14 oct 2012

Matrimonio, cátedra e primeira militancia política (06)


O 7/04/1910 casa con Rosa Spottorno, de familia acomodada, filla de Juan Spottorno Auditor Xeneral do Ministerio de Mariña, e de Josefina Topete, el polo civil e ela polo católico, coa que terá dous fillos e unha filla. Comprometeuse, con todo, a que os seus fillos se educasen no cristianismo. Pasan a vivir nun piso que tiñan xa alugado en Zurbano, 22, con unha cociñeira de Baños de Cerratos, Palencia. Aquí nacerían os seus fillos Soledad e José. Cara a finais de 1918 ou principios de 1919 mudáronse a Serrano, 47.

O 10/08/1910 infórmalle a Maeztu que está pasando por unha depresión, nun momento “en el que he dado mucho y recibido poco”1. O 25/11/1910, aprobadas as oposicións para a cátedra de Metafísica, vacante pola morte de Salmerón, é nomeado catedrático da Universidade Central. Non é sorprendente que obtivese a cátedra, a pesar de non ter publicado até ese momento ningún libro, tendo en conta que a súa familia era a propietaria do xornal da maior tirada de España, o seu pai era o seu director, e o seu tío un político que accedeu reiteradamente ao ministerio de Fomento. Contaba neste momento con 27 anos de idade, posto que desempeñará desde 1910 ata 1936, data na que comezou a súa expatriación de 9 anos por diversos países europeos: Francia, Holanda, Arxentina e Portugal.

Frecuenta a tertulia do café Granja del Henar, rúa Alcalá, ao anoitecer durante un par de horas, onde tamén tiñan a súa tertulia Valle Inclán e Eugenio d’Ors. Nas vacacións a familia veranea nunha casa alugada en Zumaya, próxima ao estudio do pintor Ignacio Zuloaga, co que Ortega compartía a afección polas corridas de touros.

En 1912 confésase liberal, socialista e socializador2. Neste mesmo ano, Gumersindo de Azcárate e Melquíades Álvarez crean o «Partido Republicano Reformista», chamado Partido Reformista a partir de 1913, no que militará Ortega, Ramiro de Maetzu, Azaña, Morente, Fernando de los Ríos, Américo Castro, Teófilo Hernando, Alfredo Martínez, Federico de Onís, Augusto Barcia, Gumersindo de Azcárate, Víctor Ruiz Albéniz (avó de Alberto Ruiz-Gallardón), Benito Pérez Galdós, .... Defendía a accidentalidade das formas de goberno estando dispostos a aceptar a monarquía aínda que tamén estaban abertos á república, e un socialismo intervencionista, ambos de inspiración fabianista. Radicais nas metas, gradualista na estratexia. Aínda que foi ben recibido polos intelectuais, a súa dispoñibilidade para chegar a acordos cos monárquicos, afástao do PSOE e dos demais partidos republicanos.

No seu seo crea o autor que se confesaba inepto para a acción, como unha sección do msmo, «La Liga de Educación Política Española», dada a coñecer por Ortega en marzo de 1914, se ben xa foi publicado xa en outubro de 1913, suscrito por: José Ortega y Gasset, Manuel Azaña, Gabriel Gancedo, Fernando de los Ríos, el marqués de Palomares del Duero, Leopoldo Palacios, Manuel García Morente, C. Bernaldo de Quirós y Agustín Viñuales.»3 Non era propiamente un partido senón unha especie de movemento político, de carácter intelectual, dedicado ao estudo dos problemas nacionais para fundamentar unha acción política que impulse a nacionalización de España por medio da educación, aínda que sen renunciar á conquista de órganos políticos e de goberno4. Pensan emprender “una serie de trabajos destinados a investigar la realidad de la vida patria, a proponer soluciones eficaces y minuciosamente tratadas para los problemas añejos de nuestra historia, a defender, por medio de una crítica atenta y sin compromisos, cuanto va surgiendo en nuestro país con caracteres de aspirante vitalidad contra las asechanzas que mueven en derredor todas la cosas muertas o moribundas”5. Como ideario defende: a) o liberalismo, entendido
como liberación de toda traba dogmática e como aspiración a conciliar a vida próspera da nación e o benestar de todos e cada un dos individuos. “Estamos ciertos de que un gran número de españoles concuerdan con nosotros en hallar ligada la suerte de España al avance del liberalismo”6; b) Organización de España, para impedir que os españois futuros se encontren con unha nación volatilizada; por tanto de claro cariz nacionalista español. Intentan, non obstante, fuxir das connotacións pexorativas do nacionalismo, entendido como imperialismo. “Nos avergonzaría desear una España imperante, tanto como no querer imperiosamente una España en buena salud, nada más que una España vertebrada y en paz”7. Esta organización social só pode basearse na competencia. c) O socialismo, no que contén de crítica da organización actual da produción e a súa consideración do carácter transitorio do asalariado, mais expurgando o socialismo da súa vertente revolucionaria, do seu internacionalismo humanista; oposición radical á monarquía, pois ningunha forma é consubstancial co liberalismo senón que a forma opima de goberno sería a que fixese compatíbel democracia e España, ou sexa, que teña un compoñente nacionalista español; e minusvaloración dos medios materiais de defensa8. Ortega dáa a coñecer en tons exaltados, de grande fervor patriótico. A liga fundouse para “encender en llama de fe viva los corazones de todo un pueblo”9, e el imparte a charla por “ser de inminencia que alguien tocara a rebato solicitando a la actuación política las nuevas generaciones”10. Non ten propiamente programa e limítase a esixir como un dos seus ingredientes, para cando o teña, a xustiza, a eficacia. Pretende impulsar un imperioso levantamento espiritual, organizado en liña de agresión contra a inmoralidade11. Nela integráronse, entre outros, Manuel Azaña, Américo Castro, Salvador de Madariaga, Ramiro de Maeztu, Antonio Machado, Ramón Pérez de Ayala e Rodrigo Sanz12. Constituíron un grupo de notábeis, «picos de ouro», ligados persoalmente con vínculos laxos con Ortega, que todo o confiaban ao seu divismo sen chegar a crear un grupo consistente e organizado coa implantación social mínima necesaria para incidir na reforma da sociedade13. O seu resultado foi practicamente nulo e, pouco a pouco, o grupo foise esfarelando. Como di Fernández Almagro: “El designio paró metáfora, y como quedó sin llenar el perfil de los propósitos, tanto en la conferencia -de bello estilocuanto en el «prospecto» que se circuló por toda España, la gente no llegó a saber el modo de lograr «la España vertebrada y en pie», que postuló Ortega en colaboración con muchachos de claro porvenir”14.

A esta altura, marzo de 1914, Ortega segue a bascular en torno á súa autodefinición política. Manifesta que desexaría poder chamarse radical, mais dun radicalismo distinto dos radicais españois, afectos á gritaría, dun radicalismo que fose extremadamente liberal15, incluíndo o socialismo e o sindicalismo no que teñen non de negativo senón de construtores16. O outro eixo da Liga, alén do liberalismo, é a organización de España, ou sexa a súa nacionalización17 a organización mínima das funcións nacionais. Tan necesario como a xustiza nos gobernantes é a súa competencia18. Os partidos políticos da Restauración -o conservador e o liberal- pretenden que non se renda homenaxe á lei da historia que é o morrer, os individuos e as épocas19. Estes partidos son a Restauración, o inimigo máximo, o que deixou morrer a España. En resumo, para Ortega o lema da Liga é o liberalismo e a nacionalización integral: “Nacionalización del ejército, nacionalización de la monarquía, nacionalización del clero (no puedo en esto detenerme), nacionalización del obrero...”20.
 
 O 23/03/1914 pronuncia unha conferencia no teatro da Comedia de Madrid, «Vieja y  nueva política», en nome da Liga de Educación Política Española, de recente creación, da que foi cofundador, e na que dá a coñecer os seus obxectivos. Nela afirmou: "Somos monárquicos, no tanto porque hagamos hincapié en serlo, seino porque ella -España- lo es.No vemos en la Restauración el fracaso de la monarquía, sino también el de los republicanos."21.

Tamén neste ano publica o seu primeiro libro, Meditaciones del Quijote, obra na que, alén de defender a súa teoría filosófica do perspectivismo, está explícita a súa omnipresente obsesión españolista, como el mesmo recoñece en 1934: “Es, por lo menos, dudoso que haya otros libros españoles verdaderamente profundos. Razón de más para que concentremos en el Quijote la magna pregunta: Dios mío, ¿qué es España?”22.


1. ORTEGA SPOTTORNO, JOSÉ, Los Ortega (LOR), Taurus, Madrid, 2002, p. 151.
2. «De puerta de tierra», II, El Imparcial, de (19/09/1912), en Obras Completas (OC), T, 10, p. 189.
3. MARICHAL, JUAN, Prólogo al tomo I de las Obras completas de Manuel Azaña, Oasis, Méjico 1966.
4. «Prospecto de la ‘Liga de la Educación Política Española’, en OC, T. 1, p. 306.
5. «Prospecto de la ‘Liga de la Educación Política Española’, en OC, T. 1, p. 300.
6. «Prospecto de la ‘Liga de la Educación Política Española’, en OC, T. 1, p. 302.
7. «Prospecto de la ‘Liga de la Educación Política Española’, en OC, T. 1, p. 304.
8. «Liga de Educación Política», en OC, T. 10, p. 249.
9. ORTEGA Y GASSET, JOSÉ, Documentos políticos (DP), Alianza Editorial, Madrid, 1990, p. 84.
10. DP, p. 85.
11. DP, pp. 86-87.
12. ABELLÁN, JOSÉ LUIS, Ortegas y Gasset y los orígenes de la Transición democrática, Espasa Calpe, Madrid, 2000, pp.
139-140. Cf. EAH, pp. 55-56.
13. Cf. F. LALCONA, JAVIER, El idealismo político de Ortega y Gasset, Edicusa, 1974, p. 76.
14. FERNÁNDEZ ALMAGRO, Historia del reinado de D. Alfonso XIII, Sarpe, Madrid, 1986, T. I, p. 203.
15. DP, pp. 87-88.
16. DP, p. 93.
17. DP, p. 93.
18. DP, p. 93.
19. DP, p. 94.
20. DP, p. 101.
21. FERNÁNDEZ ALMAGRO, Historia del reinado de D. Alfonso XIII, Sarpe, Madrid, 1986, T,. I. p. 203.
22. «Prólogo para alemanes», 1934, en OC, T. 8, p. 58. Cf. Meditaciones del Quijote, «Meditación preliminar», 13.

No hay comentarios:

Publicar un comentario