17 dic 2012

I Congreso de Compromiso por Galicia (e 02)

Quo vadis Compromiso?
Compromiso por Galicia celebrou o 16/12/2012 o seu I Congreso Nacional no que decidiu definirse como un partido galeguista, progresista e socialdemócrata renovado ao tempo que acordou buscar solución aos problemas socio-económicos desde a esquerda. 

Que significa galeguista? Ninguén, que eu saiba, concretou o seu significado e creo que representa un retroceso a unha etapa anterior á formación do nacionalismo galego, no ano 1918 coas Irmandades da Fala, pois xa na I Asemblea Nacionalista celebrada en novembro dese ano en Lugo, aproban a seguinte declaración: "Tendo a galicia todas as características esenciais da nacionalidade, nós nomeámonos de hoxe para sempre nacionalistas galegos". Rompían deste xeito co rexionalismo do século XIX de Murguía, Brañas, etc. Agora Compromiso vén equiparar a súa denominación coas do PP, PSOE, EU, etc., que non lle fan ascos a esa palabra morna e inclusive a utilizan profusamente nos seus textos, incluída a súa definición, que por veces adubían con cualificativos, como equilibrado, integrador, etc. A palabra progresismo é tamén outra palabra de significación etérea e na que se pode meter todo, e tampouco lle fan ascos o PP e PSOE. Con todo, estas denominacións aínda se poderían aceptar como un mal menor por unha persoa que se considera de centro, mais o que non lle sería asumíbel é que se declare socialdemócrata e de esquerdas. Tamén o BNG de Beiras, no seu apoxeo, se ten denominado así, e ninguén pode pretender que fose un partido de centro. Por outra parte, isto deixa fóra todo o espectro liberal tanto na vertente conservadora como progresista. Na teima contra o liberalismo, os relatores do Documento Político, non só condenan o ultraliberalismo, o cal considero que é acertado e obrigado, senón tamen o neoliberalismo, deixando fóra as persoas que se moven na órbita do PNG e moito máis a partidos como Terra Galega, ou sexa, o liberalismo progresista e conservador. 

A min non me asusta o termo de socialdemócrata e inclusive podo afirmar que me identifico co que representa, mais os que entramos nun partido político a unha idade en que xa non temos aspiracións de ocupar postos senón por puro altruísmo e para normalizar o pais, que non dispon dun partido asentado na centralidade política, non podemos militar impasíbeis nun partido -outro máis- que se sitúa na esquerda, tendo como competidores principais a PSOE, BNG, AGE, e, por tanto, para loitar por un espazo minúsculo. Antes de entrar en Compromiso por Galicia, xa lle manifestara a Xoán Carlos Bascuas, que se se decidía apostar por unha organización asentada na centralidade política eu estaba disposto a poñer o meu gran de area. Bastaron algúns indicios para que me apuntara ao proxecto para intentar desde dentro camiñar nesa dirección, puxen en coñecemento de Compromiso os meus puntos de vista, mais decidiuse optar por un posicionamento de esquerdas, polo que eu, aos meus anos, non estou disposto a loitar, mais sobre todo, porque creo que non é o que necesita a Galiza. O meu obxectivo nunca foi disputarlle o seu espazo ao BNG e á Nova, senón mermar a fortaleza do PP, que cos resultados do Congreso saíu totalmente indemne e máis fortalecido.

Deséxovos que vos vaia moi ben, aínda que presaxio nubarróns no horizonte para unha organización con tan pouca implantación social, con escaseza de cadros, con problemas de financiamento, con un referente menor de idade -non falo en sentido biolóxico- e con unha competencia voraz por ocupar un espazo moi reducido. O futuro parece que non pode ser outro que o de ser absorvidos por outro partido nacionalista, como BNG ou AGE.

A nivel persoal, contade coa miña simpatía e apoio.

11 dic 2012

A des-Unión Europea e a democracia (e II)


Unha entidade política que se chama unha «Unión» debe procurar a cohesión e a solidariedade entre os seus membros, actuar nun clima de confianza mutua, ser útil tanto en épocas de bonanza como en épocas de crise, dotarse dos instrumentos precisos para solucionar os problemas dos sometidos á unidade e, nas sociedade asctuais, fundamentar o exercicio do poder na lexitimidade democrática en todos os seus membros. Nada disto se dá dun xeito satisfactorio na UE.  
 
Non se camiña na vía da cohesión e a solidariedade, senón no contrario. Non se fomenta a cohesión, ou sexa, a harmonía, a ligazón entre as partes, cando se ve que todos os países se moven por intereses económicos egoístas estatais, cando se impón a nivel social un puro darwinismo económico de supervivencia dos máis fortes. Non se fomenta a cohesión cando a actuación se guía pola tendencia á inflación do propio ego nacional e á desvalorización dos demais: nós somos os bos e os puros e os demais uns falsos, vagos e mentirosos. Non se dá solidariedade cando uns países se ven obrigados a financiarse ao seis por cento mentres que outros o fan ao cero por cento ou a xuros negativos. O que é máis grave, estamos vendo como algúns dirixentes acaparan votos nos seus países precisamente por mostrarse duros e implacábeis cos que teñen problemas, como é o caso de Merkel, que parece ter as eleccións gañadas por meter en cintura a todos os países en crise. Non se fomenta a cohesión e a solidariedade cando algúns países teñen un desenvolvemento moi aceptábel economicamente mentres que outros se están empobrecendo até límites insospeitados, como é o caso dos países da periferia de Europa.  

Tampouco existe confianza mutua entre os países, e nin sequera valen os compromisos escritos; só valen os factos reais, e non a palabra nin eventuais xustificacións razoábeis de incumprimento, e a imposición. Non deixa de ser sorprendente que non se atenda a petición do goberno español que quere que, antes de pedir o resgate, se lle diga cales serían as condicións a que se vería submetido o país. Primeiro hai que pedir o resgate e despois xa se verá se se concede e en que condicións. Fixémonos o que pasou co resgate bancario. Os dirixentes europeus insistiron unha e outra vez que non habería condicionamento a outros ámbitos da economía, mentres que unha vez pedido, obrigouselle a que puxese en práctica todas as recomendacións da UE. Imaxinemos o absurdo deste proceder se o comparamos co modo de actuación noutros ámbitos, inclusive nos que se guían por normas leoninas como son os bancos. Se alguén necesita un empréstimo, todos aceptarían que ten dereito a que o banco lle diga de antemán cales serían exactamente as condicións a que se vería submetido se o pide. No caso de Europa, iso non vale. Primeiro un pede e despois fíxanche as condicións. Non se actúa nun clima de confianza e solidariedade cando, por intereses puramente egoístas, se reitera unha e outra vez, a negativa á mutualización de calquera tipo de débeda soberana, por máis que se vexa que iso produce paro, miseria, tensións sociais, desapego por Europa, etc. nos países máis débiles, e inclusive risco de que a desaceleración da economía contaxie ao poderoso. 

Non se cumpre tampouco o requisito da utilidade tanto en épocas de bonanza como de crise. Mentres houbo bonanza, todo marchou sobre rodas, mais bastou que nos afectase a crise financeira dos EEUU de América para que se vise claramente que o deseño da UE non vale cando os países teñen problemas, que é, por outra parte, cando máis se necesitaría o seu escudo. O proxecto euro só se mantivo indemne durante cinco anos, do 2002 para o 2007, pois a partir desa data sumiunos, desde hai máis xa de cinco anos, nunha das maiores crises económicas da historia, senón a maior. Millóns de persoas en paro e sen futuro, pobreza, fame, pesimismo, etc. eis o resultado para as vítimas do novo fetiche que é a moeda única, parida con un deseño deficiente por impulso de políticos europeos que se demostraron incompetentes até límites insospeitados. Agora din que necesitan unión bancaria, unión fiscal, etc. mais non son capaces de pór en marcha nin unha nin outra, a pesar de ter xa aprobado estas medidas en xuño de 2012.

Esta Europa non funciona, porque non foi capaz de dotarse dos instrumentos pertinentes para a solución de problemas: a tomada de decisións é sumamente lenta, a reforma dos tratados un auténtico viacrucis, os egoísmos estatais só procuran sacar tallada do pastel europeu á custa dos demais, os nacionalismos dos estados non queren ceder competencias, aínda que estarían sumamente satisfeitos se os fixesen os veciños. Cando poñen en funcionamento un organismo que vén funcionando nos estados, como o BCE, desvirtúan as súas regras dde funcionamento e convérteno en inoperativo para a Unión, de tal modo que uns países que se desprenderon do instrumento económico dos seus bancos estatais, agora observan como o BCE non atende as súas necesidades de financiamento e de control da prima de risco.

A Europa actual tampouco é democrática no seu funcionamento. Algúns dos principios básicos na democracia representativa son o da representatividade dos cargos electos e o da responsabilidade dos gobernantes ante os gobernados, que non se cumpren na UE. A nós convídannos a votar representantes que non teñen poder, ou que é case simbólico, pois o poder non está na UE no Parlamento Europeu, senón no Consello da Unión Europea, formado polos chefes de Estado e de Goberno dos países membros, que é quen ostenta o poder real, mais como o poder político de turno está ligado ao poder económico, que, no momento presente, o acapara Alemaña, hoxe en Europa quen manda é este país, e os demais son puros comparsas do que se decida en Berlín. De tal xeito que para saber se algunha medida sairá adiante hai que auscultar primeiro que é o que pensa Merkel, pois ningunha medida ten posibilidade de prosperar coa súa oposición. Ora ben, ante quen responde Merkel? Única e exclusivamente ante o electorado alemán, que é o dono e señor dos destinos de Europa, e tráeo sen cuidado o que pense o votante español, portugués, italiano, etc. ou sexa, moito máis da metade dos cidadáns europeus. O ministro federal alemán de finanzas, Wolfgang Schäuble, propuxo o 30/10/2012, a elección directa do Presidente da Comisión Europea, cargo que desempeña actualmente Durao Barroso, mais isto sería unha solución trampa, pois o poder real na UE non o ostenta a Comisión, que é mero apéndice do Consello da UE. O que si tería unha importancia decisiva sería o nomeamento por elección directa dun auténtico Presidente da UE ou dun auténtico Presidente do Consello Europeo, cargo que, neste momento, con atribucións moi moi mermadas, é ostentado por Herman Van Rompuy, mero títere dos Chefes de Estado e de Goberno de Europa e, en definitiva, da grande deusa europea, Angela Merkel. Esa elección directa do Presidente dotaría a este dunha autoridade e dunha lexitimidade da que hoxe carecen as institucións da UE se for dotado das atribucións necesarias para un exercicio efectivo do poder europeo, e que este deixe de ser exercicio do poder de Alemaña en Europa.        

6 dic 2012

Vida de Xesús de Bento XVI (02)

Noción da relixión

Imaxe animista
Imos dar, en primeiro lugar, unha definición de relixión dun teólogo católico, o xesuíta M. Nicolau, que se pode considerar como expoñente do sentir da oficialidade da Igrexa Católica ao respecto. “Este vínculo moral, ou sexa por obra do entendemento e da vontade, que une todo home con Deus, chamámoslle relixión”1. Divídea en obxectiva e subxectiva. “Se a relixión se considera obxectivamente, ou en si, é o conxunto de verdades, oficios e ritos, polos que o home se liga a Deus e recoñece a súa suprema excelencia e dominio. Se a relixión se considera subxectivamente, quer dicirk, como está no suxeito, comprende os actos do entendemento e vontade dalguén polos que recoñece teórica e practicamente a súa dependencia do ser supremo”2. Esta definición é moi restrita, pois, en primeiro lugar, só se aplicaría á relixión monoteísta. En segundo lugar, reduce o ser humano a entendemento e vontade, deixando fóra toda a esfera dos sentimentos, emocións , etc., polas cales o crente entra en relación coa divindade. En terceiro lugar, a partir só dos actos do entendemento e vantade non se pode dirixir todo o home a Deus. Se o humano é tamén sentimento, ten que dirixirse tamén a Deus a través del.

En 1871, o antropólogo inglés Edward Burnett Tylor (1832 – 1917), deu unha definición de relixión dun alcance moito máis universal: “a crenza en Seres Espirituais”. A esta crenza chamoulle animismo, e estaría constituído polos dous dogmas seguintes: a) o home ten unha alma que continúa pervivindo despois da morte, e b) existen seres espirituais personalizados. Esta concepción debeu ser tomada, segundo el, dunha experiencia universal, cal é o feito de que, cando unha persoa morre, parece como se algo a abandonase, e, cando un home soña, mentres o seu corpo dorme, a alma parece andar vagando por diversos lugares. Tal sería a fonte e a orixe de todas as relixións. Esta definición foi criticada por considerar que parte dunha idea intelectualista da alma para explicar a orixe das relixións, mais como di o antropólogo estadounidense Herkovits (1895 – 1963), coñecese bastante “da psicoloxía da cultura como para rexeitar calquera solución que supoña que o home resolve intelectualmente os problemas do universo. En relixión, como en calquera outro aspecto da tradición, o poder dos impulsos emocionais condicionados é tan forte que o pensamento racional tende, polo xeral, se non sempre, a «racionalizar» en lugar de explorar”3.

O etnólogo británico Robert Ranulph Marett (1866-1943) sostén, en contra da tese tiloriana, que hai pobos que non cren en seres espirituais e, non obstante, teñen ideas relixiosas baseadas nunha forza cega,  indiferenciada, impersoal, chamada «mana» entre os melanesios, «wakanda» entre os indios sioux, «orenda» entre os iroqueses, «manitou» entre os algonquinos, etc., semellante ao noso concepto da sorte. Este poder adhírese a persoas e cousas e conférelle grande reputación a quen o posúe. O seu modo de actuación
comparouse coa electricidade e, como ela, pode ser dirixido e empregado para alcanzar o fin que se desexa. A esta concepción deulle Marett o nome de animatismo e, segundo el, tería precedido ao animismo e constituiría a forma máis primitiva da relixión. 

O escritor escocés Andrew Lang (1844-1912) rexeita o animismo por considerar que existen pobos que adoran seres que non poden considerarse como aplicacións ou exaltacións da alma humana. Para el a relixión máis primitiva tería sido o monoteísmo, ou crenza nun ser superior, da que se terían derivado, por dexeneracióm, as restantes formas relixiosas. Con este autor coincide a maior parte dos teólogos cristiáns. Ao seu favor tería o relato do Xénesis que fala desde un principio dun único deus so diversos nomes como Elohim, Yahvé, Elohim-Yahvé, e en fases históricas posteriores atribuiron as desgrazas do pobo hebreu ao
pecado de adorar a deuses varios. Esta posición é, a todas luces, insustentábel.

Coa idea de mana está emparentada a de fetichismo ou, segundo Lucy Mair (1901 – 1986), o “culto dos obxectos materiais que se supoñen dotados dun poder inherente”4. Segundo este antropólogo británico “O fetichismo entra dentro da definición que Tylor fai da relixións, dado que os obxectos aos que se fan ofrendas suponse que conteñen algunha clase de espírito, embora non se trata dun ser personalizado”5. 


O fundador da psicanálise, o psicólogo austríaco Sigmund Freud (1856-1939), explicou a natureza da relixión a partir da idea de pai existente na mente do meniño. O pai é para este un ser todopoderoso que remedia as súas necesidades e que, por extensión, pode non só subvir as necesidades do infante senón tamén facer todo o que quere. Frente a el, o meniño é o indefenso, desvalido, o desprotexido, o dependente. Na vida do adulto hai momentos nos que se sente desbordado por sucesos ou acontecementos que non pode controlar ou frente aos cales non pode facer nada, e entón experimenta unha regresión, típica de toda clase de neurose, a unha idade infantil en que o pai viña na súa axuda. O seu concepto de pai, sublimado, atribúello a un ser que existe nas alturas, que está disposto a axudalo e ao que implora protección e auxilio. Non cabe dúbida de que, en grande parte, a orixe e revitalización da relixión se debe a reaccións psicolóxicas ante as forzas incontroladas e incontrolábeis da natureza.

Para o sociólogo francés, Emile Durkheim (1858-1917), “a relixión é unha metáfora da sociedade mesma ou, para dicilo de forma máis exacta, das condicións máis indispensábeis da vida en sociedade”6. Para el a función da relixión non é a de subministrar unha explicación do mundo, senón a de servir de norma moral, de fonte de fortaleza para poder actuar correctamente. Tal sería precisamente a función do ritual. A personificación da sociedade sería o ser ao que se dirixen os crentes. Durkheim relaciona estreitamente relixión e sociedade de tal xeito que, para el: “Os símbolos relixiosos van unidos a miúdo aos grupos sociais, de forma que ao estudar a estrutura dunha sociedade hai que preguntarse que grupos forman unidades rituais, e cando se estuda o ritual hai que preguntarse en que formas ou estatus de determinadas persoas ou grupos se reflite nos roles rituais que se lle destinan”7. A relixión ocuparase dun reino de obxectos e prácticas diferentes e apartadas dos obxectos e prácticas da vida cotidiana, que constitúen o reino do sagrado, en contraste coas que forman o reino do profano. Isto permítelle a Durkheim definir a relixión como: “Un sistema unificado de crenzas e prácticas relativas ás cousas sagradas, quer dicir, ás cousas arredadas e prohibidas, crenzas e prácticas que unen nunha única comunidade moral, chamada igrexa, a todos cantos se adhiren a elas”8. 

Nos nosos días as pretensións de lograr coñecer a orixe das relixións son máis modestas. Como di Herskovits, “Unha vez máis temos que destacar a futilidade da investigación da orixe absoluta de calquera elemento non material da cultura, ou a de buscar explicacións sinxelas das complexidades do costume. O animismo constitúe unha parte importante da visión do mundo de tantos pobos, que resulta convincente consideralo como o mínimo irredutíbel da crenza até que non se teñan examinado todos os factos. Os deuses superiores e os seus seres complementarios encóntranse en culturas simples e en culturas complexas, mais outros moitos xéneros de crenzas encóntranse asociados a eles. As categorías de animatismo, animismo, politeísmo e monotísmo son importantes como calsificación de fenómenos relixiosos, mais non indicativos da marcha do desenvolvemento”9. Herskovits esfórzase en achar o mínimo común denominador que se poda aplicar a todas as relixións e cre encontralo na definición seguinte: “Relixión é a crenza en, e identificación con, unha forza ou poder maiores”10, e precisa, a seguir, que entende por forza ou poder maiores. “A forza ou poder maiores, que existen para garantir a orde e a protección na vida do individuo, poden ser un ser ou seres sobrenaturais, unha forza impersoal, ou un concepto tal como sociedade ou ciencia”11. Mais esta definición tan ampla xa nos arreda do que normalmente se entende por relixión ou por deus. Considera Herskovits que os actos especificamente relixiosos non se dan, na secularizada sociedade euroamericana, somente no dominio do sagrado senón que tamén se manifestan noutras áreas como na fe produnda no progreso científico e técnico, na dedicación á ciencia experimental, na identificación con ideais políticos, patrióticos, revolucionarios, etc. O que caracteriza os actos relixiosos é o seu carácter esencialmente emocional e non o sobrenaturalismo nin o estado de trance, xa que estes non son  manifestacions universais do fenomeno relixioso. Nós consideramos que é pecar de parcialidade reducir a relixión ao seu aspecto emocional, descuidando formas superiores da mesma en que a emoción pode estar ausente e darse simplemente unha adhesión intelectual, razonada, sen manifestacións máis ou menos sentimentaloides. A solidariedade cultural dos asistentes ao acto relixioso, a súa común identificación coa celebración relixiosa, o clima creado no entorno, a atmosfera que se respira, ... costuman reavivar sentimentos e emocións. O home que confesou as súas faltas, que permitiu aflorar á conciencia os seus actos pecaminosos, séntese aliviado, rexenerado pola abreación, pola catarse, mais en todos estes casos trátase de procesos psicolóxicos colaterais ao acto relixioso que non se identifican plenamente con el.
 
Que é pois a relixión? Como definila? Certas reducións ao mínimo común denominador chegan a vaciar tanto de contido a definición da relixión que se converte en algo neutro e inexpresivo. As diferenzas entre as diversas formas relixiosas son tan acusada e profundas que é preferíbel renunciar a dar unha definición esencialista da mesma e referirnos a ela como como o obxecto da actividade dos homes relixiosos, independentemente das súas diversas manifestacións. A relixión é unha expresión da esencia carencial da natureza da persoa, tanto individual como social, e un instrumento para a satisfacción das necesidades, pulsións, intereses e proxectos individuais e grupais, inalcanzábel por outras vías. Normalmente é característico de todas as relixións, acoutar un campo propio de actuación, que é o ámbito do sagrado. A presenza da relixión dáse en practicamente todas as sociedades e todas as épocas, o cal indica que obedece ao modo de ser connatural das persoas. Crese independentemente dos fundamentos racionais da fe obedecendo máis ben a pautas de actuación de grupo. Esta fe vese favorecida pola ignorancia no funcionamento das leis e fenómenos naturais. É moito máis fácil que un acuda á súplica a un ser espiritual ou a un meigo demandando unha curación se ignora o funcionamento do organismo humano que en caso contrario. O entendido en medicina pode, porén, actuar maxicamente cando actúa noutro ámbito, e así ese entendido en medicina será quizais un practicante do culto ao deus solar ou ao da crescida do Nilo.





Xenealoxía dos deuses gregos
De entre as pulsións e necesidades humanas unhas son universais e comúns a todos os individuos e grupos humanos e outras privativas dunha comunidade determinada ou dun grupo ou estamento social. O grupo que apoia o faraón pode estar interesada en promover unha deidade que o protexa dos perigos, mentres que isto non se dará nunha sociedade laica onde a loita polo poder político estea regulamentada. Igualmente, se unha sociedade depende das crescidas do Nilo, é moi probábel que cre unha divindade para este fin, mentres que noutras non tería cabida. Isto determina que en todas as relixións existirán divindades e mecanismos para satisfacer esas necesidades e pulsións primarias, mentres que as demais serán privativas de determinadas relixións sociedades. En todas as sociedades existe un deus ou un santo protector do grupo. A virxe do Rosario é a patrona da Coruña; a virxe da Franqueira é a patrona de Galicia; a virxe do Pilar é a patrona de España. Ao mesmo tempo, cada pobo ten o seu patrono: Carballo, San Xoán Bautista; Santiago, San Roque; Galicia, o apóstolo Santiago, etc. Alén diso, cada individuo ten o seu anxo custodio, o anxo da guarda. A defensa do grupo é dunha importancia vital para a súa pervivencia a través do tempo, e daí que en todas as sociedades existe un deus ou un santo da guerra ou do exército que vela pola conservación do grupo. No Estado español, o patrono dos militares é o arcanxo San Miguel; en Grecia, era o deus Ares; en Roma, Marte, etc. San Mauricio é o patrón da infantería en Francia, mentres que en España é a Inmaculada Concepción. En caso de guerra é de supor que os españois sempre gañarían polo maior rango do seu protector. O deus dun grupo vaino defender frente ao deus dos outros grupos, pois todos eles son caseiros, e cada grupo pídelle o que lle beneficia aínda que iso prexudique aos demais. Como dicía Epicuro (341 a. C. - 270 a. C), se os deuses atendesen as demandas dos crentes xa hai tempo que todos se terían destruído mutuamente. Outra das necesidades vitais para un grupo é a satisfacción das necesidades alimenticias da populación, e, por conseguinte, tamén se espera que todo grupo se dote dun deus protector da vexetación ou da agricultura en xeral. No caso de Grecia é Deméter, no de Roma, Ceres, e no de España, Santo Isidro. Todo grupo ten que dar saída á satisfacción das pulsións sexuais, e daí que todo grupo se dotará dun deus do amor, no caso de Grecia, Afrodita e Eros, e no de Roma, Venus e Cupido. A relixión católica, a pesar do seu puritanismo no referido ao sexo, tamén se dotou do seu Valentín, para cubrir este campo. É igualmente vital para a reprodución do grupo, que as mulleres conciban e se decidan a ter fillos e por tanto as relixións tamén se dotarán de protectores da fertilidade, dos nacementos e da infancia. ... A relixión cristiá non ten, que eu saiba, ningún santo protector da Lúa, nin de planetas como Mercurio, Venus, Xúpiter, etc. porque sería rendir culto a ídolos, mais si ten unha inflación de santos protectores de todas as incidencias que un pode ter na vida. Un santo non é un deus, senón que ten un estatus inferior, pois só pode actuar só a licenza e o poder do único Deus.
 
As relixións e os deuses son un invento humano, entendido non tanto do ser humano como individuo mais como ser social, como ser que vive nunha comunidade de humanos cos que compartilla esforzos, sacrificios, praceres, honras, destino, ... . Como dixeron Feuerbach (1804 – 1872) e Nietzsche (1844 – 1900), non son os deuses quen crean os homes senón que son os homes quen crean os deuses e as relixións. Xa no século VI a. C, o filósofo eleático Xenófanes de Colofón afirmaba que os deuses foron ideados e modelados ao modo humano. “os mortais imaxinan que os deuses foron xerados e que teñen vestuario e fala e corpos iguais aos seus”12. "Os etíopes din que os seus deuses son negros e con nariz achatado, os tracios, que os seus teñen ollos azuis e cabelo ruibo"13. Pode dicirse que "se os bois, cabalos e leóns tivesen mans e se, con esas mans, puidesen deseñar e producir obras de arte, como fan os homes, os cabalos deseñarían as formas dos deuses semellantes ás dos cabalos, os bois semellantes ás dos bois, e farían os seus corpos cada tal como cada un deles o ten”14.
 
As relixións apelaron á noción de Deus creador para solucionar os problemas para o cales a ciencia non tiñá até o presente unha solución alternativa. Cando a astronomía se guiaba polo sentido común, era unha explicación plausíbel o relato que nos oferece a Biblia de que Deus creou o mundo en seis días e que o planeta Terra ocupaba o centro do Universo. De aí as condenas eclesiais contra Copérnico (1473 – 1543) e Galileo (1564 – 1642) por atreverse a desafiar ao Espírito Santo, pois a Biblia afirma que é o Sol quen se move, ao afirmar que quen se movía era a Terra e non o Sol. Era igualmente lóxico que cando non se coñecía como puido orixinarse a orde cósmica, Sir Isaac Newton (1642 – 1727) afirmase que o Universo non pode ter xurxido a partir do caos polas meras leis da natureza, porque a orde non pode vir da desorde. Isto reforzaba o argumento da necesidade dun ordenador, creador da orde existente no mundo, aducido para probar a existencia de Deus. Igual que un reloxio necesita un reloxeiro, a orde do mundo necesita un Deus. Por outra parte, tamén apoiaba o mito bíblico de que o universo foi creado para solaz do home, ser supremo da creación e habitante dun planeta único que Deus puxo ao seu dispor. Non había posibilidade de interpretar a orixe do mundo doutra maneira, logo era necesario un Deus creador, ou sexa, o manido recurso ao deus ex machina do teatro greco-romano. 

Os traballos realizados por Alexander Friedman (1888 - 1925) no ano 1922 e por Georges Lemaître (1894-1966), no 1927, utilizaron a teoría da relatividade de Albert Einstein (1879 – 1955) para demostrar que o universo estaba en movemento constante. Logo esta teoría da expansión constante do Universo foi adoptada polo astrofísico  ucraíno-estadounidense G. Gamow (1904-1968), que foi quen a popularizou e sería baptizada con este nome polo seu grande detractor, o astrónomo inglés Fred Hoyle (1915-2001). Hoxe é a teoría preferida dos astrofísicos e astrónomos, especialmente despois de terse verificado a radiación de fundo emitida no momento da explosión por R. Wilson e Arnold Penzias no ano 1964 e confirmada na década dos noventa do século XX polas medicións do satélite estadounidense Cobe. Segundo esta teoría, a partir dunha singularidade, dun punto de materia e antimateria constituído por un plasma caótico, supercondensado, aquecido e desordenado, no que as leis da Física non tiñan validez, orixinouse unha expansión que dá lugar ao espazo, tempo e a materia enerxía. Por conseguine, a partir da desorde orixinouse a orde. Mais a relixión refuxiouse outra vez na ignorancia da causa produtora do Big Bang e postulou que foi Deus quen lle deu o impulso a esa explosión.

O grande físico e cosmólog inglés Stephen William Hawking (1942 - ) dá un paso máis e vén demostrar que a hipótese de Deus non é necesaria para explicar a orixe do universo, e, por tanto convértese en redundante, pois este é consecuencia inevitábel das leis da física, sen ningunha intervención dun ser sobrenatural. O universo puido crearse a si mesmo e, por conseguinte, do nada, e puido surxir do caos, en contra do que afirmaba Newton, e non pode sosterse que a terra fose preparada por Deus para ser o habitáculo humano. "Dado que existe unha lei como a da gravidade, o universo puido crearse a si mesmo do nada, como así ocorreu. A creación espontánea é a razón de que exista algo, en vez do nada, de que o universo exista, de que nós existamos. Non é necesario invocar a Deus para que acenda a mecha e poña o universo en funcionamento". Se a evolución fixo redundante a hipótese de Deus para a creación da vida, as novas teorías da física fana desnecesaria para crear o universo. “Ao igual que Darwin e Wallace explicaron como o aparentemente milagroso deseño dos seres vivos podía surxir sen intervención dun ser supremo, o concepto de multiverso pode explicar a evolución das leis físicas sen a necesidade dun creador benevolente". Como non existe Deus, tampouco existe paraíso nin inmortalidade. Iso é un conto de fadas de xente que ten medo a morrer. "Eu considero o cerebro como unha computadora que deixará de funcionar cando fallen os seus compoñentes. No hai paraíso ou vida despois da morte para as computadoras que deixan de funcionar, ese é un conto de fadas de xente que lle ten medo á escuridade".

Igualmente, mentres non se coñeceu a moderna teoría evolucionista as relixións apelaron ao creacionismo para explicar a orixe dos seres vivos incluído o ser humano, creado á parte e e como ser único por Deus. O naturalista inglés Charles Robert Darwin (1809 – 1882) e o biólogo galés Alfred Russel Wallace (1823 – 1913) conmocionaron ao mundo ao propor unha explicación da orixe do ser humano na que non era necesaria o recurso a un deus creador, mais como esta teoría colidía frontalmente coa doutrina creacionista do ser humano e en especial da súa alma, entón as relixions, forzadas a admitir o parentesco cos animais e a súa procedencia deles, refuxiose na teoría creacionista da alma, que non pode ser refutada por contrastación empírica. Continuaba mantendo a teoría creacionista da alma, apelando a un deus ex machina, a pesar da súa nula base científica e da súa gratuidade.

Outro indicio de que son os homes os que crean a relixión e os deuses é a variación na noción de Deus que se dá nas diversas sociedades e inclusive na mesma sociedade no decurso do tempo. Nas sociedades máis pequenas, as sociedades de bandas, que son sociedades nómadas, igualitarias dedicadas á pesca, caza e recolección, e nas que non existe mando formal, un mando permanente, non existe un caudillo ou xefe que dirixa o grupo, iso tamén se refletirá na representación da divindade. Como afirma o antropólogo estadounidense Elman R. Service (1915-1996), “Unha sociedade de bandas é unha sociedade altamente persoal, e o mundo dos espíritos áchase así altamente individualizado. A sociedade de bandas é tamén igualitaria, e isto reflítese no mundo dos espíritos pola correspondente falta de hierarquía entre eles”15. Pola súa parte Marshall Sahlin oferécenos o seguinte relato da evolución de Deus: “Cando eramos nómadas gandeiros, Deus era o noso pastor. Nós eramos o seu rabaño e El estabelecíanos en verdes pastaxes e conducíanos xunto ás augas mansas. Cando eramos servos e nobres, Deus era o noso rei. Sentado maxestuoso no trono celestial, o seu báculo de pastor convertérase nun cetro adornado con pedras preciosas: soberano de monarcas feudais, inclusive do príncipe do mal, o seu pendenciador barón. Mais a maioría de nós eramos camponeses e o noso benestar e a nosa xustiza non estaban xa nos verdes prados.¡, senón na terra. E queriamos posuíla. Queriamos herdala. Hoxe somos homes de negocios, e o Señor é o noso asesor mercantil. Leva un libro maior para todos nós, onde rexistra as nosas boas obras en negro e os nosos pecados en vermello. O Señor leva un contabilidade por partida dobre. Inscribe o nome en bonitas columnas. E cando o grande negociante feche a nosa conta, aos que presenten saldo acredor pagaralles dividendos eternos; mais aqueles que malgastasen a súa vida..., pasarán a poder do demo”16.

Se fose Deus quen crea o home e o mundo, as relixións deberían concordar na noción da divindade e no modo de realizar o acto creativo, mais non é así senón que, pola contra, existe moi pouco parecido entre o Deus creador cristián e o Deus creador platónico, plotiniano, Enlil, Atón ou Hefesto. Igualmente a noción da divindade creadora que Deus revela aos homes coincidiría no cristianismo, islamismo e xudaísmo, o que non é o caso. Imaxinemos que un xuíz lle pregunta a varias testemuñas quen cometeu o homicidio de A, e que, por unha parte, estas non se poñen de acordo nin como o fixo nin como era a persoa que o fixo, e, por  outra parte, outras testemuñas presente afirman que non foi ningunha das persoas que foron acusadas polos outros. Evidentemente, o veredito non pode por menos de ser de inocencia. No caso da creación por parte de Deus pasa igual. As relixións e os filósofos non se poñen de acordo nin se foi creado o mundo nin como se creou, e, por tanto, a afirmación de que foi creado e dunha determinada maneira, aparece como algo gratuíto. 


Divindades en diversas relixións







1. NICOLAU, M., Sacrae Theologiae summa, I, BAC, Madrid, 1952, p. 69.
2. NICOLAU, M., Sacrae Theologiae summa, I, BAC, Madrid, 1952, p. 69.
3. HERSKOVITS, MELVILLE JEAN, El hombre y sus obras, Fondo de Cultura Económica, México, 1974, p. 381.
4. MAIR, LUCY PHILIP, Introducción a la antropología social, Alianza Editorial, Madrid, 1975, p. 208.
5. MAIR, LUCY PHILIP, Introducción a la antropología social, Alianza Editorial, Madrid, 1975, p. 208.
6. MAIR, LUCY PHILIP, Introducción a la antropología social, Alianza Editorial, Madrid, 1975, p. 214.
7. MAIR, LUCY PHILIP, Introducción a la antropología social, Alianza Editorial, Madrid, 1975, p. 215.
8. MAIR, LUCY PHILIP, Introducción a la antropología social, Alianza Editorial, Madrid, 1975, p. 215-216.
9. MAIR, LUCY PHILIP, Introducción a la antropología social, Alianza Editorial, Madrid, 1975, p. 388.
10. MAIR, LUCY PHILIP, Introducción a la antropología social, Alianza Editorial, Madrid, 1975, p. 413.
11. MAIR, LUCY PHILIP, Introducción a la antropología social, Alianza Editorial, Madrid, 1975, p. 413.
12. CLEMENTE DE ALEXANDRÍA, Stromata, V, 109, 2.
13. CLEMENTE DE ALEXANDRÍA, Stromata, VII, 22, 1.
14. CLEMENTE DE ALEXANDRÍA, Stromata, V, 109, 3.
15. SERVICE, ELMAN R. Los cazadores, Editorial Labor, Barcelona, 1973, p. 83.
16. SAHLIN, MARSHALL D., Las sociedades tribales, Editorial Labor, Barcelona, 1972, p. 151
.

(Continuará)

5 dic 2012

ETNOCIDIO


Nalgúns pobos predomina unha grande conciencia da súa identidade mentres que outros desdebuxarona en grande parte; nalgúns pobos predomina unha grande conciencia da súa autoestima e do que representan no mundo en comparación con outros pobos, mentres que noutros predomina un sentimento difuso de autoodio, menosprezo ou indiferenza de si mesmos; nalgúns pobos predomina unha conciencia de que teñen un futuro de seu, un futuro propio, aínda que interconectado cos demais, mentres que outros déixanse ir ao albur dos acontecementos; nalgúns pobos predomina a conciencia da súa diferenza e do seu ser propio e peculiar mentres que outros non desdeñan véren diluído e homoxeneizado o seu ser no magma uniformista de turno; algúns pobos teñen algo que dicir ao mundo, contribuíndo á diferenza enriquecedora dentro da harmonía global, mentres que outros son pobos anodinos e sen historia propia. Nalgúns pobos predomina a conciencia de que deben decidir o seu futuro, mentres que outros permiten ou déixanse levar polo que decidan outros; nalgúns pobos predomina o amor ás tradicións patrias e matrias, ás tradicións que nos transmitiron os nosos pais e nais, embora abertos a novas contribucións culturais, mentres que outros venden a herdanza recibida por un prato de lentellas, imitando o comportamento de Esaú. Nalgúns pobos predomina a conciencia lúcida e esperta mentres que noutros predomina unha conciencia adormilada; algúns pobos saben traducir os seus valores e a súa diferenza nunha alternativa política que os reafirma e reforza, mentres que outros non acaban de achar o que lles convén e parecen camiñar ininterruptamente cara a súa autodestrución. Son, neste respecto, pobos masoquistas ou pobos escravos, como adoptaban dicir os irmáns da fala. Esa predominancia nunha colectividade de valores como a autoidentidade, autoestima, autodeterminación, autoorgullo, autolucidez, diferenciación, sagacidade e habilidade políticas, etc. constitúe o que chamamos alma colectiva dun pobo, que ao igual que pasa na persoa humana individual, vese contrarrestada por forzas disruptivas, disgregadoras, que poden reafirmar o propio ser ou, en caso negativo, terminar por afogalo. O pobo catalán e o vasco teñen unha grande alma propia; son pobos moi diferenciados e moi lúcidos, mentres que o pobo galego ocupa un posto inferior na escala de personalidade colectiva.

O ministro de Educación , Cultura e Deporte, José Ignacio Wert, acaba de presentar un proxecto de lei polo cal quere matar a alma colectiva dos pobos nacionais do Estado español, Catalunya, Euskadi e Galiza, españolizándoos e, por tanto, estendendo agora á  nación catalana o que veu facendo o Presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijoo, na Galiza. O Partido Popular, inspirado na FAES (Fundación para el análisis y estudios sociales) presidido por José María Aznar, célebre por embarcar a España na guerra do Irak e pola reafirmación da soberanía española do illote de Perejil, non cre en absoluto na España plural en linguas, culturas, tradicións, etc. Os partidos españolistas aceptaron as autonomías de mal grao nunhas circunstancias nas que o asunto se lles podía ir das mans se non o facían, mais agora toca volver á España, única, grande e libre, que non é outra cousa que a España uniforme, a do discurso único, fanática e intransixente, a España da inquisición e da imposición. Identificándose plenamente co seu predecesor decimonónico, Antonio Cánovas del Castilo, o seu lema é: "VENIMOS A CONTINUAR CON LA HISTORIA DE ESPAÑA".

Na etapa da transición, década dos setenta do século XX, os dirixentes españois querían resolver o problema das nacionalidades históricas, principalmente Catalunya e Euskadi, Galiza non é problema dicían, mais ante a presión dos militares, sempre omnipresentes na historia política de España dos séculos XIX e XX, que consideraban que iso sería desmembrar o país, os políticos  tranquilizáronos afirmando que non se lle daría a estes pobos un trato distinto que aos demais e que as autonomías se estenderían a todos, o famoso CAFÉ PARA TODOS. Incapaces de previsión, como o demostraron dun xeito fidedigno na crise actual, crearon así un problema de macrocefalia do Estado, axigantado polo facto de non prescindir das estruturas do Estado centralista como son as deputacións provinciais e a estrutura periférica do Estado nas Comunidades Autónomas, e de ser incapaces de racionalizar a inflación de concellos.

Hai tempo que os grandes gurús da política española, servíndose dos inmensos medios de comunicación que teñen ao seu dispor en prensa, radio e televisión, veñen pregoando que a crise actual se orixinou neste Estado descentralizado, logo a crise actual débese á descentralización do Estado. Non lles importa que esta crise tamén afecte a estados centralizados, como Portugal, Grecia, Irlanda, etc., nin tampouco lles importa constatar que os estados máis exitosos no mundo son estados descentralizados, como Estados Unidos, Alemaña, Brasil, ... sexan estados federais. Tampouco fan a mínima autocrítica do seu proceder na reordenación do Estado, dando autonomía a quen nunca soñou con ela nin a demandou, para diluír o problema vasco e catalán- TODOS SOMOS IGUAIS, repiten unha e outra vez, obviando que se a miña lingua materna é o galego, eu non son igual, a este respeito que un que non a ten, senón que o que lles importa é silenciar todo posíbel contraexemplo e adaptar todos os dados aos seu dispor para que conclúan o que eles queren que conclúan: a crise é producida pola descentralización do Estado. Para estes políticos, a diferenza de linguas, culturas, tradicións, etc. non significa nada; só é un absceso que cumpre erradicar para que todos sexamos uniformes e nos identifiquemos plenamente cos valores, lingua, costumes e tradicións españolas. A diferenza, para eles, non crea dereitos, obviando que lesi como a de accesibilidade, por exemplo, só ten sentido se se quere respeitar a diferenza de quen ten mobilidade reducida. Os dereitos do pobos -repiten unha e outra vez- non exiten, salvo para España, só existen os dereitos individuais, que eles argumentan afirmando que os territorios non teñen dereitos, obviando que os dereitos dos pobos non son dereitos de territorios senón de personas que conviven nun territorio desde tempo inmemorial, unidas entre si por vínculos de lingua, historia, tradición, costumes, cultura, etc. Son dereitos das persoas colectivas, que non son territorios senón seres humanos que viven en territorios. O territorio galego non fala galego, mais si eu que vivo en territorio galego.
 
Para eles non basta que todos os meniños cataláns, vascos e galegos, falen moito mellor o español que a súa lingua propia, non lles basta contar cos omnipresentes medios de comunicación que meten o español polos ollos, non lles basta que aquí na Galiza, nen sequera un galego falante ten garantido o seu dereito a vivir en galego, non lles basta que as linguas das nacións periféricas corran todas elas risco de desaparecer; non lles basta que no noso país a Igrexa estea totalmente españolizada, reservado o galego ao nivel folclórico do rezo do Noso Pai ou dunha canción -Deus nunca falou galego neste país-, hai tamén que afogar a lingua propia destes pobos na escola, non sexa que as persoas se identifiquen con elas neste reducido ámbito, e non comunguen cos esteriotipos de lingua máis apta de expresión e uso, que eles pregoan do español. Non perseguen a igualdade das diversas linguas, senón a imposición e omnipresencia abafante do español,; en caso contrario, promoverían que estas linguas e o español tivesen o mesmo estatus xurífico. Nunca moveron un dedo para que na Galiza houbese equiilibrio de linguas, nin para protestar pola discriminación que están a sufir de continuo en xulgados, hospitais, medios de comunicación, etc. os que se expresan en galego, con exemplos abondosísimos que o demostran. Nunca moveron un dedo para condenar a discriminación a que foron sometidos desde hai séculos estas linguas e non nsó en tempos do franquismo, mediante a súa prohibición, ocultación, menosprezo, ridicularización, ... Para meternos a nova lei argumentan que os mozos e mozas do noso país sofren un paro de máis do cincuenta por cento e que hai moitísimo fracaso escolar, e, por tanto, a asociación xa está feita: falar español = emprego e pouco fracaso escolar, e falar linguas minorizadas = paro e fracaso escolar, en contra de todos os estudos que se fixeron ao respecto até o momento presente, mais estes a investigación non a valoran, só a ideoloxía. Trátase dun auténtico etnocidio, dun crime de lesa cultura, tal como gostaba de afirmar Castelao.

2 dic 2012

Vida de Xesús de Bento XVI (01)


Introdución 

Xesús de Nazaré traballando de carpinteiro
Acaba de publicarse un libro do papa actual, Bento XVI, sobre a Infancia de Xesús de Nazareth, e cremos que se impón realizar algúns comentarios sobre o posicionamento do Bispo de Roma.

Para a presente análise imos servirnos de todas as fontes á nosa disposición, e, por tanto, tanto dos evanxellos canónicos, ou sexa, os aceptados pola Igrexa como inspirados por Deus, como os apócrifos. Consideramos que a opción polos canónicos somente se pode aceptar desde un posicionamento de fe, que é un aspecto neste caso non relevante, se queremos actuar con imparcialidade e aténdonos ao método científico histórico. As crenzas son lexítimas a nivel persoal mais non deben perturbar o labor de indagación serena e neutral dos fenómenos. Normalmente a distinción que se fai entre libros canónicos e apócrifos é que os primeiros son máis comedidos na súa apelación aos milagres mentres que os segundos son máis prolíficos a este respeito. A nós parécenos que tanto uns como outros inflan a milagrería dándose somente unha diferenza de grao mais non cualitativa entre ambos, como tamén se dá entre os relatados polos evanxellos sinópticos e o de Xoán. A fixación do Canon fíxose por un proceso en grande parte arbitrario, gratuito e non suficientemente fundamentado. Sirva como proba o feito de que os protestantes eliminan da súa biblia nada menos que sete dos libros que os católicos consideran canónicos. Alén diso, acudir a crenzas como a da inspiración dos libros sagrados, sen que haxa indicio ningún de que son libros distintos de calquera dos da súa época, súmenos nun mundo de irracionalidade e afástanos do discurso racional e crítico.

Imos enfiar un discurso racional, franco e sincero, respeitoso con todos os posicionamentos e con todas as crenzas, embora con independencia deles e delas. Non nos move ningún anseio de polémica, de notoriedade nin de contradición. Ao tratarse dun discurso racional, non poderemos supeditarnos ás nosas fobias ou filias nin ás de ningún outro sector, grupo ou individuo. Evitaremos mesturar a ciencia coa crenza, o irracionalismo, a mística e a pseudociencia, como considero que acontece no discurso do Romano Pontífice. Cando fala de que os pastores son constelacións ou que é o meniño quen guía a estrela e non ao revés, nós non poderemos seguilo. Esta fraseoloxía é só para consumo interno dos crentes e non para expor racional e imparcialmente a verdade.

Para focar a historia de Xesús todos partimos duns preconceitos, duns pre-xuízos que guían a nosa investigación e a nosa interpretación da realidade, preconceitos que poden facerse explícitos ou ficar implícitos, mais sempre estarán presentes e condicionarán o noso discurso, o de todos, e o meu tamén. Tentaremos desenvolver algúns deses pre-xuízos antes de adentrarnos de cheo na vida de Xesús, con obxecto de esclarecer o contexto en que se escribiron os relatos sobre a vida de Xesús.

                                              Relixión e personalidade social

A relixión vixente nunha comunidade contribúe a crear a personalidade básica da cultura, forma parte integrante do sistema ideolóxico dunha sociedade, que condicionará o seu desenvolvemento material e espiritual. Como puxo de relevo Marx Scheller, a doutrina relixiosa protestante favoreceu o progreso científico e económico coa súa defensa do individualismo persoal e pola súa concepción do éxito como indicio de predestinación divina, mentres que o catolicismo freouno pola defensa da idea de que todo está nas mans de Deus e el xa fará o que considere pertinente, pois, como afirmaba Xesús de Nazaré, “ Por tanto, eis que vos digo: non vos preocupedes por vosa vida, polo que comeredes, nen por voso corpo, polo que vestiredes. A vida non é máis do que o alimento e o corpo non é máis que as vestes? Olhade as aves do ceu: non semeian nin segan, nen recollen nos celeiros e voso Pai celeste as alimenta. Non valedes vós muito máis que elas? Cal de vós, por máis que se esforce, pode acrecentar un só cóvado á duración de súa vida?”1. Se un individuo ou un país tomasen ao pé da letra as recomendacións de Xesús, non tardarían moito en verse en condicións desvantaxosas na loita pola supervivencia social. Comentouse que o primitivo vigor combativo que Maomé inculcou nos pobos árabes contrasta coa indolencia que actualmente os distingue e que quizais ten as súas raíces no mesmo Korán.

 A actitude do home e a súa laboriosidade e impulso combativo están condicionados pola súa ideoloxía. Se é Deus quen resolve as dificultades e quen soluciona o porvir será unha actitude consecuente deixar os asuntos nas úas mans e esperar a resposta que, dado que se trata dun ser sabio e xusto, fará o que máis conveña, xa que non sempre para o corpo e para o momento presente si para a alma e para a vida de ultratumba. Cumprir as súas exixencias será como unha especie de entrega a conta que deberá ser saldada, con fin de permitir un descanso sempiterno, unha vez qque as enerxías vitais deixen de rexer o corpo. Canto máis se espere conseguir de seres, potencias ou forzas superiores, xa sexa por medio da plegaria, o sacrificio, a maxia, etc. Moitas veces con un esforzo menor, menos confiará o humano en si mesmo e nas súas propias forzas. Isto restaralle afán combativo e sumirao, na orde terrena, na momentaneidade, arrebatándolle ese dardo interior que impulsa os homes cara a adiante. Unha relixión que censura a competencia e pregoa o igualitarismo radical restará forzas e enerxías ao progreso. Unha relixión que mantén privilexios políticos, sociais e económicoas é tamén unha rémora para o mesmo.


 
 1. Mat. 6, 25-27.

(Continuará)

20 nov 2012

XXII Cimeira iberoamericana

O presidente de Ecuador, Correa
Este ano 2012 acaba de celebrarse os días 16 e 17/11/2012, a XXII Cimeira Iberoamericana, que organizou o Estado español, e creo que cumpre facer balanzo dos resultados obtidos.

Tratouse dunha cimeira davaluada pola limitada ausencia de Xefes de Estado e de Goberno como polos resultados. Faltaron nada menos que os mandatarios de Nicaragua, Arxentina, Uruguai, Guatemala, Paraguai, Venezuela e Cuba e dous dos presentes, Evo Morales de  Bolivia, e Porfirio Lobo de Honduras, anticiparon a súa saída de Cádiz pretextando compromisos nos seus países. Isto significa que dos 21 países iberoamericanos, somente estiveron presentes os máximos mandatarios de 14 países, ou sexa, o 66,67 por cento, embora outros enviaron representantes, mais non é igual. Por outra parte, algúns dos presentes, como Correa de Ecuador, devaluárona de palabra ao afirmar que unha cimeira de máis de dous xa non é produtiva. Podemos observar que os máis esquerdistas estaban ausentes. No caso de Chavez, quizais resoen nos seus ouvidos os ecos daquel «por que no te callas» que recibiu do rei Juan carlos. Está claro que para moitos destes países, a cimeira ten un valor secundario e relativo.

Os resultados concretos foron practicamente nulos, e o comunicado final é un cúmulo de vaguidades e lugares comúns: desenvolvemento de infraestruturas, a promoción das micro, pequeñas e medianas empresas, políticas de crecimiento e emprego, o fortalecemento de "regras claras, estábeis e previsíbeis que axuden a promover as inversións produtivas nacionais e estranxeiras". Declaran que "o problema mundial das drogas, a trata de persoas, o tráfico ilícito de armas, municións e explosivos e o lavado de diñeiro, representa unha grave ameaza para o bienestar e a seguranza dos cidadáns", e pídese unha maior "coordinación" na loita contra estes delitos. Deciden reformar as cimeiras, mais desa reforma só citan que  “Previsibelmente pasarán a ser bianuais”, o cal non é unha mellora senón o recoñecemento explícito da súa inutilidade.

Frente a esa limitada presenza de Xefes de Estado e de Goberno americanos, produciuse unha hiperinflación de mandatarios españois: Os reis, principes de Asturias, o matrimonio Rajoy, o ministro de Esteriores, García Margallo, etc., con un custo moi importante para as arcas públicas, porque o desprazamento e a seguranza de todas estas persoas é tremendamente elevado, especialmente para un país sumido nunha crise económica tan profunda. Por outra parte, creo que habería que preguntarse sobre a pertinencia da presenza dos monarcas e príncipes nestas cimeiras, porque non teñen ningún cometido político específico concreto e a súa presenza é unha especie de excrescencia superflua e quizais molesta para algúns dirixentes. Eu non me figuro os presidente alemán, o italiano, os reis de Holanda, etc. Participando nestas cimeiras, porque o seu papel é simplemente representativo, e este foro ou é un sesión de traballo e de propostas políticas ocncretas ou non é nada nin serve para nada. Frente a esta imaxe de España, a dos outros países vese como moito máis simple, maís moderna e máis austera.

Por outra parte, un país como España, sumido nunha recesión importante e con un PIB per cápita que é superado por Brasil, que ocupa a sexta posición e por México, estea soportando máis do 60 por cento do custo do finaciamento da Secretaría Xeral Iberoamericana, organizadora das cimeiras. Como se xustifica isto? Como nun clima de austeridade interior a todo prezo se permite semellante dispendio? Que se pretendía cando se aceptou e programou que o noso país correse con semellante factura? Que beneficios se esperaban? A nivel económico ninguén dá nada de balde e pretender que pagando a maior parte do evento os demais ían acceder a dar contraprestacións maiores ou que se podería impor unha especie de neocolonialismo de ningún tipo non ten sentido.

16 nov 2012

A Nova relixión de Merkel e o PP


Unha das características das proposicións de todas as relixións é a imposibilidade da súa contrastación empírica e inclusive a súa consistencia co discurso racional. Parten todas, deixemos á parte as relixións ateas como o budismo, dunha definición apriorística dun ser supremo e das súa características, que non é apoiada por ningunha proba fandamentada, e despois elaboran un discurso apolóxetico que permitirá refutar as obxeccións que se poidan formular na súa contra. Pártese, por exemplo, de que Deus é providente, bo, omnipotente e omnisciente, e se despois nos topamos con un tsunami que nunhas horas se traga trescentas mil persoas, sempre aparecerá unha explicación dese feito ou, polo menos, unha apelación aos inscrutábeis designios divinos, que a mente humana non é capaz de comprender. A resposta relixiosa dificilmente se vai ver alterada por acontecementos que aterran as persoas.

As relixións estabelecen tamén unhas virtudes supremas, que no cristianismo se chaman virtudes teologais, que son a fe, esperanza e caridade. A fe que se define como crer o que non vemos, segundo o catecismo do Pai Astete; a esperanza, que se concreta na expectativa dun mundo mellor, un novo paraíso de paz e felicidade futuras, e a caridade, ou solidariedades cos menos poderosos cos que hai que repartir o que nos sobra. Os actos das persoas deben ter como norte de actuación o cumprimento destas tres virtudes teologais, ou sexa, referidas a Deus e ao seu mundo.

A Merkel -cando cito este nome non me refiro só a unha persoa concreta senón á dereita  da país teutón-  e o PP español están a ofertar aos cidadáns dos países afectados pola crise económica unha nova relixión, provida tamén dos seus dogmas e das súas virtudes. O dogma cardinal é o defice cero e a todo prezo, porque, repetiron unha e outra vez os xerarcas da nova relixión, non se pode gastar o que non se ten, falacia e superficialidade que propalan coa maior ousadía,  a pesar de que inviabilizaría o progreso e inclusive o sostemento da economía. Se non se pode gastar o que non se ten, para que queremos institucións de crédito? Se non se pode gastar o que non se ten, non poderiamos aproveitar unha magnífica posibilidade de explotación de recursos enerxéticos ou doutra índole que poderían ser unha eventual solución a un problema de dependencia exterior ou unha cuantiosa fonte de ingresos no futuro, mais que, ao presente exixen investimentos que, se non se teñen, cumpre pedir a alguén que os teña e estea interesado en beneficiarse da situación.

Tanto Merkel, como o seu discípulo avantaxado, Rajoy, pregoan tamén outro dogma que forma parte integrante da súa relixión, que é a austeridade como menciña exclusiva, aínda que se caia a economía dun país, porque afgumentan, é unha medida necesaria de cara ao futuro. Que proba oferecen diso? Pois ningunha, hai que crelo aínda que vexamos empiricamente que todo vai a pior desde hai cinco anos e aínda que saibamos que fracasou na crise de 1929, mais a nova relixión non se inmuta coas probas de adverso, faltaría máis, pois entón deixaría de ser relixión. Como o profeta de turno, eles teñen unha visión máis profunda que escapa as intelixencias dos humanos normais, por algo foron escollidos como os pontífices desa nova relixión. Manifestan ambos que saben que as medidas son dolorosas, difíciles, ... mais necesarias en aras dun futuro mellór, mais non aclaran porque son necesarias, pois iso sería como explicar o dogma da predestinación: algo que non se comprende mais que, porén, hai que aceptar. Se vemos que o propio país ou outros do contorno continúan na súa espiral baixista, de seguido se retruca que iso leva tempo, que hai que perseverar, como tampouco o fiel ten que perder a fe baixo ningunha condición, e que pode que as medias aínda non sexan suficientes. Outras das virtudes básicas do crente é a submisión, paciencia e resignación. Os xerarcas xa saben todo e hai que ter fe neles, e iso aínda que vexamos que foron eles mesmos os que botaron abaixo a economía pola súa incapacidade e os seus excesivos e inxustificados dispendios. As comunidades autónomas españolas estiveron gobernadas por políticos tanto do PP como do PSOE, con poucas salvidades, e foron eles os responsábeis de que Valencia, Castela a Mancha, Andalucía, Catalunya, etc. estean na situación que están. Foron eles os responsábeis de gastos absurdos en infraestruturas sen utilidade algunha, tanto culturais, tipo Cidade da Cultura, como en aeroportos, como o de Castellón, portos exteriores a vinte quilómetros un doutro, ... Mais estes mesmos son agora os máximos apóstolos dos novos dogmas, obrando por veces dun xeito esperpéntico, como cando se aprestan a emendar a Constitución eles sós nunha semana, en contra da súa teima de que toda reforma constitucional debería facerse por amplio consenso. Agora alegan que o referendo catalán vai en contra da Constitución, mais, tendo vontade política, xa saben como facer para que non o sexa e non dar respostas inxustificadas: basta que se poñan de novo e en oito días deixa de ser inconstitucional, se é que realmente fose isto o problema.

Fai moitos que vimos afirmando desde hai anos que a mera austeridade por si propia e en exclusiva non procura a solución da crise, pois ao mesmo tempo que diminúe os gastos, e con eles a capacidade de consumo,  tamén diminúe os ingresos fiscais do Estado. Houbo un momento en que parecían entendelo, que se situou arredor de xuño de 2012, en que inclusive de falaba de aproveitar uns fondo europeus que deixaron de investirse. Semellaba que tanto Merkel como o seu discípulo español parecían convencerse de que hai que ir a un equilibrio de ingresos e gastos que permita o crecemento e crear emprego, mais todo foi un soño dunha tarde de verán, porque a partir daí só se insistiu en exclusiva sobre os recortes como purga curativa da doenza. Nós non negamos que haxa que practicar recortes mais debe facerse en dispendios que non sexan imprescindíbeis para medrar e crear emprego. Por que non se suprimen dunha vez as deputacións, que se converteron nunha fonte de corrupción política e clientelismo? Por que non suprimir a administración periférica do Estado e ir cara a unha Administración única, xa proposta no seu momento polo fundador do PP, Manuel Fraga Iribarne? Por que non se suprimen concellos desnecesarios que non son capaces de dar servizos aos cidadáns? Por que non se diminúen os emolumentos percibidos polos conselleiros do Consello de Contas, das radios e televisións públicas, das entidades financeiras intervidas, ...? Por que non se suprimen indemnizacións como as percibidas polo Gobernador do Banco de España e outros similares? Por que non se inclementa a presión fiscal sobre os salarios dos futbolistas, dos xestores das grandes empresas, ... ?

Vendeuse a reforma laboral por todos os apoloxetas do sistema como unha medida imprescindíbel para crear emprego e para contentar os mercados para que baixasen a prima de risco, e inclusive se aludiu e repetiu a través dos medios que os empresarios estaban aterrorizados ao contratar persoal. Fíxose unha reforma superando inclusive as peticións dos empresarios máis intransixentes, pero o resultado prometido non se ve por ningures, e se agora os obreiros protestan, a resposta dos empresarios é que iso dá má imaxe do país, como se non dese moita pior imaxe a súa insensibilidade ante o feito de que estean no paro perto de seis millóns de persoas no Estado español ou a súa incapacidade para xerar riqueza empregando as persoas. Porque o verdadeiro problema que require unha explicación é que os empresarios, desde a etapa da transición, foron arañando melloras en todas as negociacións que se fixeron, mais eles non responderon á exixencia social de crear emprego para os nosos traballadores e traballadoras, e cando falo dos empresarios, refírome aos grandes e non aos pequenos autónomos que son tamén unha vítima máis da crise. A reforma laboral só serviu para despedir máis facilmente aos obreiros porque lle van saír moito máis baratos á patronal industrial, financeira e ao capital europeu. Mais, como en toda relixión, o paraíso está no futuro. De momento, paciencia, resignación e submisión.  

Por tanto, temos que crer que os nosos xerarcas velan polo noso ben - fe-, esperar o novo paraíso que nos está reservado se nos comportamos como Deus manda -esperanza- e a caridade fica reservada á Igrexa, que para algo goza dun réxime fiscal de privilexio que lle permite obviar o pagamento de impostos, reservado aos simples fieis da nova relixión imposta.

6 nov 2012

I Congreso de Compromiso por Galicia


Quo vadis Compromiso?


O dilema que ten que afrontar nestes momentos Compromiso por Galicia é o da súa ubicación clara no panorama político galego, tanto polo que se refire ao modelo de estado como polo que fai referencia ao modelo de sociedade.

O modelo de estado fai referencia ao nivel de autonomia que desexemos darlle ao noso país, que, se cremos que é unha nación, non pode por menos que reclamar os dereitos desa nación, e, por tanto, creo que, sen ambigüidades, cumpre optar polo nacionalismo. Isto implica a exixencia de defender os dereitos do noso país e dotalo dos instrumentos precisos para que sexa un suxeito activo politicamente e non dependente. A consecuencia é que debería defender o dereito de autodeterminación, ou sexa, a capacidade de decidirmos o noso futuro, de que Galiza determine en última instancia que debe facer cos seus recursos económicos, lingua, cultura, usos, costumes, tradicións, etc.

Algúns falan de que hai que dirixirse aos nacionalistas e galeguistas, mais sen precisar quen son eses galeguistas nin que defenden. Eu gostaría de que alguén mo explique. Se se refire aos do século XIX, entón trátase propiamente de rexionalistas ou protonacionalistas, e neste aspecto, tampouco lle faría ascos ao PP, que se din seguidores de Alfredo Brañas. O rexionalismo defínese pola noción de pertenza, por pertencer a outro ou ser parte doutro, e considero que Galiza non é parte de España, entendida como nación española, aínda que si está hoxe enmarcada no Estado español, que é unha noción distinta. Castelao distinguía entre España e Hespaña, a primeira tería como suxeito activo a Castela como nación dominante, mentres que Hespaña se identificaría co que é o Estado español.

O modelo de sociedade fai relación á dicotomía dereita-esquerda, e, por tanto, se defendemos máis ben as clases medias ou as clases baixas. Isto en xeral, porque é un lugar común, entre os economistas, afirmar que a dereita crea máis riqueza e a esquerda reparte mellor, mais para repartir riqueza primeiro hai que creala. A este respecto, cumpre destacar a anormalidade en que se posiciona o noso país. Mentres que Euskadi e Catalunya teñen partidos de centro, que poden pactar indistintamente con PP e PSOE, e de  esquerda, que non poden aspirar a gobernar máis que coa esquerda, chámese socialista ou comunista, baixo a vestimenta de Esquerda Unida. O curioso e sorprente do caso é que mentres moitos definen aos galegos como de dereitas, grosso modo, os partidos nacionalistas están empeñados nunha loita por demostrar que cada un é inequívocamente de esquerdas, e, ao mesmo tempo, algúns queren denominar iso como a casa común do nacionalismo, cando non pode acoller no seu seo máis que os que se moven no ámbido do sindicato nacionalista CIG. De tal modo, que quen olle para o panorama dos partidos políticos nacionalistas galegos, levará a impresión de que o noso pobo é o máis esquerdista do mundo, pois ten nada menos que BNG, AGE, CxG, Partido da Terra, Causa Galiza, Nós Unidade Popular, etc. competindo por un minúsculo electoral, que é o que se acha á esquerda do PSOE. O resultado está á vista: nin hai un partido serio independentista nin hai un partido dominante federalista.

A consecuencia é que mentres os partidos sucursalistas, tamén denominados españolistas, por moita bendición que algúns lle queiran outorgar agora, abranxen todas as alternativas, tanto polo que se refire ao modelo de estado como polo que se refire ao modelo de sociedade, igual que pasa cos nacionalistas nas outras dúas nacionalidades periféricas do Estado español, na Galiza só está cuberto o campo do nacionalismo da esquerda e non o do centro. Isto non deixa de ser anómalo e sintomático se nos damos conta que quen lidera o proceso nacionalitario nas outras dúas nacions periféricas son precisamente os partidos de centro. Parece que os nacionalistas galegos consideran que a súa terra é distinta e que aquí non recibes o visto e prace se non tes pedigrí de esquerda e a veces inclusive de antisistémico.

Disto infírese que aquí non hai ningún partido nacionalista que defenda os intereses dos pequenos e medianos empresarios, non hai un partido que se dirixa ás clases medias, que son as que, en definitiva, gobernan no noventa e pico por cen dos países.

Na Galiza, moitos entendemos que Compromiso por Galiza se ía situar dentro dese espazo de centro, con certa inclinación ao centro-esquerda, polas razóns seguintes:

a) En primeiro lugar, polas declaracións dos seus dirixentes, tanto orais como escritas, que falaban de que se trataba dun partido que pretende aglutinar desde o centro progresista á esquerda transformadora. O que por veces choca ver tamén aos mesmos dirixentes falen de que se trata dun partido de esquerdas, facendo desaparecer o centro progresista. E quen é o centro galeguista? Evidentemente, sempre foron partidos de corte liberal progresista, para distinguilos dos liberal conservadores, que estarían máis á dereita. Incluiría tamén a partidos que se moven nas coordenadas da democracia cristiá, ou sexa, católicos non reaccionarios e dogmáticos. 

b) En segundo lugar, os documentos internos e externos de CxG. Basta con abrir a páxina Web para ver que organizacións tales como Coalición Galega, PNG, Acción Galega, e Terra Galega son partes integrantes deste proxecto. Sería un sarcasmo que se diga que calquera destes partidos ou grupos é de esquerdas. Eu vexo moi ben que estes partidos conflúan con outros que están situados un pouco máis á esquerda como é Mais Galiza, por exemplo, mais o que non vexo ben é que os queiramos facer entrar nun partido que non é o seu, que limita que poidan seguir sendo o que son, nun partido que opta por outro modelo de sociedade. É un sarcasmo que un partido como o PNG, que en definitiva non deixa de ser liberal progresista, estivese no BNG sen problemas e non poida agora estar en CxG. Dos outros podemos dicir, mutatis mutandis, algo parecido.

c) A afirmación incluída nos documentos de CxG de que quería dirixirse á maioría social, pero non se pode pretender agora que a maioría social está en competir con AGE e BNG polo mesmo espazo político minúsculo. Evidentemente que sería unha percepción ben reducionista.

d) A reiteradas declaracións de dirixentes e documentos de que pretendía ser un partido nacional, pois esta expresión non pode entenderse máis que como un partido de amplo espectro, un partido que inclúa tanto a sectores máis á esquerda como máis á dereita. Do que se trata é que poidamos convivir moitos galegos «plurais » dentro dunha mesma formación dado que hoxe, ás mesmas exixencias electorais o impoñen. A definición clariña do posicionamento era unha tendencia moi premente en formacións como o BNG, mais ten o inconveniente que non é suficientemente inclusiva para liderar un país, pois moitos sectores necesariamente quedan fóra.

e) A propia necesidade de normalización do panorama político galego, e entendía que esa sería a opción de CxG, e non só o entendín eu, senón tamén os medios de comunicación, que situaron sempre esta formación máis á dereita que o BNG e que AGE, e moitos, desinformados, inclusive a situaron na dereita. Creo que hai que procurarlle a certos sectores sociais, que nomeadamente incluiría a clase media deste país, integrada tamen por  pequenos e medianos empresarios, un instrumento para a defensa dos seus intereses de clase, un partido nacionalista, pois non se pode dubidar gratuitamente das súas convicións autenticamente galeguistas. Non é admisíbel que formacións políticas como o BNG se digan defensores dos pequenos empresarios, pois calquera pode constatar que escapan desta formación como da peste.

Se se trata de situarse agora na esquerda, moitos, e supoño que tamén todos os partidos ou grupos acima citados (PNG, Acción Galega, Coalición Galega, Terra Galega, Partido Galeguista) consideramos que sería unha fraude cando se deu a entender outra cousa. Partidos como Terra galega parece que non traballaron moito nesta campaña, mais eu pregúntome se eles crerían realmente nun proxecto pouco sólido e meditado como é, polo momento, o desta formación. Non será que entendían que se trataba dos esquerdistas e cabreados do BNG aos que se dá o asentimento de ir xuntos porque non hai nada que perder?

Moitos dirixentes afirmaron publicamente que este era un proxecto de longo alcance, mais non se pode pretender que se logren obxectivos importantes aos dous meses de vida, sen que os galegos saiban desta formación máis que o tópico de que se trata de cabreados do BNG.

O PP non ten no seu ADN que deba ser a partido desnacional desta terra nin está no ADN dos galegos moderados, incluídos moitos con sentimentos galeguistas,  que teñan que votalo indefinidamente. Hai que forxar un proxecto e crer nel, pois a alternativa é confluír con outros á esquerda e terminar diluídos, deixando orfo un espazo político que, por consecuencia lóxica, parece que ten que existir, e parece que o éxito de Coalición Galega de Euloxio Gómez Franqueira así o corrobora, mais as continuas desavinzas e tensións internas fixérono fracasar, como pode pasar tamén agora.

Este artigo, ao igual que moitos outros referidos á lingua, cultura, filosofía, política, etc. pode ollarse no seguinte blog:

Http://profeblog.es/blog/ramvarel
ou
http://r-varelapunhal.blogspot.com.es/

Ramón Varela Puñal   

5 nov 2012

Españolización da Galiza (02)





A casa de Borgoña

A alienación identitaria maniféstase na historia da lingua máis que en ningún outro elemento nacionalitario e, por iso, recorreremos á lingua para expor a españolización da Galiza, mais tendo presente que a colonización afectou a todos os elementos diferenciadores das nacións periféricas do Estado español: cultura, usos, costumes, tradicións, recursos económicos, morfoloxía social, .... 

En tempos do rei galego García II (1042–1090), rei da Galiza en 1065–1071 e 1072–1073, fillo de Fernando I de León e Castela e de Sancha de León, filla de Alfonso V de León, e irmán de Sancho II o Forte (1037-1072) e Alfonso VI o Bravo (1047-1109), o reino da Gallaecia formaba unha unidade que se estendía, polo sul, para o Douro e inclusive alén, que veu rachar o seu irmán, Afonso VI, coa repartición de Galiza en dous condados, o de Galiza norte e o de Portugal, dos que foron beneficiarias súas fillas Urraca (1081-1126) e Teresa (1080-1130). A primeira, filla de Constanza de Borgoña, casou co francés Raimundo de Borgoña (1070-1107), príncipe do Franco Condado de Borgoña, que chegou a España coa idea de participar na cruzada contra os almorávides, islámicos rigoristas que xa dominaban parte do norte de África, respondendo á chamada de Afonso VI, que acababa de ser derrotado por estes na batalla de Sagrajas. Tiveron un fillo que levou o nome de Afonso Raimúndez. Esta unión é a orixe da Casa de Borgoña. Afonso VI estipulou que deixaba Galicia a Urraca e a Afonso Raimúndez, mais se a súa filla casaba de novo, o único amo de Galicia sería este último. Morto Raimundo en 1107, Urraca casa co rei aragonés Afonso I o Batallador, co que pacta deixar os reinos a un fillo de ambos ou, caso de non ter ningún, cada conxugue sucedería ao outro. Este pacto foi mal visto polos borgoñóns e polos nobres galegos, incluído o Arcebispo Xelmírez por considerar que privaba de herdar o trono de León e Castela ao infante Afonso Raimúndez, que máis tarde se convertirá en emperador co nome de Afonso VII. Durante o goberno de Raimundo de
Borgoña, a cultura galego continuou desenvolvéndose so o impulso de Santiago de Compostela, convertido nun dos centros políticos e artísticos máis importantes de Europa.

A irmá de Urraca, Teresa, filla da amante de Alfonso VI, Jimena Muñoz, casa con Henrique de Borgoña (1066-1112), curmán de Raimundo, que vén a Castela impulsado polos mesmos motivos que Raimundo. Desta unión nace Afonso Henriques ou Afonso I de Portugal (1109-1185), artífice da independencia do condado da Galiza sul. Por tanto, o condado legado a Urraca está na orixe do Estado español e o legado a Henrique do Estado portugués, con desigual sorte histórica, como é evidente.

Fernando II (1137-1188)e o seu fillo Afonso IX (1171-1230) reinaron sucesivamente na Galiza e en León, e durante o reinado deste último xa se produciron algúns documentos redixidos en galego-leonés. As condicións políticas favorábeis que se deron durante o reinado destes dous monarcas, en canto promotores da cultura, fan que se adiante os inicios da escola lírica galega en cerca de medio século. No seu reinado tivo unha influencia especial o conde de Traba e Trastámara, especialmente Pedro Froylaz, que tivo palacio ubicado onde agora se se sitúa a a praza do Obradoiro. Trastámara debe o seu nome ao río Tambre, antes denominado Támara e a preposición tras, Tras-Támara, ou sexa, as terras sitas tras o río Tambre pola parte norte, ou quer dicir, grande parte do que é hoxe a provincia da Coruña. Henrique II de Trastamara recibiría do seu pai adoptivo, Rodrigo Álvarez de Asturias, o título de Conde de Trastámara. Esta estirpe galega estaba vinculada coa familia catalano-occitana dos Cabrerase, a través dos cales se contribuirá a implantar o movemento lírico dos trovadores, que gozaba de grande esplendor na rexión da Provenza, da que formaba parte tamén Catalunya. O balanzo destes dous reis foi moi positiva para a cultura e a lingua galegas, chegando con eles Galiza ao seu máximo apoxeo. Como di Emilio González López, “La cultura gallega, entonces ya formada, alcanzó su plena madurez en los reinados de Fernando II (II57-II88) Y Alfonso IX (II88-1230), reyes de Galicia y de León, que fueron los campeones más entusiastas de la cultura gallega a la que que fueron los campeones más entusiastas de la cultura gallega a la que llevaron a su máximo esplendor, teniendo a Compostela como centro”1. E continua o historiador, xurista e político coruñes: “Si la política y la cultura ascendieron hermanadas en la historia del reino de Galicia, juntas también descendieron al morir Alfonso IX (1230) y perder Galicia, con la muerte de este gran rey gallego, su personalidad política; pues al ser anexionada con León al reino de Castilla por Fernando III el Santo, hijo de Alfonso IX de Galicia y León, se fue esfumando poco a poco la personalidad política de nuestro pueblo y con ella su vigor creador en la cultura”2. Xuntas ascenderon a política, economía, cultura e lingua e xuntas tamén esmoreceron. 

O fillo de Afonso IX e da súa sobriña, a raiña de Castela, Berenguela, Fernando III, denominado o Santo (1199-1252), unificou de novo as coroas de Castela e de Galicia-León, que permaneceran desunidas desde a morte de Afonso VII o emperador. Casou en 1219 con Beatriz de Suabia, da dinastía Hohenstaufen, filla do Duque de Suabia e Rei de Alemaña (1198-1208), Felipe, sobriña do emperador Henrique VI, neta do emperador Federico I Barbarroxa (1122-1190). Herdou da súa nai o reino de Castela (1217-1252), e do seu pai o de León (1230-1252. Durante o seu reinado Galicia deixa de ser centro en beneficio de León e Castela, que vai ascender paulatinamente ao primeiro plano a nivel cultural, político, económico, ... Nel prodúcense algúns feitos que van ter notoria relevancia no futuro da lingua galega: a) Declarou o castellano como idioma oficial da chancelaría, que tiña ao seu cargo desde 1226 o eclesiástico castellano, Juan de Soria ( -1246), co prestixio, reputación e capacidade de difuxión que iso representa. O chanceller era un secretario encargado do selo real e de autorizar cartas reais e privilexios alén de intervir en certos procesos xudiciais e aprobar nomeamentos de notarios, escribanos, .... Ao converterse no idioma de uso da Corte vai gozar dunha protección especial da que carecerán as outras linguas. Durante o reinado do seu avó, Afonso VIII (1189-1214), os documentos da chancelaría, ligada á curia toledana, comezaron a emitirse en castellano esporadicamente, en substitución do latín, mentres que a chancelaría galaico-leonesa, ligada á curia de Santiago de Compostela, emitíaos en latín. Agora, con Fernando III, tras a reunificación en 1230 co n Juan de Soria de chanceler do reino de Galiza-León-Castela, pasan a ser redixidos  preferentemente en castelán, o que terá grande influencia negativa sobre o devir do leonés e do galego; b) Comezou a dirixirse aos galegos en castellano, a pesar de poder facelo na lingua do noso país, que lle respondían nesa lingua desde mediados do século XIII; c) Envía forasteiros para gobernar a nosa terra, feito que preludiou a práctica de que nobres foráneos fosen enviados a este reino para ocupar os postos máis relevantes, tanto civís como relixiosos, como os de Adiantado Maior de Galiza, introducido polo rei Santo, ou as dignidades eclesiásticas. Mantivo aínda a práctica de convocar por separado as Cortes de Galiza-León, que se expresaban en galego, e as Cortes de Castela, que utilizaban o castellano. A partir de Fernando IV realízase unha convocatoria única das cortes, co castellano como lingua de uso.

Os motivos polos que Fernando III optou polo castellano frente ao galego obedecen a que ao herdar o reino castellano con anterioridade ao galaico-leonés, xa tiña introducido o uso da lingua de Castela cando se produciu a unificación dos reinos, e ao continuar o mesmo chanceler, Juan de Soria, o que fixo foi estender esta práctica ao reino que recibiu de Afonso IX, ou sexa, o reino de Galicia-León, alén de que o reino de Castela era o máis extenso, con máis peso demográfico e máis forte forte economicamente.

O fillo de Fernando III e de Beatriz de Suabia, Alfonso X, denominado o Sabio (1221-1284), foi rei do reino unificado de Castela de 1252 a 1284. Aspirou sen éxito a converterse en emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico e enfrentouse co seu fillo, o futuro Sancho IV, segundoxénito, porque pretendía legarlle o reino aos fillos do seu primoxénnito, Fernando de La Cerda, morto en 1275, desherdando ao seu fillo Sancho, que devirá rei co nome de Sancho IV, dando orixe ao conflito entre os dous. Tivo que facer frente á revolta nobiliaria, liderada polo irmán do Rei, Felipe, que demandaba unha maior participación nos ingresos da Coroa e o fin da política autoritaria e centralista do Monarca. Destacou máis como amante do saber que como político. Foi un grande mecenas da artes, letras e ciencias, saíndo do seu escritorio real grande número de obras co seu nome, das que non era o autor efectivo mais si promotor, impulsor e patrocinador. “El rey faze un libro non por quel él escriva con sus manos mas porque compone las razones d'él e las emienda et yegua e endereça e muestra la manera de cómo se deven fazer, e desí escrívelas qui él manda. Peró dezimos por esta razón que el rey faze el libro”3. Soubo rodearse a este fin dun conxunto de sabios xudeus, islamistas e cristiáns, formando unha especie de centro de tradución, investigación e creación, que chegarían a ser coñecidos como a Escola de Traductores de Toledo. Se Fernando III convertiu o castellano en lingua de uso na chancelaría, con Alfonso X pasan a redixirse xa nesta lingua, en substitución do latín, todos os documentos, declarou o castellano como norma de interpretación nos casos dubidosos e ordenou que se redixisen neste idioma todos os editos das cidades do Reino de León. Como afirma o Padre Mariana, "Él fue el primero de los reyes de España que mandó que las cartas de ventas y contratos e instrumentos todos se celebrasen en lengua española con deseo que aquella lengua que era grosera se puliese y enriqueciese. Con el mismo intento hizo que los sagrados libros de la Biblia se tradujeran en lengua castellana. Así, desde aquel tiempo, se dejó de usar la lengua latina en las provisiones y privilegios reales y en los públicos instrumentos". Se con Fernando III chegaron a redixirse en castellano o sesenta por cento dos documentos, agora co seu fillo, a práctica esténdese a todos os documentos, salvo os destinados a outros reinos, que se escribían en latín. 

Como afirma a académica da Lingua Española, Inés Fernández Ordóñez, “Gracias a la práctica cancilleresca alfonsí, durante treinta años largos el castellano fue diseminado a lo largo y a lo ancho del reino en infinidad de documentos que de facto lo proponían como modelo de lengua escrita por encima de las demás modalidades lingüísticas del reino. La percepción del nítido contraste existente entre las vacilaciones lingüísticas de los diplomas de Fernando III y la coherente seguridad de la colección documental de su hijo explica que desde antiguo se atribuyera, no sin razón, al rey Sabio la responsabilidad de la iniciativa. Si bien no fue su inventor, la regularidad alfonsí fue definitiva para que el castellano se convirtiese en la lengua de la corte regia, esto es, en la lengua «oficial», y como tal, en ella se formulasen las relaciones jurídicas, administrativas y económicas en que intervenía la corona. Esta labor de estatalización lingüística no puede desvincularse de la existencia de una cancillería de estructura compleja y cualificada, en la que se centralizó la administración del reino. Y tampoco puede desligarse de otros procesos uniformadores emprendidos por el rey Sabio, como la homogeneización de pesos y medidas, la centralización de la recaudación de muchos impuestos y la creación de tributos extraordinarios (llamados servicios) aplicables por vez primera a todos los estamentos; o como los intentos de alcanzar para el rey el monopolio legislativo y la unificación jurídica del reino, superando la fragmentación normativa propia de los viejos fueros municipales, o como la ubicación de todas las apelaciones judiciales en la corte y, en última instancia, en el monarca. Todo ello suponía, en definitiva, una mayor concentración del poder político en el rey y un refuerzo de las estructuras administrativas a su servicio, de modo que estas reformas le acarrearon no pocos problemas con la nobleza, la Iglesia y las ciudades, que se resistían a perder sus viejos fueros al tiempo que veían incrementarse la presión fiscal. El aspecto lingüístico, por tanto, no es el único en que se puede decir que Alfonso X comenzó a sentar las bases de un estado moderno”. Con Sancho IV consolídase este rol do castellano como norma de lingua escrita e a lírica castellana desloca a galega, que até entón era a máis relevante na península ibérica, se ben o interese pola cultura do novo monarca é moi inferiior ao do seu pai. Como podemos observar, esta académica da lingua identifica centralismo con moderno frente a anticuado, concentración do poder como sinal de progreso frente a nostálxicos e resistentes ao cambio. Así se escribe a historia.

Nos reinados de Pedro I o Cruel, último rei da casa de Borgoña, e de Enrique II e III, e de Juan I e II, da Casa de Trastámara, o idioma galego continuou brillando mais xa só como lingua poética, inclusive de aqueles que non a tiñan como idioma propio, mais non como lingua de comunicación social normal. Os nobres galegos optaron maioritariamente pola causa lexitimista que representaba Pedro I, frente ao seu irmán Henrique II, o cal tivo como consecuencia que invadise Galicia de nobreza foránea, allea aos intereses do país e aos seus sinais de identidade. Esta derrota da nobreza galega tivo consecuencias negativas moi importantes na nosa identidade colectiva, pois acelerou o proceso de uniformismo e centralismo de Castela, marxinando a cultura galega e a súa lingua, economía, etc.

1. GONZÁLES LÓPEZ, EMILIO, La Insumisión Galllega. Mártires y Rebeldes. Galicia y Portugal en la Baja Edad Media (siglos XIV y XV), Editorial Citania, BUENOS AIRES 1963, p. 10.

2. GONZÁLES LÓPEZ, EMILIO, La Insumisión Galllega. Mártires y Rebeldes. Galicia y Portugal en la Baja Edad Media (siglos XIV y XV), Editorial Citania, BUENOS AIRES 1963, p. 10.


3. ALFONSO X EL SABIO, General estoria I, f. 216r