é ela Amy Martin e non cre que exista nada malo en escribir con pseudónimo. Para dar visos de neutralidade ao que parece ser unha fábula inventada para exonerar ao seu compañeiro torticeiramente e a súa actuación, manifesta que non comparte relación nin física nin sentimental desde fai anos co Mulas.

Neste caso, observamos enormes irregularidades por todas partes. En primeiro lugar, sae malparado o propio PSOE, porque, após a publicación da primeria denuncia, preferiu negar a realidade antes que poñerse a investigar os fundamentos da mesma e poñer remedio xa aos desmadres da Fundación. Tamén sae malparado Rafael Caldera, que non quixo ou non soubo informarse do ruído de fondo que alertaba da falsidade da identidade da protagonista inexistente, nin tampouco das abultadas cantidades que se pagaban polos artigos nin da autoría dos mesmos. Parece que nunca se lle ocorreu investigar quen era en realidade a citada escritora que se cotizaba tan magnificamente. Nin el nin o Xerente, se sorprendían do diñeiro que se pagaba por artigo, o cal indica que non era unha práctica isolada, senón que contamina a todas as demais colaboracións. Alén diso, as súas manifestacións de que en todo isto non hai nada ilegal, non deixan de ser insólitas. Aquí observamos un caso que limita coa usurpación de personalidade, un caso de roubo descarado á Fundación, un caso de falsidade en contrato mercantil, ... Todo isto non é ilegal? O xerente, ademais de non inteirarse do que pasaba, asina contratos apresentados como fechados por Mulas, sen preguntar pola autoría nin facer reparos encanto ás cantidades estipuladas. O comunicado de Zou, caso de ser certo, aínda acrecenta máis a gravidade do proceder estes directivos, porque afirma que foi o Departamento de Comunicación de Ideas quen fixou as tarifas. Isto afecta seriamente á idoneidade do sistema de subvencións con diñeiro público, pois indica que non se gasta debidamente e non se contribúe ao interese xeral, que é o fin de toda fundacón. Salpica ao propio Rubalcaba, que é o Presidente da Fundación e non pide contas de nada durante tanto tempo nin se informa do destino do diñeiro e de se os colaboradores, en xeral, son os apropiados para o logro dos fins que se perseguen. Un home así, podemos preguntar, está preparado para presidir o Goberno de España?

Carlos Mulas fica afectado ética, legal e politicamente. A súa brillante traxectoria profesional queda seriamente afeada e a súa carreira política truncada. A nivel moral demostrou que é un pillo vulgar que inventa un burdo amaño para complementar o seu soldo, amparándose das deficiencias de control existentes na Fundación, con un incremento exhorbitado para o traballo que realizaba. Tantas persoas no paro, tantos inframileuristas, tantos funcionarios titulados xa con posto de traballo que non chegan aos 3 mil euros ao mes, el podía cobrar ese importe por un artigo no que empregaría poucas horas de traballo. Creo que non foi moi lúcido porque debería ser consciente que tales artimañas necesariamente teñen un percurso curto, aínda con persoas tan pouco avispadas como os seus superiores e outros cargos. Ademais de detraer diñeiro subvencionado, mente descaradamente ao inventar a historia da inexistente escritora, afirmar que falara con ela, que é de fala inglesa e que reside en EEUU. Contribúe á falsidade en documento mercantil ao presentar un contrato pechado onde se afirma que se formaliza en presenza da escritora inventada co obxectivo de cometer unha fraude á Fundación. A esta falsidade tamén contribúe Xoán Cornide, ao dar o visto e prace a semellante contrato sen poñer reparos ou polo menos delatar o caso ante o Vicepresidente executivo da Fundación, o cal indica que era unha práctica habitual. Dado que o Director Xeral era un administrador de Ideas podería ter incorrido tamén nos delitos de administración desleal e administración fraudulenta.

Zoe Alameda quer exonerar ao seu querido, sexa marido ou non, inventando unha historia rocambolesca, que ademais deixa malparado ao propio Mulas. Di que Mulas non coñecía a Amy Martin, mentres que Mulas afirma que si a coñecía e que tratou con ela, e inclusive se presenta ante Cornide con un contrato subscrito por Amy Martin, que non consta que fose remitido desde EEUU. Manifesta que Mulas non tivo coñecemento de que Amy Martin era un pseudónimo, cando consta que foi el quen o rexistrou. Afirma que os artigos os redixiu ela, mais non xustifica como concordan con outros publicados por Mulas antes ou despois dela. Despois de apelar dun xeito narcisista á súa formación, interese e tempo de investigación, acrecenta que para unha persoa deste perfil, “la generación de artículos de opinión en múltiples áreas es una tarea asequible”, derrubando de vez o dogma da necesidade da especialización propio das sociedadea de hoxe. O seu furibundo ataque ante a indignación da cidadanía, afirmando que a persoa de Mulas se viu “vilipendiada de forma insólita e irracional, aplastada por una especie de enorme bola de furia que pone de manifiesto la sed de sacrificios de nuestra herida sociedad”, delata unha defensa apelando á burda acusación dos cidadáns que sofren as consecuencias dunha corrupción inmensa e galopante. Ela é libre de crear as historias fantásticas que queira mais non pode inventar fantasmas con obxecto de delinquir ou infrinxir a lei. É libre de encarnar nas obras de fición a Amy Martin, mais non é libre de ocultar a súa personalidade no trato mercantil coa Fundación, que debe saber a quen lle paga o seu diñeiro e que currículo ten. Agora a Fundación vese burlada por estar entregando diñeiro inxustificadamente a un fantasma. 

Embora afirme que está separada sentimentalmente del desde 2009, no Partido din que isto non lles consta e inclusive as súas declaracións parecen indicar que poderían formar parte da farsa, pois a súa confesión de que Mulas é “el hombre más honesto, trabajador y admirable que he conocido en mi vida ... un hombre al que quiero, respeto y admiro, y que en absoluto merece la reprobación de la que está siendo objeto”, dificilmente se compadecen con unha separación sentimental, sexa cal sexa a cobertura xurídica que ten a súa relación.




23 ene 2013

O Rei recupera a paga de Natal

O Rei Xoán Carlos I e a Raiña
O Rei baixárase o soldo en 2012 un 7,1 por cento, igual que os empregados públicos, uns 21.000 euros menos, e o Príncipe 10.400 euros menos, un xesto que parecía representar unha operación de marketing para dar a imaxe de austeridade en solidariedade coas demais capas da populación. Ese sacrificio, foi publicitado profusamente para destacar o magnánimo xesto exemplarizante do Monarca. Mais, finou 2012 e non fica claro que con el non desapareza a exemplaridade, e mentres miles de empregados públicos se ven abocados ao paro, o Rei decide volver a cobrar o que cobraba no 2011, ou sexa, 292.752 euros brutos ao ano, dos que 140.519 corresponden ao soldo e 152.233 a gastos de representación, e o príncipe Felipe a metade, quer dicir, 146.376. Esta é a grande vantaxe de ter un Xefe de Estado A, en plena forma, dedicación e exercicio como o está a demostrar nas súas comparecencias actuais, e un Xefe de Estado B, que actúa de suplente. As cantidades citadas non se van ver diminuídas pola incapacidade laboral que padecen os membros da Familia Real, contrariamente ao que o Señor Feijóo estabeleceu para os funcionarios públicos, que se un día teñen dor de cabeza e faltan ao traballo detráenlle o salario corrrespondente para curarlla. Como podemos observar, a xustiza é igual para todos, e a igualdade tamén! Mais, a igualdade que ten que ver coa xustiza? As sociedades occidentais, e inclusive podemos dicir que as sociedades actuais, por imperar o liberalismo practicamente en todo o mundo, son tremendamente desigualitarias, mais son xustas? Á parte das desigualdades, froito do mérito, capacidade, sorte, herdanza, etc. é lóxico estabelecer desigualdades por lei, como no caso das monarquías? 

 O curioso do caso é que mentres o orzamento da Casa Real baixa un 4 por cento e as retribucións dos membros da Familia Real un 7,29 por cento para 2013, ascendendo a 699.128 euros, as do Rei e Príncipe soben con respecto a 2012, e iso indica que o Rei, que é quen distribúe libremente o orzamento, ten que obrigar a outros membros da citada Familia a que fagan sacrificios adicionais de 55.000 euros, sendo os afectados son a Raiña, a princesa Letizia e a infanta Elena. Non parece estético nin ético, entre membros dunha equipa de traballo, aplicar o refrán: «quen reparte para si a mellor parte» ou en terminoloxía cristiá, «a caridade ben entendida comeza por un mesmo». Esta prerrogativa que ten o Rei, segundo a Constitución Española, de repartir o diñeiro como mellor lle pareza, introduce unha especie de soberanía absoluta no referente ao salario percibido. O Rei reparte como mellor lle parece, sen dar conta a ninguén,  mentres que os cidadáns a pagar e a calar.

Este xesto real de repartir o diñeiro que lle dan os cidadáns aproveitando para favorecerse a si mesmo, parece propio dunha monarquía con trazos medievais, que goza de privilexios absolutos na parcela distributiva, e iso ten como consecuencia que a carteira non casa moi ben coa estética. Parece que se aplica aquí a estética da diferenza, do desequilibrio, pois, como xa diciía Leibniz, no mundo cumpre que exista o ben e o mal, porque iso contribúe á harmonía cósmica. Alén da estética está a ética, que tampouco parece saír moi ben parada, porque hai que pregar co exemplo e non limitar a súa aplicación a discursos solemnes ou ao Día de Noiteboa.

Un capítulo que é notoriamente sorprendente nos gastos de persoal é o referido a incentivos.  Observamos que os gastos totais de persoal, sen incluír a Familia Real, se elevan a 3.870.000 euros, e deles 1.216.000 euros van destinados a retribución e 2.654.000 euros a incentivos, ou sexa, que o sexa, que o 31,42 por cento vai destinado a salarios e o 68,58 por cento a incentivos. Isto pode significar que unha persoa pode ter un soldo “moderado”, mais recibir unha cantidade deshorbitada por incentivos, alén da subxectividade que introduce este sistema de retribucións. Como non se explica máis polo miúdo esta cantidade, non se poden facer valoracións da súa idoneidade.

Outro xesto que tamén parece que se quere presentar como sinal de magnanimidade do Monarca é a redución dos coches oficiais de 72 a 45, quer dicir, 27 coches menos, un 37,5 por cento menos. Para que serven tanto coches oficiais para a Casa Real? Quen máis, alén da Familia Real, ou sexa, o propio Rei, Raiña, príncipes de Asturias e infanta Elena, en total, 5 persoas, utiliza eses vehículos oficiais? Se somente fosen esas cinco persoas, tocaría a unha media de 5 por persoa aínda na actualidade, despois deste xesto de austeridade ao servizo do país, pois antes tocaban a 14,4 carros por persoa. Sería conveniente, por tanto, saber cantos altos cargos ao servizo da Casa Real teñen vehículos pagados con fondos públicos, para que tipos de viaxes se utilizan, quen é o encarregado de vixilar as necesidades reais en deslocamentos, etc. Como se pode permitir que nun país en plena recsións económica, como a actual, se produza semellante dispendio desnecesario tando ao dispor da Casa Real tantos vehículos superfluos? Isto é non é o que se chama boa xestión económica, que, por principio, ten que ser austera e exemplarizante.

Non deixa de ser sorprendente tampouco o que pasa con condutores ao cargo da Institución, que en 2011 eran de 68 e este ano fican en 61, ou sexa, 16 condutores máis que vehículos. Isto indica unha falta de previsión importante, pois habería un exceso de 16 condutores con respecto ao total de 45 venículos, cando a cifra debería ser sensibelmente inferior porque nunca se utiliza a totalidade de vehículos ao mesmo tempo.

6 ene 2013

Ortega, inspirador do nacionalismo español

José Ortega e Gasset


Cremos que esta incursión no ideoloxía orteguiana axuda a clarificar a concepción da nación e nacionalismo de moitos líderes españois dos nosos días. España non tivo bos pensadores que analizasen lucidamente a súa realidade nacional e a maneira de estruturala.
 
Os intelectuais españois movéronse sempre pola fobia á diferenza, e non foron capaces de repensar o problema español desde os principios da democracia e do respecto aos dereitos colectivos. Os políticos, como é o caso de Rajoy, non se cansan de repetir que non existen dereitos colectivos, salvo naturalmente os de España no seu conxunto, que os únicos dereitos son os individuais. Isto significa que calquera corporación industrial, comercial, financeira, etc. ten dereitos como tal corporación, mais os pobos non. Non teñen dereito a falar a súa lingua, a conservar o seu acerbo cultural, a preservar as súas riquezas, etc.
 
O propio Ortega e Gasset, que é considerado por algúns como un dos máis condescendentes no aspecto identitario, non é capaz de comprender o problema das nacións do Estado. Segundo este preclaro intelectual, «español hasta las cachas», que tanta influencia tivo na concesión do «café para todos», na negación dun tratamento diferenciado para os que son diferentes, como Catalunya, Euskadi e Galiza, o problema catalán non é un problema a resolver, porque é imposíbel resolvelo, senón que é un problema que hai que «conllevar», ou sexa, que hai que aguantar a unha especie de inquilino pouco simpático mais que non se pode desafiuzar, e isto até que se canse e deixe continuar a historia da España centralista. Segundo o politólogo e escritor madrileño, o problema catalán non se pode resolver porque frente aos que apoian unha Catalunya que pretende decidir o seu futuro e vivir á parte, están os demais españois que desexan convivir con eles. Ou sexa, que o dereito de autodeterminación dos pobos nunca se podería exercer segundo Ortega, porque frente ao dereito a decidir dun pobo está o dereito do pobo colonizador a telo colonizado. Penso que os políticos españois deberían facerlle a proposta á ONU e UNESCO a proclamar o dereito dos pobos opresores a exercer a opresión e a dos amos a conservar os seus escravos. A única solución que oferece este autor é a violencia cos que se negan a submeterse e o imperialismo como tarefa e norte de actuación para o país. Ortega comeza a exposición da súa idea de nación en España Invertebrada, tomando emprestada a seguinte expresión de Mommsen: “La historia de toda nación, y sobre todo de la nación latina, es un vasto sistema de incorporación1. Como vemos, ten en mentes a formación de nacións propiciada polo nacionalismo expansivo, polos estados-nacións, e nunca o seu surximento a partir da tomada de conciencia dun pobo que quer ser dono dos seus destinos históricos. Evidentemente, neste caso folgan ideas melíficas da falsa conciencia como incorporación. Ninguén nega nos nosos días que Estonia, Letonia, Lituania, Eslovenia, Croacia, etc. sexan nacións e non obstante non surxen por un proceso de submisión doutros pobos senón de reafirmación do ser colectivo frente ao pobo dominador. A desintegración do imperio austrohúngaro, otomán, soviético, ... deu lugar á consolidación de moitas nacións que non se forman por aglutinación senón por un proceso inverso, de personalización do propio ser nacional. A fagocitose de pobos non é consubstancial ao proceso de construción nacional senón un elemento perturbador que acompañou a procesos con moi pouca sensibilidade para cos dereitos dos individuos e, especialmente, dos pobos; á tentación de dominio e poder que embarga aos seres humanos, e os leva a cometer verdadeiras atrocidades.

A palabra incorporación, vocábulo máxico que serve para esconxurar termos que expresan máis descarnadamente a realidade histórica, como dominación, submisión, ... non hai queentendela, segundo o filósofo madrileño, como o crecemento por dilatación dun núcleo inicial, senón como a “articulación de dos colectividades distintas en una unidad superior. ... la organización de muchas unidades sociales preexistentes en una nueva estructura2, a soldadura de agrupacións antes dispersas “hasta formar la unidad superior que llamamos nación3. Claro que todo isto contradí a afirmación orteguiana de que España está desvertebrada, porque a « incorporación» foi un facto histórico. O núcleo inicial non se traga aos pobos que vai sometendo, -di este autor- nin anula o carácter de unidades vitais propias que antes tiñan. Como exemplo, cita o sometemento das Galias por Roma. “No; la cohesión gala perdura, pero queda articulada como una parte en un todo más amplio. Roma misma, núcleo inicial de la incorporación, no es sino otra parte del colosal organismo, que goza de un rango privilegiado por ser el agente de la totalización4. Para corroborar a súa tese, Ortega aduce o caso do Estado español. “Lleva esta errónea idea a presumir, por ejemplo, que cuando Castilla reduce a unidad española a Aragón, Cataluña y Vasconia, pierden estos pueblos su carácter de pueblos distintos entre sí y del todo que forman. Nada de esto: sometimiento, unificación, incorporación, no significa muerte de los grupos como tales grupos: la fuerza de independencia que hay en ellos perdura, bien que sometida; esto es, contenido su poder centrífugo por la energía central que los obliga a vivir como partes de un todo y no como todos aparte. Basta con que la fuerza central, escultora de la nación ... amengüe, para que se vea automáticamente reaparecer la energía secesionista de los grupos adheridos5. Toda esta vasta racionalización entra en colisión co que Ortega afirma algures de que “Es una ilusión pueril creer que está garantizada en alguna parte la eternidad de los pueblos: de la historia, que es una arena toda de ferocidades, han desparecido muchas razas como entidades independientes6, como entidades que preservan a súa alma, e, por conseguinte, unha modalidade de morte dun pobo é a incorporación, porque a alma colectiva fica diluída na alma total. Que son os ártabros nos nosos días? E os nerios? Os caporos?, os francos? Os galos? E os suevos asentados na Galiza? ... Ortega pon como exemplos de conservación da entidade propia a de pobos que aínda non teñen os seus trazos totalmente esfumados, aínda que camiñan nesa dirección. Que é hoxe Murcia? E Aragón? Esta argumentación de Ortega contradise coa dinámica que asigna ao Estado, dominado pola tendencia fatal “de asumir en sí la vida entera de una sociedad7. O Estado, especialmente na súa modalidade unitaria, volve anémicos, paralíticos aos pobos sobre os que domina, até terminar por destruír totalmente a súa alma, a súa cultura, e o seu corpo pola espoliación das súas fontes de riqueza.

Mais a historia dunha nación, alén do seu período formativo, é tamén, segundo o filósofo nacionalista español, a historia da súa decadencia, dunha vasta desintegración, que surxe cando a forza dominadora esmorece. Concibe a unidade nacional non como  unhacoexistencia interna senón como un sistema dinámico de forzas centrífugas, que actúan como estímulos funcionais, e centrípetas ou totalizadoras, que manteñen a cohesión do todo. Esta consideración é válida para os Estados compostos, os Estados plurinacionais, mais non para os Estados unitarios homoxéneos, como por exemplo, Portugal e Holanda, Croacia, Eslovenia. Non é precisa a forza que Ortega chama de dispersión senón que é máis ben un obstáculo para consolidar a homoxeneización, que pretende todo Estado.

O seguinte paso que dá Ortega para xustificar o sistema de dominación imperante dos nacionalismos expansivos consiste en divinizar o proceso incorporativo, quer dicir, a violencia incorporativa. “El poder creador de naciones es un quid divinum, un genio o talento tan peculiar como la poesía, la música y la invención religiosa. Pueblos sobremanera inteligentes han carecido de esa dote, y, en cambio, la han poseído en alto grado pueblos bastante torpes para las faenas científicas o artísticas8.Ou sexa, que o poder de dominación é un poder divino e natural, un poder -suponse que xenético- de que están dotados certos pobos, como o castelán, en canto que outros carecen dese don. Noutras palabras, é a resurrección da doutrina aristotélica de que hai persoas libres e persoas escravas por natureza9, que hai pobos libres e pobos escravos, aos que se lle pode declarar a guerra se se negan a vivir en suxeición10, que hai persoas que naturalmente gobernan e persoas que naturalmente son súbditos11. Como todo sistema de dominación se basea na forza, na violencia, o seguinte paso de Ortega será bendicila, a guerra incluída. O talento nacionalizador é, segundo el, de carácter imperativo, é un saber querer e un saber mandar. Mandar non é só convencer nin só obrigar senón unha mestura de ambas as dúas. “La sugestión moral y la imposición material van íntimamente fundidas en todo acto de imperar12. Para imperar necesítase a forza, e de aí, o posicionamento de Ortega en prol da violencia e en contra do pacifismo, aínda que tamén distante da pura violencia. Coa violencia exclusivamente fráguanse pseudoincorporacións, de corta duración e sen estela aprezábel. En toda incorporación entran, pois, dous elementos: a forza, de carácter adxectivo, e a suxestión moral, de carácter substantivo.

O nacionalismo particularista -di el- é o contrario dos nacionalismos das grandes nacións, porque o nacionalismo español nunca se caracterizou polo afán positivo de non querer ser ingleses, de non querer ser franceses. Isto como sabe perfectamente Ortega é falso. A guerra de 1808 veu determinada polo afán español de non querer ser franceses, de non querer ser dominado por eles. Noutros momentos esta oposición non é necesaria porque non hai dominación ou ameaza, pero calquera espreita neste sentido provocaría, sen dúbida, un rexurdir do nacionalismo español para aprestarse á autodefensa, con obxecto de non ser engulido por outro Estado. Non "existía - continúa o filósofo madrileño- en nosotros ese sentimiento negativo, precisamente porque estábamos poseídos por el formidable afán de ser españoles, de formar una gran nación y disolvernos en ella. Por eso, de la pluralidad de pueblos dispersos que había en la Península, se ha formado esta España compacta. En cambio, el pueblo particularista parte, desde luego, de un sentimiento defensivo, de unha extraña y terrible hiperestesia frente a todo contrato y toda fusión; es anhelo de vivir aparte. Por eso el nacionalismo particularista podría llamarse más expresivamente, apartismo o, en buen castellano, señerismo"13. Castela estaba evidentemente interesada en formar unha España grande a costa da aniquilación doutros pobos, e por iso toda «incorporación» tivo que lograrse por intereses dinásticos e tras vencer a resistencia dos pobos incorporados. Os nacionalismos «particularistas» non se caracterizan por oporse á integración en espacios máis amplos, -recórdese que o programa do Partido Galeguista consideraba a galiza como cédula de universalidade- pero si á aniquilación da nación de referencia. Tampouco España quere fundirse con outros Estados, con Francia, por exemplo, para formar unha única nación, senón que defende a colaboración a cooperación en ámbitos máis ou menos amplos, en beneficio de ambos pobos; exactamente igual que faría Galicia se fose un Estado independente.

Nun pobo particularista danse dúas tendencias, segundo Ortega: unha, sentimental, que o impulsa a vivir á parte, e outra de carácter sentimental e racional, que o forza a vivir con outros pobos na unidade nacional. Segundo os tempos, predomina unha ou a outra, pero o instinto secesionista pervive sempre aínda que soterrado, e pode en calquera momento volver a presentarse14. A evolución universal consiste nun xigantesco movemento e impulso cara a unificacións cada vez maiores, e a esta tendencia unificadora oponse a historia de pobos como Catalunya e Irlanda. “De aquí que ese pueblo que quiere ser precisamente lo que no puede ser, pequeña isla de humanidad arisca, reclusa en sí misma; ese pueblo que está aquejado por tan terrible destino, claro es que vive, casi siempre, preocupado y como obseso por el problema de su soberanía, es decir, de quien le manda o con quien manda él conjuntamente15. Neste texto, transluce diáfana a irracionalidade do nacionalismo orteguiano. Establece que hai problemas se “un pobo que quere ser o que non pode ser ...”, pero non concreta de onde provén esa imposibilidade. Da marcha xeral da historia cara á unificación? Neste caso habería que deixar que a historia actuase libremente, sen condicionamentos de ningunha clase, porque deste xeito, xa resultaría o que de todos modos tería que resultar. De poderes facticos españois que non estarían dispostas a acceder a que Catalunya adquira a súa soberanía? Nesta alternativa, onde está a vontade democrática orteguiana para que predomine a vontade popular dos pobos afectados? A submisión a poderes que non se xustifican racionalmente, a aceptación dun marco político porque si, significa o triunfo da irracionalidade política. O pobo catalán ten, segundo Ortega, un terríbel destino, ou sexa, que existe unha forzosidade na súa submisión a poderes alleos, mais non fundamenta cal é a razón dese destino.

Hai moitos catalanistas que non queren vivir separados de España, e aínda “sintiéndose muy catalanes, no aceptan la política nacionalista, ni siquiera el Estatuto, que acaso han votado. Porque esto es lo lamentable de los nacionalismos; ellos son un sentimiento, pero siempre hay alguen que se encarga de traducir eses sentimiento en concretísimas fórmulas políticas: las que a ellos, a un grupo exaltado, les parecen mejores”16. Neste texto Ortega identifica o catalanismo e o nacionalismo con un sentimento, que non tería porque ter implicacións políticas, pero aínda que todo movemento, tanto catalanista como nacionalista, está  precedido dun vago sentimento de apego á terra, este sentimento non pode denominarse catalanista se non asume unha doutrina política, que, como mínimo, defenda a concesión dun Estatuto de autonomía para Catalunya. En segundo lugar, observamos no texto, a habitual descalificación dos nacionalistas, que identifica con persoas exaltadas. En terceiro lugar, Ortega arrógase o coñecemento do auténtico sentir das persoas, inclusive por cima do que elas mesmas manifestan a partir do exercicio do seu dereito de voto, que o fan para non aparecer como anticataláns. “Es el eterno y conocido mecanismo en el que con increíble ingenuidad han caído los que aceptaron que fuese presentado este Estatuto17.

Unha vez concedidos os Estatutos, conviría «afogar» os nacionalismos, pero iso non é cuestión de lei senón que “solo pueden deprimirse cuando se envuelven en un gran movimiento ascensional de todo un país, cuando se crea un gran Estado, en el que van bien las cosas, en el que ilusiona embarcarse, ... Un Estado en decadencia fomenta los nacionalismos: un Estado en buena ventura los desnutre y los reabsorve18. Ou sexa, a solución, para Ortega, consiste en incentivar o nacionalismo español e un Goberno tecnicamente eficaz.





1. España Invertebrada, Espasa Calpe, Madrid, 1972 (EI), p. 32.
2. EI, p. 34 e 35.
3. «Fabricantes de rencor», El Sol, (17/03/1918), en Obras Completas, T. 10, p. 411.
4. EI, p. 35.
5. EI, p. 36.
6. Discursos Políticos, p. 67.
7. DP, p. 76.
8. EI, p. 38.
9. ARISTÓTELES, Política, lib. I,, cap. 2, 1254 b.
10. Política, I, cap. 3, 1257 a.
11. Política, I, cap. 5, 1259 b.
12. EI, p. 39.
13. «El Estatuto catalán», 13/05/1932, en OC, T. 11, p. 459.
14. «Discurso sobre el Estatuto de Cataluña», 13/05/1932, en OC, T. 11, pp. 459-460.
15. «Discurso sobre el Estatuto de Cataluña», 13/05/1932, en OC, T. 11, p. 460.
16. «Discurso sobre el Estatuto de Cataluña», 13/05/1932, en OC, T. 11, p. 461.
17. «Discurso sobre el Estatuto de Cataluña», 13/05/1932, en OC, T. 11, p. 461.
18. «Discurso sobre el Estatuto de Cataluña», 13/05/1932, en OC, T. 11, p. 473.

A improcedente e frustrante entrevista ao Rei en TVE


Rei Xoán Carlos I
Televisión española emitiu o día 4 de xaneiro de 2013, unha entrevista ao actual Rei de España na campaña de marketin da Casa Real para mellorar a súa imaxe pública, gravemente deteriorada polas actuacións moi pouco exemplares do Monarca. Supoño que esta publicidade se faría tamén co impulso e anuencia do goberno do PP.

Consideramos que esta entrevista foi: a) Insulsa, plana, non di practicamente nada. b) Improcedente porque unha institución calquera, debe lexitimarse en base á súa actuación e non en base a publicidade bobaleixona que pode producir o efecto contrario ao pretendido.

É improcedente tamén porque cando un quere vender algo con un determinado formato, o primeiro que hai que analizar é se hai produto, despois se o produto en si é vendíbel e, en terceiro lugar, se ese formato é o apropiado. Se non hai produto a vender ou se se trata dun produto de baixa categoría , se non hai, neste caso, mensaxe que comunicar, é mellor estar calado. Neste caso, o Rei demostrou que non ten nada que dicir, máis que vaguidades e lugares comúns, mais demostrou tamén que non se axusta na súa mensaxe, cando pretende transmitir un posicionamento político partidista, ao que é o seu cometido como moderador das institucións. Moita xente considera que o Rei non é capaz de entender a realidade do país, que está fóra da realidade, que o seu discurso é vacío, e que crea máis problemas dos que resolve. Nunca debería o Rei actuar dun xeito partidista identificándose, como neste caso, coa política máis centralista de PP. Por tanto, a monarquía, que debería estar por acima dos diversos grupos políticos, converteuse nun membro de grupo máis. Xa no discurso do día  de Noiteboa aproveitou para meterse cos cataláns, e indirectamente con vascos e galegos, e agora volve recuncar. Isto indica que non é capaz de limitarse a cumprir o cometido que a Constitución lle ten asignado, que consiste en estar por acima do ben e do mal e non ser parte senón mediador entre as partes. En conclusión, non hai produto e, cando o hai, trátase dun produto que el non debería rebaixarse a vender, porque se lle paga para outras cousas.

O formato do produto tampouco é o adecuado. O produto debe ser promovido por unha persoa que teña atractivo ante os compradores e que teña credibilidade, cualidades das que carece, neste momento, o Monarca español. É un home xa moi gastado, con pouca lucidez mental, pouco atractivo físico, etc. Non é suficiente que nos diga “me encuentro en buena forma, con energía y, sobre todo, con ilusión para seguir adelante y afrontar los retos que tenemos por delante”. En realidade isto soa a un apego ao cargo alén do conveniente e razoábel. Deberían ser os cidadáns, submetidos á súa reitoría, os que decidisen iso, deberiamos ter algo que dicir, pois por algo pagamos. Mais carece tamén de credibilidade, porque non a ten para vir falarnos de igualdade e xustiza, o xefe máximo dos privilexiados. Se cre o que di realmente, non debería tardar 37 anos en poñer en práctica a igualdade no seu propio estatus. Debería ter renunciado hai xa moito tempo aos privilexios que ten e á desigualdade propia da institución monárquica, porque non se accede ao desempeño das más alta maxistratura do Estado por elección, mérito nin capacidade, senón por razóns de índole biolóxica. A monarquía española é unha institución baseada no privilexio de non render contas dos cartos que lle asignan os representantes da cidadanía, senón que os inviste como quer e no que quer sen responder nin xustificar ante ninguén; baseada no privilexio de non ter que loitar como os demais para teres un traballo, para gañar un soldo inalcanzábel para a inmensa maioría das persoas, e iso non porque el o gañe ou ser o herdeiro de pais que o gañasen lexitimamente, como pode ser o caso da filla de Amancio Ortega, senón por ocupar un posto por descendencia. Que mozo ou moza dos mellor preparados deste país cobra xa por estar destinado a ocupar unha función, sen albiscar data no horizonte, unha cantidade que se aproxima aos 200.000 euros anuais, como o Príncipe Felipe?. Isto esténdese a todos os ámbitos: educación, sanidade, etc. etc. Os mesmos fillos e fillas créanse nun ambiente distinto que os demais, que fai que non sexan capaces de baixarse á realidade das cousas, un ambiente de boato, de encumeamento social, etc. Por tanto, se quere ser igualitario, ten as medidas na súa propia man: submétase a unhas eleccións como todos os demais cargos públicos, xustifique en que gasta os cartos que se lle asignan nos orzamentos, que os seus descendentes renuncien ao seu “dereito” á sucesión por herdanza, etc.

Por tanto, a monarquía hoxe, como institución, non vende e non só o Rei senón que tampouco o Príncipe de Asturias, porque a xente percibe claramente que é unha institución obsoleta, arcaica, desigualitaria e mesturada coa corrupción. É unha institución baseada na desigualdade ante a lei, como se pode observar polo que acontece coa Infanta e duquesa Cristina de Borbón, que non é chamada a declarar a pesar de estar nas mesmas condicións que outras persoas do caso Noos. A mera citación desta persoa xa indica a súa diferenza a respecto dos demais currantes mortais: infanta e duquesa por ter nacido de determinados pais e non polos seus méritos.

Tamén é improcedente que se nos presente como unha entrevista o que non é máis que unha loubanza descarada do Monarca, unha publicidade pagada con fondos públicos para que esta caduca institución non se veña abaixo. O servizo público que debe prestar a TVE non debería caer nestas montaxes, e tampouco o entrevistador de turno, o vello xornalista Xesús Hermida. Non é un epílo digno da súa brillante traxectoria profesional que se prestase a esta bufonaria. 

c) Frustrante. Alén de facer de mestre da igualdade, o desigualitario por excelencia, tamén nos veu instruír sobre a unidade, mais entendida como uniformidade e non a que resulta da pluralidade de voces diversas. Isto non é o son dun orquestra que, a partir de instrumentos e voces plurais, consegue unha concordancia e harmonía, senón que o Rei convídanos a que toquemos todos o trambón destrás del e do Goberno do PP.

Outro dos temas abordados, como non podía ser doutro xeito nun Barbón, é o da vertebración do Estado, que di botar en falta. Xa no ano 1921, momento do centralismo máis abafante, Ortega e Gasset troaba contra a invertebración de España, que tamén vía desvertebrada ou invertebrada. O significado de vertebrar tanto en frances, como en inglés e portugués é sinónimo de estruturar, articular, dar organización interna, mentres que o dicionario da RAE acrecéntalle tamén a acepción de cohesionar, entendida como ligazón, unión de dúas cousas, adhesión das cousas entre si. Evidentemente, non se pode afirmar que España non teña unha estrutura, unha organización interna, e entón o que parece que pretende o Rei é acrecentarlle o matiz da unión, entendida como homoxeneidade das partes diversas, na cal unha delas, e xa se sabe cal, debe renunciar ao seu propio ser, á súa propia personalidade e disolverse no común, do contrario é riscado de intransixente. En realidade, o Rei veu resituar o seu proxecto no da historia de España, especialmente a partir de do Conde Duque de Olivares, valido de Felipe IV, cando afirmaba: “Tenga Vuestra Majestad por el negocio más importante de su Monarquía el hacerse rey de España; quiero decir, Señor, que no se contente Vuestra Majestad con ser rey de Portugal, de Aragón, de Valencia, conde de Barcelona, sino que trabaje y piense con consejo mudado y secreto para reducir estos reinos de que se compone España al estilo y leyes de Castilla sin ninguna diferencia”. Mais, sobre todo, ten en conta a tendencia dos seus predecesores borbóns e da Francia xacobinista, xa desde a súa entronización en España. Así, a fins do século XVIII, Felipe V, o primeiro Borbón en España, decidiu no momento da derrogación dos foros de Aragón e Valencia, en 1707: “reducir todos mis Reinos de España a la uniformidad de unas mismas leyes, usos, costumbres y tribunales, gobernándose igualmente todos por las leyes de Castilla, tan loables y plausibles en todo el Universo”. A españolización de Catalunya do ministro Ignacio Wert volve remmorarnos este pasado. Despois virían a lei de Nova Planta, que terminou coa diferenciación catalana, e a derrogación dos foros de Euskadi en 1876.

O Rei, despois de expresar que a España non lle conveñen nada os maximalismos, ou sexa, que os cataláns decidan o seu futuro, afirma que “conviene unidad y que estemos todos unidos a un futuro y a una idea”. Foi unha pena que non explicitase cal é ese futuro prometedor que nos oferece e esa idea que todos debemos perseguir como se dun rabaño de ovellas se tratase. Nós propeñémoslle a futuro e a idea seguinte: liberdade dos pobos e individuos, e democracia real baseada no recoñecemento dos dereitos humanos, tanto individuais como colectivos. Só desta maneira se preserva a unidade de acción e futuro e se respecta o principio da diferenza.

1 ene 2013

Oferenda ao Apóstolo Santiago

Oferenda ao Apóstolo no día da Traslación


Como cada ano, vén de celebrarse o día 30/12/2012, a oferenda da traslación dos restos do Apóstolo Santiago desde o porto de Xaffa (Xerusalén) até o peirao de Iría Flavia, no actual  concello de Padrón, cerimonia que se celebrou por primeira vez no ano 1109 con Alfonso VI e se institucionalizou en 1642 con Felipe IV.

O Apóstolo morreu decapitado por orde de Herodes Agripa no ano 43, segundo narran os Factos dos Apóstolos, 12, 1-3: “Polo mesmo tempo, O rei Herodes apoderouse dalgúns da da igrexa para maltratalos. Deu morte  a Santiago, o irmán de Xoán, pola espada. Vendo que isto era grato aos xudeus, chegou a prender tamén a Pedro”. Segundo a lenda, entendendo por tal unha narración fiticia sen fundamento histórico, os sete discípulos rouban o corpo do Apóstolo que Herodes prohibira que se soterrase para que fose comido polas alimañas, e levárono ao porto de Xaffa, onde encontraron, milagrosamente, unha nave sen remeiros nen arrais, (patrón) e preparado para unha longa travesía. Favorecidos por un vento favorábel e sen contratempos, arriban a Iria Flavia, actualmente parroquía do Concello de Padrón. Depositan o corpo nunha rocha que se fundiu, formando un sarcófago no que depositan os restos do Apóstolo provisoriamente, pendentes de buscar un sepulcro definitivo.

Acoden á Señora do Castro Lupario, acrópole de Iria Flavia, a Raiña Lupa, á que piden un lugar para sepultar ao mestre. Nun principio ela remitiunos ao Sumo Sacerdote de Ara Solis, en Duio, Fisterra, Regulus, que os prendeu, sendo libertados milagrosamente por unhas luces que abriron unha porta invisíbel no groso muro onde estaban recluídos, por onde escaparon. Foron perseguidos até o río Támara (Tambre), mais unha vez cruzada a ponte Pías ou de Ons, en Negreira, esta derrubouse ficando a salvo dos seus perseguidores. A Raiña Lupa, entrementes, mandou que lle levasen o corpo á súa presenza, mais cando os soldados intentaron coller o cadáver, elevouse até a altura do Pico Sacro. Retornados os discípulos tras as súas xestións fallidas con Regulus, demandan de novo a Lupa que lles facilitase uns bois e un carro para trasladar os restos ao lugar de soterramento do seu mestre, mais a Raiña enviounos a procuralos ao monte Ilianus (aliás o Pico Sacro), onde, en vez de bois, se toparon con un dragón que amansaron co signo da cruz. Ante estes milagres a Raiña convértese ao cristianismo e ofrécelle o seu pazo como mausoleo, oferta que os discípulos rexeitan por preferir que fose a divina providencia quen fixase o lugar do soterramento, deixando que os bois vagasen sen dirección nin guía. Chegaron a un lugar onde os bois escarbaron e brotou auga, creándose así a fonte do Franco, na rúa deste nome en Santiago, mais non se detiveron senón que proseguiron un pouco máis até o campo Arcis Marmoricis no bosque do Liberdunum, Liberum Domum,  Libredón, onde o sepultaron.

O lugar de soterramento foi relegado ao esquecemento até o ano 813 en que un eremita de nome Paio, viu unhas estrañas luces sobre o lugar e puxo este feito en coñecemento do bispo de Iria Flavia, Teodomiro, e personados no lugar viron un corpo degolado con unha cabeza baixo o brazo. 

Aínda que non é sensato crer estas fabulacións inconsistentes, fantásticas e pragadas de signos milagrosos, para Galiza supuxeron a orixe dunha tradición bonita con notoria proxección tanto cultural como económica. É algo secundario que os factos se inventasen ou fosen reais, porque a vida está baseada no engano, falsidade e ilusión, como se pode ver pola dedicatoria do 25 de decembro como data do nacemento de Xesús, os Reis Magos, a Inmaculada Concepción, etc.

Outra cousa moi distinta é mestura da relixión coa política e a utilización por parte dos políticos para saír na foto e por parte da Igrexa para difundir a súa doutrina a través dos medios. As oferendas ante o Apóstolo son unhas cerimonias anacrónicas na que, moitas veces, políticos corruptos e incompetentes poñen a Santiago como protector e defensor da súa política. En tempos de Franco era sacralizada a política ditatorial e anuladora dos dereitos tanto individuais como colectivos, e agora aproveitan o acto os políticos españolistas para manter o statu quo e oporse a toda política que implique unha reforma da Constitución con obxecto de que responda ás exixencias da cidadanía e que sexa respeitosa tanto dos dereitos individuais como dos colectivos.

A oferente deste ano, por delegación real, Pilar Rojo, afirmou que o fenómeno peregrino e o camiño de Santiago son moduladores de identidade colectiva, e ten razón, mais o problema é qiue non precisa de que tipo de identidade se trata. Isto afírmao unha integrante do Partido Popular que non ten reparos en aplicar unha política negadora dos nosos trazos máis diferenciais, como son a lingua e cultura propias. A tradición xacobea é moito máis adxectiva que o sinal de identidade creado polas luceciñas inmominadas do pobo galego, como é a nosa lingua. A única identidade colectiva que se deriva das peregrinacións é unha identidade relixiosa e se acaso cultural, mais neutra e non especificamente galega.

A Presidenta do Parlamento galego quere que nos inspiremos na tradición xacobea para superar a crise económica, mais os cidadáns pregúntanse se non sería mellor inspirarse en bos economista e en políticos capaces, competentes e honrados, e se, en vez de recorrer á ilustración do Santo, non lles sería mellor que os políticos adquirisen unha preparación intelectual e moral para servir a cousa pública. Tamén pide a Delegada rexia que o Apóstolo interceda polos máis necesitados, quizais porque para botalos na miseria xa se encarga o goberno, tanto autonómico como central. Tamén sería mellor que, en vez de poñer ao Apóstolo a resolver os problemas da solidariedade e da entrega aos servizo público, deixasen de aplicar unha política ultraliberal, insolidaria e inxusta, na que os máis ricos e os que provocaron a crise saen indemnes e os actores pasivos sofren as súas nefastas consecuencias. Eles levan unha política de laminación dos dereitos sociais e identitarios e para os non conformes remítenos á protección do Apóstolo, quizais nun intento de lavar a súa falsa conciencia.

Creo que é hora de suprimir esta antroidada e non mesturar o divino co humano, -para isto xa tivemos bastante con Bush- especialmente importante nun estado non confesional, cunha práctica que lembra a aplicada nas sociedades fundamentalistas islámicas nas que a Sharia ou lei islámica se converte na fonte inspiradora das políticas gubernamentais. Aquí non é a unha lei senón a un santo cristián a quen se demanda inspiración. Non é pertinente que o político, elixido polos cidadáns, de todos os credos e tendencias, se postre de xoellos ante os representantes dun determinado credo, ante o poder relixioso, facendo a súa apoloxía, aproveitando este a ocasión para interferir no devir político condicionando as medidas que debe aplicar o gobernante, como estamos a ver pola presión exercida pola Conferencia Episcopal para cambiar as leis para que encaixen na forma dos seus estreitos zapatos.

Todas as relixións e todos os credos son merecedores de respeito mais non debe ningún deles erixirse en monopolizador da formación da conciencia e da sensibilidade cidadá.