A Igrexa católica ten lexitimidade para pronunciarse sobre temas políticos, mais outra cousa distinta é a oportunidade e a conveniencia. Cando se fai un posicionamento político, a opción que se vai defender necesariamente concorda con tomadas de postura de determinados partidos políticos e iso implica que outras alternativas, con moitos cristiáns no seu seo, vanse sentir descualificadas e fóra do manto protector da hierarquía eclesial.
A declaración da Conferencia Episcopal Española (CEE) sobre o independentismo enmarcase nunha longa historia de posicionamentos de caracter españolista, na que España é concibida como unha unidade superestrutural forxada pola historia e que todos deben respectar. Esta concepción da nación española concibida como unha realidade unitaria impulsada desde o cristianismo, eviterna e inmutábel, coincide, grosso modo, coa concepción política da dereita e de sectores xacobinistas da esquerda socialista española. A situación actual de España configuraríase pola historia de acordo con designios divinos ou a natureza das cousas ou ambos factores á vez. Estas concepcións que apelan a factores extrahistóricos para explicar a historia, teñen enorme dificultade para ver a realidade en devir, para captar o kairós, a temporalidade e historicidade de todo o existente. Isto non é sorprendente se temos en conta que as relixións, principalmente as do libro (xudaísmo, cristianismo e islamismo) están fundamentadas en tradicións e textos que se pretenden sagrados e con validez tamén eviterna. Toda a verdade xa está no Talmud, Korán ou Biblia, verdade que non se pode discutir e o único que resta é interpretala dentro de estreitas marxes. Véxase a este respecto a persecución inquisitorial a que está sometido o teólogo galego Torres Queiruga por ofrecer unha interpretación aberta da mensaxe cristiá que sexa compatíbel coa razón e as ciencias. Isto agrávase aínda máis pola adopción de certas interpretacións como dogmas e, por tanto, como sentencias definitivas, válidas para todo tempo e lugar. Todas estas relixións tenden ao discurso único, ao absolutismo relixioso, moral e xurídico, e todas teñen unha enorme dificultade en adaptarse aos tempos, en asumir unha actitude máis acorde cos dereitos humanos e unha sensibilidade máis elevada sobre o ser humano baseada nunha concepción máis científica e menos supersticiosa da súa natureza. Exemplifica este extremo a condena da liberdade de pensamento, no Silabo de 1864, case un século despois de ser consagrada nos códigos de dereitos do home e do cidadán saídos da Revolución Francesa ou as condenas de galileo, Darwin, etc.
Na Declaración da CEE só limitadamente se recoñece a lexitimidade dos nacionalismos periféricos, pois para que teñan lexitimidade plena as posturas nacionalistas deben ser cuidadosas do ben común, entendeno por tal o ben de toda España e, por conseguinte, non existe ben común propio e específico de cada unha das nacións periféricas que compoñen o Estado español. O pobo español, no seu conxunto, é o único suxeito de dereitos e, por conseguinte, négase de raíz todo dereito de autodeterminación para as nacións distintas da española, única sagrada e intanxíbel.
A CEE non acepta que os feitos sociais e políticos son unha realidade temporal e cambiante e non froitos da predestinación divina que xa quería que España fose nación desde o tempo da romanización, sendo así que as nacións, como entidades políticas, non surxen até o século XVIII e a española en concreto no século XIX, segundo os mellores historiadores do feito nacionalista. As nacións son realidades históricas que se constrúen e deconstrúen, que se crean e destrúen no decurso do tempo e as novas nacións, cando adquiren tal categoría, teñen dereito á vida e a elixir o seu futuro, sen verse limitadas por outros pobos cos que convivía con anterioridade.
Non é sorprendente, pois, que alerte contra o risco da desintegración, entendendo por tal calquera cambio que rache co statu quo vixente neste momento. Aboga por preservar a unidade porque -afirma- é un ben, sen matizacións de ningunha clase, dando a entender que toda unidade, sexa forzada, contranatura, etc. é un ben sen máis por ser unidade. A unidade é un ben sempre que sexa pactada, consensuada, asumida polas persoas que deciden convivir en unidade. Tamén o matrimonio é un ben, mais sempre que se estabeleza de común acordo entre os contraentes e non sexa forzada desde o exterior. A unidade española ten un vicio de orixe, que consiste en que foi froito da conquista e da imposición, e se nalgún momento, os cidadáns dunha comunidade, como froito da súa libre expresión, consideran que esa unidade non funciona, tamén é un ben que poidan propor novas formas de convivencia. Non é só a unidade o que é un ben, senón que tamén é un ben a posibilidade de adoptar novas formas de convivencia, entre elas, a de recompoñer o consenso tácito ou explícito que regulaba a convivencia mutua. O que é un ben superior é o estabelecemento dunha forma de convivencia que conte coa aprobación de todos, unha forma de convivencia onde todos se sintan cómodos.
Consideran os bispos que se debe preservar ao mesmo tempo a unidade de España e a rica diversidade dos pobos que conforman o país, e, con esta finalidade fan un diálogo aos interlocutores sociais e políticos. Se por unidade se entende que os pobos deben convivir nun estado unitario de soberanía única do pobo español e onde todos os demais fican silenciados, é difícil compartir este posicionamento e moito menos relacionalo con exixencias éticas. A pluralidade de soberanías compartidas é unha fórmula de convivencia que está implantada nos países máis estábeis e avanzados do mundo, como, por exemplo, en Alemaña, EEUU, México, Suiza, etc. e non se pode dicir que non preserve tan ben a convivencia como os estados unitarios, como é o caso do Estado español. Non aceptar esta fórmula de Estado de soberanía única non significa que se estea por fórmulas de convivencia harmónica nun mesmo Estado, aínda que non sexa a mesma nación. A respecto do diálogo, somente recordar que a reforma do Estatuto catalán se fixo dun xeito pactado e consensuado entre a comunidade catalana e os representantees políticos da soberanía española, mais un fallo desafortunado do Tribunal Constitucional rachou ese consenso. Foi unha pena que a CEE non se pronunciase en contra desnaturalización do Estatut.
Finalmente, só dicir que aquí non pretendemos defender a independencia de Catalunya senón os dereitos dos pobos, e, por tanto, manifestar o respecto pola decisión que libre, pacífica e democraticamente tomen os habitantes dunha comunidade. Os territorios non teñen dereitos, din algúns, mais os habitantes dunha comunidade que constitúe un pobo, si que ten dereitos.
Ramón Varela Puñal
No hay comentarios:
Publicar un comentario